Ourense en Común sae á rúa para implicar á veciñanza nunha candidatura que gañe o futuro de Ourense

Ourense en Común sae á rúa para implicar á veciñanza nunha candidatura que gañe o futuro de Ourense

• Desde o próximo luns o grupo sae á rúa para “sumar, ensanchar e construír un proxecto político gañador, liderado barrio a barrio e persoa a persoa”.
• Martiño Xosé Vázquez chama ás veciñas e veciños a “mover ficha, e responsabilizarse no futuro de Ourense”, como cidade “sostible, feminista, ecoloxista, limpa, alegre, vivible, e próxima, onde os coidados ás persoas sexan o primeiro”.
• O candidato á alcaldía defende “a participación como método, o municipal como escenario de xogo, e a confluencia como instrumento para que gañe o ben común”.

    O candidato á alcaldía por Ourense en Común, presentaba esta mañá varias novidades con respecto a confección da candidatura de cara ás elección municipais de maio de 2019.

    Martiño Xosé Vázquez, avanzaba que desde o próximo luns imos ir, vou a ir, barrio a barrio, persoa a persoa, cara a cara, a convidar ás veciñas e veciños de Ourense a ilusionarse co futuro e sumarse para construílo xuntas, cun proxecto político gañador e co mellor equipo de persoas para poñelo en marcha, e demostrar que un Ourense mellor para todas e entre todas é posible”.

    Ademais de buscar a corresponsabilidade das veciñas co futuro de Ourense “sexa cal sexa o modo no que queiran ou poidan colaborar, apoiando dende a distancia, na elaboración do programa ou incorporándose á lista electoral”, as accións de rúa que o grupo inicia a próxima semana, inclúen tamén o habitual programa  “A voz do Barrio”, co que “seguiremos cedendo os nosos micros ás demandas das veciñas, e dándolles voz no pleno, para que o alcalde escoite as necesidades que teñen”.

    Montserrat Valencia e Miguel Doval, edís do grupo, estarán tamén a pé de rúa, dando conta dos tres anos e medio do grupo na vida institucional, dos que o voceiro valora que “constatamos os graves problemas que ten esta cidade, pero tamén que os poderíamos solucionar case de forma inmediata”, tomando como exemplo as eivas na limpeza ou o tráfico en Ourense,  que “só requiren de valentía”.

Pedimos no pleno unha comisión de investigación e seguemento do convenio entre Progape e o Concello

Pedimos no pleno unha comisión de investigación e seguemento do convenio entre Progape e o Concello

• Voluntarias e socias da protectora denuncian irregularidades na xestión, obstrución no acceso ás instalacións e deficiencias graves na atención aos animais.
• A directiva da asociación mudou ata tres veces nos últimos anos, a máis recente nunha asemblea extraordinaria e irregular, impugnada por varias socias.
• Ourense en Común exixe comparecencias da actual directiva, da saínte, de socias e voluntarias, e acceso ás memorias económicas, e os libros contables dos últimos exercicios.

    Ourense en Común anunciaba hoxe que solicitará no próximo pleno municipal a creación dunha comisión de investigación e seguemento do convenio asinado entre Progape e o Concello de Ourense, “que permita ofrecer luz sobre o funcionamento da Protectora de gatos e cans de Ourense”, e apuntan a que “son xa varias testemuñas -socias e voluntarias- que están denunciando irregularidades na xestión e posibles infraccións dos termos do convenio”.

    Montserrat Valencia, edil do grupo, apunta ás obrigacións con respecto á custodia dos cans e gatos e o coidado e mantemento das instalacións municipais que Progape ten, e declara ter “indicios e evidencias de posibles incumprimentos do convenio”, sinalando tamén aos cambios na directiva da asociación, ata en tres ocasións nos últimos anos,  “as desavenencias persoais están repercutindo directamente no mantemento, no benestar e na atención aos animais, que son os que máis nos preocupan. Velar por eles é competencia do Concello”.

    Desde o grupo denuncian que a edil responsable, Sofía Godoy, “mire cara outro lado e eluda profundar nuns síntomas que poderían rozar cuestións de saúde pública, e exixirán que todos os grupos da corporación poidan cotexar datos nunha comisión na “que tanto a actual directiva coma as anteriores presenten memorias, partes e libros contabilidade, e que teñan tamén voz as socias e voluntarias, ás que nalgúns casos se lles está obstruíndo o acceso ás instalacións”.

Denunciamos o descarado absentismo da edil de Facenda e Contratación. Logo de tres anos sen orzamentos agora opta por agocharse para non dar explicacións

Denunciamos o descarado absentismo da edil de Facenda e Contratación. Logo de tres anos sen orzamentos agora opta por agocharse para non dar explicacións

• No despacho da edil do PP segue pendente a redacción duns orzamentos municipais, ateiganse contratos en precario, débedas no pago a proveedores e incontables retrasos na rendición de contas.
• Ana Morenza leva máis dun mes sen comparecer nas xuntas semanais das áreas das que é responsable.
“O peor alcalde da historia de Ourense condenou á cidade a catro anos de desgoberno sen orzamentos”.

    Ourense en Común sinalaba esta mañá a gravidade das reiteradas ausencias da responsable das áreas económicas do Concello de Ourense, Ana Morenza, que desde o pasado 11 de decembro non comparece en xuntas de área.

    Desde o grupo apuntan á “clamorosa ineptitude” da edil popular, que logo de máis de tres anos á fronte das áreas de Facenda e Contratación, “levou a contabilidade municipal a unha viaxe sen rumbo, sen orzamentos e chea de débedas que van repercutir no peto de todas as veciñas.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, sinala que “agochándose, Ana Morenza quere repercutir nos grupos da oposición a sua incapacidade, e obstruír o labor de fiscalización da oposición. As súas áreas están totalmente colapsadas e desatendidas, pero non rende contas, para que non poidamos saber o porqué. A falta de transparencia xa é total, con todo.

    Desde o grupo extenden a denuncia da “opacidade e pasotismo coas responsabilidades” a todo o equipo de goberno de Jesús Vázquez, ao que cualifican como o peor alcalde da historia de Ourense”.

O goberno de Ourense incumpre a declaración institucional en apoio ás doentes de endometriose

O goberno de Ourense incumpre a declaración institucional en apoio ás doentes de endometriose

• O PP superou xa o prazo de trinta días comprometido o 10 de decembro no pleno municipal.
• Sofía Godoy “rematou 2018 igual que empeza 2019, fai do absentismo o seu día a día, non acode á metade das xuntas e mantén á área social sometida a unha desatención extrema”.
• Ourense é a última das sete grandes capitais galegas en manifestar apoio ás doentes de endometriose “e agora ademais incumpre con elas”.
“Temos que ir todos a unha contra esta epidemia oculta e desatendida polo sistema sanitario, que pode implicar un grave problema de infertilidade”.

    Ourense en Común alertaba hoxe do incumprimento do goberno coa declaración institucional en apoio ás mulleres doentes de endometriose, oficializada no pleno do 10 de decembro logo de ser consensuada entre os grupos partindo dunha moción proposta pola Asociación querENDO. Mulleres con Endometriose.

    O manifesto unánime da corporación, establecía un prazo de trinta días para empezar a dar respostas ás reivindicacións das doentes desta enfermidade, que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, aínda que moitas das afectadas nin saben que a teñen.

    No grupo entenden que “temos que ir todos a unha con esta epidemia oculta”,  apremian ao goberno a respectar os acordos, e califican de “vergoña para Ourense” que “ademais de ser a última cidade en solidarizarnos con esta loita xa imos tarde en cumprir os compromisos, que é do que se trata”.

    Montserrat Valencia, edil de Ourense en Común, denuncia a “desidia e mentiras recurrentes” no proceder de Sofía Godoy, responsable da área da saúde no Concello, “de pouco vale que a edil lea no pleno o manifesto acordado polos grupos, se despois a solidariedade que se comprometía con esa declaración non existe, nin se executan os acordos”.

    “As administracións debemos implicarnos na visibilización, garantir ás doentes atención e coidados, promover proxectos de investigación sobre a enfermidade, e impulsar campañas informativas nos centros educativos, para dar a coñecer a doenza, e tratar de recortar na medida do posible o retraso no diagnóstico”.

Propoñemos sacar do abandono o cárcere de Progreso coas axudas do 1´5% cultural do Ministerio

Propoñemos sacar do abandono o cárcere de Progreso coas axudas do 1´5% cultural do Ministerio

• Ourense en Común instará ao goberno a concorrer á próxima convocatoria das axudas para financiar traballos de conservación e rehabilitación de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español.
• O edificio forma parte da área de protección do conxunto Ben de Interese Cultural das Burgas e calquera actuación no lugar debe someterse á aprobación de Patrimonio.
• Os técnicos municipais confirmaban onte aos grupos que o caudal das Burgas fai inviable a instalación dun balneario, que secaría o manantial.
• Funcionou como prisión provincial 151 anos, quedando despois nun estado total de abandono ata a actualidade. “Manter o edificio así só incrementa o deterioro dun inmoble histórico”.

    “Estamos perante un edificio de incalculable valor histórico, artístico, estético e incluso simbólico. Temos que avanzar xa na súa recuperación, apuntaba esta mañá Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, para referirse ao abandonado cárcere do Progreso, sobre o que o seu grupo presentará unha moción no próximo pleno.

    Ourense en Común instará ao goberno a redactar un proxecto co que concorrer á próxima convocatoria de axudas do Programa «1,5% Cultural» do Ministerio de Fomento, destinado a financiar traballos de conservación e rehabilitación de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español.

    Un informe técnico municipal, redactado en maio de 2016, alertaba xa sobre o abandono do edificio, expoñendo literalmente que “dado el estado del alero y los revestimientos de fachada en la calle Progreso, se considera imprescindible el cierre del tramo de la vía pública que discurre paralela a la edificación, en un ancho suficiente para evitar daños a peatones y circulación de vehículos mientras no se instale una marquesina de protección, que proteja a la vía o se realice la reparación del mismo”.

    Fronte a este perigo para a seguridade cidadá, o goberno do Partido Popular no Concello de Ourense fixo caso omiso do informe e non foi ata dous meses máis tarde que instalou un sistema de protección a viandantes, que “ata o momento constitúe a última actuación acometida neste singular edificio, evidenciando o desapego, a falta de sensibilidade e a falta de proxecto de cidade do actual alcalde e do seu equipo de goberno”.

    Ourense en Común defende que este edificio,  incluído na área de protección do Ben de Interese Cultural das Burgas, “é unha oportunidade, pero non para a especulación urbanística nin para un proxecto de Hotel Balneario fóra de toda escala que secaría as Burgas”. Dende o grupo apostan por poñer en valor esta zona céntrica con “actuacións a pequena escala, por exemplo cun xardín termal público ao estilo dos países nórdicos. E neste contexto poñer en valor e recuperar a antiga prisión provincial”.