Ourense en Común convoca un debate aberto sobre o borrador do Plan Municipal de Equidade de Xénero

Ourense en Común convoca un debate aberto sobre o borrador do Plan Municipal de Equidade de Xénero

•    A mesa de traballo celebrarase o mércores a partir das 19h no Espazo en Común das Burgas.
•    O grupo recollerá as reflexións e propostas que xurdan da xuntanza, co fin de achegalas como emendas para a mellora do Plan.
•    O Partido Popular demora xa por catro meses a aprobación deste plan, que debera estar vixente desde xaneiro.

Ourense en Común convoca, para este mércores día 5 de abril ás 19.00 un debate no Espazo en Común (Burgas, 8), para recoller propostas ao borrador do III Plan de Equidade de xénero 2017-2020 do Concello de Ourense <<Consulta AQUI>>.

    Seguindo co seu carácter participativo, o grupo pretende recoller propostas de entidades sociais, colectivos, asociacións e persoas interesadas en avaliar o borrador deste terceiro plan municipal, abordando a igualdade en eidos como o da linguaxe, as oportunidades no emprego, a educación e a cultura, a saúde, a participación cidadá, ou o deporte, e facendo fincapé na prevención das violencias de xénero desde a corresponsabilidade da administración.

    “Dende Ourense en Común defendemos a intelixencia colectiva e a participación cidadá como a mellor forma para crear documentos que repercutan no bo funcionamento do Concello de Ourense, con moito máis motivo cando se está a falar de dereitos básicos”.

    O período de vixencia técnica deste III Plan de Equidade municipal, previsto para principios deste ano 2017, leva xa catro meses de retraso e “o Partido Popular aínda non puxo o cronómetro a correr e nin sequera levou o borrador a comisión de pleno”, apunta Ledicia Piñeiro.

    Con esta convocatoria, Ourense en Común adiántase ao plazo de dez días para a recollida de emendas, pendente aínda de ser aberto.

    Ademáis de ser unha convocatoria aberta á veciñanza en xeral, á mesa de traballo deste mércores foron xa convocados colectivos como o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, e persoas que forman parte do Consello Municipal de Igualdade.

Ourense en Común abre unha campaña solidaria de recollida de medicamentos para as refuxiadas saharauis

Ourense en Común abre unha campaña solidaria de recollida de medicamentos para as refuxiadas saharauis

•    Miguel Doval visitará do 17 ao 21 de abril os campamentos de refuxiadas na provincia de Tinduf.
•    Tres farmacias da cidade e o Espazo en Común das Burgas funcionarán como puntos de recollida de medicinas ata o 12 de abril.
•    A viaxe parte dun convite institucional da SOGAPS, que Ourense en Común asumirá como un gasto propio do partido.

    Ourense en Común inicia este mes unha campaña de recollida de medicamentos coa que achegará axuda humanitaria ás refuxiadas saharauis, aproveitando a viaxe institucional aos campamentos do suroeste de Alxeria na que participará Miguel Doval entre o 17 e o 21 de abril.

    O grupo quere así aproveitar a visita institucional para achegar a súa solidariedade co pobo saharaui, visibilizar as necesidades deste pobo abandonado na diáspora hai máis de 40 anos pola irresponsabilidade do estado español, e convidar á reflexión sobre o drama humano de todas as refuxiadas. “Ogallá non existiran persoas obrigadas a abandonar os seus fogares en busca de refuxio”.

    Ourense en Común recomenda que se donen medicamentos sen caducar de uso común, como analxésicos, antisépticos, material para primeiras curas, e en xeral, fármacos que se poden mercar sen receita médica. “O que podemos ter en calquer casa e que, por desgracia, alí non é fácil conseguilo”, apunta Miguel Doval, que aclara que o material que se recolla será entregado a personal e centros sanitarios dos campos, non a particulares”.

    Tres farmacias da cidade están implicadas coa campaña, e ata o mércores 12 de abril funcionarán como puntos de recollida nos barrios da Ponte, O Couto e Mariñamansa; son as ubicadas en Vicente Risco, 3, Ervedelo, 82 e Av. de Zamora, 6.

    Ademais, os martes 4 e 11 de abril o Espazo en Común nas Burgas funcionará tamén como punto de recollida entre as 17h e as 20h da tarde.

    Miguel Doval está vencellado directamente ao pobo saharaui desde que exercera como voluntario no programa “Vacacións en paz”, acompañando e atendendo a dez nenos con discapacidade durante a súa estancia en Ourense no mes de agosto de 2011. Un ano máis tarde, Miguel visitábaos nos campamentos, convivindo con eles dúas semanas e establecendo estreitos lazos con este pobo que define como “moi acolledor, respectuoso e humanitario. Cinco anos despois, Miguel volverá a encontrarse coas familias nesta viaxe institucional.

    Os 200.000 saharauis que conviven nos campos de El Aaiún, Auserd, Smara e Dajla, no suroeste de Alxeria, fano en condicións infrahumanas, agardando unha solución xusta ao conflito que inclúa o seu dereito para decidir o futuro do seu país. Viven en tendas, sen auga corrente, e dependen case totalmente da axuda internacional externa para subsistir. Dous terzos das mulleres sofren de anemia, e un terzo dos nenos sofre de desnutrición crónica.