Ourense en Común pedirá no pleno transparencia en todas as contratacións

Ourense en Común pedirá no pleno transparencia en todas as contratacións

•    A moción busca que se publique na web do Concello a adxudicación de todos os contratos e ofertas, á marxe do tamaño da súa contía.
•    A medida é só cuestión de ter a vontade política no fomento da transparencia.
•    A proposta pretende mellorar a xestión do orzamento público con unha maior acción de publicidade.

Ourense en Común rexistrou na mañá do pasado luns unha moción para reforzar a transparencia na xestión do orzamento público, e solicitará no pleno do venres que se difundan na páxina web do Concello de Ourense todas as ofertas para a adxudicación de contratos menores.

A medida proposta polo grupo municipal non é tecnicamente complicada, e levala a cabo só é cuestión de ter a vontade política de fomentar a transparencia, como ferramenta útil e necesaria para combater o fraude na contratación pública. A concelleira Ledicia Piñeiro declara que “é fundamental avanzar neste sentido co ánimo de reforzar os principios xerais de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia nos procedementos, na loita contra a corrupción e o favoritismo, e co ánimo de asegurar a selección da oferta máis vantaxosa.

Os contratos menores, inferiores a 18.000 €, que se poden adxudicar directamente a calquera empresario coa habilitación profesional necesaria para levar a cabo a prestación, son mecanismos que satisfán necesidades puntuais propias da xestión pública. Con todo, debido á excepcionalidade que supoñen, a súa utilización debe facerse co debido rigor e control para evitar un uso fraudulento dos mesmos.

Ourense en Común instará o venres ao Goberno a publicitar todas as ofertas para a adxudicación destes contratos, e para que, xunto co informe mensual sobre o período medio de pago a provedores, se publique, tamén mensualmente, a relación detallada de todos os contratos menores adxudicados, o importe das facturas abonadas, así como das pendentes de pago.

Como actividade dirixida ao servizo da comunidade, a xestión administrativa debe caracterizarse pola súa apertura ante a mesma colectividade á que se brinda. É necesario un control constante sobre o seu actuar, radicando aí a importancia da transparencia, unha garantía para todas”, apunta Ledicia Piñeiro, concelleira do grupo municipal.

Ourense en Común defenderá o dereito de Canedo e Beiro de participar no Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago

Ourense en Común defenderá o dereito de Canedo e Beiro de participar no Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago

•    A elaboración da moción deriva da demanda colectiva das veciñas destes barrios
•   Malia a estar atravesadas por unha variante do Camiño, estas zonas non foron consideradas dentro do Programa

    O grupo municipal Ourense en Común presentaba esta mañá unha nova moción para o seu debate e aprobación no pleno ordinario do próximo venres, en defensa neste caso do dereito das veciñas e veciños de Canedo e Beiro a optar ao programa de axudas para a rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, promovido e xestionado pola Xunta de Galicia e o Instituto Galego da Vivenda e Solo, e no que o Concello de Ourense aparece incluído.

    No encontro celebrado por Ourense en Común coa veciñanza de Quintela de Canedo, no contexto da campaña “Por un PXOM en Común para Ourense” desenvolvida polo grupo nos primeiros meses do ano, varias persoas solicitantes destas axudas manifestaron que tiveran problemas de acceso ás mesmas por non aparecer recollida en detalle a variante do Camiño de Santiago Vía da Prata – Camiño do Sueste que discorre por esta zona.

    Requirida unha explicación perante o Concelleiro responsable D. José Jesús Cudeiro Mazaira en Xunta de Área do 26 de abril de 2016 este indica que é “competencia da Xunta de Galicia delimitar o Camiño”; un argumento contraditorio co ofrecido pola administración autonómica, que remite ao propio Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos do Plan Xeral de Ordenación Municipal, deixando en mans da entidade local solicitar a súa ampliación.

    Perante a evidencia dunha alternativa en uso do propio Camiño de Santiago, que diverxe mediante o desvío cara Quintela de Canedo – Costiña de Canedo, o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno a inclusión desta variante do Camiño Vía da Prata-Camiño do Sueste ou Camiño Mozárabe, que discorre polos barrios de Canedo – Beiro, dentro do Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago. Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.

    A inclusión permitiría ás veciñas destes barrios a posibilidade de ser beneficiarias do devandito programa, que contempla axudas para obras de mantemento, a fin de adecuar os edificios á normativa vixente, obras para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e vivenda, e obras para mellorar as condicións de accesibilidade aos edificios e os accesos ás vivendas e locais.

Ourense en Común analizará nunha Asemblea Aberta a situación do COB

Ourense en Común analizará nunha Asemblea Aberta a situación do COB

    Perante a solicitude do Clube Ourense Baloncesto S.A.D. para que o Concello de Ourense garanta o seu ascenso á máxima categoría deste deporte na próxima tempada 2016/2017, Ourense en Común convoca a toda a veciñanza a unha Asemblea Aberta nas Burgas ás 19:30h do próximo mércores día 1 de xuño.

TRANSPARENCIA: Ourense en Común somete a súa actuación política ao principio de transparencia, polo que presentaremos unha análise detallada de toda a documentación no noso poder sobre o Clube, para que as persoas participantes podan formular o seu voto con coñecemento.

PARTICIPACIÓN: Dende Ourense en Común defendemos con firmeza que proxectos que supoñen inversións elevadas deberían ser consultados sempre coa cidadanía. O noso obxectivo final é acadar uns orzamentos participativos, namentres asembleas deste tipo permitirán que calquera veciña poda opinar en igualdade de condicións sobre o destino dos seus cartos.

Deste encontro sairá a nosa posición de voto para o pleno ordinario do venres 3 de xuño, onde se decidirá se a administración local realiza unha modificación orzamentaria mediante a fórmula de Subvención Nominativa para o Clube Ourense Baloncesto.

+ info:

•    Declaracións do concelleiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, tras a reunión mantida o pasado xoves con Germán Rodríguez-Saá do Consello de Administración do Club Ourense Baloncesto.

•    Evento da Asemblea Aberta no Facebook

Ourense en Común pide que sexa a propia administración a que xestione o aparcamento especial para enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa

Ourense en Común pide que sexa a propia administración a que xestione o aparcamento especial para enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa

•    Ourense en Común cuestiona o procedemento proposto por Jesús Vázquez polo que os enfermos deberán estar afiliados á asociación para ter acceso a un servizo público.
•    Dende Ourense en Común critican que a iniciativa sexa aprobada por decreto de costas á Mesa Municipal de Mobilidade que cumpre dous meses sen convocatoria oficial.

   O Concello de Ourense permitirá que os enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa da cidade poidan estacionar libremente en zonas de carga e descarga. Este foi o compromiso asumido polo equipo de goberno feito público o pasado 21 de maio. Segundo o comunicado emitido naquela data, os 600 afectados por esta enfermidade en Ourense poderán solicitar unha tarxeta de aparcamento especial, tal e como acordou o alcalde, Jesús Vázquez, co presidente da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense, Fernando José Jiménez Zulliani.

    Dende o grupo de Ourense en Común presentaban no día de onte unha queixa formal por escrito no rexistro municipal e acceso ao convenio subscrito con esta entidade ao comprender que o procedemento proposto pola alcaldía non é correcto: “segundo o publicado nos medios de comunicación, os enfermos que soliciten esta tarxeta deberán facelo a través dunha asociación, ente que certificará a necesidade do permiso ao solicitante. Este proceder é cando menos cuestionable pois quen debería certificar tal enfermidade sería a propia administración pública de saúde e non unha asociación.” O voceiro e concelleiro desta organización, Martiño Xosé Vázquez, preguntábase asemade “dende cando o requisito para acceder a un servizo público debe ser estar afiliado a unha asociación concreta? Que clase de interese existe en que sexa esta a que xestione o procedemento e non a propia administración?”.

    O Concello de Ourense será o primeiro de España en regular este aparcamento especial mediante un decreto, procedemento tamén cuestionado pola organización municipalista que censura “a falta dun proxecto integral en materia de mobilidade do Partido Popular”. Afirma así pois que “tomar esta decisión por decreto de alcaldía de costas á Mesa de Mobilidade Municipal, sen convocatoria oficial dende fai máis de dous meses, amosa a falta de respecto ás organizacións e colectivos alí representados que poderían axudar a mellorar a proposta permitindo por exemplo estacionar durante un tempo limitado en estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida ou inserir na medida a outros colectivos con problemas semellantes.”

    Ourense en Común rexistraba na mañá do luns unha nova petición para instar ao equipo de goberno do Partido Popular a convocar en próximas datas a Mesa Municipal de Mobilidade, que cumpre esta semana dous meses sen reunirse, desde o pasado 28 de marzo.

    Ourense en Común xa apremiara no mes de abril esta convocatoria, “entendendo que o Transporte Metropolitano debería ocupar o groso da reunión; mais lonxe de convocar, informar e consultar aos diferentes colectivos representados na Mesa Municipal de Mobilidade, o Partido Popular aprobou o convenio para a posta en funcionamento deste transporte, que de seguro “condicionará o transporte público urbano e as propias dinámicas de movemento interno. Non é un tema menor e, tal e como se veñen realizando reunións con outros colectivos, a Mesa Municipal de Mobilidade debería estar informada e levar un seguimento da súa implantación”, apunta Martiño Xosé Vázquez.

    Con esta nova medida proposta polo alcalde Jesús Vázquez Abad Ourense en Común volverá a instar ao equipo de goberno a convocar este foro, render contas da proposta e de ser o caso, asumir as indicacións que os colectivos alí representados teñan a ben realizar. “Escoitar e canalizar as propostas veciñais é a súa labor e nisto fundaméntase a participación cidadá da que o rexedor gábase nos medios de comunicación pero vanse cumprir 2 meses da última reunión e non temos información de que teña previsto convocar nas próximas datas”.

    A Mesa de Mobilidade constituíase no pasado mes de outubro de 2015, tras aprobarse en pleno no mes de agosto unha moción de Ourense en Común para este fin.

Ourense en Común esixe o pago inmediato das nóminas ás traballadoras de Linorsa e apoiará calquera acción de protesta

Ourense en Común esixe o pago inmediato das nóminas ás traballadoras de Linorsa e apoiará calquera acción de protesta

• Ourense en Común demanda ao alcalde D. Jesús Vázquez Abad que modifique a súa axenda, acompañe ás traballadoras nas súas protestas e esixa o pago inmediato das nóminas ás traballadoras de Linorsa.
• Dende Ourense en Común apuntan que apoiarán calquera acción de protesta das traballadoras afectadas: “se para que as traballadores cobren as nóminas temos, elas e nós, que quedar a durmir no Concello así será pois a situación xa é insostible”.
• A proposta por unha xestión directa do servizo dende a administración local segue a ser a demanda central de Ourense en Común para impedir que se repitan casos como este de Linorsa ou o conflito laboral de Seralia.

Ante a situación de continuación dos impagos dende o mes de decembro de 2015 por parte da empresa LINORSA, sociedade responsable da limpeza de colexios e diferentes centros públicos do Concello de Ourense, un grupo de traballadoras concentrábase na mañá deste martes ás portas da Casa Consistorial para esixir unha solución inmediata. De non chegar, advirten que non abandonarán as súas protestas ata que o rexedor municipal poña enriba da mesa unha alternativa que remate con 4 meses de traballo non remunerado.

Perante esta protesta, diferentes colectivos e organizacións políticas como Ourense en Común sumáronse á concentración en sinal de apoio e para, segundo apuntaba a súa concelleira Ledicia Piñeiro, “reivindicar que o Goberno Municipal, neste caso o propio alcalde D. Jesús Vázquez Abad, se solidarice coas traballadoras, esixa o pago inmediato de nóminas e comece xa a traballar para recuperar un servizo municipal esencial que pode ser xestionado de forma directa sen problema ningún”.

Este mesmo grupo móstrase moi crítico coa primeira resposta perante esta protesta promovida polo alcalde D. Jesús Vázquez Abad: “a primeira resposta, en lugar de solidarizarse coas traballadoras, foi a de pechar o Concello e non permitirlles o acceso. Unha verdadeira vergonza para aquel que gábase nos medios de recuperar a normalidade institucional. A normalidade sería que o alcalde abrira as portas do seu despacho e procurara con todas elas unha solución digna”.

Ao envío deste comunicado a concentración mantíñase e dende Ourense en Común advertían que apoiarán todas as accións de protesta das traballadoras afectadas: “se calquera de nós estivera na súa situación, traballando sen cobrar durante catro meses, faríamos exactamente o mesmo. Se para que as traballadores cobren as nóminas temos, elas e nós, que quedar a durmir no Concello así será pois a situación xa é insostible”.

Ourense en Común solicita convocatoria da Mesa de Mobilidade

Ourense en Común solicita convocatoria da Mesa de Mobilidade

•    Esta semana cúmprense dous meses dende a última reunión centrada no prego de transporte público e a implantación da bicicleta como transporte alternativo.
•  Ourense en Común demanda do equipo de goberno rendición de contas naqueles compromisos asumidos perante a Mesa de Mobilidade e explicacións respecto a implantación do transporte metropolitano.

    Ourense en Común rexistraba esta mañá unha petición para instar ao equipo de goberno do Partido Popular a convocar en próximas datas a Mesa Municipal de Mobilidade, que cumpre esta semana dous meses sen reunirse, desde o pasado 28 de marzo.

    Ourense en Común xa apremiara no mes de abril esta convocatoria, “entendendo que o Transporte Metropolitano debería ocupar o groso da reunión”; mais lonxe de convocar,  informar e consultar aos diferentes colectivos representados na Mesa Municipal de Mobilidade, o Partido Popular aprobou o convenio para a posta en funcionamento deste transporte, que de seguro “condicionará o transporte público urbano e as propias dinámicas de movemento interno. Non é un tema menor e, tal e como se veñen realizando reunións con outros colectivos, a Mesa Municipal de Mobilidade debería estar informada e levar un seguimento da súa implantación”, apunta Martiño Xosé Vázquez, de Ourense en Común.

    “Vanse cumprir 2 meses da última reunión e non temos información dos moitos compromisos asumidos perante os diferentes colectivos que teñen representación na Mesa. Namentres aparecen tamén nos medios algúns outros que non foron tratados neste foro como a implantación dun carril bici en vías de titularidade autonómica ou a peonalización de rúas.”

    A inactividade do Partido Popular para asumir un compromiso e convocar á Mesa co carácter periódico e recorrente que debería de ter, evidencia o pouco interese que o actual equipo de goberno ten en escoitar aos diferentes colectivos representados.

    A Mesa de Mobilidade constituíase no pasado mes de outubro de 2015, tras aprobarse en pleno no mes de agosto unha moción de Ourense en Común para este fin.

Ourense en Común advirte da caducidade do contrato coa empresa xestora do Parque Montealegre

Ourense en Común advirte da caducidade do contrato coa empresa xestora do Parque Montealegre

•    A empresa xestora atópase desde o pasado 17 de marzo en situación irregular por canto finalizou o contrato formalmente adxudicado
•    Montealegre nunca foi valorado o suficiente polos equipos de goberno que foron pasando pola Institución
•    O Parque é sinónimo de abundancia herpetolóxica e riqueza forestal

      A xerencia do “Centro de visitantes de Montealegre” adxudicábase o 17 de marzo de 2014 á empresa Bruma Xestión Ambiental S.L. para unha duración dun ano, segundo o artigo 3 do prego de claúsulas administrativas, que recollía tamén a posibilidade de prórroga por outro ano máis.

    Dita prórroga, asinada polo goberno socialista en 2015, reflexaba un período entre o 18 de marzo de 2015 e o 17 de marzo de 2016, polo que actualmente, e desde hai 2 meses, a empresa xestora Bruma atópase en situación irregular.

Para Ourense en Común é totalmente necesario adquirir un compromiso do actual goberno para a exhaustiva revisión da situación contractual na que se atopa o Concello cos diferentes provedores de servizos, coma neste caso. As prórrogas encadeadas parecen un xeito habitual de traballo ao que se debe pór fin. Para elo débese facer unha previsión e un cronograma de traballo, no que o equipo de goberno teña claro e regularice as diferentes situacións”.

    O parque de Montealegre é o punto negro da cidade para os equipos de goberno que foron pasando pola Institución. Desde a denominación socialista de “Centro de Visitantes” ata o actual “Parque botánico” pasando por “Xardín botánico”, o certo é que, este pulmón verde ao carón da cidade de Ourense, non se valorou nunca o suficiente para facer del un lugar singular como espazo periurbano. Para algúns herpetólogos da cidade, Montealegre é sinónimo de abundancia neste campo. Outras entidades o cualificaron igualmente de zona de gran riqueza forestal.

    “No ano 2011 Montealegre era sinónimo de “acumulación de problemas para o goberno municipal” – din desde OUeC – “e parece que ese estigma o segue ensombrecendo na actualidade. A proposta de constitución dun Patronato do parque, feita por Araújo, considerámola unha opción respetable e esperanzadora pero haberá que coñecer quen serán eses patronos”. Desde OUeC móstranse cautelosos con este tema posto que “a integración dese patronato pode marcar a pervivencia e atractivo de Montealegre ou continuar sendo unha riqueza desaproveitada. Ademais, as iniciativas privadas poden ser unha solución pero tamén unha ameaza.

Ourense en Común advirte que “o PP está abrindo a posibilidade a darlle para adiante a unha RPT sen a fiscalización do interventor”

Ourense en Común advirte que “o PP está abrindo a posibilidade a darlle para adiante a unha RPT sen a fiscalización do interventor”

• En todo un ano, o equipo de goberno non foi quen de completar unha Relación de Postos de Traballo completa e conforme á lexislación
• O PP levará a cabo a modificación da RPT sen pasar pola fiscalización do interventor
• Dende OUeC advirten do retraso e da necesidade de avanzar paralelamente en materia orzamentaria

      Un ano de goberno e o Concello continua sen o documento para a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). O bloqueo provocado polo Partido Popular, estriba en que “teñen o traballo sen facer; levan todo o ano intentando facer unha RPT, e a realidade é que todas as propostas foron rexeitadas con informes negativos do interventor, apunta Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común.

     O último informe do interventor advirte que o documento está incompleto, figuran postos de traballo dificilmente vinculables a unha oferta pública de emprego e que non cumpre determinadas esixencias lexislativas.

      Á vista dos últimos acontecementos e comparecencias do goberno, Ourense en Común apunta a que “o PP está abrindo a posibilidade a darlle para adiante a unha RPT sen a fiscalización do interventor, algo que abertamente insinuou a propia concelleira do PP Flora Moure na última xunta de área “dubido que o interventor teña que fiscalizar isto“.

      O bloqueo deste documento da RPT está directamente relacionado coa aprobación dos orzamentos para o presente ano económico, xa que o PP considera que se debe agardar.

       Hai xa un mes que Ourense en Común solicitaba crear un foro de traballo para ir adiantando e axilizando o traballo en materia orzamentaria, “que os orzamentos deban agardar á adaptación da RPT non imposibilita ir avanzando e analizando as prioridades de gasto, futuras inversións e compromisos plenarios ou analizando as diferentes propostas dos grupos. Se cadra o que acontece é que non queren abrir ese escenario pois evidenciaría a súa minoría nun contexto de confrontación electoral. O Partido Popular ten que comprender que goberna en minoría e que o bo discorrer da xestión municipal depende da súa capacidade de diálogo. A cal está sendo a día de hoxe nula”, declara Martiño X. Vázquez de Ourense en Común.

Ourense en Común achega o PXOM ao centro da cidade

Ourense en Común achega o PXOM ao centro da cidade

•    Ourense en Común convoca mañá mércores a toda a cidadanía na explanada da Burga, para dar a coñecer o modelo urbanístico pretendido polo PXOM
•    Nos últimos meses OUeC vén realizando encontros en zonas como A Carballeira, As Camelias, O Polvorín, Seixalbo, A Cuña, Mariñamansa, Montealegre, O Couto, Palmés, As Lagoas, San Francisco e Canedo entre outras.
•    As inquedanzas da veciñanza concéntranse no impacto da chegada da alta velocidade, a “Ronda Bulevar”, o número de vivendas previsto e as posibles operacións especulativas.

    O grupo municipal Ourense en Común comezou o luns 29 de febreiro un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense, achegando ás veciñas e veciños do municipio o plan urbanístico pretendido polo novo PXOM en trámite.

    Neste tempo, os concelleiros Martiño Xosé Vázquez e Miguel Doval, xunto coa labor de case unha decena de persoas voluntarias para a coordinación dos eventos, achegaron o documento a zonas como A Carballeira, As Camelias, O Polvorín, Seixalbo, A Cuña, Mariñamansa, Montealegre, O Couto, As Lagoas, Palmés, San Francisco e Canedo, entre outras. Mañá mércores,  11 de maio, é a última parada deste roteiro, e será en pleno centro da cidade e ao aire libre. A cita será ás 20h na Explanada da Burga do medio.

    “O obxectivo foi visitar semanalmente dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida polo novo PXOM, responder ás posibles dúbidas existentes e informar de primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento. Acción que debería partir do propio equipo de goberno do Partido Popular para facer este documento o máis estable, transparente e participado posible. Pois ninguén debería querer volver a cometer erros pasados como o seu propio PXOM tombado pola xustiza”, apunta o concelleiro Martiño Xosé Vázquez.

    Dende Ourense en Común insisten en que este PXOM non é o que houberan desexado, pois consideran deficiente a coñecida como “Fase de Avance”, na que o equipo redactor recolle impresións, suxestións e demandas veciñais. Carencia que teñen comprobado nestes mesmos encontros nos barrios.

    “Hai un claro descoñecemento entre a veciñanza de que cidade se pretende con este plan. É algo que vimos confirmando en todos e cada un dos barrios visitados. Os veciños de Seixalbo, A Cuña ou San Francisco non son conscientes das posibilidades da liberación do corredor ferroviario coa chegada da alta velocidade, os veciños do Polvorín, As Camelias ou A Carballeira non foron informados do por que sería necesario un desdobre tipo Ronda Bulevar, ninguén lles explicou aos veciños de Montealegre porque é necesario un plan especial na zona, ou que solución se aporta no plan ao problema de accesibilidade ao Parque Botánico. As veciñas das Lagoas descoñecen a futura conexión co parque de Oira ou as veciñas de Canedo descoñecen por onde discorrerá a Variante Norte. Que clase de cidade queremos construír así?”.

    Pero sen dúbida o máis grave, cada barrio que visitamos presenta a súa indignación con este proceder, é que siga sen existir vontade por parte do equipo de goberno de comunicar persoalmente o resultado motivado das alegacións. Somos nós os que estamos facendo un traballo de mediación entre veciños e Concello de Ourense, función que non nos corresponde nin estamos cualificados para tal pero que seguiremos facendo namentres o Partido Popular non se responsabilice”.

    Mañá mércores, na explanada das Burgas, os cidadáns que así o desexen, terán a oportunidade de coñecer o PXOM, informarse de primeira man sobre o estado de aprobación do plan, e resolver as dúbidas que teñan sobre o documento. O acto será aberto e ao aire libre, a partir das 20h.

No Día de Europa, Ourense en Común insta ao Concello a rexeitar o acordo entre a UE e Turquía

No Día de Europa, Ourense en Común insta ao Concello a rexeitar o acordo entre a UE e Turquía

• A moción asume o chamamento lanzado pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas
• Ourense en Común alerta con esta moción da peor crise de persoas desprazadas desde a II Guerra Mundial
• Das 17.000 desprazadas que ía acoller o Estado español, só se acolleron 12 persoas

En conmemoración do Día de Europa que se celebra este 9 de maio, Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción de cara ao pleno de xuño, na que solicitará á corporación o seu rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía, o xa coñecido como acordo da vergoña, que aproba a expulsión das persoas que chegan a Europa, sen importar a súa idade, a súa nacionalidade, as súas circunstancias persoais ou o motivo que lles obrigou a fuxir do seu país. Un acordo inmoral e mesmo ilegal, xa que a súa aplicación vulnera a normativa europea e internacional e supón un risco para a vida de moitas persoas.

Ourense en Común quere denunciar con esta moción a peor crise de persoas desprazadas desde a II Guerra Mundial mentres os gobernos europeos actúan dun xeito inmoral. Máis 60 millóns de persoas seguen saíndo das súas casas en países como Siria, Afganistán, Iraq, Palestina, Eritrea, Nixeria ou Somalia para fuxir da guerra, da fame ou da violencia sexual. Escapan de conflitos provocados por intereses xeo-estratéxicos e económicos que promoven o espolio de riquezas e a venda de armas. O Mar Mediterráneo e as fronteiras europeas seguen sendo as fosas comúns nas que miles de persoas perden as súas vidas: máis de 4.000 en 2015; 400 a pasada semana. Seguimos vivindo con absoluto desconcerto a “perda” de máis de 10.000 nenos e nenas en mans das redes de trata. Tamén, os abusos sexuais de centos de mulleres refuxiadas.

O pasado mes de setembro a Unión Europea comprometeuse a acoller a máis de 120.000 persoas refuxiadas, 17.000 no Estado español. En cambio, no Estado español só se acolleron 12 persoas ata agora.

As mobilizacións cidadás a favor dos dereitos da poboación refuxiada e desprazada, así como os datos dos últimos Eurobarómetros, son boa mostra de que a vontade da cidadanía está moi por enriba da de quen goberna (o 85% da cidadanía do Estado español e o 65% da cidadanía europea está a favor de axudar ás persoas refuxiadas segundo os datos do Eurobarómetro de febreiro).

Ourense en Común buscará no pleno o consenso da corporación para mostrar o rexeitamento ao acordo da UE e Turquía, co obxectivo de garantir rutas legais e seguras, que se cumpran os convenios internacionais e a lexislación europea en materia de asilo e refuxio, e que se respecten os dereitos humanos nas fronteiras, e a protección das persoas, en especial ás menores e as máis vulnerables.