Ourense en Común leva ao pleno a recuperación do conxunto medieval de Sta. Comba de Naves

Ourense en Común leva ao pleno a recuperación do conxunto medieval de Sta. Comba de Naves

• O abandono do mosteiro xa fora constatado no pasado mes de xullo por un informe técnico municipal.
• O grupo defenderá a declaración de Espazo Natural de Interese Local a esquecida contorna do monumento, conformada por unha rica fraga de máis de 500 hectáreas.
• A moción inclúe a sinalización da rede de camiños que bordean o conxunto monástico, co fin de conectala co circuíto fluvial do Río Miño.

    Ourense en Común rexistraba o pasado luns unha moción para o pleno do mes de febreiro, na que solicitará a recuperación e protección do conxunto monástico medieval de Santa Comba de Naves e da súa contorna.

    O monumento, sito en Palmés, e catalogado actualmente pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, atópase nun lamentable estado de conservación, que pon en risco ás persoas que o visitan, tal e como xa recollía en xullo de 2016 un informe técnico da Concellería de Urbanismo, e como puideron comprobar Miguel Doval e Martiño X. Vázquez, que visitaron o monumento hai escasos días.

    A titularidade do monumento pasou a mans privadas despois de que o anterior propietario, o Bispado de Ourense, vendera o conxunto no mes de decembro de 2015.  Desde entón, o propietario incumpre reiteradamente os requirimentos que se lle fixeron desde a Concellería, omitindo acometer actuacións preventivas para conservar a estabilidade estrutural das edificacións e instalando neste tempo dúas portas metálicas sen autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia. A moción insta ao goberno municipal para que garanta o estrito cumprimento das medidas preventivas e de conservación das edificacións.

    Ourense en Común recolle tamén na súa moción á fraga de máis de 500 hectáreas situada na contorna do conxunto monástico, que malia ser a mellor conservada do Concello de Ourense, non conta na actualidade con ningunha categoría de protección das incorporadas na Lei de protección da paisaxe de Galicia en 2008. O grupo solicitará no pleno a declaración de Espazo Natural de Interese Local, que “permitirá elaborar un instrumento de planificación efectivo e perdurable no tempo para conservar os valores naturais, culturais e etnográficos da zona.

    O terceiro acordo incluído na moción, solicitará ao goberno a sinalización da rede de camiños da contorna do mosteiro, co fin de conectala co circuíto fluvial do Río Miño, “engadindo valor á oferta turística termal, fomentando o turismo de sendeirismo e hábitos de vida saudables entre a poboación, ao tempo que mellora o recoñecemento social do monumento.

    Nos últimos anos moitos foron os colectivos que demandaron un trato digno para Santa Comba de Naves e a súa contorna. A AA.VV. de Palmés, a Comunidade de Montes de Naves, AA.VV. San Miguel de Canedo, Anacos da Cidade, AA.VV. San Breixo de Seixalbo, Verdegaia, Amigos da Terra e veciños e veciñas de Ourense teñen realizado diferentes actividades para a súa posta en valor como andainas, roteiros, charlas, etc.

Ourense en Común defenderá unha mellor calidade na difusión audiovisual dos plenos municipais

Ourense en Común defenderá unha mellor calidade na difusión audiovisual dos plenos municipais

•    O grupo fai fincapé no dereito das veciñas á transparencia e a veracidade no seguimento da actividade municipal.
•    O Concello de Ourense retransmite en streaming as sesións desde 2013, sen actualizar desde entón os medios empregados.

    Ourense en Común rexistraba a primeira hora desta mañá unha moción de cara ao pleno ordinario do mes de febreiro, coa que instará á corporación a acadar un acordo unánime en favor da transparencia da actividade plenaria, e para que o Concello se dote dos medios técnicos necesarios para unha gravación e edición audiovisual das sesións plenarias de calidade, para a súa difusión e fácil acceso na nova web municipal.

    Unha única cámara recolle desde 2013 as retransmisións en directo do pleno, ofrecendo un plano cenital do salón, desde a tribuna de convidados, cunha deficiente calidade na definición da imaxe e na recepción do son, que dificulta aos cidadáns o seguimento das sesións, véndose na obriga de recorrer a televisións locais que non sempre recollen os plenos completos, ou incluso censuran íntegramente intervencións e mocións concretas.

    Sen desmerecer o labor de anteriores corporacións, que desde xuño de 2007 aloxaron na web municipal a orde do día e a síntese de acordos das sesións, e desde 2013 apostaron pola retransmisión en “streaming”, o grupo quere con esta moción unha “actualización coas tecnoloxías propias do noso momento, superando os problemas de calidade actuais e fomentando un achegamento máis dinámico e atractivo ao labor municipal”.

    “O mellor aval de democracia é unha cidadanía vixiante, á que debemos asegurar unha comunicación real das contas, débedas, contratos e adxudicacións, pero tamén dos acordos, os procedementos e os criterios de valoración, coñecendo de primeira man os  debates e o posicionamento das diferentes formacións políticas ante os problemas do noso Concello e que esa información sexa veraz, exacta, completa, accesible, manexable, gratuíta e actualizada”, apuntan desde o grupo.

Ourense en Común pide a mediación da Valedora do pobo na investigación do Matadoiro Municipal

Ourense en Común pide a mediación da Valedora do pobo na investigación do Matadoiro Municipal

•    A Consellería de Sanidade da Xunta bloquea o acceso a información pública sobre este caso.
•  OUeC aportou na comisión de investigación indicios de irregularidades na xestión desta concesión municipal.
•    A empresa concesionaria podería estar evadindo un 3% mensual no pago de taxas ao Concello.

    Ourense en Común presentaba esta mañá unha solicitude á Valedora de Pobo, para que a través da súa Comisión da Transparencia, defenda o acceso á información pública que se require para facer un seguimento rigoroso da xestión administrativa no Matadoiro.

    Para avanzar na investigación aberta sobre esta concesión municipal, e seguindo indicacións do xefe de servizo de Seguridade Alimentaria da Dirección Xeral de Saúde Pública, consultado polo grupo, Ourense en Común solicitaba o pasado mes de xullo á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, a documentación oficial referente ao Matadoiro desde o ano 2014, concretamente os libros de control sanitario de sacrificio de gando, que asina o servizo veterinario oficial desta Consellería; unha documentación que permitiría facer un estudio máis rigoroso do posible desfase e a presunta evasión de taxas do Matadoiro fronte ao Concello.

    A resposta da Consellería fíxose agardar un mes, remitindo ao grupo a unha reclamación no xulgado do Social e sen facilitar a documentación requirida, pese a ser de carácter público e sobre cuestións que afectan directamente á saúde pública e a seguridade alimentaria, competencia directa da Consellería de Sanidade. O grupo reiteraba a solicitude no mes de setembro, obtendo novamente en novembro evasivas como resposta.

    Ourense en Común solicitaba esta mañá a mediación da Valedora do pobo para ter acceso á documentación solicitada, co fin de executar correctamente a súa labor fiscalizadora e de protección dos dereitos das veciñas e veciños de Ourense.

    Os datos requiridos, contrastados co resto de documentación coa que conta o Concello e os propios libros de rexistro do matadoiro, permitirían poñer luz sobre as graves sospeitas de irregularidades na xestión da empresa concesionaria.

    Tras cinco reunións, a comisión municipal constituída no pasado mes de marzo a petición de Ourense en Común para investigar as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro, continúa sen esclarecer os motivos polos que existen desaxustes entre os datos de control sanitario e os partes entregados ao concello pola xerencia, e incongruencias nas liquidacións das taxas que a empresa paga como canon á  administración municipal.

    No curso da comisión, contrastando o libro de rexistro do matadoiro e a documentación que éste aporta ao Concello, Ourense en Común evidenciou desfases no reconto de cabezas de gando que a concesionaria declara para o pago de taxas, unha cuestión que podería esclarecerse coa documentación que nega a Consellería.

    A empresa atópase actualmente prestando o servizo de xeito prorrogado, despois de que o anterior Goberno municipal acordase en 2013 manter esta xestión privada; unha prórroga que se realizou con informes xurídicos que xa daquela cuestionaban a súa idoneidade.

As propostas de Ourense en Común en materia fiscal serán realidade na ordenanza do IBI

As propostas de Ourense en Común en materia fiscal serán realidade na ordenanza do IBI

•    As melloras presentadas polo grupo en novembro facilitarán unha xestión máis equitativa do Imposto sobre Bens Inmobles na cidade.
•    O terceiro grupo da oposición foi o único que presentou emendas á ordenanza.
•    O goberno do PP culpabiliza ao seu propio partido de limitar a súa capacidade de acción.

    Esta mañá os diferentes grupos municipais mantiñan unha xuntanza de traballo coa concelleira responsable en materia de facenda e recadación do Concello de Ourense, Ana Morenza, na que se informaba da intención do Partido Popular de acometer unha reforma fiscal modificando as diferentes ordenanzas reguladoras de impostos municipais.

    Na primeira acción, o equipo de goberno pretende comezar por unha rebaixa no Imposto sobre Bens Inmobles, unha ordenanza á que só Ourense en Común presentou emendas, que foron aceptadas na súa maioría segundo informan os servizos técnicos do Concello, e que por tanto serán recollidas na nova ordenanza.

    Deste xeito, o grupo minoritario da corporación é quen de plasmar nunha ordenanza a súa política fiscal, confírmándose o seu traballo en positivo desde a oposición, defendendo as necesidades da veciñanza e conseguindo chegar a acordos que van favorecer un financiamento municipal máis ético e sustentable para todas as veciñas.

    As emendas que o grupo propuña no mes de novembro servirán para mellorar esta ordenanza con mecanismos de crédito xustos, desenvolvendo unha política fiscal equitativa, na que prime o social, incluíndo bonificacións, cotas progresivas en función da renda ou facilidades no pago do imposto.

Lei Montoro

    A propósito da reforma fiscal integral que se pretende levar cara adiante en 2017, novamente o equipo de goberno do Partido Popular no Concello de Ourense culpabiliza da súa impotencia á coñecida como Lei Montoro e ao Teito de Gasto, normas ideadas polo seu propio partido. Porén non é quen de solicitarlle formalmente e ao seu grupo en Madrid unha modificación da mesma, como Ourense en Común solicitaba en pleno no pasado.

    Queda pois esta reforma fiscal pendente dunha nova xuntanza na que se definan as posibilidades reais de regatear esta regra de gasto, que non fai máis que provocar que todas as veciñas de Ourense sufran as consecuencias dos despilfarros doutros concellos gobernados polo propio PP, como é o caso de Valencia, ou doutros culpables en boa medida de que esta norma inxusta e nada equitativa estea hoxe enriba da mesa.

Ourense en Común e o Grupo Municipal Socialista defenderán no pleno a creación dun Centro Terapéutico e Ocupacional en Ourense

Ourense en Común e o Grupo Municipal Socialista defenderán no pleno a creación dun Centro Terapéutico e Ocupacional en Ourense

•    Os grupos trasladan ao pleno as demandas da Plataforma PROCAPD, constituída por pais e nais de nenos con diversidade funcional da provincia.
•    Ourense é a única provincia galega que non conta aínda cun centro para a atención a persoas con diversidade funcional a partir dos 21 anos.
•    O Partido Popular incumpre o comprometido en campaña electoral.

    Ourense en Común e o Grupo Socialista rexistraban esta mañá unha moción conxunta, en defensa dun Centro público de Atención a Persoas con Diversidade Funcional. Con esta iniciativa, os grupos trasladarán ao pleno a decepción e malestar da Plataforma PROCAPD tras coñecerse as intencións da Xunta de ofrecer “unha dotación que nin é un centro de atención integral, nin cumpre os mínimos esixibles para un coidado digno das persoas con diversidade funcional desta provincia”.

    O proxecto exposto á Plataforma desde a actual Consellería de Política Social, está moi lonxe do compromiso asinado por todos os partidos (PP, PSOE, BNG, EN MAREA, DO) o pasado 19 de setembro de 2016, que falaba da construción dun centro de atención terapéutica e ocupacional, público e de xestión pública, e que integrase centro residencial, centro de día e prazas de respiro familiar.

    Segundo os planos presentados, o centro que plantexa a Xunta non contaría coas prazas comprometidas e ademais carece de servizos básicos como cociña ou lavandería, polo que difícilmente vai poder ser xestionado sen derivar servizos á xestión privada, imposibilitando a xestión pública, que tamén estaba comprometida.

    Os grupos buscarán o acordo firme da corporación para esixir á Xunta que asuma o seu compromiso, e que a nosa provincia se equipare ao resto de Galicia, xa que a día de hoxe Ourense é a única provincia que non está dotada cun centro de estas características.

    A Plataforma, que xa recollía o pasado ano 50.000 sinaturas de apoio, mobilízase estes días na rúa, con mesas informativas que percorrerán a cidade de Ourense chamando á cidadanía a unirse á mobilización convocada para o vindeiro 2 de febreiro en defensa do centro.

Ourense en Común apoia e chama á mobilización para dicir NON ao CETA

Ourense en Común apoia e chama á mobilización para dicir NON ao CETA

•    A mobilización percorrerá desde as 12h do sábado as rúas de Ourense, desde a Subdelegación do Goberno ata a Praza Maior.
•    Máis de 30 cidades no territorio español e outras tantas a nivel europeo mobilizaranse simultáneamente nunha xornada de acción global contra o tratado.
•    O acordo entre a UE e Canadá resta dereitos e liberdades da cidadanía para incrementar os privilexios das grandes empresas .

    Ourense en Común apoiará o sábado a mobilización contra o CETA, promovida pola Plataforma Cidadá de Ourense Non ao TTIP, o Sindicato Labrego Galego e a organización ecoloxista Amigos da Terra, e chama á participación de todos os ourensáns para demandar ao Parlamento Europeo que vote “non” a este acordo comercial entre a UE e Canadá, que establece as bases para a privatización definitiva dos bens comúns e os servizos públicos, a substracción da soberanía popular, o sometemento de institucións e marcos lexislativos e, en definitiva, a submisión dos dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns aos intereses particulares das grandes multinacionais.

    O CETA, que será votado previsiblemente o próximo 24 de xaneiro na Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento Europeo, porá en perigo o emprego, o sector agrícola, os servizos públicos, o consumo, a saúde pública e o medio ambiente; o tratado condicionará as leis polas que nos rexemos, que serán modificadas sen ser obxecto de debate nin asentimento por parte dos parlamentos estatais nin da sociedade civil.

    “En Ourense en Común entendemos o comercio e o investimento como contribucións ao ben común, seguindo criterios de xustiza social, económica e ecolóxica; criterios que non se están aplicando no desenvolvemento deste acordo. Asemade, a ausencia de transparencia coa que se están a negociar, vulnera de maneira flagrante o dereito da cidadanía e dos gobernos de ser informados e consultados sobre esta lexislación, que afectará de xeito directo nas políticas locais, e representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos básicos dos cidadáns.

    Este sábado 21 de xaneiro, nunha Xornada de Acción Global, a cidadanía mobilizarase simultáneamente en máis de 30 cidades españolas e outras tantas europeas en contra deste acordo. OUeC chama á participación na manifestación que en Ourense partirá ás 12h da mañá desde a Subdelegación do Goberno ata a Praza Maior.

Ourense en Común prepara unha moción para a recuperación do mosteiro de Santa Comba de Naves

Ourense en Común prepara unha moción para a recuperación do mosteiro de Santa Comba de Naves

• O grupo convida á reflexión sobre os recursos turísticos e patrimoniais que o Concello mantén abandonados.
• Recuperar este ben engadiría valor á rica oferta turística da cidade presentada hoxe en FITUR.

    Martiño X. Vázquez e Miguel Doval visitaban hoxe o Mosteiro de Santa Comba de Naves, en Palmés, un recurso turístico de primeira división abandonado polas administracións.

    Se no pleno de xaneiro o grupo recollía a reivindicación histórica de devolver a Ponte Codesal ao barrio do Polvorín, como recurso engadido á recuperación do Barbaña, para o pleno de febreiro prepara xa unha moción na que solicitará a recuperación e posta en valor deste referente.

    OUeC apoia e considera positiva a campaña lanzada polo Concello en Fitur, entendendo o turismo como un dos motores da economía local, aínda que convida á reflexión sobre o noso patrimonio e recursos que, como este, fican infravalorados e abandonados.

Estrea en Ourense do documental “Metamorphosis”

Estrea en Ourense do documental “Metamorphosis”

•   O traballo proxectarase mañá martes, ás 20h, no Espazo en Común das Burgas.
•   O filme retrata o cambio político impulsado polos colectivos cidadáns.
•  Ourense en Común participou na campaña de micromecenado para facer posible a distribución do documental.

    O Espazo en Común das Burgas inicia mañá un ciclo audiovisual no que pretende convidar á reflexión sobre a revolución municipalista de 2015.

    Na cita deste martes, proxectarase por vez primeira en Ourense o documental “Metamorphosis(Manuel Pérez Cáceres, 2016), que narra a historia de éxito de Barcelona En Comú e analiza a incorporación dos movementos sociais e veciñais ao ámbito institucional.

    A través dos ollos de Laia Forné, o traballo retrata o cambio irreversible no xeito de facer política, máis cotiá, humana e impulsada desde colectivos cidadáns, reflexionando sobre as dificultades e retos que a xente da rúa debe afrontar para chegar ás institucións, e recollendo a evolución do empoderamento da cidadanía, que culminou nunha vitoria histórica o 24 de maio de 2015.

    Ourense en Común participou como mecenas deste traballo, colaborando na campaña de crowdfunding que a produtora lanzou na plataforma Verkami o pasado ano, para contribuír a financiar a distribución do documental, proxectado xa con grande éxito en algunas das citas cinematográficas máis consolidadas do país, como o Festival de Málaga ou o Docs Barcelona.

    “Metamorphosis” proxectarase mañá martes 17 de xaneiro ás 20h no Espazo en Común das Burgas, con entrada de balde para todas aquelas persoas que desexen asistir.

    Para o mes de febreiro, o Espazo programa xa unha nova proxección coa mesma temática municipalista, desta volta dende os ollos de Ada Colau Ballano no documental “Alcaldesa (Pau Faus, 2016).

Ourense en Común chamará á confluencia de persoas e organizacións coa vista posta nas municipais 2019

Ourense en Común chamará á confluencia de persoas e organizacións coa vista posta nas municipais 2019

•   Máis de medio centenar de veciñas participaron na xornada anual Repensar OUeC.
•   O grupo reforzará os seus mecanismos para incentivar unha maior participación de veciñas e entes sociais e políticos da cidade.
•   Oito horas de reflexión conxunta ocuparon o encontro de traballo que se celebraba por segundo ano consecutivo.

    Por segundo ano consecutivo nestas datas, Ourense en Común celebraba este domingo a xornada RePensar OUeC, na que a organización avaliou o estado do proceso municipalista, redefiniu documentos, e comezou a trazar a folla de ruta cara ao horizonte das municipais de 2019.

    Máis de medio centenar de veciñas pasaron polo Espazo en Común das Burgas ao longo das oito horas que ocuparon o encontro, no que en quendas de intervención abertas, as asistentes aportaron as súas inquedanzas e propostas para optimizar o traballo da organización municipalista.

    Froito da xuntanza, o grupo consensuou a súa liña de traballo para os próximos anos:

    Documentos como a declaración de principios, a estrutura organizativa da formación ou o protocolo de entrada á mesma, foron revisadas para favorecer unha maior participación da veciñanza, creando novos mecanismos que faciliten que máis colectivos veciñais, asociacións locais, movementos sociais e axentes individuais poidan xenerar as súas propias demandas e procurar solucións de cara a mudar as políticas municipais, para que a institución poña de verdade algún día os seus recursos ao servizo do ben común. O grupo mantén así a súa liña de traballo participativa, a partir da “que a construción do Ourense que queremos sexa cousa de toda a cidadanía, nun proceso vivo, permanente e sustentable no tempo”.

    A mesma intención de reforzar a apertura e incentivar a participación estivo tamén presente no tocante á folla de ruta de cara á vindeira cita electoral, para a que a formación iniciará próximamente unha rolda de contactos nos que tenderá a man a outros entes políticos, buscando unha confluencia plural e forte que poida aglutinar ao maior número de sensibilidades, xenerando un movemento de cambio real, que sexa quen de gañar Ourense en 2019, facendo fronte á ineficacia e á parálise do actual equipo de goberno da cidade.

    Nesta xornada dominical foron tamén revisados outros documentos, como a carta de compromiso, o código de ética política e o de boa gobernanza, procurando velar polos intereses e os principios do grupo.

Ourense en Común defende tres mocións no pleno, que votará tamén a solicitude do grupo para a comparecencia de Jose Araujo

Ourense en Común defende tres mocións no pleno, que votará tamén a solicitude do grupo para a comparecencia de Jose Araujo

•    A reapertura do Museo Arqueolóxico volve á sesión plenaria tras ser bloqueada o mes pasado polo Partido Popular.
•    OUeC defenderá ás traballadoras da limpeza de dependencias municipais e proporá o traslado da Ponte Codesal á súa ubicación orixinaria no Polvorín.
•    O grupo presentou sendas emendas a mocións do PP e o PSOE.

    Adiada desde hai máis de 9 meses polo Partido Popular, que faltou á legalidade e á transparencia, finalmente mañá chega ao pleno a solicitude de OUeC para que Jose Araujo dea explicacións por un posible caso de enchufismo. Previsiblemente, a corporación aprobará na sesión de mañá a celebración da comparecencia, que pasará logo á Xunta de Portavoces para definir o formato da mesma e os tempos e quendas de cada grupo. Será a primeira vez na historia recente do Concello de Ourense en que un edil con responsabilidades de goberno estará obrigado a dar explicacións públicas sobre a súa xestión.

    Ourense en Común defende ademáis tres mocións na sesión plenaria deste venres. A primeira delas, para a reapertura do Museo Arqueolóxico Provincial, chega por segundo mes consecutivo ao pleno, despois de que na sesión de decembro o Partido Popular a frustrara, retirándose da orde do día e non chegando a debatirse. “Estes 16 anos co Arqueolóxico pechado son inadmisibles, temos 5.000 metros cadrados cheos de séculos da nosa historia ocultos á cidadanía”.

    A segunda moción do grupo abrirá o debate para a recuperación e traslado da coñecida como Ponte Codesal, orixinalmente emprazada no Polvorín, que actualmente está abandonada no Regato do Porto, en Beiro. A moción defende o valor etnográfico da ponte, trasladando unha demanda histórica da veciñanza do Polvorín.

    A terceira moción aborda a situación do servizo de limpeza de dependencias municipais, na que as traballadoras son novamente as vítimas da falta de previsión do Partido Popular, que mantén o servizo en precario desde o pasado mes de abril pese aos reiterados avisos da empresa responsable, que finalizará o 31 de xaneiro a prestación. Ourense en Común solicitará garantías para a continuidade do servizo máis alá desa data, respectando as condicións laborais das traballadoras, e que o novo prego de contratación sexa consensuado coas representantes das traballadoras, incluindo clausulas estratéxicas que eviten que estas situación podan repetirse.

    Ourense en Común presentou unha emenda de adición á terceira moción que en máis de ano e medio de goberno leva a pleno o Partido Popular, neste caso referida á execución da variante ferroviaria exterior de Ourense. Desde OUeC apuntan a que “se concordamos na petición da variante exterior, deamos un paso máis e comecemos a traballar na transformación da vía que quedará libre, abrindo o debate e establecendo unha axenda propia cara a outro modelo de cidade, que suture a fenda que supón o actual trazado”. O grupo engade precisamente esa cuestión aos acordos a votar na moción, solicitando que o goberno municipal convoque á maior brevidade posible a comisión de impulso e seguimento da integración urbana do AVE na cidade, fixando como prioridade a apertura dunha campaña de participación e sensibilización co fin de informar e recoller propostas e solucións para os futuros espazos ferroviarios en desuso, nomeadamente o denominado como Corredor Liberado.

    O grupo tamén presentou unha emenda, neste caso de substitución, á moción do grupo socialista para a Implantación dun Tranvía Urbano na cidade, unha moción na que o PSOE toma como referencia exemplos como o de Málaga, onde o tranvía xenera un déficit de 800.000 euros anuais, ou o de Jaén, co servizo paralizado por precisar un mantemento insustentable para as arcas do municipio. Ourense en Común solicitará nesta moción que se recupere o modelo de traballo da Mesa Municipal de Mobilidade, que revise e implemente de forma participada o Plan Estratéxico de Mobilidade Urbana Sustentable para a nosa cidade.