Ourense en Común solicita o regulamento do xurado para a elección do premio Clara Campoamor

Ourense en Común solicita o regulamento do xurado para a elección do premio Clara Campoamor

•   A concelleira do Partido Popular impuxo o seu voto para recoñecer a un home con este Premio á Igualdade.
•   A Marcha Mundial das Mulleres recolle sinaturas para que se anule o fallo do xurado.
•   Julián Pardinas sería o primeiro home en recibir o recoñecemento nas once edicións deste premio.

    Na mañá de onte luns, Ourense en Común solicitaba formalmente a través do rexistro do Concello as Bases e o Regulamento do órgano que decide o Premio Clara Campoamor que outorga a Concellería de Igualdade.

    Tras a polémica suscitada pola elección dun home para recibir este ano o recoñecemento, o grupo quere despexar dúbidas sobre o procedemento que levou á Concelleira, Sofía Godoy, a empregar o seu voto de calidade para resolver o Premio a favor de Julián Pardinas.

    “Este premio é unha oportunidade para visibilizar a mulleres e colectivos feministas, que traballan arreo cada día tecendo fíos violetas polo empoderamento feminino e a consecución da igualdade. Recoñecer o traballo dun home representa o peor da desigualdade, reafirmando o  patriarcado imperante na sociedade en que vivimos. Recoñecer o traballo dun fiscal de Violencia de Xénero, ao tempo que se produciron 5 asasinatos machistas nos últimos días, é premiar un sistema deficiente e inservible”, apuntaba Ledicia Piñeiro o día que se coñecía o fallo.

    Ourense en Común adheriuse xa á petición lanzada pola Marcha Mundial das Mulleres, para que se anule o fallo do xurado e que no seu lugar sexa escollida algunha das outras candidatas, ou declarar como última opción o premio como deserto.

    A Concellería de Igualdade de Ourense entrega este recoñecemento desde o ano 2007,  e por primeira vez na historia do premio entregariase a un home.

Ourense en Común valora positivamente o proceso aberto cara a un novo modelo de cidade

Ourense en Común valora positivamente o proceso aberto cara a un novo modelo de cidade

•   Este proceso traballará na mellora da calidade ambiental, a pacificación do tráfico, a mobilidade, a accesibilidade e a integración da bicicleta en Ourense.

    Ourense en Común considera “unha moi boa nova a implantación do proceso de participación cidadá para a mellora da calidade ambiental e da mobilidade posto hoxe en coñecemento dos medios por parte do Concello”.

    Tras a xuntanza mantida esta mañá, o voceiro do grupo manifesta abertamente a súa vontade para participar deste proceso e “traballar na mellora da calidade de vida de Ourense, independentemente de quen goberne.

    Martiño X. Vázquez mantén que “xa o fixemos no pasado, e seguimos e seguiremos traballando en positivo e arreo para conseguir un modelo de cidade feita para as persoas. Xunto co planeamento urbanístico, a mobilidade é un vector fundamental para o noso grupo, de cara a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Ourense”.

    “Tivémolo claro xa cando propuxemos crear a Mesa de Mobilidade e témolo claro agora: a mobilidade debera estar sempre enriba da mesa xunto co planeamento urbanístico, para garantir o modelo de cidade que todas queremos, un modelo de cidade feita para as persoas e non para os vehículos”. O voceiro do grupo poñía como exemplo a reducción do tráfico, “que supón unha mellora da calidade ambiental, ademáis de permitir recuperar o espazo público para as persoas, dinamizando os barrios e fomentando o consumo no comercio de proximidade”.

As alegacións de Ourense en Común, recollidas na nova ordenanza de vivendas de emerxencia social

As alegacións de Ourense en Común, recollidas na nova ordenanza de vivendas de emerxencia social

•   Ourense en Común foi o único grupo que presentou alegacións a esta ordenanza.
•   O grupo minoritario da corporación mellora a norma no referido aos gastos de luz, auga e calefacción, e aos os prazos de estancia nestas vivendas.

    A comisión de pleno daba esta mañá o visto bo á Ordenanza Municipal de Vivendas de Emerxencia, na que foron recollidas as dúas alegacións ao texto presentadas por Ourense en Común.

    Despois de que o PSOE retirara algunhas das súas emendas en favor das propostas de Ourense en Común, o grupo foi o único que presentou alegacións, e á vista de que foron incorporadas ao documento definitivo, Martiño X. Vázquez manifestaba ao remate da xuntanza que “estamos contentas co traballo, novamente o grupo minoritario da corporación é quen de introducir melloras nunha ordenanza, confírmándose o noso traballo en positivo desde a oposición, defendendo neste caso un tema tan sensible e que afecta a un dereito básico como é a vivenda”.

    Tras presentar nove emendas na fase de borrador, o grupo alegaba no pasado mes de setembro os artigos 9 e 11 da ordenanza, referidos aos gastos de luz, auga e calefacción, e aos os prazos de estancia nas vivendas.

    No primeiro caso, grazas ás achegas do grupo, o Concello asumirá os gastos dos subministros naqueles casos en que as persoas beneficiarias carezan de recursos para poder afrontalos. No tocante ao artigo 11, coa alegación de Ourense en Común elimínase o prazo de estancia que o texto establecía en tres meses, sendo as traballadoras e educadoras sociais do Concello, as que terán que valorar cando unha familia ou persoa están preparadas para continuar coa súa vida fóra das vivendas municipais.

    As nove emendas que Ourense en Común presentou ao primeiro borrador, e estas dúas alegacións incorporadas na fase final, foron elaboradas conxuntamente con diferentes colectivos especialmente sensibilizados en materia de vivenda e emerxencia social.

    Desde hai máis dun ano, o discorrer desta ordenanza pasou por todo un periplo de irregularidades, comezando polas contradicións que contiña o primeiro borrador proposto polo Partido Popular, e pasando polos graves incumprimentos do equipo de goberno nos prazos para recoller alegacións da veciñanza, denunciados por Ourense en Común no seu momento.

Ourense en Común pedirá no pleno actividades de lecer infantil adaptadas á diversidade

Ourense en Común pedirá no pleno actividades de lecer infantil adaptadas á diversidade

•   Actualmente o Concello non dispón de ningunha oferta integradora para nenos e nenas con diversidade.
•   A medida serviría como ferramenta conciliadora e de respiro familiar nas datas non lectivas.
•   Pais e nais xa teñen un rigoroso traballo feito no que o Concello podería apoiarse para deseñar as actividades.

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o pleno ordinario do mes de marzo, coa que instará ao goberno a realizar actividades de lecer adaptadas á diversidade, e para que, contando coa participación das familias no deseño da proposta, o Concello constrúa unha ferramenta conciliadora e de respiro familiar nas datas non lectivas.

    Con esta moción, o grupo traslada ao pleno unha demanda das nais e pais do colexio “Miño” de Velle, que ante a falta de oferta de lecer no Concello para os seus fillos e fillas, teñen xa feito un completo estudo de necesidades, incluíndo un orzamento e as características que se precisarían. “Seguro que o goberno municipal pode contar con estas familias para asesorarse e ser axudado a facer o mellor proxecto posible”, apuntaba esta mañá Ledicia Piñeiro.

    A concelleira expoñía que “en OUeC apostamos por unha oferta integradora e colectiva, non tanto unha oferta específica nin segregada para estes nenos e nenas; a educación en valores debe primar a aceptación das diferenzas, para que todas convivamos coa diversidade desde a normalidade. A inclusión enriquece non só ás persoas con algunha necesidade especial, senón tamén ao resto de participantes, que aprenden a vivir nunha sociedade heteroxénea desde o respecto”.

    Convidando á reflexión sobre a importancia do lecer para o desenvolvemento persoal, social e económico, e considerándoo como un dereito humano básico para fomentar o benestar e unha boa saúde xeral,  Ourense en Común confía en contar co apoio unánime da corporación para a aprobación desta iniciativa plenaria, comprometendo ao Concello a cubrir a carencia de actividades de lecer dirixidas e adaptadas á diversidade, que a día de hoxe é inexistente; serían precisos recursos especializados para garantir o éxito do programa, que debera dotarse de persoal cualificado e un número de monitoras capaz de ofrecer unha atención personalizada, que facilite aos nenos e nenas con necesidades especiais integrarse no conxunto con total normalidade para a súa participación nas actividades.

Ourense en Común mobilizarase o sábado coas Marchas da Dignidade en defensa das pensións

Ourense en Común mobilizarase o sábado coas Marchas da Dignidade en defensa das pensións

•    Os pensionistas galegos perderán 650 euros de poder adquisitivo ata 2022.
•    A mobilización está convocada para o sábado ás 12h na Coruña.

    Ourense en Común participará o sábado na mobilización das Marchas da Dignidade en defensa das pensións, que congregará na Coruña á cidadanía de todo o país, na defensa dos dereitos básicos e o ben común.

    Tal e como se coñecía a principios deste mes de febreiro, nos próximos anos as pensión só subirán o mínimo (un 0,25%), e as xubiladas e xubilados perderán, de media, 650 euros de poder adquisitivo.

    Ourense en Común entende as pensións como “un dereito e non un agasallo ou privilexio, son un dereito, gañado co esforzo e traballo de toda unha vida. Non é certo que sexa a mocidade a que paga as pensións, nin que o déficit da Seguridade Social teña a súa orixe nas pensións. O déficit está provocado polos salarios miserentos logo das sucesivas reformas laborais, uns salarios que malamente garanten a supervivencia. E estes salarios indignos, provocan que para moitas familias, as pensións das maiores sexan o único sustento que entra no fogar. E se xa é moi duro chegar a fin de mes tal e como estamos agora, que pasará cando se recorten as pensións?”.

    O principal motivo deste ataque ás pensións é a intención de fomentar os plans privados, que queren facer negocio cos nosos dereitos mentres o goberno é cómplice.

    Contra as privatizacións e os recortes, contra a perda de dereitos, contra os abusos do poder económico, Ourense en Común unirase o sábado nas rúas da Coruña ás Marchas da Dignidade, berrando “Pan, traballo e teito” unha vez máis, un lema que resume moi ben cales son as necesidades básicas que toda persoa debería ter cubertas para unha vida digna.

Ourense en Común lamenta a desafortunada elección dun home para recibir o Premio Clara Campoamor da Igualdade de Xénero

Ourense en Común lamenta a desafortunada elección dun home para recibir o Premio Clara Campoamor da Igualdade de Xénero

•    O grupo adheriuse xa á petición da Marcha Mundial das Mulleres para anular o fallo do xurado.
•    Nas 11 edicións do premio, Julián Pardinas sería o primeiro home en recibir o recoñecemento.

    Ourense en Común lamentaba hoxe a elección de Julián Pardinas Sanz para o Premio Clara Campoamor á Igualdade de Xénero que entrega o Concello de Ourense.

    O grupo considera este recoñecemento “unha falta total de tacto e de compromiso do equipo de goberno coa igualdade real entre homes e mulleres”.

    “Este premio é unha oportunidade para visibilizar a mulleres e colectivos feministas, que traballan arreo cada día tecendo fíos violetas polo empoderamento feminino e a consecución da igualdade. Recoñecer o traballo dun home representa o peor da desigualdade, reafirmando o  patriarcado imperante na sociedade en que vivimos. Recoñecer o traballo dun fiscal de Violencia de Xénero, ao tempo que se produciron 5 asasinatos machistas nos últimos días, é premiar un sistema deficiente e inservible”, apuntaba Ledicia Piñeiro.

    Ourense en Común adheriuse xa á petición lanzada pola Marcha Mundial das Mulleres, para que se anule o fallo do xurado e que no seu lugar sexa escollida algunha das outras candidatas, ou declarar como última opción o premio como deserto.

    A Concellería de Igualdade de Ourense entrega este recoñecemento desde o ano 2007,  e por primeira vez na historia do premio entregariase a un home.

    No histórico do palmarés atópanse colectivos e mulleres como o Centro de Orientación Familiar (2009), a Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas da provincia de Ourense (2010), a Marcha Mundial das Mulleres (2011), a ex-xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do goberno en Ourense, Purificación Álvarez Villamarín (2012), a secretaria xeral de CCOO en Ourense, Ana Barrios (2013), a Plataforma Galega polo dereito ao aborto (2014), a directora de Sarabela Teatro, Ánxeles Cuña (2015), ou os Equipos de Futbol-Sala Feminino “Ourense Envialia” e “Cidade das Burgas” (2016).

Ourense en Común defenderá no pleno a instalación de taboleiros nos barrios para a difusión de iniciativas veciñais

Ourense en Común defenderá no pleno a instalación de taboleiros nos barrios para a difusión de iniciativas veciñais

•    Debido á pasividade do goberno, o grupo reitera a petición aprobada no pleno de setembro de 2015.
•    A medida axudaría a garantir a difusión, divulgación e expresión de actividades promovidas por asociacións e colectivos cidadáns do Concello de Ourense.
•    O goberno do Partido Popular sanciona a cartelería en fachadas sen aportar alternativas para difundir calquera iniciativa de forma legal.
•    Os MUPIS da cidade continúan sen control e o goberno de Jesús Vázquez permanece impasible ante o reiterado incumprimento do prego por parte da empresa concesionaria.

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o pleno ordinario do mes de marzo, coa que solicitará a instalación de taboleiros nos barrios, para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión das iniciativas promovidas polas asociacións veciñais e colectivos sen ánimo de lucro; a moción insta ademais ao goberno municipal para que garanta que a empresa concesionaria dos MUPIs manteña os soportes en boas condicións, e proceda a ocupar o 20% deste mobiliario para informar sobre actividades do Concello, tal e como o pautaba o prego da concesión.

    A través dunha emenda a unha moción de DO, Ourense en Común xa sacara adiante esta mesma petición de taboleiros nos barrios en setembro de 2015, pero “case un ano e medio despois, nada foi realizado, materializándose ademais o incumprimento do acordo plenario no momento en que se formalizou un contrato para a xestión dos MUPIs”.

    A realidade na rúa, está lonxe de cumprir co compromiso do pleno para instalar soportes veciñais, e o goberno permanece ademais impasible perante o reiterado incumprimento do prego de contratación por parte da empresa, cuestión xa denunciada públicamente por Ourense en Común.

    “Non parece existir vontade do goberno municipal para instalar os coñecidos como Taboleiros de Barrio que deberían ser xestionados polas propias asociacións de veciñas, facilitándolles o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión. O único que fixo o Partido Popular foi reforzar o control sobre a cartelería ilegal, sen aportar alternativas para poder difundir ou divulgar calquera iniciativa de forma legal”.

Ourense en Común insta ao PP a que “deixe de xogar co urbanismo deste Concello”

Ourense en Común insta ao PP a que “deixe de xogar co urbanismo deste Concello”

•   A Lei de acompañamento da Xunta, aprobada en exclusiva polo Partido Popular, non vai evitar novos desastres urbanísticos no Concello de Ourense nos próximos anos.
•    O Partido Popular introduciu máis de 100 modificacións ao actual PXOM pendiente de aprobación .
•    Ourense en Común aposta por un PXOM serio e que garanta a estabilidade urbanística para as próximas décadas.

    Ourense en Común mostraba esta mañá a súa preocupación tras coñecer na Xunta de Área de Urbanismo que o goberno de Ourense pretende acollerse á Lei de acompañamento da Xunta, para solventar o PERI das Burgas e a “máis que posible” caída da Ordenación provisional.

    O equipo de goberno evidencia que o PXOM non está no seu horizonte, e pretende acollerse a esta Lei, aprobada en exclusiva polo Partido Popular no Parlamento de Galicia co fin de “revivir mortos urbanísticos, como así o apuntan todos os xuristas e técnicos especializados nesta materia consultados por OUeC.

    Martiño X. Vázquez manifestaba a preocupación do grupo xa que “volver a ordenacións provisionais e crear outras novas en base a esta lei, non garante que nos próximos anos non acontezan novamente estes episodios, e atopemos sentenzas en contra”.

    Ourense en Común facía hoxe a mesma valoración que a pasada semana, cando se coñecía a sentenza do TSXG, responsabilizando “a situación de caos urbanístico no noso concello durante décadas vén derivada da política especulativa do Partido Popular desde o PXOM de 2003, que lembremos foi tumbado pola xustiza por un cambiazo do mesmo señor que hoxe é responsable da Concellería de Urbanismo”.

    Martiño X. Vázquez instaba así ao goberno a “deixar de xogar”, relatando que “cando chegou, o PP tiña enriba da mesa un PXOM aprobado inicialmente, con 5.000 alegacións, cun equipo redactor valorando esas alegacións, tiñan os informes sectoriais aprobados e todo o preciso para a aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, pero o que aconteceu é que o Partido Popular chegou e introduciu no texto aprobado inicialmente, máis de 100 modificacións, que en moitos casos nin sequera foran tramitadas polo curso establecido, facendo novamente política especulativa co urbanismo de Ourense”.

    “Que deixen de especular co PXOM e aprobemos dunha vez un plan xeral de ordenación para Ourense, serio, e que garanta unha estabilidade urbanística para as próximas décadas, porque se non atoparémonos novamente nos próximos anos con sentenzas desfavorables”.

Ourense en Común denuncia que 1 de cada 10 euros das arcas municipais foron gastados de xeito irregular o ano pasado

Ourense en Común denuncia que 1 de cada 10 euros das arcas municipais foron gastados de xeito irregular o ano pasado

•   10 millóns de euros en facturas foron reparados polo servizo responsable da fiscalización da contabilidade do Concello.
•    O grupo exemplificaba co servizo de préstamo de bicicletas, as graves ilegalidades existentes na xestión económica municipal do Partido Popular.
•    A empresa da xestión das bicis ten prohibido legalmente pechar calquer contrato co Concello de Ourense.

        Ourense en Común denunciaba esta mañá en rolda de prensa o gasto irregular de 1 de cada 10 euros do Concello de Ourense durante o último ano de goberno de Jesús Vázquez.

       Martiño X. Vázquez reflexionaba quepoderíamos exemplificalo con facturas do transporte público, da ORA, dos semáforos e outros tantos, pero quixemos escoller como símbolo o servizo de préstamo de bicicletas, adxudicado en baixa temeraria a unha empresa en situación de ilegalidade, pois un dos seus administradores é funcionario municipal, razón que o imposibilita por lei a participar en concursos públicos”.

    Ourense en Común, que xa denunciara a baixa temeraria desta concesión hai un ano, desvelaba hoxe que “pese a ser requirida a rescisión do contrato hai máis de 8 meses polo servizo de fiscalización municipal, o goberno de Jesús Vázquez continúa destinando o diñeiro de todas as ourensás a seguir pagando facturas, por un servizo deficiente, a unha empresa e a un funcionario que debera ter sido sancionado pola gravidade de compatibilizar a súa actividade pública con outras actividades empresariais sen autorización, como esixe a lei.

    O servizo de préstamo de bicicletas, posto en marcha no ano 2007 caeu en cifras de uso e a flota de bicis está a día de hoxe reducida a 35 ciclos, “nunhas condicións deficientes para garantir a seguridade vial e do usuario”.

    Martiño X. Vázquez concluía que “ilegalidades, retrasos, clientelismo, e precariedade son os adxectivos que mellor describen a forma de gobernar de Jesús Vázquez. Estamos perante un equipo de goberno que, en 2016, gastou 10 millóns de euros de forma irregular, contrariamente aos informes do servizo de intervención, responsable de fiscalizar a contabilidade das arcas municipais”.

Estrea en Ourense do documental “Alcaldessa”

Estrea en Ourense do documental “Alcaldessa”

•   O traballo proxectarase o martes, ás 20h, no Espazo en Común das Burgas.
•   O filme retrata o proceso no que Ada Colau saltou do activismo á alcaldía de Barcelona en menos dun ano.
•   Barcelona en Comú tomou o seu nome inspirándose en Ourense en Común, despois de que un particular rexistrara o seu nome inicial Guanyem Barcelona.

    O Espazo en Común das Burgas continua o próximo martes o ciclo audiovisual co que pretende convidar á reflexión sobre a revolución municipalista de 2015.

    Na cita desta semana, proxectarase por vez primeira en Ourense o documental “Alcaldessa(Pau Faus, 2016), que narra desde a proximidade a vida de Ada Colau durante o vertixinoso ano que a levou do activismo á alcaldía de Barcelona, retratando unha nova forma de entender a política que cambiou radicalmente o panorama político estatal.

    O documental, de 85min de metraxe, segue os pasos de Ada Colau desde o seu papel como voceira da Plataforma de Afectados pola Hipoteca ata o día en que é investida alcaldesa da capital catalá coa candidatura cidadá de Barcelona en Comú. A crónica íntima dos feitos – que inclúe un vídeo-diario persoal da mesma Colau – e o acceso privilexiado ás entrañas da formación, mostran neste traballo un acontecemento extraordinario que reúne dous argumentos universais: o relato dunha vitoria histórica, paradigma dos cambios políticos do sur de Europa, e o combate interior de alguén que debe sacrificar a súa vida persoal en aras da vida pública como primeira alcaldesa da historia de Barcelona.

    “Alcaldessa” é a primeira longametraxe do artista visual Pau Faus, que recollía con este traballo o premio á Mellor Dirección no pasado Festival de Málaga, e recentemente o de Mellor Película Documental nos Premis Gaudí da Academia de Cinema Catalá.

    De obrigada visión para amantes do cinema documental e para calquera cidadán mínimamente interesado na vida política, o filme é moito máis que recomendable para calquera espectador con ganas de ver cinema en maiúsculas feito no noso país.

    A proxección será o martes 21 ás 20h no Espazo en Común das Burgas, con entrada libre a quen desexe asistir.