Un informe da Policía Local constata o abandono do Concello en materia de veladores

Un informe da Policía Local constata o abandono do Concello en materia de veladores

•   Máis de 500 terrazas da cidade incumpren a actual normativa.
•   O Partido Popular demora por máis dun ano a aprobación dunha nova ordenanza.
•   Ourense en Común presentou achegas ao borrador en febreiro de 2016.
•   La Central celebrou un desfile de moda no espazo público sen solicitar permiso nin pagar taxas ao Concello.

    Ourense en Común denunciaba esta mañá aausente” política sobre veladores en Ourense, logo de recibir en xunta de área o informe da Policía Local que o grupo solicitara en reiteradas ocasións, e que certifica que máis de 500 veladores na cidade, incumpren a normativa.

    O grupo manifesta que “é un despropósito que o equipo de desgoberno non sexa capaz de aprobar unha nova ordenanza que substitúa á do ano 97, pero a gravidade maior é que non se implementen as normas que a actual ordenanza impón”, declara Miguel Doval, que pon o foco na permisividade” que o Concello aplica con La Central, que recentemente celebraba un desfile no espazo público “sen que a concellería de Comercio tivera coñecemento de autorizar o mesmo nin do pago das taxas por ocupación de via pública”.

    Para Ourense en Común, “xa rematou o prazo politicamente correctopara aprobar a nova normativa de veladores, en fase de borrador desde hai máis dun ano, en que o PP aseguraba que a súa aprobación sería “inminente. OUeC presentaba daquela, en febreiro de 2016, achegas ao borrador, froito dunha mesa de traballo participada con hosteleiros e veciñas, pero “parece que no goberno non hai vontade de aprobar unha norma fundamental para a convivencia veciñal e hosteleira da cidade“.

    O informe da Policía Local, de febreiro deste ano 2017, recolle o resultado das inspeccións e comprobacións feitas nos “309 establecementos de hostelería autorizados con veladores” e dos 47 establecementos que posúen autorización da chamada “mesa cinceiro”. O documento relata a deixadez na materia de veladores nos últimos anos, e advirte que do total de 2.109 veladores autorizados, “521 incumprirían as normativas legais de ocupación na vía pública”.

    Miguel Doval teme “que o desleixo deste desgoberno leve á perpetuidade de situacións irregulares” e preguntará á concelleira de Comercio polas medidas que pensa levar a cabo ao respecto deste informe, advertíndoa xa esta semana de que “queremos estar informados das consecuencias do desfile en La Central, polo seu agravio comparativo coas asociación veciñais que tramitan os correspondentes permisos e abonan as taxas para desenvolver as súas actividades”.

Ourense en Común denuncia as adxudicacións do Concello a empresas “corruptas e piratas”

Ourense en Común denuncia as adxudicacións do Concello a empresas “corruptas e piratas”

•    A limpeza de colexios foi adxudicada esta mañá a OHL, vencellada á Operación Lezo.
•    A seguridade das festas foi contratada a Alcor, coñecida no sector pola precarización dos traballadores.
•    O grupo esixe unha contratación pública socialmente responsable e con cláusulas estratéxicas que garantan unha xestión pública ética e sustentable.

    Ourense en Común calificaba hoxe como total desvergoña e irresponsabilidade que o equipo de “desgoberno” de Jesús Vázquez adxudique a OHL o servizo de limpeza nos colexios da cidade, por ser unha empresa imputada na Operación Lezo e recentemente expedientada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por repartirse con outras empresas contratos públicos en liñas ferroviarias.

    Ledicia Piñeiro calificou como “moi grave que o concello permita a unha empresa corrupta optar a unha contratación”, lembrando que unha moción de Ourense en Común foi aprobada en setembro do pasado ano por unanimidade do pleno, “tamén co voto a favor do PP”,  para que nos contratos se inclúan cláusulas estratéxicas, e para que a contratación pública sexa sustentable e socialmente responsable, “se se seguira un criterio de admisión, esta empresa non debera estar nunca sobre a mesa”.

    Ourense en Común incide tamén na denuncia que xa fixera o pasado ano en relación coa contratación da seguridade nas Festas de Ourense. “Por segundo ano foi adxudicada á compañía de vixilancia Alcor, coñecida no sector por conseguir concursos a costa da precarización dos seus empregados”.

    A concelleira lembra os acontecementos vividos o ano pasado polos impagos ás traballadoras do servizo de limpeza de centros educativos, e do de limpeza de dependencias municipais, e avanza que “pode volver a repetirse pola irresponsabilidade do goberno“, que prima a ponderación económica, “promovendo que se empeoren as condicións laborais dos traballadores para rebaixar a oferta”.

    O grupo defende que é preciso “garantir as condicións do emprego ademáis da calidade e eficacia na prestación de servizos e nas compras públicas”.

Ourense en Común busca o consenso do pleno para instar ao goberno central a incrementar o compromiso orzamentario co Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Ourense en Común busca o consenso do pleno para instar ao goberno central a incrementar o compromiso orzamentario co Pacto de Estado contra a violencia de xénero

•   Os casos de violencia de xénero medran no país, namentres as partidas dos Orzamentos Xerais do Estado para combater esta lacra, mantéñense en valores inferiores aos de 2010.
•   No ano 2016, as denuncias aumentaron nun 2,3% e o número de mulleres con ordes de protección e/ou medidas cautelares nun 7%.

    Ante o número incesante de mulleres e criaturas asasinadas polas violencias machistas, o incremento do número de denuncias e o número de mulleres con ordes de protección no ano 2016 con respecto ao ano anterior, así como ante a proposta da Subcomisión do Congreso dos Diputados de “Pacto de Estado” contra a Violencia de Xénero, Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o pleno de xullo, pola que buscará o consenso dos grupos da corporación para instar ao Goberno da Nación a aumentar o orzamento para a consecución real de tal Pacto.

    O grupo denuncia na moción a insuficiente previsión nos orzamentos para a prevención da violencia de xénero, un 2,2 % menor que en 2010, e a conxelación das partidas destinadas ao Programa para a Igualdade entre mulleres e homes, que se mantén nun 41,2% menos que en 2010.

    Con esta moción, Ourense en Común quere trasladar e participar da denuncia política e social dos colectivos feministas, compartindo a visión de que “de non aumentarse significativamente nos PGE 2017, polo menos en 120 millóns de euros, o Programa contra a Violencia de Xénero sería unha burla para os 4 millóns de mulleres que sofren ou sofriron violencia de parella ou sexual fóra da parella”.

    Os PGE seguen sen asignar nin un euro á prevención nos ámbitos educativo, sanitario e de medios de comunicación, non cubren a prevención e atención á violencia sexual que esixe o Convenio de Istambul vixente desde 2014, non melloran a resposta policial e xudicial e non cubren o custo dos servizos xurídicos, psicolóxicos e sociais nas Entidades Locais establecidos no art.19 da Lei Orgánica 1/2004.

Un informe confirma que o borrador de orzamentos do PP “non é válido”

Un informe confirma que o borrador de orzamentos do PP “non é válido”

•   O informe apunta a “graves incongruencias na previsión de gastos de persoal”.
•    Ourense en Común xa denunciaba no mes de maio que o obxectivo do PP co borrador era “aparentar unha falsa normalidade no ecuador do mandato”.
•    O Concello de Ourense suma máis de tres anos sen orzamento municipal.

    Un informe do Servizo de Fiscalización do Concello de Ourense, facilitado esta mañá aos grupos da corporación, revela que o borrador de orzamentos presentado polo Partido Popular “non constitúe un documento válido”.

    Á vista do informe, Ourense en Común manifestaba a súa indignación, confirmando o que xa avanzaran en rolda de prensa no mes de maio “confírmase que o único interese de Jesús Vázquez era superar o ecuador do mandato dicindo que tiña un proxecto de orzamentos, pero a realidade é que a súa nefasta xestión leva dous anos arrastrando a Ourense nunha deriva perpetua”.

    Con data do 5 de xuño, o servizo de intervención municipal relata en cinco páxinas as carencias de forma e contido do anteproxecto orzamentario presentado a principios do mes de maio, concluíndo a súa nulidade.

    No material, o anteproxecto de orzamento incorre nunhagrave incogruencia que afecta ás previsións de gasto de persoal” [sic], dado que non se teñen en conta nin a estrutura, nin as retribucións, nin os postos de traballo existentes actualmente no Concello, pendente de elaborar unha nova RPT desde hai máis de dous anos. O PP introduciu no borrador orzamentario un anexo de persoal desconectado da realidade, no que figuran postos que non existen e desaparecen alomenos máis de trinta que deberan constar expresamente.

    Desde o punto de vista formal, o informe descubre que no borrador evitouse especificar información relevante, relativa a convenios subscritos coa Xunta ou a Sociedade Estatal de Aguas, non se inclúen actas da Mesa de Negociación que reflictan a existencia real dunha negociación previa, e presentáronse informes de especial relevancia sen sinatura, de xeito que ninguén se responsabiliza da súa confección.

Ourense en Común vixiará que as súas emendas sexan inseridas na reforma do IBI

Ourense en Común vixiará que as súas emendas sexan inseridas na reforma do IBI

•    A concelleira de Facenda avanzaba esta mañá que as emendas presentadas polo grupo en novembro serán incorporadas á ordenanza.
•    Ourense en Común foi o único grupo da oposición que presentou alegacións ao borrador.
•    As melloras presentadas polo grupo promoven un financiamento municipal máis ético e sustentable para todas as veciñas

 

    Esta mañá os diferentes grupos municipais mantiñan unha xuntanza de traballo coa concelleira responsable en materia de facenda e recadación do Concello de Ourense, Ana Morenza, na que se avanzaba un novo borrador para acometer unha reforma ao Imposto sobre Bens Inmobles, unha ordenanza á que só Ourense en Común presentou emendas en tempo en forma, no pasado mes de novembro, e que segundo informaba hoxe a concelleira responsable, “foron aceptadas na súa meirande parte”.

    Pendentes aínda de avaliar en profundidade o novo borrador, o grupo advirte que “vixiará que todas as emendas presentadas sexan realmente recollidas na reforma, e que de non selo, “velaremos porque os criterios e argumentos técnicos para seren descartadas sexan legais e reais.

    O grupo defende que nesta ordenanza “primen os mecanismos de crédito xustos, e unha política fiscal equitativa e social, que inclúa bonificacións, cotas progresivas en función da renda e facilidades no pago do imposto”.

Bonificación Fiscal

    Ourense en Común propuxo nas súas emendas que se bonifique ata o 95% da cota do IBI a inmobles que acollan proxectos de emprendemento e creación de emprego local, e ata o 50% en inmobles que teñan instalados sistemas de aproveitamento térmico e eléctrico. “É necesario que o Concello tome todas as medidas posibles para paliar os datos de desemprego -25% no último trimestre- e premiar o uso de enerxías sustentables cara a un modelo de cidade futuro”, defende Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo.

    Coa mesma premisa de xustiza social, Ourense en Común apoia a bonificación do 50% do IBI en vivendas de protección oficial, extendéndoa desde os 3 ata os 7 periodos impositivos seguintes, xa que “estas vivendas van anexadas a unha situación económica e social problemática”. Pola contra, o grupo propón reducir ata o 50% a bonificación do 90% que o Partido Popular establece para aquelas empresas que teñen como actividade a construción e promoción inmobiliaria.

    O grupo propuxo tamén establecer unha progresividade fiscal en función da renda na bonificación a familias numerosas, que oscila entre o 50% e o 90%.

Facilidades de Pago

    Ourense en Común suxería nas súas emendas aumentar do 1% ao 3% a bonificación por domiciliación do pago, xa que “a xestión telemática aumenta a dilixencia municipal, evitando colas no servizo de recadación e no rexistro”. Propónse tamén a posibilidade de fraccionar en 2, 3 ou 5 prazos o pago, de xeito que se facilite a comodidade no desembolso a quen teña que facer fronte a este e outros recibos.

Ourense debate sobre a custodia compartida

Ourense debate sobre a custodia compartida

•    Ourense en Común promove un encontro aberto para abordar a iniciativa lexislativa popular que promove a Asociación Galega de Pais e Nais Separados.
•    O debate celebrarase no Espazo en Común das Burgas,  mañá xoves desde as 19h00.
•    A custodia compartida aplícase actualmente en Galicia no 18,6% dos casos de separacións e divorcios.

    Ourense en Común convoca este xoves un encontro aberto para debater a ILP que está a promover a Asociación Galega de Pais e Nais Separados por unha lei galega de custodia compartida, para a regulación do que acontece cos nosos fillos e fillas en caso de separación, divorcio ou nulidade .

    O grupo quere dar a oportunidade á asociación de expoñer a súa proposta, e entende que o debate debe ser aberto a calquera que queira achegarse a dar súa opinión, “seguindo o noso estilo de sentarnos a falar e darlle a palabra a todas”.

    Coas conclusións extraídas do debate, OUeC realizará un posicionamento sobre se a custodia compartida debe ser o réxime habitual nos casos de separación, nulidade ou divorcio.

    O encontro celebrarase a partir das 19h deste xoves, no Espazo en Común das Burgas, con entrada libre a quen desexe participar.

Ourense en Común esixirá en pleno compromiso orzamentario para deter os atropelos

Ourense en Común esixirá en pleno compromiso orzamentario para deter os atropelos

•    Solicitan unha modificación orzamentaria urxente para paliar un “problema estructural”, fronte ao que “non serven medidas illadas”.
•    PP e DO rexeitaron no recente pleno de xuño incrementar a previsión de gasto para afrontar o problema.
•    Ourense é a cidade galega con máis atropelos por habitante, e a terceira do estado en uso do vehículo privado.

    Ourense en Común incidirá no pleno do mes de xullo na necesidade de habilitar partidas orzamentarias que permitan implantar medidas urxentes para “evitar que novos atropelos sigan sucedéndose na nosa cidade”.

    Logo de que o grupo levara xa unha moción neste sentido ao pleno de xuño, para deseñar e poñer en marcha un plan contra os atropelos e dotalo dunha partida orzamentaria, e de que fóra rexeitado o segundo punto da mesma por PP e DO, sucedéronse novos sinistros entre peóns e vehículos nos últimos días, e “o Concello manténse inoperante fronte á tendencia que nos sitúa como a cidade galega con máis atropelos por habitante”.

    “Urxen accións que precisan de vontade por parte das concellerías responsables, pero tamén de partidas orzamentarias que nin están contempladas no borrador de orzamentos presentado polo Partido Popular aos grupos da oposición”.

    O grupo apunta á figura da modificación de crédito para garantir implementar con carácter de urxencia unhabatería de accións contra os atropelos”, mediante o deseño e creación de novas infraestruturas viarias urbanas e equipamentos, a ordenación do tránsito e estacionamento así como todas aquelas propias para o calmado do tráfico. Non podemos adiar o debate á probación dos orzamentos”.

    O grupo avalía como esperanzador” o proceso de participación cidadá denominado “Móvete por Ourense” para a mellora da calidade ambiental, a mobilidade, a pacificación do tráfico e a integración da bicicleta no ámbito urbano de Ourense, pero entende que “namentres se avanza nun pacto pola mobilidade arredor do proxecto, son necesarias medidas urxentes e coordinadas  para impedir que haxa máis vítimas por atropelos.

    Desde a súa chegada á corporación, Ourense en Común ten advertido en repetidas ocasións do problema estrutural de Ourense en materia de ordenamento do tráfico e mobilidade, que a sitúa como a terceira capital de provincia máis motorizada do estado español, e que fai que “o marco urbano asuma 282.500 viaxes diarias motorizadas, o que supón que “só dous de cada dez desprazamentos fanse en transporte público”.

    Foi unha moción do grupo, en xullo de 2015 a que orixinou a constitución da Mesa Municipal de Mobilidade para que a cidadanía, xunto con representantes políticos, técnicos municipais e persoal especializado e de apoio puidera tratar os graves problemas na mobilidade do Concello, unha iniciativa posteriormente desmerecida polo equipo de goberno do Partido Popular que adiou a súa convocatoria por máis de dez meses durante o ano 2016.

Ourense en Común defenderá no pleno a presencia veciñal nas xuntas de área

Ourense en Común defenderá no pleno a presencia veciñal nas xuntas de área

•    O grupo quere garantir o dereito da veciñanza a controlar o labor de toda a corporación.
•    Nas últimas semanas PP, DO e PSOE vetaron a participación de veciñas nestas xuntanzas, en contra do regulamento establecido.
•    O grupo insistirá na súa petición para a difusión pública na web municipal das actas destas reunións.

    Logo da polémica suscitada nas últimas semanas pola presencia de membros da Federación Limiar en diferentes xuntas de área, e o rexeitamento manifestado perante tal cuestión polos representantes do Partido Popular, Democracia Ourensana e PSOE, Ourense en Común prepara unha moción para o pleno do próximo mes de xullo, na que defenderá a participación de calquera veciña nas xuntas de área, entendendo que “a veciñanza debe poder controlar a labor de toda a corporación“.

    Ourense en Común é o único grupo que se posiciona polo libre acceso de calquera veciña a estas xuntanzas semanais, nas que se dá conta de diferentes cuestións plantexadas polos concelleiros ao grupo de goberno, co fin de “fiscalizar decisións que afectan a toda a cidadanía”.

    O grupo solicitará que se revise o “obsoleto” regulamento vixente, de 2006, que “necesita unha actualización urxente para ampliar a participación a calquera veciña ou asociación e non só á Federacion Limiar, que era daquela a única existente”. OUeC engade que a participación debera ser extensible á Xunta de Goberno Local, na que exclusivamente participa o grupo no goberno, argumentando que “a presencia de todos os grupos, con voz e sen voto, permitiría que as decisións tomadas polo goberno puideran ser debidamente fiscalizadas”.

    Ourense en Común insistirá ademáis na súa petición de que as actas das xuntas de área sexan públicas e se penduren na web municipalnós xa o facemos así na nosa web, son temas de interese xeral e mesmo os asesores xurídicos do concello indican que non hai nada que non poda ser publicado. A transparencia non só son titulares, son ferramentas para unha mellor democracia e empoderamento cidadán”.

Ourense en Común envía medicamentos como axuda humanitaria para as refuxiadas saharauis

Ourense en Común envía medicamentos como axuda humanitaria para as refuxiadas saharauis

• Dúas caixas ateigadas de solidariedade ourensana chegarán aos campamentos do Sáhara nos próximos días.
• Tres farmacias da cidade e o Espazo en Común das Burgas funcionaron como puntos de recollida de medicinas.
• O envío supera as 1.000 doses en medicamentos de primeira necesidade e as 500 unidades de materiais para primeiras curas.

    Ourense en Común enviaba esta semana axuda humanitaria ás refuxiadas saharauis, despois de desenvolver unha campaña de recollida en varias farmacias da cidade e o Espazo en Común durante o mes de abril.

    Logo dun proceso de clasificación, inventariado e embalaxe do material recollido, o grupo depositaba esta semana o material en mans da mensaxería Sahara Express, que será a responsable de facer chegar o envío a un centro sanitario nos campamentos de Tindouf nos próximos días, coincidindo coas festas do fin de Ramadán.

    A carga está conformada por máis de 1.000 doses en fármacos de uso común –aspirina, paracetamol, ibuprofeno-, 500 unidades en material de curas -gasas, apósitos, betadine, vendas, auga osixenada, algodón, xeringas- , xunto con menciñas de atención pediátrica e tratamentos específicos para doenzas cardíacas, respiratorias ou dérmicas.

    A iniciativa partiu do concelleiro do grupo, Miguel Doval, vencellado ao pobo saharaui desde que exercera como voluntario no programa “Vacacións en paz”, acompañando e atendendo a dez nenos con discapacidade durante a súa estancia en Ourense no mes de agosto de 2011, e visitándoos un ano máis tarde  nos campamentos, convivindo con eles dúas semanas e establecendo estreitos lazos con este pobo que define como “moi acolledor, respectuoso e humanitario”.

    Ourense en Común quere con esta acción achegar a súa solidariedade coas persoas que viven nos campamentos do Sáharavisibilizar as necesidades deste pobo abandonado na diáspora hai máis de 40 anos pola irresponsabilidade do estado español, e convidar á reflexión sobre o drama humano de todas as refuxiadas. “Ogallá non existiran persoas obrigadas a abandonar os seus fogares en busca de refuxio”, dí Doval.

    O grupo quere agradecer ás tres farmacias da cidade que se implicaron no mes de abril coa campaña de recollida nos barrios da Ponte, O Couto e Mariñamansa; foron as ubicadas en Vicente Risco, 3, Ervedelo, 82 e Av. de Zamora, 6.

    Os 200.000 saharauis que conviven nos campos de El Aaiún, Auserd, Smara e Dajla, no suroeste de Alxeria, fano en condicións infrahumanas, agardando unha solución xusta ao conflito que inclúa o seu dereito para decidir o futuro do seu país. Viven en tendas, sen auga corrente, e dependen case totalmente da axuda internacional externa para subsistir. Dous terzos das mulleres sofren de anemia, e un terzo dos nenos sofre de desnutrición crónica.

Ourense en Común non asistirá á presentación da intermodal, entendendo que “chega tarde”

Ourense en Común non asistirá á presentación da intermodal, entendendo que “chega tarde”

• Califican como “lamentable” o proceder que se está a levar coa obra de maior envergadura que asumirá a cidade para o próximo século.
• O grupo asumirá a responsabilidade de achegar de primeira man o proxecto á sociedade.

    Ourense en Común avaliaba esta semana os sucesivos retrasos na convocatoria da comisión de seguimento da chegada da AVE, a “atropelada” reunión informativa a 24h de pecharse o plazo de alegacións ao proxecto da intermodal, e a decisión do alcalde de suspender a mesma, a media hora de celebrarse, como unha “sinvengonzonería” e avanzaba hoxe que non asistirá mañá á nova cita para a presentación técnica,  “chega tarde e non ten sentido.

O grupo valora que o proxecto “non cumple cos obxectivos e non é o que Ourense necesita, e insiste en que a intermodalidade do que se presenta é “ficticia”, engadindo que “unha actuación desta magnitude ten que primar a optimización da configuración urbana de Ourense, superando a fenda histórica de separación entre os barrios da Ponte e O Vinteún, e promovendo unha mobilidade sustentable”, en referencia ao previsible colapso de tráfico motorizado na rúa Eulogio Gómez Franqueira e o Centro de Saude da Ponte que suporá o tránsito de perto de 300 autobuses ao día, de tramitarse a estación de autobuses que propón a Xunta de Galicia.

Desde que se coñece o proxecto, Ourense en Común mantivo reunións con diferentes expertos, e refrenda as obxecións presentadas ao mesmo por colectivos técnicos como o Colexio de Arquitectos, asumindo a súa responsabilidade política para achegar a realidade do proxecto á cidadanía, “faremos todo o posible para que a sociedade o coñeza e entenda que de executarse esta estación que o PP pretende, será unha oportunidade perdida para a cidade”, avanza Martiño X. Vázquez.