OUeC propón no pleno medidas para paliar os colapsos en diferentes servizos do Concello

OUeC propón no pleno medidas para paliar os colapsos en diferentes servizos do Concello

• O grupo solicita ao goberno a elaboración dun Plan de Mellora da Xestión Municipal e programas formativos específicos.
• O grupo urxe como “necesaria” a convocatoria dunha oferta de emprego público que permita cubrir xubilacións e baixas, “este goberno fixo medrar os enchufes, pero mermou o persoal e a calidade de servizos municipais fundamentais para as cidadás” .
• A moción enfatiza na necesidade de que o cadro de persoal municipal poida traballar de xeito “áxil, cómodo e eficaz, e baixo uns criterios claros na distribución de tarefas”.
• O goberno apunta a feitos puntuais, pero os servizos de Rexistro, Padrón ou Estatística están recurrentemente desbordados nos últimos meses.

    Logo dos reiterados colapsos vividos nos últimos meses en diferentes servizos municipais, e perante a impasibilidade manifesta do equipo de goberno para abordar a situación, Ourense en Común defenderá no pleno de xaneiro a optimización dos recursos humanos cos que conta o Concello, solicitando a través dunha moción a elaboración dun Plan de Avaliación e Mellora da Xestión Municipal e a execución dun programa de formación específica interdepartamental, como medidas complementarias á necesaria convocatoria dunha oferta de emprego público, xa suxerida polos sindicatos e os grupos da oposición, e “que permitiría mellorar ata nun 80% a atención presencial e telefónica en servizos como os de Rexistro, Padrón ou Estatística, mermados por baixas médicas, incompatibilidades e xubilacións”.

    O grupo denuncia así a gravidade da situación que viven varios servizos do Concello, e suxire unha avaliación da xestión en colaboración co propio persoal, para deseñar e implementar actuacións de reorganización de servizos, dimensionando axeitadamente as áreas, e mellorando e axilizando os procedementos, para dotar á institución dun modelo de funcionamento óptimo que poida dar o mellor servizo posible á cidade, para o que tamén propoñen formación específica para a capacitación interdepartamental do persoal, que permita paliar posibles necesidades entre diferentes servizos.

    Desde Ourense en Común sinalan que os edís responsables de Servizos Xerais, Persoal ou Emprego “están menosprezando a problemática”, e apuntan a que a modificación da RPT promovida polo Partido Popular e denunciada polo grupo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “perpetúa a situación, non da un sentido organizativo ao cadro de persoal nin busca a eficiencia dos recursos humanos municipais. O único interese do PP é consolidar os centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense, sen avaliar o funcionamento e a calidade do servizo público.

O goberno de Jesús Vázquez chega “in extremis” a final de ano

O goberno de Jesús Vázquez chega “in extremis” a final de ano

•    A intervención municipal obriga ao goberno a convocar un pleno extraordinario urxente antes de remate o ano para salvar unha subvención de 3 millóns de euros.
•    Tal e como denunciaba Ourense en Común hai 15 días, o mesmo concelleiro responsable de perder 15 millóns de euros dunha subvención europea pon agora en serio risco uns recursos fundamentais para o desenvolvemento dun sector estratéxico para Ourense, o turismo.
•     Martiño Xosé Vázquez censura a incapacidade de Jesús Vázquez para cumprir os prazos e trámites fundamentais, advertindo que terán que convocar igualmente outro pleno extraordinario urxente para aprobar a Conta Xeral, que tiña que estar xa en posesión do Tribunal de Contas antes do 15 de outubro.

    Hai 15 días que Ourense en Común alertaba do risco no que se atopa a subvención concedida ao Concello de Ourense por Red.es, entidade pública empresarial do Ministerio de Economía e Empresa dependente da Secretaría de Estado para o Avance Dixital.

    A resolución desta axuda publicábase o pasado 13 de setembro, data na que empezaba a contar o prazo de tres meses establecido nas bases para formalizar os convenios de colaboración entre as partes. No caso de Ourense, os 2.908.410,93 € para impulsar o programa “Capital Termal Intelixente” proposto polo Concello de Ourense. Recursos que “penden agora dun fío” segundo Ourense en Común ao rematar o prazo de sinatura o xoves, 13 de decembro, sen que o convenio fora aprobado.

    Co prazo esgotado, a concellería de Turismo, dirixida por Jorge Pumar, respondía daquela a estas declaracións afirmando ter “conseguido unha prórroga para non perder a axuda”. De tal modo que o expediente para a sinatura do convenio foi entregado á Secretaría Municipal para ser aprobado no primeiro pleno ordinario do ano 2019 que se celebrará o vindeiro 07/01/2019. Porén este expediente nunca chegou a contar co informe favorable da intervención municipal para tal aprobación.

    Na mañá de hoxe, 26/12/2018, fóra da orde do día da Xunta de Área de Economía, Emprego e Contratación, ao non ter convocada a respectiva comisión de Turismo; o concelleiro responsable confirmaba aos grupos da oposición a desaprobación do órgano de fiscalización ao proceder previsto polo goberno municipal. Obrigando a asinar ese convenio antes de que remate o ano 2018 ou este non podería entrar en vigor.

    Razón pola que nesta mesma mañá esta concellería acelera todos os trámites para convocar un pleno extraordinario urxente co que salvar “in extremis” a inversión máis potente do mandato despois de ter perdido xa outra subvención dos fondos EDUSI para o desenvolvemento urbano sostible. “O mesmo concelleiro que deixou a Ourense como a única grande cidade galega sen a subvención para o desenvolvemento urbano sustentable xoga agora con lume e pon e risco 3 millóns de euros para o desenvolvemento dun sector estratéxico para o futuro de Ourense, o turismo”, afirmaba na mañá de hoxe o voceiro de Ourense en Común Martiño Xosé Vázquez. Ao tempo que pedía celeridade e dilixencia no goberno de Jesús Vázquez: “chegan coa lingua fóra ao final do partido, incumprindo todas as normativas e con trámites fundamentais aínda sen pechar como a propia Conta Xeral que tiña que ser remitida xa ao Tribunal de Contas antes do 15 de outubro.

Levaremos ao pleno os problemas de acceso a vivenda en réxime de alugueiro

Levaremos ao pleno os problemas de acceso a vivenda en réxime de alugueiro

•     Ningunha persoa foi beneficiaria do Programa Rehaluga en 2017 e 2018.
•     Stop Desafiuzamentos e Ourense en Común advertían hai dous anos de que os criterios excluíntes fixados polo goberno popular farían fracasar o Programa.
•     O concelleiro do Partido Popular responsable das áreas de urbanismo e vivenda admitía esta mañá que “o programa non funciona e que haberá que redefinir os criterios”.

    Despois de cumprirse máis de dous anos desde a posta en marcha do Programa de Vivendas Baleiras “Rehaluga” da Xunta de Galicia, o portavoz de Ourense en Común interesábase na mañá de hoxe na execución do programa no concello de Ourense, solicitando información ao respecto ao responsable do goberno municipal do PP nas Área de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda, Jesús Cudeiro. “Demandamos datos exactos do grao de cumprimento do programa pois xa desde que se puxo a andar tiñamos serias dúbidas da súa eficacia”.

    Foi en setembro de 2016 cando Ourense en Común deulle voz ás demandas do colectivo Stop Desafiuzamentos para cuestionar o programa. “Daquela fomos o único grupo municipal en poñer en dúbida a iniciativa, e fixemos unha alegación á totalidade do texto porque existían claros indicadores de que sería un fracaso”. Os datos aportados esta mañá polo edil responsable do PP, fan concluír a Ourense en Común que “o tempo danos hoxe a razón”.

    No ano 2017, cun volume de 29 solicitudes, só 4 vivendas foron postas a disposición do programa, e ningunha foi adxudicada ao ter todas as persoas demandantes uns ingresos demasiado baixos, xa que os requisitos impostos no programa determinaban que as persoas beneficiarias deberían ter uns ingresos elevados. Respecto aos datos de 2018, aínda sen pechar o exercicio, apuntan á mesma tendencia. Houbo 21 solicitudes e ningunha adxudicación. 10 persoas foron rexeitadas de acceder ao programa por non chegar a uns ingresos mínimos.

    “Xa o advertimos, o programa do PP erra na base, e trafica cun dereito básico como é o da vivenda”, explica Martiño Xosé Vázquez, “o programa vai dirixido a protexer aos propietarios dos inmobles, e as persoas que non dispoñan de recursos non poderán acceder a unha destas vivendas”, poñendo como exemplo o contido do artigo 10 do programa, que “evidencia que existen colectivos, os máis necesitados, que non se beneficiarán nunca deste programa polos criterios económicos fixados polo Partido Popular, que son totalmente excluíntes”.

    Desde o grupo sinalan que “o texto está pensado por alguén alleo á realidade do noso concello”, onde os datos de emancipación xuvenil son alarmantes, de entre 12 e 15 anos por enriba da media europea. “A xuventude que non emigra vive en Ourense precarizada con ingresos medios de 600 ou 700 euros, que ademais as exclúen de optar a ter axudas para o alugueiro. Non ten sentido”.

Ourense en Común urxe o expediente de honra para Arturo Baltar

Ourense en Común urxe o expediente de honra para Arturo Baltar

• A moción na que Ourense en Común propoñía este expediente de honores aprobouse no mes de xaneiro por unanimidade, “o goberno votou que si, pero non fixo nin caso”.
• O próximo martes cumpriráse un ano do pasamento do escultor.
• O “escueto” horario de visitas do espazo expositivo adicado ao escultor “é insuficiente para difundir o seu legado, de incalculable valor etnográfico”.

    Coincidindo coa tradicional inauguración navideña do belén máis senlleiro da cidade de Ourense, e nas vésperas de cumprirse un ano do pasamento do artista, Ourense en Común lembraba hoxe ao equipo de goberno o acordo plenario ao que os catro grupos, por unanimidade, chegaron no mes de xaneiro, aprobando unha moción de Ourense en Común para que se iniciaran os trámites e se abrira un expediente de honra a Arturo Baltar.  “O goberno votou a favor da moción, pero non fixo nada. En Xunta de área reiteradamente preguntamos polo estado da tramitación á edil responsable de cultura, pero nin sabe, nin contesta”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, apremia ao alcalde e ao seu equipo a “comprometerse” e honrar a figura de Arturo Baltar como se acordou naquel pleno, “non é cousa de fotos dun día. Arturo Baltar é un dos ilustres da alcumada por Otero Pedraio como Bela Auria, e o seu legado escultórico un fiel retrato do Ourense do pasado e o presente”, concluíndo que temos unha responsabilidade de xestionar a súa herdanza, de manter vivo o seu espírito e a súa práctica de cidadanía creadora”.

    O grupo lamenta que o espazo no que se expón a obra de Arturo Baltar se promocione “case en exclusiva durante as datas de Nadal”, namentres o resto do ano a súa apertura está reducida a dúas horas nas mañás de luns a venres, “limitando que se difunda debidamente a obra do artista, de inmenso valor etnográfico”.

Ourense en Común alerta sobre o proceder coa axuda de red.es.  “O goberno supera os prazos, mendiga prórrogas e arrisca perder tres millóns de euros”

Ourense en Común alerta sobre o proceder coa axuda de red.es. “O goberno supera os prazos, mendiga prórrogas e arrisca perder tres millóns de euros”

• Este xoves vencen os tres meses dos que o concello dispoñía para formalizar o convenio de colaboración para impulsar o turismo intelixente.
• As bases da convocatoria recollían que, de non asinarse o convenio en prazo, poderíase considerar que o beneficiario renuncia á axuda.
•Ourense en Común require ao goberno “dilixencia e entender a oportunidade deste convenio”, para executar propostas recollidas no documento contratado á Universidade de Vigo para o aproveitamento turístico da chegada do AVE.
•O mesmo edil do Partido Popular, Jorge Pumar, foi tamén responsable de que Ourense perdera o ano pasado 15 millóns de euros en fondos europeos.

    Ourense en Común alertaba esta mañá do risco no que se atopa a subvención concedida ao Concello de Ourense por Red.es, entidade pública empresarial do Ministerio de Economía i Empresa dependente da Secretaría de Estado para o Avance Dixital.

    A resolución desta axuda publicábase o pasado 13 de setembro, data na que empezaba a contar o prazo de tres meses establecido nas bases para formalizar os convenios de colaboración entre as partes. No caso de Ourense, os 2.908.410,93 € para impulsar o programa “Capital Termal Intelixente” proposto polo Concello de Ourense “penden agora dun fío”, ao rematar o prazo este xoves,  13 de decembro, sen que o convenio estea preparado para asinarse.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, destaca a importancia deste convenio como “unha potente inversión que permitiría ir adaptando a cidade ao desenvolvemento turístico do futuro”, e en sucesivas Xuntas da área de Turismo vén facendo seguimento a Jorge Pumar, concelleiro do Partido Popular responsable desta cuestión, “a súa mala xestión xa ten como antecedente que Ourense en 2017 perdera 15 millóns de euros dos fondos EDUSI para o Desenvolvemento Urbano Sostible”, polo que insta ao edil popular e ao equipo de goberno a “traballar con seriedade, celeridade e dilixencia, e entender a oportunidade deste convenio para ir executando propostas que xa están redactadas”,  en referencia ao “Plan estratéxico para o aproveitamento turístico de Ourense a raíz da chegada do AVE”, contratado polo Concello de Ourense á  Universidade de Vigo, “e gardado nun caixón”.

Confírmase: o PP quere aprobar o PXOM en solitario, antes das eleccións e con todos os informes en contra

Confírmase: o PP quere aprobar o PXOM en solitario, antes das eleccións e con todos os informes en contra

• O PP omitiu intencionadamente remitir á intervención municipal a información completa. “Están levando o PXOM a un bucle que resolverán aprobando en solitario o Plan antes de rematar o ciclo electoral, para contentar aos especuladores inmobiliarios”.
• O concelleiro do PP admite que en tres meses forzará a aprobación do PXOM en Xunta de Goberno Local, independentemente da fiscalización do interventor e evitando pasar polo pleno. “Deixarán de novo o futuro urbanístico da cidade cheo de incertidumes e sen seguridade xurídica”.
“As mesmas responsables de que Ourense teña a día de hoxe un plan do 86 queren cometer os mesmos erros. O afán especulador do PP pon en serio risco o urbanismo do Concello”.

    “Un procedemento neglixente e carente por completo de seguridade xurídica”. Así cualificaba Ourense en Común as intencións do PP para o PXOM, logo de que o edil responsable de urbanismo revelara na xunta de área celebrada esta mañá o proceder previsto polo equipo de goberno de poñerlle un prazo de tres meses á intervención municipal -á que lle remitiron o expediente incompleto-, para seguidamente aprobar o Plan en solitario e a porta pechada, esquivando pasar polo pleno, como require o informe da secretaría municipal.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, relata que “é a crónica dunha morte anunciada”, e sinala ao Partido Popular de “cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003, do propio Partido Popular”.

    O grupo apunta a que “son as mesmas persoas responsables de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que no PP “están desbocados, e nos minutos de desconto todo lles vale para contentar intereses privados e devolverlle a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tunearon o PXOM, introduciron centos de modificacións con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e intentarán agora aprobalo facendo trampas, e de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía”.

A mesa redonda “Da rúa ao fogar” aborda con representantes de Progape, Patrulla Callejera, e a Asociación LaCan, os efectos da adopción de animais

A mesa redonda “Da rúa ao fogar” aborda con representantes de Progape, Patrulla Callejera, e a Asociación LaCan, os efectos da adopción de animais

•     Ourense en Común promove o debate coincidindo coa celebración esta semana do Día internacional dos dereitos dos animais.
•     O grupo chama a evitar comprar animais “por impulso” como agasallo de Nadal, xa que “en poucos meses poderían converterse en novos abandonos”.
•     OUeC recollía a pasada semana alimentos, roupa de abrigo, productos de limpeza e outros materiais para cubrir as necesidades dos animais abandonados de Ourense.
•     A palestra celébrase este martes, 11 de decembro, ás 20h, no Espazo en Común das Burgas, 8.

    Co gallo da celebración, do Día internacional dos dereitos dos animais, Ourense en Común promove este martes unha mesa redonda con representantes de Progape, Patrulla Callejera, e a Asociación canina LaCan, na que baixo o título “Da rúa ao fogar” se abordarán os efectos da adopción de animais vítimas de abandono, accidente ou maltrato. “É un cambio extraordinario, tanto na vida do animal como da de quen adopta, apunta Montserrat Valencia, edil do grupo.

    Como en anos anteriores nestas datas, Ourense en Común busca sensibilizar sobre as vantaxes da adopción fronte á compraos animais abandonados merecen unha oportunidade, e así o entenden cando se lles da, son moi nobles e agradecidos cando se sinten rescatados e reintegrados nunha familia”.

    O grupo quere aproveitar ademáis para afondar na concienciación e apelar á prudencia antes de decidir agasallar animais no Nadal. Un animal non é un xoguete, é un ser vivo, que sinte e padece; ao que hai que alimentar, coidar, educar, sacar de paseo e darlle asistencia veterinaria. É un compromiso para toda a vida do animal, unha responsabilidade”, e conclúen que o agasallo de animais por impulso”, podería converterse en novos abandonos.

    A palestra celébrase este martes ás oito da tarde no Espazo en Común, na rúa das Burgas, 8.

Ourense en Común solicita no pleno melloras no transporte e a conexión a internet do perímetro rural

Ourense en Común solicita no pleno melloras no transporte e a conexión a internet do perímetro rural

•     OUeC recolleu en Castro de Beiro o malestar veciñal polas deficiencias e o trato desigual que o rural padece na prestación de servizos públicos.
•     O grupo extende a demanda a núcleos como Palmés, ou Vilar de Astrés que non dispoñen de transporte público directo a un Centro de Saúde de atención primaria.
•     Coa iniciativa “A voz do barrio” o grupo facilita a participación activa da veciñanza no pleno, trasladando en forma de moción as opinións recollidas a pé de rúa.

    Seguindo coa iniciativa “A voz do barrio”, coa que o grupo está a recoller a pé de rúa as denuncias, consellos e opinións da veciñanza de cada zona da cidade, Ourense en Común dará voz no pleno do próximo luns ás veciñas e veciños de Castro de Beiro, logo de visitar o barrio o pasado 18 de novembro.

    O grupo sinala á perda de poboación que padece o rural galego, como “unha das máis dramáticas consecuencias do insuficiente nivel de desenvolvemento logrado no noso país”, e apuntan a que “afecta tamén ao perímetro do concello de Ourense.

    A moción bota man da Ordenanza municipal de administración electrónica do Concello de Ourense,  que recoñece os dereitos da cidadanía en relación coa utilización dos medios electrónicos, e establece obrigas concretas ás administracións públicas para asegurar o acceso, integridade, autenticidade, confidencialidade e conservación dos datos, informacións e servizos. “O Concello non está a garantir os dereitos que recoñece a ordenanza, nin cumpre coas súas obrigas”, denuncian,  “non falamos só do acceso a internet, senón da velocidade e parámetros de calidade da conexión. Hai veciñas en Ourense que non dispoñen de conexión suficiente para poder desenvolver dous trámites electrónicos simultáneamente. Son deficiencias que impiden o desenvolvemento de novas relacións laborais non presenciais, o teletraballo e/ou o comercio electrónico nestes lugares”, e conclúen que a situación supón “unha perda de oportunidades de impulso para moitas destas zonas en plena depresión demográfica”.

    Ourense en Común aborda tamén nesta moción as problemáticas na mobilidade para Palmés, Beiro, Castro de Beiro, ou Vilar de Astrés, “a 15 minutos do centro urbano, non dispoñen de transporte público directo a un Centro de Saúde de atención primaria”, polo que solicitarán no pleno que se modifique o itinerario do transporte público co fin de que estes núcleos podan acceder directamente ao Centro de Saúde da Ponte sen necesidade de facer transbordo.


Ourense en Común ante os actos de celebración do aniversario da Constitución

Ourense en Común ante os actos de celebración do aniversario da Constitución

•     As concelleiras do grupo non asistirán aos actos oficiais programados, e piden deixar de gloriarse dun texto que “excluíu aos Concellos do debate, e hoxe é inútil para resolver as urxencias competenciais dos mesmos”.
•     O grupo considera o documento “anticuado, incapaz de servir ao seu labor, e que precisa reflexión, debate e reformulación, nun novo proceso constituínte que poña en valor o municipalismo”.

    As tres concelleiras de Ourense en Común no Concello comunicaban esta mañá que se absterán de participar na celebración institucional do día da Constitución. “Non hai motivo para celebrar un marco normativo obsoleto, inoperativo e incapaz de servir aos cidadáns. Máis que celebración unha vez ao ano, a Constitución merece unha reformulación”.

    No 40º aniversario da Carta Magna, o grupo apunta a que “o contexto social e político actual é moi diferente ao da transición, o marco xurídico non foi capaz de adaptarse aos novos tempos, e resulta un atraso para o encaixe competencial dos Concellos, os grandes esquecidos no proceso da transición”, sinalando á reforma constitucional de 2011, pactada entre o PP e o PSOE que, reformando o artigo 135 baixo mandato da UE, “esnaquizou a capacidade fiscal municipal”.

    Desde Ourense en Común, “cremos firmemente que é necesario abrir un novo proceso constituínte, unha reformulación en profundidade contando cunha ampla participación social, de cara a elaborar unha nova Carta Magna que sirva ao interese xeral e sexa capaz de garantir os dereitos e liberdades da cidadanía e os pobos que conviven en España por enriba de calquera interese particular

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, lembra que unha consecuencia directa dun cambio no modelo constitucional sería unha re-interpretación de como se calcula por exemplo o teito de gasto”, por considerar que o actual sistema, que toma como valor de referencia o gasto realizado no exercicio precedente, e non o orzamentado, limita moito as posibilidades de investimento dos Concellos”, concluíndo que “logo de 40 anos de deliberado esquecemento ao municipalismo, este aniversario ten que ser para esixir ao goberno do PSOE que aborde xa esta tarefa de impulso dos concellos”.

O acordo Concello-Xunta referente aos viais é unha renuncia do alcalde ao modelo de cidade

O acordo Concello-Xunta referente aos viais é unha renuncia do alcalde ao modelo de cidade

•     O protocolo asinado “responde á necesidade de Jesús Vázquez de acumular méritos para as eleccións, pero hipoteca e pon en risco o que todas queremos e Ourense necesita”.
•     Con este acordo o PP incumpre e paraliza o proxecto Móvete por Ourense, e renuncia expresamente á pacificación do tráfico en rúas como Concordia.
•     Jesús Vázquez “venderá en campaña dúas rotondas na avenida Otero Pedrayo. A cambio Ourense terá que esquecer para sempre o soterramento para a conexión peonil entre os campus”.
•     A obra prevista en Reza ignora as demandas veciñais e vai en contra dun acordo plenario.

    Ourense en Común avaliaba esta mañá nunha rolda de prensa o protocolo de colaboración asinado entre o alcalde de Ourense, e a conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, relativo a intervencións e cambios na titularidade de diferentes rúas de Ourense. 

    O voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, interpretaba que este acordo atende á “necesidade e urxencia do alcalde para poder vender logros en campaña”, e apunta a que Jesús Vázquez “hipoteca e pon en risco o modelo de cidade que todas queremos, ou ben porque non o coñece ou ben porque lle da igual porque necesita obras para vender antes de maio”.

    O grupo da a benvida ás inversións da Xunta cun concello “históricamente discriminado no reparto de fondos autonómicos”, pero aclara que “de facer as obras, que se fagan ben”.

    Apuntan a que o “parcheo en Marcelo Macías non vai solucionar o deterioro da rúa, que continuará padecendo a conxestión do tráficonamentres non se habilite un novo vial entre a Farixa e Saínza”, e denuncian a insistencia da Xunta e o alcalde na obra prevista en Reza, que “ignora as demandas veciñais e vai en contra dun acordo plenario”.

    Martiño X. Vázquez sinalaba ademáis a “renuncia expresa do alcalde á pacificación do tráfico en Concordia”, aclarándolle que “tamén foi complicado peonalizar o Paseo, ou humanizar Pontevedra, pero a ninguén se lle ocorre volver atrás porque ese é o modelo de cidade do futuro, e apunta á “gravidade” polo incumprimento do proxecto Móvete por Ourense, no que se leva traballando máis dun ano.

    O voceiro de Ourense en Común advertía tamén que con este acordo, “Jesús Vázquez venderá en campaña dúas rotondas na avenida Otero Pedrayo, pero a cambio Ourense terá que esquecer para sempre o soterramento para conectar os dous campus”.

    Martiño X. Vázquez avanzaba que “non imos ceder”, e pide ao goberno “rectificar as actuacións previstas en Concordia, aceptar o programa marcado polo Móvete por Ourense”, e compromete que a partir de maio, “desde o goberno ou desde a oposición, presionaremos para que o proxecto de cidade salga adiante, e seguiremos loitando, especialmente polo soterramento da Avenida Otero Pedrayo”.  O grupo rexistraba hoxe unha instancia dirixida á alcaldía a citar á Asociación de Veciños de Reza e “explicarlles, mirandolles á cara por que as súas alegacións non van ser tidas en conta”.