Advertimos ao PP: a RPT non pode aprobarse antes de que o TSXG se pronuncie

Advertimos ao PP: a RPT non pode aprobarse antes de que o TSXG se pronuncie

• A Relación de Postos de Traballo segue pendente dunha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que podería concluír a nulidade do documento.
• Un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional contratado por OUeC conclúe que a RPT do Partido Popular é un inventario de postos deseñado para regularizar a rede de enchufes practicados durante anos no Concello.
• Se o goberno aproba a RPT antes de concluír o proceso xudicial podería incorrer nunha posible infracción do principio de congruencia e boa fe procesual.

    Ourense en Común aclaraba esta mañá que “Flora Moure minte e o goberno de Jesús Vázquez erra nas previsións” de aprobar a RPT antes de maio. “Son prazos que non están tendo en conta o proceso aberto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, que admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo iniciado por Ourense en Común para denunciar os erros, irregularidades, incoherencias, arbitrariedades e incluso ilegalidades que contén a RPT proposta polo Partido Popular.

    Desde o grupo aclaran que o recurso interposto no alto tribunal galego fíxose en base a unha auditoría contratada por OUeC a un equipo de técnicos expertos en Economía Aplicada, que concluíron “evidencias de interese premeditado” do Partido Popular para “perpetuar centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense sen buscar organizar nin facer máis eficientes os recursos humanos do consistorio”, e apuntan a que “a RPT do PP é un inventario de postos, deseñado para regularizar unha situación irregular, para manter a rede clientelar e a estrutura de poder que afunde Ourense.

    Montserrat Valencia, edil do grupo, engade que “Flora Moure sabe do recurso no TSXG, e sabe que ate que non se resolva e o tribunal emita sentenza, aprobar a RPT podería infrinxir o principio de congruencia e boa fe procesual. É unha nova irresponsabilidade e falsidade deste goberno co único fin de sumar titulares: a sentenza podería concluír a nulidade da súa RPT, que nunca entrará en vigor”.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>