A comisión de pleno aproba a solicitude de OUeC para que Jose Araujo dea explicacións por un posible caso de enchufismo

A comisión de pleno aproba a solicitude de OUeC para que Jose Araujo dea explicacións por un posible caso de enchufismo

•  O Partido Popular faltou á legalidade e á transparencia adiando durante oito meses esta comparecencia.
•  Será a primeira vez na historia recente do Concello de Ourense en que un edil compareza para render contas sobre a súa xestión.

    Co único voto en contra do Partido Popular, esta mañá a comisión de pleno aprobaba a solicitude de Ourense en Común pola cal o concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, José Araújo Fernández, terá que comparecer ante a corporación para esclarecer un presunto caso de enchufismo.

    Perante a sospeita dun trato de favor do concelleiro cun familiar, Ourense en Común solicitaba no mes de abril a comparecencia do edil, ao amparo e tal e como o permite o Regulamento das Entidades Locais. Sen xudicializar a vida política, que “no fondo aumenta o descrédito das institucións”, Ourense en Común ofrecíalle entón a Jose Araujo a posibilidade de explicarse, aportar información, e esclarecer os feitos “se é certo que non ten nada que ocultar.

    Mais desde entón, o PP adiou durante oito meses a cuestión, con todo tipo de trabas e incluso ocultando a solicitude ao secretario municipal, “faltando á legalidade democrática, evidenciando unha total falta de transparencia e incumprindo un dereito que corresponde aos grupos da corporación. Se non houbo mala praxe, non se entende o por que de bloquear a comparecencia durante tanto tempo”.

    Tras ser aprobada esta mañá en comisión de pleno, a celebración da comparecencia someterase agora á votación do pleno, e pasará logo á Xunta de Portavoces, que definirán o formato da mesma e os tempos e quendas de cada grupo.

    Será a primeira vez na historia recente do Concello de Ourense en que un edil con responsabilidades de goberno estará obrigado a dar explicacións públicas sobre a súa xestión.

Ourense en Común leva novamente a pleno a reapertura do Arqueolóxico

Ourense en Común leva novamente a pleno a reapertura do Arqueolóxico

• O PP bloqueaba en decembro a moción de Ourense en Común, retirándose da orde do día da sesión plenaria.
• Concello e Deputación anunciaban no mes de novembro tres novos museos namentres o Arqueolóxico acumula quince anos pechado.

    Ourense en Común levará novamente a sesión plenaria a moción pola que defenderá a reapertura do Museo Arqueolóxico Provincial, que suma xa tres lustros pechado. 

    A moción, rexistrada de urxencia para o pleno de decembro, foi frustrada polo Partido Popular, que votaba daquela en contra de tal urxencia, retirándose da orde do día da sesión e, polo tanto, non chegando a debatirse. 

    Tras o anuncio a finais de novembro polo denominado Comité de Cooperación Deputación – Concello de Ourense de tres novos espazos museísticos, Ourense en Común cuestionaba a iniciativa por producirse namentres “se manteñen 5.000 metros cadrados cheos de séculos da historia de Ourense ocultos á cidadanía durante xa máis de quince anos”.

    Na moción, Ourense en Común instará ao goberno municipal a convocar a todos os grupos políticos da corporación, con presenza de técnicos municipais, para redefinir a proposta museográfica presentada en novembro, esixindo ademais un investimento digno nos Orzamentos de 2017 da Administración Xeral do Estado para o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que permita iniciar as obras de rehabilitación e a reapertura de portas deste espazo, “para garantir que a cultura, o patrimonio e a nosa historia estean ao alcance de todos os ourensáns e visitantes”.

A comisión de pleno decidirá se segue adiante a comparecencia de Jose Araujo solicitada por OUeC por un caso de nepotismo

A comisión de pleno decidirá se segue adiante a comparecencia de Jose Araujo solicitada por OUeC por un caso de nepotismo

•  O concelleiro do Partido Popular evita desde o mes de abril comparecer sobre un presunto trato de favor cun familiar.
•  Os votos de Democracia Ourensana e do Grupo Socialista definirán que a comparecencia se produza tal e como solicitou Ourense en Común en repetidas ocasións.
•  O Partido Popular quebrantou con este caso o procedemento establecido polo Regulamento das Entidades Locais.

    O próximo venres, os representantes dos diferentes grupos municipais decidirán en comisión de pleno se a comparecencia pendiente por un presunto caso de nepotismo do concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, D. José Araújo Fernández, se debaterá no pleno do mes de xaneiro.

    A comparecencia solicitada por Ourense en Común, e aprobada por unanimidade da oposición no mes de abril, establecía que o concelleiro esclarecera o acontecido nunha sesión monográfica na que respondera ás preguntas que tiveran a ben realizar calquera dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal e na que tivera a posibilidade de aportar datos e documentación sobre os feitos.

    Lonxe de seguir o Regulamento, o equipo do Partido Popular quebrantou ata día de hoxe o procedemento establecido polo Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, saltándose o acordo plenario durante oito meses, e evadindo dar explicacións reais sobre unha grave sospeita de nepotismo. “O PP mantén aberto o caso por non facilitar a información que se lle require”, apuntan desde Ourense en Común.

    De votar favorablemente os dous edís de Democracia Ourensana e o do Grupo Socialista que participan na comisión de pleno, a comparecencia someteriase á votación do pleno, e de ser aprobada, pasaría á Xunta de Portavoces, para definir o formato da mesma e os tempos e quendas de cada grupo.

    José Araújo Fernández tería así ocasión de dar explicacións sobre o presunto caso de nepotismo en deferencia co seu sobriño político, contratado primeiro como persoal temporal e despois como fixo na empresa concesionaria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos e urbanos do Concello; unha empresa que aínda que privada, depende da autorización da concellería de Medio Ambiente, que Araujo dirixe, para executar calquer variación nos postos e contratos da plantilla.

Ourense en Común pide ao goberno que o compromiso cos residuos sexa durante todo o ano

Ourense en Común pide ao goberno que o compromiso cos residuos sexa durante todo o ano

•  A temporalidade da campaña “Nadal Ecolóxico” evidencia o seu carácter propagandístico.
•  A administración é a primeira que ten que dar exemplo cara a un obxectivo “residuos cero” .
•  Recuperar a planta de compostaxe municipal poría en valor o lixo que máis pesa na bolsa.

    Sobre a campaña de Nadal Ecolóxico presentada hoxe polo Concelleiro de Medio Ambiente, Ourense en Común apuntaba esta mañá a que “é meramente propagandística tendo en conta a súa temporalidade só nas datas de Nadal”.

    Ourense en Común valora positivamente calquer campaña de concienciación medioambiental, mais apunta a que “este tipo de accións deberan facerse extensibles a todo o ano e co Concello como principal implicado. A administración é a primeira que ten que dar exemplo cara a un obxectivo “residuos cero” tal como marcan as directivas europeas, pero o mesmo goberno que hoxe presume de ecoloxía gasta anualmente unha tonelada en papel dun só uso, e estase plantexando gastar 1 millón de euros nos colectores soterrados para perpetuar un modelo deficiente na xestión de residuos”.

    A xestión do lixo é unha das competencias ambientais de maior impacto nun Concello, e a máis susceptible de xestión directa. Así a todo, a área continúa a estar en mans privadas e ata se converte en algo insostible. “O sistema Sogama, no que se sacrificou o aproveitamento de residuos a prol dunha incineradora, fai medrar o impacto ambiental e está a hipotecar o noso futuro”.

    Un Ourense máis limpo e ecolóxico debería pasar por recuperar e poñer en valor a planta de compostaxe municipal que podería dar solución ao lixo orgánico, o que máis pesa na nosa bolsa. Un Ourense máis limpo e ecolóxico debería apostar por un novo modelo de depósito, devolución e retorno, por recoller consideracións medioambientais nos procedementos de contratación municipal, por adaptar os puntos limpos para que funcionen como centros de asesoramento, educación e prevención, por favorecer a creación de empresas que recollan, reparen e/ou restauren mobles, electrodomésticos e outros aparellos, por incentivar ás empresas para o ecodeseño e a diminución dos envases de difícil separación ou apostar pola remunicipalización do servizo de recollida de lixo.
.

Ourense en Común únese ás mobilizacións da plataforma Nomascortesdeluz.org

Ourense en Común únese ás mobilizacións da plataforma Nomascortesdeluz.org

•  25 organizacións convocan un apagamento para mañá mércores, entre as 19 e as 20 horas.
•  En Ourense, unha manifestación percorrerá as rúas da cidade desde as 20h, entre a Praza Maior e as oficinas de Gas Natural Fenosa.
•  OUeC sacaba adiante no último pleno unha moción para erradicar a pobreza enerxética en Ourense, que afecta a máis do 20% dos fogares.

    Ourense en Común apoiará mañá a mobilización convocada pola plataforma Nomascortesdeluz.org para reivindicar a paralización dos cortes de subministros a familias sen recursos e reclamar medidas gubernamentais contra os abusos tarifarios das eléctricas.

    Desde o grupo apuntan que “é hora de que as administracións asuman a pobreza enerxética como o que é, un problema real cun impacto profundo na vida das persoas. Os recentes casos en Ourense do veciño que finou queimado, e o seu irmán ferido, ou o da anciá falecida en Reus polo lume non serán os últimos se non se toman medidas urxentes”. E é que, como ditamina o Comité Económico e Social Europeo, “a pobreza enerxética é unha nova prioridade social que necesita apoio a todos os niveis e hai que tela en conta á hora de elaborar calquera política enerxética, xa que mata física e socialmente”.

    Coincidindo co acendido do alumeado do Nadal nos últimos días de novembro, o grupo reivindicaba solucións a esta problemática nunha moción contra a pobreza enerxética que contou co apoio do PP e o PSOE, sendo aprobada no pleno ordinario do pasado 2 de decembro e pendiente de cumprimento. “Agardemos que o equipo de goberno asuma agora a súa responsabilidade e habilite mecanismos para garantir os dereitos básicos a todas as veciñas de Ourense e combater esta desigualdade, que afecta cada día a máis familias na cidade.”

    25 organizacións promoven mañá un apagamento entre as 19h e as 20h da tarde e mobilizacións en todo o país; en Ourense a manifestación comezará ás 20h na Praza Maior, para percorrer as rúas da cidade e rematar diante das oficinas de Gas Natural Fenosa.

    Ourense en Común chama á cidadanía a participar da iniciativa para reivindicar a paralización dos cortes de luz e subministros, e esixir ao Goberno que regule tarifas alcanzables e unha auténtica tarifa social para familias con baixos niveis de renda.

    As organizacións impulsoras da iniciativa son Facua, Alianza contra a Pobreza Enerxética, Amigos da Terra, Anticapitalistas, Asgeco, Attac, CCOO, CGT, Confederación Intersindical, Convocatoria Cívica, Democracia Real YA!, Ecoloxistas en Acción, Frente Cívico Somos Mayoría, Fundación Internacional de Derechos Humanos, Greenpeace, InspirAction, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), Plataforma Garanticemos las Pensiones, Plataforma por un Nuevo Modelo Energético, Red de Solidaridad Popular, Somos Izquierda, Somos Sindicalistas, UGT, Unccue, USO e WWF.

O Espazo en Común de Ourense acolle mañá a proxección de “Entreparadas”

O Espazo en Común de Ourense acolle mañá a proxección de “Entreparadas”

•   O documental proxectarase mañá martes, ás 20h30, no Espazo en Común (As Burgas, 8).
•   O traballo recolle unha viaxe nas liñas de transporte público de Ourense para reflexionar sobre a integración e a mobilidade.
•   Posterior á proxección haberá un coloquio con algunhas das protagonistas do filme.

    O Espazo en Común acollerá mañá a proxección do documental “Entreparadas”, xurdido do proxecto solidario do mesmo nome iniciado en 2013 en Ourense pola Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico P(A)T, co obxectivo de fomentar a mobilidade responsable, visualizar aos colectivos máis excluídos, favorecer a súa inserción fronte á discriminación, e fomentar a tolerancia e o respecto…

    Conxugando teatro e inclusión social, 16 persoas anónimas, con experiencias vitais únicas, convidan a pensar nunha cidade cívica e educadora e a reflexionar sobre a mobilidade, a convivencia, cara o respecto, pola igualdade e cara a tolerancia.

    O filme, de 62 minutos de metraxe, fixa a ollada en Jose, con parálise cerebral, e Felisa, inmigrante invidente, que comparten unha experiencia que marcará as súas vidas con outras persoas de diferentes colectivos (asociación contra o cancro, centro psiquiátrico, unidade de violencia de xénero, vítimas de accidentes de tráfico, aula municipal do maior, discapacitados de AIXIÑA, menores con medidas xudiciais e outros voluntarios/as).

    O traballo, que recolleu o premio á mellor película no VI Festival Internacional de Cine e Discapacidade de Collado Villalba -FECIDISCOVI-, foi dirixido polo boirense Toño Chouza, e contou con persoas de recoñecida experiencia, como Nico Casal e O Sonoro Maxín na banda sonora, e con María Liaño e Jorge Coira na produción.

    O documental proxectarase no Espazo en Común de Ourense (As Burgas, 8) este martes 20 de decembro ás 20h30, con entrada libre. Posterior á proxección, haberá un coloquio no que participarán varias das protagonistas.

Ourense en Común mantén a súa postura no caso dos colectores soterrados

Ourense en Común mantén a súa postura no caso dos colectores soterrados

•   O equipo de goberno continua adiando o problema sen definir unha solución.
•   OUeC contempla só dúas opción: a restauración completa con todas as garantías ou o selado definitivo para repensar a xestión de residuos no Concello.
•   Os colectores permanecen clausurados desde hai máis de 2 anos.

    Os grupos da corporación reuníanse esta mañá con representantes da consultora que realizou o estudo de solucións ao problema dos colectores soterrados na cidade, un servizo bloqueado desde hai máis de dous anos.

    Ourense en Común mantivo na xuntanza a visión que vén manifestando desde o pasado ano, entendendo que “a solución ao problema ten que contar con todas as garantías. Non podemos contemplar solucións intermedias sen que se cumpra a normativa en materia de seguridade”. Esta opción, cuxo custe chegaría ao millón de euros, para o grupo “sería desproporcionada, por destinar tal cantidade de diñeiro público ao medio e non ao fin en si mesmo, que é o modelo de recollida do lixo”. De non optar por unha reparación integral que inclúa a adaptación á normativa e a substitución dos colectores deficientes, “non imos asumir unha solución que non teña todas as garantías de seguridade para viandantes e traballadores; nese caso o axeitado sería clausurar un sistema que está obsoleto e repensar e mellorar o modelo de xestión de residuos no Concello”.

    Na reunión desta mañá, quedou patente a indefinición tanto do equipo do goberno como do Grupo Socialista, que “pretenden solucionar o problema sen apostar por ninguna das dúas alternativas que presenta a consultora, e sen propoñer outra vía de acción”. Namentres, Gonzalo Pérez Jácome de DO, aposta por unha opción que os propios auditores cuestionan, por non adaptarse á normativa e por engadir o risco de facer o problema recurrente nos próximos anos con elevados custes de mantemento.

    Ourense en Común esixe ao Partido Popular que se defina e aposte por unha opción ou outra, pero que deixe de adiar este problema ad æternum como está a facer desde que entrou no goberno da cidade.

Ourense en Común solicitará de urxencia unha xunta de portavoces a raíz das declaracións do ministro sobre a chegada do AVE a Ourense

Ourense en Común solicitará de urxencia unha xunta de portavoces a raíz das declaracións do ministro sobre a chegada do AVE a Ourense

•   Ourense en Común esixirá unha integración digna que garanta o mínimo impacto ambiental, social e patrimonial para Ourense.
•   O Ministro de Fomento equipara a maior oportunidade de desenvolvemento deste concello, co aforro de 4 minutos nunha viaxe.

    Ourense en Común solicitará unha xunta de portavoces urxente para que o alcalde explique e analice cos grupos da corporación as alarmantes declaracións coas que o Ministro de Fomento cuestionaba esta mañá a necesidade de construír os derradeiros quilómetros da Alta Velocidade en Galicia; quilómetros que afectan directamente ao trazado dentro do Concello de Ourense.

    “É tremendo que a análise da infraestrutura de maior peso no próximo século para o desenvolvemento desta cidade, sexa planteaxada polo Ministro como unha cuestión de 4 minutos nunha viaxe a Madrid. Estas declaracións evidencian o interese real do Partido Popular, que é únicamente que a Alta Velocidade pase por Ourense, independientemente das condicións e do seu impacto no Concello, cuestión que lles importan ben pouco”, apunta Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común.

    O grupo solicitará á primeira hora de mañá unha convocatoria urxente e extraordinaria para que os catro grupos tomen un posicionamento unánime e firme reivindicando ao Goberno Central “unha integración digna da Alta Velocidade no noso Concello, que respecte os valores ambientais e patrimoniais e reduza ao mínimo o impacto social na cidade”.

Ourense en Común adhírese ao expediente de honra a Benito Losada

Ourense en Común adhírese ao expediente de honra a Benito Losada

•    O grupo destaca o seu exemplar sentido da democracia e a horizontalidade.
•    OUeC reclama que se perpetue no Espazo Xove o modelo de xestión participado iniciado por Benito Losada.

    Ourense en Común adheriu a súa sinatura en apoio ao expediente de honra á figura de Benito Losada, destacando “o legado que deixou na cidade como dinamizador cultural, nun exercicio exemplar do sentido da democracia e a práctica da horizontalidade, que permitiron facer da Casa da Xuventude todo un referente de participación aberta”.

    O grupo entende o merecido recoñecemento ao precursor dun proxecto social que “marcou unha época na Casa da Xuventude cun trato aberto a todas as que querían facer cousas. Benito fixo da vontade popular o modelo de xestión da Casa”.

O actual Espazo Xove

    Ourense en Común lamenta a mala xestión da Xefatura Territorial da Consellería de Xuventude co rebautizado como Espazo Xove, que nos últimos anos viu esmorecer o nivel de actividade que fora tan importante na Casa grazas ao traballo de Benito Losada.

    “Ademais deste recoñecemento, sería axeitado un compromiso da Xunta para recuperar o espazo de socialización para mozos e mozas que este lugar constituiu durante 30 anos. Precísase unha vontade que non parece existir no Partido Popular, pero perpetuar o modelo de xestión e concordia iniciado por Benito Losada sería a mellor homenaxe que lle podemos render, e a que o propio Benito desexaría para o ben de todas”.

As concelleiras de Ourense en Común non participarán nos actos do día da Constitución

As concelleiras de Ourense en Común non participarán nos actos do día da Constitución

•    O grupo considera o modelo anticuado e incapaz de servir ao seu labor.
•    A Constitución precisa de reflexión, debate e reformulación.

    As tres concelleiras de Ourense en Común no Concello comunicaban esta mañá que se absterán de participar na celebración institucional do día da Constitución. “Non hai motivo para celebrar un marco normativo obsoleto, inoperativo e incapaz de servir aos cidadáns. Máis que celebración, a Constitución merece unha reformulación”.

    No 38º aniversario da Carta Magna, o grupo apunta a que “o contexto social e político actual é moi diferente ao da transición, e o marco xurídico non foi capaz de adaptarse aos novos tempos. O avance das liberdades, os dereitos fundamentais e a democracia mesma non poden estar limitados por un marco legal que se supón serve a este fin, pero está anticuado.

    O dereito ao traballo e a un salario suficiente (art.35), o dereito a unha vivenda digna (art.47), o dereito á asistencia e prestacións sociais suficientes en caso de necesidade (art.41), ou o dereito a un sistema tributario xusto e progresivo (art.31), entre outros moitos, “foron sistematicamente esmagados polas políticas duns e outros gobernos, chegándose a modificar a propia Constitución (art.135) antepoñendo a satisfacción de intereses privados do sector financeiro ao cumprimento do interese xeral”.

    “O modelo disposto na Constitución non é axeitado, a separación de poderes non é real e a soberanía do pobo non conta con canles de participación efectiva. Está probada ademáis a ineficacia política da monarquía e o Senado nestes case corenta anos de vixencia constitucional.

    Desde Ourense en Común, “cremos firmemente que é necesario abrir un novo proceso constituínte, unha reformulación en profundidade que conte cunha ampla participación social, de cara a elaborar unha nova Carta Magna que sirva efectivamente ao interese xeral e sexa capaz de garantir os dereitos e liberdades da cidadanía e os pobos que conviven en España por enriba de calquera interese particular.”

    Aínda recoñecendo que o réxime de dereitos e liberdades que trouxo a Constitución de 1978 foi moi positivo en termos democráticos e sociais, entendemos que “é inadmisible o proceso de “apropiación”que dela fixeron os grupos políticos que se alternaron no poder nestas décadas, que lonxe de adaptar o seu contido ás novas realidades e necesidades da cidadanía, utilizárona para o seu interese e como  arma arreboladiza contra calquera forma de expresión social, política ou cultural non coincidente cos seus postulados e posicionamentos”.

    Por todas estas razóns, Ourense en Común non celebrará mañá este día, e convida aos cidadáns a reflexionar e esixir unha reformulación da Carta Magna.