Ourense en Común único grupo en presentar emendas á  Mesa de Voluntariado Local

Ourense en Común único grupo en presentar emendas á Mesa de Voluntariado Local

• Esta mañá foi aprobada en Comisión de Pleno o informe técnico favorable coas máis de 15 emendas presentadas por Ourense en Común.
• O texto definitivo votarase no pleno ordinario do próximo venres 6 de maio.
• Dende OUeC apuntan a que este é un claro exemplo da vontade do grupo municipalista de traballar en positivo ao tempo que demandan do Partido Popular maior diálogo.

Dende Ourense en Común defendemos que a intelixencia colectiva, con debates abertos e públicos son a mellor forma de crear documentos marco para o bo funcionamento das institucións. É a definición básica de participación cidadá e o noso sinal de identidade.” Con esta afirmación a concelleira Ledicia Piñeiro apunta á importancia de “xerar espazos onde transmitir opinións que teñan transcendencia real na toma de decisións”.

Baixo esta lóxica, Ourense en Común convocou o pasado 4 de febreiro un encontro aberto á participación individual, e tamén con colectivos especialistas na temática, para mellorar a proposta do equipo de goberno de crear unha Mesa Local de Voluntariado.Reunímonos daquela máis dunha decena de representantes de entidades e persoas a título individual, para debater o borrador de regulamento da Mesa Local de Voluntariado. Entendemos así que a Mesa de Voluntariado é un espazo para xerar sinerxias entre entidades que traballen no sector, por iso pensamos que un debate aberto é a mellor forma de enriquecer o regulamento, que ademais concorda coa liña de OueC, de dar voz ás partes implicadas”.

Entre as propostas engadidas, está un novo método de adopción de acordos, onde se prima o consenso antes que a confrontación. Tamén se recolleron entre as emendas, unha fórmula nova de convocatoria que favoreza a participación. Así como o aumento da periodicidade das xuntanzas da mesa, que pasaría a ser trimestral.

Superada a revisión xurídica do texto e aprobada hoxe inicialmente en Comisión de Pleno será a corporación ao completo a que o próximo venres 6 de maio teña que referendar a proposta para que a Concellería de Voluntariado a implemente tendo en conta as emendas presentadas por Ourense en Común.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/emendas-ao-regulamento-da-mesa-de-voluntariado-local

Ourense en Común ultima a moción para a retirada da medalla de ouro da cidade ao ditador Francisco Franco

Ourense en Común ultima a moción para a retirada da medalla de ouro da cidade ao ditador Francisco Franco

• A Lei de Memoria Histórica mandata ás Administracións Públicas a retirar estas mencións conmemorativas de exaltación da Ditadura.
• O pleno do Concello de Ourense concedía en 1946 ao ditador Francisco Franco a primeira medalla de ouro, que a institución entrega como recoñecemento honorífico.
• A moción presentarase en conxunto e co apoio do Grupo Municipal Socialista.

Fundamentándose no cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007, Ourense en Común ultima a moción para a retirada da medalla de ouro da cidade ao ditador Francisco Franco, outorgada en 1946.

O acordo que outorgou a condecoración ao ditador, é contraditorio cun Estado de dereito e liberdades, e manter esa medalla incumpre a Lei de Memoria Histórica 52/2007, que naceu da necesidade de recoñecemento ás vítimas do golpe de Estado de 1936 e da represión do réxime ditatorial que veu despois.

É responsabilidade social, e fundamentalmente política, a construción dunha nova memoria, que dignifique aos heroes e heroínas da nosa historia, que sinale aos verdugos, e que desmonte o discurso hexemónico creado e inoculado na ditadura”, apunta Ledicia Piñeiro.

Desde a súa promulgación hai 8 anos, Ourense incumpre a Lei de Memoria Histórica, e nomeadamente o artigo 15 da devandita Lei, que mandata que “as Administracións Públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións, conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

Ao ditador Francisco Franco foille concedida a primeira medalla de ouro, que o Concello de Ourense entrega como recoñecemento honorífico, en sesión ordinaria do pleno o día 5 de setembro de 1946.

Un extracto do acordo daquel pleno, consultado no Arquivo Municipal por Ourense en Común, dí literalmente: “Acordó igualmente, por unánime aclamación, conceder al Generalísimo Franco, el primer galardón municipal de la Medalla de Oro de la Ciudad de Orense, como reconocimiento de los supremos méritos militares y políticos contraídos por el Caudillo y como perdurable testimonio de la admiración, respeto y agradecimiento que todos los españoles debemos, al que por sus excepcionales dotes de mando, inteligencia, indomable voluntad y probadisimo amor a España, supo salvarla del naufragio espiritual y material en que se debaten la mayor parte de las naciones de Europa”.

Ourense en Común considera que “debemos revogar este acordo e continuar construindo un novo relato do pasado onde se poñan en valor ás e aos demócratas e non a quen fixo, apoiou e foi sustento dun golpe militar ou do rexime franquista. A figura de Francisco Franco simboliza a época máis triste da nosa historia, a escuridade dunha longa noite de pedra e simboliza o exterminio de boa parte da nosa mellor xeración de demócratas.

Ourense en Común quere “que esta moción sirva como homenaxe a todas as persoas asasinadas polo franquismo”, e fai mención ao último alcalde democrático de Ourense ata os anos da transición, Manuel Suárez Castro, un home de orixe humilde, que a través da súa traxectoria sindical, chegou a converterse nun referente para as veciñas e veciños da época e chegou a ser rexedor da corporación municipal. Manuel Suárez Castro foi fusilado en 1937, como moitos outros alcaldes daquel momento, os intelectuais, a poboación civil activa e os mandos militares que non secundaron o golpe.

A moción, que busca o acordo para que lle sexan retirados a Francisco Franco e a cantos formasen parte da represión franquista, calquera recoñecemento honorífico, será presentada por rexistro nos próximos días en conxunto e co apoio do grupo municipal socialista, para que sexa votada no pleno ordinario do mes de maio, que se celebrará o vindeiro venres 6.

Ourense en Común asina os Principios Básicos das Mareas En Común

Ourense en Común asina os Principios Básicos das Mareas En Común

• A plataforma municipalista aposta por un modelo de confluencia aberto, transparente e construído desde abaixo, como o que iniciará a Marea Viva do vindeiro 7 de maio
• Así poderá xurdir unha candidatura con forza e ilusión suficiente para rescatar ás institucións galegas das políticas antisociais do PP e devolverllas á xente

A asemblea de Ourense en Común acordou asinar os Principios Básicos das Mareas en Común, e apostar por un modelo de confluencia construído desde abaixo, no que teñan cabida todas as forzas do cambio e no que se exerza unha verdadeira democracia. Por iso, participaremos na Marea Viva que, o vindeiro 7 de maio, iniciará os traballos para conseguir a unión de persoas, partidos, organizacións e movementos que desexen levar ás institucións galegas unhas políticas pensadas para a xente.

Ourense en Común traballa neste proceso, formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, que ten como obxectivo facilitar a construción dunha alternativa de cambio con posibilidades reais de gañar as próximas eleccións autonómicas, con forza e ilusión para devolverlle as institucións do país á xente común.

Así, cun protocolo de traballo no que todas teñen voz, a Marea Viva estará aberta a todas as persoas que asinen os Principios Básicos, e servirá para deseñar un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Os Principios Básicos de Mareas en Común son unha proposta que condensa os fíos de unión entre as forzas do cambio e calquera persoa ou organización que se sinta representada neles pode asinalos a través da web: http://mareasencomun.gal/asina/

Ourense en Común súmase a este proceso porque é tempo de que a xente ocupe o espazo que lle corresponde na política institucional, porque abonda de gobernar para as contas de resultados das grandes empresas, porque é hora de traballar con honestidade para deter a privatización da sanidade e o deterioro da educación pública. É o momento de avanzar en común, polo que animamos á cidadanía a tomar parte no cambio e unirse para facelo.

Ourense en Común censura a desidia do Partido Popular na aprobación dos orzamentos

Ourense en Común censura a desidia do Partido Popular na aprobación dos orzamentos

• A organización municipalista volveu a solicitar en Xunta de Área comezar a traballar nun documento de consenso cos diferentes grupos da oposición.
• A concelleira responsable da área de Facenda Ana Morenza reiteraba onte que o primeiro avance deberá ser o borrador que presente o Partido Popular.
• Dende OUeC seguen advertindo do retraso e da necesidade de avanzar no documento namentres se superan os informes xurídicos da Relación de Postos de Traballo.

Non existe vontade algunha de diálogo”, con esta afirmación o concelleiro e voceiro do grupo municipal Ourense en Común Martiño Xosé Vázquez censura a desidia do Partido Popular na aprobación dos orzamentos para o presente ano económico. “Que os orzamentos deban agardar á adaptación da RPT non imposibilita ir avanzando na negociación. Se cadra o que acontece é que non queren abrir ese escenario pois evidenciaría a súa minoría nun contexto de confrontación electoral e prefiren seguir facendo campaña con inversións de consellerías afíns”.

Fai quince días o mesmo grupo municipalista solicitaba crear un foro de traballo para “avanzar e analizar as prioridades de gasto, futuras inversións e compromisos plenarios ou analizando as diferentes propostas dos grupos. Así era que Ourense en Común propuña a posibilidade de reservar unha pequena partida para un proxecto piloto de orzamentos participativos.A inversión autonómica está moi ben pero para xestionar un concello de máis de cen mil habitantes hai que escoitar de primeira man as súas demandas e necesidades”.

En resposta a aquel comunicado, o propio Alcalde D. Jesús Vázquez Abad afirmaba que estaría encantado de recibir propostas, pero que deberían tramitarse polos mecanismos que a propia institución conta para tal. Lembrando novamente que debe avanzarse en primeiro lugar na “adecuación da Relación de Postos de Traballo”.

Dende Ourense en Común insisten que novamente veñen de solicitar a apertura dese mecanismo que cita o alcalde na Xunta de Área correspondente e a concelleira responsable de Facenda Ana Morenza reiteraba onte que “o primeiro avance deberá ser o borrador que presente o Partido Popular” supeditando así calquera acción do resto de grupos da oposición á súa iniciativa; proceder censurado por Martiño Xosé Vázquez ao comprender que “non só evidencia a desidia do equipo de goberno nesta materia senón que bloquea calquera iniciativa que a maioría da corporación poda presentar. O Partido Popular ten que comprender que goberna en minoría e que o bo discorrer da xestión municipal depende da súa capacidade de diálogo. A cal está sendo a día de hoxe nula”.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/ouec-censura-a-desidia-do-partido-popular-na-aprobacion-dos-orzamentos

Ourense en Común solicita a convocatoria da Mesa da Mobilidade

Ourense en Común solicita a convocatoria da Mesa da Mobilidade

  • Esta semana cúmprese un mes dende a última reunión centrada no prego de transporte público e a implantación da bicicleta como transporte alternativo.
  • Ourense en Común demanda do equipo de goberno rendición de contas naqueles compromisos asumidos perante a Mesa de Mobilidade e explicacións respecto a implantación do transporte metropolitano. 

O grupo municipal Ourense en Común presentaba esta mañá por rexistro unha instancia dirixida á alcaldía para instar ao equipo de goberno do Partido Popular a convocar en próximas datas a Mesa Municipal de Mobilidade.

Fai un mes xa da última reunión e non temos información algunha de avance nos moitos compromisos asumidos perante os diferentes colectivos que teñen representación na Mesa Municipal de Mobilidade. Namentres aparecen nos medios algúns outros que non foron tratados neste foro como a implantación dun carril bici en vías de titularidade autonómica. Así é que entendemos que a convocatoria está máis que xustificada pois esta debe ter un carácter periódico e recorrente.”

Ourense en Común solicitaba, en voz do seu voceiro Martiño Xosé Vázquez, que se faga participe á Mesa Municipal de Mobilidade dos avances no Plan de Transporte Metropolitano redactado en colaboración coa Xunta de Galicia.

Ao marxe da necesaria rendición de contas do equipo de goberno en materia de mobilidade entendemos que o Transporte Metropolitano debería ocupar o groso da reunión. Xa que logo este condicionará o transporte público urbano e a propias dinámicas de movemento interno. Non é un tema menor e, tal e como se veñen realizando reunións con outros colectivos,a Mesa Municipal de Mobilidade debería estar informada e levar un seguimento da súa implantación”.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/ouec-demanda-a-convocatoria-da-mesa-de-mobilidade

A concelleira do PP, Ana Morenza, preséntase sen documentación na Comisión de seguimento da Praza de Abastos nº1

A concelleira do PP, Ana Morenza, preséntase sen documentación na Comisión de seguimento da Praza de Abastos nº1

• A falta de documentación aportada obrigou á oposición a facer constar en acta a solicitude de informes
• A actitude da concelleira pon novamente de manifesto o bloqueo e a falta de información do goberno municipal do PP

A Comisión de seguimento das obras da Praza de Abastos nº1 da cidade reuníase esta mañá, sen que a concelleira de Comercio do Partido Popular aportase documentación algunha para que os grupos da oposición poidan comezar a análise da situación dos traballos por acometer nesta dotación municipal.

O fin desta comisión, solicitada polo PSOE e respaldada por Ourense en Común, é o de fiscalizar e supervisar as obras de reforma da Praza de Abastos de As Burgas, para garantir a correcta execución dos traballos.

Ana F. Morenza presentábase na comisión sen o expediente nin documento algún referido á resolución definitiva do proxecto, á solicitude de prórroga e o informe que a ampara, ou á resolución da citada prórroga polo Ministerio de Fomento. E ante a demanda da oposición de que lle fosen facilitados os documentos, instou aos grupos a cursar a solicitude por escrito, ralentizando o proceso de fiscalización que a comisión ten como obxectivo.

A actitude da concelleira pon novamente de manifesto o permanente bloqueo e a falta de información que caracteriza ao goberno municipal do PP, polo que os grupos da oposición demandaron que constara en acta a petición de documentación, evitando cursar novas instancias.

De demorarse o proceso de reforma da Praza de Abastos, poderían chegar a perderse as subvencións que a través do 1,5% cultural de Fomento tén concedidas o Concello de Ourense para rehabilitar este equipamento.

A comisión reunirase novamente o próximo 19 de maio.

Día do Libro: textos que inspiran ás concelleiras de Ourense en Común

Día do Libro: textos que inspiran ás concelleiras de Ourense en Común

Co gallo do Día do Libro, as 3 concelleiras de Ourense en Común recomendan outros tantos textos, que consideran de cabeceira e ateigados de referentes.

En suma lecturas recomendables, que poden ser boas ferramentas para comprender o mundo de hoxe e preparar o do mañá.

 

Un ideal polo que vivo
Nelson Mandela

Por Miguel Doval Garza

Nelson Mandela é unha das persoas máis carismáticas que deu a política mundial e sen dúbida, todo un referente para min. Este libro recolle o sentido das loitas sociais e axuda a reflexionar sobre o mundo opresivo no que vivimos e o xeito de facelo mudar. Ourense en Común ten moito de todo iso, da defensa do entendemento colectivo para acadar as metas que nos propoñamos.

Ler máis...

Especialmente quixera facer mención ao discurso que o líder deu perante o Parlamento de Sudáfrica en 1999, abrindo o informe da comisión que desvelou os crimes cometidos no “apartheid”.

“….e mentres pensamos xuntos nos retos futuros, precisamos lembrar que a busca da reconciliación foi o obxectivo fundamental da loita do pobo, para establecer un goberno baseado na vontade do pobo e construir unha Sudáfrica que nos pertenza a todos.

A busca da reconciliación foi a enerxía que deu vida ao noso difícil proceso de negociacións e aos acordos que de alí xurdiron. A busca de unha nación en paz consigo mesma é a motivación principal do noso Programa de Reconstrución e Desenvolvemento para crear unha mellor vida para todos.”

Teoría King Kong
Virginie Despentes

Por Ledicia Piñeiro Prada

Lin Teoría de King Kong fai como seis ou sete anos, nos primeiros anos de universidade, igual xa fai dez anos, non o sei, o caso é que foi un libro do que quedei namorada e impresionada a partes iguais. Este ensaio autobiográfico de Virginie Despentes é unha labazada na cara do patriarcado, do machismo puro e do machismo silencioso e sutil.

Ler máis...

Virginie describe dende as súas entrañas, nunha mezcla de poesía de vertedoiro e vivencias persoais, o que é ser muller entre canones estéticos, éticos, referentes históricos, culturais, literarios non feitos nin por mulleres, nin para mulleres. Ante esta realidade, ela contrataca con Virginia Woolf, Angela Davis, Gail Pheterson e Annie Sprinkle

Nun libro centrado nas polaridades, non só entre homes e mulleres, tamén entre ricos e pobres, Virginie destroza o status quo.

“O soldado máis famoso da guerra de Iraq é unha muller. Hoxe en día os Estados envían aos seus pobres á fronte. Os conflitos armados volvéronse territorios mixtos. Cada vez máis a polaridade da realidade estrutúrase en función da clase social”

Nas polaridades onde “a cuestión da muller” sempre é secundaria “os homes denuncian con virulencia as inxustizas sociais ou raciais, pero móstranse indulxentes e comprensivos cando se trata da dominación machista. Son moitos os que pretenden explicar que o combate feminista é secundario, coma se fose un deporte de ricos, sen pertenza, nin urxencia. Fai falta ser idiota, ou noxentamente deshonesto para pensar que unha forma de opresión é insoportable, e xulgar que a outra está chea de poesía”

Para min foi como ler unha tese sobre prostitución, agresións (en toda a súa amplitude) e violación, a santísima trindade da violencia machista. Todo isto relatado dende múltiples ópticas de muller: a adolescencia, a maternidade, como suxeito produtivo e reprodutivo e as relacións heterosexuais. Sen esquecer que o camiño é feminista ou non é, ou non hai camiño, nin redención, nin perdón pola terrible reivindicación das mulleres, que “queren ser consideradas persoas”. 

Moi recomendable.

Común: ensaio sobre a revolución no s. XXI
Christian Laval e Pierre Dardot

Por Martiño Xosé Vázquez Mato

Ourense en Común xurdía a inicios do verán de 2015 no Campus Universitario, nunha reunión de xentes activas no tecido asociativo local, na loita ecoloxista, na protección do noso patrimonio, na defensa das clases traballadoras e da maioría social agredida polas políticas neoliberais.

Na mesma época, saía do prelo a primeira edición deste ensaio de case 700 páxinas, que afonda por igual na diagnose deses problemas e na proposta proactiva para solucionalos.

Ler máis...

Citaba a declaración de principios redactada uns meses despois por Ourense en Común: “Foi na rúa onde comezou a confluencia das distintas loitas, anteriores e posteriores ao 15M, que agora se materializa nun novo movemento municipalista que cuestiona tamén esa alternancia nos gobernos dos nosos concellos.”

Unha reflexión presente tamén na propia publicación de Laval e Dardot: “Estas loitas obedecen á racionalidade política do común, procuras colectivas de formas democráticas novas. É o que expresa de forma ben clara a relación entre a <<Comuna>> francesa e os <<Comúns>> (…) inscritos nunha longa serie de ocupacións de prazas e parques ao longo do planeta dende 2011”.

As prazas foron así o recoñecemento dunha identidade colectiva de indignación e defensa de valores diferentes aos hexemónicos no momento.

“Dende fai máis de dez anos, en todos os manifestos, plataformas e declaracións públicas en nome da loita antiglobalización, os termos de <<Commons>> ou de <<Bens Comúns>> serviron para traducir loitas, prácticas, dereitos e formas de existencia que queren opoñerse aos procesos de privatización e ás formas de mercantilización practicadas dende os anos 80”.

Non era algo novo, e menos no noso país onde a defensa do común se manifestou co nome propio de NUNCA MÁIS.

Era algo máis sinxelo que todo o anterior, a comprensión de que só dende o colectivo defenderemos o colectivo. O COMÚN expresa así a CONFLUENCIA de loitas para recuperar os bens e servizos colectivos.

Hoxe sigo lendo e relendo o texto de Laval e Dardot, especialmente o referido a Propostas Políticas que apostan polo PROCOMÚN, como modelo de goberno para o ben común; quizais o apartado máis interesante na miña opinión. Se cadra non son obxectivo pois estou convencido de que no ano 2019, Ourense poderá ser gobernado en común e os preceptos deste ensaio deberán ser o noso libro de cabeceira.

En suma, unha lectura moi recomendable que, como cita Mark Hunyadi, “pode ser unha ferramenta para comprender o mundo de hoxe e preparar o mundo do mañá”.

Ourense en Común analiza polo Día Mundial da Terra o compromiso ambiental do Partido Popular no Concello

Ourense en Común analiza polo Día Mundial da Terra o compromiso ambiental do Partido Popular no Concello

• O Día Mundial da Terra celébrase o 22 de abril desde o ano 1970, co obxectivo de aumentar a escasa conciencia sobre a fraxilidade do planeta.
• A institución municipal debe catalizar e protagonizar o cambio necesario cara a un modelo de sociedade xusto e sostible, que pasa por priorizar a protección ambiental e social fronte a intereses cortoplacistas.

O Partido Popular, que dirixe actualmente o Concello de Ourense, recollía no seu programa electoral unha serie de propostas de carácter medioambiental que para Ourense en Común non responden ás necesidades urxentes que o municipio precisa en materia ambiental, e que haberían de pasar por unha análise profunda e non electoralista de medidas reais e eficaces.

Un dos puntos recollidos no citado programa do PP era a mellora do río Barbaña ao seu paso pola cidade, “un punto urxente e necesario para tratar por canto este río leva padecido, con graves verteduras, a última hai escasas semanas, sen que as administracións implicadas, o Concello entre elas, sexan competentes para pór freo á perda da biodiversidade e ao perigo que estes vertidos supoñen para a saúde das veciñas e veciños de Ourense”.

As principais asociacións ecoloxistas presentaban o pasado ano un documento que recollía unha serie de propostas para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentables a nivel local. Entre as súas medidas destacan as relacionadas precisamente coa auga, coa reducción, reciclaxe e compostaxe dos R.S.U. ou co impulso dunha contratación pública verde. Todo parece indicar que estes son algúns compromisos que obviará o PP para a cidade de Ourense por canto a planta de compostaxe está infrautilizada e a esixencia da inclusión de criterios de sustentabilidade nos pregos técnicos de contratacións públicas non é unha preferencia para o goberno.

“É prioritario corrixir o incumprimento reiterado da normativa ambiental por parte das administracións locais, o que serviría como base dunha boa campaña de sensibilización e concienciación á veciñanza xunto coa participación da mesma e dos colectivos ecoloxistas e demais axentes en mesas de traballo fomentadas polo Concello, creando unha rede de traballo que fiscalice a situación medioambiental en cada un dos barrios da cidade”.

Ourense en Común apremia a comparecer ao concelleiro de Medio Ambiente por presunto caso de nepotismo

Ourense en Común apremia a comparecer ao concelleiro de Medio Ambiente por presunto caso de nepotismo

• A emenda aprobada no pleno de abril obriga a comparecer a José Araújo antes de que remate o mes.
• Un sobriño do concelleiro disfrutou dun contrato na empresa concesionaria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos e urbanos do Concello.

Tras o pasado pleno ordinario celebrado o 1 de abril, o concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente D. José Araújo Fernández, ten pendente comparecer ante a corporación municipal, co fin de dar explicacións sobre o presunto caso de nepotismo en deferencia co seu sobriño político, e a súa contratación na empresa Ecourense.

O sobriño de Araújo foi contratado, primeiro como persoal temporal e despois como fixo, na empresa concesionaria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos e urbanos do Concello, que aínda que privada, depende da autorización da concellería de Medio Ambiente que o implicado dirixe, para executar calquer variación nos postos e contratos da plantilla.

Os feitos foron expostos nunha moción inicial de DO, emendada por Ourense en Común para solicitar unha comparecencia do concelleiro co obxectivo de esclarecer o acontecido.

Nesta comparecencia, José Araújo deberá responder ás preguntas que teñan a ben realizar calquera dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal e terá a posibilidade de dar explicacións, aportando datos e documentación sobre os feitos.

A comparecencia solicitada levaba data de caducidade, cun plazo dun mes desde que foi aprobada a emenda, polo que debería producirse antes de rematar o mes de abril. De non ser así, e tal como se aprobou en pleno, o alcalde debería cesar de inmediato ao concelleiro.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/ouec-apremia-a-comparecer-ao-concelleiro-de-medio-ambiente-por-presunto-caso-de-nepotismo

Ourense en Común defenderá a retirada da medalla de ouro que o Concello de Ourense concedeu ao ditador Francisco Franco

Ourense en Común defenderá a retirada da medalla de ouro que o Concello de Ourense concedeu ao ditador Francisco Franco

•    A distinción, outorgada no ano 1946 ao ditador, inclúe tamén o nomeamento como fillo adoptivo da cidade.
•   A Lei de Memoria Histórica mandata ás Administracións Públicas a retirar estas mencións conmemorativas de exaltación da Ditadura.

En cumplimento da Lei de Memoria Histórica, e facéndose eco do chamamento do colectivo Amigos da República, Ourense en Común pedirá no pleno do mes de maio que se retire a medalla de ouro concedida polo Concello ao ditador Francisco Franco “que sumiu durante 4 décadas a este país na máis terrible escuridade de represión, medo e norte.

No ano 1946, o Concello de Ourense homenaxeaba ao ditador Francisco Franco coa máxima distinción, a da medalla de ouro, que leva tamén consigo o nomeamento de fillo adoptivo da cidade.

Ourense en Común cuestiona que se leve tantos anos sen retirar esta honra. Cremos que chega tarde, sempre chega tarde o recoñecemento ás verdadeiras demócratas deste país, que son as loitadoras e loitadores pola república

Ourense en Común ampara esta petición no cumprimento da Lei 52/2007 de 26 de Decembro, a coñecida como Lei de Memoria Histórica. Concretamente baséase no seu artigo 5, que mandata ás administracións públicas a tomar medidas para a retirada de escudos, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.

A moción votarase no vindeiro pleno ordinario do Concello, o venres 6 de maio.

https://soundcloud.com/ourenseencomun/mocion-retirada-da-medalla-de-ouro-ao-ditador-francisco-franco