Ourense en Común presentará unha moción para a protección e recuperación ambiental do río Barbaña

Ourense en Común presentará unha moción para a protección e recuperación ambiental do río Barbaña

  • O río Barbaña vén sendo vítima de continuos desleixos administrativos que carrexan contaminación e perda ecolóxica irrecuperable

  • A moción de OUeC, que se presentará no pleno de novembro, quere acadar compromisos reais do concello de Ourense instando a que os poña en marcha de xeito inmediato

A terceira das mocións rexistradas por OUeC para defender no pleno de novembro versa sobre o tratamento que o concello lle outorga ao río Barbaña ao seu paso pola cidade. Se ben entende que as competencias sobre o dominio público hidráulico son da Confederación Hidrográfica dependente do Ministerio, non é motivo para que o concello de Ourense non leve a cabo unha serie de accións tendentes a axilizar medidas de prevención, de evitación de danos e de recuperación do río.

“Para Ourense en Común que un río atravese a urbe é un potencial punto de oportunidades ambientais e sociais. Sen embargo, ao longo destes anos, o río sufriu na súa biodiversidade perdas irrecuperables sufragadas por distintas administracións e empresas que fixeron da súa impunidade delictiva, un lucro persoal”, manifesta Miguel Doval, concelleiro de OUeC que defenderá a moción no pleno.

En xuño do 2009 o Barbaña sufriu o maior atentado ecolóxico que deixou o río morto. Un proceso xudicial aberto contra a empresa depuradora e o concello de San Cibrao está a día de hoxe á espera da súa cualificación como delito ecolóxico. A plataforma veciñal “Ríos limpos” foi a única que presentou querella para facer valer os dereitos ambientais que o río posúe. Resultado deste atentado, o concello de Ourense pagou 3.569€ como gasto asociado á limpeza de cadáveres de peixes e doutros residuos. Pero, ademais, ao concello de Ourense incoáronselle expedientes sancionadores por incumprimento das condicións establecidas en autorizacións de vertido con multas que van desde os 3.000€ ata os 14.000€, por exemplo.

Así pois, o concello de Ourense non pode evadir as súas responsabilidades respecto ao río Barbaña, tanto como autor directo por infracción administrativa da Lei de Augas, como por ser responsable directo da inspección dos vertidos ao río xa que debe ser garante da saúde das persoas e debe mantér o coidado ecolóxico do municipio.

Entre os acordos plenarios da moción inclúese a necesidade de crear un equipo de traballo conxunto entre os concellos de Ourense e San Cibrao, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Consellería de Medio Ambiente para a posta en valor e protección do río Barbaña no seu conxunto e a instalación de detectores de contaminantes no río co fin de evitar os vertidos das zonas industriais e urbanas doutros concellos.

OUeC demanda unha Comisión de Investigación para depurar responsabilidades pola anulación da Ordenación Provisional Urbanística do Concello de Ourense

OUeC demanda unha Comisión de Investigación para depurar responsabilidades pola anulación da Ordenación Provisional Urbanística do Concello de Ourense

  • Ourense en Común presentará no pleno do mes de novembro unha moción para a creación dunha Comisión de Investigación que depure as responsabilidades técnicas e políticas derivadas da anulación da Ordenación Provisional Urbanística do Concello de Ourense por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ourense en Común presentará por rexistro na mañá deste mércores unha moción que baixo o título En prol dun urbanismo transparente pretende conseguir o apoio de toda a corporación para crear unha comisión de investigación, formada por todos os grupos con representación no pleno, que depure as responsabilidades técnicas e políticas derivadas da recente anulación da Ordenación Provisional Urbanística do Concello de Ourense por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As sentencias feitas públicas nos pasados días pola Sala do Contencioso Administrativo do alto tribunal galego esgrimen os fundamentos xurídicos para esta anulación. Se ben estas apuntan que a razón da mesma deriva do feito de non existir unha exposición ao público por parte da Xunta de Galicia na ordenación que aprobou o 29/09/2011, dende OUeC entenden que restan por analizar os posibles fundamentos técnicos e políticos nos que foi competente a propia administración local. Un exercicio de reparación e aprendizaxe necesaria para evitar a súa repetición no futuro” afirma Martiño Xosé Vázquez, edil e voceiro do grupo municipal de Ourense en Común no Concello.

Dende OUeC seguen a demandar premura para a aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Á urxencia inicial, despois de que o anterior plan fora tombado pola xustiza ao seren detectadas numerosas irregularidades e ilegalidades, muda agora en desesperación cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anular a Ordenación Provisional Urbanística do Concello de Ourense, que fora deseñado como solución temporal ao baleiro na ordenación municipal”.

OUeC anima a Jesús Vázquez a presionar no seu propio partido para derrogar a Lei Montoro

OUeC anima a Jesús Vázquez a presionar no seu propio partido para derrogar a Lei Montoro

  • Nunha entrevista na radio pública de Galicia Jesús Vázquez afirmou que se alguén pide que se retire a Lei Montoro eu como alcalde pediría que se retire e se modifique esa lei.

  • Ourense en Común presentará no pleno do mes de novembro unha moción para que o Concello de Ourense se sume a outros como o de Coruña, Madrid ou Barcelona e promova un novo marco xurídico que garanta maior autonomía para as administracións locais.

Ourense en Común presentará por rexistro na mañá deste martes unha moción que baixo o título Medidas urxentes en materia de réxime local pretende conseguir o apoio de toda a corporación para derrogar e modificar a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, coñecida como “Lei Montoro. Unha lei que nacía só co apoio do Partido Popular e en contra de todo o arco parlamentario.

Contra esta lei foron presentados varios recursos de inconstitucionalidade, algúns admitidos derivando na anulación parcial de distintos e transcendentes preceptos da norma, e máis de 3.000 concellos de todo o Estado, que representan a máis de 16 millóns de cidadáns e cidadás, expresaron xa o seu rexeitamento a esta normativa en defensa da autonomía local.

En teoría, o obxectivo da Lei 27/2013 era axustar o funcionamento das Administracións Locais á conxuntura económica baixo o pretexto do malgasto, o solapamento de competencias e o incumprimento financeiro. Porén, os efectos que en realidade se produciron foron unha merma importante nos servizos públicos prestados polos entes locais, un incremento das privatizacións co seu consecuente aumentos nos custos para a administración e unha redución nas competencias municipais. Efectos que o propio alcalde do Concello de Ourense admitía a semana pasada nunha entrevista na radio pública de Galicia onde chegaba a afirmar que se alguén pide que se retire a Lei Montoro eu como alcalde pediría que se retire e se modifique esa lei. Palabras que non pasaron inadvertidas para o grupo municipal de Ourense en Común que agora presentará no pleno do mes de novembro unha moción para que o Concello de Ourense se sume a outros como o de Coruña, Madrid ou Barcelona e promova un novo marco xurídico que garanta maior autonomía para as administracións locais.

A concelleira Ledicia Piñeiro, impulsora da proposta, anunciaba esta mañá que o noso alcalde pedía na radio que alguén solicitara a retirada da Lei Montoro afirmando que el apoiaría a iniciativa. Ben, será Ourense en Común quen o faga. Agora apoiará Jesús Vázquez a nosa iniciativa?, nós animámolo a facelo.

OUeC advirte que Ourense pode quedar sen inversións por mor da mala xestión do PP na aprobación das Contas

OUeC advirte que Ourense pode quedar sen inversións por mor da mala xestión do PP na aprobación das Contas

Segundo se desprende da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local a Comisión de Contas debera terse convocado antes do 1 de xuño

Non ditaminar e aprobar as contas no prazo establecido podería bloquear inversións do goberno central

Ourense en Común critica a falta de cumprimento da normativa que regula tanto a convocatoria da Comisión de Contas, o ditame e aprobación das mesmas, como a falta de documentación, en tempo, relativa ao estado da Conta Xeral do Concello e do Consello municipal de deportes.

A Conta xeral é un conxunto de documentos que a Entidade local ten que elaborar cada ano para informar sobre situación do patrimonio, gastos, ingresos, e como se executou o orzamento do Concello. A concelleira Ledicia Piñeiro advirte que “o concello de Ourense, como xestor de fondos públicos, ten a obriga de informar sobre a actividade económica, financeira e orzamentaria e facelo en tempo e forma”.

Segundo o recollido no artigo 212 da lei de Facendas Locais, a conta xeral será sometida antes do día 1 de xuño a informe da Comisión Especial de Contas da entidade local. No Concello de Ourense realizouse esa comisión o pasado 6 de Outubro, con catro meses de retraso con respecto ao recollido na normativa. Ademais, no punto 4 de dito artigo 212, recóllese que, a conta xeral someterase ao Pleno da corporación, para que, no seu caso, poida ser aprobada antes do día 1 de outubro.

No día de hoxe aínda non temos as contas aprobadas e iso pode bloquear investimentos do goberno central no noso Concello”, apunta a edil de Ourense en Común quen denuncia a falta de previsión do Partido Popular de aprobar con anterioridade a instrución necesaria e na que se escuda o goberno municipal para non ter aprobada aínda estas contas. “A realidade é que esa instrución foi igual para todos e noutros concellos non hai retraso na presentación das contas e se o hai non é tan grave como o de Ourense. A Coruña, xa en Setembro tiña o ditame feito e o período de exposición ao público. Se chegásemos a Decembro sen telas aprobadas estaríamo nun grande risco no relativo as inversións.”

OUeC solicita a suspensión cautelar dos instrumentos de xestión urbanística despois da anulación da Ordenación Provisional

OUeC solicita a suspensión cautelar dos instrumentos de xestión urbanística despois da anulación da Ordenación Provisional

Ourense en Común presenta por rexistro un escrito solicitando unha convocatoria urxente da Xunta de Portavoces e a reactivación inmediata da Comisión de Seguimento do PXOM.

O grupo municipal de Ourense en Común presentaba esta mañá no rexistro municipal unha instancia dirixida á Alcaldía despois de que o TSXG declarase ilegal e anulara a Ordenación Urbanística Provisional do Concello de Ourense aprobada pola Xunta o 29 de setembro de 2011. Unha ferramenta de xestión deseñada despois da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do ano 2003, por non levar a cabo un proceso de participación pública.

Feitos que para o voceiro deste grupo, Martiño Xosé Vázquez, amosan de novo “a falacia da boa xestión do Partido Popular. Os  dous instrumentos de planeamento xeral anulados polos tribunais (PXOM de 2003 e OUP do 2011) foron decisións do mesmo goberno de Feijóo (no primeiro caso, como conselleiro; no segundo, como presidente da Xunta).”

Para evitar o que denominan “cascada de responsabilidades patrimoniais derivadas pola tramitación de instrumentos de planeamento ou trámites de licenzas non amparadas polo PXOM de 1986” solicitan a suspensión cautelar de todos os instrumentos de planeamento e xestión derivados desta Ordenación Urbanística Provisional. Advirten que isto non ten por que supoñer a paralización de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, pois existe amparo da Lei 3/2016. “Estamos perante unha medida necesaria ao marxe do eventual recurso ideado polo equipo de goberno, que poucas expectativas ten en base á xurisprudencia” apunta Martiño Xosé Vázquez.

Ademais, e coa vontade de “desbloquear a parálise do equipo de goberno” na aprobación do novo PXOM solicitan a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros acompañada da Comisión de Seguimento do PXOM para dar conta da sentenza, dos seus efectos, e das decisións a tomar. Información que apuntan, “debe ser trasladada de inmediato á veciñanza do Concello de Ourense preocupadas polas consecuencias desta anulación”. 

 

Ourense en Común demandará en pleno mellorar a accesibilidade nos servizos municipais para persoas con diversidade funcional

Ourense en Común demandará en pleno mellorar a accesibilidade nos servizos municipais para persoas con diversidade funcional

  • Ourense en Común denuncia desidia no cumprimento da normativa que obriga as administracións públicas a garantir o dereito de accesibilidade universal.

O pasado 28 de setembro celebrouse o día internacional das persoas xordas e con motivo de tal, os medios de comunicación recollían as demandas deste colectivo no Concello de Ourense. Para o grupo municipal de Ourense en Común este feito e outros como non contemplar criterios de accesibilidade na planificación urbana amosan que “existe unha certa desidia e falta de compromiso institucional por parte da administración para garantir o dereito de accesibilidade universal que recolle a lexislación.”

Ledicia Piñeiro, concelleira de Ourense en Común, apunta como as persoas con diversidade funcional foron, segundo o modo en que se estrutura e funciona a sociedade, habitualmente excluídas e discriminadas. “Este feito comportou a restrición dos seus dereitos básicos e liberdades condicionando ou obstaculizando o seu desenvolvemento persoal, así como o goce dos recursos e servizos dispoñibles para toda a poboación e a posibilidade de contribuír coas súas capacidades ao progreso da sociedade.”

O grupo municipalista con tres concelleiras na corporación presentará no próximo pleno ordinario deste venres unha moción para que este elabore e execute, en colaboración cos colectivos de persoas con diversidade implicadas nesta materia, un Plan de Accesibilidade Universal que permita a adaptación de espazos, infraestruturas e equipamentos municipais para un uso normalizado por parte de todas as persoas. Así pois considera que é responsabilidade das administracións asumir a diversidade que, de feito xa existe, e incorporala ao deseño das súas políticas, ou do contrario só estará a reproducir e fomentar desigualdades.

“Sendo conscientes de que se deron pasos a nivel de acceso a medios de transporte, acceso á utilización da tecnoloxía e no acceso a espazos públicos, cremos que aínda resta camiño por facer, nomeadamente no relativo á participación da vida política. Que todas estas medidas correctoras se presenten sen un fío común responde á carencia dun plan estratéxico integral”, apunta Ledicia Piñeiro quen demanda ademais que tal plan sexa elaborado en estreita colaboración cos colectivos coñecedores da materia.

Por último Ourense en Común advirte que o Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, obriga ao Concello de Ourense a que antes do mes de decembro de 2017 cumpra coa normativa de Accesibilidade Universal. A elaboración e execución dun Plan de Accesibilidade Universal a modo de Plan de Acción municipal, que analice a situación e propoña medidas correctoras en colaboración cos diferentes colectivos implicados nesta materia, permitirá que non cheguemos fóra de prazo a ese compromiso”.