O PP rexeita bonificar o IBI a familias vulnerables e fomentar o emprendemento ou uso de enerxías renovables a través do imposto

O PP rexeita bonificar o IBI a familias vulnerables e fomentar o emprendemento ou uso de enerxías renovables a través do imposto

•   O PP toma a comisión sobre a reforma fiscal coma se fóra “unha chirigota de seis meses”, vulnerando todos os acordos alí acadados.
•   A edil de facenda minte e ataca compulsivamente como último recurso para agochar a súa incoherencia.

    O PP levará ao pleno a nova ordenanza do IBI vulnerando todos os acordos acadados durante os seis meses de traballo conxunto de técnicos e grupos políticos na comisión para a reforma fiscal, que “vése que foi unha chirigota”.

    Despois de ter xa incluidas na ordenanza as emendas de Ourense en Común, o grupo no goberno desbota agora a oportunidade para que este imposto poida favorecer a actividade económica ou o uso de enerxías renovables, e rexeita bonificar o tributo en vivendas de protección oficial e para familias con dificultades.

    En resposta ás declaracións desta mañá da edil responsable de facenda, Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, aclara que “esta señora non tivo que explicarme nada sobre o procedemento de aprobación de emendas, se non por que non introduciu no novo texto as emendas que xa estaban aceptadas”, e entende que Ana Morenza, “opta polo ataque porque está totalmente desacreditada, xa que “quince días despois de asegurar que a rebaixa do 20% no imposto era inviable, pactouna con Democracia Ourensana”, e “despois de ter integrado na nova ordenanza as bonificacións que OUeC propuña, retirounas”.

O envío de cartas do Concello, paralizado pola ineptitude do goberno

O envío de cartas do Concello, paralizado pola ineptitude do goberno

Foto: Santi M. Amil (La Voz de Galicia)

•   O PP deixou caducar o contrato con Unipost, e desde o martes pode estar incorrendo nunha sucesión de silencios administrativos de consecuencias descoñecidas.
•   As concellerías empezan a acumular un mar de cartas sen enviar, namentres os prazos corren para as veciñas que deberan recibilas.
•   Avisos sobre o pago de tributos ou notificacións sobre licenzas de obra, xa están impresas e asinadas, pero bloqueadas por falta de servizo postal.

    Ourense en Común denuncia o estado de parálise que viven desde esta semana diferentes áreas do Concello, pola total inepcia e falta de previsión do goberno, que deixou caducar o contrato coa empresa responsable do servizo postal e envío de notificacións municipais.

    O contrato, adxudicado a Unipost coincidindo coa chegada do Partido Popular ao goberno en 2015, venceu esta semana, sen que o equipo de Jesús Vázquez se adiantara para manter o servizo de mensaxería en funcionamento.

    O resultado empeza a ser evidente na área de recadación por exemplo, unha das que máis cartas move ao longo do ano –ata 170.000-, e onde empezaron a acumularse esta semana notificacións xa impresas, asinadas e preparadas para o envío, namentres “os prazos corren para as veciñas”,  sen que haxa visos de que vaian recibir as comunicacións en tempo para estar ao día nas súas xestións co Concello.

    O grupo considera de “extrema gravidade” a caducidade deste servizo e advirte que namentres a situación non se solucione “o Concello pode estar incorrendo nunha sucesión de silencios administrativos” referidos a permisos, licenzas, pago de tributos ou recadación de sancións de consecuencias descoñecidas para as veciñas, a actividade da cidade e a propia administración local”.

O PP volve a modificar a ordenanza do IBI e rexeita bonificacións que xa estaban incorporadas

O PP volve a modificar a ordenanza do IBI e rexeita bonificacións que xa estaban incorporadas

•   O goberno retirou achegas de OUeC que xa aceptara para a nova ordenanza, e abre de novo un prazo de emendas.
•   O pacto entre “as dereitas de Ourense” elimina o traballo de seis meses da comisión sobre a reforma fiscal e vulnera os acordos alí tomados.
•   O PP rexeita agora o fomento da actividade económica ou o uso de enerxías renovables co imposto do IBI, e bonificalo para as familias máis vulnerables.
•   OUeC sospeita de que o PP busca unha excusa para bloquear a ordenanza xurdida do pacto suicida con DO e responsabilizar á oposición. “Non seremos o tonto útil que buscan”.

    Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o voceiro de Ourense en Común denunciaba que as emendas que o seu grupo presentara hai un ano á ordenanza do IBI, que “xa foran informadas polos servizos técnicos, aceptadas polo equipo de goberno, e incorporadas á nova ordenanza” a finais de xullo, desapareceron” no documento máis recente, e acusa ao Partido Popular no goberno de “vulnerar os acordos acadados tras seis meses de traballo da comisión sobre a reforma fiscal”.

    Con esto, o goberno prescinde de acordos que xa asumira e inserira na ordenanza, e o PP “rexeita” bonificar o imposto en vivendas de protección oficial, fomentar actividades económicas de interese ou o uso de enerxías renovables, e “dalles o mesmo a familia de Amancio Ortega que as familias que teñen problemas para chegar a fin de mes”.

    Despois de ter retirado as emendas que xa asumiran, Martiño X. Vázquez cuestiona “por que o Partido Popular quere agora que se presenten de novo alegacións á ordenanza? se xa estaban presentadas, aceptadas e incorporadas”, e analiza que “o goberno sabe do suicidio pactado con Democracia Ourensana, saben que unha rebaixa de 6,5 millóns de euros na contabilidade municipal vai deixar aniquilada a capacidade inversora do Concello, e necesitan bloquealo”. O voceiro asegura que Jesús Vázquez “está buscando un “tonto útil” que presente emendas para bloquear a ordenanza e ter de novo a excusa para responsabilizar á oposición”, e aclara que “Ourense en Común non será ese tonto útil, non imos entrar no seu xogo trilero nin solucionar os problemas do pacto de PP e DO”.

    Martiño X. Vázquez, cuestionaba tamén a credibilidade da edil responsable de Facenda, Ana Morenza, que mentiu no pleno de setembro cando dixo “que os acordos da comisión da reforma fiscal matíñanse vixentes”, e acusa á edil de “facer habitualmente bandeira da súa incoherencia”, en referencia ás declaracións nas que avaliaba a rebaixa do 20% como inviable, para pactala quince días despois con Democracia Ourensana.

A pista de atletismo é incompatible coa actividade en Expourense

A pista de atletismo é incompatible coa actividade en Expourense

•   As caídas e tropezos dos visitantes foron constantes en Termatalia, a primeira feira na que a instalación deportiva convivía coa actividade feiral.
•   Democracia Ourensana e o Partido Popular son os únicos responsables do sobrecuste de mantemento que suporá a instalación.
•   A Xunta “negociou” a adxudicación da obra de forma opaca, despois de anular o primeiro concurso alegando eivas técnicas na cubrición da pista.

    Rematada a feira Termatalia, a primeira na que convivían en Expourense a pista de atletismo e a actividade feiral, Ourense en Común denuncia os “problemas técnicos que fan á instalación deportiva, incompatible co recinto”.

    Coincidindo coa celebración da feira termal, Martiño X. Vázquez e Miguel Doval, edís de Ourense en Común, visitaron o pasado venres Expourense, presenciando como numerosos visitantes tropezaban e incluso caían debido ao deficiente sistema de cubrición da pista, que presenta graves irregularidades de execución e fai cuestionar a axeitada conservación do equipamento deportivo.

    Malia a estar a favor de que Ourense aloxe unha pista de atletismo cuberta, o grupo insiste, como xa fixera en pleno cando DO defendera a súa moción, en que “a pista debera terse implantado nun lugar diferente e autónomo, xa que en Expourense suporá un gasto elevadísimo do erario público para o seu mantemento e xa está interferindo nas actividades do recinto feiral”.

    O grupo responsabiliza a Democracia Ourensana e o Partido Popular de “cada euro de máis que se gaste na pista”,  polos problemas de desgaste, mantemento, montaxe e desmontaxe ou os danos persoais e laborais que poden chegar a darse en visitantes e traballadores no recinto.

    “A elección deste espazo, e a execución da obra, non cumpren coas condicións axeitadas para facer viable e compatible a convivencia de ambas instalacións”, declara o voceiro do grupo, que denuncia que “precisamente foi a protección da pista o motivo técnico que alegou a Xunta para anular o primeiro concurso para licitar a obra”, engadindo que o goberno de Núñez Feijoo “negociou” en segunda volta a adxudicación á Constructora San José S.A. baixo criterios opacos que non se fixeron públicos na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia”.

Ourense en Común buscará o apoio do pleno para acoller na cidade a persoas refuxiadas

Ourense en Común buscará o apoio do pleno para acoller na cidade a persoas refuxiadas

•   O goberno español só acolleu a 2.000 das 17.000 persoas comprometidas en 2015 por Mariano Rajoy.
•   A vontade da cidadanía está moi por enriba da de quen goberna: o 85% da cidadanía do Estado español e o 65% da cidadanía europea está a favor de axudar ás persoas refuxiadas segundo datos do Eurobarómetro.

    Ourense en Común presentará no vindeiro pleno unha moción dirixida ao apoio a persoas migrantes e refuxiadas, manifestando “a nosa solidariedade cos milleiros de persoas que fuxen das guerras, a explotación e a fame”.

    O grupo quere denunciar con esta moción a peor crise de persoas desprazadas desde a II Guerra Mundial mentres “os gobernos europeos actúan dun xeito inmoral e inhumano, pechando fronteiras e fracasasando nos plans de readmisión, poñendo en perigo millóns de vidas”.

    Rematado hoxe o prazo fixado, España só acolleu a 1.983 persoas procedentes das cotas de reubicación e reasentamento das 17.337 persoas refuxiadas ás que se comprometera, ao tempo que o espazo europeo de libre circulación esborrállase e non deixan de medrar os discursos xenófobos en toda a Unión Europea.

    Ourense en Común pedirá que o Concello se adhira á rede de cidades refuxio como Cidade Acolledora de Refuxiados, poñendo a disposición instalacións, e articulando a través dos Servizos Sociais a colaboración necesaria coas entidades e institucións interesadas para a recepción e acollida inmediata de persoas que precisen refuxio.

    O grupo quere tamén que desde o local, se inste ao goberno de España a asumir os compromisos de acollemento, e á UE que habilite vías legais e seguras que garantan o acceso ao dereito de asilo, cumprindo os programas de reasentamento, activando políticas de concesión de visados humanitarios e poñendo en marcha mecanismos non militarizados de xestión dos fluxos migratorios en Europa.

Imaxe: Jodi Hilton

“Acción Arborar”: por un Consello Municipal de Medio Ambiente

“Acción Arborar”: por un Consello Municipal de Medio Ambiente

•   Ourense en Común solicitará novamente a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente, petición rexeitada en xuño por PP e DO.
•   Coa plantación dun castiñeiro na Praza San Marcial, varios colectivos iniciaban onte unha campaña para esixir o coidado do arboredo municipal.

    Ourense en Común participaba onte na nomeada “Acción Arborar”, promovida por veciñas e veciñas do Casco Vello, e colectivos como Ríos Limpos ou o Comité de Defensa do Monte Galego, como foro de debate e acción social ante a aniquilación do arboredo vivido recentemente na cidade de Ourense.

    O grupo farase eco no pleno das reivindicacións desta campaña, e a través dunha moción solicitará unha comisión independente “que analice o contexto, as causas e o procedemento seguido na talla das árbores, pedirá ao goberno que priorice en “realizar unha diagnose urxente do estado de todo o inventario arbóreo da cidade”, e incidirá na necesidade de “constituír un Consello Municipal de Medio Ambiente, como ferramenta de consulta e diálogo co tecido asociativo e veciñal, que permita ser xérmolo entre iniciativas e campañas ao redor da protección ambiental”; unha proposta rexeitada polo Partido Popular e Democracia Ourensana no pleno do mes de xuño.

    Martiño X. Vázquez, destaca o papel que xogan as árbores no ámbito urbano, “ter árbores ao noso redor non é unha mera cuestión estética ou decorativa, fan a vida máis agradable, moderan o clima, melloran a calidade do aire e ata reducen o estrés nas persoas”, e engade que é preciso “garantir a calidade no mantemento e evitar tallas e podas drásticas que acaban por provocar doenzas nos exemplares e os danan de forma irreversible”, concluíndo que “é unha barbarie o que está a acontecer polo desleixo na Concellería de Medio Ambiente”.

Insuficiente programación do Concello de Ourense na Semana da Mobilidade

Insuficiente programación do Concello de Ourense na Semana da Mobilidade

•   A programación do Concello limítase ás actividades infantís, e non aborda o uso excesivo no coche na cidade.
•   O servizo de préstamo de bicicletas leva anos abandonado, a flota e liñas de autobuses están obsoletas, e o novo prego de transporte demórarase ata finais de ano.
•   Ourense é a terceira capital do estado con máis tráfico motorizado.

    “Non van ter ningún efecto nos hábitos de desprazamento”, así se refería esta mañá Martiño X. Vázquez ás actividades que con motivo da Semana Europea da Mobilidade presentaba o venres o Concello de Ourense.

    O voceiro de Ourense en Común considera “pouco ambiciosa” unha programación que “se orienta case en exclusiva a menores de 12 anos, cando son os adultos os responsables dos problemas que provoca o uso do coche particular”. O grupo considera “necesario” educar aos nenos e nenas, pero defende que é “aínda máis importante incentivar aos adultos a reconsiderar un cambio no modo en que se desprazan, porque os nenos e nenas, desprázanse con eles”.

    Martiño asegura que o goberno “ten moito traballo pendente” para mellorar a mobilidade en Ourense que “non se arranxa con contacontos nin restrinxindo trinta horas o tráfico en dúas rúas que xa están pacificadas”, e lembra que “o sistema de préstamo de bicis está abandonado pola desidia do goberno municipal e o prego de transporte leva un retraso inadmisible”.

OUeC e En Marea visitan o CIMM e o Punto de Encontro Familiar de Ourense

OUeC e En Marea visitan o CIMM e o Punto de Encontro Familiar de Ourense

•   O traballo de xestión no CIMM limita a atención axeitada ás usuarias do centro.
•   O PEF de Ourense está infradotado en comparación cos de outras capitais do país.

    A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, xunto coas deputadas de En Marea, Paula Quinteiro e Ánxeles Cuña, visitaron esta mañá o Centro Municipal de Información ás Mulleres de Ourense, e o Punto de Encontro Familiar da Xunta na cidade, para “ver se están a funcionar adecuadamente e avaliar cos propios profesionais se son necesarias melloras desde a administración local e autonómica”.

    Acompañadas pola concelleira de Benestar, Sofía Godoy, foron recibidas no CIMM a primeira hora da mañá pola directora do centro, que lles trasladou de primeira man a situación do centro e o desenvolvemento dos servizos que se prestan.

    Tras a visita, Ledicia Piñeiro manifestaba que “vemos que a carga burocrática a nivel de xestión está limitando moito o traballo das técnicas para a intervención directa coas persoas usuarias do servizo”, facendo balance tamén da recente modificación do PP na Xunta sobre o decreto dos CIMMque multiplica o traballo sen incrementar nin facilitar a formación axeitada ao persoal”. Segundo o decreto, as profesionais dos CIMM, especializadas en xénero, teñen que intervir agora con menores e persoas do colectivo LGTBI, sen contar con formación especializada para ofrecer un tratamento axeitado a estas usuarias.

    A media mañá, Ledicia Piñeiro, Paula Quinteiro e Ánxeles Cuña visitaban tamén o Punto de Encontro Familiar, continuando a rolda de visitas a estes centros que En Marea iniciaba a principios de mes en Ferrol. A directora do centro, e unha das tres técnicas que prestan os servizos no PEF, guiaron a visita ás instalacións e trasladaron a realidade e necesidades do centro.

    Ao remate da visita, Paula Quinteiro, que xa visitou neste mes os PEF de Ferrol, A Coruña ou Compostela, valoraba que “o de Ourense precisa unhas instalacións máis amplas e axeitadas“, e engadía que “é preciso mellorar a coordinación entre os diferentes PEF, e a destes cos organismos que interveñen nos procesos de intervención familiar”.  Ánxeles Cuña apuntaba á dispersión do rural na provincia de Ourense, “estudaremos a necesidade de máis puntos de encontro na provincia para garantir unha atención máis cercana e personalizada”.

Ourense en Común pedirá no pleno un espazo de calidade para os deportes urbanos

Ourense en Común pedirá no pleno un espazo de calidade para os deportes urbanos

•   Unha moción do grupo insta ao goberno a habilitar un espazo municipal como parque para bicicletas BMX, monopatíns e patíns.
•   Unha petición iniciada en change.org supera as 300 sinaturas recollidas para este fin.
•   O éxito do Pulpo Extreme avala a necesidade dunha infraestrutura na cidade para a práctica destes deportes, que serán olímpicos en 2020.

    Ourense en Común faise eco dunha petición iniciada na plataforma change.org solicitando ao Concello de Ourense un “skate&bike park de calidade”, e rexistraba esta mañá unha moción para levar ao pleno de outubro, na que instará ao goberno a atender esta demanda e dotar á cidade dun espazo axeitado para a práctica de diferentes disciplinas deportivas de deslizamento (skate, bicis BMX e patíns).

    Na petición propóñense diferentes espazos municipais sen uso como o sito baixo a Ponte Novísima ou o Acceso Centro da A-52, no inicio do Paseo das Ninfas, aínda que o grupo deixa aberta na moción a elección do espazo aos servizos municipais, solicitando “que teña as características axeitadas para acoller un parque resgardado das inclemencias meteorolóxicas, que estea debidamente executado para garantir a seguridade dos usuarios e supoña baixos custos de mantemento.

    Fontes consultadas polo grupo aseguran que a inversión neste tipo de infraestruturas -entre os 60.000€ e os 100.000€-, “non é elevada e é asumible por un Concello como o de Ourense. Só se precisa vontade de atender esta demanda”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, valora positivamente a celebración na cidade do Pulpo Extreme, que chegaba aos 17.000 asistentes na primeira edición do ano 2016,  confía en que “a asistencia vaia en ascenso nesta edición de 2017 que se celebra a finais de mes”, e aspira a “que o compromiso do Concello con estes deportes se leve ao día a día, dotando dos recursos suficientes para que calquera poida iniciarse ou practicar estas disciplinas que en 2020 serán olímpicas”.

    Na actualidade Ourense conta só cunhas pequenas e limitadas instalacións na contorna do Pavillón dos Remedios, razón pola que é común observar a usuarios destes deportes empregando outras infraestruturas e equipamentos públicos en parques como o das Mercedes ou o Xardín do Posío, co derivado impacto e desgaste das mesmas ao non ser deseñadas para tal uso.

O Concello tramita subvencións en lote e non por áreas

O Concello tramita subvencións en lote e non por áreas

•   O equipo de goberno quere aprobar nun lote único o crédito para entidades sociais, veciñais, culturais e comerciais.
•   Ourense en Común pedirá que os convenios sexan presentados en expedientes separados e acompañados de memorias xustificativas.
•   O PP deixa fóra da proposta a organizacións que solicitaron conveniar un proxecto, e a asociacións de veciñas non federadas.

    Logo de que o pasado luns en Xunta de Voceiros o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, concedera un pírrico prazo de cinco días” aos grupos municipais para facer achegas a unha nova modificación de crédito destinada renovar os convenios con diferentes entidades sociais, veciñais, culturais e comerciais, Ourense en Común manifestaba hoxe o seu descontento co “proceder do grupo de goberno”, que “tras dous anos e medio, continúa sen orzamentos”, e “no lugar de dotar axeitadamente ás concellerías de fondos para exercer a súa labor, programas de investimento ou convenios, recorren unha e outra vez ás modificacións de crédito”.

    O grupo solicitaba o pasado martes en Xunta de Área, e onte mediante rexistro dirixido á alcaldía, as memorias xustificativas de cada unha das entidades que perciben subvencións, xa que “non se nos facilitaron, entendendo que “así non podemos avaliar a inversión feita nin a labor social, cultural, de promoción do comercio, etc. das organizacións que se presentan á renovación do convenio”, declaraba Ledicia Piñeiro.

    A edil de Ourense en Común critica que o Partido Popular “desbote” desta liña de axudas a varias asociacións de veciñas “como se non fosen dignas de convenio por non estar na federación Miño ou Limiar”, e bota en falta a “organizacións que presentaron un proxecto e non se contemplan na proposta do Partido Popular”.

    Sobre a súas achegas a esta nova modificación de crédito presentada pola alcaldía na Xunta de Portavoces, Ledicia Piñeiro afirma que “tomaremos como sempre unha decisión colexiada na que cada veciña poda opinar”. Con todo xa anticipa que pedirán “que esta modificación sexa tramitada en diferentes expedientes  divididos por áreas: social e saúde pública, cultura e bens comúns, asociacionismo e participación cidadá, desenvolvemento local, igualdade e sustentabilidade”.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/20170914-convenios-con-entidades-do-concello-de-ourense