A morosidade do goberno de Ourense afoga tamén ás asociacións xuvenís
23 Novembro, 2018
0
•     Ourense en Común require “prazos sostibles” nas axudas de xuventude, e apuntan a “outro desastre” na xestión de Sofía Godoy. “Estas axudas teñen que funcionar para impulsar as iniciativas, non para estrangulalas”.
•    As subvencións convócanse “a touro pasado e sen pagar aínda as do ano anterior”.
•     O goberno exclúe das axudas ás actividades de menos de 1.000 €, “dinamitando as iniciativas modestas e promovendo o trampeo”.

    Ourense en Común saía hoxe en defensa dos “necesarios incentivos, en forma, en prazo e efectivos” para fortalecer o movemento local de asociacións xuvenís e entidades sen ánimo de lucro en materia de xuventude, algo que dín “non existe coa xestión do Partido Popular”.

    O grupo denuncia a situación das axudas en materia de xuventude e declaran que “a morosidade que arrastra o concello se está extendendo ao pago de subvencións. As axudas concedidas o ano pasado aínda non foron abonadas ás entidades, e a situación así faise insostible. Engaden ademais que, cos prazos da nova convocatoria, “o escenario é aínda máis dantesco”xa que antes do 30 de novembro as asociacións teñen que ter executadas as actividades, “arriscando medios e recursos sen saber se terán subvención. Non tén ningún sentido”.

    Ademais do “desastre nos pagos e nos prazos”, Doval critica tamén o “desacertado” de excluir das subvencións ás actividades modestas, “con esto elimínanse pequenas iniciativas que poden ser igual de valiosas que outras de maior custe, e incentívase a trampa, pode ser que cheguen xustificacións con facturas infladas para chegar aos 1.000 euros que se exixen para concorrer ás subvencións”.

    Miguel Doval equipara esta “crítica situación” no departamento de Xuventude que dirixe Sofía Godoy, co de Cultura, en mans de Belén Iglesias “é o mesmo proceder, outro estrangulamento, outra agresión que condena aos movementos xuvenís e culturais a unha situación totalmente deficitaria e a un escenario desolador neste concello.

    O grupo conclúe que as bases das subvencións de xuventude, como as de cultura,  están “moi lonxe” de motivar, dinamizar e apoiar o mantemento e funcionamento das asociacións xuvenís e as entidades sen ánimo de lucro do Concello.