A intervención municipal tamén apunta a “alteracións substanciais” no PXOM, e esixe unha nova exposición pública e o aval do pleno

A intervención municipal tamén apunta a “alteracións substanciais” no PXOM, e esixe unha nova exposición pública e o aval do pleno

• As conclusións do interventor respaldan o informe da Secretaría Municipal, que tamén indica que “so o pleno ten a potestade para aprobar o Plan”.
• Ourense en Común solicitou en reiteradas ocasións unha nova exposición pública do Plan urbanístico, e advirte da “irresponsabilidade” do Partido Popular levando á cidade a un “futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal”.
• Hai quince días que Jesús Cudeiro elude convocar a Xunta de área de urbanismo, onde comparece semanalmente.

     Tal e como Ourense en Común adiantaba hai unha semana en rolda de prensa, o informe da intervención municipal “fiscaliza de desconformidade” a proposta de resolución provisional do PXOM, por “acoller na súa redacción modificacións de carácter substancial con respecto á aprobación inicial”.

     O informe emitido polo interventor apunta no informe á introdución de numerosas modificacións, tanto cualitativas como cuantitativas, que “van máis alá de meros aspectos puntuais, e inciden na altura das edificacións, os aproveitamentos urbanísticos, incrementan o solo urbanizable,  aumentan a edificabilidade, e cambian os parámetros do propio planeamento, repercutindo nas ordenanzas de solos urbanos, rurais e urbanizables, nos Peri´s e plans especiais, nos criterios de clasificación do solo e no catálogo”;  cuestións que para Ourense en Común evidencian “que o plan foi alterado e que necesita ser exposto ao público de novo”.

     Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, censuraba en rolda de prensa hai unha semana que o Partido Popular está a actuar de forma “irresponsable” e “aventurando ao urbanismo de Ourense a cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003”. O grupo apunta ao actual edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que tamén o era co goberno de Manuel Cabezas como “o gran responsable de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que “quere volver a facelo, quere devolver a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tuneou o PXOM, introduciu centos de modificacións, con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e agora vai aprobalo facendo trampas,  de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía e poñendo a Ourense nun futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal.

     Dende Ourense en Común advirten de novo que esgotarán todas as vías administrativas e xurídicas, acudindo a xustiza se é preciso, se o goberno do PP de Jesús Vázquez prosegue na súa intención de aprobar un PXOM en solitario, secuestrando o debate do pleno, con dous informes contrarios da secretaría e da intervención municipal e con cambios substanciais que o obrigan por lei a unha nova exposición pública.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>