Ourense en Común defenderá o venres unha moción contra a Lei Mordaza

Ourense en Común defenderá o venres unha moción contra a Lei Mordaza

•    Esta Lei de Seguridade Cidadá “é unha ferramenta antidemocrática e de represión”.
•    Co voto en contra do PP, o Congreso daba onte un primeiro paso para a súa derogación.

   Ourense en Común rexistraba o pasado luns unha moción coa que o próximo venres, no pleno ordinario do mes de decembro, instará ao goberno municipal para que solicite ao novo executivo a derogación da chamada Lei Mordaza, “por ser unha ferramenta antidemocrática destinada a reprimir aos sectores sociais máis débiles.”

    A Lei de Seguridade Cidadá, unha das normas máis emblemáticas e polémicas da lexislatura da maioría absoluta do PP, a coñecida como Lei Mordaza, incide directa e negativamente no exercicio dos dereitos fundamentais das persoas.

    Ourense en Común denuncia na súa moción que “ademais de sufrir o escarnio da crise, acompañada da lacra do desemprego e o recorte paulatino dos nosos dereitos laborais e sociais, estamos a observar e padecer nas nosas carnes o deterioro das liberdades civís e o aumento da represión por parte dos poderes do Estado a través de leis coma esta, destinadas a aplacar a todo aquel ou aquela que ouse cuestionar este estado de cousas.”

    Unha iniciativa para dar marcha atrás a esta Lei era aprobada onte mesmo pola oposición no Congreso dos Deputados, aínda que sen implicar cambios legais, polo que “temos que seguir esixindo a súa retirada, tamén desde o local en tanto en canto incide nas competencias municipais, convertindo ás Policías Locais en órganos represivos”.

    A moción fai mención ao caso de Emilio David Cao Mota, veciño do Carballiño, que o 22 de marzo de 2014 participaba xunto a decenas de milleiros de persoas nunha manifestación pacífica e autorizada en Madrid, cando a policía cargou contra as mobilizadas, e o detivo xunto a outras 23 persoas. Acolléndose á Lei Mordaza, o Ministerio Fiscal solicita agora a pena de cinco anos e oito meses de prisión para Emilio por delitos que xamais cometeu.

    Ourense en Común participará o sábado na concentración convocada polas Marchas da Dignidade ás 12h na Praza Maior de Carballiño, en defensa do caso deste rapaz e dos milleiros de cidadáns que coma el, sofren a represión política, sindical ou de liberdade de expresión

Ourense en Común solicitará o compromiso do pleno para a erradicación da pobreza enerxética no Concello

Ourense en Común solicitará o compromiso do pleno para a erradicación da pobreza enerxética no Concello

•    Evitar os cortes de subministros e mellorar a ordenanza para a atención de necesidades sociais, claves da moción
•    Máis do 23% de fogares en Ourense viven por debaixo do limiar da pobreza.
•    Entre 200 e 600 persoas morren prematuramente en Galicia asociadas á pobreza enerxética
•    OUeC lamenta que o goberno municipal non asista ao Congreso Nacional do Medio Ambiente onde se abordan esta e outras problemáticas candentes en Ourense.

        Ourense en Común rexistraba onte unha moción de cara ao próximo pleno ordinario deste venres, para a implementación de medidas urxentes na erradicación da pobreza enerxética no Concello de Ourense.

        “A pobreza enerxética mantense nun segundo plano por afectar a tarefas domésticas, socialmente aínda pouco valoradas, pero esenciais para o desenvolvemento integral das persoas (alimentación, educación, hixiene, coidado, etc.). É hora de que as administracións o asuman como o que é, un problema real cun impacto profundo na vida das persoas e que pode influenciar na súa esperanza de vida e no agravamento de enfermidades crónicas. O recente caso da anciá falecida en Reus non será o último se non se toman medidas urxentes”. E é que, como ditamina o Comité Económico e Social Europeo, “a pobreza enerxética é unha nova prioridade social que necesita apoio a todos os niveis e hai que tela en conta á hora de elaborar calquera política enerxética, xa que mata física e socialmente”.

       Sobre estas premisas, o grupo buscará o consenso da corporación para garantir os dereitos básicos a todas as veciñas de Ourense e combater esta desigualdade, que en moitos casos non chega aos Servizos Sociais pero afecta cada día a máis familias na cidade.

        Ourense en Común defenderá con esta moción que se eviten os curtes dos subministros, instando ao goberno a adoptar os convenios oportunos coas empresas subministradoras, de xeito que estas se comprometan a cumprir un principio de precaución que permita evitar os cortes en situacións de vulnerabilidade, informando ademais ao Concello periodicamente do número de usuarios en situación de falta de pagamento, así como dos cortes realizados.

        A moción solicita tamén que sexa actualizada a Ordenanza Reguladora de Axudas Económicas para a atención de necesidades sociais, co fin de emendar a tipoloxía e contía das axudas, os requisitos das solicitantes, e para que se recollan as singularidades e necesidades derivadas da citada pobreza enerxética.

        Coincidindo co acendido do alumeado do Nadal na cidade, o grupo apuntaba hoxe que “a realidade que se acende son as luces para o consumismo, namentres o PP ignora as sombras que persisten nos fogares de familias dun Ourense invisible e silencioso que sofre os cortes de luz.

        A Rede Galega contra a Pobreza-EAPN-Galicia estimaba en 2013 nun 23.2% a taxa de persoas en situación de pobreza no Concello Ourense, a máis alta de Galicia; unha cifra que se incrementou ata hoxe nun 22% máis, segundo o recente informe “Pobreza, vulnerabilidade e desigualdade enerxética” publicado o pasado mes de abril pola Asociación de Ciencias Ambientais (ACA).

        As posibles solucións á pobreza enerxética en ámbitos urbáns abordábanse onte no marco do Congreso Nacional do Medio Ambiente (CONAMA) que se está a celebrar en Madrid ata o próximo xoves. Desde Ourense en Común “lamentamos que non haxa asistencia neste congreso de ningún membro do equipo de goberno de Jesús Vázquez, que de seguro poderían tomar boa nota en cuestións de eficiencia enerxética, mobilidade, renovación urbana ou xestión de residuos, problemáticas candentes en Ourense”.

Ourense en Común solicitará melloras na organización da Policía Local

Ourense en Común solicitará melloras na organización da Policía Local

•    As quendas horarias do corpo incumpren a directiva europea.
•    A precariedade na dotación de persoal agudízase por adicar un 35% dos efectivos a labores de oficina que poderían cubrirse con outro tipo de funcionarios.
•    A presenza dos axentes no guindastre merma a atención cidadá, e alonga o tempo de espera para atender situacións de emerxencia.

        Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción de cara ao pleno do próximo venres, no que buscará o consenso da corporación para que se implementen melloras na organización do corpo da Policía Local, entendendo que “o servizo está infradotado e sen maximizar os poucos recursos cos que conta, cuestións que perxudican a todas as persoas, empezando polos propios policías e rematando por calquera veciño ou veciña do Concello de Ourense.

        Catro puntos fundamentais vertebran a moción, na que o grupo expón as diferentes problemáticas derivadas da deficiente organización no servizo:

       – O reparto nos turnos de traballo, incumpre a directiva europea de 2003 e atenta gravemente contra a normativa básica de seguridade no traballo e coa propia seguridade da cidadanía de Ourense. O grupo denuncia que este cuadrante chamado “Turno africano” úsase ademáis como medida conductivista onde se premia ou castiga a unhas traballadoras fronte a outras, segundo goces dun maior favor na xefatura e cos mandos superiores.

        – A situación de precariedade no relativo á dotación de persoal que acusa a Policía Local, orixina realidades pouco desexables, como as patrullas unipersoais, creando unha situación de inseguridade para os efectivos e supoñendo unha imprudencia contraria á lei de Forzas e Corpos de Seguridade.

        – Ao redor dun 35% dos efectivos realizan tarefas de oficina dentro da xefatura, que poderían ser feitas por outro tipo de funcionarios “non policías”, polo que non se están aproveitando realmente todos os recursos existentes.

        – Ourense en Común apunta como “mala praxe” a presenza dos axentes no guindastre, que aínda que dependente dunha concesión municipal, non deixa de ser un vehículo dunha empresa privada. Esta cuestión merma a atención cidadá, e o tempo de espera para atender situacións de emerxencia alárgase porque os axentes que van nestes vehículos deben ir ao depósito para levar os coches, perdendo aproximadamente 50 minutos.

        Con esta moción, Ourense en Común instará ao goberno municipal para que se leve a cabo unha maximización de recursos, implementando criterios obxectivos na asignación de servizos e modificando os turnos segundo o establecido na normativa europea.

        A moción votarase no pleno ordinario do mes de decembro, o vindeiro venres 2.

Ourense en Común presenta unha emenda á totalidade do Regulamento de Provisión de postos de traballo

Ourense en Común presenta unha emenda á totalidade do Regulamento de Provisión de postos de traballo

•    Coa RPT paralizada, o PP lanzou este borrador e o concurso de 14 xefaturas de servizo.
•    O proceder desordenado no Servizo de Persoal xenera incongruencias no regulamento.
•    O grupo cuestiona a subxectividade e arbitrariedade que establece o texto para a valoración das aspirantes.

        Dentro dos dez días que marca o prazo de enmenda do Proxecto de Regulamento de Provisión de postos de traballo e situacións administrativas, Ourense en Común presentaba esta mañá unha emenda á totalidade do borrador presentado polo equipo de goberno.

        A orde no proceder nos últimos tempos do Servizo de Persoal xenera dúbidas xa que, sen rematar a tremenda labor da RPT, aparecen agora as bases para o concurso específico de 14 Xefaturas de Servizo e este borrador.

        “Esta orde non responde a unha cronoloxía lóxica, que sería rematar a Relación de Postos de Traballo, artellar un regulamento para a provisión desos postos, e finalmente realizar as bases para as xefaturas concordando co regulamento”. Este proceder desordenado xenera incongruencias entre o establecido no borrador do regulamento e as bases das Xefaturas de Servizo, con diferencias substanciais na baremación.

        Ourense en Común apunta tamén que o borrador interpreta incorrectamente o establecido na lexislación, polo que en moitas cuestións non se axusta á lei. Ademáis, o proxecto adéntrase a tratar temas relativos ao Acordo Regulador, podendo levar a contradicións entre as dúas disposicións normativas.

        Na cuestión relativa á baremación de méritos, Ourense en Común critica que a imparcialidade é cuestionable nos procesos de valoración das aspirantes, outorgando vantaxes e primando a subxectividade fronte a métodos obxectivos de avaliación”.

Ourense en Común reclama a comparecencia pendente do edil popular José Araujo

Ourense en Común reclama a comparecencia pendente do edil popular José Araujo

•    Hai sete meses que Araujo elude dar explicacións sobre un presunto caso de nepotismo.
•    O PP quebranta o acordo do pleno e o Regulamento das Entidades Locais.
•    Cinco preguntas formuladas por OUeC ao concelleiro agardan resposta desde maio.

        Ourense en Común rexistraba esta mañá unha solicitude para que o Concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente D. José Araujo Fernández compareza co fin de dar as explicacións que tén pendentes sobre o presunto trato de favor a un familiar, na contratación deste para a empresa Ecourense.

        O sobriño político do edil popular foi contratado, primeiro como persoal temporal e despois como fixo, na empresa Ecourense, concesionaria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos e urbanos do Concello, que aínda que privada, depende da autorización da concellería de Medio Ambiente, que Araujo dirixe, para executar calquer variación nos postos e contratos da plantilla.

        “O Partido Popular evade dar explicacións reais sobre a sospeita de nepotismo que pesa sobre este concelleiro, ignorando un acordo plenario e incumprindo o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais”.

        No pleno de abril, o acordo unánime de todos os grupos da oposición establecía que José Araujo realizase unha comparecencia monográfica, aberta ás preguntas que tiveran a ben realizar calquera dos edís da corporación, e na que o implicado aportase documentación e datos que esclareceran os feitos.

        Un mes máis tarde, incumprindo tal acordo e violando o procedemento establecido polo Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, o PP agochaba no pleno de maio unha “falsa comparecencia”, na que o implicado non aportou ninguna información; Ourense en Común aproveitaba a ocasión para formular cinco preguntas que “ata día de hoxe non foron contestadas, nin naquel pleno, nin por escrito”.

        Ourense en Común solicitaba novamente no mes de xullo unha comparecencia real e axustada ao tenor dos artigos do Regulamento, que tampouco foi tida en conta, polo que esta mañá retomaba o requirimento. O PP mantén aberto o caso por non facilitar a información que se lle require”.

Ourense acolle a presentación de ‘Camilo, o último guerrilleiro de Galicia’

Ourense acolle a presentación de ‘Camilo, o último guerrilleiro de Galicia’

•    O documental proxectarase mañá martes, ás 20h, no Espazo en Común (As Burgas, 8).
•    Camilo de Dios é a última testemuña viva en Galicia da guerrilla antifranquista.
•    O traballo recupera a historia de milleiros de homes e mulleres que loitaron pola xustiza e a liberdade.

    O Espazo en Común acollerá mañá a presentación en Ourense do documental “Camilo, o último guerrilleiro de Galicia” que recolle o testemuño vivo de Camilo de Dios, de 84 anos e residente na actualidade en Sandiás, que se integrou na guerrilla con 15 anos e sobreviviu á fame, á miseria e ás malleiras, ás vexacións e humillacións á súa familia tras o estalido da Guerra Civil, e á incerteza durante máis de seis décadas de non saber onde xacía o corpo do seu irmán, abatido en maio de 1950.

    A través da historia de Camilo, o traballo recupera a memoria da guerrilla antifranquista, dando voz a aquelas e aqueles que coma el, arriscaron todo pola xustiza e a liberdade.

    Este documental, preestreado a finais de outubro en Xinzo de Limia, é o traballo de Fin de Grao realizado por catro alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña -Alba Sánchez (produtora), Juan Pirola (director de fotografía), Miguel García (guionista) e Pedro Iglesias (deseño web e gráfico)- sendo cualificado como sobresaínte polo equipo avaliador.

    Un ano e medio de traballo, 2 semanas de rodaxe e horas e horas de charla, materializados agora nesta peza de 50 minutos que os responsables presentarán por primeira vez en Ourense mañá martes, 15 de novembro, no Espazo en Común (As Burgas, 8).

Ourense en Común aposta por reforzar a labor conxunta da oposición fronte a un goberno que non dialoga

Ourense en Común aposta por reforzar a labor conxunta da oposición fronte a un goberno que non dialoga

•    OUeC, PSOE e DO estableceron un calendario de traballo co que facer fronte ao bloqueo da cidade.

   Ourense en Común acudía esta tarde a unha reunión co resto de grupos na oposición da Corporación Municipal –Democracia Ourensana e PSOE- para avaliar o estado do Concello de Ourense.

    Os tres grupos compartiron na xuntanza unha diagnose negativa do goberno do Partido Popular, que non quere dialogar aínda estando en minoría, e mantén por tanto bloqueada a cidade.

    Na reunión plantexouse a idea de trazar unha estratexia conxunta de oposición para o que os grupos estableceron xa un calendario de traballo, sobre o que se volverán reunir nas próximas semanas co fin de avaliar por diferentes áreas as necesidades que o goberno popular debe asumir e así poder establecer unha oposición forte que sexa quen de presionar ao goberno a solucionar as deficiencias que tén a cidade.

    Perante unha eventual moción de censura, Ourense en Común mantense fiel ao seu Código de Bo Goberno e explica que “imos alí a onde nos chaman para falar sobre decisións que poden afectar ao noso municipio, agora ben, non participaremos nesta lexislatura dun goberno de coalición. De darse esa moción, o noso voto estaría condicionado ao modelo de cidade e de xestión proposto. Porque o importante non é quen é alcalde, senón para que”.

Ourense en Común presenta 8 melloras para unha xestión máis equitativa do IBI na cidade

Ourense en Común presenta 8 melloras para unha xestión máis equitativa do IBI na cidade

•    Facilitar as posibilidades de pago e bonificar as cotas a persoas coas rendas máis baixas son algunhas das propostas do grupo municipal
•    Emprendedores, instalacións sustentables e familias numerosas poderían tamén beneficiarse de rebaixas no Imposto sobre Bens Inmobles.
•    Ourense é a capital de provincia galega coa cota media máis alta neste imposto.

    Mantendo a liña de traballo do programa electoral co que concorría ás eleccións de xuño de 2015, Ourense en Común presentaba esta mañá 8 emendas á Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles –IBI- para o ano 2017, en defensa dun financiamento municipal máis ético e sustentable para todas as veciñas.

    O grupo propón mellorar esta ordenanza con mecanismos de crédito xustos e desenvolvendo unha política fiscal progresiva e equitativa, na que prime o social. Así, as 3 emendas de adición e as 5 de substitución rexistradas esta mañá polo grupo, pretenden mellorar o borrador elaborado polo equipo de goberno.

BONIFICACIÓN FISCAL

    Tal e como permite a Lei Reguladora das Facendas Locais, Ourense en Común propón nas súas emendas que se bonifique ata o 95% da cota do IBI a inmobles que acollan proxectos de emprendemento e creación de emprego local, e ata o 50% en inmobles que teñan instalados sistemas de aproveitamento térmico e eléctrico. “É necesario que o Concello tome todas as medidas posibles para paliar os datos de desemprego -25% no último trimestre- e premiar o uso de enerxías sustentables cara a un modelo de cidade futuro”, defende Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo.

    Coa mesma premisa de xustiza social, Ourense en Común apoia a bonificación do 50% do IBI en vivendas de protección oficial, extendéndoa desde os 3 ata os 7 periodos impositivos seguintes, xa que “estas vivendas van anexadas a unha situación económica e social problemática”. Pola contra, o grupo propón reducir ata o 50% a bonificación do 90% que o Partido Popular establece para aquelas empresas que teñen como actividade a construción e promoción inmobiliaria.

    O grupo propón tamén establecer unha progresividade fiscal en función da renda na bonificación a familias numerosas, que oscila entre o 50% e o 90%.

FACILIDADES DE PAGO

    Ourense en Común suxire nas súas emendas aumentar do 1% ao 3% a bonificación por domiciliación do pago, xa que “a xestión telemática aumenta a dilixencia municipal, evitando colas no servizo de recadación e no rexistro”. Propónse tamén a posibilidade de fraccionar en 2, 3 ou 5 prazos o pago, de xeito que se facilite a comodidade no desembolso a quen teña que facer fronte a este e outros recibos.

As emendas presentadas pasarán agora á valoración dos servizos técnicos municipais e posteriormente á seguinte comisión de pleno na que se tramite, co fin de aprobarse no pleno e someterse despois a exposición pública para a súa aprobación e entrada en vigor definitiva.

Ourense en Común defende a solidariedade e equidade coas demandas veciñais

Ourense en Común defende a solidariedade e equidade coas demandas veciñais

•    Varias asociacións non federadas quedarán fóra das actuacións aprobadas esta mañá.
•    O Concello acometerá obras que afectan a espazos de titularidade supramunicipal

    Ourense en Común optou pola abstención ante o expediente de modificación de crédito que esta mañá se votaba nun pleno extraordinario convocado polo equipo de goberno.

    O grupo defendía que “atender as peticións das veciñas é unha obriga diaria, establecendo prioridades e facendo as obras de xeito ordenado e paulatinamente cando corresponda”. Mais lonxe desta premisa, este expediente que o Partido Popular xa intentou colar no pleno ordinario do pasado venres, responde a unha vontade preferente de PP e PSOE para coas federacións Limiar e Miño, afíns a estes partidos, e “deixa ignoradas as peticións daquelas asociacións veciñais que non están adheridas a estas federacións. Por un principio de solidariedade e participación, debería facerse unha chamada aberta para que todos os veciños de Ourense puideran plantexar as necesidades que teñen nos seus barrios”, apuntaba Miguel Doval no transcurso da sesión plenaria.

    Ourense en Común denunciaba que “lonxe de ser participativo e recoller realmente as demandas veciñais, este plan de obras foi cociñado entre PP, PSOE e estas dúas federacións, deixando ao lado ás asociación veciñais non federadas e aos grupos de Ourense en Común e Democracia Ourensana, que non foron consultados nin informados debidamente sobre esta cuestión”.

    O expediente aprobado neste pleno extraordinario contén un total de 76 obras, na meirande parte de pavimentación e asfaltado de rúas e vías sobre as que os informes técnicos non especifican a súa titularidade. Deste xeito nalgúns casos “afectan a terreos e viais que son titularidade do Ministerio de Fomento e non do propio Concello, polo que non é o Concello quen debe arranxalas”.

    Ourense en Común denunciaba ademais que “o argumento que se utilizou para xustificar a urxencia desta modificación orzamentaria foi totalmente falso, xa que no pasado pleno apuntábase a que este expediente se tiña que aprobar inmediatamente e en caso contrario demoraríase ata o pleno do 2 de decembro, polo que non entraría neste exercicio económico”. Esta falsedade púxose hoxe de manifesto con este pleno extraordinario só uns días despois, que evidencia que puideron aprobar esta modificación e que “a premura non era tanto unha cuestión de tempos, senon de intereses”.

    Miguel Doval quixo felicitar no pleno ás asociacións que se van beneficiar destas obras e apelou tamén ás que non se verán beneficiadas, a que insistan nas súas demandas, solicitando ao grupo de goberno a “exercer a solidariedade a todos os barrios, veciños e veciñas de Ourense.