“Ordenanza si, pero non así”. Emendas de OUeC ao proxecto de ordenanza sobre o botellón

“Ordenanza si, pero non así”. Emendas de OUeC ao proxecto de ordenanza sobre o botellón

•     O noso grupo detecta numerosas eivas no contido e a forma dun texto “cheo de ambigüidades, falto de compromisos, excluínte coa participación da mocidade, e que comete a torpeza de empregar terminoloxía controlada polo propio lobby do alcohol”.
•     O borrador obvia normativas vixentes e alude a documentos ás portas de quedar obsoletos.
•     OUeC avaliou o documento nunha mesa de traballo participada con estudantes, ANPAs, colexios profesionais e veciñas e veciños a nivel particular.
•     A consulta cidadá previa á redacción da ordenanza “foi tomada polo goberno como un trámite, non como unha oportunidade de investigar nin abrir o texto á participación. Enquisaron só a 80 persoas, menos do 0,1% da poboación”.

    Dentro do prazo de dez días establecido para a presentación de emendas, Ourense en Común rexistraba onte os disensos aos que o grupo chegou unha vez analizado o borrador en colaboración con colectivos de estudantes, colexios profesionais e veciñas e veciños a nivel particular, aos que o grupo convidou a pasada semana a unha mesa de traballo participada.

    O grupo detecta numerosas eivas no contido e a forma do texto, quereflicte ambigüidade e carencias normativas desde a inconcreta exposición de motivos”, por obviar os textos normativos vixentes na materia, e referir ao Plan Municipal de Saúde, que expira en 2018, o que cualifican como “unha torpeza ás portas de 2019”.

    Cuestionan ademais a intención preventiva do goberno no borrador, ao non contemplarse ningún programa específico nin concretar o xeito de chegar ás aulas, ás ANPAS, aos formadores e formadoras, aos educadores e educadoras, aos orientadores e orientadoras e á sociedade civil xeral, “toda a materia de intencións está sen realizar”, e suxiren que “debe consolidarse como unha obriga para a institución que a xuventude participe activa e directamente na elaboración dos programas alternativos ao botellón”.

    Montserrat Valencia, concelleira de Ourense en Común, que asistiu tamén nesta semana á xornada “Alcohol e menores” organizada pola Universidade de Vigo, bota en falta “compromisos para promover a prevención do consumo de alcohol desde os primeiros ciclos educativos, formando e implicando aos educadores e educadoras, sensibilizando á cidadanía en xeral e fomentando a participación da xuventude nas propostas alternativas de lecer”.

    Sobre o cuestionario habilitado na web municipal previamente á redacción do texto, o grupo apunta a deficiencias básicas no plantexamento das preguntas, “dirixindo as respostas a resultados categóricos e sen matices que dificultan a investigación social”,  e consideran que a mostra de 80 persoas enquisadas non é representativa da poboación do concello de Ourense, polo que conclúen que “a consulta foi un mero trámite, e os resultados inútiles para a redacción da ordenanza”.

Cidade Amiga da Infancia? Ourense está nas antípodas de merecer este recoñecemento

Cidade Amiga da Infancia? Ourense está nas antípodas de merecer este recoñecemento

•     O deficiente mantemento e limpeza nos parques ou a inseguridade viaria revelan unha cidade “nas antípodas de merecer este recoñecemento”.
•    Os recortes e a mala xestión do Partido Popular deixaron nos últimos cursos en Ourense a máis de 200 familias sen axudas escolares.
•     O Partido Popular exclúe a participación infantil na vida municipal, rexeitando a creación dun Parlamento da Infancia, solicitado por Ourense en Común xa en 2016.

    Ourense en Común cuestionaba hoxe o recoñecemento de Unicef ao goberno de Ourense como “Amigo da Infancia”, aclarando ao alcalde que este selo “non é un galardón para poñer nunha colección, non é un xoguete mediático nin unha medalla, é un compromiso e botan en falta “políticas que poñan no centro o benestar dos nenos e as nenas, que garantan os seus dereitos, fomenten a súa participación e fagan que a cidade sexa máis habitable.

    Consultando as bases de Unicef para o outorgamento do Selo, Ourense en Común extrae que “o único que fixo este goberno en tres anos foi encargar a unha consultora o Plan de Infancia, porque o precisaba para concorrer á convocatoria, pero descoidaron todo o demais. Desmantelaron o necesario servizo de conciliación para familias monoparentais, ou o camiño escolar, a única medida que daba protagonismo á infancia fronte a grave ameaza da grande densidade de tráfico que padece Ourense”.

    Á denuncia da perigosidade na seguridade vial ás portas dos colexios, o grupo engade tamén o deficiente mantemento dos parques, e as insuficientes partidas nas axudas para material e comedores escolares, “os recortes do goberno do PP deixaron fóra destas axudas a 200 familias, levando aos membros máis vulnerables da unidade familiar, os nenos e nenas, a unha situación de grave incertidume para o correcto desenvolvemento do curso escolar”.

    Din ademais do goberno de Jesús Vázquez que é excluínte no tocante á participación infantil na vida municipal”, lembrando o voto en contra do Partido Popular no pleno de marzo de 2016 a unha moción de OUeC, na que solicitaban a creación dun Parlamento da Infancia. “Hai unha profunda diferenza entre organizar algunha sesión plenaria infantil illada para que teña eco nos medios de comunicación, e realizar un traballo regular, que permita unha participación real de representantes infantís na política municipal.

    Desde o grupo lamentan que “a día de hoxe, Ourense está moi lonxe de merecer este recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia”, e agardan que o alcalde tome este recoñecemento “como un reto para espertar e acometer todo o que ten pendente por facer, que incremente os recursos, aumente as medidas de conciliación, mellore o espazo público, e dea prioridade á voz, ás necesidades e aos dereitos dos nenos e nenas como parte fundamental das políticas públicas”.

OUeC e PSdeG piden no pleno a adhesión do Concello á campaña “En negro contra as violencias”

OUeC e PSdeG piden no pleno a adhesión do Concello á campaña “En negro contra as violencias”

•     A campaña de sensibilización contra o machismo, iniciada polo goberno de Compostela Aberta en Santiago, medra con novas adhesións cada cada ano. “Só falta Ourense”.
•    Máis de 100 concellos galegos de todas as cores políticas, as deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña, colexios profesionais, e milleiros de establecementos comerciais tinguen de negro estes días os espazos públicos e privados.
•     Na provincia, son xa oito os concellos adheridos á campaña, Barbadás, Verín, Vilar de Santos, Castrelo de Miño, Allariz, Viana do Bolo, Manzaneda e A Pobra de Trives.
•     Os grupos solicitan tamén a urxente posta en marcha da Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Ourense.

    Ourense en Común e o Grupo Socialista no Concello levarán ao pleno de decembro unha moción conxunta, coa que solicitan a adhesión do Concello de Ourense á campaña “En negro contra as violencias”, que tingue de negro os espazos públicos, e mesmo os de propiedade privada, en sinal de rexeitamento frontal contra todas as violencias machistas.

    Lamentan que o goberno municipal do PP no Concello de Ourense “nunca mostrou vontade de adherirse a unha campaña que cada vez ten máis presenza na sociedade, e na que deberían deixar á marxe razóns ideolóxicas ou partidistas”, e estenden tamén a crítica á deputación. “Só falta Ourense, as outras tres deputacións e máis dun cento de concellos están implicados nunha campaña que medra cada ano, fortalecendo o alcance pola propia acción conxunta e en rede”.

    Destacan que a iniciativa, posta en marcha polo goberno de Compostela Aberta en Santiago, “é unha oportunidade que Ourense está perdendo, para enriquecer o traballo contra a lacra da violencia machista, xa que incentiva o contacto entre as Concellerías de Igualdade dos diferentes concellos adheridos, facilita ferramentas para desenvolver as accións, permite compartir información e metodoloxías de traballo, proporciona recursos didácticos para traballar a violencia de xénero nas aulas, e posibilita a participación dos axentes sociais.

    Os grupos destacan na moción as grandes cotas de visibilidade e seguimento social que as mobilizacións do activismo feminista alcanzaron este ano, pero engaden que “a mobilización social precisa tamén do respaldo unánime das institucións e de todos os axentes sociais e económicos para que a loita contra as violencias machistas sexa efectiva”.

    Nos acordos da moción solicitan ademais a posta en marcha da Comisión Provincial de Violencia de Xénero en Ourense, seguindo o exemplo de Coruña, unha das primeiras provincias do Estado nas que se constitúe esta comisión, que pretende coordinar a todas as institucións que traballan para erradicar a violencia de xénero, de tal maneira que non haxa fisuras no sistema de protección ás vítimas.  

A morosidade do goberno de Ourense afoga tamén ás asociacións xuvenís

A morosidade do goberno de Ourense afoga tamén ás asociacións xuvenís

•     Ourense en Común require “prazos sostibles” nas axudas de xuventude, e apuntan a “outro desastre” na xestión de Sofía Godoy. “Estas axudas teñen que funcionar para impulsar as iniciativas, non para estrangulalas”.
•    As subvencións convócanse “a touro pasado e sen pagar aínda as do ano anterior”.
•     O goberno exclúe das axudas ás actividades de menos de 1.000 €, “dinamitando as iniciativas modestas e promovendo o trampeo”.

    Ourense en Común saía hoxe en defensa dos “necesarios incentivos, en forma, en prazo e efectivos” para fortalecer o movemento local de asociacións xuvenís e entidades sen ánimo de lucro en materia de xuventude, algo que dín “non existe coa xestión do Partido Popular”.

    O grupo denuncia a situación das axudas en materia de xuventude e declaran que “a morosidade que arrastra o concello se está extendendo ao pago de subvencións. As axudas concedidas o ano pasado aínda non foron abonadas ás entidades, e a situación así faise insostible. Engaden ademais que, cos prazos da nova convocatoria, “o escenario é aínda máis dantesco”xa que antes do 30 de novembro as asociacións teñen que ter executadas as actividades, “arriscando medios e recursos sen saber se terán subvención. Non tén ningún sentido”.

    Ademais do “desastre nos pagos e nos prazos”, Doval critica tamén o “desacertado” de excluir das subvencións ás actividades modestas, “con esto elimínanse pequenas iniciativas que poden ser igual de valiosas que outras de maior custe, e incentívase a trampa, pode ser que cheguen xustificacións con facturas infladas para chegar aos 1.000 euros que se exixen para concorrer ás subvencións”.

    Miguel Doval equipara esta “crítica situación” no departamento de Xuventude que dirixe Sofía Godoy, co de Cultura, en mans de Belén Iglesias “é o mesmo proceder, outro estrangulamento, outra agresión que condena aos movementos xuvenís e culturais a unha situación totalmente deficitaria e a un escenario desolador neste concello.

    O grupo conclúe que as bases das subvencións de xuventude, como as de cultura,  están “moi lonxe” de motivar, dinamizar e apoiar o mantemento e funcionamento das asociacións xuvenís e as entidades sen ánimo de lucro do Concello.

Este xoves abrimos o debate que nega o goberno. Falamos do “botellón”

Este xoves abrimos o debate que nega o goberno. Falamos do “botellón”

•     Ourense en Común convocou a colectivos e entidades e chama á cidadanía a participar e involucrarse na redacción da ordenanza.
•    Colectivos de estudiantes, ANPAs ou Colexios Profesionais xa confirmaron a súa participación na mesa de traballo.
•     A mesa está convocada para este xoves, 22 de novembro, desde as 19h30 no Espazo en Común das Burgas.

    Logo de que os grupos con representación na corporación recibiran a pasada semana o borrador que propón o goberno para a Ordenanza que busca regular o consumo de alcohol no espazo público, e dentro do prazo de emendas habilitado, Ourense en Común celebra mañá xoves unha mesa participada para avaliar o texto, e a posibilidade de propoñer cambios e/ou melloras ao mesmo.

    O grupo convocou formalmente xa o pasado venres a colexios profesionais, delegacións de alumnos das diferentes facultades do Campus Universitario, asociacións estudiantís, de pais e nais, e outras entidades, facilitándolles xa o borrador proposto polo goberno para a futura ordenanza, e obtendo “moi boa receptividade por parte dos colectivos, que agradecen que a súa visión sexa tida en conta para enriquecer o debate”.

    Ourense en Común critica os métodos do goberno na confección desta e outras ordenanzas, “adoitan tomar decisións unilaterais e obstrúen calquer viso de consulta participada”, explica Montserrat Valencia, edil do grupo, que defende que desde OUeC “mantemos a aposta pola necesaria participación da cidadanía na política e as decisións municipais. A participación é poder, e a democracia non é o voto illado cada catro anos. Esta ordenanza afectará a toda a cidadanía, e as veciñas e vecinos teñen o dereito de acceder á información e contar con este espazo para o diálogo”.

    O debate celebrarase mañá xoves, desde as 19h30 da tarde, no Espazo en Común das Burgas.

Pedimos ao goberno compromisos co cumprimento da Lei de Memoria Histórica

Pedimos ao goberno compromisos co cumprimento da Lei de Memoria Histórica

•     Once anos despois de entrar en vigor, o Concello de Ourense incumpre a Lei e mantén aínda numerosos vestixios da ditadura franquista.
•    Unha moción de Ourense en Común fixo que fose retirada a medalla de ouro da cidade, outorgada en 1946 ao ditador Francisco Franco.
•     O goberno popular non deu cumprimento aínda a outras mocións de OUeC aprobadas no pleno, para a retirada de símbolos da Falanxe, o cambio de nome da Praza Alférez provisional, ou a posta en valor de espazos que coa ditadura foron de fusilamento.

    Na véspera do 43º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, Ourense en Común manifestábase hoxe sobre a necesidade de acabar definitivamente coas moitas manifestacións que en Ourense aínda se manteñen do réxime, e exixe ao goberno da cidade a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, “once anos despois da entrada en vigor da Lei, os resultados en Ourense son completamente deficientes”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, relataba hoxe as numerosas iniciativas que o seu grupo promoveu desde 2015, para a retirada das placas franquistas de rúas e edificios da cidade, para cambiar o nome á praza Alférez Provisional, ou para poñer en valor espazos onde centos de ourensáns foron sometidos e fusilados, como o Campo de Aragón ou o Campo do Cumial, “as mocións sairon aprobadas con maioría do pleno, pero este goberno nada fixo para cumprir cos acordos”.  Únicamente se fixo efectiva a retirada ao ditador da medalla de ouro da cidade de Ourense, que lle fóra outorgada en 1946.

    Desde o grupo lamentan que os vestixios do franquismo permanezan presentes en Ourense,  “no Polvorín ou Covadonga aínda poden verse placas co xugo e as frechas da Falanxe, ou inscricións do Ministerio de Vivenda franquista, e a Praza Alférez provisional debeu eliminarse do noso rueiro hai tempo, como se fixo co que hoxe son Progreso e Concordia”, apunta Martiño X. Vázquez, “temos o deber de poñer fin á simboloxía de enaltecemento fascista nas rúas da nosa cidade para recuperar a expresión democrática. Son símbolos contrarios á lei, trátase cumprila”.

OUeC urxe rectificación para significar a memoria de Asunción González e das vítimas de violencia machista nun lugar “visible e simbólico”

OUeC urxe rectificación para significar a memoria de Asunción González e das vítimas de violencia machista nun lugar “visible e simbólico”

•     En contra de todo o Consello Municipal de Igualdade, Sofía Godoy quere homenaxear cun parque para cans á primeira vítima de violencia machista en Ourense.
•    CCOO, Esquerda Unida, o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, o sindicato STEG, Ourense en Común e Podemos Ourense uníanse esta mañá reivindicando outro espazo para visibilizar a lacra da violencia machista.
•     OUeC buscará o apoio do PsdeG para solicitar a celebración dun pleno extraordinario para rectificar o expediente.

    Ourense en Común sumábase hoxe á petición rexistrada por CCOO, Esquerda Unida, o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, o sindicato STEG, e Podemos Ourense contra a decisión da edil Sofía Godoy, “unilateral e en contra de todo o Consello Municipal de Igualdadede adicar os terreos da antiga depuradora de Reza, na contorna inmediata a un parque canino, a Asunción González, a que foi a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada no concello de Ourense.

    Montserrat Valencia, edil de OueC, lembraba esta mañá que foi unha iniciativa de Ourense en Común, en abril de 2017, a que activou a vontade de feminizar o espazo público e nomear unha praza como Asunción González, “para dignificar a memoria da primeira vítima en Ourense, a de todas as mulleres sometidas á violencia patriarcal, e saldar unha débeda histórica con moitas mulleres invisibles a ollos dunha sociedade masculina”, pero critica como un escándalo” que o Partido Popular e Sofía Godoy “afeen a iniciativa ata a marxinalidade, levando a homenaxe a un parque para cans ao carón dunha depuradora”.

    A idea de Sofía Godoy foi “frontalmente rexeitada por todos os colectivos presentes no Consello Municipal de Igualdade, que entenden que o espazo “non cumpre os obxectivos de visibilización, concienciación nin resignificación das vítimas da violencia machista”, e desde Ourense en Común propúxose que sexa un espazo simbólico e visible o que leve o nome de Asunción González. Propuxemos por exemplo a praza onde está a castañeira, onde o feminismo da cidade adoita concentrarse contra os asasinatos machistas, e contamos co respaldo inmediato de todo o Consello Municipal. Pero Sofía Godoy ignora o parecer das alí representadas”.

    Desde Ourense en Común avanzan que “buscaremos o apoio do PSOE para solicitar de urxencia un pleno extraordinario, e darlle a oportunidade ao goberno de rectificar. Non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal. O sitio non debe ser un parque para cans”.

Propoñemos a creación do premio “Florentino Cuevillas” de investigación en patrimonio local

Propoñemos a creación do premio “Florentino Cuevillas” de investigación en patrimonio local

•     Ourense en Común levará ao pleno a creación dun convenio entre o Concello, a Universidade, o Arquivo Histórico e o Museo Arqueolóxico, para dotar de valor os estudos neste eido, e achegar a toda a cidadanía ao coñecemento do noso patrimonio.
•    “A mellor homenaxe e honra que se lle pode facer a Florentino Cuevillas é agromar a súa semente. Que a súa obra xere o xermolo para coñecer a nosa historia e ao tempo garantir o seu futuro”.
•     Monumentos, xacementos arqueolóxicos e edificios históricos padecen en Ourense a “ameaza do abandono dun goberno que nada fai para a súa conservación e recuperación”.

    Coincidindo co aniversario do nacemento de Florentino Cuevillas, Ourense en Común facía pública esta mañá unha iniciativa coa que solicitará a creación dun premioen nome deste ilustre veciño”, para “destacar o labor das que estudan e documentan a nosa historia, e poñer en valor o noso patrimonio, garantindo o seu coñecemento pola cidadanía”.

    O ourensán Florentino López Cuevillas, foi cofundador da revista Nós, integrante das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, “ademais de antropólogo, historiador, e pai da arqueoloxía científica galega”, apunta Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, que lamenta que “na mesma cidade que o víu nacer, monumentos como o Mosteiro de Santa Comba de Naves, edificios históricos como a Casa Taboada ou xacementos arqueolóxicos como a necrópole medieval de Vilar ou o Castro de Oira, esmorecen no abandono”.

    Ourense en Común solicitou en pleno varias veces a elaboración dun inventariado patrimonial municipal, con informes de valoración e diagnose sobre o seu estado de conservación, do que partir para elaborar un plan de acción a futuro, “pero DO e PP votaron en contra, lembra o voceiro do grupo. “Solicitamos tamén a recuperación do mosteiro de Santa Comba de Naves ou a devolución aos veciños da Ponte Codesal, pero nada foi feito por este goberno do PP para a recuperación do patrimonio de Ourense”.

    Martiño Xosé Vázquez defende comofundamental” garantir o acceso da cidadanía ao patrimonio, e entende que para isto “é necesario coñecelo e poñelo en valor”, polo que desde o grupo buscarán no pleno “que se active un programa de investigación e de recuperación do patrimonio local (arqueolóxico, histórico, artístico, natural e cultural…) en colaboración cos diferentes axentes (Museo, Universidade…), que permitiría ir creando espazos etnográficos de interese, produtos atractivos e complementarios á oferta termal da cidade que atraerían turismo e dinamizarían a economía local”. 

Ourense en Común e En Marea levan ao Congreso o debate sobre as deficiencias na estación intermodal de Ourense

Ourense en Común e En Marea levan ao Congreso o debate sobre as deficiencias na estación intermodal de Ourense

•     A nova estación prevista facilita a conexión entre barrios, suporá un caos circulatorio, e tapiará tras un “muro da vergoña” os edificios da Avda. De Marín.
•    As concelleiras de OUeC na corporación ourensá rexistraban a pasada semana as súas alegacións ao proxecto.
•     A deputada por En Marea, Alexandra Fernández, presentaba esta mañá no Congreso unha proposición non de lei na que se trasladan suxestións de mellora nas que o grupo traballou en colaboración con Ourense en Común.

    Na mesma liña que avanzara Ourense en Común, que xa rexistraba as súas alegacións a pasada semana, a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentaba esta mañá na Cámara Baixa unha proposición non de lei e unha serie de preguntas para que o Ministerio de Fomento (Adif) modifique o proxecto de Estación Intermodal de Ourense, cuxo Estudo Informativo foi sometido a información pública ata hoxe, en que remataba o prazo para presentar alegacións.

    Logo de traballar as propostas en colaboración con Ourense en Común, a deputada de En Marea explica a Fomento os problemas dos que adoece o proxecto presentado, que non cumpre cos obxectivos establecidos no Convenio Marco de Colaboración asinado entre o Ministerio, a Xunta, o Concello de Ourense e Adif para a Estación Intermodal. “O plan presentado non mellora a mobilidade sustentable de xeito eficiente, porque non aporta unha saída autónoma aos 261 autobuses diarios previstos. Polo tanto, a conxestión de tráfico na contorna da estación aumentará nun 200%”.  Ademáis explica que o proxecto “non supón unha mellora da permeabilidade transversal da cidade no entorno da estación, profundizando así a fenda existente entre os barrios de A Ponte e Praza da Mariña”. Resalta asemade que non se liberen espazos fundamentais ocupados por vías ou antigas construcións en estado de abandono, o que “obriga a situar o caixón ferroviario moi perto da Avenida Marín, un deseño que terá un impacto negativo na calidade da vida”.

    As eivas no plantexamento do proxecto foron transmitidas por Ourense en Común e En Marea a Fomento, facendo ambos grupos fincapé nas “rigorosas, completas e fundamentadas” alegacións rexistradas tamén polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Os grupos piden  “que todas as alegacións sexan tomadas en serio, tidas en conta e que se proceda a redefinir o proxecto da Intermodal”.

    Como conclusión, desde Ourense en Común, o seu voceiro, Martiño X. Vázquez reflexiona que “é preciso que Ourense teña unha Estación Intermodal que se integre plenamente coa cidade, sen impactos negativos na dinámica urbana. Falamos dunha oportunidade de rexeneración urbana única. Levamos anos agardando a chegada da AV, pero ten que chegar da maneira máis digna”.

Ourense en Común bota en falta o Centro de Interpretación da Ponte Vella aprobado polo pleno

Ourense en Común bota en falta o Centro de Interpretación da Ponte Vella aprobado polo pleno

•    A corporación foi unánime dando apoio á moción presentada polo grupo no mes de agosto, para converter a oficina de información turística da Ponte Vella nun Centro de Interpretación do monumento.
•    A oficina de turismo quedará sen uso coñecido logo do acordo entre a Xunta e o Concello de Ourense para centralizar a información turística nas instalacións municipais.
•    O grupo celebra o compromiso cos deportes urbanos, lembrando que foi unha moción de OUeC en colaboración cos colectivos o que impulsou a necesidade dunhas novas instalacións de skate e un pumptrack.

    Logo da presentación en Ourense da segunda fase do proxecto de posta en valor da Ponte Vella, Ourense en Común manifestaba hoxe botar en falta o Centro de Interpretación do monumento que, a proposta do grupo en forma de moción, a corporación ourensá aprobaba unánimemente no pasado mes de agosto.

    Desde o grupo cualifican como “unha torpeza” que a intención da Xunta de clausurar a oficina de turismo da Ponte Vella, e o acordo no Concello para a súa reconversión en aula interpretativa, non fóran vistos polo Partido Popular como “unha oportunidade ben simple de  incorporar á presentación de hoxe o compromiso real coa Ponte e a súa historia, criticando ademais o “conformismo do alcalde, por non exixir máis”.

    Declaran que “está moi ben enfatizar cun mirador as vistas ao Miño, pero se o que se quere poñer en valor é a Ponte, tamén hai que mirar cara ao propio monumento, polo que insisten  na necesidade de “comprometer o uso” ao que se van destinar esas dependencias, transformándoas nun “espazo con sentido e contido, onde dar a coñecer a toda a veciñanza de Ourense e aos visitantes a historia desta importante infraestrutura, hoxe Ben de Interese Cultural, que permitiu poñer en contacto as dúas beiras do Miño”.