Levamos ao pleno os dereitos das persoas con discapacidade e os problemas na accesibilidade da cidade

Levamos ao pleno os dereitos das persoas con discapacidade e os problemas na accesibilidade da cidade

• O actual goberno do PP no concello ten pendente dende hai máis de tres anos aprobar unha ordenanza municipal de accesibilidade.
• Ourense en Común sinala que “protexer e asegurar ás persoas con discapacidade o pleno desfrute dos seus dereitos fundamentais en condicións de igualdade nunca foi a prioridade do goberno de Jesús Vázquez, que vive de costas aos problemas diarios da veciñanza”.
• A moción quere impulsar a creación dun Consello Municipal que teña a encomenda directa da redacción dunha ordenanza e un plan municipal de accesibilidade universal.

    Na mañá de onte venres, Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que o grupo quere dar voz ás demandas das persoas con discapacidade e visibilizar as deficiencias de accesibilidade na cidade. O obxectivo da moción é a creación dun Consello Municipal de accesibilidade e dereitos das persoas con discapacidade, que promova a revisión urxente do borrador da ordenanza municipal de accesibilidade, pendente dende hai máis de tres anos, e a redacción dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal.

    Dende Ourense en Común apuntan que o Concello de Ourense “vai once anos tarde, despois de que a convención vinculante das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade fixara, xa no ano 2008, que as políticas en materia de accesibilidade son un deber de actuación das Administracións Públicas.

    “A accesibilidade universal é unha obriga para protexer e asegurar o pleno gozo dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en condicións de igualdade por parte das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida”, declara o voceiro de Ourense en Común e candidato á alcaldía, que lembra que “a cidade está chea de barreiras, moitas invisibles para a maioría pero infranqueables para outras. Darlle voz a quen as sofre a diario é a mellor forma de acabar con elas para sempre”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía. Con nós no goberno, os Consellos Municipais como órganos de participación e rendición de contas serán fundamentais”.

Ourense en Común alega a futura Lei galega de residuos solicitando melloras na xestión do lixo

Ourense en Común alega a futura Lei galega de residuos solicitando melloras na xestión do lixo

• O grupo defende o modelo no “que diminúan os residuos e que o que antes era lixo, poida converterse nun recurso capaz de crear riqueza, emprego verde e conservar o medio ambiente”.
• O Concello de Ourense conta cunha planta de compostaxe municipal infravalorada.
• A deficiente xestión dos residuos é parte da orixe do agravamento do cambio climático.

    Ourense en Común rexistraba o pasado martes alegacións ao anteproxecto da Lei galega de residuos e solos contaminados, propoñendo melloras na xestión dos residuos desde o eido local, por entender que “a xestión da inxente cantidade de residuos que se xeran nunha cidade como Ourense é unha clara responsabilidade municipal”, explica Montserrat Valencia, que apunta a un “triple grande reto: acadar unha axeitada eficiencia económica, social e ecolóxica en materia de residuos”.

    A edil de OUeC expón que o primeiro obxectivo para cumprir en Ourense é a ”recollida selectiva obrigatoria, e o tratamento diferenciado da materia orgánica”, e pon como exemplo ambiciosas iniciativas postas en marcha en municipios galegos, como o plan Revitaliza de Pontevedra ou a recollida separada da materia orgánica para a súa compostaxe que fai a Mancomunidade do Barbanza, en contraposición á planta de compostaxe do Concello de Ourense,  “desbordada acumulando un compost de alta calidade ao que non se lle da saída pola falta de xestión desde a administración”. Valencia apunta á “necesidade de coordinar un plan efectivo desde Concellería de Medio Ambiente no que as empresas responsables do coidado das zonas verdes traballen conxuntamente coa planta de compostaxe”.

    Algunhas das alegacións que presentou o grupo municipal ao borrador da Lei autonómica ían dirixidas a incorporar a obrigatoriedade da recollida da materia orgánica, potenciar ao máximo a autocompostaxe e a calidade dos residuos, e marcar un límite máximo de impropios, que son aqueles residuos depositados incorrectamente e, polo tanto, o compost resultante sexa de calidade.

    Ourense en Común considera necesario que a lei galega marque como obxectivo a separación da materia orgánica en orixe para grandes municipios como o de Ourense, e urxen como ano límite o 2020.  Para residuos textiles será obrigada a recollida por separado a máis tardar, o 1 de xaneiro de 2025. Para pilas e acumuladores portátiles, a lo menos o 50%, deberán recollerse por separado antes do 2026.

    En canto aos bioresiduos, o concello de Ourense ten que instalar a recollida separada dos bioresiduos no servizo de xestión dos residuos municipais antes de 2024. Así, a proposta do grupo municipal pasa por tratar a materia orgánica en pequenas plantas de compostaxe local ou comarcal, aforrando recursos económicos e impulsando sistemas máis eficientes como o Porta a Porta e a inclusión do quinto colector pechado, garantindo a minimización de impropios que contaminan a fracción orgánica e diminúen a calidade do compost.

    O concello de Ourense debe implementar ademais programas de participación activa para coñecer opinións, dúbidas e propostas dos veciños no referente á xestión dos residuos, comezando cun proceso de información sobre o estado actual dos colectores e os beneficios e prexuizos dos diferentes modelos.

A intervención municipal tamén apunta a “alteracións substanciais” no PXOM, e esixe unha nova exposición pública e o aval do pleno

A intervención municipal tamén apunta a “alteracións substanciais” no PXOM, e esixe unha nova exposición pública e o aval do pleno

• As conclusións do interventor respaldan o informe da Secretaría Municipal, que tamén indica que “so o pleno ten a potestade para aprobar o Plan”.
• Ourense en Común solicitou en reiteradas ocasións unha nova exposición pública do Plan urbanístico, e advirte da “irresponsabilidade” do Partido Popular levando á cidade a un “futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal”.
• Hai quince días que Jesús Cudeiro elude convocar a Xunta de área de urbanismo, onde comparece semanalmente.

     Tal e como Ourense en Común adiantaba hai unha semana en rolda de prensa, o informe da intervención municipal “fiscaliza de desconformidade” a proposta de resolución provisional do PXOM, por “acoller na súa redacción modificacións de carácter substancial con respecto á aprobación inicial”.

     O informe emitido polo interventor apunta no informe á introdución de numerosas modificacións, tanto cualitativas como cuantitativas, que “van máis alá de meros aspectos puntuais, e inciden na altura das edificacións, os aproveitamentos urbanísticos, incrementan o solo urbanizable,  aumentan a edificabilidade, e cambian os parámetros do propio planeamento, repercutindo nas ordenanzas de solos urbanos, rurais e urbanizables, nos Peri´s e plans especiais, nos criterios de clasificación do solo e no catálogo”;  cuestións que para Ourense en Común evidencian “que o plan foi alterado e que necesita ser exposto ao público de novo”.

     Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, censuraba en rolda de prensa hai unha semana que o Partido Popular está a actuar de forma “irresponsable” e “aventurando ao urbanismo de Ourense a cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003”. O grupo apunta ao actual edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que tamén o era co goberno de Manuel Cabezas como “o gran responsable de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que “quere volver a facelo, quere devolver a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tuneou o PXOM, introduciu centos de modificacións, con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e agora vai aprobalo facendo trampas,  de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía e poñendo a Ourense nun futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal.

     Dende Ourense en Común advirten de novo que esgotarán todas as vías administrativas e xurídicas, acudindo a xustiza se é preciso, se o goberno do PP de Jesús Vázquez prosegue na súa intención de aprobar un PXOM en solitario, secuestrando o debate do pleno, con dous informes contrarios da secretaría e da intervención municipal e con cambios substanciais que o obrigan por lei a unha nova exposición pública.

No próximo pleno pediremos un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego

No próximo pleno pediremos un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego

• A taxa de paro rexistrada na capital sitúase na mesma porcentaxe que antes da crise, pero cunha caída no censo de 2500 persoas.
• No ano 2017 só un de cada 10 contratos eran fixos.
• A precariedade laboral e a emigración son as únicas políticas activas de emprego do Partido Popular.

    Na mañá deste venres,  Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que se pretende comprometer a sinatura dun Pacto Local polo Emprego, conxuntamente entre as forzas políticas e entidades do tecido económico e social de Ourense, co fin de que a vindeira corporación poida garantir o desenvolvemento dunha estratexia de emprego para o Concello, que permita articular e optimizar os servizos e programas existentes, e outros de nova creación, incorporando tamén medidas para o emprego de colectivos específicos.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro e candidato á alcaldía por Ourense en Común, apuntaba esta mañá que a finalidade deste pacto é “blindar nos programas electorais de todas as forzas políticas un compromiso coa que é a maior preocupación da veciñanza de Ourense, especialmente da xente nova e mulleres”. Preténdese, en palabras do portavoz e candidato, “que, independentemente de quen goberne despois das eleccións, exista un preacordo de políticas activas de emprego”.

    “Namentres algúns se aferran ao mantra de que o emprego non é competencia municipal, nós sabemos que hai infinidade de accións que podemos levar a cabo desde o Concello para estimular a creación de emprego, impulsar o emprendemento, e reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, ben de forma directa, apostando pola cooperación público-privada, o apoio a iniciativas sociais de emprego, a sinatura de convenios, o fomento do cooperativismo, habilitando un servizo de mellora e reciclaxe profesional para a inserción de maiores de 45 anos, ou ben de forma indirecta, vía bonificación de impostos por exemplo. Ourense precisa un goberno activo, con vontade e compromiso co emprego, non pasivo á agarda de que outras institucións veñan a nos salvar”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando “deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

O PP quere unha aprobación do PXOM ilegal, sen validez nin seguridade xurídica, co único fin de contentar aos especuladores

O PP quere unha aprobación do PXOM ilegal, sen validez nin seguridade xurídica, co único fin de contentar aos especuladores

• O Partido Popular busca aprobar o PXOM “en solitario e con todos os informes en contra”.
“O afán especulador do PP pon en serio risco o urbanismo do Concello. Deixarán de novo o futuro da cidade cheo de incertidumes. Son os mesmos responsables de que Ourense teña hoxe un plan do 86, os mesmos cometendo as mesmas cacicadas”.
• Cudeiro secuestra o debate plenario e prescinde dos informes da Secretaría e a Intervención municipal para aprobar o Plan “a porta pechada”.

    “Alarmante e de extrema gravidade”. Así cualificaba Ourense en Común as intencións do PP para o PXOM, logo de que o edil responsable de urbanismo fixera xa público o proceder que ten artellado para seguir o proceso de aprobación do Plan urbanístico sen pasar polo pleno e saltándose o informe do Interventor, que “estará rematado nuns días e estamos seguras de que sería igual de demoledor que o da secretaría municipal”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, denuncia ao Partido Popular pola “irresponsabilidade de cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003, do propio Partido Popular”.

    O grupo apunta ao actual edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que tamén o era co goberno de Manuel Cabezas como “o gran responsable de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que “quere volver a facelo, quere devolver a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tuneou o PXOM, introduciu centos de modificacións, con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e agora vai aprobalo facendo trampas,  de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía e poñendo a Ourense nun futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal”.

O PP de Ourense renunciou a 100.000€ en axudas para impulsar o cooperativismo

O PP de Ourense renunciou a 100.000€ en axudas para impulsar o cooperativismo

• OUeC advertiu hai máis dun mes de que se perderían ata 100.000 euros para incentivar o emprendemento, e sinalan á “cegueira” no concelleiro de Promoción Económica, que “renunciou presentarse ás axudas nunha cidade castigada polo paro”.
• As grandes capitais galegas e vinteseis concellos da nosa provincia están xa adheridos á Rede Eusumo, que presta apoio directo ao emprendemento e a consolidación do emprego con base na economía social. “Ourense está á cola”.
• Pumar anunciou en 2016 a creación dunha Oficina Municipal de Fomento Cooperativo que nunca existiu.

      Vencido o prazo para concorrer ás axudas da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, Ourense en Común denuncia que “ao goberno de Jesús Vázquez tan pouco lle importa a economía social que nin se presentou ás axudas”.

Logo de un mes interpelando ao responsable desta área no goberno, Jorge Pumar, sobre as intencións do goberno coa convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria , coa que o Concello optaría a cubrir ata 100.000 euros para cursos e obradoiros, formación especializada de persoal para o asesoramento e acompañamento de proxectos, organización de conferencias, feiras, mostras, congresos, e xornadas de difusión, ou mesmo deseñar un plan estratéxico de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social no concello de Ourense, Ourense en Común confirmaba onte que o Concello non concorreu ás axudas, baseándose en “incompatibilidades inventadas como escusa, que non existen nas bases da convocatoria”, tal e como comprobou OUeC cunha simple chamada á sede da Rede Eusumo.

    Desde OUeC fan unha lectura de “total menosprezo” do equipo de Jesús Vázquez ás persoas desempregadas no concello de Ourense. “En catro anos, o Partido Popular non tivo nin a idea nin moito menos a intención de reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, e que o edil encargado de impulsar políticas de emprego renuncie a estas axudas é moi revelador: a súa cegueira é total, e con ela tingue de negro o futuro laboral nesta cidade, explica Montserrat Valencia.

    A última ocasión na que o concello de Ourense concorreu a esta subvención foi en 2016, e logo de serlle concedida, perdéronse máis de 23.000 euros sen executar nin xustificar:  canceláronse sen previo aviso nin motivo seis accións formativas previstas, e a promesa dunha oficina Municipal de Fomento Cooperativo nunca chegou a materializarse.

Desmarcámonos da celebración institucional polo 8M. #AsíNON

Desmarcámonos da celebración institucional polo 8M. #AsíNON

• OUeC renuncia a compartir actos cun goberno do PP, “sen ideas, que nin traballa pola igualdade nin cre nela, que improvisa, e que deixou sen protección ás vítimas da violencia machista desfacéndose da Casa de Acollida”.
• A placa co nome de Asunción González “contén unha errata e ubicouse nun espazo marxinal por onde non pasa ninguén. A homenaxe así nin é visible nin simbólica”.
• OUeC lembra a Sofía Godoy que a responsabilidade e o compromiso para acabar coas desigualdades de xénero “non é traballo nin fotos dun día”.
• O grupo sí asistirá pola tarde á entrega do Premio Clara Campoamor, en recoñecemento ao traballo en prol da igualdade de Rosa María Cid Galante e o CIFP Portovello.

    As concelleiras de Ourense en Común abstivéronse esta mañá de participar na celebración institucional polo Día Internacional da Muller, “organizada a golpe de improvisación por un goberno hipócrita e sen estratexia, que esquece a igualdade de xénero os outros 364 días do ano”. 

    Montserrat Valencia, edil do grupo, sinala á “preguiza e caprichos” de Sofía Godoy, que “se comprometeu a redactar e consensuar un manifesto para este día, e non o fixo, que non escoita, que reiteradamente silencia e ignora as reivindicacións dos colectivos representados no Consello Municipal de Igualdade, que fai e desfai desde a total ignorancia e ao seu antollo, e que, logo do parque para cans, vén de escenificar outro intento fallido para visibilizar a lacra da violencia machista”, en referencia á placa a nome de Asunción González destapada esta mañá.

    Valencia lembra a Godoy o consenso do pleno en 2017, e tamén do Consello Municipal de Igualdade para significar a memoria de Asunción González e das vítimas de violencia machista nun “lugar visible”, un requisito que esta placa “non cumpre en absoluto”, sinalando a que “é torpe, contén erratas e ubicouse nun espazo residual por onde ninguén pasa e onde ninguén a verá”, concluíndo que “son as consecuencias da improvisación deste goberno”.

    Suxiren de novo a praza onde está a castañeira, onde o feminismo da cidade adoita concentrarse contra os asasinatos machistas como o “espazo idóneo” para esa homenaxe, denunciando que, malia ao consenso do CMI nesta idea, “a proposta está sendo silenciada e desbotada por Sofía Godoy, que minte e se xustifica nun informe que non existe”.

    “Sabemos que non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal”, e conclúen que “a celebración deste día será mañá, na rúa, en sororidade, coas mulleres, xuntas na loita, que á vista está que aínda queda moita”.

Nós paramos o 8M! E chamamos ás ourensás á folga feminista do venres

Nós paramos o 8M! E chamamos ás ourensás á folga feminista do venres

• Montserrat Valencia, edil do grupo, apela a “empoderarse, mobilizarse e construír en sororidade outro 8M masivo pola igualdade”.
• En Ourense as organizacións feministas convocan concentración ás 13h na Praza Maior e manifestación ás 20h desde a Subdelegación do goberno.

        Montserrat Valencia, concelleira de Ourense en Común, facía esta mañá un chamamento ás mulleres ourensás para secundar a folga do 8 de marzo, “no ano pasado a folga visibilizou a forza do feminismo e fixou un punto de inflexión dun movemento imparable”, e continuaba avaliando que “a realidade danos este ano aínda máis razóns para seguir, para volver á folga, para reivindicarnos, construír en sororidade outro 8M masivo, capaz de deter a ese machismo que quere rearmarse para silenciarnos e construír odio das nosas reivindicacións”.

        Tanto a edil como a auxiliar do grupo pararán toda a xornada do venres, e participarán nas convocatorias promovidas en Ourense polos colectivos feministas, a concentración ás 13h na Praza Maior, e a manifestación que sairá ás 20h desde a Subdelegación do goberno, para “visibilizar o baleiro que queda cando as mulleres non estamos, cando non traballamos, cando non consumimos, nin educamos, nin coidamos. O mundo deténse sen a nosa forza, sen a forza das mulleres”.

        Valencia declara que “non imos só a unha folga, que tamén, saímos á rúa a dar voz ás asasinadas, as agredidas, as abusadas, acosadas, culpabilizadas, e silenciadas, saímos polos nosos dereitos, polos conquistados ao longo dos séculos, e polos que están por conquistar, para eliminar a fenda salarial e levantar as barreiras dun sistema patriarcal que lastra, discrimina e invisibiliza ás mulleres. Pola transformación. Pola igualdade”, e conclúe que “hai moitos motivos que nos interpelan a secundar esta mobilización”.

Ourense en Común advirte que a OPE anunciada polo PP “é unha cortina de fume”

Ourense en Común advirte que a OPE anunciada polo PP “é unha cortina de fume”

• Antes do anuncio de Flora Moure, Martiño Xosé Vázquez manifestaba “xogarse unha man enteira”, augurando que o PP sacaría en próximas datas unha Oferta Pública de Emprego.
• O PP “xoga ao engano, busca contentar á súa rede clientelar antes das eleccións e quere agochar o proceso xudicial e as reivindicacións dos sindicatos”.
• O goberno mantén como Xefe de RRHH a Rodríguez-Nóvoa, cuxo nomeamento foi declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Se a OPE foi ideada por esta persoa, o concello roza o delito e a prevaricación”.

    Ourense en Común avalía como “unha cortina de fume” o anuncio da oferta de emprego público anunciada esta mañá polo goberno no pleno, coincidindo coa moción na que Ourense en Común solicitaba que o PP desista de seguir adiante coa aprobación dunha RPT, “chea de enchufes e irregularidades, pendente dunha sentenza do TSXG, e que pouco ten que ver coas necesidades reais de persoal do concello para prestar o mellor servizo público”.

    Desde o grupo declaran que “nada é casual”, e sinalan que “sen orzamentos, logo de catro anos de non facer nada, a menos de 90 días das eleccións e coa Relación de Postos de Traballo chea de irregularidades e pendente dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, o PP denota que “busca agochar a polémica e silenciar as críticas”, en referencia aos sindicatos, que tamén hoxe rexistraban un escrito pedindo a paralización da RPT.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro de OUeC e candidato a alcaldía, manifesta que “entendemos a RPT como unha ferramenta organizativa fundamental para ter unha política de persoal eficaz no concello, é preciso confeccionala con calidade técnica, transparencia, garantindo a participación dos sindicatos, e respectando as competencias do Pleno para a súa aprobación”, e sinala que “a RPT do PP non define” cantos postos de traballo estaban aprobados, cantos quedan, cantos se amortizan, cantos se modifican, cantos están vacantes ou cantos se crean, polo que conclúe que “de existir, a OPE anunciada estará baseada en incógnitas, e únicamente abrirá a porta ao fraude e a novos enchufes para perpetuar a rede clientelar do PP”.