Ourense en Común centra nos barrios as mocións do pleno de febreiro

Ourense en Común centra nos barrios as mocións do pleno de febreiro

• O grupo solicita a posta en valor da historia do barrio da Ponte, coa creación dun “Museo de Canedo” no que poidan conservarse os restos do extinto Concello de Canedo.
• Unha moción defende a descentralización dos servizos municipais, co fin de “ampliar a cobertura nos barrios e a contorna rural”.
• Urxe unha nova ordenanza de venda ambulante, “que permita a continuidade da feira do 21, e favoreza outras novas feiras nos diferentes barrios do termo municipal”.
• O grupo comeza este sábado na Ponte a iniciativa “A voz do barrio”, que recollerá a pé de rúa nos próximos meses as opinións da veciñanza.

    Ourense en Común porá o foco nos barrios no pleno do próximo venres, con dúas mocións nas que A Ponte e o Vinteún cobrarán especial protagonismo, con reivindicacións extensibles a todos os barrios da cidade”.

    A recente retirada da tapa de sumidoiro que aínda conservaba na Ponte a lenda “Alcantarillado: Concello de Canedo”, levou ao grupo a presentar unha moción, na que solicita o inventariado dos restos materiais e inmateriais que aínda perduran do extinto concello, poñéndoos en valor co deseño dun “Museo de Canedo”, que “conserve a memoria e o sentimento que pervive na psique pontina, e é que Canedo existe”.

    Ourense en Común defende ademáis na moción a “necesidade avanzar na cohesión entre os diferentes barrios da cidade”, e promove a elaboración dun programa de descentralización dos servizos municipais, “mellorando o nivel de cobertura sen que as veciñas teñan que desplazarse ao centro”, e propoñen asemade actos simbólicos como a “celebración de plenos nos diferentes barrios, con participación directa da veciñanza”.

    Outra das mocións do grupo defenderá a urxente necesidade de actualización da Ordenanza municipal de venda ambulante do Concello, co fin de “retirar calquera impedimento legal para que poidan celebrarse novas feiras no termo municipal”; unha necesidade admitida recentemente pola edil responsable de comercio, Flora Moure, coñecedora do malestar veciñal despois de denegarse a petición da Asociación de Comerciantes Empresarios Río Mao “Comercio do 21” para dar continuidade á Feira do Vinteún, recuperada o 21 de outubro, con grande éxito de público e vendas, pero frustrada por unha ordenanza “de hai máis de unha década que só contempla como mercados periódicos as feiras do 7, 17 e 26, o mercado de antigüidades e a venda de polbo.

    Na mesma liña de traballo sobre os barrios, e para coñecer de perto o pulso de cada un, Ourense en Común retomará este sábado as accións de rúa que xa celebrara en 2015, e visitará o barrio da Ponte, facilitando a participación activa da veciñanza,cedéndolles a palabra para comunicar, denunciar, aconsellar, e compartir as súas opinión acerca do espazo da cidade onde habitan”.

Ourense en Común avanza coa vista posta na candidatura para as municipais 2019

Ourense en Común avanza coa vista posta na candidatura para as municipais 2019

• O grupo traballa coa intención de ter no inicio do próximo curso político “unha lista para cambiar o goberno da cidade nas próximas eleccións”.
• A organización acordou xa as diferentes áreas que deberan vertebrar o Concello desde a súa óptica, para “que a construcción do Ourense que queremos sexa cousa de toda a cidadanía, nun proceso vivo, transparente, xusto e sustentable no tempo”.
• Máis de medio centenar de veciñas participaron na xornada anual Repensar OUeC.
• Oito horas de reflexión conxunta ocuparon o encontro de traballo que se celebraba por terceiro ano consecutivo nestas datas.

    Por terceiro ano consecutivo nestas datas, Ourense en Común celebraba este sábado a xornada RePensar OUeC, na que a organización avaliou o estado do proceso municipalista, e comezou a trazar a folla de ruta cara ao horizonte das municipais de 2019.

    A asemblea acordou “a estrutura óptima dun goberno de cambio para Ourense”, establecendo as áreas que deberían articular a organización do Concello: participación e transparencia, xestión económica e orzamentos participativos, xustiza social, territorio, desenvolvemento sostible e benestar animal, desenvolvemento local e termalismo, igualdade e xuventude, ben común, saúde pública, xestión municipal, seguridade cidadá e recursos.

    O grupo municipalista constituirá nos próximos días o Comité Electoral responsable de coordinar a presentación de candidaturas para a cabeza de lista e as diferentes áreas de goberno, co obxetivo de ter a cabeza de lista no mes de marzo e presentar a súa proposta  de equipo de goberno ao comezo do vindeiro curso político.

    Ao longo das oito horas de traballo, máis de medio centenar de veciñas participaron no encontro celebrado no Espazo en Común das Burgas, no que en quendas de intervención abertas, as asistentes aportaron as súas inquedanzas e propostas para optimizar o traballo  e o futuro da organización.

    O grupo mantén así a súa liña de traballo participativa e defende a necesidade de procurar solucións para mudar as políticas municipais, xenerando un movemento de cambio real, que sexa quen de gañar Ourense en 2019 e facer fronte á ineficacia e á parálise do actual equipo de goberno, para que a institución poña de verdade algún día os seus recursos ao servizo do ben común”.

Ourense en Común chama á participación da veciñanza nunha xornada de reflexión que celebrará este sábado

Ourense en Común chama á participación da veciñanza nunha xornada de reflexión que celebrará este sábado

• O grupo mantén o seu carácter activo recollendo as inquedanzas e propostas da cidadanía de Ourense.
• Oito horas de traballo e reflexión conxunta están programadas nesta xornada monográfica anual.
• O foro desenvolverase desde as 11h da mañá no Espazo en Común, e extenderase ata última hora da tarde.

    Por terceiro ano nestas datas, Ourense en Común celebra a xornada RePensar OUeC, na que a organización quere recoller as inquedanzas e propostas da veciñanza para avaliar o proceso municipalista, e comezar a trazar a folla de ruta cara ao horizonte das eleccións municipais de 2019.

    Durante as oito horas de traballo programadas, haberá quendas de intervención abertas para reflexionar sobre aqueles puntos que podan xerar máis debate no regulamento para a elección da nova candidatura, así como a súa estratexia e obxectivos.

    Froito do exercicio de reflexión conxunta, o grupo recollerá as conclusións da xornada nun documento consensuado que marque a súa liña de traballo para este ano e xa de cara á candidatura para as eleccións do seguinte.

    A  xornada monográfica desenvolverase dende as 11h da mañá deste sábado no Espazo en Común, sito nas Burgas 8, onde o grupo celebrará un xantar comunitario antes de retomar a sesión de tarde, que se prolongará previsiblemente ata as 20h.

Ourense en Común apoia as reivindicacións do persoal de Ecourense e pedirá unha auditoría á empresa

Ourense en Común apoia as reivindicacións do persoal de Ecourense e pedirá unha auditoría á empresa

• A concesionaria do servizo de recollida de lixo pode estar incumprindo o contrato que tén co Concello de Ourense.
• O alcalde preocúpase máis pola cuestión estética e é o último en escoitar aos traballadores.
• A xestión directa municipal, sen empresas intermediarias, sería “máis eficiente, económica e respectuosa cos dereitos das traballadoras”.

    Tras a xuntanza mantida onte co comité de folga da empresa Ecourense, responsable da recollida do lixo na cidade, Ourense en Común explicaba hoxe que “apoiamos as súas xustas reivindicacións e defenderemos os dereitos laborais destes traballadores”.

    O grupo califica de irresponsable” que o alcalde sexa “o último en interesarse no conflito e escoitar aos traballadores e considera “lamentable que a única inquietude de Jesús Vázquez sexa a cuestión estética en caso de folga”, concluíndo que “é experto en demonizar calquer indicio de mobilización”, en referencia ás manifestacións das traballadoras de Seralia, e “deixa ás claras o seu interese nos dereitos laborais”.

    Martiño X. Vázquez explica que o problema “non é alleo ao Concello”, xa que “hai indicios de que a empresa está incumprindo o prego da concesión”, polo que o seu grupo solicitará “que se analice se o plan de traballo de Ecourense se axusta aos servizos contratados e que se tomen medidas se non é así”.

    Ourense en Común defende a necesidade de considerar recuperar e remunicipalizar este tipo de servizos, xa que “a calidade sería outra se estiveran atendidos directamente polo Concello, tamén nas condicións laborais”, sen empresas intermediarias que “só buscan beneficio”.

Ourense en Común emprenderá accións legais se o goberno segue agochando o cadro de persoal

Ourense en Común emprenderá accións legais se o goberno segue agochando o cadro de persoal

• A RPT é indispensable para a planificación e aprobación dos orzamentos polos que a cidade agarda desde 2014.
• Das sete capitais galegas, Ourense é o concello que máis gasta en persoal.
• “Hai máis dun mes que pedimos acceso ao expediente, non imos consentir máis postos de traballo a cambio de votos”
• De non recibir o acceso ao expediente nos próximos días, OUeC acudirá á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais (Artigo 23.2 CE).

    Amparándose nos dereitos de acceso á información recollidos no Artigo 9 do Regulamento Orgánico do Concello e o 23.2 da propia Constitución Española, Ourense en Común denunciaba hoxe que o goberno “incumpre reiteradamente os prazos na entrega de documentación aos grupos,  e advirte de que emprenderemos accións legais se é preciso“.

    O grupo vén agardando desde hai máis dun mes a vista do expediente referido ao cadro de persoal do Concello, un documento que por Lei “ha de acompañar aos orzamentos para seren aprobados”.

    Ledicia Piñeiro, que en repetidas ocasións ten solicitado acceso ao borrador da plantilla de persoal e a todo o expediente, “que inclúe reparos dos servizos de intervención que queremos coñecer”, declara que teñen este documento paralizado e agochado”.

    A coñecida como RPT, -Relación de Postos de Traballo-, é un “documento básico” para a xestión do persoal, “e máis sendo Ourense o Concello que máis gasta en nóminas das sete capitais galegas”. A edil do grupo expón que é fundamental coñecer a ordenación do persoal de acordo coas necesidades dos servizos, e os requisitos para o desempeño de cada posto “cantas son, e onde e para que están”.

    Piñeiro advirte que “non imos consentir que o PP siga ofrecendo traballo a cambio de voto, nin que reiteradamente se nos negue o acceso á información”.

Decenas de traballadoras municipais seguen expostas ao radón en Ourense

Decenas de traballadoras municipais seguen expostas ao radón en Ourense

• O persoal na Cárcere da Coroa e no CIE, onde tamén hai altas concentracións do gas, “agardan aínda o traslado a dependencias salubres”.
• O Concello pode estar incorrendo nun delito contra a saúde pública, obviando desde hai meses a normativa sobre a información e protección das traballadoras.
• O presidente da Xunta de Persoal chega “tarde, mal e arrastro” facéndose cómplice do silencio do goberno.

    Ourense en Común insistía hoxe na “necesaria e urxente protección e prevención” de todas as traballadoras municipais fronte ao radón, e reitera a denuncia da “falta de dilixencia do goberno”, que segue “de brazos cruzados, sen solucións para deter a entrada do gas nos edificios, e mantendo a decenas de traballadoras en dependencias onde as concentracións chegan a multiplicar por 7 o límite permitido pola OMS”. Os servizos de intervención, reprografía ou o persoal de limpeza, “continúan expostas a este asasino invisible”.

    O grupo esixe ao PP a ser “transparente na xestión deste problema”, lembrando que “é un dereito das traballadoras estar informadas”, e apuntan que “a día de hoxe nin o persoal nin os grupos da oposición tivemos acceso ás medicións”.

    O voceiro do grupo aclara que o goberno non é culpable da presencia do gas, pero sí responsabiliza ao PP dunha mala xestión sendo sabedores da alta concentración e do impacto que supón nas persoas. “É un problema de saúde pública e especialmente de seguridade laboral”.

    Ourense en Común lamenta as declaracións do presidente da Xunta de Persoal e delegado de prevención de riscos laborais da CIG no Concello, e cuestiona o seu labor que lonxe de defender os dereitos das traballadoras “omitiu as súas funcións, facéndose cómplice do silencio do goberno”, e agora chegatarde mal e arrastro”, enviando correos a todo o persoal municipal, “desinformando e tratando de confundir sobre unha cuestión de gravidade na saúde”.

Estrea en Ourense do documental “O canteiro de Sebil”

Estrea en Ourense do documental “O canteiro de Sebil”

• O traballo recupera a memoria do canteiro, mestre, xornalista, escritor e político, Xohán Xesús González, poñéndoo en valor como unha das figuras que loitaron na defensa da democracia.
• Unha representación do colectivo Quinteiro do Umia, responsables do proxecto, estarán en Ourense para a presentación da peza.
• A proxección, con entrada libre, será mañá martes, ás 20h no Espazo en Común das Burgas.

    O Espazo en Común das Burgas acolle mañá a presentación en Ourense do documental “O Canteiro de Sebil”, unha homenaxe audiovisual á figura de Xohán Xesús González, promovida polo colectivo o Quinteiro do Umia.

    O traballo conta coa participación de caras ben recoñecidas do teatro, a música, a política e a sociedade galegas, e como un dos seus principais valores, conta co testemuño de veciñas e familiares do propio Xohán Xesús González. O recoñecemento desta figura convérteo nunha das referencias no que atinxe á Memoria Histórica, tanto da comarca do Umia como de todo o país.

    Xohán Xesús González naceu en Sebil (Cequeril – Cuntis) en 1895 e traballou de canteiro. Trasladouse a Compostela onde estudou dereito e gañou un nome no mundo do activismo político, sendo impulsor e fundador de numerosas iniciativas en practicamente todos os eidos: dende a docencia ao xornalismo pasando polos ámbitos culturais e mesmo sindicais. Tralo Golpe de Estado de 1936 púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo, coñecido como O Terzo de Calo, que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana. Naquel fatídico verán o cuntiense foi apreixado e permaneceu na prisión ata que o 12 de setembro foi fusilado en Boisaca.

    Membros do colectivo o Quinteiro do Umia, promotores desta homenaxe audiovisual, estarán en Ourense para a presentación. A proxección, con entrada libre, será mañá martes ás 20h da tarde, no Espazo en Común das Burgas.

Ourense en Común denuncia que o PP “está cociñando” co PXOM unha “amnistía urbanística para especuladores”

Ourense en Común denuncia que o PP “está cociñando” co PXOM unha “amnistía urbanística para especuladores”

• O capítulo IX do documento, modificado polo Partido Popular, pretende igualar vivendas de 1920, con construcións sen licenza do ano 2005.
• O texto que o Partido Popular negocia con Democracia Ourensana abre a porta a que edificios manifestamente ilegais poidan ser ampliados.
• OUeC presentará emendas ao tratamento que está facendo o goberno do “fóra de ordenación” e advirte que non serán as únicas. “Ourense necesita un plan de urbanismo, non incentivar a especulación”.

    Ourense en Común presentará por rexistro unha secuencia de emendas” ao Plan Xeral de Ordenación Municipal que o Partido Popular está a negociar “a porta pechada” co grupo de Democracia Ourensana.

    Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o voceiro do grupo, avanzaba que “a primeira céntrase no Capítulo IX do plan”, un apartado que pretende afrontar os conflitos do fóra de ordenación, que “por suposto hai que solucionar”, aclara Martiño Xosé Vázquez, pero denuncia que a aposta do Partido Popular é unha “amnistía para especuladores que pretende igualar vivendas construídas en 1920, cando non era obrigatoria a licenza como tal, con naves industriais ou vivendas sen licenza do ano 2005”.

    Martiño X. Vázquez ilustraba na rolda de prensa desta mañá o sospeitoso” do recollido no texto, explicando que co articulado que están a negociar PP e DO, “unha vivenda construída sen licenza e cunha altura máis das permitidas no PXOM, quedará regularizada, e incluso permíteselle transformar a última planta de rochos para construír outra vivenda e aumentar aínda máis a súa altura, quedando regularizada con dúas alturas máis das permitidas. Pola contra o solar anexo a esta vivenda só poderá construír ata o límite establecido no plan.”.

    O grupo presentará emendas aos artigos 218, 219, 220 e 221 do nomeado capítulo, por entender que “están cheos de incertezas e inconcrecións”, e advirten que “o Partido Popular deixa vía libre a que edificios manifestamente ilegais poidan ser ampliados”, permitindo que os especuladores “non só non paguen o delito senón que se lles incentiva de novo para que o repitan”.

Avanza a instrución por coacción do ex-xefe da Policía Local a unha edil de OUeC

Avanza a instrución por coacción do ex-xefe da Policía Local a unha edil de OUeC

• Abelardo Ulloa enviou unha carta a Ledicia Piñeiro despois de que a concelleira denunciara “vellas prácticas” no corpo da policía local.
• O ex-superintendente está desde 2012 retirado do seu cargo, e continúa imputado no marco da Operación Pokemon.
• Ulloa enviou a misiva utilizando medios públicos, a través dun policía “uniformado e de servizo”.

    Abelardo Ulloa declaraba onte perante a instrución de persoal do Concello, que avanza na investigación para abrirlle un expediente sancionador por unha posible “coacción a un cargo público”, logo de que o ex-xefe da policía remitira en abril de 2016 unha carta a Ledicia Piñeiro, edil de Ourense en Común, cuxo fin podería ser o de intimidala, logo de que a concelleira denunciara nunha sesión plenaria do Concello as “vellas prácticas” establecidas no corpo da policía “á súa sombra”, en referencia a Ulloa, suspendido das súas funcións en 2012, no marco da Operación Pokemon.

    OUeC facía pública a carta o pasado 25 de abril de 2017, rexistrando tres días despois un escrito dirixido á alcaldía para a apertura de dilixencias fronte a esta persoa, denunciando ademais que o ex-xefe policial “fixo un mal uso de recursos públicos para o envío da misiva”,  que foi “entregada en man por un axente uniformado e de servizo, reincidindo nesas vellas prácticas que denunciabamos naquel pleno”, apunta Ledicia.

    O grupo lembra que Ulloa foi acusado de ata sete delitos na Operación Pokemon, e continúa hoxe imputado e suspendido das súas funcións, polo que “non sabemos a que se adica nin entendemos como sigue recibindo un soldo do erario municipal, namentres se toma a liberdade de enviar cartas para ameazar a unha concelleira elixida democráticamente, lle guste ou non”.

rePensar OUeC 2018

rePensar OUeC 2018

?Como cada inicio de ano é tempo de avaliar o proxecto de Ourense en Común. Desta volta fixamos a folla de ruta de cara ao horizonte 2019?, o ano no que #Ourense sumarase a onda ?dos gobernos do cambio que están a recuperar as institucións e poñéndoas ao servizo da cidadanía. ?‍?‍??‍?‍??‍?‍??‍?‍?‍???‍?‍?

? Esta asemblea anual celebrarase o próximo 27 de xaneiro no Espazo en Común das Burgas e, en cumprimento da folla de ruta aprobada no rePensar OUeC 2017, será unha xornada monográfica centrada en dous obxectivos:

✔️ Definir o regulamento de candidatura (metodoloxía, sistema de elección, cronograma…) ???
✔️ Fixar estratexia política unha vez superado o ecuador da corporación 2015-2019. ?

A proposta de regulamento de candidatura foi elaborado polo GT Confluencia???, quen tiña o mandato asembleario de redactar un borrador que servira de base do debate. Este documento pode consultarse en DemocracyOS:
https://app.democracyos.org/borradorregulamentocandidaturao…

Ao marxe das emendas presentadas na web (que poden consultarse nesta URL) presentáronse as seguintes emendas vía correo-e:

  • Emendas presentadas por C.G.:
    • Consulta aquí: 1, 2, 3, 4, 5.
  • Emendas presentadas por M.R.:
    • Consulta aquí: 1
  • Emendas presentadas por C.M.:
    • Consulta aquí: 1, 2.
  • Emendas presentadas por A.N.:
    • Emenda de substitución no punto 14 “Cronograma do proceso de elección”, substitúese o contido da Fase 2 por “o inicio do proceso de presentación de candidaturas será no mes de setembro, sendo o comité electoral o encargado de fixar as datas concretas”.

As emendas serán ordenadas para o seu debate atendendo as seguintes normas:
‼️ O tempo de exposición de cada emenda, incluída a do texto orixinal se é o caso, será de 2 minutos.
‼️ Haberá varias quendas de intervención abertas ao longo da xornada (dun minuto de máximo de duración) para reflexionar sobre aqueles puntos con maior número de emendas ou que podan xerar máis debate.

Consulta o programa completo ??