Ourense en Común insta ao Concello a solicitar o cambio de xornada para o CEIP Seixalbo

Ourense en Común insta ao Concello a solicitar o cambio de xornada para o CEIP Seixalbo

• O 95% da comunidade educativa solicita un cambio de horario na xornada lectiva “imposta pola empresa do transporte”.
• O grupo confía en que o resto da corporación se sume á petición de manter a xornada continua todo o curso escolar.
• Os douscentos alumnos e alumnas do centro sofren na actualidade un horario “antipedagóxico”, mesturando horas curriculares e extraescolares.

    Ourense en Común trasladará ao pleno municipal as demandas da comunidade educativa do CEIP de Seixalbo, que solicita un cambio na xornada lectiva do centro, atendendo a “criterios pedagóxicos e non de rendibilidade empresarial.

    O grupo denuncia as “graves consecuencias” que está a sofrer o alumnado pola negativa do transporte para manter durante todo o curso escolar o horario continuado dos meses de xuño e setembro (de 9:30 a 14:30 horas); unha cuestión que “se pode corrixir  se é certa a vontade da Xunta” que manifesta a Conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, de “adaptar o transporte ás necesidades reais de cada centro”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de OUeC, responsabiliza ás empresas que xestionan o transporte ao centro, duns horarios “impostos”, que cualifica de “incomprensibles”, xa que os nenos e nenas, ao rematar o comedor e as actividades extraescolares, teñen que retornar ás aulas unha hora máis”, con carga lectiva de materias curriculares. “É evidente que as empresas fan máis servizos ao marxe do centro, e queren facturar o máximo posible”.

    O grupo defende que “o horario escolar ten que ser fixado baixo criterios pedagóxicos, para garantir a calidade do ensino”, e consideran inadmisible” que neste centro as condicións sexan “pautadas polas empresas e non se igualen ao resto de centros públicos da cidade que “gozan de xornada continuada”.

    O CEIP Seixalbo conta na actualidade con 199 alumnos e alumnas, dos Concellos de Ourense, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Paderne de Allariz, polo que “a maioría dependen do transporte para chegar ao centro educativo”.

Ourense en Común solicita unha declaración institucional do Concello en defensa da CRTVG

Ourense en Común solicita unha declaración institucional do Concello en defensa da CRTVG

• A dirección do ente público prevé suprimir a partir de setembro a información local na Radio Galega.
• Os contidos serán centralizados en Compostela, sendo susceptibles de manipularse co único fin de favorecer ao PP .
• A pasada semana a Deputación rexeitaba por unanimidade o desmantelamento dos informativos locais.

    Ourense en Común solicitaba esta mañá, a través do rexistro municipal, a convocatoria dunha Xunta de Voceiros, co fin de consensuar entre os catro grupos con representación no Concello, unha declaración institucional “que inste á dirección da CRTVG a reconsiderar a súa decisión de eliminar as desconexións locais da Radio Galega e afondar no deber de atender a demanda informativa da veciñanza de Ourense”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo,  lembra que a razón de ser” da CRTVG é a de dar un “servizo público, impulsar a participación e dar voz á pluralidade”, e denuncia que a supresión dos informativos locais “é un golpe ás asociacións veciñais, e colectivos, aos que se lles quita un espazo onde facerse ouvir, e  un agravio para o conxunto da cidadanía, á que se veta do dereito a ter acceso a unha información próxima e útil sobre o lugar no que viven”.

    O grupo buscará o respaldo de toda a corporación, en defensa da información de proximidade e interpreta que a decisión de desmantelar” as desconexións locais atende únicamente ao “interese do Partido Popular de controlar a información local de cara ás eleccións municipais de 2019”.

Ourense en Común presenta currículos para que a vacante no Tribunal Económico Administrativo do Concello se cubra “sen enchufes”

Ourense en Común presenta currículos para que a vacante no Tribunal Económico Administrativo do Concello se cubra “sen enchufes”

• O grupo abriu unha convocatoria pola que busca “a transparencia no proceso e na xestión municipal”.
• Catro currículos, de dous homes e dúas mulleres, foron recibidos no proceso aberto polo grupo a principios de mes.
• OUeC esixe ao goberno “que sexan valorados” e o posto se cubra co perfil que mellor se axuste ás necesidades do traballo.

    Ourense en Común entregaba hoxe, a través do rexistro do Concello, un total de catro currículos, de outros tantos profesionais, para “que se teñan en consideración e avalíen” no proceso para cubrir o posto vacante na Secretaría do Tribunal Económico-Administrativo do Concello de Ourense.

    Dende que no pasado mes de decembro a praza quedara vacante, Ourense en Común vén solicitando ao goberno que sexa substituída mediante un concurso público, e “non a dedo como quere facer o alcalde”. Segundo o voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, “é necesario acabar co enchufismo e estas vellas prácticas de libre designación. Calquera posto dentro da administración pública debería fixarse por baremos obxectivos, valorando os méritos profesionais que garantan a profesionalidade e imparcialidade futura na súa xestión”.

    É por esto que o grupo facía un chamamento, a principios deste mes de maio, para recibir currículos e que a persoa que entre no cargo “sexa realmente a que mellor se axuste ás necesidades do traballo”.

    O Tribunal Económico-Administrativo Municipal é o órgano especializado para o coñecemento e resolución das reclamacións económico-administrativas do Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez explica que o da Secretaría do Tribunal “é un cargo sensible”, xa que as súas funcións inclúen a tramitación de expedientes de reclamacións económico-administrativas, a redacción de resolucións, ou o arquivo de libros de rexistro e actas, e conclúe que de ser designado “a dedo” polo alcalde, será “susceptible de que o traballo estea condicionado para ir cara onde o goberno quere, e non cara ao interese xeral do Concello”.

Ourense en Común e PSOE reclamarán no pleno a paralización da cesión da Casa da Maxia á Deputación

Ourense en Común e PSOE reclamarán no pleno a paralización da cesión da Casa da Maxia á Deputación

• A intervención municipal advirte de irregularidades no expediente e apunta a criterios “moi diverxentes, incluso contrarios á cesión”.
• Co Museo dos Bolechas suprimiríase a ludoteca e outros servizos necesarios para a cidade, que ademais perdería un inmoble de máis de medio millón de euros.
• Os grupos tamén defenderán conxuntamente no pleno de xuño, a modificación da senda prevista en Reza.

    O Grupo Socialista e Ourense en Común levarán ao pleno de xuño unha moción compartida coa que instan ao Goberno Municipal á revogación urxente do procedemento para agasallar coa Casa da Maxia á Deputación de Ourense, e pedirán que este equipamento se conserve como anexo ao Centro Cívico Colón, co compromiso de “que se manteñan e implementen as actividades de conciliación laboral e familiar que se viñan a levar a cabo no mesmo”.

    Os grupos tomaron a determinación de levar a pleno esta cuestión logo de que coñecer, o pasado 8 de maio, o informe de intervención que devolve ao servizo de Urbanismo o expediente, por basearse en criterios interpretativos moi diverxentes, incluso contrarios á cesión”, e vulnerar a Orde do 25 de febreiro de 1982, no que respecta ao exercicio das funcións do persoal, e mesmo a propia RPT do Concello, ao non incluír o correspondente informe do Xefe de Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística, un trámite “esencial” en este tipo de expedientes.

    Tanto Ourense en Común como o PSOE foron moi críticos desde que se coñecera a intención do goberno do Concello de “agasallar á Deputación con este inmoble, denunciando a axenda oculta coa que se estivo a tramitar, advertindo das flagrantes irregularidades que agora se coñecen, e sinalando a patrimonialización que o Partido Popular fai do público”.

    Alertan de que a pretensión da Alcaldía e a Deputación é “desmantelar os servizos públicos que se prestan neste espazo, como as actividades de apoio e reforzo escolar, que foron xa paulatinamente desaparecendo das instalacións, e cuestionan a rendabilidade e viabilidade do proxecto como Museo dos Bolechas, que ademais podería poñer en risco a subvención de 400.000 € ao abeiro do Plan Urban coa que o inmoble foi restaurado. “As veciñas de Ourense perderían un edificio valorado en máis de medio millón de euros, e destinado a prestar servizos fundamentais para a conciliación familiar e o desenvolvemento asociativo”.

Ourense en Común recolle este xoves as demandas do barrio de San Francisco

Ourense en Común recolle este xoves as demandas do barrio de San Francisco

• A veciñanza poderá denunciar e compartir a súa visión do barrio mañá, desde as 20h, no cruce entre Pena Trevinca e Pena Corneira.
• O grupo visitou anteriormente A Ponte, O Couto e o Posío, convertindo a voz da rúa en mocións plenarias para a mellora dos barrios.
• Na visita, farán tamén unha simulación da “barreira infranqueable” que se prevé coa entrada do AVE cruzando Ourense.

    Ourense en Común continúa mañá xoves coa campaña “A voz do barrio”, coa que está percorrendo a cidade facilitando a participación activa da veciñanza, “cedéndolles a palabra para comunicar, denunciar, aconsellar, e compartir as súas opinión acerca do espazo onde habitan, e cuxas demandas se convirten logo en iniciativas que o grupo está levando ao Pleno Municipal.

    Logo de visitar A Ponte, O Couto e a contorna do Posío nos meses recentes, farán este xoves parada en San Francisco.

    Unha cámara de vídeo e un micrófono estarán á disposición das veciñas e veciños desde as 20h no encontro entre as rúas Pena Trevinca e Pena Corneira, para que quen así o desexe, poida exercer o seu dereito de libre opinión e xenerar debate sobre o barrio. O grupo quere fomentar con esta campaña a idea duns “barrios vivos, con espazos para o encontro nas rúas e prazas”.

    A visita servirá tamén para facer unha simulación da  “grave fenda” coa que os muros do AVE  “van ferir á cidade cunha barreira infranqueable que dividirá barrios enteiros, un deles este de San Francisco”.

Ourense en Común denuncia a política lingüística no Concello de Ourense

Ourense en Común denuncia a política lingüística no Concello de Ourense

• A actividade na institución incumpre “a diario” a Ordenanza Municipal de Normalización.
• Mocións, expedientes, ou actas, redáctanse “sistemáticamente en castelán, excluíndo ao galego, que tamén se bota en falta nas intervencións plenarias”.
• A comisión que a propia ordenanza establece para garantir o seu cumprimento, non existe.
• O grupo lamenta o último episodio da “persecución cultural” do goberno de Jesús Vázquez, “expulsando aos libros da rúa” no Día das Letras.

    Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, Ourense en Común quixo hoxe denunciar avergoñenta” política lingüistica no Concello de Ourense, que “acusa diariamente a exclusión do galego”.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, apunta á “falta de seguimento para garantir o cumprimento” da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística, que tamén atinxe ás empresas adxudicatarias ou concesionarias, establecendo que as actuacións internas, as actas, ditames, informes e propostas, expedientes, os programas informáticos, e mesmo a atención ao cidadán, sexan en galego.

    Desde o grupo lamentan que a diario” se incumpre esta norma, e valorarán pedir formalmente que a comisión que a propia ordenanza establece se convoque, xa que “non temos noticias de que exista con este goberno. Denuncian a persecución da cultura que exerce o goberno de Jesús Vázquez, e sinalan como lamentable” a última actuación “expulsando aos libros do Paseo nun día como o de hoxe”.

    O voceiro de OUeC extende o compromiso a toda a corporación, a redacción das mocións e as intervencións nos plenos adoecen habitualmente de consolidar ao castelán como opción prioritaria”.

Ourense en Común cualifica a Jesús Vázquez como “o Torquemada contra o galego”

Ourense en Común cualifica a Jesús Vázquez como “o Torquemada contra o galego”

• Por vez primeira en 25 anos o Paseo non contará no Día das Letras cun espazo onde poder coñecer e adquirir as novidades da literatura galega.
• O goberno do Partido Popular denega a axuda á Asociación de Libreiros e prohibe os permisos para vender libros nas rúas o Día das Letras.
• OUeC chama á veciñanza a acudir de igual modo ao Paseo e apoiar aos libreiros que aínda sen o permiso municipal estarán na rúa reivindicando a lingua e literatura galegas.

    Dende Ourense en Común denuncian “o novo ataque á cultura e á lingua galega do goberno do Partido Popular no Concello de Ourense”. O portavoz do grupo, Martiño Xosé Vázquez, reflexiona “se ben nunca entendemos cal era a razón pola que no pleno de marzo de 2016 o Partido Popular votaba en contra da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, co seu proceder nestes anos, queda claro“, e afirma que “estamos perante un goberno que practica o xenocidio cultural e Jesús Vázquez é o Torquemada contra o galego”.

    Así de contundente amósase Ourense en Común ao coñecer que por vez primeira en 25 anos o Paseo non contará no Día das Letras cun espazo onde poder coñecer e adquirir as novidades da literatura galega. Así é que a área de Cultura do Concello de Ourense denegoulle novamente a axuda que aportaba á Asociación de Libreiros de Ourense para instalar na Rúa do Paseo unha carpa, formando parte dos actos conmemorativos en prol do Día das Letras Galegas.

    “É alarmante, só unhas semanas despois de facer o ridículo premiando un cartel dos maios plaxiado dunha artista norteamericana, dinamita un evento cultural con máis de vinte anos de tradición. Estamos perante un goberno que menospreza á cultura. Se cobrar taxas por ocupación de vía pública a organizacións sen ánimo de lucro por organizar eventos culturais non era suficiente, agora prohibe directamente vender libros na rúa o Día das Letras“.

    Fai mención así Ourense en Común á negativa do goberno popular a permitir ademais a instalación de carpas propias dalgunhas librerías, que despois de denegarlle a axuda á Asociación de Libreiros pretendían instalarse pola súa conta na Rúa do Paseo. O grupo chama a acudir de igual modo á rúa do Paseo e apoiar aos libreiros que aínda sen o permiso municipal estarán na rúa reivindicando a lingua e literatura galegas.

Ourense en Común e PSOE levan ao pleno o rexeitamento da veciñanza de Reza á senda prevista polo Partido Popular

Ourense en Común e PSOE levan ao pleno o rexeitamento da veciñanza de Reza á senda prevista polo Partido Popular

• O goberno de Jesús Vázquez e a Xunta de Galicia planearon unha actuación en Reza “de costas á veciñanza”.
• A moción pide a modificación do proxecto ou a súa supresión de acordo coas alegacións presentadas polos veciños de Reza.
• De permitirse a actuación prevista polo PP a veciñanza de Reza terá graves consecuencias en materia de accesibilidade e seguridade viaria.

    Na mañá de hoxe, os grupos municipais de Ourense en Común e o PSdeG-PSOE no Concello de Ourense rexistraban unha moción conxunta para o próximo pleno do mes de xuño. Nesta, instan ao goberno municipal do Partido Popular e á Xunta de Galicia aatender as numerosas queixas da veciñanza de Reza”. Pídese que o proxecto de senda ciclista e peonil, prevista para este núcleo, se modifique de ser posible, ou en caso contrario, a súa paralización.

    Os grupos municipais promotores da moción enumeran na proposta as numerosas eivas e problemáticas dun proxecto elaborado “de costas á veciñanza, vulnerando o seu dereito á información e participación pública como contempla a lei”. Apuntan asemade que, de executarse a obra “suporá privar de aparcamento a toda a veciñanza de Reza e numerosos problemas de accesibilidade ás vivendas”, así como graves riscos de seguridade viaria ao ser “unha actuación illada e desconectada do núcleo urbano, sen camiños seguros e previsión para a redución da velocidade nese tramo”.

    A moción insta a procurar alternativas para levar adiante outros proxectos necesarios na cidade ao abeiro da subvención. Non podemos perder máis de un millón de euros de inversión pero tampouco malgastalos ocasionando graves prexuízos á veciñanza de Reza que unicamente reivindican o dereito a ter unhas beirarrúas no seu barrio”.

    “Un proxecto que debería ser beneficioso para todo Ourense non pode facerse a costa do benestar da veciñanza de Reza. Os usos que se pretenden son incompatibles, débense escoitar e atender as alegacións e no caso de que non sexa posible modificar o proxecto é mellor non realizalo”.

Ourense en Común recolle currículos para cubrir “sen enchufes” a vacante no Tribunal Económico Administrativo do Concello

Ourense en Común recolle currículos para cubrir “sen enchufes” a vacante no Tribunal Económico Administrativo do Concello

• O grupo pedíu un concurso público “que garanta a transparencia na xestión municipal”, pero o PP quere designar o posto “a dedo, coma sempre”.
• Búscanse perfís con competencias en materia económica, xurídica ou financeira para un posto por catro anos prorrogables.
• As interesadas poderán enviar o seu CV ao grupo por correo-e ata o mércores 16. Ourense en Común comprométese a “esixir que sexan valorados”.

    Ourense en Común tomou a determinación de actuar como mediador para cubrir o posto vacante na Secretaría do Tribunal Económico-Administrativo do Concello de Ourense, e facía hoxe un chamamento aberto para recibir currículums e que a persoa que entre no cargo “sexa realmente a que mellor se axusta ás necesidades do traballo”.

    Dende que no pasado mes de decembro a praza quedara vacante, Ourense en Común vén solicitando ao goberno que sexa substituída mediante un concurso público, e “non a dedo como quere facer o alcalde”. Segundo o voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, é necesario acabar co enchufismo e estas vellas prácticas de libre designación. Calquera posto dentro da administración pública debería fixarse por baremos obxectivos, valorando os méritos profesionais que garantan a profesionalidade e imparcialidade futura na súa xestión”.

    O grupo chama ás persoas interesadas que cumpran os requisitos, a que lles envíen os seus currículos ao correo-e ourenseencomun@ourense.gal antes do próximo mércores 16 de maio. A persoa candidata deberá posuír titulación superior universitaria e recoñecida competencia técnica en materia económica, xurídica ou financeira, valorándose especialmente, a súa condición de funcionaria/o con habilitación de carácter estatal e a súa experiencia no ámbito da facenda municipal. O posto a cubrir tería unha duración de 4 anos, con posibilidade de prórroga.

    O Tribunal Económico-Administrativo Municipal é o órgano especializado para o coñecemento e resolución das reclamacións económico-administrativas do Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez explica que o da Secretaría do Tribunal é un cargo sensible”, xa que as súas funcións inclúen a tramitación de expedientes de reclamacións económico-administrativas, a redacción de resolucións, ou o arquivo de libros de rexistro e actas, e conclúe que de ser designado “a dedo” polo alcalde, será “susceptible de que o traballo estea condicionado para ir cara onde o goberno quere, e non cara ao interese xeral de Ourense”.

Ourense en Común denuncia na fiscalía o posible fraude na xestión do Matadoiro Municipal

Ourense en Común denuncia na fiscalía o posible fraude na xestión do Matadoiro Municipal

• Só no ano 2015, a concesionaria puido eludir seis mil cabezas de gando no pago de tasas ao Concello.
• Ourense en Común sospeita de que esta práctica sexa “continuada no tempo durante os últimos anos”.
• O Concello está sendo un “colaborador necesario” no fraude por “poñer trabas e paralizar a investigación”.

    O edil de Ourense en Común, Miguel Doval, facía pública esta mañá a denuncia que o seu grupo presentaba hoxe ante a fiscalía, polos desaxustes entre os datos de control sanitario e os partes entregados ao concello pola xerencia do Matadoiro Municipal, e as incongruencias nas liquidacións das taxas que a concesionaria paga como canon ao Concello.

    Doval expuxo os datos referentes ao ano 2015, cotexados entre os partes de cabezas de gando emitidos pola empresa, cos do libro de control sanitario de sacrificio da Consellería de Sanidade, que revelan “desfases de perto de 3000 cordeiros, 2000 cabritos e máis dun cento de tenreiros”, rexistrados polos veterinarios de Sanidade, pero omitidos nos partes entregados ao Concello. Son “entre oitenta e cen toneladas de carne non declarada só no ano 2015, e collendo os datos máis favorables”.

    Doval engade que a Concellería de Comercio, que debera ser responsable de facer seguimento dos partes de sacrificio e recadar as tasas correspondentes, está sendo un “colaborador necesario nun fraude que podería ser continuado no tempo”.

    O edil lembra que na comisión de investigación sobre esta cuestión, constituída a petición de Ourense en Común en marzo de 2016, “todo foron trabas”;  explica que o seu grupo tivo que recorrer á valedora do pobo, á delegación de Sanidade e ao Parlamento para conseguir a documentación que a investigación precisaba, e lamenta que o resto de gruposnon teñen interés en que esto se clarifique”.

    Ourense en Común vén solicitando reiteradamente que se reactive a comisión de investigación, sen convocarse desde xullo de 2017, e advirte que ao remate da concesión, que conclúe a finais do próximo mes de xuño, “non remata o fraude, as responsabilidades destas circunstancias seguirán aí ata que se esclarezan”.