Ourense en Común chama á unidade no 1º de maio “pola recuperación do dereito ao traballo”

Ourense en Común chama á unidade no 1º de maio “pola recuperación do dereito ao traballo”

• O grupo denuncia a nula política en materia de emprego do goberno de Jesús Vázquez e pedirá en pleno a redacción dun Plan Local de Emprego que frene a sangría laboral no Concello.
• Ourense é a única provincia de España na que a poboación inactiva supera aos traballadores en activo.
• A organización municipalista agradece aos colectivos de pensionistas e ao movemento feminista por “visibilizar as importantes ameazas aos nosos dereitos básicos”.

    Ourense en Común súmase mañá ás reivindicacións para celebrar o Día Internacional das Traballadoras e Traballadores, e chama a participar masivamente nas rúas este primeiro de maio, para facer fronte a “estes tempos de reformas e perda de dereitos da clase obreira”.

    A loita contra o paro é un dos grandes retos en Ourense. Temos un “desemprego estrutural en aumento, consecuencia dun tecido económico débil e dunha ausencia de medidas firmes que deteñan unha sangría que se ceba especialmente coa mocidade e as mulleres”. Así, o grupo reclama a necesidade de xenerar emprego “estable, digno, de calidade e equitativo”.

    Fronte á precariedade, contra as privatizacións e os recortes, contra a perda de dereitos, e os abusos do poder económico, Ourense en Común chama a tomar as rúas para esixir o traballo como unha “necesidade básica que toda persoa debería ter cuberta para unha vida digna”.

    O grupo considera o día de mañá unha oportunidade para “denunciar o menosprezo do Partido Popular ao dereito a unhas pensións dignas, e seguir mostrando o pulo da marea feminista que desde o 8 de marzo percorre imparable as rúas do Estado”.

Ourense en Común esixe no pleno a xestión directa municipal da Casa de acollida a vítimas de violencia

Ourense en Común esixe no pleno a xestión directa municipal da Casa de acollida a vítimas de violencia

• A adxudicación quedou deserta e pasará a prestarse en precario no mes de xuño, sen que o servizo estea asegurado cara ao futuro.
• O subdelegado do goberno en Ourense corrixe a Sofía Godoy, que se escuda na Lei Montoro para desbotar a xestión municipal.
• O grupo solicita que se cumpra o protocolo da Rede Galega de Acollemento e se faga partícipe ao Consello Municipal de Igualdade na prestación do servizo.
• En Marea chama ao goberno da Xunta a intervir sobre esta cuestión e garantir a xestión pública da Casa de Acollida.

    Logo de denunciar en repetidas ocasións o incumprimento do Concello de Ourense do protocolo da Rede Galega de Acollemento, e despois de que o concurso para a xestión da Casa de Acollida de Vítimas de Violencia de Xénero quedara recentemente deserto, Ourense en Común volverá a levar ao pleno en maio a petición para que o Concello asuma a xestión deste servizo, “fundamental e de manifesta utilidade pública por intervir cunha parte importante e vulnerable da sociedade”.

    Ourense en Común retoma esta petición tras as recentes declaracións do subdelegado do goberno en Ourense, Roberto Castro, quen afirma que “é posible contratar persoal se son necesarios os servizos e queda xustificado. Se é ben fundamentado pódese contratar persoal para a Casa de Acollida, aínda máis ao tratarse dunha capital de provincia”; declaracións que corrixen as falsas escusas” da concelleira delegada na materia, Sofía Godoy, que quere eludir” a súa responsabilidade “escudándose” nos impedimentos da nomeada como “Lei Montoro” ideada polo seu propio partido.

    A iniciativa volve ao pleno logo de que os votos en contra do Partido Popular e Democracia Ourensana impediran o acordo xa no pasado mes setembro, e chegará tamén ao Parlamento de Galicia a través de En Marea na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego, onde o grupo chamará á Xunta a intervir e colaborar co Concello de Ourense para garantir que a cidade teña unha Casa de acollida de xestión pública, dotada cos recursos humanos e materiais suficientes.

Ourense en Común reclama no pleno a “necesaria e urxente” rehabilitación do Xardín do Posío

Ourense en Común reclama no pleno a “necesaria e urxente” rehabilitación do Xardín do Posío

• Bancos rotos, árbores talladas ou secas, humidades, e bordos con tropezos constantes poñen de manifesto o “abandono histórico” do Xardín.
• O PP evita dotar de orzamento a execución malia a admitir ser “consciente da problemática”.
• A moción xurde da visita de OUeC á contorna do Xardín coa iniciativa “A Voz do Barrio”, coa que están a recoller as inquedanzas da veciñanza da cidade.

    A iniciativa “A voz do barrio”, de Ourense en Común, está recollendo as inquedanzas da veciñanza por diferentes áreas da cidade e visitaba o pasado 7 de abril a contorna do Xardín do Posío, detectando unha ampla demanda entre as residentes nesta zona referida ao abandono histórico” do Xardín.

    Cos comentarios e suxerencias veciñais, o grupo defenderá a través dunha moción, no pleno de maio, a petición para que o goberno municipal acometa “de forma urxente” accións de seguridade, accesibilidade, rehabilitación e posta en valor deste espazo.

    A corporación xa aprobara por unanimidade no pleno de xullo de 2017 unha iniciativa neste camiño, pero coa abstención do goberno do PP para comprometer nos vindeiros Orzamentos Municipais unha partida económica para a súa execución.

    O propio edil popular responsable da área de Infraestruturas, Jose Araujo, admitía en xunta de área “ser consciente da problemática” pero escúdase na falta de fondos para realizar as obras; unha cuestión “de fácil soluciónpara Ourense en Común, xa que podería xestionarse mediante a figura da modificación orzamentaria “como o fan para o que necesitan, como o fracasado plan de obras”.

    No ano 1985, case un século e medio despois da súa inauguración como Xardín Botánico ligado á cátedra de Física, Química e Historia Natural do antigo Instituto de Segunda Ensinanza (actual IES Otero Pedraio), as manifestacións veciñais obrigaron ao goberno municipal a acometer unha reforma urxente do lugar. Máis de tres décadas despois, Ourense en Común volve a poñer o foco sobre o completo abandono do Xardín do Posío.

Ourense en Común pide a comparecencia dos edís de Infraestruturas e Seguridade Cidadá na Mesa de Mobilidade

Ourense en Común pide a comparecencia dos edís de Infraestruturas e Seguridade Cidadá na Mesa de Mobilidade

• A mobilidade na cidade está “igual ou peor” que cando o Partido Popular chegou ao goberno. “En mil días nada se fixo”.
• O traballo dos colectivos representados na Mesa de Mobilidade foi “silenciado” polo goberno hai dous anos.
• OUeC avalía os novos valados da Habana como “obstáculos para o peón que reforzan a hexemonía do coche”.

    Coincidindo coa celebración do Día mundial da bicicleta, pensado para promover o uso deste medio de transporte, chamar a atención sobre os dereitos dos ciclistas e destacar os seus beneficios para a saúde e a mobilidade sostible, Ourense en Común avaliaba hoxe como moi revelador” que este día non se celebre en Ourense.

    O grupo requiría esta mañá a través do rexistro municipal, a convocatoria da Mesa da Mobilidade, coa comparecencia pública dos responsables e Infraestruturas e Seguridade Cidadá, Jose Araujo e Carlos Campos, para que dean “explicacións pola ausencia de políticas nesta materia nos mil días que levan no goberno”.

    Na Mesa da Mobilidade, creada a petición de Ourense en Común e desmantelada despois polo equipo de goberno, diferentes colectivos “traballaron arreoe presentaron propostas con “vontade construtiva e esperanzadora, das que o goberno “non emprendeu nin unha soa acción”, sendo ademais “incapaces de consolidar” ningún proxecto nesta área, referíndose ao proceso denominado Móvete por Ourense, que contando co respaldo de todos os partidos da corporación, está “co cronograma superado e carente de recursos materiais e orzamentarios para chegar a dar froitos”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de OUeC, recrimina ao Partido Popular a súa “falta de respecto ao traballo dos colectivos” e lembra que “hai xa dous anos que a mesa da mobilidade non se convoca”, lamentando que “con este desleixo”, Ourense perdeunha oportunidade valiosísima” para poñer solucións a unha cuestión que “cada vez preocupa máisá veciñanza.

    A impunidade cos excesos de velocidade e os aparcamentos en dobre fila, o deficiente servizo de transporte público e a dependencia do vehículo a motor, están convertendo a Ourense nunha cidade “conxestionada, deshumanizada e hostil para os desprazamentos sustentables, a pé ou en bici”.

    O grupo critica ademais a “torpeza” de poñerlle “novas barreiras aos peóns” en interseccións que son “un itinerario lóxico e requiren “permeabilidade, e non atrancos, en referencia aos valados que se están a instalar nos cruces da Avenida da Habana, que “obstaculizan” e “forzan a discontinuidade do itinerario peonil, perpetuando a soberanía dos vehículos”.

Ourense en Común pide “programación e previsión” no mantemento das áreas verdes municipais

Ourense en Común pide “programación e previsión” no mantemento das áreas verdes municipais

• A vexetación exténdese sen control logo das últimas chuvias, incrementando a imaxe de abandono persistente en todo o Concello, “que parece un monte”.
• A ordenanza municipal de limpeza de solares impón normas ás veciñas que o Concello non cumple.

    Ourense en Común chama ao concelleiro responsable de Medio Ambiente, Jose Araujo, a “poñerse a traballar e asumir as súas competencias” para abordar a recurrente problemática que acusan os solares municipais e áreas verdes, “devoradas pola vexetación incontrolada”.

    O grupo pide “máis previsiónna limpeza das ribeiras dos ríos, áreas de lecer, e camiños do Concello. Observan que a cidade está “sobrepasada pola maleza”, e requiren traballos de desbroce que “manteñan os espazos públicos en boas condicións, eviten o risco de incendios, e a presenza de pulgas ou roedores”.

    Miguel Doval, edil de OUeC, fai fincapé en que “é precisa outra estratexia”, xa que “coa desidia deste goberno, os parques parecen un monte”, e advirte de que “todo apunta a que afrontaremos de novo os meses de calor encomendando o monte á chuvia, pasou outro ano e seguimos sen Plan de Incendios, nin Plan de Emerxencias Municipal, ferramentas esenciais para garantir a seguridade no caso en que se produza unha emerxencia”.

OUeC reclama “máis autonomía municipal” na nova lei sobre augas termais que prepara a Xunta

OUeC reclama “máis autonomía municipal” na nova lei sobre augas termais que prepara a Xunta

•    O texto estase elaborando únicamente con empresas do sector balnearios, excluíndo aos concellos con xacementos termais.
• O grupo detecta no anteproxecto “incoherencias e inconcrecións” que non garanten a sustentabilidade e salubridade no aproveitamento dos acuíferos.
• O borrador contempla “prórrogas excesivas” de ata 75 anos nas concesións para a explotación dos xacementos termais.

    Ourense en Común presentaba esta semana nove alegacións ao Anteproxecto de lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia que prepara a Xunta de Galicia, entendendo que concellos como o de Ourense, onde abrollan augas susceptibles de aproveitamento termal, “teñen moito que dicir”.

    O grupo denuncia a falta de participación dos consistorios na elaboración do anteproxecto, que “se está a tramitar en exclusiva con empresas interesadas en lucrarse coa xestión dos balnearios”, e alerta de que o texto “non prevé áreas termais de xestión directa municipal que permitan ofertar un turismo termal accesible económicamente a todos os públicos”.

    As alegacións recollen tamén críticas ao incoherente” método de declaración de “augas termais”, xa que, segundo o borrador, non se precisará informe das augas en materia de Sanidade, cando un dos fins é velar pola salubridade e hixiene destas. “Parece máis acaído establecer a salubridade inicialmente, e garantir o mantemento nesas condicións durante a autorización ou concesión”.

    Ourense en Común bota tamén en falta que non se requira información relevante sobre o impacto na economía, a empregabilidade, ou desenvolvemento turístico do lugar onde se asente un proxecto de explotación termal, e suxire un plan que fomente o cooperativismo, para que de xeito sostible, pequenas empresas poidan participar do tecido empresarial asociado ás augas termais.

    O grupo critica ademais a “inconcreción” sobre as posibles contraprestacións, ou non, pola utilización das augas e considera excesivos” os 75 anos de prórroga nas concesións que contempla o anteproxecto, xa que pode dar pe a “un monopolio con carta branca para privatizar o público”.

OUeC propón nomear como Praza da República ao Campo de Aragón, onde un cento de ourensáns foron fusilados

OUeC propón nomear como Praza da República ao Campo de Aragón, onde un cento de ourensáns foron fusilados

•    A moción busca dar cumprimento á Lei da Memoria Histórica e “dignificar aos ourensáns caídos na súa loita por defender a democracia e a liberdade”.
•    Entre os fusilados no Campo de Aragón, morreu o entón alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, deixando unha carta escrita unha hora antes da súa morte.
•    O grupo acompaña a moción dun informe pericial sobre o Campo de Aragón, desenvolvido polo historiador Xosé Lois Gómez García, sobre estudos de especialistas de universidades galegas.
•    A praza quedará delimitada entre os edificios do novo complexo cultural de San Francisco.

    Coincidindo coa conmemoración do 87º aniversario da proclamación da II República, Ourense en Común rexistraba esta semana unha moción que defenderá no vindeiro pleno ordinario do mes de maio, na que instan ao goberno a poñer en valor, como lugar da Memoria Histórica, o Campo de Aragón do antigo Cuartel de San Francisco de Ourense, “o lugar máis tinguido de sangue de toda Galiciapola represión que seguiu ao Alzamento Nacional.

    O grupo aproveita que os anos de obras no antigo cuartel “semella que están a rematar”, para propoñer “un recoñecemento ás persoas que alí caeron, vítimas da barbarie fascista”.

    Nos acordos da moción, solicitan nomear a praza entre os edificios da nova biblioteca, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas da cidade de Ourense, como Praza da República, instalando nela un monumento como “testemuño dos fusilamentos alí perpetrados e homenaxe ás que loitaron en prol da democracia e a liberdade”, recollendo nunha placa os nomes e apelidos de todas as vítimas, e noutra, a carta escrita polo entón alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, horas antes de morrer fusilado nese lugar o día 27 de xullo de 1937, como “símbolo para que as novas xeracións coñezan a magnitude do que significou a barbarie fascista”.

    Segundo os datos recollidos polo Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, no Campo de Aragón de Ourense, morreron fusiladas por orde da autoridade militar 119 persoas; un número que se eleva ate as 133 mortes segundo outras fontes, en ambos casos un número superior aos de outros lugares de represión galegos tan emblemáticos como o Arsenal Punta do Martiño en Ferrol, con 93 fusilados, o cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela, con 76, ou Punta Herminia, na Coruña, con 64.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, lamenta que “nada ou case nada se fixo pola memoria dos caídos no Campo de Aragón”, destacando a iniciativa de Amigos da República, que no ano 2005 levantaron un monumento sufragado por subscrición popular, na fosa común do cemiterio de San Francisco, e considera “unha vergoña” que en Ourense “as institucións non fagan nada por dignificar a memoria deses paisanos inxustamente pasados polas armas, e á República, o sistema democrático máis avanzado dos que endexamais gozou o noso país”.

Ourense en Común insiste na necesidade de que o servizo de protección ás mulleres vítimas de violencia sexa de xestión directa municipal

Ourense en Común insiste na necesidade de que o servizo de protección ás mulleres vítimas de violencia sexa de xestión directa municipal

•    A adxudicación da Casa de Acollida de Ourense quedou deserta e pasará a prestarse en precario no mes de xuño sen que o servizo estea asegurado cara ao futuro.
• O grupo solicita que se cumpra o protocolo da Rede Galega de Acollemento e se faga partícipe ao Consello Municipal de Igualdade na prestación do servizo.
• PP e Democracia Ourensana rexeitan a xestión directa municipal, que Ourense en Común propuxera no pleno do pasado setembro en forma de moción.
• A Rede de Acollida, en A Coruña, ou o Centro de Emerxencia para Mulleres de Vigo, son exemplos de xestión pública.

    Logo de que o goberno declarara deserta a adxudicación da xestión da Casa de Acollida, Ourense en Común reitera a denuncia da “situación de abandono e desmantelamento insostible” na área de servizos sociais que dirixe Sofía Godoy, e considera moi grave” que a partir de xuño a prestación deste servizo sexa “unha total incertidume”.

    O grupo incide na necesidade de contar cun centro de acollemento “público e de xestión directa municipal, que garanta o servizo a todas aquelas mulleres que sofren violencia machista, ás súas fillas e fillos menores ou a calquera outra persoa dependente delas, entendendo que é “un recurso fundamental e un servizo de  manifesta utilidade pública”; unha proposta desbotada no pleno do pasado mes de setembro cos votos en contra do Partido Popular e Democracia Ourensana, e da que  “xa estamos a ver as consecuencias”.

    O grupo defende que “a protección ás mulleres é unha obriga dos poderes públicos” e critica que en Ourense haxa “unha manifesta contradición entre o carácter aconfesional da administración e o abandono das súas obrigas en favor dunha congregación”.

    OUeC ten manifestado en repetidas ocasións a súa disconformidade con que o servizo non se desenvolva en Ourense segundo recolle o protocolo da Rede Galega de Acollemento, e estea en mans dunha orde relixiosa “case supeditado á beneficencia”, pois a maioría do horario laboral do servizo está imputado a “persoal que non percibe salario”.

    O grupo cita exemplos de centros galegos que dependen directamente da xestión pública, como o caso de A Coruña ou Vigo, que contan con recursos especializados, residenciais e temporais, e ofrecen axeitadamente acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia, para garantir a súa integridade psicolóxica e a súa autonomía social e económica.

Ledicia Piñeiro renuncia á súa acta como concelleira na corporación de Ourense

Ledicia Piñeiro renuncia á súa acta como concelleira na corporación de Ourense

•    Esixencias na súa vida profesional fan incompatible o seu traballo co “tempo que require atender con honestidade e rigor o cargo no Concello”.
• Piñeiro manifesta sentirse “honrada” de ter pertencido á corporación municipal e manifesta que “esto non é unha despedida” e que “seguirei construíndo alí onde estea”.
• Coa consigna “da praza ao pazo” coa que OUeC chegou ao Concello en 2015, Ledicia apela á xente do común a continuar o relevo das anteriores municipais para “gobernar o Concello Ourense en 2019 con Martiño X. Vázquez á cabeza”.

    Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Espazo en Común, Ledicia Piñeiro facía pública a súa renuncia como concelleira na corporación municipal ourensá.

    A edil de Ourense Ourense en Común aclarou que a motivación que a leva a abandonar o cargo é exclusivamente laboral”, aclarando que neste momento é preciso adicar o meu tempo, a miña atención e esforzos á vida profesional”, polo que considera de xustiza” coas votantes e as veciñas de Ourense “dar un paso a un lado e ceder o seu espazo a quen poida adicarlle o tempo que require”.

    Piñeiro aclara que isto non é unha despedidae que seguirá “construíndo e aportando para “fortalecer e facer medrar o espazo de ruptura contra as políticas de agresión do Partido Popular da precariedade, a corrupción, os PXOM con intereses especulativos ou as RPT  con vontade enchufista” e “para que unha nova orde social agrome.

    Ledicia tivo palabras de agradecemento aos seus compañeiros de grupo, Martiño X. Vázquez e Miguel Doval “aos que lle debo absolutamente todo”, á asemblea de Ourense en Común “por ser o motor de todo, ao movemento municipalista, cun agarimo especial a Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez, os alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol “por atender sempre con xenerosidade a chamada de Ourense en Común”, ás traballadoras e traballadores dos servizos municipais, “polo seu compromiso diario con Ourense e as súas veciñas”, con especial mención ao corpo de bombeiros, a policía local, ás traballadoras das áreas sociais, da limpeza e alguacís, ao resto da corporación “das que de moitas me levo un lindo recordo, e á prensa “por acudir ás nosas chamadas.

    Se a consigna foi en 2015 da praza ao pazo, Ledicia Piñeiro anunciaba así que “volvo á praza, de volta ao activismo e á loita na rúa”, e empraza á cidadanía de Ourense á nova chamada de 2019para continuar co relevo e que a xente común, humilde e traballadora, goberne no Concello de Ourense con Martiño X. Vázquez á cabeza”.

Ourense en Común presenta dez alegacións á nova RPT

Ourense en Común presenta dez alegacións á nova RPT

•    Un informe revela “erros, irregularidades e ilegalidades” nun documento que debera aprobar o Pleno e non a Xunta de Goberno Local como pretende o PP, e reflectirse nos orzamentos.
•    A análise foi contratada por OUeC a un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional.
•    Martiño X. Vázquez prognostica un “aluvión de alegacións” a unha RPT que “perpetúa o sistema caciquil e regulariza os enchufes practicados durante anos”.

        Ourense en Común presentaba no día de onte dez alegacións á nova Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense, en base a unha auditoría contratada polo grupo a un equipo de técnicos.

    O informe de 80 páxinas no que se basearon as alegacións presentadas polo grupo, deixa en evidencia o “interese premeditado” do Partido Popular en aprobar unha RPT coa que “perpetuar os centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense”.

    As alegacións presentadas inclúen reparos ao órgano competente para aprobar a propia RPT, que “debera ser o Pleno como no caso dos orzamentos”, e non a Xunta de Goberno Local como pretende facer o Partido Popular. “Pola incapacidade do goberno para negociar os orzamentos, pretenden usar a XGL como órgano para modificar as condicións dos traballadores do Concello de Ourense, cando isto supón un impacto económico nos propios orzamentos, que deberán reflectir os créditos correspondentes para cada posto de traballo”.

    O grupo alega tamén que non exista un organigrama que vertebre esta RPT, que é “unha mera relación de servizos e postos, sen un sentido organizativo que busque a eficiencia dos recursos humanos do consistorio”.

    Sobre as fichas de persoal, o informe redactado polos expertos en materia económica e política institucional detecta na RPT “erros, irregularidades, incoherencias, arbitrariedades e incluso ilegalidades”, e ademais carece de trazabilidade no tocante a cal é a situación actual e como quedaría despois. “Cantos postos de traballo estaban aprobados, cantos quedan, cantos postos da actual RPT se amortizan, cantos se modifican?, cantos postos novos se crean?, cantos están vacantes?, como pensa tratar o Concello os postos de traballo en fraude de Lei?”, cuestionaba esta mañá Martiño X. Vázquez en rolda de prensa.

    As alegacións do grupo inclúen ademais reparos aos criterios de valoración, “en cada posto aparece unha puntuación sen saber as razóns polas que a ten”, ás relacións laborais dos postos de traballo, que “consideran persoal laboral postos de xardineiro ou de oficial mecánico, namentres se deixan fóra cargos como o de operaria de cemiterios ou ludotecaria”, ou ás retribucións básicasen postos de categoría A-1 non se require ningún tipo de formación, namentres a postos de categoría Agrupación Profesional, sen formación oficial regrada, se lle esixe a ESO”.

    O grupo conclúe que a RPT aprobada polo equipo de Jesús Vázquez “é un inventario de postos deseñado a medida para regularizar unha situación irregular, para manter unha rede clientelar e a estrutura de poder que afunde Ourense”.