Ourense en Común: Posicionamento pleno ordinario de xullo

Ourense en Común: Posicionamento pleno ordinario de xullo

•    O Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), a Renda Social Municipal e a atención dos colectivos LGTB ocupan as mocións de OUeC neste pleno
•    A Asemblea en Común definiu o pasado martes o posicionamento nos puntos a votar na sesión plenaria
•    Ourense en Común apoiará as mocións presentadas polo grupo socialista, absténdose e emendando as presentadas por DO.

    Ourense en Común definía o pasado martes a súa postura de cara ao pleno ordinario do mes de xullo como é habitual, nunha asemblea celebrada no Espazo en Común das Burgas.

    O grupo defenderá no pleno de mañá 3 novas mocións: a revisión do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que en Ourense ten a taxa media máis alta de todas as grandes capitais galegas; a creación dunha Renda Social Municipal para dar apoio a máis do 23% dos fogares do municipio, que viven por debaixo do limiar da pobreza; e a aposta por medidas e protocolos para a atención dos colectivos LGTB e para a concienciación e visibilización da problemática do Acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico.

    No tocante ás mocións presentadas polo resto de grupos para este pleno de xullo, Ourense en Común posicionarase a favor das tres mocións presentadas polo grupo socialista, que recollen a dotación de persoal especializado na nova RPT, a flexibilidade na normativa de subvencións para a instalación de ascensores, e o adecentamento e posta en valor da pasarela de Outariz.

    En canto ás presentadas por DO, na referida á revisión da sinalización acústica en semáforos e á implantación do novo sistema de control de acceso ao casco histórico, Ourense en Común presentou unha emenda de adición, para que as posibles solucións técnicas recollan tamén a visión dos colectivos con representación na Mesa Municipal de Mobilidade. No caso de aprobarse dita emenda, Ourense en Común votará a favor desta moción, de outro xeito os 3 edís absteranse, como tamén farán na moción para a renovación do impulso no goberno municipal, xa que, ainda que é positivo debater sobre o ano de goberno do PP, o acordo é pedir a dimisión das 10 concelleiras. “DO non quere renovar o impulso político no goberno municipal, queren un novo goberno sen presentar formalmente unha moción de censura nin propoñer un proxecto real de cidade, mais aló dos 25 puntos do seu programa electoral” .

    Ademais das mocións, tres novas ordenanzas municipais someteranse mañá á votación do pleno; Ourense en Común apoiará a actualización do Inventario Municipal de Bens e a ordenanza reguladora do réxime de funcionamento e cesión de vivendas de emerxencia social do Concello de Ourense, aínda que, ao atopar no documento definitivo contradicións internas serias, promoverá que colectivos como Stop Desafiuzamentos e outros, participen presentando alegacións na fase de exposición ao público.

    No caso da ordenanza municipal de limpeza de terreos e solares e de protección contra incendios forestais, Ourense en Común vaise abster, xa que “aínda que entendemos a súa urxencia, o texto que o goberno leva a pleno,  non é o que inicialmente foi acordado cos grupos, nin recolle as emendas presentadas, que non foron engadidas ao texto definitivo”. O proceso de aprobación desta ordenanza é o paradigma do concepto de diálogo e cogoberno do Partido Popular no Concello de Ourense.

Ourense en Común defenderá no pleno a creación dunha Renda Social Municipal

Ourense en Común defenderá no pleno a creación dunha Renda Social Municipal

•    Máis do 23% de fogares en Ourense viven por debaixo do limiar da pobreza
•    Concellos como A Coruña e Santiago de Compostela aprobaron este mes proxectos neste sentido
•    O Plan “Ourense Integra” anunciado polo PP en 2015 está paralizado desde hai case un ano

    Ourense en Común defende este venres no pleno unha moción pola creación dun proxecto para unha Renda Social Municipal; unha moción que xurde da diagnose da realidade social actual que, polo que indican as cifras de pobreza e exclusión social, apunta a unha terrible situación de pandemia, que no caso de Ourense afecta a 23,2% de fogares vivindo por debaixo do limiar da pobreza.

    A realidade de desigualdade social gravísima existente entre a nosa veciñanza é consecuencia da desregularización en materia laboral, das políticas de flexibilidade, e sobre todo da precarización laboral dun crecente segmento da poboación, que só poden atopar no emprego temporal, a tempo parcial ou na “economía sumerxida” as únicas vías de acceso para os seus ingresos. “Traballar xa non é garantía de renda polo que teremos que asegurar dende as institucións públicas unha serie de prestacións de cobertura de necesidades básicas.”

    Ata o momento, o peso desta cobertura recae fundamentalmente sobre a Renda de Inclusión Social de Galicia, a coñecida como RISGA. Mais a propia Rede Galega contra a Pobreza, sinala no seu informe “Para unha RISGA efectiva: Dos papeis ás persoas”, que a comunicación completamente deficiente entre administracións, o endurecemento drástico dos requisitos de acceso e os elevados retrasos na tramitación, deixan sen ningún tipo de resposta a moitas persoas, con multitude de perfís que precisan dunha prestación de inclusión.

    Como nos casos de A Coruña e Santiago de Compostela, que aprobaron neste mes de xuño os seus proxectos de Renda Social Municipal, “os concellos deben tomar as rendas e atender as necesidades ás que a RISGA non da resposta, iniciando medidas alternativas e eficaces fronte a esta realidade, e ofrecer unha vida digna a todas as veciñas e veciños”.

    O goberno do PP en Ourense, plantexara o pasado ano un proxecto en teoría similar, o denominado “Ourense Integra”, mais non chegou a materializarse, “quedou totalmente paralizado dende o mes de agosto, en que tivemos as últimas noticias rigorosas. Neste momento non hai información clara, en ningunha das xuntas de area nas que se preguntou, sobre cal é o estado deste proxecto, nin sequera se existe dalgún xeito.

    O proxecto de Renda Social Municipal debería enmarcarse dentro dunha estratexia de Inclusión Activa, vencellada a un Itinerario de Inclusión. Xa que “a renda non pode ser un fin en si mesma, a finalidade é a autonomía das persoas.

    Para Ourense en Común “é preciso comezar a debater e traballar nun proxecto serio, implicando a todos os grupos municipais, ás traballadoras dos servicios sociais e ás entidades e colectivos que combaten a pobreza e a exclusión social”.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/ledicia-pineiro-sobre-mocion-renda-social

A investigación do matadoiro continua sen resolver as irregularidades detectadas por Ourense en Común

A investigación do matadoiro continua sen resolver as irregularidades detectadas por Ourense en Común

•    As declaracións do xerente seguen sen esclarecer os desfases detectados no inventariado feito pola concesionaria da explotación servizo
•    A presenza do administrador da empresa, que se presentou na comisión sen ser convocado, frustrou a xuntanza

    A comisión que investiga as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro municipal, solicitada por Ourense en Común no pleno de febreiro, mantiña hoxe mércores a súa cuarta xuntanza, que incluía na orde do día a comparecencia do xestor do servizo.

    Con ausencia do PSOE, representantes de Ourense en Común e DO, e a concelleira do PP, Ana Fernández Morenza, tiñan previsto reunirse co xestor a primeira hora desta mañá para avanzar no esclarecemento do desaxuste entre as taxas abonadas polo Concello e pola empresa adxudicataria: Matadero de Ourense S.L.

    Antes de comezar a xuntanza, Ourense en Común tivo a condescendencia de permitir a presenza na comisión do administrador da empresa, que se personou acompañado do seu avogado, sen seren convocados á reunión.

    O xestor da empresa, exposta a controles que garantan a boa práctica da concesión, tiña hoxe a responsabilidade de esclarecer as diferencias atopadas entre os sacrificios que figuran no Libro de Rexistro Sanitario e o listado que o propio Matadoiro remite semanalmente ao Concello.

    Mais, lonxe de ser explicados estes desfases, o protagonismo tomouno o administrador de Matadero de Ourense S.L., que pediu a palabra en ton belixerante, para emitir acusacións persoais, faltando ao respecto á propia comisión e ao edil de Ourense en Común presente.

    Deste xeito a comisión derivou en asuntos persoais, que nada teñen que ver co cometido da investigación, iniciada para poñer luz en documentos pouco rigorosos e incomprensibles emitidos desde o Matadoiro, e facer un seguimento real da xestión administrativa desta concesión municipal.

    Tras a frustrada xuntanza, a comisión continua sen avances no esclarecemento das diferencias entre os partes que se remiten ao Rexistro Sanitario e o inventariado que se envía ao Concello, e volverá a reunirse o día 20 do vindeiro mes de xullo.

    Esta comisión, constituída o pasado 28 de marzo, foi solicitada por Ourense en Común ao detectarse diferencias desfavorables para o Concello no reconto de cabezas de gando realizados pola empresa, actualmente en prórroga de cinco anos despois de que o anterior Goberno municipal acordase manter a privatización do servizo no ano 2013; unha prórroga que se realizou con informes xurídicos que xa daquela cuestionaban a súa idoneidade.

Ourense en Común presenta unha moción pola diversidade LGTB+ e contra a LGTBfobia

Ourense en Común presenta unha moción pola diversidade LGTB+ e contra a LGTBfobia

•    A moción inclúe medidas e protocolos para a atención destes colectivos
•    OUeC solicitou tamén ao Goberno que a bandeira LGTB sexa visible no Concello estes días

    Esta semana celébrase o coñecido como Día do Orgullo, conmemorando a resistencia fronte a redada policial no “The Stonewall Inn” de Nova York o 28 de xuño de 1969; disturbios que supuxeron o punto de partida na loita polos dereitos do colectivo LGTBI. Unha loita que, como amosa o recente tráxico acontecemento de Orlando, debe seguir viva na esfera privada pero tamén, e especialmente, na pública.

    Ourense en Común solicitaba no Consello de Igualdade do pasado día 20, que a bandeira LGTB+, ou unha faixa coas cores do arco da vella luza esta semana no Concello.

    Asemade, o grupo municipal rexistraba este luns unha nova moción para a súa defensa no pleno do vindeiro venres 1 de xullo, de cara á concienciación e visibilización da problemática do Acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico, como paso previo e necesario para a súa solución. “É responsabilidade das administracións asumir a diversidade e incorporala ao deseño das súas políticas”.

    No Estado español, o número de agresións relacionadas coa orientación ou identidade sexual medra cada ano, constituíndo case a metade do total das agresións por delitos de odio denunciadas. Mais os ataques violentos son só a punta do iceberg e a manifestación máis brutal dunha discriminación que existe en todos os ámbitos: na rúa, nas familias, nos centros de ensino e nos de traballo.

    Aínda que non dispoñemos de cifras e datos para Ourense sobre casos de LGTBfobia, nin haxa na cidade ningunha asociación específica que represente os intereses do colectivo de lesbianas, gays, bisexuais, transexuais e intersexuais, a existencia soterrada da problemática non implica que esta non exista.  As condutas, atópanse interiorizadas nas conciencias, nos silencios, nas burlas e nos tópicos, nos prexuízos, até na linguaxe sexista e na obriga dunha ocultación da afectividade e sexualidade das persoas LGTBI, que non poden desenvolverse con normalidade e en igualdade coas heterosexuais, por medo á estrañeza, á discriminación e ao rexeitamento. O medo ou vergoña, ou simplemente un sentimento práctico de evitar ser xulgadas, fai que a nosa veciñanza LGTBI  opte por agochar a súa afectividade e sexualidade.

    Ourense non conta con espazos de socialización, visibilización e posta en común de experiencias destes colectivos; non existe unha rede promovida dende o institucional nin protocolos para abordar casos de discriminación e/ou violencia neste ámbito, etc. “As administracións locais poden e deben cubrir as carencias mediante unha aposta decidida pola visibilización da problemática como paso previo necesario para a súa solución”, apuntan desde Ourense en Común.

    Deste xeito, a moción presentada esta mañá, inclúe 3 acordos plenarios:

–    Que o Goberno Municipal, xunto coa Concellaría de Cultura, procedan a recuperar a memoria LGTBI de Ourense, mediante a convocatoria dun premio de investigación histórica destes colectivos.

–    Que o Goberno Municipal promova cursos e protocolos especiais de actuación para o persoal municipal, obrigatorios para coñecer, comprender, respectar e saber traballar coa diversidade de xénero, sexual e afectiva. Adaptando impresos e formularios municipais a esta realidade, por exemplo superando o binarismo masculino/feminino e poñendo en marcha servizos “unisex” para erradicar calquera discriminación das persoas transexuais e intersexuais.

–    Que o Goberno Municipal proceda a ampliar os organismos municipais de atención a vítimas de violencia machista e violencia sexual ás persoas LGTBI, e dispoñer de servizos sociais e xurídicos de apoio para estas persoas e as súas familias.

Ourense en Común buscará no próximo pleno a redución do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI)

Ourense en Común buscará no próximo pleno a redución do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI)

•    Ourense é a capital de provincia galega coa cota media máis alta deste imposto
•    A moción suxire tamén o pago fraccionado deste imposto abusivo para a veciñanza

    O grupo municipal Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o seu debate e aprobación no pleno ordinario do próximo mes de xullo, de cara á revisión das taxas referentes ao Imposto sobre Bens Inmobles, o denominado IBI.

    Ourense é a capital de provincia galega coa cota media máis alta deste imposto que, segundo datos da Axencia Tributaria, no ano 2015 acadaba os 84,40€ de promedio no municipio, moi por enriba dos 63,56€ de Pontevedra, os 55,42€ de Lugo e os 50,85€ da Coruña, e todo apunta a que, coa política de conxelación de taxas do actual equipo de goberno do Partido Popular, manterá esta condición no actual ano 2016.

    O tipo de gravame aplicado na actualidade mantén os criterios propios dun contexto de especulación mobiliaria, e provoca que as veciñas e os veciños de Ourense paguen un IBI desproporcionado perante a nosa realidade; unha realidade que é inversamente proporcional á clasificación con respecto ao Produto Interior Bruto (PIB) por habitante, no que Ourense está moi por detrás do resto de capitales galegas.

     “As administracións públicas deben ser sensibles e conscientes da situación da de emerxencia social e as altas taxas de desemprego no noso concello, que superan o 20% da poboación en Ourense. O Concello debe axudar a mellorar as condicións materiais de vida das familias, promovendo medidas que axuden a garantir dereitos tan básicos como acceso a unha vivenda, enerxía eléctrica, auga, alimentación… e facilitar a actividade a outros sectores estratéxicos como o comercio, en prol da activación da economía local”, apunta Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común.

    Ourense en Común solicitará tamén facilitar o pago fraccionado por trimestres, cuadrimestres ou semestres como complemento á bonificación de redución do 1% por domiciliación dos recibos. “Son medidas que, en conxunto, permitirían actualizar un imposto abusivo para a veciñanza e que recuperarían a estabilidade entre necesidade de recadación e equidade.”

Ourense en Común apoiará á candidatura de En Marea de cara ao 26X

Ourense en Común apoiará á candidatura de En Marea de cara ao 26X

• A Asemblea entende que esta é a única candidatura que pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións

Dende Ourense en Común entendemos que os próximos comicios electorais do 26 de xuño serán novamente esenciais para superar unha lóxica política histórica na que se perpetuaron no poder unhas elites baixo a alternancia bipartidista. Fronte a propostas baseadas na corrupción, a especulación inmobiliaria, o malgasto e a falta de transparencia das contas, ao carón da privatización sistemática de servizos públicos e do distanciamento e deshumanización das administracións, debemos propoñer novas políticas fundamentadas na xestión do común, priorizando o social e afondando nos principios de xustiza social, igualdade de xénero, sustentabilidade, democracia participativa e compromiso ético.

É por isto que a asemblea extraordinaria de Ourense en Común celebrada este mércores tomaba por consenso o acordo de apoiar á candidatura electoral de En Marea para os vindeiros comicios do mes de xuño. Así é que, malia a non ter participado no seu proceso de confección, a Asemblea entende que esta é a única candidatura que pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio do pasado ano.

Ourense en Común seguirá traballando na construción dun suxeito político único que comparta eses principios, coa confluencia como horizonte para os próximos comicios electorais ao Parlamento de Galicia no que recuperar as institucións para a xente.

O municipalismo, que deu pulo a estes procesos, será a base neste momento constituínte, descansando nun principio de adscrición individual, onde rexa o principio de “unha persoa, un voto” en pe da igualdade e superando as estruturas piramidais.

Ourense en Común denuncia a mala xestión na Concellería de Medio Ambiente

Ourense en Común denuncia a mala xestión na Concellería de Medio Ambiente

•    A demora coa Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e solares e de protección contra os incendios forestais vai facer imposible que se aplique este verán
•    Problemas coa limpeza de zonas verdes, ratas, serpes, ou a contaminación no Río Barbaña poñen de manifesto a mala xestión na Concellería que dirixe José Araujo

    Esta mañá remataba o prazo para que os grupos municipais presentaran alegacións ao borrador da Ordenanza Municipal de limpeza de terreos e solares e de protección contra os incendios forestais.

    O procedemento, aberto no mes de marzo pola Concellería de Medio Ambiente, leva unha demora de 3 meses provocada pola falta de seriedade do concelleiro responsable da área, José Araujo, que pretendía levar o documento a pleno irregularmente, sen cumprir as dilixencias que a propia administración ten establecidas, como estes 10 días de prazo para achegar emendas ao texto tras a súa presentación aos grupos.

    “Poñer freo á lacra de lumes forestais, habería de pasar por axilizar o trámite, pero seguindo os procedementos axeitados que a propia administración ten”, apunta Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común. O retraso da tramitación vai facer imposible que esta ordenanza se aplique este verán, xa que tras a súa aprobación, previsiblemente no pleno ordinario do mes de xullo, aínda tería que someterse a un mes de exposición pública para que tamén a veciñanza poda presentar alegacións.

    Ourense en Común presentou xa no mes de abril diferentes emendas ao documento saídas dunha mesa-debate aberta á veciñanza, referidas á plantación de eucaliptos, á terminoloxía empregada no texto, á ambigüidade dalgúns preceptos, e propoñendo ademais a necesidade de campañas de información e concienciación antes de impoñer sancións.

    Nos últimos días, OUeC engadiu unha alegación máis, para que as veciñas e veciños sexan notificadas do contido da ordenanza, e propoñendo incorporar ao texto da Ordenanza os artigos necesarios que regulen o Banco de terras municipal de Ourense, o seu desenvolvemento, uso e características, informando ás veciñas e veciños da existencia e as posibilidades do mesmo, xa que constituiría un recurso fronte ao abandono das terras, xerando un impacto positivo nos ámbitos ambiental, económico e social de Ourense.

    Ourense en Común cuestiona tamén o traballo desta Concellería na responsabilidade que lle toca en canto á limpeza.Están traballando nunha ordenanza que vai impoñer ás veciñas normas de limpeza cando o propio concello non asume a súa parte e ten problemas para adxudicar a desratización do municipio, ten problemas con CESPA pola limpeza zonas verdes, faltan tarefas de desbroce e temos pulgas, serpes, e contaminación no Río Barbaña.”

Asemblea veciñal aberta sobre o COB

Asemblea veciñal aberta sobre o COB

Rescatamos algúns momentos da Asemblea veciñal sobre o COB que mantivemos a pasada semana na que se decidiu rexeitar calquera subvención para a Sociedade Anónima Club Ourense Baloncesto.

Houbo oportunidade de debater e decidir á vista dos datos, algo que o propio Concello debería facer antes de subvencionar a unha empresa co diñeiro de todas. #‎participación é isto

Ourense en Común pide ao alcalde traballar contra a estigmatización das comunidades musulmás

Ourense en Común pide ao alcalde traballar contra a estigmatización das comunidades musulmás

•    A petición traslada a campaña promovida polo Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades – EsCULcA
•    Oito ediles galegos xa asinaron este compromiso en defensa dos valores da sociedade democrática

    Ourense en Común trasladaba a Jesús Vázquez no pasado pleno, o rogo de asinar unha declaración contra a estigmatización das comunidades musulmás.

    A declaración, promovida polo Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades – EsCULcA, busca o compromiso dos alcaldes e alcaldesas de Galicia para pór todos os medios ao seu alcance e promoveren nos respectivos concellos un clima de entendemento e respecto que evite a estigmatización e a discriminación de comunidades e persoas musulmás con residencia no país, sexan inmigrantes, refuxiadas ou galegas de nación.

    Ourense en Común entende que quen asume responsabilidades municipais ten tamén a obriga de desempeñar un papel importante na conformación de comunidades respectuosas e pacíficas que garantan a convivencia entre persoas e grupos de diferentes traxectorias e crenzas. Traballar para que non se produzan  expresións de islamofobia no noso concello é unha responsabilidade que o alcalde ten que asumir, non só para salvagardar a integridade das persoas e comunidades musulmás-migrantes, senon tamén para defender os valores da sociedade democrática.

    A carta busca o compromiso do alcalde para que condene as actitudes, comportamentos e políticas islamófobas en todas as súas formas, para que declare que calquera prexuízo ou discriminación contra colectivos humanos é contrario aos valores democráticos fundamentais, para que apoie os esforzos da sociedade dirixidos a erradicar actitudes de odio étnico, e en especial para que traballe en programas educativos encamiñados a previr o desenvolvemento da intolerancia e a discriminación.

    Aínda que nas vilas e cidades galegas os casos coñecidos de prácticas discriminatorias contra a comunidade islámica non alcanzan a gravidade do que acontece noutros lugares de Europa, non podemos ocultar a existencia de indicios que apuntan no mesmo sentido nin ignorar o poder de expansión que teñen as ideas e comportamentos de odio étnico e relixioso nun mundo dominado polas comunicacións globais.

    O documento xa foi asinado polos alcaldes de A Coruña, Lalín, Narón, Oleiros, Salceda de Caselas, Teo, Vilagarcía e a alcaldesa de Moaña.

Ourense en Común defenderá 3 mocións no pleno de mañá

Ourense en Común defenderá 3 mocións no pleno de mañá

• Unha maior transparencia no Concello, defender as demandas veciñais de Canedo e Beiro, e a denuncia á política migratoria da UE concentran as peticións do grupo
• Na primeira fase resolutiva, OUeC votará a favor do expediente de honra a D. Marcos Valcárcel e en contra da modificación orzamentaria para o COB
• OUeC apoiará 6 das 7 mocións que presenta o resto de grupos da oposición

    A orde do día do pleno ordinario de xuño, que se celebra mañá na Casa do Concello de Ourense, recolle 3 mocións rexistradas no último mes por Ourense en Común, para o seu debate e votación pola corporación municipal na parte resolutiva da sesión deste venres.

    Nesta parte do pleno, a corporación comezará votando a resolución do expediente de honra a favor de D. Marcos Valcárcel López, unha figura que como cronista, historiador e estudoso da cidade ten os méritos suficientes para esta distinción, polo que Ourense en Común votará a favor.

    A continuación o pleno votará a modificación orzamentaria aprobada en Xunta de Goberno Lcobocal polo goberno do PP, co fin de adxudicar unha subvención nominativa á Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto. Froito da consulta na asemblea veciñal aberta celebrada o mércores nas Burgas, Ourense en Común votará en contra desta modificación como xa se comunicou onte ao remate da nomeada asemblea, cuxa maioría entende que as prioridades de gasto de diñeiro público deben ir cara as verdadeiras emerxencias da cidade.

   vergUEnza Ourense en Común abrirá a quenda de mocións asumindo o chamamento lanzado pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. A moción, rexistrada polo grupo o pasado 9 de maio no que se celebraba o Día de Europa, solicita que a corporación denuncie a política migratoria da UE, e informe e visibilice entre a cidadanía ourensá sobre a realidade da que é a peor crise de persoas desprazadas desde a II Guerra Mundial.

    A segunda das mocións que Ourense en Común leva a este pleno ordinario, buscará o acordo da corporación para reforzar a transparencia na xestión do orzamento público, e solicitará que se difundan na páxina web do Concello todas as ofertas para a adxudicación de contratos menores; unha medida que non é tecnicamente complicada e que é só cuestión de ter a vontade política no fomento da transparencia, como ferramenta útil e necesaria para combater o fraude na contratación pública.pxom-en-comun

    Ourense en Común trasladará tamén ao pleno a demanda colectiva das veciñas de Canedo e Beiro, defendendo o dereito destes barrios de participar no Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, promovido pola Xunta de Galicia e o Instituto Galego da Vivenda e Solo. Malia a estar atravesados por unha variante do Camiño de Santiago, estes barrios non foron considerados dentro do Programa, e é responsabilidade da entidade local solicitar a súa inclusión.


      No referido ás mocións que presentarán no pleno o resto de grupos da corporación, e seguindo a orde do día:

    Ourense en Común apoiará a moción do PSOE na que se solicita ao goberno ampliar o gasto en políticas sociais. OUeC entende e comparte que os orzamentos han de incluír, manter e ampliar os servizos dedicados a paliar a emerxencia social da cidade.

    Ourense en Común apoiará tamén a primeira das mocións de DO, referida á adopción de medidas contra a contaminación provocada polas cabichas do tabaco; unha moción que OUeC valora positivamente polo seu espírito construtivo e de concienciación, nunha liña ben diferente á seguinte das mocións que defenderá o mesmo grupo, relativa ás pintadas na cidade.

    prismaticos-tunelOurense en Común votará en contra, e apelará a Democracia Ourensana a diferenciar e non criminalizar nin equiparar o que é vandalismo, como pode ser unha pintada na catedral, co que é arte; unha distinción que non recolle a moción e polo tanto supón unha falta de sensibilidade e respecto cara ao traballo de profesionais dos murais que destacan na nosa cidade. OUeC plantexará unha visión máis construtiva, poñendo exemplos de éxito como o Festival Internacional DesOrdes Creativas que celebra a vila de Ordes, un modelo que, de replicarse en Ourense, podería reverter positivamente na cidade, ou o uso de medianeiras baleiras que poderían empregarse como lenzos artísticos.

    Ourense en Común votará a favor da petición do grupo socialista para a construción dun parque público na zona en desuso que suporá o traslado da estación de autobuses de O Pino, e suxerirá estudiar as posibilidades de deseñar propostas para que, ademais dun parque, e sen derrubar o edificio actual, poida dotarse a este barrio dun espazo destinado a uso social para as veciñas e veciños.

    A última moción do PSOE, para promover unha educación libre de acoso homofóbico e transfóbico, contará tamén co voto en positivo de Ourense en Común; se ben na moción se botan en falta medidas de base máis locais, Ourense en Común, ademais de apoiar a solicitude no pleno,  vaise comprometer a presentar unha batería de propostas neste sentido para o próximo pleno do mes de xullo.

    Ourense en Común apoiará tamén a moción de DO relativa á política de gasto en medios de comunicación do Concello de Ourense, entendendo que é escandaloso que se gaste 1 millón de euros de diñeiro público ao ano neste fin, seguindo ademais criterios arbitrarios na contratación e sen que se coñezan os estudios do retorno que xera o dito gasto.

    Para a última moción da orde do día, presentada por DO con carácter de urxencia en referencia ao convenio para a futura estación intermodalOurense en Común posicionarase a favor, defendendo que este convenio sexa redactado en consenso con toda a corporación e sobre as directrices básicas que se deben defender para garantir que esta nova estación se adecúe aos intereses das veciñas e veciños do Concello de Ourense.