Ourense en Común buscará o consenso do pleno para unha maior transparencia na contabilidade dos grupos municipais

Ourense en Común buscará o consenso do pleno para unha maior transparencia na contabilidade dos grupos municipais

•   A indefinición do artigo 41 facilita que cada grupo elixa que gastos detallar na xustificación anual.
•   Democracia Ourensana non fixo a súa declaración correspondente ao ano 2016.

    Ourense en Común instará no pleno ao goberno municipal para que proceda a convocar unha Xunta de Portavoces co fin de consensuar a modificación do artigo 41 das Bases de Execución do Orzamento, que regula as dotacións económicas que perciben os distintos grupos municipais do Concello pero “non define o destino do gasto e a fiscalización do mesmo”.

    A indefinición actual do devandito artigo, provoca unha falsa transparencia” na xustificación de gasto que cada grupo fai a final de ano, provocando que “cada grupo escolla que gastos comunicar e en que nivel de detalle facelo”.

    Así é que nas declaración do último ano, publicadas en decembro de 2016, namentres OUeC e PP presentan un documento con asentos contables detallados, o PSOE declara todo o gasto en dous parágrafos, e Democracia Ourensana nin sequera presentou as súas contas. -Ver aquí-

    É por ese motivo que o grupo leva a pleno esta moción, co fin de “que se consensue un protocolo definido ou modelo estandar para todos os grupos” en relación á forma de presentar as contas perante a intervención municipal, establecendo un formulario tipo con asentos contables definidos, e un procedemento de publicación e transparencia para unha “maior concreción no destino do gasto”.

Ourense en Común pedirá a dimisión de Jorge Pumar

Ourense en Común pedirá a dimisión de Jorge Pumar

•   O edil é responsable de que Ourense sexa a única das capitais galegas que quedou sen fondos para o desenvolvemento urbano sustentable.
•   O grupo presentou emendas a todas as mocións de Democracia Ourensana e outra máis a unha das mocións do grupo socialista.

    A asemblea de Ourense en Común, reunida na tarde de onte mércores para analizar o próximo pleno, acordaba emendar a moción de Democracia Ourensana relativa á retirada de competencias do concelleiro no goberno, D. Jorge Pumar Tesouro, rexistrando esta mañá unha emenda de substitución á moción, coa que o grupo pedirá a dimisión inmediata e renuncia á acta de concelleiro do edil, por mor da súa falta de dilixencia na resolución da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (“Programa Conecta Ourense”), situando á cidade de Ourense como a única das sete grandes urbes galegas fóra deste programa”.

    O grupo rexistrou tamén esta mañá emendas ás outras dúas mocións de DO, e unha máis á moción do PSOE que insta á Xunta a poñer en marcha o plan local de emprego, propoñendo substituír o acordo por outro no que sexa o goberno municipal quen comprometa nos vindeiros Orzamentos unha partida económica para o fomento do emprego, igual ou superior á vixente nos orzamentos actualmente prorrogados.

Ourense en Común solicitará no pleno a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente e Benestar Animal

Ourense en Común solicitará no pleno a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente e Benestar Animal

•   Varios concellos galegos aumentaron o seu compromiso creando unha concellería propia de Benestar Animal.
•   O 5 de xuño celébrase o día mundial do medio ambiente.
•   “A transversalidade de programas de voluntariado encaixaría na promoción deste consello municipal.”

    Ourense en Común leva ao pleno do venres unha moción coa que instará ao goberno municipal a constituir o Consello Municipal de Medio Ambiente e de Benestar Animal, “como ferramenta de consulta e diálogo co tecido asociativo e veciñal, que permita ser xérmolo entre iniciativas e campañas ao redor da protección ambiental e o benestar animal en Ourense”.

    O grupo bota man da Constitución, que establece no artigo 45 que “os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva”, concluíndo que é unha “corresponsabilidade da administración e a cidadanía garantir un medio ambiente saudable e cumprir co deber de conservalo”.

    A moción fai referencia tamén á “Declaración universal dos dereitos dos animais” aprobada pola ONU en 1977 e á celebración mundial do Día do medio ambiente o 5 de xuño, que incide cada ano na necesidade de incorporar o desenvolvemento sostible ás axendas gubernamentais.

    O grupo confía en que a moción sexa recibida positivamente polo resto de grupos municipais e polo equipo de goberno, e que a creación deste consello “sexa áxil” para poder “comezar de inmediato a avaliar a situación ambiental e animal de Ourense“.

Ourense en Común solicita información municipal sobre a exposición de réptiles vivos

Ourense en Común solicita información municipal sobre a exposición de réptiles vivos

•   O grupo municipal quere verificar que a mostra teña as correspondentes licenzas e permisos.
•   O Concello de Ourense declarábase en 2013 libre de espectáculos con seres vivos en catividade.

    Ourense en Común rexistraba hoxe no Concello unha solicitude para a vista de toda a documentación referida á exposición de réptiles vivos que ata a próximo fin de semana está instalada nos arredores de Expourense.

    O grupo pide acceso ás autorizacións correspondentes -autonómicas e/ou municipais- , ao xustificante de pagamento da taxa por ocupación da vía pública, e aos informes preceptivos da Policía Local, correspondentes á seguridade cidadá e ao cumprimento de medidas da empresa privada que xestiona a exposición.

    A exposición, que anuncia contar con máis de 150 animais, foi xa cuestionada polo grupo hai un ano, lembrando que existe un acordo plenario –de maio de 2013- polo que o Concello de Ourense debe excluír de calquera autorización ou licenza a aquelas actividades e espectáculos con animais en catividade. “Malia ao compromiso institucional, e de que veciñas e colectivos da cidade nos posicionamos en contra desta exposición, o espectáculo volve a celebrarse”.

    Prima que se garanta a seguridade cidadá, e igualmente o benestar duns animais que están alonxados do seu hábitat natural, sometidos a estrés e a prácticas antropizadas”, comenta Miguel Doval. “Non cremos nun modelo educativo como o que se ofrece nesta instalación e gustaríanos que o compromiso do concello de Ourense co benestar animal sexa real”.

Ourense en Común reitera o seu posicionamento e rexeita a inxección de diñeiro público ao COB

Ourense en Común reitera o seu posicionamento e rexeita a inxección de diñeiro público ao COB

•   Unha asemblea na rúa descartaba o pasado ano calquera inxección de liquidez con fondos públicos a unha sociedade anónima.
•   O grupo entende que as prioridades de gasto do Concello deben ir cara ás verdadeiras emerxencias da cidade.
•   O COB non concorreu ás subvencións ás que se presentan o resto de clubs deportivos do Concello.
•   O voto a favor do PP, e a abstención de Democracia Ourensana, remiten a decisión ao próximo pleno.

    Nunha xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Deportes, Ourense en Común votaba hoxe en contra da nova modificación orzamentaria proposta polo Partido Popular a petición do Club Ourense Baloncesto, para pagar débedas contraídas polo club con facenda e a seguridade social.

    O grupo mantense fiel ao posicionamento decidido nun exercicio de democracia participativa o 1 de maio do pasado ano 2016, día en que unha asamblea celebrada na rúa, á que se achegaron numerosos siareiros do Clube Ourense Baloncesto S.A.D., votaba rexeitar calquer modificación orzamentaria para inxectar liquidez a unha sociedade anónima deportiva. “O rol do Concello debe ser o de fomentar e apoiar o baloncesto e outros deportes, pero non asumir a relación de débedas dunha empresa con fins de lucro, que é o que hoxe se nos presentou”, defendía Miguel Doval, voz do grupo no Consello Municipal de Deportes.

    Ourense en Común fai fincapé na resolución de agosto de 2016, en que o pleno municipal acordaba iniciar os oportunos estudos para que o Concello se desprenda das 4.600 accións que posúe na Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto; unha venda que xa fora suxerida polo propio consello de administración do COB en xuño de 2010, sendo presidente Jorge Bermello,  e que “liberaría ao club de lastres impostos pola institución, permitindo que o resto dos accionistas e mesmo os afeccionados poidan implicarse co proxecto, tomando as rendas e decidindo libremente o futuro da entidade”.

    O grupo lembra tamén que o Consello Municipal de Deportes ten dúas liñas de subvencións en materia deportiva ás que pode concorrer calquera club e entidade deportiva municipal en convocatoria competitiva e con baremos ponderados. Son liñas ás que concorren preto de 100 clubs da cidade cada tempada, e ás que “o COB nin sequera se presentou nos últimos anos”.

    Poñendo por diante a responsabilidade civil, Ourense en Común apunta a que “o 23% da poboación deste concello vive en situación de pobreza e risco de exclusión social”, e conclúe que “a prioridade na xestión de recursos públicos debe ser outra”.

Ourense, única capital galega que queda sen fondos para o desenvolvemento urbano sustentable

Ourense, única capital galega que queda sen fondos para o desenvolvemento urbano sustentable

•   Ourense en Común valora como “pésima noticia” que o Partido Popular “non aprenda dos seus erros”.
•   O proxecto non acada a puntuación mínima por segunda vez consecutiva.
•   Nesta convocatoria, A Coruña e Ferrol recibirán respectivamente 15 e 10 millóns destes fondos europeos.

    O BOE do 22 de maio de 2017, confirmaba hoxe que Ourense volve quedar fóra dos fondos europeos para Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (Edusi). Por segunda vez, logo de ser rexeitado na resolución do pasado mes de outubro, o proxecto “Conecta Ourense” novamente non chega á puntuación mínima, polo que Ourense será a única das sete capitais galegas que queda sen estes fondos.

    Ourense en Común avaliaba hoxe como “pésima noticia a resolución, responsabilizando ao Partido Popular deste fracaso, “dín ser bos xestores, pero son incapaces de presentar e defender unha boa estratexia, porque non a teñen”.

    En contrapartida, o grupo destaca os exemplos nos gobernos de a Marea Atlántica na Coruña e Ferrol en Común, que si “souberon emendar os erros da pasada convocatoria” e recibirán respectivamente quince e dez millóns de euros para os proxectos que presentaron. En outubro xa accedían a estas axudas Santiago, Pontevedra, Lugo e Vigo.

    A parálise deste proxecto afecta ademáis de a Ourense, aos concellos limítrofes da capital, como son Barbadás, Pereiro de Aguiar, Amoeiro, Coles, Toén, Punxín e San Cibrao das Viñas. “Perder esta axuda vai incrementar o decrecemento económico e social desta provincia e alonxa a cohesión tan necesaria da área metropolitana”, apuntaban desde Ourense en Común.

Ourense en Común alerta do recorte en educación, cultura, benestar, emprego ou participación cidadá no borrador de orzamentos municipal

Ourense en Común alerta do recorte en educación, cultura, benestar, emprego ou participación cidadá no borrador de orzamentos municipal

•   A concelleira de facenda admite que a partida destinada ao arranxo dos colectores soterrados, é insuficiente.
•   O PP quere doblar o gasto destinado a publicidade, de 500 mil a 1 millón de euros.

    Ourense en Común insiste que o proxecto de orzamentos é “irreal e unha farsa máis do desgoberno de Jesús Vázquez “para non chegar ao ecuador do mandato sen proposta”, quedando hoxe en evidencia a necesidade dun informe previo da intervención municipal que permita avanzar co proceso, e as intencións do PP de “cercenar educación, cultura, benestar ou participación cidadá”.

    Martiño X. Vázquez afondaba e interpelaba hoxe á concelleira sobre contidos puntuais do proxecto, cuestionando por exemplo a insuficiente partida que no borrador figura como destinada á resolución do conflito dos colectores soterrados, admitindo Ana Morenza que a posteriori sería necesaria unha modificación de crédito, amosando o “pouco interese de que este borrador sexa acorde coa realidade”.

    O voceiro de OUeC critica ademáis as “partidas pírricas” para gasto social, e o recorte de 100.000 a 500 euros no destinado a orzamentos participativos.

    Ourense en Común revela o interese do Partido Popular en “proxectarse para as municipais 2019”, aumentando ao doble o gasto en propaganda, que pasa de cincocentos mil, a un millón de euros.

    Na promoción de plans de emprego, o PP, “deixa de gastar 2,5 millóns de euros, nun Concello cunha taxa de desemprego próxima ao 20%”, e para plans estratéxicos de desenvolvemento, como a mobilidade e o turismo “non existe nin un só euro”.

    Martiño X. Vázquez alertaba tamén do “rebaixe xeral ata o 20% nas partidas destinadas a educación e cultura”, deixando claro que “para o Partido Popular estes non son sectores estratéxicos nin necesarios”.

    Ourense en Común solicitaba esta mañá os informes técnicos que xustifiquen cada partida nas diferentes áreas, e que “se teña en conta aos colectivos como policía e bombeiros nas partidas destinadas á seguridade cidadá”, xa que as necesidades recollidas “non son acordes ao que os corpos demandan”.

Ourense en Común rexeita a visita da Guardia Real

Ourense en Común rexeita a visita da Guardia Real

•   O grupo denuncia o gasto de recursos públicos de Ourense nun “despregue propagandístico propio dun réxime fascista”.
•   A monarquía é “un anacronismo inútil que non representa a ninguén”.

    Ourense en Común aclarou este venres que non acudirá aos actos de exhibición da Guardia Real previstos para mañá en Ourense.

    “Semella un acto propio de outra época que a garda persoal da realeza veña pasar uns días a Ourense”. O grupo defende que é “unha ficción democrática” ter un Xefe de Estado que non foi elixido polo pobo, e cuxo único mérito foi “nacer herdeiro dun monarca designado por un ditador”.

    O grupo declara un “total rexeitamento” a que “esta propaganda bélica e militar” se faga cos recursos públicos de todas as ourensás cando “ben poderían ser utilizados en cubrir as necesidades sociais desta provincia“.

Ourense en Común chama a un novo impulso confluínte cara ás municipais 2019

Ourense en Común chama a un novo impulso confluínte cara ás municipais 2019

•   O grupo interpela a organizacións políticas e sociais a confluir e dar forma xuntas á candidatura e ao programa de 2019.
•   A plataforma cidadá conta xa co apoio de Podemos, Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+.
•   Participación, transparencia e horizontalidade tómanse como pés de apoio para a necesaria rexeneración política en Ourense.

    Logo de reafirmar o apoio de Podemos, Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+ nos últimos meses, baixo o lema Un novo impulso”, Ourense en Común vén de abrir unha nova fase no proceso de confluencia co horizonte das municipais de 2019.

    Montse Valencia, asesora do grupo institucional OueC, e Martiño Ramos, do grupo de traballo de apertura, facían hoxe público o manifesto de chamamento, co que Ourense en Común buscará ampliar a súa rede, nunha “suma fraterna do maior número de entidades, colectivos, activistas, partidos, asociacións e veciñas e veciños, para continuar o traballo encetado en 2015, e sumar esforzos co obxectivo colectivo de “transformar o xeito de facer política e dar fin á era do caciquismo, o nepotismo e as políticas ao servizo dos beneficios privados”.

    A través dun manifesto presentado esta mañá, o grupo chama a todas aquelas asociacións, partidos e colectivos con actividade no concello de Ourense, a “tender a man con xenerosidade e a se encontrar novamentepara dar forma á candidatura e ao programa de 2019.

    O grupo de traballo de apertura da formación, habilitou un correo electrónico, ola@ourenseencomun.gal, no que se pon á disposición de todos os colectivos e persoas que se sintan interpeladas, para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer vías de comunicación. “É hora de irmandarnos, de ampliar a confianza mútua, e procurar xuntas, a través da participación, a horizontalidade e a transparencia, un novo futuro, digno, xusto e democrático para este Concello e as súas veciñas”.

Ourense en Común censura o proxecto do PP para converter o centro de saúde da Ponte nunha estación de autobuses

Ourense en Común censura o proxecto do PP para converter o centro de saúde da Ponte nunha estación de autobuses

•    Tres proxectos independentes poñen de manifesto a descoordinación entre administracións e a falta de compromiso coa cidade do Partido Popular.
•    A estación de autobuses converterá o centro de saúde da Ponte nunha dársena, poñendo en risco aos peóns e incrementando o ruído e a polución na área sanitaria.
•    Os barrios da Ponte e o Vinteún continuarán separados polo ferrocarril.
•    OUeC está consultando a técnicos en materia urbanística e de infraestruturas e estudiará presentar alegacións ao proxecto no prazo de exposición pública.

    Tras unha primeira consulta do Proxecto Integrador da estación de Ourense publicado esta mañá, Ourense en Común confirma as súas sospeitas sobre a “ficticia intermodalidade da nova estación”.

    O documento, que se somete a exposición pública durante 20 días desde esta mañá, recolle en realidade “tres proxectos independentes”: a adaptación da actual estación á chegada da alta velocidade; unha terminal de autobuses anexa; e un aparcamento para turismos, “ningún deles é unha estación intermodal”.

    No proxecto, os arredores do centro de saúde da Ponte, veranse abrazados pola estación de autobuses,converténdose nun perigoso espazo para os veciños e veciñas que alí se acheguen, cuxo tránsito peonil se ignora na planificación”.

    “A prioridade do PP está exclusivamente na Alta Velocidade -que leva o 93% do orzamento- non en pensar nunha integración estratéxica da infraestrutura, que vertebre os desplazamentos de viaxeiros e ademáis optimice a configuración urbana de Ourense”.

    Ourense en Común insiste en que “unha actuación desta magnitude ten que primar a superación da fenda histórica de separación entre barrios provocada polas vías de tren. A pasarela peonil que se contempla non é a permeabilidade que as veciñas do Vinteún e a Ponte demandan”.