Agardamos que o PSOE local se manteña firme e non acepte a estación que antes criticaban
3 Outubro, 2018
0
•     Martiño X. Vázquez pide ao Grupo Municipal Socialista “coherencia e compromiso” para seguir esixindo unha “estación de primeira”.
•     OUeC defende a chegada do AVE como unha “oportunidade histórica para reducir o impacto da fenda ferroviaria no urbanismo de Ourense”.
•     O grupo traballa man a man coas deputadas de En Marea no Congreso, para introducir na axenda do goberno de Pedro Sánchez “un tren digno para Ourense”.

    Co gallo da visita do ministro de Fomento á cidade, Ourense en Común recuperaba hoxe a defensa da variante exterior, e trasladaba unha mensaxe ao PSOE na corporación municipal sobre a chegada da Alta Velocidade, “esta cidade precisa transparencia, as veciñas e veciños merecemos saber o impacto da infraestrutura no territorio, e no noso día a día”.

    O grupo chama ao Grupo Municipal Socialista a “manterse firme” na súa aposta por unha estación “de primeira, tal e como levan argumentando nos últimos tres anos. Non pode ser que agora que gobernan en Madrid se sometan á disciplina de partido e acepten o que dende alí se diga sen chistar“.

    Neste sentido, Martiño X. Vázquez defende que a nova estación se faga “con coordinación entre administracións”, xa que, explica, “actualmente traballan independentemente, nunha falsa intermodalidade, sen integración coa contorna, sen conexión entre os barrios, e que pode converter ao Centro de Saúde da Ponte nunha rotonda”.

    Sobre a chegada da Alta Velocidade a Ourense, OUeC leva meses traballando man a man coas deputadas de En Marea no Congreso dos Deputados, que esta mesma semana trasladaban aos ministros do goberno de Pedro Sánchez as peticións achegadas polo grupo municipal ás parlamentarias en Madrid, esixindo iniciar a obra da variante exterior antes do acondicionamento do corredor liberado, coa intención de introducir na axenda galega de Pedro Sánchez un tren digno para Ourense.

    O voceiro de Ourense en Común, advirte de que ningún dos recentes avances sobre o AVE teñen por obxecto reparar a fenda histórica que divide Ourense, e apela ao PSOE no Concello e no goberno do Estado a “comprometerse coa variante exterior, empezando por abordar o uso do corredor liberado, unha oportunidade para a rexeneración urbana de Ourense. Se aceptamos solucións provisionais, perpetuaremos a fenda que divide Ourense e teremos que seguir loitando pola execución real da variante. O  momento é agora”.