Ourense en Común suxire que sexa valorada a actividade de cada entidade para definir as contías dos convenios

Ourense en Común suxire que sexa valorada a actividade de cada entidade para definir as contías dos convenios

•    Algunhas entidades perciben contías ridículas en relación co gasto de 1 millón de euros en propaganda que o Concello fai cada ano
•    As modificacións aprobadas hoxe non sempre se sustentan en convenios escritos nos que se asuma un compromiso

    No pleno extraordinario celebrado esta mañá, Ourense en Común abstíñase na votación das tres modificacións de crédito por importe de 421.577,20 euros que o equipo de goberno do Partido Popular aprobaba onte en Xunta de Goberno.

    Sen ánimo de bloquear estas partidas, e malia que con este pleno se cumpría unha demanda formulada por Ourense en Común o pasado ano para que estas asignacións puidesen ser votadas por separado, a prioridade de gasto e a política en materia social, educativa, cultural, veciñal e comercial do PP sitúase no plano oposto ao grupo municipalista.

    Ourense en Común observa que en moitos casos, estánse equiparando asignacións a diferentes entidades cando a súa laboura diaria difire moito. O grupo defende que estes convenios non deberan ser fixados por cantidades exactas, senon en función da actividade que desenvolva cada entidade.  OUeC critica ademáis que “algunhas partidas son ridículas en relación, por exemplo, co gasto de 1 millón de euros en propaganda que o concello fai cada ano.”

    “Botamos en falta máis información e transparencia. Estas modificacións orzamentarias non sempre se sustentan en convenios escritos nos que se faga constar en que se materializa cada partida e os compromisos que tanto o Concello como a entidade beneficiaria asumen para xustificar o gasto”, apuntaba na sesión plenaria Ledicia Piñeiro, concelleira de OUeC, que lembraba tamén ao grupo de goberno o retraso na tramitación das axudas para comedores escolares e libros de texto, sen resolverse co curso empezado.

O 25 de setembro en clave local: Gaña a abstención, existe demanda de cambio

O 25 de setembro en clave local: Gaña a abstención, existe demanda de cambio

Lectura de Martiño X. Vázquez sobre os resultados electorais do 25S

    A abstención é a primeira forza política no Concello de Ourense. Catro persoas de cada dez que estaban chamadas a participar nestes comicios decidiron que ningunha das organizacións que se presentaban eran dignas da súa confianza. Múltiples poden ser as razóns e múltiples as responsabilidades pero é evidente que ningunha oferta electoral foi quen de convencer á veciñanza da importancia destas eleccións.

    O discurso tradicional do Partido Popular, manifestado en público tantas veces na frase “existe corrupción en todos os partidos”, fomenta que ese outro mantra de que “todos os políticos son iguais” sexa xa interiorizado por boa parte da cidadanía. Un discurso que deslexitima á política como función pública e ao que pouco axudan as formas de aqueles partidos cómodos no caos e o descontento como Democracia Ourensana.

    Sexa como fora ningunha organización foi quen de posicionar no debate público que os seus problemas, tamén os de aquelas persoas que decidiron non ir a votar, só poden solucionarse cunha transformación estrutural e esta pasa necesariamente por un cambio político. As listas de espera na sanidade pública, a gratuidade dos libros de texto, o acoso á lingua galega, o desemprego, os lumes forestais, a emigración xuvenil, as pensións máis baixas do estado, etc. requiren dunha alternativa seria, sólida e que fixe na centralidade do discurso o común. O berro que aínda resoa nas prazas, aquel “non nos representan”, segue igual de vivo que o 15 de maio de 2011.

    Ourense en Común como organización municipalista na praxe e na teoría non concorría a esta cita electoral, pero decidía apoiar a En Marea ao entender novamente que esta era a única das candidaturas presentadas que podía dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio de 2015. Os seus resultados deben ser analizados en positivo ao converterse na segunda forza política no Concello de Ourense só por detrás do Partido Popular. Feito que tratándose dun proxecto con menos de dous meses de vida evidencia que existe unha demanda real de cambio no local. O espazo político da unidade popular, da participación, da transparencia, priorizando o social e en clave de país, pode disputarlle a hexemonía política da alternancia e de goberno se é quen de comprender que o debate debe centrarse no que facer e como facelo e non no quen. De nós depende e dende OUeC traballamos xa dende hoxe para conseguilo.

Martiño X. Vázquez Mato, concelleiro de Ourense en Común

Ourense en Común solicitará no pleno maior transparencia na administración local

Ourense en Común solicitará no pleno maior transparencia na administración local

•    O grupo denunciou en numerosas ocasións a opacidade coa que o goberno do Partido Popular xestiona a firma de convenios e a toma de decisións
•    OUeC pretende garantir con esta moción que o funcionamento da administración local sexa máis eficaz e transparente

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha nova moción de cara ao vindeiro pleno ordinario municipal, no que buscará o consenso para que o funcionamento da administración local sexa máis eficaz e transparente que ate o de agora.

    Así, a moción insta ao equipo de goberno a proporcionar de xeito automático ao resto de grupos da corporación a correspondente copia da documentación referida a convenios, contratos e outros acordos que aquel subscriba, sen necesidade de solicitalo expresamente como agora acontece.

    Ourense en Común xa denunciou en numerosas ocasións a opacidade coa que o goberno do Partido Popular xestiona a firma de convenios e a toma de decisións en Xuntas de Goberno e comisións, sen facilitar ao resto de grupos os antecedentes, datos e informacións pertinentes e precisos para o desenvolvemento da súa función na oposición. “Se temos en conta que o traballo dos grupos da oposición é a fiscalización e control das actuacións do equipo de goberno pedindo contas das mesmas e transmitíndoas á cidadanía, non cabe dúbida que é necesario que ditos grupos posuamos toda a documentación para poder dar cumprimento a dita encomenda fiscalizadora dun lado, e transparente doutro”, apunta Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común.

    A moción xustifícase acolléndose á Lei de Bases de Réxime Local, ao Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (ROF) e á Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno aprobada no ano 2013, que outorgan á transparencia unha estreita e indisoluble vinculación coa esencia da democracia e a consideran un principio indispensable do estado de Dereito, en canto que posibilita o control e a rendición de contas en todos os ámbitos da xestión pública. Son numerosas as normas xurídicas que regulan o acceso á información como un dereito dos e das concelleiras, amparado pola Constitución, sen limitación temporal,e para todas, ben sexan do goberno, ben sexan da oposición.

    “Representamos ás veciñas e as veciñas teñen o dereito a saber que ocorre no interior dos poderes públicos que están ao seu servizo, dereito a controlar a legalidade e a oportunidade das decisións que se adoptan, dereito a coñecer como se utilizan os fondos públicos e cal é o seu destino

    Ourense en Común pretende garantir con esta moción unha transparencia máis efectiva no Concello, sen necesidade de que os grupos da oposición teñan que coñecer por fontes alleas á Corporación, como a prensa local, a existencia dos documentos que o goberno aproba.

    A moción someterase á votación do pleno o próximo venres 7 de outubro.

Ourense en Común denuncia a cancelación dos cursos anunciados polo mes do cooperativismo

Ourense en Común denuncia a cancelación dos cursos anunciados polo mes do cooperativismo

•    4 seminarios e 2 obradoiros foron cancelados sen avisar ás persoas que neles estaban inscritas
•    O concelleiro de Promoción Económica terá que explicar como se vai xustificar a subvención de 18.797,56 € que cubría estes cursos
•    Ourense en Común critica tamén os criterios na selección do persoal laboral para os Obradoiros de Emprego

    Ourense en Común coñecía esta mañá a cancelación das actividades que o Concello anunciara a principios deste mes de setembro baixo o programa nomeado “Mes do cooperativismo: Ourense Cooperativa”.

    Dito programa, xurdido da adhesión do Concello á Rede Esumo xunto aos concellos de Coles, Amoeiro, A Peroxa, Pereiro e Vilamarín, íase levar a cabo ao abeiro dunha axuda concedida desde a Secretaría Xeral de Emprego para un importe de 23.494,97 €, dos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia cubriría o 80%, é dicir, 18.797,56 €.

    En total, 4 seminarios divulgativos e 2 obradoiros de 4 xornadas cada un que conformaban o programa de actividades froito desa subvención, foron cancelados, sen que as persoas previamente inscritas para asistir foran notificadas de tal cancelación nin dos motivos que a orixinaron.

    Ourense en Común non vai deixar de pescudar cara a onde foron os fondos presuntamente concedidos aos concellos agrupados, solicitando ao concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, que explique exactamente como se vai xustificar ese importe antes do 15 do outubro como marcan as bases, se os cursos non se realizaron.

    Ourense en Común denuncia tamén que o Concello anunciase no mes de marzo, a creación dunha Oficina de Fomento Cooperativo, que a día de hoxe non existe.

Obradoiros de Emprego

    Ourense en Común critica tamén os criterios que se aplicaron na selección para a contratación das traballadoras dos obradoiros de emprego, xa que impediron a igualdade de oportunidades entre as candidatas.

    As bases, elaboradas por un grupo mixto formado por 2 técnicos do Concello e 2 da Xunta de Galicia, outorgaban puntuación por ter traballado noutro obradoiro de emprego, provocando unha endogamia no proceso para que sempre sexan os mesmos os que poidan acceder aos postos de director, docentes e administrativos.

    En próximas convocatorias, Ourense en Común solicitará a eliminación dese criterio e que este tipo de documentación sexa avaliada polos grupos da oposición antes da súa publicación oficial.

Ourense en Común apoia e chama á mobilización en Defensa do Monte Galego

Ourense en Común apoia e chama á mobilización en Defensa do Monte Galego

•    A manifestación promovida polo Comité de Defensa do Monte Galego sairá mañá mércores ás 20h desde o Pavillón dos Remedios
•    Ourense perdeu 9.000 hectáreas en só 7 días neste mes de setembro
•    Ourense en Común defende outras políticas para o desenvolvemento sustentable dos nosos montes e ecosistemas forestais

    Ourense en Común apoiará mañá a mobilización promovida polo Comité de Defensa do Monte Galego, e chama á participación de todos os ourensáns nesta reivindicación para darlle voz a quen nunca se queixa, ao noso patrimonio natural, e exixindo outra xestión no monte galego.

    A degradación e erosión dos solos, a perda de produtos primarios, os custes de repoboación.. As perdas económicas, ecolóxicas e sociais que os lumes producen nos ecosistemas forestais precisan dunha reacción, que unha vez máis non se produciu por parte dos responsábeis da política forestal do País. A Xunta de Galicia cos gobernos do PP creou un sistema de extinción e de xestión forestal totalmente politizado, onde os criterios profesionais quedan aparcados ao marxe e onde os nomeados “a dedo” só sirven criterios clientelares e especulativos.

    Ourense en Común anima á cidadanía a implicarse e participar na mobilización, xa que “todas e todos somos responsables da conservación do patrimonio natural, do futuro que deixamos aos nosos fillos, e na man de todas e todos está rematar con esta triste parte da nosa historia, exixindo responsabilidades e outra política forestal para conservar, protexer e coidar o noso patrimonio natural“.

    A provincia de Ourense rexistrou 32.450 lumes nos últimos 15 anos que arrasaron 170 mil hectáreas de monte. Son innumerables os espazos afectados neste mesmo verán, en que se perderon 9.000 hectáreas en só 7 días. Entrimo, Muiños, Oimbra, Oseira, o Val de Monterrei, Boborás, a Serra do Xurés, o Macizo Central, San Mamede, Ribeira Sacra, As Trevincas, Castro Leboreiro, Xironda, Serra do Larouco, Serra do Pisco, Lobeira; perdemos Espazos Naturais Protexidos, Parques Naturais, Reservas da Biosfera, ecosistemas de gran valor económico e medioambiental, moitos dos incendios calcinaron estas zonas de forma descontrolada por falta de medios, tanto materiais como humanos, e “non houbo máis desgrazas persoais ou máis perdas materiais grazas á profesionalidade e adicación das traballadoras e traballadores das brigadas.

    “Ourense e Galicia requiren dun desenvolvemento sustentable dos nosos montes e ecosistemas forestais, é preciso un plan estratéxico de xestión do monte galego, unha mellor coordinación nos equipos de extinción e na investigación dos lumes, maior transparencia e rapidez no acceso á  información sobre incendios e trasladar ao eido educativo os contidos e coñecementos ambientais, fomentando en toda a sociedade valores que favorezan comportamentos compatibles coa preservación e mellora do medio, revitalizar económica e demográficamente o mundo rural, fomentando a creación de emprego, e converter o monte nun verdadeiro motor xenerador de recursos.”

Ourense en Común critica o uso electoralista na sinatura do convenio sobre as ruinas de San Francisco

Ourense en Común critica o uso electoralista na sinatura do convenio sobre as ruinas de San Francisco

•  A menos dunha semana da cita electoral, o alcalde fai uso do salón de plenos nun acto claramente partidista
• O acto desta mañá repite o acontecido coa sinatura do AVE nas últimas eleccións xerais
• Ourense en Común exixirá no pleno ordinario de outubro maior transparencia na sinatura de convenios


   
Ourense en Común criticaba hoxe a sinatura do convenio que esta mañá reunía no salón de plenos ao alcalde de Ourense e o presidente en funcións da Xunta de Galicia, xa que, “evidencia un afán electoralista única e exclusivamente para recadar votos a menos dunha semana da cita electoral”, apunta Martiño X. Vázquez de Ourense en Común.

    Nas súas declaracións tras a sinatura, o alcalde de Ourense xustificábase iniciando a súa intervención apuntando a que era este “un acto administrativo”. E como xa dí a locución latina “Excusatio non petita, acusatio manifesta”. “Se realmente fora un acto administrativo nin debera  xustificarse, con esto ponse en evidencia que a realidade está moi lonxe.”

    Ourense en Común denuncia que “namentres que o Museo Arqueolóxico continúa pechado desde hai máis de 15 anos, vén agora o presidente en funcións a pechar un acordo para un novo espazo museístico, do que se descoñece o seu contido e función específica.

    Como xa fixeran en plena campaña das últimas Eleccións Xerais de xuño coa visita de Ana Pastor a Ourense para asinar un convenio para a chegada do AVE a escasos días das eleccións, “o Partido Popular está facendo novamente un uso electoralista e partidista das institucións públicas.”

    Ourense en Común critica tamén a falta de transparencia na sinatura de convenios do goberno de Jesús Vázquez, xa que “nin informan, nin os publican previamente, nin se facilitan aos grupos inmediatamente despois de ser asinados, incumplindo o Regulamento de Organización e Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locales (ROF), que indica que todos os membros das Corporacións Locais teñen dereito a que os servizos administrativos lles faciliten directamente estas informacións, sen necesidade de ter que pedilas”.

Ourense en Común denuncia que o curso empezou coas axudas para comedor escolar e libros de texto no aire

Ourense en Común denuncia que o curso empezou coas axudas para comedor escolar e libros de texto no aire

•    Centenas de familias non saberán ata outubro ou novembro se contan coas axudas
•    243.348 euros en axudas están bloqueados pola falta de dilixencia do goberno popular

    Ourense en Común interpelaba onte á Concelleira de Benestar, ao respecto do proceso de concesión de axudas para comedores escolares e libros de texto que, co curso escolar comezado, continua sen resolverse.

    Sofía Godoy, a concelleira responsable desta área no goberno municipal do Partido Popular, non foi capaz de xustificar os motivos polos que o proceso non está aínda resolto, limitándose a responder que “noutros concellos tampouco se resolveu”.

    Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común, preguntaba tamén á concelleira sobre como están afrontando o curso os nenos que polo momento están á espera da resolución, e cuxas familias non dispoñen de capacidade económica para dotarse dos libros que a actividade académica require; unha cuestión á que Sofía Godoy non deu resposta, admitindo descoñecer como está a afectar a situación aos nenos, e recoñecendo que o Concello non adoptou ninguna medida para paliar as posibles incidencias que esta demora no trámite municipal puidera implicar para o correcto desenvolvemento das clases. 

    As bases deste proceso inconcluso, publicadas no Boletín Oficial da Provincia o 6 de xullo, exixían aos solicitantes cinguirse a uns prazos que, no caso de resultar beneficiarios, xa non poderán cumprirse, xa que o regulamento establecía como límite o 15 de setembro para xustificar as axudas.

    “A 14 de setembro e co curso empezado, quen non cumpre os prazos é o Concello”, apunta Ledicia Piñeiro de Ourense en Común; e é que, cando se publiquen as listas provisionais destas axudas, haberá aínda dez días para reclamacións.Podemos poñernos no mes de outubro ou novembro e as familias non saberán se dispoñen de comedor ou se contan con axudas para libros. Nas aulas haberá nenos con material escolar e outros sen el, en desigualdade, e son xa familias en situación de risco de exclusión. A despreocupación da Concelleira de Benestar é inadmisible”, apunta Ledicia Piñeiro.

    Ourense en Común denuncia que perto de 250.000€, a contía destas axudas, estean bloqueados pola irresponsabilidade e falta de dilixencia do goberno con esta resolución.

Ourense en Común apoia as críticas de Stop Desafiuzamentos ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia

Ourense en Común apoia as críticas de Stop Desafiuzamentos ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia

•    Ourense en Común facilitou que o colectivo Stop Desafiuzamentos tivera acceso ao borrador. Ambas organizacións consideran que a filosofía do programa é errada en canto segue a actuar sobre a vivenda dende o prisma do mercado inmobiliario.
•    O programa proposto polo Partido Popular non permitirá que os colectivos máis necesitados podan acceder ás vivendas ao fixar uns límites salariais moi elevados.

    Ourense en Común manifestaba esta mañá na Xunta de Área de Urbanismo e Vivenda, que non presentará achegas ao Programa de Vivendas Baleiras que a Xunta de Galicia solicita en colaboración cos Concellos, xa que despois analizar o borrador con colectivos como Stop Desafiuzamentos entenden que o texto está errado na filosofía de base e na súa tramitación opaca aos posibles beneficiarios.

    Despois de solicitar en pleno que o borrador fose aberto aos colectivos para que puidera ser mellorado, o goberno só permitiu aos grupos políticos 5 días para emendalo. Ourense en Común facilitou o texto a colectivos como Stop Desafiuzamentos, que só así tiveron oportunidade de analizar o texto.

    Deste xeito, o grupo actuaba esta mañá como canle transmisora e trasladaba a problemática que estes colectivos extraen do texto, que segue a afondar na xestión da vivenda como produto do mercado inmobiliario e non como un dereito. “O problema do borrador radica en que vai dirixido a gastar recursos en protexer aos propietarios dos inmobles, namentres que as persoas que non dispoñan de recursos non poderán acceder a unha destas vivendas. O dereito á vivenda debe ser tratado en amplitude. Así é que , por exemplo, no artigo 10 de dito programa, evidénciase que existen colectivos, os máis necesitados, que non se beneficiarán deste programa, por fixar uns criterios económicos excluíntes. Non ten polo tanto sentido emendar un texto co que non concordamos na filosofía de base”, apuntan desde Ourense en Común.

    Con todo, ao marxe do fondo, Ourense en Común solicitaba esta mañá tamén que alomenos o texto coidara a cuestión formal esencial, no sentido de darlle maior seguridade xurídica perante eventuais incumprimentos da norma e cambios de terminoloxía como a substitución do termo “discapacidade” por “diversidade funcional”, máis inclusivo.

Ourense en Común advirte que a oposición convocará de novo a Mesa de Mobilidade se non o fai o goberno

Ourense en Común advirte que a oposición convocará de novo a Mesa de Mobilidade se non o fai o goberno

•    O Partido Popular leva dende o mes de marzo sen convocar a asociacións, colectivos, sindicatos e grupos políticos que conforman a Mesa Municipal de Mobilidade.
•    Ourense en Común solicita unha convocatoria urxente para avanzar na celebración da Semana Europea da Mobilidade, analizar a problemática da Rúa Concello e buscar solucións á aglomeración de vehículos ás portas dos centros educativos

    Ourense en Común reiteraba esta mañá, neste caso mediante instancia no rexistro municipal, a petición para que o concelleiro José Araujo, responsable da área de infraestruturas no goberno do Partido Popular, convoque unha nova reunión de traballo da Mesa de Mobilidade, que dende o 28 de marzo, coincidindo co peche da rúa Concello para a súa reforma, quedou silenciada.

    Tras preguntar no pleno e xuntas de área en incontables ocasións por esta cuestión, este é o terceiro requirimento formal que, a través do rexistro municipal, Ourense en Común fai ao concelleiro nestes meses, o último deles o pasado 15 de xullo, trasladando as demandas recollidas por distintos colectivos e organizacións que participan neste órgano municipal, que solicitan seren escoitados e unha mellor operatividade na xestión desta mesa de traballo.

    Ourense en Común advirte ao goberno na súa petición de hoxe que se está forzando novamente á oposición a convocar á Mesa Municipal de Mobilidade, pois o responsable da área non se está a facer cargo. O grupo municipal denuncia que o equipo de goberno do Partido Popular nin ten previsto garantir o cumprimento das encomendas dos propios colectivos, nin está disposto a avaliar accións pendentes ou tratar puntos urxentes como a celebración da Semana Europea da Mobilidade e o acontecido na Rúa Concello. Sinalan asemade que en pouco volverá un problema estrutural que necesita de solucións integrais como son a aglomeración de vehículos ás portas dos centros educativos, que co inicio do curso escolar volveu hoxe mesmo a poñerse de manifesto.

    Lonxe de atender as demandas, o Partido Popular está a utilizar a Mesa de Mobilidade como escudo e xustificación das accións que está a acometer, cando a realidade é que traballa de costas aos colectivos representados na mesma. Non se lles consulta, e a infinidade de propostas que aportaron e poden aportar, non son escoitadas nin integradas nas accións que se realizan”, apuntan desde Ourense en Común.

    Coa nova solución de retornar ao aparcamento en liña na rúa Concello, improvisada tras a evidencia da insuficiente zona libre para o paso do transporte público co deseño en batería inicial, o equipo de goberno mantén a conduta de desatención ás recomendacións, xa que tanto técnicos municipais como policía local desaconsellaban optar por esta solución, que propiciará o aparcamento eventual en dobre fila, un problema que afecta gravemente a toda a cidade incidindo negativamente na fluidez do tráfico.

    As últimas solucións que acometeu o equipo de goberno manteñen a hexemonía do vehículo motorizado sobre os peóns, polo que a vontade do Partido Popular alónxase das sensibilidades trasladadas polos colectivos representados na Mesa.

    Desde Ourense en Común apuntan que “dende a constitución da Mesa da Mobilidade, nós e  todos os colectivos traballamos a reo para que ese foro multivocal achegara solucións ao cancro estrutural que Ourense padece nesta materia, pero as decisións que o Partido Popular toma fan que iso sexa cada día máis complicado. É necesario tomar medidas nunha aposta estratéxica para mudar por completo a realidade da nosa cidade. Pero para iso hai que ter vontade.

    O caso máis recente é o da Rúa Concello, para a que Ourense en Común e diferentes colectivos xa apuntaban, antes de iniciarse as obras que, de optar por unha solución peonil, podería terse avanzado na pacificación real do tráfico no centro da cidade, ao ter 3 vías de alta capacidade inmediatas que de feito, nos meses en que a rúa estivo pechada, demostraron ser capaces de absorber o seu impacto (Av. Habana, Rúa Progreso, Juan XXIII), súmase a outras decisión tomadas polo goberno que se afastan da pacificación e a verdadeira humanización da cidade. Outro exemplo foi o asfaltado do tramo final da Rúa Bedoya, un espazo que podería perfectamente ser tamén peonil ao contar con 2 vías de alta capacidade conectadas arriba (Emilia Pardo Bazán) e abaixo (Av. Bos Aires).

Ourense en Común denuncia a mala xestión na aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de emerxencia social

Ourense en Común denuncia a mala xestión na aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de emerxencia social

•    20 días despois da apertura do prazo de alegacións cidadás, o texto a alegar segue sen estar pendurado na web municipal
•    Ourense en Común xa denunciara a mediados do mes de agosto esta situación
•    Tanto a Concelleira delegada como os servizos informáticos do Concello foron alertados do erro en diferentes ocasións

    Ourense en Común denunciaba xa a mediados de agosto que non se estaban cumprindo os protocolos na aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de emerxencia social.

    Despois de meses de achegas dos grupos municipais, debates entre os mesmos, unha comisión de pleno e finalmente unha aprobación inicial plenaria, o BOP num 187, do 16 de Agosto, anunciaba a apertura do prazo de 30 días para que a veciñanza e/ou colectivos puidesen presentar alegacións ao texto, que se dispoñería na páxina web do Concello.

    Nembargantes, o documento pendurado na web municipal desde o día 17 de Agosto, é o borrador previo e non o texto refundido acordado no pleno, excluíndo polo tanto as diferentes modificacións que sufriu, derivadas das achegas feitas e aprobadas polos grupos municipais.

    Como exemplo, o borrador pendurado non inclúe a emenda de Ourense en Común para que o prazo de estancia na vivenda fose marcado polo equipo dos servizos sociais en base a un itinerario de inserción social para a persoa ou familia, mantendo o anterior prazo de estancia de 3 meses, cando a realidade é que esa modificación foi aprobada polo pleno.

    Ourense en Común alertaba do erro, xa a mediados do mes de agosto, á concelleira delegada desta área, Sofía Godoy, ao que a devandita afirmaba que sería solucionado de inmediato”. Tamén foron contactados os servizos informáticos do Concello, pero, logo de que durante uns días desaparecera o borrador errado, o mesmo texto antigo e incompleto está pendurado de novo.

    As persoas que queiran facer alegación a esta ordenanza, perderon xa máis da metade dos 30 días que lles corresponden legalmente segundo o prazo estipulado. Para Ourense en Común “é un grave ataque a democracia, xa que a única vía que ten a veciñanza para influír na política municipal é facendo alegación aos textos públicos, se estes documentos non son anunciados e publicados en tempo e forma hai un grave menoscabo nos seus dereitos relativos á participación cidadá.”