Recuperamos a petición dun parque para deportes urbanos e a adhesión de Ourense como cidade acolledora

Recuperamos a petición dun parque para deportes urbanos e a adhesión de Ourense como cidade acolledora

• A “actitude incendiaria” do alcalde frustrou o discorrer do pleno de outubro e fixo que estas mocións non se debateran.
• Máis de 1.500 sinaturas en change.org piden un espazo municipal como parque para bicicletas BMX, monopatíns e patíns.
• O goberno español só acolleu a 2.000 das 17.000 refuxiadas comprometidas en 2015 por Mariano Rajoy.

    Ourense en Común retoma o próximo venres dúas mocións que xa presentaran para o anterior pleno de outubro, e que finalmente foran retiradas da orde do día ao abandonar as concelleiras a sesión plenaria polas reiteradas interrupcións do alcalde nas quendas de palabra do grupo.

    Na primeira delas, defenderán a petición iniciada na plataforma change.org solicitando ao Concello de Ourense un “skate&bike park de calidade”, e buscarán o consenso para “atender esta demanda, e dotar á cidade dun espazo axeitado para iniciarse ou practicar estas disciplinas que en 2020 serán olímpicas”.

    Na petición propóñense diferentes espazos sen uso como o sito baixo a Ponte Novísima ou o Acceso Centro da A-52, no inicio do Paseo das Ninfas, aínda que o grupo deixa aberta aos servizos municipais a elección do espazo, facendo fincapé en “que estea debidamente executado para garantir a seguridade dos usuarios e supoña baixos custos de mantemento”, estimando que a inversión neste tipo de infraestruturas -entre os 60.000€ e os 100.000€-, “non é elevada e é asumible polo Concello de Ourense” .

    Na outra moción que o grupo retoma, pedirán que o Concello se adhira á rede de Cidades Acolledoras de Refuxiados, e que “desde o localse inste ao goberno de España a cumprir co compromiso de acollemento de 17.337 persoas que fuxen das guerras, a explotación e a fame, que “co prazo vencido a finais de setembro, incumpriuse nun 87%, -chegaron só 2.190 persoas-”.

    Como avanzaban esta semana, Ourense en Común tamén levará a este pleno unha petición para eliminar o “sinsentido” da lista de agarda das axudas escolares, de forma que  “todas as familias que reúnen os requisitos poidan percibir a axuda”, e para frear a situación de “grave incertidume que se está xenerando para o correcto desenvolvemento do curso escolar de 200 nenos e nenas de Ourense, en risco de exclusión social eignorados polo goberno de Jesús Vázquez e a ineptitude de Sofía Godoy como responsable das áreas sociais”.

Ourense será o primeiro Concello aberto ao expolio en mans das grandes empresas

Ourense será o primeiro Concello aberto ao expolio en mans das grandes empresas

• OUeC acusa ao alcalde de “ser o primeiro en fregarse as mans” coa “Lei de Depredación de Galicia” promovida polo seu partido na Xunta.
• A iniciativa facilita a expropiación, e permitirá que as empresas eludan controis municipais e cautelas ambientais.
• Jesús Vázquez vende agora unha cidade “doing business”, despois de rexeitar as bonificacións do IBI propostas por OUeC para fomentar as actividades económicas locais.

    Ourense en Común advirte que as medidas anunciadas esta mañá polo alcalde para a captación de investimentos empresariais, “van da man dos intereses das grandes empresas”.

    O grupo denuncia o “oportunismo” de Jesús Vázquez “poñendo ao Concello en mans da economía especulativa”, ao amparo das iniciativas do seu partido na Xunta de Galicia, que a través da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia –nomeada Lei de Depredación de Galicia, que hoxe entraba en vigor- e do protocolo “Doing Business” coa FEGAMP, habilitou unha alfombra vermella” para que as grandes empresas se fagan “pola vía rápida” coa ordenación do territorio, seguindo un modelo “moi lonxe do desexable para o desenvolvemento sustentable con criterios económicos, sociais e ambientais”.

    Ourense en Común apela ao goberno a “ser responsable e “impulsar iniciativas económicas locais, creadoras de emprego de calidade real, que xeren rendas ecolóxicas e sociais”, e “que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Ourense”.

    A nova lei, recentemente aprobada en exclusiva polo PP, “con urxencia e sen participación pública”, pode ter un serio risco” nas garantías ambientais e os dereitos sociais das vindeiras xeracións, xa que “vía libre á expropiación forzosa, habilita canles para ocultar información pública, e establece beneficios para que as empresas teñan un menor control urbanístico, eludindo incluso o control dos concellos”.

    Ourense en Común lamenta que “as prioridades do alcalde sexan estas, e interpretan que hai unha “clara intención de abrir Ourense aos fundos de investimento e á economía especulativa, cuxos intereses primarán por riba do ambiente, da saúde e dos dereitos da cidadanía.

OUeC solicitará no pleno que se concedan todas as axudas escolares

OUeC solicitará no pleno que se concedan todas as axudas escolares

• Os recortes e a mala xestión do PP na área social deixan fóra a máis de 200 familias que reúnen os requisitos para recibir estas axudas.
• Sofía Godoy, a edil responsable de Benestar Social, non compareceu á metade das Xuntas da súa área no último mes.
• Arredor de 100.000€ serían suficientes para cubrir o 100% da demanda, “a metade do sobrecuste en persoal que consume o Partido Popular no Concello”.

    Ourense en Común avanzaba hoxe que procurará no pleno de novembro que o goberno de Jesús Vázquez corrixa a neglixencia” de deixar fóra das axudas para comedores escolares e libros de texto ao 30% de familias que o precisan, criticando a incapacidade evidente” da concelleira responsable das áreas sociais, Sofía Godoy, que está xenerando unha situación de “grave incertidume” para o correcto desenvolvemento do curso escolar de 200 nenos e nenas de Ourense.

    Das 726 familias solicitantes que reúnen os requisitos para acceder ás axudas, 3 de cada 10 quedaron nunha “lista de agarda incerta que fai prever que nunca recibirán esa achega económica”.

    Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común, manifesta que intentou interpelar á edil responsable sobre como están afrontando o curso esas familias, ou as medidas que pensa adoptar o Concello para paliar as posibles incidencias que se estean dando, pero aclara que é “imposible con Sofía Godoy, que reiteradamente se ausenta de comparecer nas xuntas de área dos martes nas últimas semanas”.

    O grupo estima en pouco máis de 100.000 € o crédito necesario para cubrir o 100% da demanda destas axudas, unha cantidade “que se corresponde co recorte que fixo o PP nesta partida desde que chegou ao goberno, 100.000 € que non sabemos a onde foron a parar”.

    Perante esta situación, Ourense en Común prepara unha moción que levará ao pleno de novembro, solicitando que a través da figura da modificación de crédito se elimine o “sinsentido” da lista de agarda nestas axudas, de forma que todas as familias que reúnen os requisitos poidan acceder a un “recurso fundamental para os membros máis vulnerables da unidade familiar, os menores”.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/20171025-mocion-axudas-escolares

A medición da calidade do aire de Ourense é insuficiente

A medición da calidade do aire de Ourense é insuficiente

• Jesús Vázquez “oculta e maquilla” os datos dunha atmosfera que triplicou o pasado luns o limiar para a necesaria protección da saúde humana.
• A praza de abastos provisional fará inservibles as métricas da estación ubicada na Alameda.
• Ourense aínda non conta cun Plan de Emerxencias Municipal, obrigatorio desde hai dez anos en municipios de máis de 20.000 habitantes.

    Despois de denunciar o luns o apagón” dos datos da calidade do aire de Ourense na web municipal, Ourense en Común acusaba hoxe ao alcalde de “maquillar a información con índices anuais, e poñer en risco a saúde dos ourensáns namentres el respiraba o aire de Madrid”, e avanzan que pedirán ao goberno toda a información en referencia á xestión e o mantemento da Estación Urbana de Fondo para a medición da calidade do aire, ubicada na Alameda, especialmente os partes do mantemento e revisións da estación, que “teñen que facerse cada 15 días, baixo sanción de entre 750 e 1500 euros se faltou algún”.

    Ourense en Común denuncia que o Concello “non advertira dos riscos para a saúde humana da alarmante condición atmosférica do luns, remitindo a que Meteogalicia “alertaba claramente do alto índice de polución tomando os datos da estación da Xunta, que triplicaron durante varias horas o límite máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde”.

    O grupo cuestiona “por que cando empezou a evidente situación de alerta, os datos da estación do Concello deixaron de mostrarse, cando mide moitos máis parámetros que a da Xunta”, e sinala a torpeza do alcalde” de interpretar os datos baixo criterios de episodios anuais, cando o promedio en oito horas de partículas de diámetro inferior a diez micras (PM10) superouse ata o triple”.

    O grupo entende ademáis que debera haber máis monitorización nunha cidade como Ourense, xa que pola orografía da cidade e da contorna rurbana, “de ningún xeito dúas estacións son suficientes nin representativas da calidade do aire”, engadindo que a instalación provisional da praza de abastos na Alameda “afectará ás métricas e fará que a serie sexa inservible climáticamente”.

    Ourense en Común lembra que o goberno de Jesús Vázquez continúa “sen facer os deberes no caso de que se produza unha emerxencia” e insiste na urxencia dun Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), obrigatorio en Concellos de máis de 20.000 habitantes, “que garanta a seguridade de todas as veciñas e veciños, que catalogue os medios e recursos dispoñibles para afrontar calquer posible sinistro, que analice riscos, determine medidas de prevención, estableza unha coordinación axustada entre os medios existentes, organice as funcións básicas para a protección civil e informe á cidadanía sobre as medidas de autoprotección.”

Ourense en Común súmase ás reivindicacións contra a “Lei de Depredación de Galicia” que promove o PP

Ourense en Común súmase ás reivindicacións contra a “Lei de Depredación de Galicia” que promove o PP

• O grupo apela ao alcalde de Ourense a instar ao seu partido na Xunta a “deter esta ameaza á poboación e ao patrimonio natural galego”.
• Organizacións sociais, ecoloxistas e sindicais cargan contra unha lei “que facilita ás multinacionais a depredación da nosa terra”.
• Perto de 20.000 sinaturas na plataforma change.org manifestan unha contundente oposición social á lei.

    A través dun escrito rexistrado esta mañá, Ourense en Común solicita ao alcalde de Ourense a instar ao seu partido no goberno da Xunta de Galicia a deter a proposición da nomeada Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, e rebautizada polos movementos sociais como “Lei de Depredación de Galicia”, por entender que constitúe unha norma “desreguladora” das políticas mineiras, enerxéticas e forestais en Galicia en favor de intereses privados, e supón unha “ameaza ao patrimonio natural galego e ao conxunto da poboación”.

    O grupo únese así ás reivindicacións de sindicatos, asociacións agrarias, ecoloxistas e cidadás contra unha proposta que o Partido Popular quere aprobar pola vía de urxencia o próximo martes 17 de outubro, limitando o debate parlamentario sobre a mesma e excluíndo do trámite a participación pública.

    A proposta que persigue o PP, introduce cambios transcendentais na normativa xeral dos sectores mineiro, eólico e forestal, todos eles de grande impacto no ambiental, o paisaxístico e na ordenación do territorio e establece nun “totum revolotum” sen planificación, un plantexamento “moi lonxe do modelo desexable para o desenvolvemento sustentable con criterios económicos, sociais e ambientais”.

    O grupo denuncia que esta lei “incumpre a normativa ambiental europea e da vía libre á expropiación forzosa para o acaparamento de terras, habilita canles para ocultar información pública, favorece a proliferación de eucaliptos e constituirá un expolio dos bens naturais comúns e do futuro de todas, hipotecando as garantías ambientais e os dereitos sociais das vindeiras xeracións”.

    Ourense en Común apela ao PP a “ser responsable” e executar “alternativas políticas e económicas sustentables, que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Galicia, que xeren rendas ecolóxicas e sociais, e que impulsen iniciativas económicas locais creadoras de emprego de calidade”.

Asistimos na Coruña ao encontro de movementos e iniciativas municipalistas “MAC3”

Asistimos na Coruña ao encontro de movementos e iniciativas municipalistas “MAC3”

• Os eixos de traballo abordarán temas que van dende a remunicipalización de servizos, a auditoría da débeda ou a participación cidadá, ata os centros sociais, o cooperativismo, ou o feminismo.
• 3O encontro reunirá a centos de persoas de todo o estado, e inclúe máis de vinte charlas, obradoiros e outras actividades.
• Martiño Xosé Vázquez, voceiro de OUeC, participará como poñente no debate “O municipalismo galego do cambio cara 2019”, que se celebrará o sábado pola tarde.

    A Coruña acolle, desde mañá ata o próximo domingo, a terceira entrega do MAC (Municipalismo, Autogoberno e Contrapoder), un encontro que en anos anteriores fixo parada en Málaga e Pamplona.

    Organizado pola Fundación de los Comunes e o Instituto DM, a cita comprende catro xornadas de traballo que inclúen doce talleres, once charlas e tres asembleas plenarias, no que será un encontro de movemento, de activistas de movementos, preocupados pola construción dun proceso político capaz de levar a onda de cambio máis aló dos límites da institución.

    O MAC3 servirá ademáis para facer balance da traxectoria das novas formas de facer política, tras dous anos de gobernos do cambio en cidades como A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia, Badalona, Oviedo, Iruña e moitas outras.

    As edís de Ourense en Común, xunto a simpatizantes e integrantes do grupo municipalista ourensán, asistirán ás diferentes actividades programadas que articularán, nun traballo común, propostas concretas a levar a cabo en materia de sustenibilidade, urbanismo, economía, servizos públicos, democracia participativa, feminismo, auditoría cidadá da débeda, políticas culturais, ou xornalismo cidadán.

    O voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, participará como poñente na mesa programada para o sábado á tarde na Libraría Fiandón da Coruña baixo o título “O municipalismo galego do cambio cara 2019”, compartindo debate con Mariano Fdez. Cabarcos (Marea Atlántica), Pilar Candocia (Ames Novo), Oriana Méndez (Marea de Vigo), Álex Botello (Compostela Aberta), Noelia Pedreira (Betanzos) e Celia Fdez. Albariño (Ferrol en Común).

+ info en http://mac3.uno

O PP deixa en Ourense máis de 200 solicitudes en agarda das axudas escolares

O PP deixa en Ourense máis de 200 solicitudes en agarda das axudas escolares

•   O goberno popular reduciu en case 100.000 euros a partida reservada para estas axudas desde a súa chegada ao goberno.
• “Só coa metade do sobrecuste en persoal que consume o Partido Popular no Concello podería paliarse o 100% da demanda”.
• 30 de cada 100 nenos solicitantes, cuxas familias reúnen os requisitos de renda inferior aos 3.500 euros anuais, non poderán acceder ao servizo de comedor.
• O incremento no número de solicitudes con respecto a anos anteriores revela un aumento de familias en risco de exclusión no Concello.

    Ourense en Común denunciaba esta mañá outra grave neglixencia” do goberno de Jesús Vázquez na área de Servizos Sociais que dirixe a concelleira Sofía Godoy, ao respecto do proceso de concesión de axudas para comedores escolares e libros de texto que, “ademais de chegar tarde un ano máis, nin tan sequera vai cubrir a demanda de todas as familias que o precisan”.

    Das 726 familias solicitantes que reúnen os requisitos de rendas inferiores a 3.500 euros anuais que se requirían nas bases destas axudas, o 30% quedaron nunha “lista de agarda incerta que fai prever que nunca recibirán a axuda”; unha cuestión que “vai afectar ao correcto desenvolvemento do curso escolar para estes nenos e nenas, que veñen xa de familias en situación de risco de exclusión e para as que este goberno irresponsable só ten máis desigualdade”.

    Ledicia Piñeiro, edil de Ourense en Común, critica a “redución da partida de 325.000 euros coa que se contaba nos orzamentos de 2014 para estas axudas”, que son os que de xeito prorrogado actualmente articulan as contas do Concello, e cuestiona “a onde foron parar eses perto de 100.000 euros de diferencia con respecto aos 243.150 euros da actual dotación das axudas, “insuficiente para cubrir o 100% da demanda”.

    A edil entende que os programas sociais teñen que dar resposta a situacións cunhas características cualitativas e cuantitativas determinadas que “neste proceso estánse ignorando, e conclúe que “non ten sentido” que as familias que realmente o necesitan se poñan nunha lista de agarda para acceder a un “recurso básico e fundamental para os membros máis vulnerables da unidade familiar, os menores”.

    Ourense en Común cuantifica en que 109.612 euros máis “serían suficientes” para cubrir a lista de agarda e dotar das axudas a todas estas familias; “a metade dos 200.000 euros de máis que o equipo do goberno gasta en proporción co que lle correspondería por número de edís”. 

OUeC traslada as demandas de Ourense ás deputadas por En Marea no Congreso

OUeC traslada as demandas de Ourense ás deputadas por En Marea no Congreso

•   O Museo Arqueolóxico, a prórroga da Praza de Abastos ou a execución da variante exterior vencellada á chegada do AVE, centraron a xuntanza de traballo.

    As deputadas no Congreso, Yolanda Díaz, Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino, mantiveron este luns unha xuntanza de traballo coas tres concelleiras de Ourense en Común, na que se  abordaron cuestións referidas ao Museo Arqueolóxico, a Praza de Abastos ou a variante exterior vencellada á chegada do AVE.

    Con esta visita á capital das Burgas, En Marea continúa a xira coa que as deputadas están percorrendo o país, “queremos recoller de primeira man as aportacións que nos fagan as compañeiras de Ourense en Común e trasladar ás Cortes os problemas da cidadanía ourensá”, explicou Yolanda Díaz, que lembrou que nos últimos orzamentos do estado, En Marea presentou máis de 300 emendas para todo o país.

    A voceira de En Marea, xunto a Martiño X. Vázquez, voceiro de OUeC no Concello de Ourense, declaraban que “nesta mesa de traballo reivindicamos a apertura do Museo Arqueolóxico provincial, que agora queda na man do Ministerio para acometer as obras”.

    Vázquez avaliaba tamén como fundamental” a actuación en materia de integración da Alta Velocidade en Ourense, e criticou que “cando o ministro se refería a que a variante exterior supoñía un aforro de 5 minutos para Madrid, deixaba claro que non lle importaba o impacto no noso concello”. O edil explicaba que “para Ourense supón suturar unha ferida, é necesaria esa variante”, e apelou tamén ao sentidiño” en referencia á Estación Intermodal, para que “se faga unha estación útil e efectiva para os ourensáns e ourensás”.

    Sobre esta cuestión, En Marea leva rexistradas varias iniciativas parlamentares de control e seguimento ao Ministerio de Fomento, que en ningún momento concreta prazos nin horizontes sobre a variante, o cal fai temer “que a insistencia na solución temporal se acabe convertendo na solución definitiva, algo que sería unha moi mala noticia para Ourense”.

    Ademais, as deputadas e concelleiras falaron da cuestión que atinxe á rehabilitación da Praza de Abastos nº1, xa que “no último pleno quedou demostrado que aínda non existe a prórroga e que o concello vai ter que afrontar a obra ao 100% se non se consigue”, polo que será unha das preguntas que En Marea trasladará ao Congreso “ante a falta de información por parte do alcalde de Ourense.

Pedimos a dimisión de Flora Moure e do alcalde polo enchufe do xefe de recursos humanos do Concello de Ourense

Pedimos a dimisión de Flora Moure e do alcalde polo enchufe do xefe de recursos humanos do Concello de Ourense

•   O equipo de goberno fóra advertido mediante un recurso de reposición ao que fixo caso omiso.
•   A sentenza deixa entrever un posible delito de prevaricación da concelleira de persoal do Partido Popular.

    A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, manifestaba esta mañá que desde o seu grupo están contentas e satisfeitas” co fallo da sentenza contra o procedemento ilegal promovido polo Partido Popular para o nomeamento do xefe de Recursos Humanos do Concello de Ourense.

    A concelleira quixo desenmascarar “esta  política de persoal do Partido Popular de colocar a amizades polo interese político”, facendo fincapé na importancia deste “posto estratéxico, xa que será “unha parte importante nas convocatorias para provisión de outros postos de traballo no Concello”.

    Á vista da sentenza, Piñeiro declaraba que “temos que dirimir responsabilidades políticas”, referíndose en primeiro lugar á concelleira responsable de persoal, Flora Moure,  por levar a cabo un concurso ilegal e por haber indicios de que puido cometer un delito de prevaricación, como dí a sentenza; e acusando tamén ao propio alcalde, Jesús Vázquez, por “permitir este procedemento irregular e facer caso omiso ás advertencias”, lembrando o recurso de reposición que previo ao contencioso presentaran OUeC e PSOE en agosto de 2016.

    A edil de OUeC calificou de labor “máis que cuestionable e sen vergoñaa de Javier Rodríguez Nóvoa no Concello desde que tomara posesión deste cargo fabricado á súa medida” como xefe de Recursos Humanos hai pouco máis de un ano. Ledicia denuncia que Rodríguez Nóvoa sacara adiante unha oferta pública de emprego con informes en contra da intervención municipal, que estea “introducindo cambios substanciais na Relación de Postos de Traballo do Concello, negándose a levantar acta das reunións de traballo” e que incluso intentou sacar un regulamento para a provisión de postos coa pretensión de “normalizar esta política irregular do Partido Popular en materia de persoal”.

    Piñeiro concluía que o seu grupo estudiará os seguintes pasos a dar para esclarecer a grande responsabilidade política deste caso, polo que “Flora Moure e Jesús Vázquez deberan dimitir”.

Accións legais se en 24h o goberno non entrega o informe que valora a rebaixa do 20% do IBI

Accións legais se en 24h o goberno non entrega o informe que valora a rebaixa do 20% do IBI

•   A tres días da celebración do pleno, a concelleira do PP elude entregar á oposición o informe técnico que valora o impacto da rebaixa pactada con Democracia Ourensana.
•   Ana Morenza denegou copia do informe ata en dúas ocasións nos últimos 15 días e non asistía hoxe á Xunta de Área na que debería aportar dita documentación.
•   De non recibir o informe en 24 horas, OUeC acudirá á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais (Artigo 23.2 CE).

    Nin Ana Morenza nin Jorge Pumar, presidenta e vogal respectivamente da Xunta de Área de Facenda, Servizos Xerais, Turismo e Termalismo asistían esta mañá á xuntanza semanal desta área, un feito que levantaba as críticas de Ourense en Común.

    “Estas ausencias confirman a falta de compromiso do Partido Popular”, manifesta Martiño X. Vázquez, que explica que “é moi grave que se vaia a votar este venres a rebaixa do 20% no IBI” -pactada entre Partido Popular e Democracia Ourensana- “sen que a corporación tivera acceso ao  informe técnico que valora o impacto desa reforma na contabilidade municipal”.

    O devandito informe, negábase novamente hoxe, malia a ser solicitado en varias ocasións desde hai quince días, por Ourense en Común e o grupo socialista, tal e como aparece recollido nas actas das Xuntas de Área celebradas o 19 e 26 de setembro.

    O portavoz de Ourense en Común valora que Jesús Vázquez e o seu equipo de goberno “están vulnerando reiteradamente o Artigo 9 do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense e o 23.2 da propia Constitución Española, e non o imos a tolerar“. Razón pola que hoxe presentaban por rexistro unha instancia dirixida á alcaldía, esixindo copia de do informe nun prazo de 24 horas. “Non imos tolerar a vulneración de dereitos aos representantes directos da cidadanía nunha institución democrática, e advertimos que en caso de non recibilo en 24 horas acudiremos á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais“.

    O grupo cuestiona se “é que este documento recolle por escrito algo que é necesario ocultar antes do pleno?“, e lembra que a propia concelleira Ana Morenza afirmou en xullo deste mesmo ano que dita reducción “provocaría o caos económico nesta cidade e implicaría, “a imposibilidade de ter axudas sociais de emerxencia, a desaparición da dependencia no programa de axuda a domicilio, a desaparición da beca por libros, das axudas para comedores, dos programas de conciliación familiar, das axudas para mulleres maltratadas, ou do plan de infancia...“.

    Estas afirmacións son para Martiño Xosé Vázquez “o suficientemente graves como para que dito informe sexa presentado aos grupos con anterioridade á votación en pleno“.