Ourense en Común critica a falta de coordinación entre administracións na construción dunha estación intermodal

Ourense en Común critica a falta de coordinación entre administracións na construción dunha estación intermodal

O grupo municipal de Ourense en Común cuestiona a adxudicación do proxecto independente da Xunta de Galicia e advirte que a actuación deberá  ser integral en todo o ámbito como solicitaba o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do contrario non existirá intermodalidade real e perderase unha oportunidade histórica de rexeneración urbana.

O grupo municipal Ourense en Común manifesta sentirse desconcertado polo que entenden como “falta de coordinación” entre a administración autonómica e estatal para a construción dunha Estación Intermodal que integre a alta velocidade e o servizo de autobuses actualmente emprazado no barrio do Pino.

“A verdade é que todo o que está acontecendo neste materia é desconcertante. O concurso de adxudicación para a redacción do proxecto da estación de autobuses á empresa PROYFE S.L. foi convocado sen saber aínda como será a futura estación. Como vai ser posible logo falar dunha intermodalidade real e efectiva?”

A organización municipalista advirte que unha actuación da magnitude como a pretendida debería desenvolverse de modo coordinado primando en escala a superación da fenda histórica que supón a vía do tren entre barrios e logo o deseño dunha infraestrutura que permita un intercambio cómodo entre medios de transporte: tren e autobús, entre outros.

O encargo para a elaboración dun proxecto para a nova estación de autobuses sen coñecer como será o desenvolvemento do ámbito condicionará calquera actuación complementaria. Intervencións urbanísticas tan importantes como superar a fenda histórica de separación entre barrios provocada polas vías de tren”.

Sobre a propia estación de autobuses dende Ourense en Común advirten que non apoiarán ningunha infraestrutura que non contemple a intermodalidade real e efectiva entre os diferentes medios de transporte: autobuses interurbanos, área metropolitana e transporte urbano, así como co resto  de liñas de ferrocarril de proximidade.

“Se a inversión autonómica  non vai servir para dar resposta á demanda colectiva sobre a necesidade dunha estación que achegue barrios divididos e prime a utilidade é mellor que non a fagan e orienten a partida de cara a outras necesidades. Pois o que se pretende non é intermodalidade. Poderá servir como reclamo electoral do Partido Popular a poucos meses dunha cita electoral, pero será un fraude para a cidade de Ourense e para os ourensáns que perderán unha oportunidade histórica de rexeneración urbana”.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC levará ao pleno de abril unha proposta para crear a figura do Valedor dos Veciños

OUeC levará ao pleno de abril unha proposta para crear a figura do Valedor dos Veciños

Ourense en Común rexistrou onte unha moción na que solicita ao concello de Ourense que contemple a figura do Valedor dos Veciños para canalizar as queixas das veciñas e veciños de Ourense de xeito individual e colectivo.

“O Valedor dos Veciños actuaría con autonomía e independencia, conformándose como un órgano que profundizaría na política municipal de participación cidadá, facendo máis próximo o goberno de proximidade. Un órgano capaz de protexer os dereitos dos cidadáns e canalizar as súas queixas cara á Administración local”.

O grupo municipal considera esta figura como signo de progreso social e de consolidación dunha cultura democrática, incrementando os instrumentos de participación cidadá do Concello e configurando un órgano que vén completar o sistema de protección de dereitos e liberdades recoñecidos á cidadanía.

Ademáis, dende OUeC, faise fincapé na necesidade de cambiar políticas continuístas das que adolece a Comisión de Suxestións e Reclamacións do concello de Ourense xa que é, practicamente, unha descoñecida para a cidadanía. Regulada nos artigos 52 e seguintes do Regulamento orgánico de goberno e organización, do pleno e a comisión de suxestións e reclamacións do concello do ano 2005 modificado en 2012, está lonxe de cumprir a finalidade para a cal, aparentemente, se creou polo que evidencia o seu mal funcionamento.

Actualmente existen nesta Comisión expedientes sen resolver, por distintos motivos, dos anos 2011, 2013 e 2014. No propio Informe Anual da Comisión do ano 2015 se facilita un gráfico que indica: “RESOLTOS 6. PENDENTES DE RESOLVER 13”.

“É necesario consensuar a regulación do Valedor e dotalo das funcións imprescindibles para asesorar e informar de calquera asunto que se presente relacionado con consultas e queixas da cidadanía dun xeito áxil e eficaz contrariamente a como funciona na actualidade a Comisión”.

OUeC censura a falta de atención do Partido Popular pola lingua galega

OUeC censura a falta de atención do Partido Popular pola lingua galega

O grupo municipal Ourense en Común presentará mañá en Xunta de Área e no rexistro correspondente unha queixa formal dirixida
ao alcalde polo ataque reiterado á lingua galega na súa xestión.
 

Fai uns días foron as cartelas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida as que centraron as críticas da organización municipalista, ao entender que debían ser redactadas en galego ou en caso contrario convivir os dous idiomas oficiais. No inicio dunha nova semana, coa presentación en español en exclusiva da programación de actividades para o Centro de Coñecemento coñecido como La Molinera as críticas sobre a política lingüística de Jesús Vázquez volven a repetirse: “É vergonzoso que unha infraestrutura e unha programación realizada pola administración pública non avance en materia de Normalización Lingüística. Dixémolo no pasado e o volvemos a repetir. Todas debemos asumir a responsabilidade compartida na defensa da nosa lingua, necesita do máximo consenso social e político para materializalo. Accións como estas pouco ou nada axudan a súa conservación, promoción e uso.”

 Dende Ourense en Común non aceptan que sexa unha cuestión sen importancia ou esquecemento como apuntan que respondeu o equipo de goberno municipal na visita ao centro do pasado mércores. Asemade apuntan que se o que queren é facelo máis inclusivo deberían promovelo en máis linguas. “É absurdo afirmar que cumprir coa normativa lingüística non é inclusivo. Así por exemplo, as paredes do centro de coñecemento están cheas de frases que inciden nas necesidades, demandas e ideas que ese lugar pode aportar a unha cidadanía activa. Concordamos co fondo e a intención pero eses conceptos deberían encher as paredes do recinto en todas as linguas e en toda a banda cromática posible para ser verdadeiramente un centro inclusivo.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez

OUeC solicitará ao Concello un Plan de Protección Animal e control da fauna urbana

OUeC solicitará ao Concello un Plan de Protección Animal e control da fauna urbana

O grupo municipal de Ourense en Común presentará no próximo pleno ordinario unha iniciativa para que a institución redacte un Plan Municipal de Protección Animal, especialmente centrado na xestión do elevado número de colonias felinas. 

Ourense en Común amósase moi belixerante polo desleixo do goberno municipal do Partido Popular en materia de protección animal. “Levamos nove meses de corporación e o equipo de Jesús Vázquez permite espectáculos con animais incumprindo unha resolución plenaria, é incapaz de redactar unha ordenanza de protección animal, retrasa sen data o proxecto da canceira municipal e mantén o estado de abandono das colonias felinas que, especialmente no núcleo histórico, provocan un malestar cidadá e peor calidade de vida. É evidente que o Partido Popular non é unha organización que digamos amigable co mundo animal”.

É por todo o anterior que a organización municipalista pretende centrar o foco na problemática para atallar déficits urxentes que requiren de actuacións dende a propia institución. “É necesario xa xestionar as colonias felinas mediante programas de captura, esterilización e solta (CES). Esta é a solución avaliada por numerosos traballos de investigación e institucións altamente acreditadas na materia: Grupo de Estudos de Medicina Felina (GEMF), a Asociación de Veterinarios Españois Especialistas en Pequenos Animais (AVEPA) e pola OMS. A aplicación diste programa supón unha boa política de control da poboación felina desde o punto de vista da saúde pública e do benestar animal e que complementa outras medidas de potenciación da tenencia responsable de animais”.

Dende Ourense en Común advirten que para poñer en marcha este programa de modo efectivo o goberno municipal debe ter convicción e asumir as responsabilidades da encomenda. “O equipo de goberno debe contar con todas as entidades de protección e defensa dos animais, con persoas voluntarias e mesmo con veterinarios e veterinarias. Necesita deles para asesorarse pero non pode delegar a súa obriga como institución responsable que é”.

AUDIO concelleira Ledicia Piñeiro

Accesibilidade, liñas circulares, autobuses non contaminantes ou viaxar con mascotas e bicicletas algunhas das propostas de Ourense en Común para a Mesa da Mobilidade

Accesibilidade, liñas circulares, autobuses non contaminantes ou viaxar con mascotas e bicicletas algunhas das propostas de Ourense en Común para a Mesa da Mobilidade

Mañá luns reúnese a Mesa Municipal da Mobilidade por convocatoria formal para presentar propostas sobre o novo prego de transporte público, actualmente en redacción, e sobre a integración da bicicleta na cidade.

Ourense en Común presenta unha batería de medidas dirixidas a paliar os graves déficits da concesionaria actual como barreiras na accesibilidade ou falta de conexión entre barrios e centros de saúde.

O grupo municipal Ourense en Común presentará 18 propostas de mellora na Mesa Municipal de Mobilidade. Nesta reunión ordinara convocada para mañá luns debateranse entre outras as necesidades que deberá cubrir a nova concesionaria de transporte público ou que medidas tomar para a integrar efectivamente á bicicleta na mobilidade urbana.

“É evidente que temos moito que mellorar en ambos campos. No referido ao transporte público o máis urxente é mellorar a súa accesibilidade. Para persoas con mobilidade reducida, como observamos nos medios de comunicación nos últimos días, e para persoas con carga complementaria como un simple carriño de bebé.”

Ourense en Común aposta ademais por deseñar de novo por completo as rutas. Dende a localización das paradas, que apuntan “deberán estar coordinadas co transporte metropolitano e o programa de aparcamentos disuasorios da Xunta de Galicia”; ata o propio itinerario que deberá superar o “saturado” eixo norte-sur.

Máis do 90% dos autobuses públicos urbanos fan o mesmo percorrido nun eixo norte – sur que satura a zona 12 de Outubro, Parque de San Lázaro e Xardín do Posío e que pola contra desatende outras zonas como son o barrio de O Couto e As Lagoas. Nós apostamos por estudar a creación dunha ou dúas liñas circulares que minimicen isto e conecten todos os barrios con puntos de atracción como centros de sáude, educativos, etc.”.

Intermodalidade, transporte amigable con mascotas, creación de aplicacións móbiles, flota non contaminante, carrís preferentes, etc. son outras das medidas propostas dende a organización municipalista que son compatibles con aquelas presentadas por outros colectivos como Discafis-Cogami ou o Sindicato Maioritario da Policía Local.  

Ourense en Común súmase tamén as propostas en materia de integración da bicicleta a aquelas presentadas polo colectivo ciclista Masa Crítica Ourense.

A integración da bicicleta como medio de transporte alternativo é algo máis que pintar liñas no chan. Un carril-bici está ben e a proposta non é mala pero a integración efectiva require de actuacións integradas para a pacificación do tráfico. E iso require convicción e unha estratexia de cidade na que calquera infraestrutura pense primeiro nas persoas, despois na bicicleta, transporte público e por último o vehículo privado. Namentres non teñamos clara esa escala, non contemplada na actuación da Rúa Concello por exemplo, pouca ou nula integración da bicicleta conseguiremos”.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC pedirá en pleno a remunicipalización do servizo da ORA

OUeC pedirá en pleno a remunicipalización do servizo da ORA

Nos próximos meses expirarán varios contratos de servizos municipais do Concello de Ourense que a día de hoxe están prestando diferentes iniciativas privadas constituídas como sociedades mercantís de variada tipoloxía. Ourense en Común quere chamar a atención da corporación na inminente finalización do contrato asinado coa concesionaria do servizo ORA e o guindastre municipal para estudar a súa posible recuperación mediante xestión municipal.

Dende Ourense en Común afirman que camiñar e avanzar na recuperación da xestión directa de servizos como o da ORA e guindastre, a día de hoxe prestado polo grupo Vendex,  permitirá o “abaratamento e maior eficacia na súa prestación, unha mellora na súa calidade e nivel de cobertura e un maior control e participación social na súa xestión”.

Os datos de recadación do servizo para o ano 2014, únicos datos accesibles polo grupo municipal ao negar o Partido Popular acceso a auditorías e informes realizados nos últimos anos, amosan que a concesión deste servizo municipal é deficitaria en termos de rendibilidade económica. Así é que recadáronse arredor dos 1.2 millóns de euros, un total lonxe do canon fixado a priori nos 1.4 millóns de euros.

Dende a organización municipalista apuntan tamén que “comparando o modelo en Ourense co de outras cidades próximas evidénciase que o servizo é deficitario tamén dende un punto de vista da execución técnica. Así queren denuncian que o mecanismo de expedición de billetes “está obsoleto nas modalidades de pago en franxas á alza sen posibilidade de devolución que son abusivas para os usuarios e segrégase a oferta penalizando a residentes e persoas con mobilidade reducida”.  

Carencias que apuntan existen tamén na propia concesionaria do guindastre que “situou o depósito de vehículos inmobilizados a varios quilómetros do centro urbano e probablemente estea a incumprir o prego en número de camións en rúa e outras inactividades”.

Ourense en Común fundamenta a necesidade do mantemento deste servizo nas recomendacións contempladas no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello de Ourense. Un documento que apunta a necesidade do mantemento do aparcamento regulado para favorecer a rotación naquelas zonas máis saturadas de tráfico. Con todo matizan que “os estudios apuntan á necesidade de manter a coñecida como ORA pero a modalidade da súa xestión e execución deriva dunha decisión política que neste caso debe valorar a eficiencia e a calidade do servizo hoxe inexistente”.

É por todo o anterior que dende Ourense en Común piden que se estude a posibilidade de que a xestión do propio servizo público sexa realizada de xeito directo polo Concello ou empresa pública sempre que haxa capacidade para iso. “Isto permitirá o seu abaratamento e maior eficacia na prestación do servizo, unha mellora que tamén será sensible na súa calidade e nivel de cobertura. Así é que aproveitando a finalización do contrato vixente, con todas as garantías xurídicas posibles cubertas, ábrese a posibilidade a estudar unha estratexia de remunicipalización así como unha actualización das necesidades que este deberá cubrir.”

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

Os cargos electos de Ourense en Común non asisten como edís aos actos relixiosos da Semana Santa

Os cargos electos de Ourense en Común non asisten como edís aos actos relixiosos da Semana Santa

As concelleiras electas do grupo municipal Ourense en Común, ao igual que veñen facendo dende a súa chegada á institución no mes de maio de 2015, renuncian formalmente aos convites relixiosos oficiais por supoñer un incumprimento do seu Código Ético.

 “Ourense en Común ten pleno respecto polas crenzas relixiosas e pola pluralidade relixiosa do noso concello, por suposto. Pero nós defendemos que é necesario cumprir co marco xurídico democrático actual que marca o carácter aconfesional que deben ter as administracións públicas. Así é que claro que cada persoa debe poder libremente e dende a esfera individual asistir a este tipo de actos, pero comprendemos tamén que as institucións como tal non deben estar presentes ao representar outro ámbito, a esfera do público.”

Dende Ourense en Común enténdese ademais que este tipo de actos introducen na acción política municipal un trato preferente con respecto a unha determinada sensibilidade, fomentando deste modo un trato discriminatorio a outras opcións relixiosas presentes na área municipal. Razón pola que instan formalmente á Alcaldía – Presidencia a non acudir a ditos eventos e desenvolver todas aquelas accións políticas posibles para acadar a igualdade de trato e a non discriminación relixiosa, como instrumento de promoción do respecto e a boa convivencia entre a veciñanza.

“Sería moi bo para este concello que o noso rexedor, o actual alcalde Jesús Vázquez Abad, actualizara a institución municipal facendo algo que moita xente demanda e que o propio marco xurídico contempla. Algo tan básico como separar as prácticas relixiosas dos actos institucionais municipais.”

 AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC opta polo selado dos colectores e reorientar a inversión municipal á transformación do modelo de xestión de residuos

OUeC opta polo selado dos colectores e reorientar a inversión municipal á transformación do modelo de xestión de residuos

Ourense en Común foi o único grupo municipal en deixar clara a súa posición na última Xunta de Portavoces, manifestada tamén con anterioridade no pleno ordinario do mes de marzo.

Sobre as diferentes alternativas presentadas, a máis barata defendida por Democracia Ourensana e sen garantías de seguridade, Ourense en Común apunta que non comparte “solucións intermedias sobre a posta en funcionamento dos colectores sen que estes cumpran a normativa en materia de seguridade e temos casos de accidentes laborais moi próximos que deberían facer repensar a todos os grupos esta defensa.” Por isto a organización municipalista só contempla dúas opcións: a restauración completa dos colectores adaptada ás normativas, máis cara, ou o selado definitivo.

 “Temos só dúas opcións, restauralos ou selalos definitivamente. A restauración con todas as garantías en materia de seguridade tería un custo próximo ao millón e medio de euros segundo as diferentes auditorías encargadas pola corporación anterior e a presente. Así é que semella desproporcionado destinar tal cantidade ao medio e non ao fin en si mesmo que insistimos é o modelo de recollida do lixo. É por todo isto que dende Ourense en Común propoñemos que se imos a aprobar unha modificación de crédito nesta materia debemos reorientar o gasto cara mellorar o propio modelo. Avanzar na recollida selectiva con sistemas de recollida e retorno, porta a porta, poñer en uso a planta de compostaxe municipal, abandono progresivo de SOGAMA…”

Malia a todo o anterior Ourense en Común estaría disposto a avaliar tamén unha solución intermedia naquelas zonas que pola súa especial relevancia sexa interesante manter o soterrado dos colectores. Así afirman que “non temos porque adoptar posturas de máximos sobre a totalidade dos foxos. Pode ser interesante tamén estudar a viabilidade de manter este sistema naquelas zonas con maior impacto ou cunha especial sensibilidade como o centro histórico. Sexa como sexa instamos ao resto de grupos municipais a non perder de vista do que estamos falando. Estamos falando de lixo e do sistema de recollida do mesmo, os colectores por si non teñen valor ningún máis aló de ser a materialización dunha responsabilidade técnica e política aínda por depurar.”

AUDIO concelleira Ledicia Piñeiro Prada

OUeC denuncia falta de información e escurantismo na xestión do Partido Popular en materia de contratación

OUeC denuncia falta de información e escurantismo na xestión do Partido Popular en materia de contratación

O grupo municipal de Ourense en Común denuncia ocultación  de información sensible como pregos de contratación para concursos públicos, facturas e outros. Case dous meses sen resposta para acceso e vista ao expediente de Axuda no Fogar e sen información dos gastos da corporación municipal a FITUR.

Coa constitución da nova corporación no mes de xuño de 2015 e a chegada ao goberno municipal do Partido Popular, as competencias en materia de contratación dependen da concelleira Dª. Isabel María Castelo Villanueva xunto coas áreas de Turismo e Termalismo, Compras, Suministros e Formación Ocupacional. Dende Ourense en Común denuncian que malia a istoo obrigado rendemento de contas da acción de goberno nesta materia  quedou integrada dentro da Xunta de Área de Facenda e Servizos Xerais á que non asiste a concelleira responsable de contratación nin como presidenta nin como vogal.

Esta situación aparece contemplada no marco regulamentario, pois non é de obrigado cumprimento a presenza física da persoa responsable de cada área. Agora ben, dende Ourense en Común denúnciase queé o propio marco regulamentario do Concello de Ourense o que  esixe o rendemento de contas ordinario. Se non é na voz da responsable de área debe ser pola  presidenta da propia xunta, neste caso Dª. Ana María Fernández Morenza, ou mediante comunicación escrita. Procederes ambos incumpridos en reiteradas ocasións”.  

A organización municipalista informa que dende o 21/07/2015 ata o 22/12/2015 celebráronse un total de 24 Xuntas de Área de Facenda e Servizos ás que a concelleira delegada da área de contratación, Dª. Isabel María Castelo Villanueva, asistiu só unha vez como aparece recollido na acta do 27 de outubro de 2015. Dende esta data ata a actualidade non se ten prestado información algunha sobre a acción de goberno en materia de contratación, acumulando preguntas e solicitudes de información por parte dos diferentes grupos da oposición. Requirimentos que aumentaron no primeiro trimestre do ano e que céntranse a día de hoxe na negativa de aportar os gastos da corporación municipal a FITUR ou permitir o acceso e vista ao expediente de Axuda no Fogar (solicitado por rexistro por Ourense en Común a inicios deste ano 2016).

“A inexistencia de canles de información directa para unha correcta labor de fiscalización e control da acción de goberno por parte dos grupos da oposición, impide coñecer en que estado se atopan contratos pendentes ou concesións en precario. Proceder que mantén no escurantismo un área de goberno nodal no que a transparencia e loita contra a corrupción se refire pois concentrou un grande número de requirimentos policiais no pasado.”

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázque Mato

                     

OUeC lamenta que a actuación na Rúa Concello non avance na mellora da mobilidade urbana

OUeC lamenta que a actuación na Rúa Concello non avance na mellora da mobilidade urbana

O grupo municipal de Ourense en Común lamenta que o proxecto aprobado e de inmediata execución para a Rúa Concello non aproveite a inversión pública para avanzar na súa humanización.   

A actuación aprobada que comezará nos próximos días contempla 18 prazas de aparcamento, 2 para persoas con mobilidade reducida e dous carrís na intersección coa Rúa Juan XXIII.

A mobilidade é un dos temas nodais para Ourense en Común. Así foi que a constitución da Mesa Municipal da Mobilidade sería unha das primeiras resolucións plenarias que conseguirían aprobar co apoio do resto de organizacións políticas con representación na actual corporación municipal. Con todo, o discorrer da mesma e as diferentes actuacións do Partido Popular nesta área semellan afastar ao grupo municipalista da política emprendida polo actual equipo de goberno:

“Dende a constitución da Mesa da Mobilidade traballamos a reo para que ese foro colectivo, multivocal e non partidista, achegara a solución ao cancro estrutural que Ourense padece nesta materia. Dende o primeiro momento quixemos traballar en positivo pero a verdade que as últimas decisións tomadas por parte do Partido Popular fan que iso sexa cada día máis complicado.

Un tráfico elevadísimo, contaminación, liñas de transporte público obsoletas sen acceso para persoas de mobilidade reducida, ausencia total e absoluta de promoción de medios de transporte alternativos, etc. son síntomas desa enfermidade da que a vaga de atropelos é consecuencia. Para superala é necesario tomar medidas nunha aposta estratéxica para mudar por completo a realidade da nosa cidade. Pero para iso hai que ter vontade.”

As últimas decisións tomadas polo alcalde Jesús Vázquez e o seu equipo de goberno non solucionan o problema, segundo Ourense en Común, e manteñen nas súas palabras “a hexemonía do vehículo motorizado sobre os peóns”.

“A primeira acción de humanización en materia de mobilidade deste alcalde foi asfaltar o tramo final da Rúa Bedoya. Espazo que podería perfectamente ser peonil ao contar con dúas vías de alta capacidade conectadas arriba (Emilia Pardo Bazán) e abaixo (Av. Bos Aires). Se a prioridade son as persoas esa rúa tería unha única plataforma e os menores do colexio Concepción Arenal non terían que estar preocupados por vehículos motorizados e fume nas portas do seu centro educativo.

Na mesma liña comezáronse as obras na Rúa Francisco Llorens situando no centro ao vehículo motorizado e obrigando a persoas con mobilidade reducida a dar un rodeo para superar a pendente. E agora tamén na mesma liña comeza a actuación na Rúa Concello obviando que esta actuación novamente podería avanzar na pacificación do tráfico no centro ao ter tres vías de alta capacidade inmediatas que absorberán o seu impacto (Av. Habana, Rúa Progreso, Juan XXIII). Mantéñense as ramplas en lugar de apostar pola plataforma única e mantense a prioridade do vehículo sobre calquera outra fórmula de mobilidade alternativa.”

É por todo o anterior que dende o grupo municipal Ourense en Común declaran sentirse moi defraudados pola política de infraestruturas adoptada polo Partido Popular e por ignorar os mandatos da Mesa Municipal da Mobilidade.

“Na última convocatoria da Mesa da Mobilidade todos os colectivos alí presentes aportaron infinidade de propostas para loitar contra os atropelos e avanzar na pacificación do tráfico. E de todas aquelas a primeira medida que toma o Partido Popular para loitar contra os atropelos no Concello de Ourense foi sancionar aos peóns. A verdade é bastante frustrante par nós e, polo que falamos con outros colectivos alí representados, non acolle a sensibilidade.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato