Ourense en Común convoca un debate aberto e público sobre a  ordenanza para a xestión de Vivendas de emerxencia social

Ourense en Común convoca un debate aberto e público sobre a ordenanza para a xestión de Vivendas de emerxencia social

O grupo municipal Ourense en Común convoca, para o mércores día 02 de marzo ás 19.30 un debate no “Espazo en Común” (Burgas, 8), para recoller propostas á ordenanza sobre a xestión de Vivendas de emerxencia social.

Seguindo co carácter participativo de Ourense en Común, convocan un debate no que pretenden recoller propostas de entidades sociais, asociacións e persoas interesadas e afectadas na xestión social da Vivenda.“Dende Ourense en Común defendemos a intelixencia colectiva e a participación cidadá como a mellor forma de crear documentos marco para o bo funcionamento do Concello de Ourense, con moito máis motivo cando se está a falar de dereitos básicos”.

Teñen ata o día 9 de Marzo para facer aportacións ao borrador, presentado polo grupo de goberno e non queren deixar de contar con voces da cidadanía para facelo.

Dende OUeC defenden que mediante debates abertos e públicos, xeránse mellores  políticas e imprégnase de máis democracia, tanto a xestión como a toma de decisións. “É a definición básica de participación cidadá -xerar espazos onde transmitir opinións que teñan transcendencia na toma de decisións-”.

OUeC achegará o PXOM a todos os barrios do concello

OUeC achegará o PXOM a todos os barrios do concello

Ourense en Común comeza este luns na Carballeira un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense para achegar o modelo de cidade pretendida polo PXOM, responder ás dúbidas veciñais e informar de primeira man sobre o estado de aprobación do documento.

O grupo municipal Ourense en Común comeza este luns 29 de febreiro ás 20h na Asociación Carlasca da Carballeira un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense. A próxima parada será o mércores 2 de marzo no Centro Cívico da Cuña. Deste modo cada semana visitarán dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida no novo PXOM, responder as posibles dúbidas existentes e informar en primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento.

O proceso de elaboración deste PXOM non é, nin moito menos, o que houberamos desexado dende Ourense en Común. Así é que a coñecida como Fase de Avance foi deficiente ou case inexistente. Botamos en falta daquela unha maior permeabilidade na elaboración do documento que permitira a participación e recoller impresións, suxestións e demandas veciñais. Algo nodal se pretendemos aliñar a máis de cen mil persoas nunha estratexia de cidade para os próximos vinte anos.

Daquela OUeC non estaba nas institucións e nin sequera existía, pero agora si e con este roteiro pretendemos paliar eses déficits de participación iniciais. Xa que logo consideramos imprescindible desbloquear a actual situación provocada pola anulación en vía xudicial dun PXOM depredador redactado polo Partido Popular cunha previsión de nova vivenda para máis de 50.000 persoas”.

Ourense en Común fixaba no seu programa electoral participado cal serían as súas condicións para aprobación dun PXOM. Algunhas xa executadas parcialmente como a constitución dun grupo de traballo amplo con presenza de todas as organizacións políticas do Concello de Ourense e conformado polo propio equipo redactor e equipos técnicos que non xerara novos gastos á Corporación Municipal. Malia a isto esta comisión non foi aberta como solicitaban a outros colectivos veciñais e técnicos.

A Comisión de Seguimento do PXOM cumpriu a súa función só parcialmente. Se ben os grupos da oposición recibimos información técnica detallada do estado do plan e dos informes de alegacións elaborados polo equipo redactor, botamos en falta que se exploren novas vías de participación: consultora municipal,campañas de información específica por barrios, etc. Así é que novamente como en tantas outras áreas de goberno (mobilidade, voluntariado, animais…) é Ourense en Común quen se remanga e ponse a traballar. Se eles non o fan, facémolo nós.

Sobre o apoio ou non da organización municipalista a este PXOM seguen a advertir ao Partido Popular do risco de politizar un proceso ata o de agora netamente técnico. Con todo remarcan que, como organización asemblearia, a decisión final de Ourense en Común será unha decisión colexiada tomada en asemblea veciñal aberta á participación de calquera persoa interesada.

 Nunha primeira análise o PXOM redactado cumpre moitas das demandas de OUeC pois atende ao núcleo urbano xa consolidado e aposta por pechar a malla urbana antes de conquistar novos espazos como si facía o plan do PP. Contempla ademais un epicentro de cohesión no distrito norte da Ponte que permitirá superar desigualdades históricas entre barrios, reserva un grande número de equipamentos, espazos comúns, vivenda pública e zonas verdes.”

Dende Ourense en Común afirman que a falta da lectura de informes sectoriais aínda pendentes e dunha análise aínda máis detallada especialmente orientada ao impacto das novas infraestruturas naquelas áreas de interese natural, cultural e paisaxístico; o principal problema actual pasa pola adaptación do PXOM á nova Lei do Solo de Galicia e o modelo de xestión.

Coa aprobación en solitario por parte do Partido Popular da nova lei no Parlamento Galego desaparece un tipo de solo específico, tradicionalmente orientado á reserva en caso de expansión natural da cidade, e con el aumentaría dun bocado o número de vivendas ata 4000 máis das contempladas na aprobación inicial.

Se a esta característica sumámoslle que o Partido Popular de Ourense pretende alterar o modelo de xestión proposto por un modelo de compensación que favoreza a iniciativa privada, estaríase atacando a un dos eixos do plan que é o peche da malla urbana antes da conquista de novos espazos. Por non falar de que xa non sería a administración municipal a que levara a iniciativa do seu propio planeamento”.

Ourense en Común será convocado nos próximos días, xunto co resto de partidos da oposición, a reunións bilaterais co equipo de goberno co fin de seguir avanzando na aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC solicitará en pleno que o Concello de Ourense adquira os terreos de Benposta

OUeC solicitará en pleno que o Concello de Ourense adquira os terreos de Benposta

Ourense en Común procurará un consenso plenario de todos os grupos da corporación para que os técnicos municipais realicen un informe xurídico e de intervención económica que explore todas as vías posibles, oportunidades e amezas, para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa por parte da Seguridade Social.

O proceso de poxa aberto pola Seguridade Social, como última fase dun procedemento administrativo de requirimento despois de fallar os procesos anteriores, supón un fito importante e que pode ser histórico no conflitivo discorrer dos terreos de Benposta dende o ano 2003. Así é que ábrese a porta por fin á posibilidade de superar a actual problemática de titularidade, pois esta administración está facultada por lei para embargar bens dos debedores e vendelos en pública poxa para cobrarse a débeda pendente e saldar o débito perseguido.

Dende Ourense en Común entendemos que o Concello de Ourense ten unha oportunidade única. Se ben a data inicial da poxa quedaba fixada para o 30/03/2016, que dificultaría cumprir os prazos establecidos para unha correcta intervención dende a institución municipal, o recurso presentado pola Fundación Benposta Nación de los Muchachos debería materializarse nunha paralización temporal do proceso para superar os defectos apuntados. Así é que habería tempo suficiente para a constitución dun equipo de traballo xurídico e de intervención económica dentro do Concello de Ourense que avanzara na elaboración dun informe de posibilidades e ameazas para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa. Fundamento co que consignar e aprobar despois as partidas orzamentarias necesarias no caso de consideralo factible e positivo.

Ábrese deste modo a posibilidade para o Concello de Ourense de adquirir como único propietario uns terreos que engadir ao patrimonio municipal. Xa non polo valor do inmoble, senón que tamén polos valores engadidos ao lugar que o converten en patrimonio material e inmaterial de todas as veciñas de Ourense.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC fronte á convocatoria da xunta de portavoces

OUeC fronte á convocatoria da xunta de portavoces

O grupo municipal de Ourense en Común agradece ao Partido Popular que atendera a súa petición de convocatoria dunha xunta de portavoces de carácter monográfico con motivo da reunión do alcalde Ourense en Madrid sobre a Estación Intermodal.

 “Dende Ourense en Común consideramos pertinente que, despois de calquera reunión desta natureza con outras administracións, se convoque unha xunta de portavoces para informar en detalle do acordado ao resto dos grupos municipais. É unha mostra de saúde democrática e co-goberno na xestión. Así é que como dixemos no pasado, un tema tan sensible, con debate plenario incluído nas últimas semanas, debería contar coa máxima transparencia”.

Ao respecto da posición a priori de Ourense en Común sobre a nova estación intermodal manteñen a súa defensa dunha actuación integral en todo o ámbito sen definir a autoría do proxecto:

“Entendemos que sexa o proxecto de execución que sexa, preferiblemente o máis económico pois a nosa prioridade de gasto non se centra nas infraestruturas senón nas persoas, este deberá primar a utilidade sobre a singularidade e suprimir barreiras na mobilidade urbana conectando por fin os barrios ao norte e sur das vías de tren.

Compartimos a análise técnica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia de Ourense pois evidencia a necesidade de que calquera actuación no ámbito sexa practicada dende un punto de vista integral e non parches illados. Asemade non apoiaremos ningunha actuación que non contemple a intermodalidade real e efectiva polo que os proxectos da estación de autobús e alta velocidade ferroviaria deben ser compatibles e integrados”.

OUeC advirte de que a concesión do servizo de mantemento de bicicletas adxudícase en baixa temeraria

OUeC advirte de que a concesión do servizo de mantemento de bicicletas adxudícase en baixa temeraria

O grupo municipal de Ourense en Común advirte ao Partido Popular que o servizo a día de hoxe é deficiente e dificilmente será mellor cun contrato case 8000 euros por baixo da oferta media.

 A Xunta de Goberno Local do 04/02/2016, no punto 18 da orde do día, acordaba adxudicar o servizo de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense ao licitador autor dunha oferta valorada en 50.067 €, 7411.5 € por debaixo da oferta media e 12.89% de desviación con respecto ao resto de ofertas. Así é que de acordo co artigo 85 o Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas podería incorrer en presunción de temeridade

En base a este argumento xurídico a mesa de contratación requiriulle un informe de xustificación á empresa adxudicataria, motivando e concretando o sentido da súa oferta. Documentación entregada e admitida polo que adxudícase finalmente o servizo por esa cantidade.

“Dende Ourense en Común non cuestionamos o procedemento, xa que logo non existe ningunha irregularidade máis aló do criterio de aceptar ou non o informe de xustificación de temeridade da empresa. O que poñemos en evidencia é que este servizo era deficitario no pasado, cun estado ruinoso das bicicletas e soporte informático das bases, e dificilmente mellorará este ano con menos cartos”.

A organización municipalista advirte asemade que estas deficiencias no estado de conservación e mantemento da flota de bicicletas inciden directamente na caída de usuarios. No ano 2011 acadouse a cifra de 6099 préstamos namentres no mes de xullo de 2015 esa cifra apenas superaba os 1500 préstamos.

 “Dende que chegamos a corporación vimos denunciando que Ourense ten un problema estrutural en materia de mobilidade. Non é unha cuestión subxectiva senón que os propios datos o avalan: número de atropelos, uso de transporte privado fronte transporte público, infraestruturas non adaptadas para persoas con mobilidade reducida, etc. Se dende a administración local boicoteamos tamén aqueles servizos que promoven medios de transporte alternativo como a bicicleta seguimos e seguiremos afondando no problema e non na solución”.

Ourense en Común trasladará esta queixa no pleno ordinario de marzo e pediralle un compromiso público ao alcalde popular Jesús Vázquez Abad para que se responsabilice do correcto mantemento deste servizo.

Pregarémoslle a Jesús Vázquez, como máximo responsable desta institución, que se comprometa publicamente con toda a veciñanza a que este servizo será viable coa cantidade adxudicada. Nós, dende Ourense en Común, comprometémonos asemade a fiscalizar e controlar que en verdade isto será así.”

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC censura a falta de sensibilidade do PP ao non escoitar ás familias afectadas no centro público para discapacitados adultos

OUeC censura a falta de sensibilidade do PP ao non escoitar ás familias afectadas no centro público para discapacitados adultos

Foto: reunión 24 de febreiro con colectivos e familias

O grupo municipal de Ourense en Común asistiu onte a convocatoria para a constitución dunha plataforma en defensa da creación dun centro de educación especial para maiores de 21 anos xunto con numerosos colectivos, organizacións sindicais, persoas a título individual, familias afectadas e todos os grupos políticos de Ourense agás o Partido Popular.

 A non asistencia do Partido Popular á convocatoria das familias afectadas amosa a pouca ou nula sensibilidade deste grupo por un problema que eles mesmos poden solucionar ao estar gobernando en concello, deputación, xunta e temporalmente no propio estado.”

 OUeC dará soporte institucional e apoiará a moción que se presentará no próximo pleno ordinario do Concello de Ourense para instar ás administracións supramunicipais con competencias na temática para solucionar o que consideran un grave problema que afecta a veciñas da nosa cidade e provincia.

 OUeC intégrase en pé de igualdade, sen instrumentalización de ningún tipo, na coordinadora da plataforma xunto con todos os colectivos e organizacións asistentes. O obxectivo é traballar tanto na mobilización social como na presión institucional xunto co resto de colectivos e persoas nunha solución a longo prazo, reclamando a construción dun centro de educación especial para maiores de 21 anos, e tamén a curto prazo, mantendo o servizo actualmente prestado pola administración para non deixar a ningunha persoa no camiño”.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC insta ao PP a esgotar as vías xurídicas para prohibir a exposición de réptiles vivos

OUeC insta ao PP a esgotar as vías xurídicas para prohibir a exposición de réptiles vivos

O grupo municipal Ourense en Común instaba onte en Xunta de Área á concelleira responsable, Sofía Godoy, a garantir o trato digno dos réptiles e a legalidade da exposición.

 O Concello de Ourense debe avanzar por fin nunha ordenanza concreta de protección animal na que se regule de forma expresa este tipo de eventos. Dende OUeC entendemos que nun municipio antitaurino e libre de maltrato animal, onde arredor de 27.000 persoas asinaron a prohibición expresa deste tipo de prácticas, tampouco estaría ben considerada esta exposición.

Ourense en Común advirte que de non garantir o trato digno dos réptiles promoverá accións de rúa e apoiará todas aquelas accións de protesta contra a mesma: “Recibimos infinidade de queixas ao respecto, tanto a título individual como de colectivos. Nós xa procuramos a súa solución por vía institucional en Xunta de Área instando á concelleira responsable. No caso de que a actividade mantéñase daremos apoio a todas aquelas accións de protesta que se convoquen e de non ser así nós mesmos tentaremos promovelas .”

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

reptís

OUeC propón crear un parlamento da infancia

OUeC propón crear un parlamento da infancia

O grupo municipal Ourense en Común presentará no pleno ordinario do próximo venres unha moción para a creación dun Parlamento da Infancia, xestionado a través do propio Consello Municipal da Infancia.

O Concello de Ourense está a recibir nas últimas semanas visitas de varios colexios infantís. Como pode comprobarse nos diferentes medios de comunicación dous días á semana o salón de plenos énchese de voces novas. Unha iniciativa valorada positivamente polo grupo  Ourense en Común pero cualificada de insuficiente e carente de consecuencia máis aló da propia experiencia: “Son moitos os estudios de investigadores de prestixio que expuxeron a profunda diferenza entre organizar algunha sesión illada e con amplo eco nos medios de comunicación, e realizar un traballo se cadra máis silencioso, pero máis regular, que permita unha participación máis real e menos excepcional de representantes infantís na vida municipal. Esa é a nosa proposta.”

O grupo municipalista afirma que xa existen modelos de referencia tanto no estado español como noutros países: “Non é algo que inventemos dende Ourense en Común, existen numerosos exemplos de éxito como o coñecido Parlamento dos Jovens, en Portugal, ou os Grupos Municipais de Participación Infantil, en diferentes concellos asturianos. Estas referencias  poden servir de modelo para artellar o noso espazo participativo dentro do Concello de Ourense. Existen unha gran cantidade de experiencias de participación, a nivel internacional e tamén no Estado español. Con estas experiencias móstrase que, cun adecuado acompañamento e rol dos adultos segundo o caso, os nenos e nenas son capaces de planificar, xestionar e realizar cambios importantes no seu medio. Tamén son capaces de supervisar e monitorizar a calidade do medio ambiente no que viven. E mesmo son capaces de participar activamente en proxectos de investigación-acción, para avaliar os resultados dos seus propios proxectos”.

Trátase en definitiva, segundo este grupo, de promover espazos reais e efectivos para a participación infantil como primeiro chanzo de cara a achegar e cooperar para o progreso común: “A constitución deste Parlamento da Infancia xestionado mediante o propio Consello Municipal da Infancia permitirá, como apuntan numerosos estudos, implicar a nenos, nenas e adolescentes confianza en si mesmas, como suxeitos sociais coa capacidade de expresar as súas opinións, necesidades e decisións nos asuntos que lles competen directamente na familia, a escola e a sociedade en xeral”.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC cuestiona a construción do centro interxeracional

OUeC cuestiona a construción do centro interxeracional

O grupo municipal Ourense en Común amosa dúbidas sobre a construción dun centro interxeracional, sobre criterios para a xustificación do proxecto, a porcentaxe do investimento público e o aportado pola Fundación Amancio Ortega así como pola futura xestión dese espazo.

Ourense en Común requirirá toda a información en poder da Concellería de Benestar Social sobre o proxecto dun Centro Interxeracional do que gábanse tanto o Partido Popular coma o Partido Socialista de Ourense. Así é que esta organización municipalista pregúntase en base a que planificación ou que liña estratéxica de traballo están a seguir para xustificar a construción dun edificio de 4.488 metros cadrados.

Lembramos que levamos dende 2008 agardando polo Plan Estratéxico de Servizos Sociais. Un plan que, tal e como se recolle na lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia, debería ser formulado en función das necesidades sociais presentes e emerxentes da cidadanía galega, garantindo, en todo caso, a participación das entidades locais. Asemade está pendente de realización, tamén dende 2008, o Mapa Galego de Servizos Sociais, e é este documento o encargado de recoller os criterios de dotación de centros e de servizos no territorio de Galicia.

Con estas palabras Ourense en Común advirte da ameaza que supón realizar un proxecto improvisado sen un estudo de diagnose, viabilidade e sen enmarcalo dentro dunha estratexia común.

“As palabras de Jesús Vázquez trasladan que a Fundación Amancio Ortega financiará a construción do novo equipamento social, pero non aporta datos da inversión total nin do seu modelo de xestión. Ante isto dende Ourense en Común demandamos acceso ao plan de obra e de xestión para coñecer se o investimento será asumido totalmente pola fundación ou hai algunha partida do gasto que recaia nas administracións públicas, nomeadamente a municipal”

Ourense en Común denuncia que a construción deste centro forma parte dunha campaña de lavado de imaxe de Amancio Ortega: “as doazóns a entidades de caridade ou a hospitais serven para agochar a verdadeira orixe dunha fortuna. A evasión fiscal, a deslocalización da súa actividade empresarial e talleres con traballo en condicións de escravitude son a cara b da mesma“.

AUDIO da concelleira Ledicia Piñeiro

Renovación democrática e axenda social principais condicionantes da posición de OUeC nunha eventual moción de censura ao goberno do Partido Popular

Renovación democrática e axenda social principais condicionantes da posición de OUeC nunha eventual moción de censura ao goberno do Partido Popular

O grupo municipal de Ourense en Común non participará en ningún caso dun goberno de coalición nesta lexislatura xunto con PSOE e DO.

Hoxe luns 22 de febreiro o grupo de traballo institucional de OUeC recibía un documento asinado por Gonzalo Pérez Jácome, como portavoz da formación política Democracia Ourensana, na que se instaba ao noso grupo a “xerar un debate interno (…) para que estuden e adopten un enfoque sobre como reverter a actual situación de goberno no Concello (…) para unha reunión que DO convocará arredor do 15 de marzo, a 3 bandas (DO, PSOE e OUeC), e onde os 3 partidos poderán intercambiar posicións así como establecer pros, contras, (…) etc. dunha moción de censura vindeira”.

Ourense en Común, como organización horizontal que somete as súas decisións estratéxicas a debate colexiado en asembleas veciñais ten avanzada xa unha posición á instancia recibida. Así é que nun encontro aberto á participación no Xardín do Posío o 15/05/2015, esta organización aprobaba por consenso o seu Código de bo goberno que marcaría os seus compromisos despois das eleccións municipais do 24/05/2015. No punto 6 do seu articulado, entre outras, recollíase:

6.2. De non ser a lista máis votada, Ourense en Común abrirá un proceso para valorar dar soporte a outra candidatura para que forme goberno, do cal non formará parte en ningún caso. As decisións a este respecto serán tomadas por parte dunha Asemblea en Común, na que se valoren todas as opcións e opinións atendendo aos principios de participación, transparencia e horizontalidade. O funcionamento desta asemblea rexerase polos regulamentos, protocolos e códigos de Ourense en Común.

O pasado sábado 13/02/2016, no contexto dunha xornada reflexiva para redefinir o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos, OUeC definía cal sería a súa posición perante a unha eventual moción de censura apelando novamente ao articulado daquel Código de bo goberno:

6.4. En relación a calquera posible acordo relativo a iniciativas lanzadas por outras organizacións políticas no Concello de Ourense, Ourense en Común tomará a decisión en base aos seus principios, os documentos de organización interna e o Programa Participativo.

É por todo o anterior que hoxe luns 22/02/2016 OUeC vén de responder á instancia presentada polo grupo municipal Democracia Ourensana, agradecendo o seu convite e confirmando a súa disposición para abrir unha canle de diálogo.

Ourense en Común irá alí onde o chamen para falar sobre decisións que poden afectar ao noso municipio. Estaremos encantados de sentarnos a falar con calquera e tamén calquera pode achegarse ás asembleas veciñais abertas a participar. Agora ben, dixémolo no pleno de reprobación do alcalde popular Jesús Vázquez e volverémolo a repetir. A aritmética do resultado electoral das eleccións municipais deixaron na man de DO e PSOE unha posible alternativa ao PP. Que sexan valentes e presenten unha proposta de goberno. Nese momento Ourense en Común tomará posición en base ao seu Código de bo goberno aprobado antes do 24 de maio.

Nós non participaremos nesta lexislatura dun goberno de coalición porque a iso nos comprometemos en maio, pero si podemos dar soporte a outra candidatura alternativa ao Partido Popular se esta é compatible e sensible coas demandas de renovación democrática e rescate das persoas.

ANEXOS:

Código de bo goberno citado no comunicado:

http://ourenseencomun.gal/wp-content/uploads/2015/05/CODIGO-DE-BOA-GOBERNANZA-DE-OURENSE-EN-COM–N.pdf

Fotografías para ilustrar o comunicado:

https://dl.dropboxusercontent.com/u/7415980/AsembleaBoGobernoMaio15_foto%C3%93scarPinal.jpg

https://dl.dropboxusercontent.com/u/7415980/AsembleaRePensarFeb16_fotoOUeC.CR2

Audio do comunicado:

https://soundcloud.com/ourenseencomun