Innovación e Educación

Innovación e Educación

O Centro de Coñecemento compartido A Molinera: un centro de referencia de tecnoloxías creativas e un servizo de asesoramento de iniciativas empresarias innovadoras

Ourense conta cun espazo municipal que non está á disposición das súas cidadás. Un lugar que preserva a memoria do traballo da cidade dende finais do s. XIX, una edificación que naceu coma fábrica da luz e aspira a ser un referente na cidade, que afronta un futuro que pode ser innovador.

A historia ten varios comenzos. No último deles o barrio do Polvorín toma a iniciativa para recuperar o uso dun lugar abandonado. O colectivo Anacos da Cidade recuperou a memoria fotográfica do lugar, nunha acción á que se foron incorporando máis colectivos veciñais. Despois, a administración se encargou, nun proceso cheo de incertezas, de rehabilitar o edificio e de equipalo.

 

Fotografía propiedade de Dona Lourdes González Rodicio, cedida por Miguel Doval.
Fotografía propiedade de Dona Lourdes Glez Rodicio, cedida por Miguel Doval.

Fotografía de Óscar Pinal.

 

 

 

O próximo comezo para A Molinera estase por escribir, dende o momento en que abra as súas portas á cidadanía. Cando o faga, farase cargo do Laboratorio para a recuperación e posta en valor da memoria e o patrimonio oral, gardando así a memoria viva da súa historia.

Como contorna de aprendizaxe e innovación A Molinera debe contar cunha metodoloxía de traballo aberta, transparente e colaborativa. Un ecosistema de aprendizaxe que basee o seu funcionamento en laboratorios onde se aprende traballando en equipo a través de proxectos. Baixo a coordinación e tutela dos mediadores, desenvólvense os proxectos de aprendizaxe mediante un proceso experimental e de investigación no que se aprende a traballar coas tecnoloxías dende a práctica cotiá.

 

Tecnoloxías abertas á creatividade

A clave do proceso está en que o traballo se leva a cabo con tecnoloxías abertas, é dicir, que permiten aprender como é o seu funcionamento, ao mesmo tempo que se adaptan aos diferentes empregos que se lle queiran dar. Permiten e fomentan a creatividade das súas usuarias, que as empregan como ferramentas que poden fabricar e modificar. Durante todas as fases documéntanse os procesos e se publican na rede para que a comunidade comparta os descubrimentos, deseños e melloras.

A historia do dispositivo Arduino é ben significativa de como funciona todo o proceso. A creatividade xoga un papel esencial na aprendizaxe STEAM no que é pioneiro o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). A mesma metodoloxía aberta emprégase nos laboratorios de deseño e fabricación dixital, de electrónica, de programación ou de medios audiovisuais. A filosofía do software libre foi o xérmolo moderno deste xeito de traballar, aprender e espallar o coñecemento.

 

Servizo de asesoramento e diálogo interxeracional

Coma en todo proceso educativo cómpre dotar A Molinera dun equipo de mediadores que poidan facer as tarefas de mentores nos laboratorios, guiar os procesos, facer o seguimento e a coordinación dos mesmos.

Dende Ourense en Común, tamén consideramos que A Molinera ten que ser un espazo de diálogo xeracional e por iso consideramos que se debería promover un Servizo de Mentoring, para asesorar ás iniciativas empresariais e aos novos profesionais, no que persoas con experiencia poidan valorar e apoiar aquelas iniciativas innovadoras con capacidade para xerar emprego.

O cambio de modelo educativo que estamos a vivir nos últimos anos tende a resaltar os aspectos máis conectivistas da pedagoxía constructivista: a construción de significados por parte dos alumnos no seu camiño de aprendizaxe fundaméntase mellor no traballo cooperativo, tecendo redes descentralizadas, para a adquisición de competencias. A implantación desta metodoloxía nas contornas escolares xa é unha realidade.

 

Laboratorios de tecnoloxías creativas

Se atendemos á Impresión 3D, por exemplo, o Informe Horizon 2013 Primaria e Secundaria xa a considera coma unha das tecnoloxías emerxentes que se están a aplicar. O departamento Británico de Educación publicou en 2013 o informe: “Impresoras 3D nas escolas: o seu uso no currículo” que recolle a experiencia piloto de 21 centros educativos na introdución das Impresoras 3D no currículo oficial dos alumnos de primaria e secundaria.

O Centro de Coñecemento Compartido A Molinera pode contribuír, na fase actual, á formación do profesorado dos centros educativos, e á gradual implantación dos laboratorios de tecnoloxías creativas nos currículos oficias dos alumnos como centro de referencia para as escolas, para a Formación profesional e para xerar emprego.

Ao mesmo tempo pode ser o centro de referencia para o programa de Aprendizaxe en común (Learning commons) no que as bibliotecas municipais, e os puntos de lectura, se transforman en centros de recursos, adaptando os seus espazos para engadir os servizos dun centro de novas tecnoloxías, onde a principal actividade é adquirir autonomía para usar Internet como recurso para aprender e investigar.

Impresión 3D alumnos de primaria e secundaria. Fonte Educalab.
Impresión 3D alumnos de primaria e secundaria. Fonte Educalab.

Ligazóns para saber máis:

Informe Horizon 2013
http://blog.educalab.es/intef/2013/06/24/informe-horizon-2013-primaria-y-secundaria-tecnologias-1-a-5-anos

Departamento Británico de Educación sobre o uso de impresoras 3D na educación:
https://www.gov.uk/government/uploads/system/uploads/attachment_data/file/251439/3D_printers_in_schools.pdf

Arduino [Arduino: O documental 28 min.] https://archive.org/details/Arduino.TheDocumentary.Spanish

Software Libre (segundo a definición da Fundación para o Software Libre, creadora do proxecto GNU)
http://www.gnu.org/philosophy/free-sw.gl.html

photo_2015-05-20_16-30-51

Ourense en Común consegue financiar a totalidade da súa campaña electoral, 5.500 euros coas achegas de 73 mecenas

Ourense en Común consegue financiar a totalidade da súa campaña electoral, 5.500 euros coas achegas de 73 mecenas

  • A campaña de achegas é todo un éxito. OUeC ten máis sementes das que agardaba, as doazóns xa superan os 2.500 euros, grazas á colaboración de 55 persoas e a campaña segue aberta.
  • Para axudar a través de microcréditos rematou o prazo ao dispor xa dos 3.000 euros de obxectivo, acadado grazas a 18 mecenas.
  • A xestión económica de OUeC depende das persoas e non das entidades financeiras e baséase na rendición de contas e na transparencia.

Ourense 19/05/2015.– Hoxe Ourense en Común quere dicir: Graciñas!. Polo voso xeneroso apoio, OUeC non tivo que pedir ningún crédito bancario nin depender de ningunha empresa nin asociación para financiar a totalidade dos actos da súa campaña electoral.

Conseguimos o noso obxectivo e grazas á colaboración das veciñas e veciños do noso concello podemos custear as actividades culturais e de lecer que OUeC organizou para as dúas fins de semana do tempo de campaña e os actos e encontros que estamos a desenvolver todos os díaslaborais. Aquí un desglose de tódolos gastos:

http://ourenseencomun.gal/as-contas-da-campana

As doazóns continúan abertas despois de superar o noso obxectivo, 2.590 euros, mesmo antes de chegar ao 18 de maio. 55 persoas polo de agora puxeron a súa semente. Si se pechou xa a posibilidade de achegar microcréditos, ao ter acadados os 3.000 euros que tiñamos marcados como límite. Para as 18 persoas que empregaron esta fórmula para custear a creativa e austera campaña de Ourense en Común, que saiban que lle devolveremos o cento por cen do seu empréstito unha vez recibida a subvención por gastos electorais.

“Esta campaña de doazóns permítenos facer unha campaña independente e manter a nosa total autonomía das institucións financeiras. O obxectivo de Ourense en común é a autoxestión e contar coa implicación da xente, das persoas”, explicou Montse Malvar, candidata número oito na lista de OUeC.

Dende Ourense en Común falamos de transparencia e apostamos pola transparencia, unha palabra que ao mesmo que participación está en boca xa dos candidatos e candidatas de tódolos partidos debido á urxente necesidade de facelas chegar ás institucións… Pero, que partido ten as súas contas abertas?.

 

40 anos de goberno de PP-PSOE, para que?

“O Partido Socialista e o Partido Popular están negociando o Tratado de Libre comercio en Bruxelas que o que fai é quitar poder ás administracións locais, e ás administracións públicas e darllo ás multinacionais, e abren o campo para que sexan as multinacionais as que controlen todo o mercado. E isto prexudica ao comercio local, aos produtos locais, á nosa agricultura e á nosa gandeiría”, asegurou o noso candidato Carlos García Martel, número once da candidatura veciñal de OUeC.

“Falan de escoitar ás veciñas, pero isto fano antes das eleccións. Falan do interese xeral pero reforman a Constitución para favorecer aos bancos. Falan de progreso e emprego e tras 40 anos de goberno de uns e outros o que temos hoxe é precariedade desafiuzamentos e emigración”, engadiu García Martell, o noso candidato de OUeC.

O Partido Popular fala de defender Ourense, pero imos deixarnos enganar unha vez máis ou por fin as ourensás e ourensáns imos facer algo para mudar as cousas?” interpelou Carlos Carcía Martell.

Sementando xuntas, recolleremos xuntas!

Por un Concello para as persoas!

 [metaslider id=2840]

Ourense en Común aposta pola remunicipalización de servizos como a auga ou a recollida de lixo como garante dunha xestión responsable e sustentable

Ourense en Común aposta pola remunicipalización de servizos como a auga ou a recollida de lixo como garante dunha xestión responsable e sustentable

  • “A xestion pública da auga é máis barata e eficiente. A súa privatización só lle fixo ben aos corruptos”, asegurou Ángeles Faraldo, candidata de OUeC.
  • “O sistema Sogama non funciona e está a hipotecar o noso futuro”, afirmou María Durán, candidata de OUeC. “Temos que pór en valor o 50% do noso lixo orgánico para compostaxe”.
  • Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade.

OURENSE. 13/05/15.– Ourense en Común continúa esta semana cos actos da campaña electoral cos Encontro de Barrio. Hoxe luns o acto desenvolveuse na praza da Lexión, no Barrio da Carballeira. Alí as candidatas de de Ourense en Común para estas Municipais 2015, Xosé Dorrío, María Durán, Ánxeles Faraldo e Montse Valencia, número catro da candidatura, mantiveron un diálogo cas veciñas do barrio e escoitaron as súas inquedanzas. Dinamizando o acto estivo o candidato Carlos García e como invitado o encontro contou con Victor Barro, activista no ecoloxismo ourensán dende hai 15 anos.

As candidatas de OUeC trasladáronlles ás veciñas da Carballeira as propostas recollidas no Programa Participativo en materia de Sustentabilidade: xestión da auga, residuos e enerxía.

 

Sen auga non hai vida

Desde a Nova Cultura da Auga, entendemos este recurso como ben finito indispensable para a vida que precisa ser xestionado con eficiencia e solidariedade. Garantir o acceso universal á auga como dereito básico humano obríganos a posicionarnos fronte á mercantilización da que vén sendo obxecto nos últimos anos, con incremento nas tarifas, falta de responsabilidade no impacto ambiental, escandalosas marxes de beneficios e mesmo cortes na subministración.

Ao igual que outros servizos municipais básicos, OueC apela á remunicipalización da auga como garante de xestión responsable. Mentres non sexa posible, o Concello deberá protexer a titularidade pública do recurso, exercer unha vixilancia estrita e transparente da concesionaria e poñer o foco na demanda, garantindo unha dotación mínima e de calidade por persoa. A xestion pública da auga é máis barata e eficiente. A súa privatización só lle fixo ben aos corruptos, asegurou Ángeles Faraldo.

Coa construción da nova depuradora xa en marcha, velaremos por unha correcta execución con impacto ambiental mínimo. O noso compromiso coa auga o é tamén cos seus ecosistemas; en Ourense o dos ríos, auténticas arterias do territorio.

 

Reducir, descentralizar, compostar

A xestión do lixo é unha das competencias ambientais de maior impacto nun Concello e máis susceptible de xestión directa. Así a todo, a área continúa a estar en mans privadas, pagar e esquecer o problema. Ata que se converte en algo insostible. “O sistema Sogama non funciona e está a hipotecar o noso futuro”, afirmou María Durán. “Temos que pór en valor o 50% do noso lixo orgánico para compostaxe”, engadiu.

É posible recobrar progresivamente as competencias na xestión do lixo comezando polas estratexias de recollida: sistema de retorno de envases e recollida selectiva en orixe. A recuperación da planta de compostaxe municipal pode dar solución ao lixo orgánico, o que máis pesa na nosa bolsa. E hai que actuar na orixe do problema, concienciando na redución de residuos e a reutilización. “Comprometernos co obxectivo residuos cero.

 

Somos o que comemos

As políticas alimentarias apenas tiveron oco nos programas electorais. Sorprende que nunca se levase ao debate público o que comemos cada día. O control sobre a produción e consumo de alimentos non só é garantía de saúde: ten consecuencias no medio e na economía.

Cunha gran superficie de chan municipal aínda verde e rural, Ourense é un concello privilexiado para construír a súa soberanía alimentaria. Aínda existe cultura do alimento de proximidade, e prácticas comerciais, coma o rianxo, que son parte indiscutible do noso patrimonio inmaterial.

Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade. Mudar hábitos para mudar a realidade. OueC quere para Ourense un sistema propio de produción e consumo agroecolóxico e de proximidade, libre de transxénicos e rico en oportunidades para o noso perímetro rural.

Neste sentido, María Durán manifestou que “o Concello ten que ser mediador entre as propietarias das terras e as persoas dispostas a cultivalas”.

 

Espazos verdes, garantía dun futuro mellor

Urxe protexer, regulamento en man, os espazos naturais que aínda conservamos, bosques, ribeiras fluviais, do urbanismo descontrolado. Ou mudar o concepto de zonas verdes urbanas, revalorizándoas como espazos de encontro social e co medio, que fomenten modelos de ocio saudable. Ou mesmo recuperar para a cidadanía lugares que non se souberon incorporaren ao tecido urbano, coma son os camiños abandonados ou grandes áreas do anel rururbán. Neste sentido Victor Barro sinalou “os espazos verdes garanten aire puro e o lugar onde atoparnos e relacionarnos como sociedade”.

Pero a estratexia non pode pasar só por actuar no territorio, cómpre avanzar tamén na transformación social. OueC cre na Educación Ambiental Permanente como poderosa ferramenta de cambio. Hai que educar no uso responsable dos recursos pero tamén no coñecemento da paisaxe e, sobre todo, no respecto aos seres vivos, condenando calquera clase de maltrato animal e preservando a biodiversidade.

Carlos García, candidata número 11 de OUeC subliñou que Ourense ten un gran potencial para xerar riqueza e asegurar un futuro próspero para as vindeiras xeracións.

“Hai quen di que o concello non pode crear emprego. Nós apostamos por apoio á economía social, ás cooperativas, o emprego público”, dixo Xosé Dorrío, candidata de OUeC.

[metaslider id=2780]
GASTAR MENOS, VIVIR MELLOR

GASTAR MENOS, VIVIR MELLOR

Unha aposta pola Sustentabilidade e o Medio Ambiente no noso Programa Participativo

Plantexámonos como meta camiñar nos vindeiros catro anos cara o desenvolvemento sustentable. Ou sexa, facer de Ourense unha cidade na que os seus habitantes “vivan mellor” sen comprometer a calidade de vida das xeracións futuras. Non podemos facer propostas para unha lexislatura porque na política, como na vida, as cousas importantes de verdade tardan moito máis en xermolar. Pero si podemos sinalar polo que traballaremos nos vindeiros catro anos e dende o minuto un en materia de Sustentabilidade e Medio Ambiente, baixo catro principios:

ÉTICA:
Administración que dá exemplo.
SOBERANÍA:
As grandes decisións sobre a auga, a enerxía e o territorio teñen que estaren mans da xente.
AFORRO:
Vivir mellor consumindo menos e desperdiciando menos.
BO VIVIR:
Unha cidade máis segura, menos ruidosa e contaminada. Ríos limpos e alimentos sans.

Pode ser difícil de imaxinar un Ourense no que todo o que propoñemos suceda, pero resúltanos moito máis difícil pensar en que nada de todo isto se leve a cabo. Porque:

  • É viable técnica e economicamente, se non todo a curto prazo, si a medio prazo.
  • É preciso para garantir os recursos naturais e polo tanto o “bo vivir” da xente de Ourense: O aire respirable, os alimentos sans e a auga limpa.
  • É xusto, xa que queremos ser donos e tomar as decisións da enerxía que producimos ou dos alimentos que comemos.
  • É sustentable porque garantizan a calidade de vida das xeracións futuras mellorando a nosa propia.

ÉTICA

Unha administración que sexas quen de construír unha cidade sustentable deben facelo dando exemplo:

  • Implantando a compra pública verde nos gastos da administracións. Convertindo o respeto aos recursos que nos permiten vivir ben (menor contaminación e impacto ambiental) como un criterio de compra.
  • Faremos que o 100% do consumo do concello sexa renovable gracias as novas cooperativas comercializadoras do mercado libre que xa operan en Galicia. Implantando enerxías renovables e impulsando a eficiencia nos edificios municipais como xa se fai en moitos paises do noso entorno.
  • A través dunha fiscalidade que premie as actividades económicas respetuosas co medio e grave a aquelas que non o son. Xerando un efecto contaxio en todo o tecito produtivo da cidade e en particular no pequeno comercio, local e respetuoso co medio.

SOBERANÍA E AFORRO

Consumimos recursos naturais que non son infinitos como a auga ou a enerxía. Ao mesmo tempo que producimos residuos como se a a capacidade de xestión fora infinita. Permitimos así que os cidadáns de Ourense sigan a pagar taxas abusivas por unha mala xestión privatizada. Por iso propoñémonos:

  • Velar pola correcta execución da nova depuradora xa en marcha que permita resolver esta débeda histórica da cidade. Ademais, propoñémonos implantar un plan de aforro de auga comezando polos xardíns municipais, o aproveitamento de augas de depuración e pluviais.
  • Avanzar cara outro modelo de recollida do lixo. Xusto e sustentable. No que a parte orgánica poida ser separada para compostar. Aproveitanto a planta municipal de compostaxe que xa existe e implantando a compostaxe doméstica na area rural.
  • É preciso abaratar a factura do lixo, da auga e da luz para aquelas familias que usan estos servicios de forma responsable e eficiente e grabar a aqueles que a malgastan

BO VIVIR

Cando falamos de arterias dunha cidade con frecuencia se pensa no tráfico. Aquelas rúas de maior densidade de coches. En cambio, en Ourense en Común creemos que a xente o que dá vida ás nosas rúas e as prazas e zonas verdes son os pulmóns e os grandes órganos que fan destaunha boa cidade para vivir.

Para iso propoñemos:

  • Desprazarnos con seguridade, sen ruidos e sen contaminación. Sinónimo de poder facelo a pé, en bicicleta ou en transporte público. Eso faremos dende o concello a partir do día 24 a través dun urbanismo pensado para a xente.
  • Converter os espacios públicos en lugares de encontro, intercambio, xogo, ocio e no que poder desenvolver actividades deportivas e culturais.
  • Mellorando as zonas verdes xa existentes a baixo custe, coa participación das persoas e con moita imaxinación.

Este é o teu proxecto para “camiñar cara unha cidade sustentable” a longo prazo, moito máis alá desta lexislatura. Pero nesta lexislatura cómpre comezar. Trátase simplemente de recuperar o poder sobre o noso “ben común”.

Ourense en Común decide no seu Código de Boa Gobernanza que non realizará pactos para formar goberno con ningunha formación política

Ourense en Común decide no seu Código de Boa Gobernanza que non realizará pactos para formar goberno con ningunha formación política

 

  • “O código de Boa Gobernanza establece os principios dos que Ourense en Común se fornece para a posta en práctica do noso modelo de goberno. A boa gobernanza, é a gobernanza para o Ben Común”, destacou Mavi Calviño, candidata de OUeC.
  • Constituirase un Grupo de Traballo Institucional (GTI) que estará composto por todas as persoas de Ourense en Común que sexan elexidas e estean dentro do Concello. Terá que render contas unha vez ao mes á Asemblea en Común.
  • Crearanse a Concellería de Participación e o Consello da Cidadanía, que serán os órganos máximos de participación de todas as veciñas.
  • Ourense en Común pode gobernar en minoría e dar apoios puntuais a iniciativas doutras organizacións no Concello de Ourense. Esta decisión terá que ser referendada pola Asemblea en Común.

OURENSE. 13/05/15.– Ourense en Común aprobou o pasado venres en asemblea o seu Código de Boa gobernanza que acaba coas ambigüidades sobre o noso compromiso coa cidadanía en canto á gobernanza no Concello de Ourense.

As candidatas de OUeC, Mavi Calviño, número seis da candidatura, e Emilio Rodríguez Tilve, número nove, deron esta mañá unha rolda de prensa para explicar ante os medios de comunicación este importante documento que establece as bases do xeito en que OueC quere gobernar. “O código de Boa Gobernanza establece os principios dos que Ourense en Común se fornece para a posta en práctica do noso modelo de goberno, sinalou Mavi Calviño, “xunto co Manifesto de OUeC, a carta de compromiso, Código de Ética Política, e como non, co noso Programa Participativo sentan as bases do que é o noso modelo de política e o noso xeito de facer política. A boa gobernanza, é a gobernanza para o Ben Común”, destacou. “Son persoas traballando xuntas debatendo, discutindo para chegar a decisións e acordos, dende a autonomía e o respecto para procurar o ben colectivo”.

Este Código de Boa Gobernanza rexe tanto para o proceso cidadán de OUeC como para as nosas representantes dentro da institución. E regula os comportamentos das persoas que están na corporación municipal. “É a nosa maior arma contra a corrupción e contra a competencia egoísta”, afirmou Mavi Calviño.

 

GTI e Concellería de Participación

Constituirase un Grupo de Traballo Institucional (GTI) que estará composto por todas as persoas de Ourense en Común que sexan elexidas e estean dentro do Concello. Rexerase polas mesmas normas que calquera outro Grupo de Traballo, entra elas nomearán a unha persoa que será a voceira de Ourensen Común, pero que non será a única cabeza visible. “Queremos que quede claro que este GTI non vai ser a dirección política de OUeC, senón que, como todos os grupos, vai estar sometido ás decisión da nosa Asemblea en Común. E terá a obriga cada mes de render contas nunha asemblea específica na que se dará un informe da súa actividade e se tomarán decisións estratéxicas”, explicou Mavi Calviño.

En Ourense en Común facemos unha aposta decidida pola participación das veciñas nas decisións que o Concello toma e que as afecta directamente. “Pero isto non é unha promesa electoral, é unha maneira de facer as cousas diferente, que nos define dende o inicio do proceso. Neste Código de Boa Gobernanza reiteramos a nosa intención de crear unha Concellería de Participación que vele e fomente esta implicación”, explicou Emilio rodríguez Tilve.

Crearemos un Consello da Cidadanía que será o órgano máximo de participación de todas as veciñas. Ademais, haberá consellos cidadáns específicos de cada área, como o Consello da Mocidade ou o Consello da Mobilidade e tamén, Consellos de cada Barrio. “Queremos incorporar ao día a día do Concello as opinións de todas, de xeito progresivo, até que estes órganos teñan unha capacidade de decisión total. Para nós a democracia non é votar cada catro anos, dixo Rodríguez Tilve.

 

Non aos pactos para formar goberno

Ourense en Común non realizará pactos para formar goberno con ningunha formación política, afirmou Emilio Rodríguez Tilve, número nove da nosa candidatura veciñal. “Facemos unha proposta de goberno e de programa totalmente diferente ás outras organizacións políticas e no que a participación é a nosa esencia, pois levamos un ano practicándoa, non quince días. Non se dan neste momento as coincidencias necesarias tanto nos métodos de toma de decisións coma nas propostas programáticas para a cidade.”

Neste sentido, o número nove da candidatura cidadá Ourense en Común xustificou a importancia da decisión de non facer pactos de goberno. “Temos mecanismos internos e públicos de control sobre as noas representantes, de gobernar conxuntamente con outras formacións Ourense en Común perdería ese control sobre as concelleiras dese goberno e a participación veciñal non quedaría garantida”, indicou Emilio Rodríguez Tilve. Isto non significa que Ourense en Común non poida formar goberno en minoría ou dar apoios puntuais a iniciativas doutras organizacións no Concello de Ourense. Esta decisión tomarase en base aos nosos principios, documentos e ao Programa Participativo e, en todo caso, terá que ser referendada pola Asemblea en Común, engadiu.

 

Sinatura dos Códicos Ético e de Boa Gobernanza

Ao remate da rolda de prensa as cadidatas de Ourense en Común asinaron diante da Casa do Concello este Código de Boa Gobernanza e o Código Ético co que se comprometen a exercer o seu labor dentro da institución e que son garantes para que a cidadanía poidamos ter o control, toas as veciñas e veciños de Ourense, e fomenten esa implicación e participación que son a esencia deste proceso cidadán de confluencia e traballo en común. Entre os asinantes que puideron achegarse hoxe á mañá e participar nesta sintatura simbólica estaba o noso cabeza de lista, Miguel Doval, a número catro Montse Valencia, a número oito Monte Malvar, ou o número sete Javier Octavio de Toledo. Pero todas as candidatas de Ourense en Común, dende a última ata a primeria asinaron e comparten estes principios elaborados en común e de xeito participativo. Isto é o que diferencia a Ourense en Común das formacións políticas tradicionais, a Participación, a Transparencia e a Horizontalidade na toma de decisións. Para gobernar obedecendo.

Por un Concello para as persoas!

[metaslider id=2730]
A arte urbana e un safari fotográfico protagonistas do sábado en OUeC

A arte urbana e un safari fotográfico protagonistas do sábado en OUeC

Ourense en Común continúa coa súa campaña electoral apostando polo contacto coa veciñanza e a creatividade

Dúas actividades lúdico-culturais encheron a xornada do sábado; pola mañá, co foco posto na defensa do comercio local, o safari fotográfico “O Sentido Común”, percorreu barrios e contorna retratando o estado do pequeno comercio e a agricultura de proximidade, como base da economía municipal e a humanización dos barrios e o perímetro rururbán de Ourense; e durante todo o día, nas pistas deportivas do Parque Barbaña, unha xuntanza de graffiti e micro aberto, “Os Barrios en Común”, convocou á cultura alternativa da cidade, poñendo de manifestó o talento que se cociña a lume lento nos barrios e leva o nome de Ourense polo mundo.

Na xornada do domingo, Ourense en Común continua con outras dúas propostas orientadas á dinamización cultural e de lecer. Un roteiro percorrerá o camiño real de Santomé ata Seixalbo, descubrindo o noso patrimonio etnográfico, arqueolóxico e natural. A ruta ten unha duración aprox. de catro horas e media, rematando cun xantar, unha actividade de iniciación á escalada e un recital poético para celebrar o Día das Letras Galegas.

Ademais durante a mañá, haberá un acto de debuxo e pintura en directo nos Xardíns Padre Feijoo, onde Ourense en Común ten instalado o seu punto informativo de campaña.

[metaslider id=2695]

Ourense en Común aposta por unha área da Lingua que dea prestixio social ao galego

  • OUeC propón colaborar coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade
  • Crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. “Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego”
  • Os estudos sociolingüísticos son rotundos: existe unha radical ruptura xeracional na transmisión da lingua e uns baixos niveis de uso entre a mocidade. Nestes espazos, o Concello ten moito que dicir e que facer
  • Ademais, comezaremos a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020

OURENSE. 13/05/15.– O Programa Participativo de OueC presenta unha área específica ao redor da lingua galega, e faino no apartado de Ben Común, porque iso é o noso idioma, un ben de toda a veciñanza de Ourense como o son as augas quentes, o rianxo, o Santo Cristo, os magostos ou as beiras do Miño e o Barbaña.

A xestión da política lingüística municipal amósase especialmente relevante, por ser os concellos as administracións cun maior contacto directo coa cidadanía; polo tanto, debe ofrecer algo máis ca traballo de asesoramento lingüístico ou administrativo, para abordar en todas as súas dimensións o conflito lingüístico.

Por iso a xestión da lingua para OUeC debe ser transversal, e participar en todos os departamentos municipais e tamén no sector socioeconómico.

OUeC propón unha área dinamizadora que colabore na dotación de ferramentas e recursos ás verdadeiras institucións, colectivos e axentes que traballan a prol da normalización lingüística, e no prestixio social da lingua.

 

A lingua en perigo

Nas mesas participativas da Área de Lingua, resultou inevitable centrar as diferentes propostas e discursos ao redor da infancia, a xente nova e o sector educativo. Os estudos sociolingüísticos son rotundos, existe unha radical ruptura xeracional na transmisión do idioma e uns baixos niveis de uso entre a mocidade. E nestes espazos, o Concello ten moito que dicir e que facer.

A Lei Paz Andrade é unha das ferramentas fundamentais para acadar os nosos obxectivos; o achegamento á lingua e cultura portuguesas son o camiño para mudar o paradigma sociopolítico galego, en relación co status da lingua, incidindo no seu carácter internacional e a súa pertenza ao ámbito da lusofonía.

As políticas lingüísticas impleméntanse no país desde hai 30 anos, e non presentan bos resultados. Por iso é necesario darlle unha volta a esas políticas, moitas veces escuras e agochadas. Un bo exemplo é que co gallo da celebración do día das Letras Galegas, se aproveita para homenaxear a un fascista: as persoas que toman estas decisións fan política. En OUeC xa reiteramos que a política non se pode separar de nada, e moito menos da cultura e a lingua.

Por iso, crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. “Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego e tenderá ao autofinanzamento a través de axudas europeas a proxectos interrrexionais aproveitando a unión da lingua e a cultura galego-portuguesa”.

“Entendemos a lingua como un valor de proxección de Ourense de cara a fóra e de cara ao futuro. Por isto presentaremos a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO, colaboraremos coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade e, ademais, comezaremos a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020”.

É necesario que a área municipal de lingua supere o seu papel instrumental e simbólico para participar activamente en todos os departamentos do Concello, dotándose de recursos para ser unha auténtica ferramenta de dinamización social e económica.

Desde OUeC queremos convidarvos a ler o Programa Participativo, e a Área de Lingua, para comezar xa, a traballar por un Ourense e unha lingua en común.

Por un Concello das persoas!

Ourense en Común presentará a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO e creará un observatorio da Lingua

Ourense en Común presentará a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO e creará un observatorio da Lingua

    • Crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego.
    • OUeC presentará a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO e comezarase a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020.
    • Os diferentes espazos museísticos da zoza histórica integraranse nun gran Museo Aberto, que permita coordinar e mellorar a súa programación e funcionamento. Non pode haber ningún museo nin monumento pechado ao público.
  • Porase en funcionamento do Banco Municipal de Libros de Texto en colaboración coas ANPAS dos centro educativos.

OURENSE. 13/05/15.– As candidatas de OUeC Maravillas Calviño, número seis da candidatura e Emilio Rodríguez Tilve, a número 9, falaron esta mañá diante do Colexio Curros Enríquez dalgunhas das medidas recolllidas no Programa Participativo relacionadas cas áreas de Educación, Cultura e Lingua.

A cultura sen xente non é cultura e por iso defendemos o acceso a ela como dereito fundamental e irrenunciable das persoas e queremos devolver a Ourense o título de cidade cultural, dixo Emilio Rodríguez Tilve. “Dende OueC queremos cambiar o xeito de facer as cousas dende a Concellería de Cultura, facendo a cultura máis accesible a tódalas veciñas. Para isto queremos facer unha axenda unificada de actividades culturais no concello, garantir a presenza cultural nos barrios e o rural e fomentar a participación de todas no ciclo de festexos municipais para asegurar a súa vitalidade e supervivencia”, sinalou.

Para poñer en valor a tradición de cultura de Ourense, OueC quere integrar os diferentes espazos museísticos da cidade vella nun gran Museo Aberto. Que permita coordinar e mellorar a súa programación e funcionamento. “Non pode haber ningún museo nin monumento pechado ao público. Queremos abrir e recuperar os espazos monumentais pechados e crear un grande escenario da cultura a pé de rúa”, destacou.

 

Ourense Patrimonio Literario da Humanidade

A defensa da nosa lingua e cultura literaria de Ourense é tamén unha prioridade para OueC. Para isto, crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. “Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego e tenderá ao autofinanzamento a través de axudas europeas a proxectos interrrexionais aproveitando a unión da lingua e a cultura galego-portuguesa”, explicou Rodríguez Tilve.

“Entendemos a lingua como un valor de proxección de Ourense de cara a fóra e de cara ao futuro. Por isto presentaremos a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO, colaboraremos coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa reconocido como Patrimonio da Humanidade e, ademais, comezaremos a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020.

 

Educación para todas ao longo de toda a vida

No eido da Educación Maravillas Calviño, número seis da candidatura de OUeC manifestou o compromiso de OUeC coa Educación, “comprometémonos coa aprendizaxe permanente, para todas as persoas e ó longo de toda a súa vida, construíndo xuntas a cidade educadora que é capaz de ensinar e tamén de aprender.

“Temos que converter Ourense e a súa contorna nun espazo educador, dando a coñecer a súa historia, tradicións, patrimonio e recursos. A cidade educadora sae dos espazos pechados para trasladarse as rúas, prazas, parques, mercados…. a todos os espazos públicos, dando a coñecer a historia, tradicións, patrimonio e recursos do noso Concello, articulándose en base a elaboración de unidades didácticas, itinerarios ambientais e históricos, concursos artísticos, visitas guiadas…, implicando aos colectivos, entidades e asociación da cidade e garantindo a transversalidade para que se impliquen todas as áreas municipais”, engadiu.

Como parte da Educación é importante redefinir as bibliotecas municipais como centro de recursos para a aprendizaxe e a investigación co obxectivo de que a información se transforme en coñecemento.

“Tamén propoñemos a posta en funcionamento do Banco Municipal de Libros de Texto en colaboración coas ANPAS dos centro educativos, destacou Calviño.

Para OUeC o prioritario son as persoas e para mellorar a calidade de vida é preciso mellorar a conciliación familiar e laboral especialmente fóra do horario lectivo e en período vacacional. “Para iso apostamos pola ampliación dos horarios de apertura das instalacións deportivas dos centros escolares para uso da veciñanza, en colaboración coa Consellería de Educación e en coordinación coas ANPAS”, dixo Maravillas Calvió . Isto incluiría a programación anual de actividades culturais, sociais e lúdicas, facendo unha oferta unificada entre todas as concellarías coa suficiente antelación para facilitar o seu coñecemento.

“E, por suposto, defendemos e esiximos unha educación pública e universal, gratuita e de calidade, laica, inclusiva e en galego rematou Maravillas Calviño, numero seis da candidatura cidadá de OUeC.

Temos fame de cultura

Temos fame de cultura

No que levamos de campaña non houbo un día que non sairamos á rúa. E ben que o pasamos. Paseo crítico para descubrir os segredos e tesouros do Ourense que nos negamos a esquecer, marchas en bicicleta, tempo para compartir cos cativos contos e debuxos…e o que aínda está por vir! Creatividade a mantenta. Curiosidade. Memoria. E rúa, moita rúa. O que estamos a facer estes días é o que mellor ilustra a cultura que queremos. E xente, moita xente: creando, pensando, rindo, aprendendo. Porque de nada nos serven os escenarios baleiros, os libros nos caixóns ou os monumentos pechados ás visitas. A cultura sen xente non é cultura e por iso defendemos o acceso a ela como dereito fundamental e irrenunciable das persoas.

Por onde pasa ese dereito? Primeiro, por xerar unha cultura que sintamos como nosa e que nos ilusione. E iso non nolo poden impor. Un concello das persoas non pode «dirixir» unha programación sen ter en conta ao público, preocupándose pola cantidade e non pola calidade, caendo no personalismo, na arbitrariedade ou mesmo na propaganda política… e sendo moitas veces pouco máis que un simple contratista. Ese non é o camiño. Ourense leva tempo xa nun estrano proceso de divorcio entre a cultura que fai a súa veciñanza e os eventos que programa a administración. Unha axenda paralela que debilita as partes e unha competencia absurda que temos que desmontar. O camiño da cultura é tamén o do diálogo e a reconciliación. O da cidade coa súa cidadanía.

 

Apoio decidido á cultura real

Facer cultura é ante todo escoitar e axudar, apoiar, participar. Por iso priorizamos unha política que de apoio real aos proxectos culturais e creativos da cidade. Queremos unha concellaría de cultura implicada e coa capacidade abondo como para botar unha man no desenvolvemento das iniciativas que xa hai en marcha, fornecéndoas con medios técnicos e profesionais e abrindo os equipamentos para que os ocupen coas súas ideas. Propoñemos formación especializada e de calidade para un sector que consideramos estratéxico; así como acompañamento e asesoramento na busca de financiamento e nos procesos administrativos.

Entendemos que o apoio a cultura como sector ten que ser tamén económico, e aquí, como en todos as aspecto da vida municipal, defendemos un principio de racionalidade. Redeseñaremos o actual programa de axudas municipais para establecer tres liñas que diferencien entre proxectos culturais, eventos e produción artística; cada unha con criterios de valoración claros e de dominio público, e que garantan a total transparencia orzamentaria. Non queremos comprar cultura senón investir en cultura,con estratexias definidas e a longo prazo nas que se teña en conta a calidade e o retorno social.

 

Cultura cociñada a lume lento, tamén nos barrios

Se queremos unha política cultural forte e eficaz para Ourense temos que entender a cidade na que vivimos e a totalidade das súas producións culturais: a das asociacións veciñais, a dos colectivos inmigrantes, a da súa mocidade, a dos seus maiores, que son ademais a salvagarda da memoria e o patrimonio. Queremos desenvolver accións que estimulen esta creatividade e permitan unha programación cultural propia nos barrios e no rural. A cultura é o xeito no que expresamos a nosa identidade, e queremos dicir con orgullo que somos Polvorín, Rabo de Galo, a Cuña, Mariñamansa, o Couto e todo ese longo etcétera que é Ourense.

Queremos involucrar a xente na construción daquilo que a fai feliz. As festas e o lecer tamén son cultura, e precisan da participación de todas as persoas para ser grandes e vitais. Celebracións coma os magostos, o Entroido, ou os Maios son ademais a herdanza que recibimos e que temos responsabilidade de coidar e dinamizar, para poder seguir a desfrutar dela. Nós, e tamén o turismo que pode atraer.

 

Un gran museo aberto na cidade vella

A presenza dos barrios, da cidade que é suma de todas e cada unha das súas veciñas é veciños é fundamental para comezara construír o legado cultural de Ourense para o futuro. O concello terá que elaborar un mapa real das iniciativas culturais que hai na cidade, e tamén daquelas que xa desapareceron: percorrer o pasado e fundamental para alumear os camiños do futuro.

A cidade vella, testemuña da «arte e o desastre» da historia de Ourense dos últimos dous séculos é un gran conxunto patrimonial no que aínda hai moito por explorar e reivindicar. Desde o pasado romano das Burgas ata os murais dos Artistiñas, queremos desenvolver no centro histórico un grande museo aberto da cidade que permita coordinar e mellorar a programación e funcionamento dos espazos museísticos que xa existen, e demandar a apertura e recuperación dos espazos monumentais pechados e crear un grande escenario da cultura a pé de rúa.

En Ourense en Común practicamos a democracia cultural, aquela que fai posible que a cidadanía pase de simple espectadora á creadora, e na que as persoas recuperemos o control sobre o noso patrimonio, a nosa imaxinación e o noso lecer. Senón podemos bailar, esta revolución non nos interesa.

Encontro cos comerciantes da Praza de Abastos

Encontro cos comerciantes da Praza de Abastos

Productiva xuntanza dos candidatos de Ourense en Común Miguel Doval, Carlos Miguélez e Carlos García con representantes dos comerciantes da Praza de Abastos da cidade. As primeiras críticas que fixeron estes pequenos empresarios foron dirixidas ás xa coñecidas deficiencias da infraestrutura. “A accesibilidade ao mercado é pésima e urxe un xeito de esquivar as escaleiras” trasladaron, tamén a iluminación e o sistema de calefacción é deficiente. Ademais cómpre, din, unha reforma urxente do tellado e da zona do Rianxo, algúns postos nin contan con acometidas de auga e luz. Estes lastres da Praza de Abastos, un referente comercial antaño, están provocando a perda de clientela. Deste xeito, os comerciantes piden que dunha vez se fagan as reformas precisas, algo que dende o goberno municipal non fixeron nos últimos anos malia as promesas. Din que as palabras dos políticos son sempre de apoio, sobre todo en tempo de campaña, pero láianse de que despois non fan nada.

A estes problemas hai que sumarlle a falta de aparcadoiros, din os afectados, non só para clientes, tamén para proveedores. Unha solución viable que aportan é baixar os prezos do parking privado da Alameda e crear unha conexión directa ata o mercado.

Trasladan ademais os comerciantes da Praza de Abastos a Ourense en Común a necesidade de adecentar a contorna do mercado pero preocúpalles o feito de que os futuros proxectos para a zona como centro neurálxico do termalismo traian grandes construccións que non respeten un equilibrio arquitectónico e acaben prexudicándoos. Apuntan precisamente a un proxecto máis semellante ao recollido no Programa Participativo de OueC, unhas infraestruturas de baixa altura relacionadas coa cultura e o termalismo.

Con todo, os comerciantes da Praza de Abastos aseguran que os seus negocios teñen un bo nivel de actividade, pero que estas melloras necesarias suporían un importante pulo e mesmo axudarían a ocupar a totalidade dos postos, moitos deles baleiros agora. Pensan, e niso Ourense en Común concorda plenamente, que o comercio local é un piar fundamental na economía da cidade e cren que a aposta por eles debe ser real. Contra as grandes superficies eles ofrecen calidade e un bo servizo. Innovación e diversificación de oferta axudaría ao pulo que precisan.

photo_2015-05-15_10-24-53 photo_2015-05-15_10-24-43