Ourense en Común solicitará en pleno ampliar o número de permisos de estacionamento para enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa

Ourense en Común solicitará en pleno ampliar o número de permisos de estacionamento para enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa

•    Unha moción solicita que calquera persoa que acredite a enfermidade  de Crohn e Colite Ulcerosa poda ter acceso ao permiso de estacionamento especial.
•    Só 20 persoas están autorizadas ate o de agora, con esta iniciativa preténdese garantir que os case 600 enfermos de Ourense teñan os mesmos dereitos para mellorar a súa calidade de vida.
•    Ourense en Común solicitará aumentar o tempo máximo de estacionamento permitido para persoas enfermas de Crohn e Colite Ulcerosa por un prazo nunca inferior a 30 minutos.

    A Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU) presentaba recentemente unha proposta ao Concello de Ourense para solicitar unha tarxeta de estacionamento por tempo limitado para estes colectivos, co fin de poder estacionar o vehículo nun lugar que non moleste ao tráfico e ao tempo poder acudir a un baño de forma urxente. Así pois un dos maiores condicionantes destas enfermidades inflamatorias intestinais é a urxencia defecacional e a necesidade de acudir a un baño de maneira sorpresiva e incontrolable.

    Analizada esta proposta, o equipo de goberno do Partido Popular de Ourense decidía permitir o estacionamento temporal por un tempo de só 15 minutos en zonas de carga e descarga a só 20 vehículos, integrantes da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU).

    Unha decisión recollida en informe oficial asinado por técnico da Administración Xeral no que se citaba: “(…) Vista la solicitud formulada, puede procederse a la concesión de los citados permisos, condicionado a la utilización exclusiva por los socios enfermos, para los vehículos determinados en la lista adjunta, no superando los 15 minutos de aparcamiento, utilizando exclusivamente las zonas de carga y descarga. (…)”

    Dende o grupo municipal de Ourense en Común recoñecen a grande labor da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU) situando entre as prioridades deste goberno mellorar a calidade de vida destes colectivos. Con todo, entenden que dito acordo debería ser extensible a calquera persoa enferma, forme parte ou non de dita asociación. Así é afirman que “o obxectivo das administracións públicas debe ser prestar servizos públicos en base a demandas e dereitos globais, non conceder privilexios a colectivos específicos”.

    É por isto que o grupo Ourense en Común solicitará a través dunha moción no vindeiro pleno de setembro ampliar esa lista exclusiva de 20 persoas, para que calquera enfermo que acredite a súa condición poda ter acceso ao permiso de estacionamento especial. De modo que podan ser beneficiarios directos da iniciativa os aproximadamente 600 afectados por estas enfermidades en Ourense, segundo afirmaba o presidente da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense, Fernando José Jiménez Zulliani.

    Asemade, e procurando garantir a efectividade de dito servizo na mellora calidade de vida destes colectivos, solicitarán tamén aumentar o tempo máximo de estacionamento permitido para persoas enfermas de Crohn e Colite Ulcerosa por un prazo nunca inferior a 30 minutos.

    A Enfermidade de Crohn é unha enfermidade inflamatoria que pode afectar a calquera porción do tubo dixestivo, dende a boca ata o ano. É crónica e evoluciona en brotes de intensidade moi variable, alternando con períodos de remisión. As manifestacións máis frecuentes, dependendo da localización e das complicacións son moi diversas: dor, diarrea, fisuras, úlceras, cansazo, febre…

    A Colite Ulcerosa é unha enfermidade inflamatoria crónica do intestino groso ou colon. De causa descoñecida que evoluciona tamén en brotes de intensidade e evolución variable. Os síntomas máis frecuentes, segundo a súa localización e complicación son: diarrea, febre, dor muscular e articular, perdida de peso, debilidade, depresión…

    Ambas enfermidades, Crohn e Colite Ulcerosa son enfermidades inflamatorias intestinais (EII), crónicas e incapacitantes, non só a nivel intestinal, xa que tamén pode atacar a outros órganos. Non existe unha cura para estas enfermidades e os enfermos teñen que loitar día a día cos síntomas que produce a enfermidade tanto a nivel físico como psicolóxico.

OUeC solicitará no pleno que o alcalde se comprometa coas condicións laborais das empresas contratadas polo Concello

OUeC solicitará no pleno que o alcalde se comprometa coas condicións laborais das empresas contratadas polo Concello

  • Ourense en Común quere garantir que non se repitan situacións como as vividas polas traballadoras de Linorsa e Seralia nos últimos meses.
  • Ate o de agora só a ponderación económica tense en conta no momento de adxudicar contratos.
  • Ourense en Común solicita que se teña en conta a necesidade de non incidir negativamente sobre as condicións nas que se desenvolve a prestación laboral ou sobre o propio emprego.

 

Ourense, 23 de agosto de 2016

Ourense en Común presentaba esta mañá unha moción que defenderá no vindeiro pleno ordinario do mes de setembro. Nesta proposta o grupo municipalista solicitará que o alcalde se comprometa a garantir, entre outras, as condicións laborais das traballadoras de empresas contratadas pola institución municipal.  

Ate o de agora só a ponderación económica tense en conta no momento de adxudicar contratos públicos. Deste xeito estase promovendo que naqueles contratos nos que o compoñente económico fundamental vén constituído polo custo da man de obra, a única forma de rebaixar a oferta é empeorando as condicións laborais dos traballadores”.

Esta é a razón, segundo Ourense en Común, dos conflitos vividos nos últimos meses con varias empresas adxudicatarias. Así apuntan a que “todas elas sumaban faltas de pagamento ás traballadoras e presentaron ofertas de licitación que significaron o descontento do persoal a subrogar”.

A moción presentada aposta porque as administracións municipais procuren unha contratación pública estratéxica, sustentable e socialmente responsable que teña en conta non só a calidade e eficacia na prestación de servizos públicos e nas compras públicas, senón tamén a necesidade de non incidir negativamente sobre as condicións nas que se desenvolve a prestación laboral ou sobre o propio emprego. “A oferta economicamente máis vantaxosa non ten por que identificarse coa do prezo máis baixo”, advirten.

Ourense en Común argumenta que a súa proposta está contemplada nunha Directiva do Parlamento Europeo e xa en práctica en varios concellos do estado español sen que isto supuxera en ningún caso a redución do número de licitadores. En base a esta propoñen a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación pública, ben como requisito previo (Criterio de Admisión ou Reserva de Mercado), como elemento de puntuación (Criterio de Adxudicación) ou como unha obriga inherente ao propio contrato (Condición en fase de Execución).

Ourense en Común denuncia que non se están cumprindo os protocolos na aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de emerxencia social

Ourense en Común denuncia que non se están cumprindo os protocolos na aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de emerxencia social

A ordenanza reguladora do réxime de funcionamento e cesión das Vivendas de Emerxencia, non está dispoñible para que calquera persoa ou colectivo faga alegacións.

 

Ourense, 18 de Agosto de 2016

Despois de meses de achegas dos grupos municipais, debates entre os mesmos, unha comisión de pleno e finalmente unha aprobación inicial plenaria a ordenanza reguladora de vivendas de emerxencia estaba lista para que se anunciase a súa publicación e se abrira un prazo de alegacións entre a veciñanza.

Este anuncio foi no BOP num 187, do 16 de Agosto. O anuncio recolle textualmente, “Para consulta do citado expediente, poden dirixirse no prazo indicado, ás oficinas de Benestar Social, sitas na rúa Arcediagos, núm. 3, 1º andar, así como dispoñer dunha versión na web deste concello (www.ourense.es/benestarsocial). Ourense, 1 de agosto de 2016. O alcalde.

Dende Ourense en Común estivemos pendentes da publicación desta ordenanza e detectamos que a ordenanza pendurada na web do Concello o día 17 de Agosto, era o borrador previo de ordenanza, é dicir excluía todas as achegas feitas polos grupos municipais e polo tanto non era o texto acordado no pleno.

Deste xeito, nesa ordenanza se trasladaba que o prazo de estancia nas vivendas de emerxencia eran de 3 meses, cando a realidade é que ese punto foi aprobado tras unha emenda de OUeC, que dicía que o prazo de estancia na  vivenda sería marcado polo equipo dos servizos sociais en base a un itinerario de inserción social para esa persoa ou familia.

Tamén se recollía que as persoas acollidas nas vivendas de emerxencia se farían cargo dos gastos de luz, auga, gas e os darían de alta no seu nome, algo que tampouco corresponde co acordado en pleno, xa que no pleno decidimos que se estudaría cada caso para ver se esas familias ou persoas acollidas podían ou non facer fronte a eses gastos.

O grupo municipal de Ourense en Común púxose en contacto coa concelleira delegada Sofía Godoy para alertarlle do erro e afirmaba que sería solucionado de inmediato. A día de hoxe a realidade é que desapareceu o borrador errado que había de ordenanza, pero non está pendurado o novo.

As persoas que queiran facer alegación á mesma están perdendo días dos que lles corresponden legalmente, xa que é a partir do día despois á publicación do BOP que empeza a correr o tempo dos 30 días. Para Ourense en Común é un grave ataque a democracia, xa que a única vía que ten a veciñanza para influír na política municipal é facendo alegación aos textos públicos, se estes documentos non son anunciados e publicados en tempo e forma hai un grave menoscabo nos seus dereitos relativos á participación cidadá.

Ourense en Común solicita máxima transparencia cos obradoiros de emprego

Ourense en Común solicita máxima transparencia cos obradoiros de emprego

•    As bases do obradoiro “Ourense termal” foron publicadas na web do Concello cun retraso de 10 días
•    Os obradoiros deberan estar en funcionamento antes do 30 de setembro, e non se coñecen os prazos de resolución da selección de alumnado e persoal docente
•    O número de persoas beneficiarias do programa non se recolle nas bases publicadas

    Ourense en Común reclama máxima transparencia na xestión dos obradoiros de emprego previstos polo Concello como entidade promotora e beneficiaria dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia.

    O equipo de goberno do Partido Popular, anunciaba no mes de febreiro a realización en Ourense de 2 obradoiros ao amparo da liña de subvencións publicada en decembro do pasado ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para a realización de obradoiros de emprego en entidades locais, de cara á formación e inserción laboral de colectivos desfavorecidos.

    Os obradoiros programados polo Concello de Ourense, nomeados “Ourense Termal” e “Montealegre”, cunha previsión inicial de custes de 294.000 e 314.000 euros respectivamente, e para os que ademáis foi aprobada unha modificación de crédito (13P/2016) no recente pleno ordinario municipal do mes de agosto, deberan estar iniciados o 30 de setembro deste 2016 como data límite, segundo a Orde na que se establecían as bases das axudas.

    Para o obradoiro “Ourense Termal”, as bases para a selección de alumnos-traballadores, persoal directivo, administrativo e docente foron aprobadas o pasado 29 de xullo, pero non foron publicadas na web municipal ata esta mesma semana, con 10 días de demora. Asemade, nas bases non figura o número de persoas que se poderán beneficiar do obradoiro, nin se establecen prazos para a presentación de solicitudes ou data límite para a resolución dos procesos selectivos abertos. Ourense en Común considera “que a información que se ofrece é insuficiente e a convocatoria non está sendo publicitada axeitadamente”.

    Das bases extráese que un grupo de traballo mixto, constituído pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e o Concello de Ourense, como entidade promotora, serán os encargados da selección do persoal. en colaboración coa Oficina pública de emprego, polo que Ourense en Común anima ás veciñas que poidan estar interesadas no programa, a acudir ao servizo de emprego e solicitar seren correctamente informadas e asesoradas, para poder ingresar en prazo nos procesos selectivos.

    No caso do obradoiro nomeado “Montealegre”, as bases aínda non se coñecenpoñéndose unha vez máis de manifesto a pouca dilixencia do equipo de goberno, tendo en conta que en pouco máis dun mes os obradoiros teñen que estar en marcha para non perder a subvención”.

Ourense en Común presenta 6 alegacións ao borrador da Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e solares e de protección contra os incendios forestais

Ourense en Común presenta 6 alegacións ao borrador da Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e solares e de protección contra os incendios forestais

•    Ourense en Común defende a posta en valor das especies autóctonas
•    O grupo cuestiona o regulamento para a plantación de eucaliptos e especies invasivas
•    Solicítase a corrección de deficiencias terminolóxicas e incoherencias atopadas en diferentes artigos do borrador

    Ourense en Común rexistraba esta mañá 6 alegacións ao borrador da Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e solares e de protección contra os incendios forestais, dentro do prazo de 30 días establecido para a presentación de “reclamacións e suxestións” durante a exposición pública do documento.

    O emprego erróneo e inconcreto de diferentes termos nas consideracións preliminares do texto é a primeira das alegacións do grupo, que xa cuestionara esta terminoloxía emendando o documento no mes de abril, tras manter unha mesa-debate aberta á veciñanza.  Ourense en Común solicita que se empreguen os termos correspondentes, atendendo á situación de que se trate, xa que o borrador equipara “limpeza” indistintamente a roza e a desbroce, non tendo o mesmo significado; ou emprega o termo “maleza” para un concepto dubidoso, outorgando incluso connotacións negativas a especies necesarias na biodiversidade e riqueza da contorna ourensana.

    En referencia á clasificación das especies arbóreas recollidas no borrador, Ourense en Común solicita sexa incluído o termo “autóctonas” no apartado referido ás frondosas de crecemento lento, como son faias, bidueiros, carballos, castiñeiros, nogueiras, cerdeiras e outras árbores froiteiras, dando valor á importancia da conservación destas especies, representativas no ecosistema que conforma a paisaxe de Galicia.

    Solicítase tamén a retirada das “acacias” (robinia pseudoacacia e acacia dealbata-mimosa), que no texto figuran incluídas na clase Frondosas, sendo estas especies prohibidas debido ao seu carácter invasivo, e consideradas “unha praga” por decreto da Xunta de Galicia.

    Ourense en Común incide ademais nas zonas de especial protección, para as que o texto inclúe a posibilidade de que nalgún caso poidan ser plantadas por especies de xénero eucalipto ou especies invasivas de alto risco. “Estas zonas son espazos altamente sensibles e vulnerables e a súa protección está marcada por leis autonómicas, estatais e europeas, normas xerárquicamente superiores a esta ordenanza. No texto,  parecen quedar condicionadas a unha autorización administrativa o que é totalmente incompresible e inaceptable”, apunta Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo.

    As alegacións recollen tamén un incremento nas distancias a fontes e mananciais públicos e tomas de auga, solicitando substituír os 25 metros marcados para a plantación de eucaliptos, por 50 metros, e no caso das coníferas o paso de 10 a 25 metros. “É necesario preservar un elemento tan valioso e escaso como é a auga destas especies, que veñen degradando o chan e reducen os nosos caudais. As distancias marcadas no borrador poden facer temer unha gran desecación, o que pode afectar aos cultivos.“

Ourense en Común defende mañá 3 novas mocións no pleno

Ourense en Común defende mañá 3 novas mocións no pleno

•    Vender as accións do COB, mellorar os paseos fluviais e a optimización do servizo de taxis para persoas con mobilidade reducida ocupan as mocións de OUeC neste pleno
•    Ourense en Común pedirá a retirada da orde do día de 3 modificacións de crédito.
•    A Asemblea en Común definiu o pasado martes o posicionamento nos puntos a votar nesta sesión plenaria

    Ourense en Común definía o pasado martes a súa postura de cara ao pleno ordinario do mes de agosto como é habitual, nunha asemblea celebrada no Espazo en Común das Burgas.

    O grupo defenderá no pleno de mañá 3 novas mocións: a venda das 4.600 accións titularidade do Concello de Ourense na Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto, contando cos servizos xurídicos e económicos da institución para buscar a mellor alternativa para ambas partes; o apoio para aumentar a flota de taxis adaptados xunto coa implantación dun Bono Taxi que garanta o dereito á liberdade de desprazamentos, e o mellor acondicionamento na rede de sendeiros do termo municipal ourensán.

PARTE RESOLUTIVA

    Na primeira parte resolutiva da sesión plenaria, Ourense en Común absterase na votación referida ao Plan Especial de Dotacións para equipamento relixioso en solo rústico en Vilar de Astrés, unha construcción sen licencia e cun proceder que dende hai tempo é errado, polo que o goberno é quen debe asumir a responsabilidade da cuestión.

    No seguinte punto, e tras manter contactos con representantes do COAG e o presidente da AAVV de Seixalbo, Ourense en Común apoiará a aprobación definitiva do Plan Especial de Protección do Conxunto de Interese Etnográfico de Seixalbo.

    A ordenanza reguladora do Servizo de Taxi na cidade de Ourense contará tamén co voto a favor de Ourense en Común, tras ser aceptadas 2 das 3 emendas presentadas polo grupo ao documento en colaboración co gremio de taxistas da cidade. A que fora rexeitada, por ten que constar nos orzamentos e non na ordenanza é a proposta que neste pleno OUeC defenderá en forma de moción, en referencia á flota de Eurotaxis do concello e ao Bono Taxi.

MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS

    Como consecuencia da ausencia de orzamentos do Concello para o 2016, o Partido Popular continua a súa estratexia de modificacións de crédito nas arcas da cidade. Ourense en Común apoiará aquelas modificacións que entende necesarias e que se poidan votar por separado, solicitando que sexan retiradas da orde do día as 3 que non se poderán votar do mesmo xeito.

    Así, apoiaránse as modificacións destinadas á amortización da débeda, o abastecemento de auga e o suministro de auga termal ao Pavillón dos Remedios, a urbanización do centro de saúde do Couto, o convenio coa Xunta para os accesos ao CHUO, a reposición do vertedoiro das Eiroás e os obradoiros de emprego.

    Ourense en Común solicitará para as outras 3 modificacións propostas polo equipo de goberno, que sexan retiradas da orde do día por non poderse votar por separado, posicionándose en contra en caso de que teñan que votarse. Este é o caso da modificación 5P, referida a convenios, unha modificación que marcaría a política social do Concello e na que non está claro o criterio e falta información para xustificar o reparto das contías. O mesmo acontece coa 11P, referida a 7 obras de urxencia e contía cuestionables, e non consensuadas cos grupos, e coa 14P destinada a “gastos xerais”, que inclúe, ademais da adaptación dos sistemas informáticos á Lei de transparencia, 200.000€ para publicidade e propaganda institucional, que en tempo pre-electoral poderían ir destinados ao pago da campaña do Partido Popular.

MOCIÓNS

    No tocante ás mocións presentadas polo resto de grupos para este pleno de xullo, Ourense en Común posicionarase a favor das tres mocións presentadas polo grupo socialista, que recollen a reactivación da Mesa de Mobilidade, medidas para paliar o caos na xestión da Concellería de Comercio e o Plan Especial para a zona industrial das Coiñás.

    En canto ás 2 mocións presentadas por DO, Ourense en Común apoiará a elaboración dun informe económico sobre o estado do Concello de Ourense, e posicionarase en contra da equiparación que este grupo fai entre espectáculos deportivos e culturais, xa que, aínda que OUeC entende e apoia a racionalización do gasto, tamén está a favor do apoio ao deporte de base e o acceso á cultura como un dereito e non coma un privilexio como plantexa este grupo.

Ourense en Común denuncia que só o 3% das persoas diagnosticadas de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense accederon ao permiso especial de aparcamento

Ourense en Común denuncia que só o 3% das persoas diagnosticadas de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense accederon ao permiso especial de aparcamento

•    O permiso foi concedido a 20 integrantes da Asociación de Enfermos de Cronh e Colite Ulcerosa, cando o volume de enfermos no concello é moi superior.
•    Ourense en Común solicitará en pleno revocar o decreto para que calquera enfermo diagnosticado poda ter acceso a este servizo municipal, pertenza ou non á asociación.

“O Concello de Ourense permitirá que os enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa da cidade poidan estacionar libremente en zonas de carga e descarga.” Este foi o compromiso do equipo de goberno mediante decreto do día 13 de abril de 2016 no que se permite a determinados vehículos estacionar de modo temporal nestes espazos.

    Segundo o comunicado do gabinete de alcaldía, emitido o pasado mes de maio na sinatura do acordo entre o alcalde, Jesús Vázquez, e o presidente da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense, Fernando José Jiménez Zulliani, afirmábase que este servizo permitiría que os aproximadamente 600 afectados por esta enfermidade en Ourense terían a oportunidade de solicitar esta tarxeta de aparcamento especial. Malia a que no proxecto presentado recollíase que a iniciativa estaba contemplada EXCLUSIVAMENTE PARA SOCIOS ENFERMOS DE ACCU OURENSE, anexando unha lista de só 20 vehículos.

    Finalmente, decídese precisamente autorizar a eses 20 vehículos propostos pola asociación, sen que outras persoas diagnosticadas con esta enfermidade teñan posibilidade de beneficiarse do mesmo servizo.

    Ourense en Común denunciaba esta situación mediante queixa formal presentada por escrito no rexistro municipal o 25 de maio, e mediante varios rogos nos plenos ordinarios de xuño e xullo.

    O voceiro e concelleiro do grupo municipal Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, afirma que estamos perante unha decisión arbitraria e trato de favor a un determinado grupo de persoas. “Os enfermos que soliciten esta tarxeta deberán facelo a través dunha asociación, ente que certificará a necesidade do permiso ao solicitante. Este proceder é completamente errado pois quen debería certificar tal enfermidade sería a propia administración pública de saúde e non unha asociación. Dende cando o requisito para acceder a un servizo público debe ser estar afiliado a unha asociación concreta? Que clase de interese existe en que sexa esta a que xestione o procedemento e non a propia administración?”.

    Ourense en Común solicitará no pleno ordinario deste venres revocar o decreto para que o permiso para estacionar libremente en zonas de carga e descarga sexa ampliado a calquera afectado por esta enfermidade debidamente acreditado, e non só se emita para os 20 vehículos vencellados á ACCU.

    A Enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa son enfermidades inflamatorias intestinais (EII), crónicas e incapacitantes, non só a nivel intestinal, xa que tamén pode atacar a outros órganos. Non existe unha cura para estas enfermidades e os enfermos teñen que loitar día a día cos síntomas que produce a enfermidade tanto a nivel físico como psicolóxico e contra o impacto brutal que supón sufrir esta enfermidade.

Ourense en Común solicitará actuacións nas sendas fluviais da cidade

Ourense en Común solicitará actuacións nas sendas fluviais da cidade

•    A moción recolle melloras nos paseos do Miño, Barbaña, Loña, e no Regato dos Muíños
•    Varias actuacións están paralizadas pese a existir xa acordos plenarios ao respecto

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha nova moción para a súa votación no pleno ordinario do próximo venres, para que o goberno do Partido Popular proceda a acondicionar a rede de sendeiros do termo municipal ourensán.

    Tras manter diferentes encontros coa veciñanza nos barrios da cidade e analizar con elas as deficiencias atopadas nas sendas fluviais do Miño, Barbaña, Loña, e no Regato dos Muíños, Ourense en Común demandará no pleno novas actuacións, que garantan o bo mantemento destes camiños, que fomentan os hábitos de vida saudables, melloran a integración cognitiva no espazo e funcionan como espazos de socialización e encontro.

    A moción fai fincapé no alarmante estado de abandono da prolongación ata Untes do paseo do Río Miño,  o de maior afluencia da cidade, e nos graves déficits en materia de mantemento e conservación en pavimentos, mobiliario urbano e luminosidade do paseo do Regato dos Muíños, recollendo tamén a reivindicación das veciñas de Os Ponxos, O Polvorín e As Camelias de conectar este paseo co resto de sendas baixo a ponte de Marcelo Macías, a poucos metros de distancia.

    Ourense en Común insiste tamén no cumprimento efectivo de resolucións plenarias xa aprobadas por unanimidade, como a conexión das Burgas e o espazo da Molinera para mellorar a seguridade dos usuarios, sen compartir espazo con vehículos motorizados no Paseo do Barbaña.

    O paseo do Río Loña segue agardando tamén unha ampliación, e un acordo supramunicipal co Concello de Pereiro de Aguiar para a conexión co Encoro de Castadón, cuestións tamén aprobadas por unanimidade no pleno, pero sen avances.

    A moción de Ourense en Común recolle tamén varios proxectos municipais e supramunicipais paralizados, entre eles, a recuperación de camiños tradicionais do termo municipal, que se atopa sen persoal nin medios asociados na actualidade, ou o denominado “Proxecto de acondicionamento e ampliación da senda peonil da marxe dereita do río Miño entre Velle e os Peares”, encomendado á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e que conta xa co informe de viabilidade favorable desde setembro de 2014. O pleno votará tamén para que o goberno inste ás institucións competentes para a activación destes proxectos.