Ourense en Común non participará do “mercadeo” pretendido por PP e DO cos servizos sociais

Ourense en Común non participará do “mercadeo” pretendido por PP e DO cos servizos sociais

•    O grupo entende que a cobertura dos servizos sociais debe ser unha prioridade independente da reforma fiscal.
•    Pérez Jácome mantén unha negociación de enfoque comercial, asumindo a xestión do Concello “coma se fóra unha empresa”.
•    PSOE e DO non se presentaron hoxe na reunión coa concelleira de Facenda para continuar avanzando na reforma do IBI.

    Tras a primeira reunión de Ourense en Común co alcalde en máis de dous anos de goberno, que pon de manifesto “a súa nula capacidade de diálogo”, o voceiro do grupo declaraba que “non participará do mercadeo que están a abrir Democracia Ourensana e o Partido Popular cos servizos sociais”. Martiño Xosé Vázquez insiste en que “o PP debe asumir a súa responsabilidade de goberno antes de responsabilizar á oposición do seu fracaso xestor”.

    O grupo de Pérez Jácome,  pretende vencellar a prestación dos servizos sociais coa reforma fiscal, unha cuestión que “pon en risco o traballo dos últimos meses na nova ordenanza do IBI”, que se atopa prácticamente rematada e recolle moitas das emendas presentadas por Ourense en Común, e a fan máis social ca nunca”. Sobre esta ordenanza,  a concelleira convocaba para esta mañá aos voceiros dos grupos da corporación; unha reunión á que só asistiu Ourense en Común.

    Ourense en Común cuestiona o proceder de Democracia Ourensana, que “entende a xestión pública non como un traballo en prol do ben común, senon como un intercambio de cromos”, nun exercicio irresponsable ao que o PP “parece que vai ceder“.

Ourense en Común apoiará a reforma do IBI ao aceptar o PP as súas emendas

Ourense en Común apoiará a reforma do IBI ao aceptar o PP as súas emendas

•    O grupo convida ao PSOE a apoiar tamén a nova ordenanza, de forma activa ou pasiva.
•    OUeC insta ao goberno a tomar nota deste diálogo, e a seguir o mesmo proceder para avanzar no orzamento municipal, o PXOM e en tantos outros temas.
•    A reforma do IBI entra a próxima semana na súa recta final.

    Previa á última reunión do próximo luns para traballar sobre a nova ordenanza do IBI, antes de que quede pechada para a súa elevación a pleno, Ourense en Común manifestaba hoxe en rolda de prensa que apoiará o texto definitivo “ao aceptar o goberno as numerosas emendas presentadas polo noso grupo”. 

    O voceiro do grupo di sentirse contento pois “malia a ser o grupo con menor representación, sexamos o que maior capacidade de diálogo e emenda presenta”, referíndose, ademais de a esta ordenanza, á Mesa de Mobilidade e o programa Móvete por Ourense, á ordenanza de vivendas de exclusión social e “en toda aquela mesa de debate onde fumos convidados a traballar”, convidando ao Partido Popular a reflexionar e tomar nota” destas mesas de diálogo que “tiñan que ser constantes tamén para avanzar no orzamento municipal, no PXOM e en tantos outros temas”.

    Martiño X. Vázquez enumeraba as oito emendas presentadas por OUeC ao texto, das que “dúas foron rexeitadas, unha transaccionada e o resto aceptadas e integradas.

Rexeitadas: O Partido Popular rexeitou explorar as posibilidades legais de retirar a exención á igrexa católica, negándose incluso a introducir na nova redacción a frase “por imperativo legal”, e reducir a bonificación ás empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria.

Transaccionada: Dende OUeC solicitamos aumentar do 1% ao 3% a bonificación por domiciliación do pago, xa que “a xestión telemática aumenta a dilixencia municipal, evitando colas no servizo de recadación e no rexistro”. A negociación co PP e os técnicos municipais fixo que definitivamente esta bonificación quedara no 2%.

Aprobadas e inseridas no texto:

1º Conseguimos aumentar o período de bonificación para vivendas de protección oficial ata 7 anos.

2º Conseguimos bonificacións para o fomento de enerxías renovables provenientes do sol e levaremos a pleno o próximo venres unha moción para instar a modificar a norma para poder incluír tamén a xeotermia.

3º Conseguimos introducir na nova ordenanza fiscal o concepto de progresividade, de tal modo que no caso das necesarias bonificacións para familia numerosa o referente sexa o Indicador Público da Renda de Efectos Múltiples e non a categoría en si. Así é que na nova proposta consensuada entre Ourense en Común e Partido Popular mantense a bonificación de entre un 50% e 90% segundo a categoría de familia numerosa e a maiores engádese que aquelas familias que non ingresen 1,5 veces o IPREM (750€ aproximadamente) a bonificación será a máxima permitida por lei. “É cuestión de equidade e xustiza, non ten sentido bonificar por igual á familia de Amancio Ortega que a quen ten problemas para chegar a fin de mes“.

4º Conseguimos igualmente bonificar ata o 95% para fomentar o emprego e actividades económicas de especial interese municipal. Trátase de fomentar o emprendemento e o aumento do emprego naqueles sectores estratéxicos para Ourense nos próximos anos e nos que podemos ser referentes.

    O voceiro de Ourense en Común concluía que “non é a reforma fiscal ideal pero é mellor que a existente, por iso traballamos para mellorala e chegar a acordos”,  convidando asemade ao PSOE a sumarse ao consenso, de forma activa ou pasiva, e “traballar en prol do ben común”.

Ourense en Común solicitará no pleno a erradicación da flora invasora no Concello

Ourense en Común solicitará no pleno a erradicación da flora invasora no Concello

•    O grupo pide un plan para a eliminación de mimosas e árbores do ceo, consideradas unha ameaza para a biodiversidade e vencelladas directamente aos lumes forestais.
•    A presencia da mimosa é masiva no val do río Loña, en Velle e naquelas zonas afectadas polos lumes nas últimas décadas.
•    O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente propón varias medidas para o control e eliminación destas especies.

    Ourense en Común rexistraba esta semana unha moción que defenderá no pleno do mes de agosto, na que solicita un plan de continxencia e erradicación no Concello de Ourense da Acacia dealbata e da Ailanthus altissima, popularmente coñecidas como mimosa e árbore do ceo, respectivamente. Ambas especies están incluídas como “flora invasora de Galicia” no Catálogo español de especies exóticas invasoras, e constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade, degradando a cuberta vexetal natural, “que precave dos lumes”.

    O grupo incide na súa reivindicación sobre a necesidade de políticas de prevención e protección contra os lumes forestais “un monte sen acacias é un monte con menos probabilidades de lume, aclaran.

    O grupo expón na moción os graves prexuízos que estas variedades supoñen para a economía, especialmente na produción agrícola, gandeira e forestal, e para a saúde pública, lembrando ademais o Convenio de Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, ratificado por España no 1993, que recoñecía a existencia deste problema e establecía un compromiso para o control e erradicación desta ameaza para o ecosistema e o hábitat.

    OueC advirte do “grande problema que temos no termo municipal de Ourense coa mimosa”, que “pode observarse practicamente en calquera punto”, sendo masiva no val do río Loña, en Velle e en diferentes zonas afectadas nas últimas décadas por lumes forestais. No caso da Ailanthus altissima, coñecida como árbore do ceo, a súa presenza en Ourense é menor, polo que, “facendo un recoñecemento dos puntos onde está situada, podería erradicarse facilmente”, indican.

    A mimosa, orixinaria de Tasmania e do sueste de Australia, e a árbore do ceo, de orixe chinesa, foron introducidas en España con fines ornamentais e atópanse actualmente naturalizadas invadindo o territorio. O rápido crecemento de ambas, impide a rexeneración da vexetación autóctona, provocando grandes impactos negativos no hábitat, as especies, os recursos económicos asociados  ao noso Patrimonio Natural e mesmo sobre a saúde humana.

    Para a súa eliminación e control, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente propón manter en bo estado a cuberta vexetal natural, axudando a loitar activamente contra os lumes forestais dunha forma preventiva, non empregar especies da familia en xardinería ornamental e a erradicación mecánica ou manual, compromisos que Ourense en Común trasladará ao goberno municipal con esta moción. “Existe a convicción do carácter nocivo destas especies e o coñecemento para implementar a súa erradicación. Trátase de ter vontade para facelo”, apunta Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo.

A Praza 1000 converterase en Praza Asunción González para visibilizar a lacra da violencia machista

A Praza 1000 converterase en Praza Asunción González para visibilizar a lacra da violencia machista

•    A moción de OUeC aprobada en abril comeza a feminizar o rueiro de Ourense.
•    A coñecida como “pobre Asunción” foi asasinada na Praza Maior de Ourense nun acto de odio machista durante as celebracións do venres santo de 1891.
•    As vítimas mortais por violencia de xénero no territorio español superan xa o milleiro no que levamos de século XXI.
•    O Concello ten pendente abrir un proceso participado para renomear outros espazos impersoais da cidade. (Prazas 100, 200, ou 500)

    Ourense en Común coñecía esta semana que o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) e a Concellería de Cultura, traballan conxuntamente estes días para dar cumprimento ao segundo punto da moción do grupo aprobada no pasado mes de abril, para replantexar as nomenclaturas impersoais de algunhas prazas da cidade de Ourense (Praza 100, 200, 500 ou 1000), saldar “unha débeda históricae poñer en valor a “mulleres ourensás invisibles a ollos dunha sociedade que aínda hoxe limita o feminino”.

    A petición do grupo, a “praza 1000”, na contorna do I.E.S Xulio Prieto Nespereira (Sexto Instituto), pasará a chamarse proximamente “Praza Asunción González”, nunha “alegoría da vida”, como “homenaxe ás máis de 1.000  mulleres asasinadas no que vai de século”, e  como  “lembranza para todas e cada unha das vítimas da violencia de xénero”, explican desde o grupo. “Non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal.

    Asunción González (1871-1891), veciña de Ourense e de profesión costureira, foi a primeira vítima (documentada como tal) de violencia machista en Ourense. Juan González, veciño de Reza (e suposta ex-parella de Asunción), disparou contra a moza producíndolle feridas incompatibles coa vida durante os actos relixiosos do venres santo do 1891, na praza maior de Ourense.

    O asasinato de Asunción González causou un forte impacto na sociedade ourensá, e a súa familia quedou lastrada por este terrible episodio para sempre. Os seus restos, no cemiterio de San Francisco, visibilízanse cunha lápida que recolle o seguinte:  “¡¡Pobre Asunción!! Viernes Santo del 91”.

    A moción de Ourense en Común contaba ademáis con outro punto, pendente de executarse, no que o grupo instaba ao goberno a abrir un proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller propostas de mulleres relevantes cos que renomear tamén as prazas 100, 200, ou 500, entendendo que “as propias veciñas son as súas lexítimas propietarias”.

Ourense en Común introduce a progresividade fiscal por nivel de renda no pago do IBI

Ourense en Común introduce a progresividade fiscal por nivel de renda no pago do IBI

•    A proposta do grupo para ter en conta os ingresos familiares foi aceptada polo Partido Popular.
•    A ordenanza contemplará tamén outra das emendas de OUeC, con bonificacións de ata o 95% para o fomento o emprego e actividades económicas de especial interese.
•    En reunións anteriores, OUeC xa introduxo na ordenanza bonificacións para vivendas de protección oficial, o fomento de enerxías renovables e descontos por domiciliar o pago.

        Os diferentes grupos municipais reuníanse novamente hoxe con técnicos responsables da área de recadación e facenda do Concello de Ourense para avanzar na reforma da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens inmobles.

    Despois de que o portavoz de Democracia Ourensana abandonara a xuntanza aos poucos minutos de comezar, e á abstención que mantén o PSdeG-PSOE, a reunión volveu a concentrar hoxe grande parte do tempo en analizar as propostas que Ourense en Común presentara o pasado ano para a nova ordenanza. Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, afirma sentirse satisfeito e contento pois, malia a ser o grupo con menor representación “sexamos o que maior capacidade de diálogo e emenda presenta, introducindo varias modificacións na futura ordenanza do IBI“.

    O debate centrábase na proposta do grupo municipalista para introducir na nova ordenanza o concepto de progresividade, para que o referente sexa o IPREM (Indicador Público da Renda de Efectos Múltiples) nas necesarias bonificacións para familias numerosas. Así é que na nova proposta mantense a bonificación de entre un 50% e 90% segundo a categoría de familia numerosa, e a maiores engádese que para aquelas familias que non ingresen 1,5 veces o IPREM (750€ aproximadamente) a bonificación será a máxima permitida por lei. “É cuestión de equidade e xustiza, non ten sentido bonificar por igual á familia de Amancio Ortega que a quen ten problemas para chegar a fin de mes“, afirmaba o portavoz Martiño Xosé Vázquez.

    Outra proposta de Ourense en Común que acollerá a nova ordenanza é a de fomentar o emprego e actividades económicas de especial interese municipal, con bonificacións de ata o 95%. Martiño Xosé Vázquez explica que “trátase de fomentar o emprendemento e o aumento do emprego naqueles sectores estratéxicos para Ourense nos próximos anos e nos que podemos ser referentes”. O voceiro fai fincapé no capital humano e recursos que ten o Concellopara competir no sector agroalimentario, en loxística e transportes, en turismo sostible, en termalismo, innovación e investigación, patrimonio e moitas outras actividades”, defendendo que “as administracións públicas deben facilitar e fomentar o emprendemento para acabar cun dos maiores problemas que ten Ourense, a emigración xuvenil por falta de oportunidades laborais“.

        Ademais destas emendas do grupo que se consensuaron hoxe, son varias as propostas de OUeC xa aprobadas en anteriores xuntanzas, “aumentamos o período de bonificación para vivendas de protección oficial, melloramos as condicións de pago por domiciliación do imposto, e engadimos diferentes bonificacións para fomentar a instalación de enerxías renovables no concello de Ourense”, explicaba Martiño Xosé Vázquez.

Ourense en Común esixe vincular o arranxo dos colectores a unha nova ordenanza de limpeza

Ourense en Común esixe vincular o arranxo dos colectores a unha nova ordenanza de limpeza

•    A obsoleta ordenanza vixente, de 1995, establece que cada comunidade de veciñas limpe o seu tramo de beirarrúa.
•    OUeC defende reconsiderar a xestión de residuos no Concello, apostando por un novo modelo de economía circular, eficiente e sustentable.
•    A solución que o PP contempla para os colectores é obsoleta, insegura e requirirá altos custos de mantemento.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, visualizaba esta mañá o problema dos colectores soterrados, suxerindo que o seu arranxo se vincule previamente a unha nova ordenanza de limpeza, entendendo que os colectores son equipamentos para xestionar o lixo, e é preciso que decidamos primeiro como o imos a xestionar, apuntando a que facelo á inversa, non ten sentido”.

    Como veñen facendo desde marzo de 2016, en que o PP puxo enriba da mesa a problemática dos colectores, Ourense en Común mantén a súa aposta por “entender o problema como unha oportunidade para redeseñar o modelo na xestión de residuos sólidos urbanos, que xa non é o mesmo que hai dez anos; un plantexamento que cobra forza despois de coñecerse recentemente a intención do concelleiro de medio ambiente de modificar a actual ordenanza de limpeza, de 1995.

    O grupo califica como folla de ruta suicida” a modificación de crédito que o PP contempla para arranxar de xeito “obsoleto e inseguroos colectores, cunha solución que será o fiel reflexo daquel ditoo barato sale caro, en referencia ao elevado sobrecuste” que suporá o mantemento dos colectores nos próximos anos, debido á singularidade estructural coa que foron construidos.

    Na xunta de área de medio ambiente do pasado martes, e a través dunha instancia ao alcalde esta mañá, Ourense en Común solicita “que o equipo do concelleiro con competencias na materia, o Sr. Araujo, presente aos grupos unha proposta de nova ordenanza, á que os grupos poidamos presentar emendas e que sexa exposta ao público, para definir un modelo acorde ao noso tempo, que mellore o aproveitamento, e aposte pola compostaxe, a recollida porta a porta, e outras accións cara a unha xestión máis eficiente e sustentable”.

    Martiño X. Vázquez cuestionaba esta mañá o gasto de 3 millóns de euros ao ano en SOGAMA “tendo unha pranta de compostaxe infrautilizada” ou que a ordenanza que o Concello tén no ano 2017 entre outras cousas afirme que “cada veciña ten que barrer a porta da súa casa”.

Ourense en Común recolle alimentos para a protectora de animais

Ourense en Común recolle alimentos para a protectora de animais

•    O Espazo en Común das Burgas funcionará este mércores como punto de recollida, entre as 17h e as 21h.
•    Solicítanse salchichas, pensos e comida húmida para cans e gatos.
•    As doazóns e adopcións na protectora diminúen no verán, namentres aumenta o número de abandonos.

    Ourense en Común levará a cabo mañá mércores unha campaña de recollida de alimentos para os animais acollidos na protectora municipal.

    Con esta iniciativa, o grupo quere visibilizar a insuficiente axuda coa que conta a protectora para afrontar o período estival, no que aumentan os abandonos, e coincidindo ademais coa época de reprodución dos animais. Desde a protectora apuntan á necesidade urxente de pensos para cans e gatos adultos, comida húmida e salchichas.

    Ourense en Común traslada este chamamento á solidariedade co benestar dos animais, e convida á reflexión antes de mercar un animal, porque na protectora “atoparás un amigo”, coinciden Miguel Doval e Martiño Xosé Vázquez, edís do grupo, que recentemente adoptaron un can e dous gatos respectivamente.

    O Espazo en Común, nas Burgas, 8, funcionará na tarde deste mércores, entre as 17h e as 21h, como punto de recollida das doazóns de alimentos, que serán entregadas á protectora este mesmo xoves.

Ourense en Común insta ao alcalde a iniciar un expediente sancionador a Gonzalo P. Jácome

Ourense en Común insta ao alcalde a iniciar un expediente sancionador a Gonzalo P. Jácome

•    O líder de Democracia Ourensana reincide por segundo ano incumprindo a Lei de Transparencia cunha “indesexable impunidade”.
•    Jácome é o único edil da corporación que non fai pública a súa declaración de bens.
•    A Lei de Bases do Réxime Local recolle sancións de ata 3.000€ para este tipo de faltas.

    Ourense en Común presentará mañá unha instancia dirixida ao alcalde de Ourense, pola que solicitará a apertura dun expediente sancionador ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, por incumprir o Regulamento do Concello de Ourense e a Lei de transparencia, que lle obrigan a facer público o seu patrimonio como membro da corporación municipal.

    Jácome reincide nesta falta por segundo ano consecutivo, conscientemente, e alardeando desto no último pleno de xuño, no que xustificaba que o fai “por rebeldía y porque estoy esperando a que me sancionen”.

    Ourense en Común entende que esta é unha conducta que “non se pode consentir e que o alcalde ten que “asumir as súas competencias e deixar de obviar e pasar por alto as graves eivas no comportamento e o proceder deste edil, que constantemente falta ao respecto a esta institución e a todas as veciñas da cidade”.

    Martiño X. Vázquez desconfía de “que Jácome agoche a súa declaración de bens pode ter relación coa rebaixa do 20% no IBI que solicita Democracia Ourensana”, xa que “facer público o seu elevado capital inmobiliario evidenciaría que o que demanda é unha rebaixa para el mesmo”.

    Desde 2008, os membros da corporación ourensá están obrigados a publicar as súas declaracións de bens durante segunda quincena do mes de xullo; un lapso de tempo que Ourense en Común extendeu a todo o ano para os seus concelleiros desde a súa chegada ao Concello. Durante este mandato, o líder de Democracia Ourensana só presentou a súa declaración de bens en 2015, “por serlle indispensable para poder tomar posesión do seu cargo como concelleiro, apunta Martiño X. Vázquez.

Ourense en Común apela ao alcalde a traballar nos orzamentos 2018

Ourense en Común apela ao alcalde a traballar nos orzamentos 2018

•    As graves deficiencias do anteproxecto presentado polo PP para este ano, fan inviable a aprobación dun orzamento 2017 antes de decembro.
•    O PP ten pendente a aprobación previa dunha Relación dos Postos de Traballo municipais.
•    Ourense en Común denuncia desde maio que o borrador orzamentario foi “unha cortina de fume para aparentar normalidade no ecuador do mandato”.

    O voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, ofrecía esta mañá unha rolda de prensa na que comunicaba que o seu grupo cursou hoxe unha solicitude ao alcalde, apelándoo a “fixar o horizonte de aprobación de orzamentos para o ano 2018”.

OUeC entende que “o proceder máis lóxico polo ben da cidade é anticiparse ao calendario e traballar coa folla de ruta de 2018” apuntando á falta de dilixencia do equipo de “desgoberno, que “logo de máis de dous anos non foi quen de aprobar nin unha nova RPT nin un orzamento”.

Martiño facilitou aos medios o informe emitido polo servizo de intervención municipal sobre o borrador de orzamentos 2017 presentado en maio polo Partido Popular; un informe que enumera numerosas carencias de forma e contido no anteproxecto orzamentario, e que confirma que foi “unha cortina de fume de Jesús Vázquez para superar o ecuador do mandato dicindo que tiña un borrador, cando no mellor dos casos, solucionando todas as deficiencias que contén, os orzamentos 2017 entrarían en vigor en decembro”.

É por esto que Ourense en Común apelaba hoxe á responsabilidade do alcalde para poñer o horizonte no 2018 “ten meses por diante para aprobar a RPT definitiva e recadar os informes que se precisan, e así aprobar uns orzamentos 2018 en tempo e forma como corresponde

Ourense en Común leva ao pleno a participación da veciñanza nas xuntas de área

Ourense en Común leva ao pleno a participación da veciñanza nas xuntas de área

•    O grupo quere garantir o dereito de calquer veciña a controlar o labor de toda a corporación.
•    Nas últimas semanas PP, DO e PSOE vetaron a participación de veciñas nestas xuntanzas, en contra do regulamento establecido.
•    A moción inclúe unha petición para a difusión pública na web municipal das actas destas reunións.

    Logo de denunciar nas últimas semanas que “o Partido Popular, Democracia Ourensana e PSOE están a vetar a participación de veciñas nas xuntas de área” que cada martes se celebran no Concello, Ourense en Común leva ao pleno deste venres unha moción na que insta ao goberno a permitir con carácter inmediato tal participación, entendendo que “a veciñanza debe poder controlar a labor de toda a corporación“.

O grupo acusa ao Partido Popular de “incumprir o vixente Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello, que recolle no seu artigo 8 a asistencia dun representante dos cidadáns ás xuntas, e de “desacreditar á propia Alcaldía que nun Decreto do pasado 29 de maio nomeaba unha relación de representantes cidadáns para asistir ás xuntanzas.

A moción inclúe un segundo acordo para que se revise o “obsoleto” regulamento vixente, de 2006, que “necesita unha actualización urxente para ampliar a participación a calquera veciña ou asociación e non só á Federacion Limiar, que era daquela a única existente”.

Ademáis, nun terceiro punto, Ourense en Común insistirá na súa petición de que as actas das xuntas de área sexan públicas e se penduren na web municipalnós xa o facemos así na nosa web, son temas de interese xeral e mesmo os asesores xurídicos do concello indican que non hai nada que non poda ser publicado. A transparencia non só son titulares, son ferramentas para unha mellor democracia e empoderamento cidadán”, explica Martiño X. Vázquez.