Ourense en Común defenderá no próximo pleno a implantación dun Bono Taxi e o apoio para aumentar a flota de taxis adaptados

Ourense en Común defenderá no próximo pleno a implantación dun Bono Taxi e o apoio para aumentar a flota de taxis adaptados

•    Pídese reservar 10.000 € anuais para adaptar a flota de taxis á normativa europea para persoas con mobilidade reducida

•    Proponse un sistema de Bono-Taxi para garantir o dereito á liberdade de desprazamentos

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o pleno ordinario de agosto, no que solicitará que sexa implantado o sistema de Bono Taxi e se reserven partidas orzamentarias para adaptar a flota de taxis de Ourense a persoas con mobilidade reducida, en cumprimento da normativa europea.

    A moción recolle as demandas do propio gremio de taxistas, co que Ourense en Común mantivo unha xuntanza a principios deste mes de xullo, recibindo a representantes da Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo.

    Ourense, que conta cunha flota de 106 taxis, debería alcanzar en 2017 a cota dun 5% de vehículos adaptados para facilitar a autonomía de persoas con mobilidade reducida, en cumprimento do Libro Branco do Taxi e do Real Decreto 1544/2007. Deste xeito, a flota debería dispoñer dun mínimo de 5 dos denominados Eurotaxis no próximo ano, 3 máis dos que existen na actualidade, xa que só 2 vehículos están adaptados.

    Esta obriga, que a propia Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo de Ourense considera de difícil consecución sen axuda, debería de contar coa complicidade do Concello,  aportando as medidas necesarias para que o servizo este debidamente cuberto para atender as necesidades da poboación.

    Con este fin, Ourense en Común solicitará no pleno que o goberno reserve unha partida orzamentaria dun mínimo de 10.000€ ao ano, para subvencionar a compra e adaptación de vehículos ao modelo Eurotaxi, e para axudar a sufragar os gastos engadidos de mantemento que xeran estes vehículos especiais: maior consumo, reparacións nos sistemas de accesibilidade, seguros, etc.

    Na moción, Ourense en Común propón tamén un sistema de pagamento alternativo como o denominado Bono Taxi, un sistema xa vixente noutras cidades galegas que permite garantir o dereito social á liberdade de desprazamentos das persoas con mobilidade reducida, diversidade funcional ou dependencia severa que precisen de transporte para actividades tan cotiás como iren a fisioterapia, faceren xestións administrativas e bancarias, acudiren a centros médico – hospitalarios ou a centros de formación, de lecer e de traballo.

    A Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi, que tamén se someterá o vindeiro venres á votación do pleno, recolle 2 emendas presentadas por Ourense en Común, en referencia á adxudicación das novas licencias e ao pagamento do servizo. As 4 emendas presentadas polo PSdeG-PSOE foron rexeitadas e Democracia Ourensana non presentou ningunha.

Ourense en Común convida aos ourensáns a participar da Marea Constituínte para as autonómicas

Ourense en Común convida aos ourensáns a participar da Marea Constituínte para as autonómicas

  • O acto celebrarase o sábado a partir das 10:30 no Auditorio do Mar de Vigo e calquera persoa poderá asistir e decidir co seu voto
  • Ourense en Común celebra que a participación, a transparencia e o compromiso ético sexan os guieiros deste novo espazo de confluencia para as autonómicas

A denominada Marea Constituínte, que se celebra este sábado no Auditorio do Mar de Vigo, contando cos alcaldes de A Coruña, Compostela e Ferrol como facilitadores do proceso, comezará a dar forma a unha candidatura de confluencia para ateigar as urnas de ilusión e de cambio co fin de desaloxar ao PP e ás súas políticas austericidas do goberno da Xunta de Galicia.

Ourense en Común alégrase de que o encontro deste sábado represente unha aposta firme pola confluencia, baixo principios de adscrición individual, seguindo un código ético e avalado xa pola participación de máis de 2000 asinantes do chamado manifesto dos 3 alcaldes na defensa do país.

Impulsar unha iniciativa política que represente a vontade de mudanza nas próximas eleccións galegas será o cometido deste acto no Mar de Vigo, no que calquera persoa pode tomar parte, sendo o único requirimento asinar o manifesto na web http://mareaconstituinte.gal/

Ourense en Común fai un chamamento aberto para que a cidadanía de Ourense se achegue a participar do encontro a título individual, para colaborar na construción desta alternativa chamada a transformar o país e quitar ao Partido Popular da Xunta de Galicia.

A forza da cidadanía organizada en defensa da maioría social, que en maio de 2015 irrompía no panorama electoral galego como motor do cambio social, continuando co resultado electoral obtido por En Marea nas eleccións xerais, foi un éxito colectivo que demostrou a necesidade dunha confluencia a nivel galego e a existencia dunha demanda social para a mesma.

O encontro en Vigo sustentarase dende a diversidade e a pluralidade de todas as voces ao servizo da maioría social agredida polas políticas do PP, contando coa experiencia e o éxito xa obtidos, dende o 15-M e Nunca Máis até as candidaturas municipalistas de unidade popular, e aproveitando tamén a capacidade de traballo que centos de persoas están desenvolvendo ao longo do país, no político, no social e no institucional.

A Marea Constituínte traballará co obxectivo de acordar por consenso un calendario para a confección dunha candidatura e un programa co que se presentar ás eleccións autonómicas deste ano, co fin de gañar a Xunta e poñer en marcha as políticas que fagan, por fin, de Galicia un país próspero e xusto.

Ourense en Común solicitará no pleno a venda das accións do COB que posúe o Concello

Ourense en Común solicitará no pleno a venda das accións do COB que posúe o Concello

•    O Concello ten case o 21% das accións desta Sociedade Anónima Deportiva
•    A venda das accións permitiría que o club gañara autonomía e independencia
•    O COB debe optar ás subvencións en igualdade de condicións que o resto de clubs deportivos da cidade

    Ourense en Común defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que solicitará que o Alcalde inicie os oportunos estudos económicos e xurídicos para desprenderse das accións titularidade do Concello de Ourense na Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto.

    “As administracións locais, como entes públicos que son, non deberían participar nos órganos de administración de sociedades con ánimo de lucro cuxa actividade está fóra de toda capacidade de fiscalización. Así é que non é posible aplicar neles os protocolos de garantías que a propia administración pública esixe.”

    As 4.600 accións que no seu momento adquiriu o Concello por un valor de 23 millóns das antigas pesetas, supoñen case o 21% da entidade deportiva, que afronta a nova tempada coas inscricións xa realizadas para que o primeiro equipo xogue na liga LEB Oro e o seu filial na liga EBA.

    A venda das accións do Concello, que xa fora suxerida polo propio consello de administración do COB en xuño de 2010, sendo presidente Jorge Bermello,  liberaría ao club de lastres impostos pola institución, permitindo que o resto dos accionistas e mesmo os afeccionados poidan implicarse co proxecto, tomando as rendas e decidindo libremente o futuro da entidade. É por isto que dende Ourense en Común solicitan que o Concello de Ourense venda as participacións que actualmente posúe, sen perseguir lucro algún, ao prezo actualmente estipulado, e destinar os fondos recadados a atender as necesidades básicas da veciñanza.

    Ourense en Común inclúe na súa moción que se estude o sistema máis satisfactorio para ambas partes na transacción, contando cos servizos xurídicos e económicos da institución para buscar a mellor alternativa.

    O accionariado do COB-SAD, divídese actualmente entre o 42% que posúen a partes iguais Concello e Deputación; diferentes empresas como Coren, COPASA, La Región, Planos Publicidade ou o ex-presidente do club Jorge Bermello, que en conxunto suman outro 39%, e un 19% de pequenos accionistas, que no seu día adquiriron menos de 100 accións da entidade deportiva.

    Dende Ourense en Común queren lembrar tamén que a colaboración das administracións públicas coa Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto materialízase de diferentes modos. Así pode ser mediante a cesión de instalacións deportivas nas que adestrar e disputar partidos, nas que fornecer unha canteira e unha afección, indispensables para a sustentabilidade de calquera club. Asemade tamén mediante a posta a disposición do club de todos os medios necesarios para que o espectáculo que supón un encontro deportivo deste nivel se poida realizar coa máxima seguridade.

Sobre o voto en contra de Ourense en Común para a subvención nominativa ao COB no Consello Municipal de Deportes celebrado onte xoves 21/07/2016

    Ourense en Común rexeitaba onte a subvención nominativa de 57.650 € proposta polo Partido Popular para o COB no Consello Municipal de Deportes, entendendo que “é unha subvención discriminatoria co resto de clubs deportivos da cidade”.

    O Consello Municipal de Deportes ten entre os seus obxectivos a promoción e o fomento da Educación Física e o Deporte, sendo competente para aprobar bases reguladoras de subvencións en materia deportiva ás que pode concorrer calquera club e entidade deportiva municipal en convocatoria competitiva e con baremos ponderados. O Concello convoca anualmente varias liñas de axudas en materia deportiva, das que se benefician preto de 100 clubs da cidade cada tempada e ás que o COB nin sequera concorreu, estando aínda en prazo para facelo.

    Ourense en Común cuestiona deste modo a xestión do goberno en todo o acontecido co COB nos últimos meses. “O rol do Concello debe ser o de fomentar e apoiar o deporte, pero non inxectar liquidez con fondos públicos a unha sociedade anónima. O Partido Popular pretendeu primeiro aprobar unha subvención de 1.5 millóns de Euros contraria á normativa, que competía con recursos básicos municipais, e agora pretendía outorgar a dedo outra subvención sen que o club concorrera sequera á convocatoria oficial, como si fixeron o resto de clubs da cidade“.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/martino-x-vazquez-sobre-a-venda-das-accions-do-cob

Ourense en Común presenta novos datos na comisión do Matadoiro Municipal

Ourense en Común presenta novos datos na comisión do Matadoiro Municipal

  • Ourense en Común solicitou á Consellería de Sanidade da Xunta a documentación do Matadoiro dos últimos 2 anos.
  • Matadero de Ourense S.L. podería estar evadindo un 3% mensual no pago de taxas ao Concello

    A comisión que investiga as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro municipal, mantiña hoxe mércores a súa quinta xuntanza, na que Ourense en Común aportaba novos indicios de irregularidades á investigación.

    Dadas as discrepancias existentes nos datos que se facilitaron ate o de agora na comisión, representantes de Ourense en Común trasladábanse esta semana a Compostela, onde mantiveron unha reunión co Director Xeral de Seguridade Alimentaria da Xunta de Galicia, na que se aclarou que o único documento válido neste caso é o libro de rexistro de control sanitario, onde se recollen os animais que entran no matadoiro.

        Á vista da documentación, o propio funcionario da dirección xeral calcula que podería haber un desfase dun 3% mensual en contra do Concello.

    Esta información foi trasladada esta mañá á comisión, que analizou aleatoriamente unha páxina do libro de rexistro, contrastándoa coa documentación chegada na mesma data ao Concello, manifestándose desfases. Por exemplo, unha diferenza de 330 cabezas de gando caprino declaradas no libro de rexistro, fronte a só 175 declaradas na documentación aportada ao Concello para o pago das taxas correspondentes.

    Para afondar e avanzar na investigación, e seguindo indicacións da Dirección Xeral de Seguridade Alimentaria, Ourense en Común, solicitou onte na Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense, a documentación oficial referente ao Matadoiro desde o ano 2014, para facer un estudio dos últimos anos dese posible desfase e a presunta evasión de taxas do Matadoiro fronte ao Concello.

    Aínda que a intención do equipo de goberno era pechar hoxe a comisión, aínda sen esclarecer, acordouse fixar sine díe unha nova reunión, en canto Ourense en Común reciba a documentación solicitada á Xunta de Galicia, para ter a posibilidade de cotexar eses datos do control sanitario e detectar as posibles desviacións existentes do Matadoiro ao Concello.

    Esta comisión sobre o Matadoiro, constituída o pasado 28 de marzo, foi solicitada por Ourense en Común ao detectarse diferenzas desfavorables para o Concello no reconto de cabezas de gando realizados pola empresa, actualmente en prórroga de cinco anos despois de que o anterior Goberno municipal acordase manter a privatización do servizo no ano 2013; unha prórroga que se realizou con informes xurídicos que xa daquela cuestionaban a súa idoneidade.

As concelleiras de Ourense en Común non asistirán aos actos relixiosos na honra do Apóstolo Santiago

As concelleiras de Ourense en Común non asistirán aos actos relixiosos na honra do Apóstolo Santiago

    As concelleiras de Ourense en Común recibían esta semana o convite protocolario do Alcalde para asistir na Igrexa das Caldas aos actos relixiosos na honra do Apóstolo Santiago o vindeiro luns, mais, como xa fixeran o pasado ano nestas datas, e noutros actos como os da Semana Santa ou a procesión do Corpus, non asistirán á cita, atendendo ao cumprimento do Código Ético definido pola asemblea veciñal.

    Dende Ourense en Común enténdese que este tipo de eventos introducen na política municipal un trato preferente con respecto a unha determinada sensibilidade, fomentando un trato discriminatorio a outras opcións relixiosas presentes no Concello. “Defendemos o carácter laico da institución, e a neutralidade en materia de crenzas ou conviccións, como instrumento de promoción do respecto á plena liberdade de conciencia de cada veciña

Ourense en Común suxire a apertura e uso do antigo cárcere do Progreso

Ourense en Común suxire a apertura e uso do antigo cárcere do Progreso

  • A obra que o Concello vai acometer sería máis eficiente dotando dun uso ao espazo
  • Manter o edificio sen uso continuará co deterioro deste inmoble municipal, pechado desde hai case 30 anos
  • Ourense en Común critica a falta de dilixencia e o proceder do Partido Popular no peche da beirarrúa anexa ao edificio

    Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, reflexionaba esta mañá, tras a xunta de área de Urbanismo, sobre o futuro do antigo cárcere do Progreso: “A actuación de seguridade que se vai acometer na edificación, é un moi bo momento para que o espazo e a propia intervención teñan un retorno para a cidade, e que, aínda que sexa temporal, o cárcere teña un uso.

    Ourense en Común suxire deseñar un proxecto, habilitar unha partida orzamentaria, que aumentaría a prevista a día de hoxe para o apuntalamento da edificación a efectos de seguridade, e permitir que o cárcere se abrise, e “se no futuro se desarrolla o PERI das Burgas e se destina a outro uso, a lo menos teríamos aproveitado os recursos e o propio espazo, pechado desde hai case 30 anos.

    Na Xunta de Área de Urbanismo e Vivenda celebrada esta mañá, Ourense en Común presentaba ademais unha queixa formal, solicitando que fose recollida en acta, en referencia ao proceder tomado no peche da beirarrúa anexa ao cárcere, xa que o informe recibido polo Concello no mes de maio, transcendeu antes aos medios de comunicación (que o recollían a pasada semana) que aos grupos da oposición municipal, aos que aínda se lles facilitou esta mañá.

    Este ditame, do 19 de maio de 2016, ao respecto da Inspección Técnica do edificio, contiña un informe desfavorable do Arquitecto Técnico, indicando que “dado el estado del alero y los revestimientos de fachada en la calle Progreso, se considera imprescindible el cierre del tramo de la vía pública que discurre paralela a la edificación, en un ancho suficiente para evitar daños a peatones y circulación de vehículos mientras no se instale una marquesina de protección, que proteja a la vía o se realice la reparación del mismo”.

    Lonxe de asumir as responsabilidades fronte a este perigo para a seguridade cidadá, o Partido Popular mantivo aberta a beirarrúa á circulación durante case dous meses máis, ate hai só uns días. O concelleiro responsable da área, escusábase a primeiros deste mes de xullo na falta de persoal do Concello para non ter acometido o peche; unha problemática responsabilidade tamén do Partido Popular, impulsor da Lei que impide que concellos saneados, como o caso de Ourense, poidan ter máis persoal. “Por sorte non pasou nada, pero non pode ser que nos escudemos en que non hai persoal nun problema de seguridade cidadá, para que os propios servizos do concello non actúen con outra urxencia. Estudiaremos o informe que se nos facilitou hoxe para esixir e as responsabilidades oportunas a nivel técnico e político”, apuntaba Martiño X. Vázquez.

A comisión do PXOM non aclara os cambios planeados polo Partido Popular

A comisión do PXOM non aclara os cambios planeados polo Partido Popular

•   Varias modificacións foron tramitadas polo Concelleiro de Urbanismo verbalmente e a porta pechada
•   O PP pretende que a iniciativa privada paute a ordenación do territorio no concello
•   Os técnicos municipais tamén cuestionan o proceder do concelleiro do Partido Popular

    Nunha xuntanza de case 4 horas, representantes dos grupos da corporación municipal, reuníanse esta mañá nunha comisión para escoitar a análise do equipo redactor do PXOM sobre as diferentes alegacións presentadas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal.

    Tras a reunión, continúan sen despexarse as dúbidas demandadas por Ourense en Común hai uns días, referidas a varios cambios estratéxicos do Plan, que contemplan modificacións e axustes planeados polo PP.

    “Non se entende que o procedemento para modificar o PXOM non siga o curso de alegacións establecido, se non que se está procedendo con peticións verbais e a porta pechada das que se gaba o propio Concelleiro de Urbanismo para modificar determinados criterios”, apunta o voceiro de Ourense en Común ao remate da reunión.

    Outra das cuestións a resolver esta mañá era a referida ao aumento de edificabilidade do plan que,  segundo aclarou o equipo redactor, non se debe á adaptacion á nova Lei do Solo aprobada polo Parlamento Galego. “Teñen que existir outras razóns para que o PP se interese nese aumento só en polígonos concretos, con nomes e apelidos, que pasan a ter unha edificabilidade do máximo permitido pola lei

    Estas modificacións sustanciais no PXOM están xerando tamén diferencias internas entre os técnicos municipais, que cuestionan o proceder do concelleiro do Partido Popular, e se ven na obriga de asinar informes por maioría e non por consenso.

    O formato de xestión do Plan é outra das discrepancias sobre a mesa, xa que, namentres o equipo redactor aposta por un formato de xestión cooperativo, no que a iniciativa xurda da propia administración local, o PP segue presionando para que o modelo de xestión sexa o de compensación, onde a iniciativa privada sexa a que marque as pautas de ordenación do territorio no concello de Ourense.

    O plan ten pendente aínda a recepción de 3 informes sectoriais nodais para a súa aprobación, de Patrimonio, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e da Axencia de Infraestruturas de Galicia.

    No mes de setembro, o equipo redactor reunirase novamente cos grupos da corporación, xa sobre un texto refundido, para analizalo e poder ir avanzando na aprobación definitiva do Plan.

Os colectivos da Mesa de Mobilidade requerirán ao Partido Popular unha xestión máis eficaz

Os colectivos da Mesa de Mobilidade requerirán ao Partido Popular unha xestión máis eficaz

· Os colectivos criticaron a falta de rigor do Partido Popular na periodicidade das convocatorias e a falta de información sobre os aportes presentados na Mesa
· Os axentes acusan a falta dunha estratexia global e con visión de futuro para a cidade
· Acordouse redactar un requerimento para mellorar a operatividade deste órgano municipal

     Convocada por Ourense en Común e o Grupo Socialista, esta mañá celebrábase no Centro Cívico Colón unha nova xuntanza da Mesa Municipal de Mobilidade, con presencia de colectivos como a Asociación Miño, Masa Crítica, Sindicato de Policías Municipais, o Comité de Autobuses Urbanos, Amigos da Terra, a Asociación de Persoas con Discapacidade, AAVV Seixalbo ou representantes de CCOO en materia de transporte.

     A orde do día da xuntanza incluía no primeiro punto facer balance deste órgano e analizar o seu futuro.

     Os colectivos presentes concordaron en que a mesa é unha ferramenta positiva e esencial, de ser realmente participativa, e lamentan que o equipo de goberno do Partido Popular estea desaproveitando a oportunidade de escoitar e recoller demandas que poden enriquecer a mobilidade no Concello.

     A falta de rigor na periodicidade das convocatorias foi outro dos peros aportados polos presentes, que botan en falta que o goberno estableza un rumbo determinado, con obxectivos e unha visión de futuro para a cidade, cun cronograma de traballo establecido e unha mellor comunicación e seguimento das accións que se acometen nesta materia. En todos os casos, os colectivos critican que o traballo aportado en anteriores convocatorias da mesa, non se vexa reflectido nas accións acometidas, nin se lles informe de se está sendo tido en conta para o futuro.

     No segundo punto a tratar na xuntanza, referido ao transporte metropolitano, houbo consenso dos colectivos na falta de información na Mesa Municipal de Mobilidade sobre as consecuencias, obrigas e deberes derivados da sinatura do convenio, interpretando que, ao deixar de lado a parte técnica sen definir as paradas, o proxecto corre o risco de colapsar aínda máis o tráfico na cidade. Os presentes incidiron novamente na necesidade dunha estratexia global de cidade na que incluír este tipo de planificacións, considerando prioritario facilitar un bo servizo de transporte público para o acceso aos puntos de atracción da contorna como centros deportivos, de ocio ou polígonos industriais e empresariais da área metropolitana.

     En canto ao grupo creado específicamente para o estudio da mobilidade en bicicleta e a pacificación do tráfico en Ourense, o colectivo Masa Crítica, participante deste grupo de traballo, cuestiona os seus resultados ao non existir unha folla de ruta definida e unha estratexia global; como en outras xuntanzas da Mesa, este colectivo incidiu en que o carril bici non é a solución para integrar a bicicleta na cidade, unha iniciativa que debería contar antes cunha visión técnica e estratéxica para asegurar que a cidade teña espazos que garantan a coherencia e a convivencia nos múltiples proxectos da cidade en todas as escalas, poñendo no centro ao peón.

     No tocante á campaña escolar, a mesa acordou facer un chamamento ao goberno municipal para que asuma as propostas presentadas no pasado, e, de consideralo necesario, que solicite a colaboración dos colectivos e organizacións presentes de cara á procura dunha solución da aglomeración de vehículos ás portas dos centros educativos durante o próximo ano escolar.

     Os presentes na reunión desta mañá, acordaron redactar un requirimento dirixido ao equipo de goberno do Concello, para mellorar a eficiencia e operatividade da Mesa Municipal de Mobilidade no futuro, suxerindo a fixación dunha periodicidade na convocatoria, a implementación de protocolos como levantamento de actas, recollida de propostas, resolución de achegas e emendas, a definición de obxectivos e dotación de medios económicos e persoais para a súa consecución, e a mellora da comunicación entre o goberno municipal e os axentes sociais representados na Mesa Municipal de Mobilidade.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/20160713-martino-x-vazquez-declaracions-tras-a-mesa-de-mobilidade

Ourense en Común demanda que a comparecencia de José Araujo se axuste ao Regulamento das entidades locais

Ourense en Común demanda que a comparecencia de José Araujo se axuste ao Regulamento das entidades locais

•    O equipo de goberno do Partido Popular omitiu fases no procedemento establecido polo Regulamento para estes casos
•    O concelleiro ten pendiente dar explicacións sobre un presunto trato de favor cun  familiar

        Ourense en Común rexistraba onte unha demanda para a anulación do proceso irregular levado polo PP no referido á comparecencia do concelleiro D. José Araújo por un presunto caso de nepotismo.

        Segundo marca o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, recollido no Real Decreto 2568/1986, o correcto desenrolo do procedemento pasaría por 4 fases:

1. O requerimento, solicitado por Ourense en Común no pleno de abril, dunha “comparecencia plenaria pública, na que o implicado puidese dar explicacións, aportando datos e documentación sobre os feitos; unha comparecencia que sería monográfica, no prazo de 1 mes, e aberta ás preguntas que tiveran a ben realizar calquera dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal. De non dar as explicacións pertinentes o alcalde cesará de inmediato ao citado concelleiro D. José Araújo Fernandez”.

Todo membro da Corporación que ostente a responsabilidade dunha área de xestión, estará obrigado a comparecer ante o Pleno, cando este así o acorde, ao obxecto de responder as preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación”.

2. A redacción dun Informe xurídico sobre o caso, realizado polo Secretario xeral do concello, e asinado en data 11 de abril de 2016

3. Ditame da comisión de Pleno, e,

4. Aprobación polo Pleno da comparecencia por maioría simple.

        Lonxe de seguir o procedemento como marca o Regulamento, o equipo do Partido Popular omitiu os últimos dous pasos mencionados, agochando a “comparecencia” como último punto da orde do día no pleno do mes de maio, saltándose o acordo plenario e evadindo dar explicacións reais sobre unha grave sospeita de nepotismo.

        Ourense en Común formulaba 5 preguntas naquela ocasión e ningunha foi contestada, nin nese pleno, nin por escrito, convertindo o proceso nunha pantomima.

        Á vista do acontecido, Ourense en Común solicitou por rexistro que a comparecencia do concelleiro se axuste ao tenor dos artigos do Regulamento e que quede, polo tanto, anulado o proceso irregular levado a cabo polo alcalde D. Jesús Vázquez.

Ourense en Común presenta 3 emendas á ordenanza reguladora do servizo de taxis

Ourense en Común presenta 3 emendas á ordenanza reguladora do servizo de taxis

• O Grupo Municipal mantivo unha reunión cos representantes da Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo de Ourense para traballar nas achegas presentadas
• As emendas presentadas son referidas aos artigos que regulan a adxudicación das novas licencias, o pagamento do servizo, e a flota de eurotaxis

    Dentro dos 10 días hábiles para presentar emendas á nova Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi na cidade de Ourense, Ourense en Común rexistraba esta mañá 3 achegas traballadas conxuntamente co propio gremio de taxistas, tras manter esta semana unha xuntanza cos representantes da Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo de Ourense.

    “Entendendo a mobilidade como unha materia nodal, de cara a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do noso municipio, e sendo Ourense a terceira cidade do Estado español coa maior taxa de tráfico rodado, é necesario deseñar unha estratexia de cidade situando ás persoas no centro, pacificar progresivamente o tráfico e tamén dar alternativas: transporte público, metropolitano e, no caso que nos ocupa, garantir as condicións óptimas do Servizo de Taxi.

    As emendas presentadas son referidas aos artigos 8, 33 e 41 da Ordenanza, que regulan respectivamente a adxudicación das novas licencias, o pagamento do servizo, e a flota de eurotaxis, calificados como accesibles ou adaptados en termos de mobilidade reducida.

    No referido á adxudicación das novas licencias, que serán outorgadas polo Concello mediante concurso público, Ourense en Común solicita que se teña en conta na valoración que os vehículos sexan eléctricos, GNV ou de baixas emisións, ademais de que adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida, como xa figura no texto orixinal da ordenanza.

    No tocante ao pago do servizo, o texto recolle que o usuario efectúe o pagamento no momento en que o servizo remate, ao que Ourense en Común engade que ese pago se realice sen prexuízo de que podan establecerse polo propio Concello de Ourense bonificacións e métodos de pagamento alternativos como BonoTaxi, Convenios e outros.

    A ordenanza recolle tamén que o número de taxis adaptados, ou eurotaxis, sexa suficiente para atender as necesidades da poboación, “polo que o Concello debera aportar as medidas necesarias para que o servizo este debidamente cuberto”. Ourense en Común inclúe unha emenda a este artigo, engadindo que o Concello garanta unha partida orzamentaria anual mínima para subvencionar a compra destes vehículos adaptados, a súa homologación, mantemento e outros gastos.

    A ordenanza pasará agora a ser analizada polos técnicos competentes, pasando despois as emendas, xunto cos informes técnicos, á Comisión de Pleno, na que se votará e, de ser o caso, decidiríase levar ao Pleno. De saír aprobada no pleno, habería un mes de exposición pública para que calquera poda presentar alegacións antes da súa aprobación definitiva.