Pedimos no pleno solucións urxentes para mellorar o Servizo de Extinción de Incendios

Pedimos no pleno solucións urxentes para mellorar o Servizo de Extinción de Incendios

• As condicións de precariedade nas que traballa o corpo de bombeiros de Ourense poñen en perigo a súa integridade e non garantizan a axeitada protección da poboación.
• Se outro lume se producise simultáneamente ao da Chavasqueira os medios e o número de efectivos sería insuficiente para intervir, “hoxe estariamos lamentando as consecuencias”.
• O goberno incumpre a ratio de un bombeiro por cada mil habitantes que establece a Unión Europea e a Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias.

    Logo do recente lume que devastou a Chavasqueira e de visitar o pasado mércores ás traballadoras da instalación termal, e aos bombeiros que participaron na extinción do incendio,  Ourense en Común levará ao último pleno do mandato municipal unha moción para solucionar a situación de precariedade do Servizo de Extinción de Incendios de Ourense.

    Desde o grupo apuntan a que o acaecido na Chavasqueira demostra que “o persoal de garda é apenas suficiente para cubrir unha intervención de certa magnitude”, e que “de terse producido simultaneamente outra emerxencia, a día de hoxe estariamos a lamentar as consecuencias”.

    Desde 2015, o grupo vén solicitando “que se tomen en serio as necesidades do servizo de bombeiros e a seguridade da poboación”, sinalando a “falta de efectivos e o precario e obsoleto dos poucos medios con que contan”, ao que suman a “gravidade de que en Ourense non haxa Plan Municipal de Emerxencias, nin Plan de prevención de lumes, como obriga a normativa”.

    Martiño X. Vázquez cuestiona o labor do equipo de goberno de Jesús Vázquez durante estes catro anos, “prometeu para logo incumprir o prometido. Renovou as promesas para incumprilas outra vez”, e enumera o balance do goberno do PP “negouse a posibilidade de convocar unha oferta pública de emprego e non se cubriron as prazas recollidas na RPT, nin a praza de Xefe do Servizo, fundamental para manter unha correcta estrutura organizativa do corpo. Falta inversión en material e as cantidades aportadas pola patronal compañías de seguros, UNESPA, non foron invertidas”, ao que engade o “continuo desleixo cos traballadores do servizo, que sofren recurrentes diminucións nos seus dereitos laborais”.

    O voceiro de Ourense en Común e candidato á alcaldía conclúe que a situación “é insostible” e apunta á “urxencia de activar solucións: temos unha plantilla de menos de 50 traballadores no corpo de bombeiros (cando tivemos ata 72 no ano 2000), e uns medios obsoletos. Non abonda nin de lonxe para cubrir as necesidades da cidade”.

Progresista, feminista e ecoloxista. Así é a candidatura de Ourense en Común para as eleccións municipais de maio

Progresista, feminista e ecoloxista. Así é a candidatura de Ourense en Común para as eleccións municipais de maio

• Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía por Ourense en Común, presentaba hoxe “un equipo de persoas con acreditada solvencia para transformar esta cidade”.
• Miguel Doval, o histórico líder veciñal alcaldable con OUeC no ano 2015, chama a “apostar por homes e mulleres novas con ilusión e forza, pola xeración mellor formada para loitar para que Ourense teña futuro”.

    Na mañá de hoxe presentábase no Espazo en Común das Burgas, a candidatura coa que Ourense en Común concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. “Unha candidatura de xente do común, coñecedora da realidade local e dos movementos sociais, guerrilleiras da proximidade e loitadoras do cambio diario, con solvencia acreditada para gobernar e sen máis compromisos que coa veciñanza de Ourense, á que lle pedimos a súa confianza”, apuntaba na súa intervención Martiño Xosé Vázquez, actual voceiro do grupo municipal de Ourense en Común, e candidato á alcaldía desta formación.

    Montse Valencia, xurista comprometida coa sustentabilidade e o dereito ambiental, será a número 2 da lista. “Preséntome por moitas razóns, pero a fundamental é porque quero mirarlle aos ollos ao meu fillo e dicirlle que si hai futuro. Porque outro mundo é posible, ecofeminista e social”, apuntaba ao remate da rolda de prensa.

    A número 3 será igualmente unha muller procurando aplicar unha corrección de xénero que reforza a aposta de Ourense en Común co compromiso de feminizar a política municipal. É o posto que ocupa Antía Pousa, recoñecida activista do movemento feminista, que afirma presentarse, “para tinguir de lila o Concello de Ourense e situar no centro das políticas públicas a loita pola igualdade”.

    O número 4 da lista ocúpao Xosé Vaquero, bombeiro municipal dende hai máis dunha década e representante sindical do corpo, moi implicado na loita deste no último mandato perante a ofensiva privatizadora do Partido Popular. “Din un paso cara adiante porque sinto que teño cousas valiosas que aportar para a construción dunha cidade máis segura e solidaria, e Ourense en Común era o único espazo onde poder facelo”.

    Completan os primeiros postos da lista Ángeles Faraldo, no número 5, farmacéutica na que a candidatura delega a área de Saúde Pública, Martiño Ramos no número 6 para cultura, mestre e recoñecido activista do Espazo Cultural Alternativo de Ourense (ESCUA). Unha das caras máis visibles da loita en defensa dos servizos e empregados públicos, Maravillas Calviño, ocupa o 7 e resérvaselle a área de facenda e xestión municipal. Fernando de la Torre, estudante de economía, é o candidato máis novo para representar as demandas da xuventude, no número 8 da lista. A activista medioambiental María Durán e o arquitecto Alberto Fortes pechan a lista das 10 primeiras.

    No seguinte tramo da candidatura tentáronse recoller todas as sensibilidades presentes na sociedade ourensá. Dende recoñecidas persoas do mundo da música local, do deporte, o benestar animal, a economía de km 0 e a economía social, autónomos, estudantes… “persoas con diferentes puntos de vista e coñecedoras das demandas de moitos sectores da sociedade, que enriquecen a candidatura e a enchen de cores”, en palabras de Martiño Xosé Vázquez.

    Pecha a lista quen nas anteriores eleccións municipais encabezou o proxecto, Miguel Doval, que ocupará o simbólico posto 27 en homenaxe polo seu compromiso e traballo durante estes catro anos. Porque a diferencia do actual alcalde do Partido Popular, “el si soubo escoitar, facer e coidar a veciñanza. Aínda que fóra dende a oposición”, resaltaba hoxe a súa compañeira de bancada Montse Valencia.

Solicitamos no pleno recursos para combater a pobreza no concello de Ourense

Solicitamos no pleno recursos para combater a pobreza no concello de Ourense

• Os indicadores da Rede Galega contra a Pobreza e Cáritas evidencian un aumento da pobreza en Ourense, especialmente acusado entre mulleres e persoas maiores de 65 anos.
• A precarización do mercado laboral non permite que ter traballo garanta saír dunha situación de exclusión social.
• O grupo sinala aos 70 millóns de aforros municipais para crear un Fondo de Protección Social co que combater esta situación.

    O pleno do Concello de Ourense debatirá este venres unha proposta do grupo municipal Ourense en Común que pretende fixar a atención da corporación nos altos índices de pobreza e exclusión social da localidade. Dende a organización municipalista apuntan que “o risco de pobreza e exclusión social é un dos problemas fundamentais que enfronta Ourense”, facéndose eco dos informes publicados durante os últimos anos por diversos organismos e, especialmente, os realizados pola EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza).

    Ourense en Común presentará no pleno os datos que demostran a gravidade da situación na cidade das Burgas e, botando man da Memoria de Cáritas, inciden en que “dende o ano 2008, o número de persoas no limiar da pobreza ou en risco de exclusión non para de medrar”, apuntando a que estamos nunha “situación de empobrecemento e precariedade normalizada, onde cada día máis familias en Ourense teñen dificultades para afrontar os pagos do alugueiro, a alimentación ou dos subministros básicos”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, defende que o Concello de Ourense “ten que achegarse a esta realidade e orientar as políticas públicas a reducir as cifras da pobreza, detrás das que se agochan persoas”. Dende Ourense en Común propoñen a creación dun Fondo de Protección Social, co obxectivo de “atender a todas persoas que o necesiten, ampliando e renovando as axudas se é preciso, e camiñar cara unha renda mínima municipal coa que soportar o drama da ausencia de ingresos ou a precariedade de cada vez máis persoas no noso concello”.

    No grupo urxen axilizar os trámites da xestión deste Fondo, “deixando avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

A asemblea de OUeC fará un chamamento á participación masiva en defensa dos intereses da provincia de cara ás eleccións xerais do 28 de abril

A asemblea de OUeC fará un chamamento á participación masiva en defensa dos intereses da provincia de cara ás eleccións xerais do 28 de abril

• A asemblea acordou este martes manter unha posición autónoma, fiel á filosofía municipalista coa que nacía Ourense en Común no ano 2014.
• Ourense en Común fará un chamamento á participación masiva en defensa de políticas públicas progresistas que dean prioridade ás demandas da provincia de cara ás eleccións xerais.

    Ourense en Común debatía na tarde deste martes, 02 de abril, a posición política da organización municipalista de cara ás eleccións xerais do vindeiro domingo 28. A asemblea decidía manter unha posición autónoma, fiel á filosofía coa que nacía no ano 2014 e non dar apoio a ningunha candidatura concreta perante o excepcional escenario de fragmentación de forzas políticas neste proceso electoral.

    Preténdese con esta posición garantir o respecto á diversidade interna e á pluralidade do espazo. Deste modo todos os recursos de Ourense en Común quedarán á marxe da confrontación electoral, centrando todos os seus esforzos en facer un chamamento á participación masiva en defensa de políticas públicas progresistas que atendan as demandas da provincia de cara ás eleccións xerais.

    A aposta de Ourense en Común pretende reforzar a tese municipalista como a mellor ferramenta de institucionalización das loitas. De introducir unha nova forma de facer política de proximidade, “ao servizo de” e non “en beneficio de”. Desde o pragmatismo, día a día, cara a cara e como ferramenta útil para transformar a realidade en defensa dun ben común de progreso. Ourense en Común é e quere ser unha ferramenta de participación cidadá na vida institucional do Concello de Ourense, baseada nuns principios básicos de xustiza e equidade social e ambiental, coa democracia participativa como método. Unha iniciativa política horizontal, autoxestionada e motivacional, renovable e sostible/resistente por riba das etapas electorais.