Martiño X. Vázquez asiste en Zaragoza ao congreso internacional “La ciudad de las bicis”

Martiño X. Vázquez asiste en Zaragoza ao congreso internacional “La ciudad de las bicis”

•    OUeC aposta por unha mobilidade urbana a escala humana, para un uso da cidade como lugar de reunión e intercambio de ideas.
•    O grupo lamenta que ningún edil no goberno asista a este evento.
•    No marco do evento, presentarase o Plan Estratéxico Estatal da Bicicleta.

    O voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, participará desde este xoves no encontro internacional ao redor da bicicleta “La ciudad de las bicis” que se desenvolve en Zaragoza ata o próximo domingo, integrando o XIV Congreso Ibérico “La Bicicleta y la Ciudad”, o I Foro Internacional “Zaragoza es bici” e o II Festival Urbano “Culturas Ciclistas”.

    Durante catro días, o concelleiro asistirá a diferentes talleres, conferencias e mesas redondas integradas nos cinco eixos temáticos que configuran o evento, referidos a Cidades Ciclistas, Innovación e Desenvolvemento Económico, Promoción e Formación, a Bici no Espazo Público e Culturas Ciclistas.

    Martiño coñecerá de primeira man as novidades e experiencias máis importantes ao redor da bicicleta como medio de transporte no ámbito estatal e internacional, incluíndo mañá xoves ás 13h a presentación do Plan Estratéxico Estatal da Bicicleta.

    No congreso falarase de urbanismo, intermodalidade, circulación, redes ciclables supramunicipais, supermazás, pacificación de rúas e estradas, sistemas de bicicletas públicas, infraestruturas ciclistas, ou plans de implantación e promoción da bici como medio de transporte eficiente, en xeneral “cuestións esenciais nas que urxe poñer o foco en Ourense de cara a un futuro máis sustentable e humano da nosa cidade”.

    Antes de viaxar a Zaragoza, Martiño manifestaba esta mañá que “asisto a este congreso por responsabilidade, vou con vontade de aprender e poder trasladar todo o que alí se trate á comisión para a pacificación viaria de Ourense. É unha mágoa que ningún concelleiro no goberno, nin o responsable de infraestruturas, nin o de urbanismo, nin o de seguridade cidadá, nin asistan nin envíen a ningún técnico a formarse estes días en Zaragoza aproveitando esta oportunidade”.

    Desde a súa chegada á corporación municipal, Ourense en Común defende a necesidade de humanizar a mobilidade en Ourense, sendo os responsables de que fose creada a Mesa Municipal de Mobilidade, na que diferentes colectivos, ademáis de técnicos e grupos da corporación poden traballar participadamente para mellorar o noso Concello neste “eido fundamental pola súa incidencia directa na calidade de vida de todas as veciñas.

Ourense en Común emenda os orzamentos do estado pedindo máis inversión para Ourense

Ourense en Común emenda os orzamentos do estado pedindo máis inversión para Ourense

•    En Marea trasladará as alegacións ao goberno central a finais de maio.
•    O grupo solicita un investimento digno para garantir a reapertura do Arqueolóxico.
•    OUeC critica a solución provisional para a chegada da AVE, e esixe compromisos nos orzamentos para a execución da Variante Exterior.

    Ourense en Común trasladou ao grupo parlamentar de En Marea no Congreso dos Deputados un documento no que fai alegacións ao borrador dos Orzamentos Xerais do Estado, en defensa dunha inversión estatal en Ourense que garanta a execución da Variante Exterior ou a reapertura do Arqueolóxico Provincial.

    Ourense en Común cualifica como pírrica” a asignación prevista para a variante exterior, que “non garante a súa execución, sendo unha actuación fundamental para Ourense”. O grupo engade que os cen millóns previstos para acondicionar o trazado tradicional “poñen de manifesto que non existe un interese real en desenvolver o proxecto. A solución provisional do PP pode ser a solución definitiva e sería un erro e unha traizón histórica, seccionando a cidade e mantendo unha fenda urbana o próximo século”. Tamén en referencia á Alta Velocidade, Ourense en Común alega que ademáis “non hai unha partida asignada para a execución da estación intermodal”, que “debera ser integrada na execución da propia variante”.

    A defensa do Museo Arqueolóxico Provincial centra outra das emendas presentadas, na que se solicita “un investimento digno” para que este equipamento “saia do desleixo de décadas pechado por unha reforma”. O grupo matiza que as partidas de 200.000 € incluidas en orzamentos de anos anteriores “nunca chegaron a executarse”, perpetuando a espera polas obras de rehabilitación que permitan a reapertura de portas deste espazo, “para garantir que a cultura, o patrimonio e a nosa historia estean ao alcance de todos os ourensáns e visitantes”.

    O grupo cuestiona ademais a partida destinada á nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cuxos montantes anteriores tampouco chegaron a executarse, apuntando a que o período de execución “non é real, xa que a finalización estaba prevista para 2017. Así, o grupo mantén que esta actuación non se executará, polo que solicita coñecer en que se reinvertirá o investimento previsto de máis de 7 millóns de euros.

    OUeC plantexa tamén as incertezas existentes coa nova sede do Arquivo Histórico Provincial e a Biblioteca, cuxo grande retraso esperta dúbidas de se foron executadas as partidas de anos anteriores.

    As emendas presentadas ao borrador dos Orzamentos Xerais do Estado presentado polo goberno central Partido Popular, debateranse os días 22, 23, 24 e 25 de maio. Do 29 de maio ao 1 de xuño o proxecto volverá ao pleno da Cámara Baixa para ser remitido ao Senado. A votación final das Contas do Estado para este ano terá lugar entre o 27 e 29 de xuño.

Ourense en Común consolídase como o espazo político de confluencia para as municipais de 2019

Ourense en Común consolídase como o espazo político de confluencia para as municipais de 2019

•    Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+ confirman o seu respaldo a Ourense en Común, comprometéndose a participar na elaboración dos documentos marco para a candidatura das eleccións municipais de 2019.
•    Esquerda Unida e o Consello Cidadán de Podemos Ourense amosaron anterioremente a súa disposición para fortalecer este espazo de confluencia.
•    Ourense en Común celebraba o pasado sábado un faladoiro no que se valoraron as posibilidades e metodoloxías para abrir o proceso de confluencia a novos axentes políticos e sociais, partidos e cidadanía.

    O Espazo en Común das Burgas acolleu nas últimas semanas varias reunións coas que o GT Apertura de Ourense en Común pretendía incentivar a participación das organizacións políticas que manifestaron o seu apoio á candidatura de confluencia que acadaría tres edís nas eleccións municipais en maio de 2015. O obxectivo, atendendo á folla de ruta da asemblea anual RePensar OUeC, era reforzar o espazo político de cara a 2019, tecendo alianzas nunha confluencia plural e forte “que poida aglutinar ao maior número de sensibilidades, xerando un movemento de cambio real que sexa quen de recuperar as institucións para as persoas”, como xa aconteceu no ano 2015 noutras cidades do país, como Compostela e Coruña, ou do estado, como Madrid e Barcelona.

    Despois de extraer o compromiso do Consello Cidadán de Podemos Ourense primeiro, para “participar de forma activa na elaboración dos documentos marco para a candidatura a 2019”, e de representantes de Esquerda Unida despois, para “fortalecer estes espazos de unidade popular”, era agora a quenda doutros grupos como Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+.

    O partido político Demos+, xurdido en 2013 como movemento en defensa duns servizos públicos, universais e de calidade, a rexeneración democrática e contra a corrupción, recoñecía na reunión sentirse “plenamente identificado co proceder de Ourense en Común nestes case dous anos de existencia” ao tempo que non contemplaba “outro escenario diferente ao da confluencia para as próximas eleccións municipais”, afirma a representante do partido en Ourense, Maravillas Calviño.

    Na mesma liña expresábanse os representantes de Equo Galicia en Ourense, Emilio Padrón e Idoia de Luxán, apostando por “ensanchar aínda máis a base de persoas que apoian o espazo político e as ferramentas de participación na procura de asentar os principios fundacionais do proceso: xustiza social, igualdade de xénero e sustentabilidade”.

    A reunión mantida con Espazo Ecosocialista Galego sería o último destes encontros cos que se pretende “incentivar a participación e definir de forma conxunta unha folla de ruta de cara á vindeira cita electoral de 2019”, segundo Montse Malvar e Javier Octavio de Toledo integrantes do GT Apertura de Ourense en Común.

    Espazo Ecosocialista Galego aposta por afondar aínda máis na fenda da rexeneración política materializada en primeiro lugar no 15M e despois na primavera democrática de 2015. “Nós acreditamos no potencial das mareas municipalistas. Así é que o asemblearismo e o municipalismo deben ser a base deste cambio de paradigma e fuxir de lóxicas partidarias ou lobbys de poder”, afirma Ánxeles Faraldo, que xunto con Silvia Lorenzo representaban Espazo Ecosocialista na reunión con Ourense en Común.

Ourense en Común reflexiona ao redor da confluencia de cara ás municipais 2019

Ourense en Común reflexiona ao redor da confluencia de cara ás municipais 2019

•    A candidatura e programa configuraránse desde a pluralidade e o entendemento participado de forzas e veciñanza.
•    O grupo afronta o futuro desde o reto de consolidarse como alternativa de goberno e recuperar a cidade para a xente.
•    Rocío Fraga, concelleira no goberno da Marea Atlántica, compartiu perspectivas de futuro no encontro deste sábado en Ourense.

    O Espazo en Común acolleu este sábado unha xornada de debate ao redor do proceso de confluencia municipalista.

    Este faladoiro supón un paso adiante na consolidación da candidatura de Ourense en común como espazo de encontro e participación política cara ás eleccións municipais de 2019, e cun reto concreto: consolidarse como alternativa de goberno ao Partido Popular e poder trasladar políticas transformadoras ao Concello de Ourense ao xeito das que se están a desenvolver actualmente en concellos como o da Coruña ou o de Compostela.

    A Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, acudiu á xornada en calidade de convidada e compartiu coas integrantes de Ourense en Común análises e perspectivas de futuro para os procesos municipalistas.

    Fiel ao seu compromiso de constituirse permanentemente como un espazo de participación, Ourense en común debatiu abertamente ao redor da posibilidade de fortalecerse a través dun novo proceso de confluencia política no que programa e candidaturas sexan as ferramentas necesarias para transformar a cidade.

    O Grupo de Apertura de Ourense en Común adopta agora a encomenda de elaborar unha folla de ruta que será debatida e aprobada en asemblea e servirá para guiar os pasos para dar continuidade e abrir este novo camiño.

No Día da Terra, Ourense en Común solicita compromisos firmes co medio ambiente municipal

No Día da Terra, Ourense en Común solicita compromisos firmes co medio ambiente municipal

•    O Concello non promove ningunha actividade de sensibilización co gallo desta celebración mundial.
•    A contorna do río Barbaña e a súa desembocadura no Miño seguen sendo a asignatura pendente deste goberno.
•    O grupo denuncia o vertedoiro no que o Concello está permitindo que se convirta o Montealegre.

    O 22 de abril celébrase o Día Internacional da Terra, e Ourense en Común quere concienciar aos responsables políticos coa necesidade de salvagarda do medio ambiente.

    Conscientes das obrigas da administración local para un cambio profundo nas políticas medio ambientais e polo compromiso social neste eido coa veciñanza, Ourense en Común lamenta que o equipo de goberno da cidade non se implique neste día. Para o grupo municipal “conseguir unha cidade sostible e concienciada non ten que levar aparellada a imputación dun orzamento elevado nin consignas do Ministerio, da Xunta ou de fondos europeos. É cuestión de vontade política”.

    Como exemplo, Ourense en Común apunta que, malia existir un conveno co ministerio a través da CHMS, e ter adxudicado un orzamento de 450.000 euros para a recuperación do río Barbaña, “non vemos indicios de que as augas deste río, nin a súa contorna, vaian mellorarse de xeito inminente”. O grupo, que presentara unha moción no pleno do mes de novembro solicitando un compromiso serio do equipo de goberno respecto ao mantemento do Barbaña, denuncia que “as obras feitas en base ao plan CRECE con fondos europeos, non atenden ao compromiso establecido na moción e aprobado polo PP”.

    O grupo lembra os sucesivos vertidos contaminantes que desde San Cibrao chegan ao Barbaña e o Miño, denunciando que “non entendemos que sexan as administracións quen teñan que arranxar con fondos públicos un problema detrás do que se agochan empresas privadas que nin cumpren, nin pagan. A Lei di que quen contamina paga, semella que en Ourense non”.

    Ourense en Común fai referencia tamén ao Montealegre,un pulmón verde ao carón da cidade, de gran riqueza forestal e de abundancia herpetolóxica, que non se valorou nunca o suficiente para facer del un lugar singular como espazo periurbano, e onde o actual goberno da cidade permite un desleixo que o está a converter nun vertedoiro”.

     O Día da Terra celébrase mundialmente o 22 de abril, para lembrar a importancia de coidar o planeta, salvagardando os seus recursos e implementando as pautas que o Informe Bruthland recollía no 1987, contrastando o modelo de desenvolvemento económico fronte á sustentabilidade ambiental.

O Concello ocultou información á Valedora do Pobo na investigación do Matadoiro

O Concello ocultou información á Valedora do Pobo na investigación do Matadoiro

•    O expediente aberto a petición de Ourense en Común, pechouse sen que o equipo de goberno aportase os datos que se requirían.
•    Co apoio do grupo parlamentar de En Marea, OUeC solicitará á Dirección Xeral de Sanidade os datos que faltan na investigación.
•    A empresa xestora desta concesión municipal pode levar anos evadindo un 3% mensual no pago de taxas ao Concello.

    Os concelleiros de Ourense en Común, Miguel Doval e Martiño X. Vázquez, xunto a Paula Quinteiro, deputada por En Marea no Parlamento de Galicia, reuníanse esta mañá en Compostela co responsable da área de Corporacións locais e servizos municipais da oficina da Valedora do Pobo, para examinar o expediente sobre o caso do matadoiro, aberto neste órgano no pasado mes de febreiro e pechado en marzo, malia a que o Concello de Ourense non facilitou a información que se lle requiría.

    Miguel Doval calificou o encontro como “moi satisfactorio”, xa que da reunión de hoxe desprendeuse que “estamos no camiño correcto, e as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro poderían esclarecerse con documentación que están negando tanto o Concello como a Consellería de Sanidade.

    O técnico responsable na oficina da valedora asegurou que acolléndose ao dereito de acceso á información recollido na Lei estatal 19/2013, de 9 de decembro, e na Lei autonómica 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, “tedes todo o dereito a ter acceso á información que estades pedindo”.

    É por esto que Ourense en Común continuará adiante na procura da información que se lle está negando e, co reforzo do grupo parlamentar de En Marea, solicitarán á Dirección Xeral de Sanidade, a documentación oficial que asina o servizo veterinario oficial desta Consellería no Matadoiro, como o son os libros de control sanitario no sacrificio de gando.

    A comisión municipal constituída no mes de marzo de 2016 a petición de Ourense en Común para investigar as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro, mantense inoperante pola falta de interese do equipo de goberno de Jesús Vázquez, que nega, tanto aos grupos como á propia valedora do pobo, o acceso a información relevante que serviría para esclarecer os motivos polos que existen desfases no reconto de cabezas de gando que a concesionaria declara para o pago de taxas ao Concello.

    En referencia ás declaracións do alcalde, que aseguraba esta mañá que o grupo foi a Compostela a facer unha foto coa valedora, o grupo contestaba “a nosa política pouco ten que ver coa súa marca Jesús Vázquez para todo, nin existe tal foto de hoxe, nin temos necesidade ningunha de agochar vergoñas con posados; viñemos a Santiago porque o seu equipo non fai o seu traballo, nega o acceso á información e bloquea unha investigación dunha cuestión que afecta directamente ás arcas municipais, propiedade de todas as veciñas de Ourense.

Ourense en Común intercederá en defensa dun reparto xusto no traslado provisional da Praza de Abastos

Ourense en Común intercederá en defensa dun reparto xusto no traslado provisional da Praza de Abastos

•    As praceiras requiren que sexa o Concello e non a asociación de comerciantes quen defina o reparto na instalación provisional.
•    O Concello non deu resposta ás peticións trasladadas por algunhas praceiras, que poden ver mermado nun 75% o espazo co que contan na actualidade.
•    Ourense en Común promoverá máis encontros sectoriais en materia de comercio, convocando proximamente a artesáns, asociacións de comerciantes e hosteleiros.

    Ourense en Común iniciaba onte unha liña de traballo para avaliar colectivamente a xestión e políticas que está a levar o goberno de Jesús Vázquez na área de Comercio.

    No encontro celebrado no Espazo en Común participaron, ademáis de Miguel Doval,  concelleiro do grupo, comerciantes, praceiras, xuristas e veciñas que quixeron tomar parte desta primeira reunión aberta, que se centrou principalmente na Praza de abastos das Burgas, e máis concretamente no traslado provisional das praceiras cando se inicien as obras de rehabilitación do actual edificio.

    Froito da análise da situación na que se atopa o traslado das praceiras, Ourense en Común puido saber que o Concello cedeu á Asociación de comerciantes da Praza a responsabilidade da distribución dos espazos na estructura provisional, cuxa directiva pretende facer un reparto partidario e inxusto co que algunhas praceiras perderán máis do 75% do volume co que contan actualmente para desenvolver a súa actividade comercial. “O reparto debe facerse desde a imparcialidade e non desde o interese parcial da directiva da asociación”.

    As presentes, trasladaron a Miguel Doval a súa preocupación por esta cuestión, ademáis de denunciar non ter respostas do Concello, malia ter requirido formalmente a través do rexistro que sexan os técnicos municipais os responsables do reparto de espazos, por ser quen teñen as competencias nesta obra. “O Concello únicamente se preocupa en saber cantos enchufes e grifos de auga quente precisamos, pero non de que teñamos un espazo equitativo para todas, nin das necesidades da nosa mercancía. Nalgúns casos, un tabique de pladur non vai soportar a carga que precisamos”.

    Na xunta de área do próximo martes, Miguel Doval trasladará o recollido neste encontro á responsable de Comercio, Flora Moure, e insistirá para que se reactive a comisión de seguimento do traslado da Praza, xa que “abrir comisións, para telas nun caixón, nin é seguimento nin serve para nada”. Esta comisión foi únicamente convocada unha vez , en abril de 2016, “hai xa un ano”.

    Ourense en Común continuará avaliando o estado da área de Comercio do Concello, promovendo próximamente máis encontros participados como o de onte, para os que convocará proximamente a artesáns, feirantes, asociacións de comerciantes e hosteleiros.

Ourense en Común prepara unha moción para a retirada das placas franquistas de rúas e edificios da cidade

Ourense en Común prepara unha moción para a retirada das placas franquistas de rúas e edificios da cidade

•    Símbolos da Falanxe ou do ministerio de vivenda franquista permanecen en edificios Ourense.
•    A Lei de Memoria Histórica mandata ás Administracións Públicas a retirar estes símbolos de exaltación da Ditadura.

    En cumplimento da Lei de Memoria Histórica, e no marco da vixente celebración da Semana da República en Ourense, Ourense en Común prepara unha moción para o pleno do mes de maio, na que instará ao Concello a inventariar e posteriormente retirar as placas franquistas aínda existentes nalgunhas rúas e edificios de Ourense. “Temos o deber de poñer fin á simboloxía de enaltecemento fascista nas rúas da nosa cidade para recuperar a expresión democrática. Son símbolos contrarios á lei, trátase cumprila”, apunta Ledicia Piñeiro.

    Os vestixios do franquismo permanecen presentes en diferentes placas e inscricións en barrios como O Polvorín ou Covadonga, onde aínda poden verse placas co xugo e as frechas da Falanxe, ou inscricións do Ministerio de Vivenda franquista.

    O grupo ampara esta petición no cumprimento da Lei 52/2007 de 26 de Decembro, a coñecida como Lei de Memoria Histórica. Concretamente baséase no seu artigo 5, que mandata ás administracións públicas a tomar medidas para a retirada de escudos, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.

A moción votarase no vindeiro pleno ordinario do Concello, o venres 5 de maio.

Ourense en Común promove unha mesa participativa para avaliar a situación do comercio e as prazas de abastos

Ourense en Común promove unha mesa participativa para avaliar a situación do comercio e as prazas de abastos

•    O primeiro encontro celebrarase mañá xoves, ás 19h30, no Espazo en Común.
•    O debate abordará a rehabilitación da praza de abastos das Burgas, a reapertura da praza da Ponte ou o descontrol das terrazas na cidade.
•    Estarán presentes praceiros, comerciantes, xuristas e calquer veciña que desexe participar.

    Ourense en Común pon este xoves en marcha unha mesa de traballo aberta á participación, para avaliar a situación na que se atopa a xestión comercial da cidade co goberno de Jesús Vázquez, que retrasa a rehabilitación da praza de abastos das Burgas, non é quen de reaperturar e xestionar a da Ponte, mantén sen concesión as cafeterías municipais en varios parques, pechados os kioskos, consinte irregularidades no Matadoiro, e asume que as terrazas están “fóra de toda regulación”, como o propio alcalde admitía esta semana.

    Na primeira reunión, que se celebrará mañá ás 19h30 no Espazo en Común das Burgas, ademáis da asistencia do concelleiro do grupo adicado a esta área, Miguel Doval, está xa confirmada a participación de praceiros, comerciantes e xuristas. O grupo convoca ademais a participar a calquera veciña con vontade de aportar ideas e críticas que conformen un documento plural e social para traballar na mellora das políticas de comercio no Concello.

    Con este encontro, o grupo continúa a liña de participación aberta en materia de comercio que xa iniciara no mes de febreiro de 2016, cando coa colaboración diferentes colectivos da cidade, hostaleiros, Policía Local, e veciñas, presentaba achegas colectivas ao borrador da ordenanza de veladores, “que o desgoberno de Jesús Vázquez segue sen tramitar máis dun ano despois”.

Ourense en Común cuestiona o compromiso enerxético do PP con Ourense

Ourense en Común cuestiona o compromiso enerxético do PP con Ourense

•    OUeC non asistiu hoxe ao encontro cun Ministro de Enerxía que “cada vez que fala, sube a luz”.
•    “O PP xa secou un día as Burgas”. O termalismo é un valor indiscutible en Ourense que require rigor e coherencia.
•    En dous anos no goberno, o equipo de Jesús Vázquez mantén o consumo enerxético do Concello en 2 millóns de euros anuais en subministros contaminantes.

    Ourense en Común non asistía hoxe ao encontro promovido por Jesús Vázquez co Ministro de Enerxía, Álvaro Nadal, por entender que “son posados do alcalde con quen lle vén arranxar a súa falta de orzamentos”.

    O grupo denuncia que “descoñecemos o plan de acción que anuncia o alcalde, aínda que o seu compromiso enerxético é ben coñecido, tendo en conta o derroche en luces no último nadal, ou as inexistentes medidas do seu goberno para o aforro enerxético”. Sobre as conversas previas co IDAE ás que remite o alcalde para a sinatura hoxe deste convenio, Martiño X. Vázquez apunta a que  ”sabemos pola xunta de área que nin o concelleiro responsable de termalismo, Jorge Pumar, coñece o proxecto nin as súas implicacións”.

    Do ministro, Ourense en Común considera que “o seu compromiso coa enerxía é o mesmo que o de Jesús Vázquez: ningún”, lembrando que Álvaro Nadal “é o responsable do recente tarifazo eléctrico e defensor do imposto ao sol” e ten declarado que só se son baratas” está a favor das enerxías renovables.

    Para Ourense en Común, os recursos e o potencial termal que ten Ourense son “incuestionables pero “non deben considerarse únicamente como unha fonte fácil para a explotación económica”. Martiño X. Vázquez apuntaba a que “esixiremos información e seguiremos de perto este protocolo xeotérmico asinado hoxe. Convén lembrar que o PP xa tén antecedentes deixando sen auga ás Burgas co pelotazo de Manuel Cabezas”.

    O grupo defende a necesidade de “unha visión máis ampla e a longo prazo para unha transición real cara un novo modelo enerxético. O PP fala de renovables dende a súa rendabilidade económica, nunca desde a medioambiental nin a social”.  “A nosa aposta coa xeotermia é firme cando presentamos emendas á ordenanza do IBI para potenciar o uso desta enerxía no noso concello, pero é a lei que o Sr. Ministro mantén vixente a que impide esta bonificación”.

    O equipo de goberno de Jesús Vázquez rexeitou no pleno de decembro de 2015 parte da moción na que Ourense en Común propoñía a implementación dunha batería de medidas de aplicación municipal para avanzar no desenvolvemento de enerxías renovables non contaminantes, e sumar o concello á loita contra o cambio climático.

    “A xeotermia pode ser un paso, pero botamos en falta en Ourense políticas locais capaces de transformar o actual modelo obsoleto e contaminante que vai xerar o colapso medioambiental”. “Se falamos de enerxías alternativas, a verdadeira aposta de cambio significa que non deben convivir fósiles con renovables, significa cambiar a contratación do subministro eléctrico das dependencias municipais por enerxías limpas, garantir o maior número de espazos verdes, cambiar o modelo de xestión do lixo ou reducir o consumo de máis de unha tonelada de papel que fai o Concello anualmente”.