Mulleres na política debaten en Ourense os retos do feminismo nas institucións

Mulleres na política debaten en Ourense os retos do feminismo nas institucións

• A voceira de Podemos no Congreso, Irene Montero, compartirá palestra con deputadas de En Marea e concelleiras da Marea Atlántica e Ourense en Común .
• O encontro, aberto ao público, celebrarase este sábado ás 12h no Salón de actos da Biblioteca, na rúa Concello.

    Ourense en Común promove para este sábado unha mesa redonda coa participación de cinco mulleres na primeira liña da política, que baixo o título “Os retos do feminismo na política das comúns”, abordarán os desafíos que afronta a revolución feminista do noso século.

    Ledicia Piñeiro, edil de OUeC no Concello de Ourense, exercerá como anfitrioa para moderar o debate entre Irene Montero, voceira de Podemos no Congreso dos Deputados, xunto con deputadas de En Marea no Congreso e o Parlamento, e a responsable de Igualdade e Diversidade do goberno coruñés da Marea Atlántica.

    A concelleira de Ourense en Común explica que coa xornada de mañá queren “defender e visibilizar” o “imprescindible papel da muller na adopción de decisións e na formulación de políticas públicas”, e explica que “a democracia só terá un significado verdadeiro cando as políticas sexan decididas conxuntamente por homes e mulleres, prestando unha atención equitativa aos intereses e aptitudes das dúas metades da poboación.”

O Plan de Infancia do Concello exclúe un compromiso educativo para a igualdade de xénero

O Plan de Infancia do Concello exclúe un compromiso educativo para a igualdade de xénero

• Ourense en Común propuxo charlas e obradoiros que fomenten nos nenos e nenas un pensamento consciente pola igualdade e o respecto á diversidade.
• A proposta desbotouse baixo criterios persoais, sen avaliar a viabilidade de implementala.
• Outras achegas presentadas polo grupo, relativas ás áreas de medio ambiente e urbanismo, conciliación, saúde, ou participación, sí que foron incorporadas ao Plan.

    Ourense en Común denuncia a subxectividade nos criterios para desbotar unha das emendas que o grupo presentou ao Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense, na que se propuña incorporar ao plan o compromiso de desenvolver actividades sobre a diversidade sexual, a  desmitificación do ideal de “amor romántico”, ou a equidade de xénero, entendendo a educación comopiar fundamental para construir desde a primeira idade unha sociedade igualitaria, lonxe de roles de xénero e comportamentos abusivos”.

    A proposta foi desbotada nun informe que pondera a proposta desde unha valoración persoal, e que está “lonxe dunha valoración da viabilidade técnica, que entendemos é o que se require”, polo que o grupo pide que sexa reconsiderada.

    Ledicia Piñeiro expón que “se hai vontade real de  combater a desigualdade e a violencia de xénero, é fundamental o traballo desde a educación”, e toma como exemplo unha das charlas ou obradoiros que o seu grupo propón. “É importante desmontar os mitos do amor romántico, que estipula o que significa namorarse ou o que hai que sentir, e representa  un importante factor de risco para establecer relacións tóxicas, de desequilibrio de poder nas parellas e por tanto, de provocar a aceptación, normalización, xustificación ou tolerancia de comportamentos cara a violencia de xénero”.

    Ademais da nomeada, Ourense en Común presentara no pasado mes de novembro outras emendas ao plan, que si foron incorporadas ao documento definitivo. Nelas, o grupo pedía entre outras, recuperar programas municipais como o Camiño Escolar, a incorporación de pizarras dixitais nas aulas dos centros educativos, ou a creación dun Parlamento da Infancia.

Ourense en Común solicitará no pleno unha segunda exposición pública do PXOM

Ourense en Común solicitará no pleno unha segunda exposición pública do PXOM

• O Plan do Partido Popular reduce as zonas verdes, aumenta o aproveitamento lucrativo do chan e reduce as cargas aos promotores urbanísticos.
• O PXOM que se pretende aprobar non é o exposto en 2014, con modificacións “favorecendo a quen pretende facer negocio, e non cidade”.
• A Finca Deputación incrementa nun 112% o seu aproveitamento con fins de lucro con respecto ao plan exposto públicamente en 2014.

    Ourense en Común presentaba por rexistro no día de hoxe unha moción para solicitar no vindeiro pleno do mes de abril que o equipo de goberno do Partido Popular proceda a iniciar os trámites necesarios para que o PXOM sexa exposto de novo ao público antes da súa aprobación definitiva; unha petición que volve de novo ao pleno despois de que Partido Popular e Partido Socialista votaran en contra desta iniciativa no mes de outubro de 2015. Daquela díxosenos que era precipitado, agora xa non”.

    Martiño X. Vázquez explicaba esta mañá  que en 2015 o seu grupo tiña “indicios” de que o Partido Popular pretendía modificar o texto aprobado inicialmente, e conclúe que despois de analizar en detalle todo o documento, “agora temos a certeza de que é así”.

    Nunha rolda de prensa convocada esta mañá, o voceiro de Ourense en Común facía referencia a graves alteracións introducidas no Plan, “para favorecer intereses privados”. Entre outros destacaba o aumento do aproveitamento lucrativo do chan en polígonos concretos, como o 14 e o 23, propiedade do presidente da Federación Galega de Construtores, que se incrementa nun 25%, ou o caso do polígono 43, a nomeada como Finca Deputación en Mariñamansa, que aumenta nun 112% o seu aproveitamento con fins de lucro.

    Martiño denunciaba ademais a redución do 18% de zonas verdes, o aumento de case un 40% na edificación para núcleos rurais, a supresión de cargas urbanísticas a determinados promotores inmobiliarios, a regularización indiscriminada de construcións sen licenza ás que se lle permite ademais aumentar en volume e o cambio no modelo de xestión, pasando de cooperación a compensación, “deixando o desenvolvemento da cidade en mans de especuladores”.

    O grupo explica que este PXOM “ten tantas modificacións que non pode aprobarse segundo o procedemento previsto polo Partido Popular. Debe ser exposto novamente”, e culpabilizan ao concelleiro de urbanismo de “adiar a aprobación dun documento esencial para Ourense para favorecer intereses privados”.

O goberno do PP agochou durante 8 meses un informe que esixe medidas urxentes contra o radón

O goberno do PP agochou durante 8 meses un informe que esixe medidas urxentes contra o radón

• En xullo de 2017 o servizo de prevención de riscos laborais do Concello demandaba “tomar medidas urxentes” cos traballadores expostos ao gas.
• O persoal nos servizos de intervención, reprografía ou limpeza continúan expostos a este gas tóxico.
• Ourense en Común solicitaba de novo hoxe o traslado de todo o persoal afectado e pide extender as medicións ao Centro Cívico Colón e o Edificio de Novas Tecnoloxías.

    Desde que no mes de novembro Ourense en Común denunciara públicamente a ocultación sistemática dos datos referentes ao radón por parte do equipo de goberno, non foi ata a pasada semana que o grupo tivo acceso ao expediente aberto polo Concello en abril de 2017, en referencia aos índices do gas en dependencias municipais.

    Tras a consulta do mesmo, o grupo conclúe que o edil responsable desta cuestión, Jorge Pumar Tesouro, “é coñecedor desde xullo de 2017 da grave e alarmante situación á que está exposto o persoal de varios servizos do Concello”, tal e como se recolle no expediente, no que figura a súa sinatura solicitando as primeiras medicións en abril dese ano, e en base ás que os servizos de prevención do propio Concello de Ourense emitían un informe con data do 7 de xullo de 2017 que recolle [sic] que “Teniendo en cuenta que ya se conocen los resultados de la medición inicial, y que ya obra en su concejalía, y que hay trabajadores que están sometidos a concentraciones superiores a los límites indicados por la instrución técnica mencionada más arriba ROGAMOS SE TOMEN MEDIDAS URGENTES AL MENOS CON AQUELLOS TRABAJADORES CUYA EXPOSICIÓN SUPERE LOS VALORES LÍMITE EN BEQUERELIOS ESTABLECIDOS Y SE TRASLADEN A OTRA UBICACIÓN EN DONDE NO SE VEAN AFECTADOS POR TAL EXPOSICIÓN O ESTA SEA LEGALMENTE PERMITIDA”.

    5 meses pasaron ata que en decembro foi trasladado parte do persoal ubicado no soto da Casa Consistorial, pero sen extender as medidas preventivas a todo o persoal municipal, especialmente exposto na Cárcere da Coroa, onde se alcanzan picos de ata 1695 Bq, ou no Centro de Iniciativas Empresariais, onde hai estancias que chegan aos 5836 Bq sendo o permitido 300Bq.

    Ourense en Común estuda a posibilidade de emprender accións legais contra o goberno e o edil responsable, Jorge Pumar, pola “gravidade de desestimar as consideracións dos servizos de prevención, que o pode enfrontar a un posible delito contra a saúde pública, por non informar nin protexer ás traballadoras”.

    Ao tempo, o grupo vén de rexistrar unha solicitude para que se inicien novas medicións no Centro Cívico Colón, por “contar no seu interior con traballadores e cativos que poden estar expostos a este gas durante longos períodos de tempo e no Edificio de Novas Tecnoloxías, nunca aberto, para “estudar a posibilidade de empregalo namentres se soluciona o problema no resto de dependencias afectadas”.

    A exposición ao radón é a segunda causa de cancro de pulmón en España e Ourense é un dos concellos á cabeza no índice de exposición ao gas, pero “para o PP semella que é tan invisible o gas como a problemática que pode provocar”, afirman dende OUeC. “De novo presenciamos a desidia e falta de responsabilidade deste goberno”, que está “moi lonxe” de cumprir a Directiva Europea 2013/59/EURATOM que xa entrou en vigor, e que obriga a realizar medicións periódicas en espazos de traballo en áreas de risco, a establecer niveis de referencia para as concentracións do gas, emprender accións para protexer a saúde dos traballadores, e a dar a coñecer o problema entre a poboación, garantindo información local relativa á exposición ao radón e aos riscos asociados para a saúde.  

Martiño Xosé Vázquez será o cabeza de lista de OUeC nas eleccións municipais de 2019

Martiño Xosé Vázquez será o cabeza de lista de OUeC nas eleccións municipais de 2019

• O actual voceiro do grupo acada o 96,61% de respaldo.
• As medidas de corrección de xénero aprobadas por Ourense en Común obrigarán a que os postos 2, 3 e 4 da candidatura sexan ocupados por mulleres.
• O resto da lista definirase no mes de outubro de 2018.

    A asemblea aberta que cada ano celebra Ourense en Común, denominada RePensar OUeC, celebrada o 27 de xaneiro de 2018 aprobou o Regulamento de Primarias co que a organización municipalista configuraría a súa lista para as eleccións municipais do próximo ano 2019.

    Toda vez aprobado por consenso este documento, público e accesible na web ourenseencomun.gal, abríase a primeira fase para escoller á cabeza de lista e para inscribirse no censo que habilitaba para participar no proceso.

    Calquera persoa interesada podería inscribirse para votar e tamén presentar a súa candidatura para encabezar o proxecto de Ourense en Común en 2019. A diferencia doutras organizacións políticas non se solicitaban avais de ningún tipo, pero si a validación de cando menos 2/3 da asemblea para poder participar. Pretendíase deste modo garantir un  equilibrio entre a apertura do proceso e o grado de aceptación das candidatas entre as persoas participantes de Ourense en Común.

    A esta asemblea, celebrada o venres 23 de febreiro no Espazo en Común das Burgas, presentáronse tres candidaturas das que só foi validada a do actual voceiro do grupo no Concello, co 100% do apoio das presentes. Os criterios seguidos en dita valoración foron:

        –    Capacidade de traballo: Ter amosado a capacidade de traballo necesaria e suficiente para desenvolver a encomenda que supón a súa elección como concelleira de Ourense en Común.

        –    Capacidade de representación do proceso e do colectivo: Ter amosado ou gozar da confianza de representar correctamente ao colectivo, especialmente en relación ás decisións colectivas acordadas.

        –    Consonancia cos principios, valores e obxectivos de Ourense en Común: Representar os principios, valores e obxectivos de Ourense en Común, ben sexa a través da súa participación no proceso municipal como pola súa/s actividade/s fóra do mesmo.

    Superada a asemblea de validación, sen presentarse alegacións de ningún tipo, o Comité Electoral chamaba ao censo a votar no día de hoxe. Mediante votación electrónica habilitada durante toda a xornada, cunha participación do 76,13% , Martiño Xosé Vázquez acadou o 96,61% de respaldo que o confirman formalmente como o candidato á alcaldía por Ourense en Común nos comicios electorais do próximo ano 2019.

    “Neste tempo, como portavoz do grupo municipal, tiven a sorte e a responsabilidade de comprobar como é posible practicar un liderado colectivo e democrático. Agora, con máis responsabilidade se cadra, toca afondar nos piares fundamentais de participación, transparencia e horizontalidade para construír un proxecto político plural, con vontade de sumar maiorías e con capacidade para gañar. Por un Ourense novo que mesture a experiencia coa xuventude e a sabedoría de quen leva décadas traballando en prol do ben común coa enerxía de quen quere cambialo todo”, afirma Martiño Xosé Vázquez.

    O mesmo regulamento polo que é nomeado o portavoz como cabeza de lista contempla na súa redacción que o resto da candidatura sexa completada no outono deste mesmo ano cunha corrección de xénero que establece que os postos 2, 3 e 4 da candidatura deberán ser ocupados por mulleres.

    “Ningunha compañeira animouse a dar o paso. Eu e de seguro todas as persoas participantes e votantes de Ourense en Común tamén, estaríamos encantadas de que a persoa a encabezar a lista fora unha muller. Pero dun modo ou doutro a perspectiva de xénero e a igualdade si ou si deben estar presentes. O feito de que os postos 2, 3 e 4 da candidatura sexan obrigatoriamente mulleres por encabezar eu a lista é bo, pero non suficiente. Teremos que seguir traballando para ter unha alcaldesa tan boa en Ourense como Ada Colau ou Manuela Carmena”.

Votación candidatura a cabeza de lista 2019

Votación candidatura a cabeza de lista 2019

Como xa saberás, o vindeiro  sábado día 10 DE MARZO, de 10:00 a 20:00 horas, desenvolverase a xornada de votación para elixir  cabeza de lista de Ourense en Común de cara ás vindeiras municipais de 2019.


O sistema de votación comprende dúas fases:

1ª fase: O venres día 9 a partires das 23:00 horas recibirás por enderezo electrónico  un enlace ao formulario de votación.

2ª fase: O sábado día 10, día da votación e antes do comezo da mesma, enviaráseche a clave de votación mediante SMS ao teu teléfono móbil. Terás que introducir a dita clave no formulario para poder facer efectivo o teu voto.


Unha vez que teñas o enlace e maila clave de votación e a partires das 10 horas poderás acceder (facendo click no enlace) ao formulario de votación. Cando introduzas correctamente a clave no formulario accederás á segunda pantalla onde aparecen as posibles opcións de voto:

  • Voto ao candidato ( Martiño Xosé Vázquez Mato) ? Consulta aquí a súa carta de presentación

  • Voto en branco

Unha vez selecccionada a túa opción pulsa enviar e o teu voto xa será efectivo.


Se por calquera motivo tés que votar varias veces, só será contabilizada como válida a última válida que fagas.

No caso de extravío da túa clave de  votación só terás que reenviar a ouec.2019@gmail.com o correo no que se che ahegou o enlace do formulario e recibirás un SMS coa túa clave

Se queres tamén podes vir  votar no local de Ourense en común. Rúa Burgas nº 8 Baixo

Para calquera dúbida ponte en contacto co Comité Electoral no enderezo ouec.2019@gmail.com

1.000 días de desgoberno en Ourense

1.000 días de desgoberno en Ourense

• Ourense en Común, co respaldo do Grupo Socialista, pide un pleno extraordinario para avaliar o estado da cidade.
• “Hai 1000 motivos para afirmar con total rotundidade que estamos perante o peor alcalde da historia de Ourense”.
• OUeC destaca a falta de orzamentos, o pelotazo urbanístico que o PP “está cociñando” co PXOM, e as concesións prorrogadas, coas que empresas implicadas en casos de corrupción seguen “forrándose” a costa das veciñas e veciños de Ourense.
• O alcalde perdeu mil días “cambiando de cor a Ponte Vella para as fotos, pero sen facer cidade”.

    O próximo sábado cumpriránse 1000 días desde que o Partido Popular, con Jesús Vázquez á fronte, entrara como goberno no Concello de Ourense;  un aniversario que Ourense en Común avalía como “mil días perdidos, de parálise total” e polo que solicitarán, co respaldo dos edís do grupo socialista no Concello, un pleno extraordinario sobre o estado da cidade, no que o alcalde e o seu equipo expliquen o motivo polo que “levan mil días sen facer cidade, pero facendo negocio”.

    Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o voceiro do grupo, enumeraba as “responsabilidades sen acometer” do equipo, para concluír con rotundidade que “estamos perante o peor alcalde da historia de Ourense“.

    Ourense leva mil días sendo a única cidade galega sen orzamentos, sen Plan Xeral de Ordenación Municipal nin políticas de vivenda pero “tecendo un pelotazo urbanístico”, sen oferta pública de emprego pero con emprego para Javier Rodríguez Nóvoa, “enchufado para manter o caciquismo no Concello”, sen ordenanza de veladores nin de accesibilidade, sen unha sola peonalización nin acción estratéxica de humanización e pacificación do tráfico, sen solucionar o problema dos colectores soterrados, con talas indiscriminadas no arboredo, e un Montealegre convertido nun xardínnamentres os xardíns están convertidos en monte”, sen novos pregos para o transporte público, a ORA ou os semáforos, prorrogando “contratos con empresas como Vendex, implicada na Pokemon”, sen implementar nin unha soa acción do plan turístico redactado pola Universidade de Vigo –polo que se pagou 11.000€ “para telo gardado nun caixón-, etc…

    Martiño Xosé Vázquez facía ademais mención á edil responsable de “desgobernar” os Servizos Sociais na cidade, Sofía Godoy, incapacitada para o servizo público”, logo tachar ao feminismo de androfobia, suprimir o programa de conciliación familiar, e deixar de sen axudas escolares a 3 de cada 10 familias que tiñan acceso a elas.

    O pleno que OUeC e PSOE solicitan, terá que ser convocado nos próximos 15 días.