OUeC pedirá que o Servizo de Acollida de Mulleres Vítimas de Violencia Machista pase a xestión directa municipal

OUeC pedirá que o Servizo de Acollida de Mulleres Vítimas de Violencia Machista pase a xestión directa municipal

•    A Casa de Acollida de Ourense está actualmente ao cargo dunha congregación relixiosa.
•    O grupo solicita que se cumpra o protocolo da Rede Galega de Acollemento e se faga partícipe ao Consello Municipal de Igualdade na prestación deste servizo.
•    A Rede de Acollida, en A Coruña, ou o Centro de Emerxencia para Mulleres de Vigo, son exemplos de xestión directa municipal.

    Ourense en Común leva ao pleno deste venres a necesidade do Concello de contar cun centro de acollemento “público e de xestión directa municipal” destinado a todas aquelas mulleres que sofren violencia machista, as súas fillas e fillos menores ou calquera outra persoa dependente delas, entendendo que é “un recurso fundamental e un servizo de  manifesta utilidade pública”, expón Ledicia Piñeiro.

    O grupo ten manifestado en repetidas ocasións a súa desconformidade con que un servizo de protección ás mulleres non se desenvolva en Ourense segundo recolle o protocolo da Rede Galega de Acollemento e estea en mans de relixiosas, “case supeditado á beneficencia”, pois a maioría do horario laboral do servizo está imputado a “persoal que non percibe salario”. Botando man da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, a edil de Ourense en Común explica que “non debemos perpetuar os estereotipos sobre as mulleres e a violencia de xénero, é preciso garantir a especialización dos colectivos profesionais que interveñen no proceso”.

    Ledicia Piñeiro defende que “a protección ás mulleres é unha obriga dos poderes públicos” e critica que en Ourense haxa “unha manifesta contradición entre o carácter aconfesional da administración e o abandono das súas obrigas en favor dunha congregación”.

    A moción recolle exemplos de centros galegos que dependen directamente da xestión municipal, como o caso de A Coruña ou Vigo, que contan con recursos especializados, residenciais e temporais, e ofrecen axeitadamente acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia, para garantir a súa integridade psicolóxica e a súa autonomía social e económica.

Ourense en Común ameaza con emprender accións legais contra o goberno do PP por denegarlle o acceso a información

Ourense en Común ameaza con emprender accións legais contra o goberno do PP por denegarlle o acceso a información

•    Durante máis de seis meses, o goberno elude facilitar documentación que o grupo solicita.
•    Informacións sobre o estado de execución de partidas orzamentarias, ingresos doutras administracións, recadacións, proxectos ou datos estatísticos son negados sistematicamente polo goberno do Partido Popular.
•    O equipo de Jesús Vázquez vulnera reiteradamente o dereito de acceso á información dos grupos municipais.

        Logo das reiteradas peticións de información nas sucesivas xuntas de área celebradas ao longo dos últimos meses, e derivado das repetidas evasivas do equipo de goberno en facilitar a documentación que se lle solicita, na Xunta de Área de Facenda, Servizos Xerais, Turismo e Termalismo celebrada o 1 de agosto, o concelleiro e voceiro do grupo municipal Ourense en Común facía unha reiteración sobre a documentación solicitada e pendente de entrega e manifestaba que senón se lle entregaba, “a solicitaría por outros cauces”.

        Entre outras, Martiño Xosé Vázquez demandaba acceso ao listado de inversións para a cidade captadas dos gobernos amigos na Deputación, Xunta e Estado, “das que o alcalde presumía en marzo. O único que pedimos é ter acceso a eses datos para poder comprobalo e alegrarnos tamén de que Ourense deixe de ser históricamente marxinada polos gobernos do Partido Popular. Seis meses despois seguimos agardando por esa información“.

        Segundo recollen as actas desta comisión informativa, Ourense en Común ten solicitado ademais o estado de execución de partidas orzamentarias para medios de comunicación e propaganda, o montante total da recadación por cartelería ilegal, as copias de proxectos presentados como GeoAtlantic ou datos estatísticos de diversa consideración, xa que “é común que o goberno municipal afirme perante os medios de comunicación feitos que despois son incapaces de demostrar con datos, cando entendemos que o fan porque existen informes que o respaldan”, explica o voceiro do grupo.

        Perante esta situación, Ourense en Común solicitará a mediación do Secretario Municipal, responsable de facer cumprir o regulamento, e en caso contrario acudirá á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais (Artigo 23.2 CE), alertando de que “de persistir a negativa e ser reiterada sen motivo acudiremos se é preciso á vía penal”.

        “Como representantes da veciñanza e segundo o Artigo 9 do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense temos dereito a ter esa documentación, é algo fundamental para exercer con garantías a nosa labor de fiscalización e control ao goberno“.

Ourense en Común censura a falta de previsión da Concellería de Medio Ambiente e Infraestruturas

Ourense en Común censura a falta de previsión da Concellería de Medio Ambiente e Infraestruturas

•    O grupo advertiu reiteradamente en xunta de área da necesidade de mantemento dos sumidoiros para evitar os estragos que onte orixinou a treboada.
•    O patrimonio arbóreo da cidade acusa gravemente a desidia do goberno nesta área.
•    O Concello desatende as recomendacións de extremar o control para o uso responsable da auga derivadas da prealerta por sequidade.

    Ourense en Común criticaba esta mañá a xestión da Concellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas, “a total falta de previsión fixo que a intensa treboada de onte provocara o asolagamento de rúas polos atascos en sumidoiros e rexistros, deficientes de limpeza. Aclara Miguel Doval que esta cuestión foi advertida ao concelleiro responsable, José Araujo, en numerosas xuntas de área, “onte repetiuse o caos da treboada de finais de maio, e malia que solicitamos insistentemente a limpeza de sumidoiros, nada se fai”.

    O grupo cuestiona ademais a irresponsabilidade do equipo de goberno pola falta de mantemento do patrimonio arbóreo da cidade. “Que o concelleiro de Medio Ambiente xustifique agora o corte das árbores como ‘medida preventiva’ é unha desvergoña que amosa a súa ineptitude para o cargo que desempeña. Non existe prevención cando o desleixo da súa xestión xa puido provocar unha desgraza”.  Doval lembra ao goberno o acordo plenario de febreiro para realizar un inventario das árbores e coñecer o seu axeitado mantemento, que “xa vai chegar tarde e fai entrever que, a este ritmo de traballo, Ourense acabará por ser un deserto, invivible e pouco saudable”.

    A xestión e o estado dos recursos hídricos da cidade foi tamén motivo de crítica para Ourense en Común, xa que “malia á alerta por risco de seca, o goberno municipal non prevee medidas de contención do consumo”, engadindo ademais que “os ríos que pasan pola cidade esmorecen pola falta de limpeza e mantemento”.

    Ourense en Común apela ao edil a “poñerse a traballar”, acusando a Araujo de “desatender as súas funcións para pasar o mes de agosto facéndose fotos en substitución do alcalde”.

A progresividade do IBI volverá ao pleno no mes de setembro

A progresividade do IBI volverá ao pleno no mes de setembro

•    Ourense en Común apela ao goberno á responsabilidade para que o imposto atenda a principios de xustiza e igualdade social.
•    A responsable de Facenda aseguraba no mes de xullo que a rebaixa lineal do 20% fará inviable manter servizos sociais básicos.
•    O borrador da ordenanza “dinamitado polo pacto a porta pechada de PP e DO” contemplaba bonificacións para o fomento o emprego, vivendas de protección oficial, ou o uso de enerxías renovables.

    Ourense en Común levará de novo ao pleno municipal a reforma do Imposto sobre Bens Inmobles do Concello de Ourense, buscando garantir a progresividade, de maneira que a rebaixa do imposto sexa para quen máis o necesita, e que pague máis, quen máis ten.

    Logo de que o acordo a porta pechada” de PP e DO para rebaixar de xeito lineal nun 20% o imposto “botara por terra todo o traballo avanzado durante meses, do que xa saíra un borrador para a nova ordenanza”, o grupo rexistraba esta mañá unha moción pola que solicitará na sesión plenaria do mes de setembro “que se dote de progresividade ao tributo, introducindo a renda e o valor catastral dos inmobles como criterios para determinar a cota”.

    Ourense en Común cuestiona con preocupación o impacto que este “acordo das dereitas” terá na xestión municipal e nos servizos públicos que se prestan á cidadanía, considerando que “a rebaixa pretendida fomenta a especulación inmobiliaria”, pois “favorece ao 1% da poboación, que ten 50 ou máis inmobles,  pero terá un reducido impacto no 99% restante”.

    É por isto que o grupo inclúe na moción que a nova ordenanza integre o Artigo 72.4 da Lei de Facendas Locais, para penalizar ata nun 50% da cota do imposto a aqueles inmobles de uso residencial que se encontren desocupados con carácter permanente, como xa se fai en grandes cidades do país, como A Coruña, Compostela, Zaragoza ou Barcelona e en máis de 200 municipios do territorio, o que permitiría “incentivar o mercado, evitando a especulación, e promovendo garantías para un dereito básico como é o acceso á vivenda”.

    O grupo expón na moción as numerosas incógnitas derivadas do acordo entre PP e DO, en referencia ao impacto no orzamento municipal que terá a redución de 6,5 millóns de euros de recadación, e os recortes que esto vai supoñer, lembrando as declaracións nas que a concelleira responsable da área de Facenda, Ana Morenza, calificaba de inviable esta rebaixa para manter axudas sociais de emerxencia e dependencia, becas para libros e comedores escolares, programas de conciliación familiar, ou axudas a mulleres vítimas de violencia.

Ourense en Común alerta de que o Concello continúe sen Plan de Prevención de Lumes

Ourense en Común alerta de que o Concello continúe sen Plan de Prevención de Lumes

•    O equipo de Jesús Vázquez incumple dous acordos plenarios e “segue sen facer os deberes”.
•    As institucións gobernadas polo PP non toman medidas preventivas fronte á vaga de incendios que asolan a provincia.
•    Por Lei, o Concello debe contar cun Plan de Emerxencias, pendente desde hai máis de dez anos.
•    A precariedade no corpo de bombeiros multiplica a gravidade do risco fronte a un gran lume.

    Ourense en Común denunciaba esta mañá que o goberno de Jesús Vázquez continue “sen facer os deberes” no tocante á defensa contra os lumes forestais, xa que “nos dous anos que levan na alcaldía non foron quen de facer un Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), nin un Plan de Prevención e Defensa contra Lumes Forestais”, que o grupo considera “ferramentas esenciais no caso de que se produza unha emerxencia”, defende Martiño X. Vázquez.

    O voceiro de Ourense en Común lembra que o propio Partido Popular, desde a oposición, solicitara en 2012 a elaboración dun PEMU, pero “desde a súa posición actual no goberno non da os pasos necesarios para que este plan exista”, incumprindo dous acordos plenarios, de outubro de 2015 e de maio deste ano 2017, sen traballar neste importante documento, “malia aos reiterados rogos dos diferentes grupos da oposición en plenos posteriores”, engade.

    A provincia de Ourense volve a vivir unha vaga de lumes e as institucións gobernadas polo Partido Popular continúan “sen estratexia, sen plans para o monte, e sen servizos públicos que traballen todo o ano na prevención, e un ano máis encomendan o noso monte á choiva.

    En referencia aos dous lumes que o Concello sufriu onte na contorna das Eiroás, Martiño X. Vázquez valora como “unha sorte que puideran ser rápidamente sofocados,” pero interpela ao alcalde sobre a resposta de Ourense no caso dun lume maior. “As condicións no servizo de bombeiros son mínimas, e o risco multiplícase de modo exponencial”, denunciando ademáis a deficiente xestión na Concellería de Medio Ambiente, que “nin acomete as tarefas de desbroce que lle corresponden, nin fai cumplir a ordenanza de limpeza de terreos e solares”.

    Ourense en Común insiste na urxencia dun Plan Municipal de Emerxencias que garanta a seguridade de todas as veciñas e veciños, que catalogue os medios e recursos dispoñibles para afrontar calquer posible sinistro, que analice riscos, determine medidas de prevención, estableza unha coordinación axustada entre os medios existentes, organice as funcións básicas para a protección civil e informe á cidadanía sobre as medidas de autoprotección.”

Ourense en Común denuncia reiterados incumprimentos de empresas contratadas polo Concello

Ourense en Común denuncia reiterados incumprimentos de empresas contratadas polo Concello

•    As irregularidades de Viaqua ou Ecourense chegan habitualmente á xunta de goberno local, sen que se coñezan repercusións contractuais, nin o destino das sancións que se lles impoñen.
•    OUeC solicita que se estuden as posibilidades para que os servizos que vencen proximamente, pasen a ter unha xestión municipal, máis eficiente e económica.

    Ourense en Común advirte da necesidade de revisar os contratos administrativos asinados polo concello con algunhas das empresas que xestionan os servizos municipais, por detectarse “reiteradas irregularidades e incumprimentos dos traballos para os que foron contratadas”.

    O grupo critica que a prestación dos servizos estea “supeditada a decisións empresariais, que nalgúns casos obvian os pregos administrativos e noutros directamente a lei, con unha evidente permisividade do equipo de goberno”. Son varias as empresas ás que “practicamente todos os xoves en Xunta de Goberno Local se lles abren expedientes por faltas graves, incumprimentos, ou danos e prexuízos para o Concello, pero en ningún caso se lles revisa o contrato, nin se nos notifica do destino das sancións, se é que son pagadas debidamente”, indica Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo.

    A empresa que xestiona o servizo municipal de augas e a EDAR do municipio, Viaqua, acumula ao longo deste ano multas por vertidos e danos ao dominio público hidráulico que ascenderon a máis de 23.000 euros. A CHMS sanciona ao Concello de Ourense e este remite a sanción a Viaqua, pero “descoñecemos o destino da presunta recadación”. O río Miño é a principal vítima dos vertidos ilegais e contaminantes, polo que “non parece que esta xestión empresarial responda ao interese público do que debe ser garante a administración”.

    Outra empresa de cuestionable xestión de servizos municipais é Ecourense UTE, encargada do servizo de limpeza e recollida dos RSU, da que se atopan numerosas irregularidades desde fai anos. Xa no ano 2011, unha auditoría externa recollía un informe técnico no que se alertaba de deficiencias no servizo e incumprimentos das esixencias do prego de condicións; un informe que derivou na “imposición de penalidades” á empresa por unha contía de 296.214 euros e unha multa de entre 6.001 e 30.000 euros por falta grave. A concesionaria do servizo presentara alegacións a este informe, e na xunta de goberno local do pasado 9 de marzo declarábase a caducidade do expediente de imposición de penalidade, “unha nova mostra da inoperancia e permisividade deste goberno, que pasa por alto o incumprimento do prego, e tamén do prazo para subsanar a irregularidade”.

    Ourense en Común denuncia que “o trato de favor con esta empresa vai aínda máis alá, apuntando ás “intencións do concelleiro de Medio ambiente de adecuar a ordenanza municipal de limpeza ás necesidades da empresa”, como recentemente anunciaba José Araujo.

    Martiño X. Vázquez lembra tamén o “completo desleixo político e empresarial” na xestión dos residuos, que conlevou ao peche de un dos puntos limpos da cidade, o de Eiroás. O voceiro manifesta que desde o seu grupo “solicitamos os plans de explotación dos puntos limpos de Ourense o ano pasado e lembrámoslle ao concelleiro que existen axudas a través do Fondo de compensación ambiental para sufragar gastos dos puntos limpos das cidades, pero nada se fixo”.

    Outra das contratas municipais cuestionadas por Ourense en Común é a empresa xestora do matadoiro de Ourense, Matadero de Ourense S.L., sobre a que continúa aberta unha comisión de investigación para esclarecer as “numerosas incongruencias en termos de control do gando sacrificado” denunciadas por OUeC, e que debido aodesinterese e a inoperancia do goberno municipal”, chegará en setembro ao Parlamento de Galicia.

    Martiño X. Vázquez aclara que “nos vindeiros 2 anos calquera destas tres empresas nomeadas rematan a súa concesión”, e reitera a petición do seu grupo, “sería preciso comezar xa a estudar que posibilidades ten o concello de pór en marcha a remunicipalización, o que suporía un aforro económico considerable para o erario público e melloraría a calidade dos servizos”.

Ourense en Común pedirá no pleno un compromiso coa alimentación sustentable e de proximidade

Ourense en Común pedirá no pleno un compromiso coa alimentación sustentable e de proximidade

•    O actual goberno do Partido Popular “deixou morrer” o proxecto Come Ourense, que recollía un plan de acción neste eido.
• A produción e o consumo local xeneran beneficios directos no medio e na economía.
• 16 cidades españolas e máis de cen en todo o mundo xa se adheriron ao Pacto de Milán, o primeiro protocolo internacional en materia alimentaria a nivel municipal.

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción de cara ao pleno ordinario do mes de setembro, para que o Concello de Ourense traballe no desenvolvemento de sistemas alimentarios sustentables, asegurando a equidade social e económica, promovendo dietas sostibles, e unha produción alimentaria local, que mellore o abastecemento e a distribución e limite o desperdicio de alimentos.

    Desde o grupo critican que o “Partido Popular deixara morrer o proxecto Come Ourense, que xa funcionaba para visibilizar a alimentación de proximidade e o autoabastecemento”. Martiño Xosé Vázquez, explica que “incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade, ademais de xenerar un impacto directo na mellora da saúde”.

    A moción avalía a Ourense como “un concello privilexiado para construír a súa soberanía alimentaria pola gran superficie de chan aínda verde e rural, apunta ao valor das dúas Prazas de Abastos que “poderían liderar dentro da cidade o comercio de proximidade na alimentación” e reivindica prácticas comerciais como o Rianxo, “parte indiscutible do noso patrimonio inmaterial”.

    Ourense en Común alude á responsabilidade que teñen as cidades para mellorar a alimentación das persoas que habitan nelas, “as políticas alimentarias requiren un oco nas axendas dos grupos municipais, para asegurar un contexto baseado nos dereitos, que garanta a comida sa e accesible a todos, reduza os desperdicios de alimentos e preserve a biodiversidade, adaptándose tamén para mitigar os efectos do cambio climático”, apunta o voceiro.

    O grupo solicitará a adhesión do Concello de Ourense ao Pacto de Política Alimentaria Urbana de Milán (MUFPP), o primeiro protocolo internacional en materia alimentaria a nivel municipal, iniciado en 2015 en coordinación coa Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), e asinado por máis de cento corenta cidades dos cinco continentes ata o día de hoxe.