Propostas de Ourense en Común a presentar na Mesa de Mobilidade Municipal do Concello de Ourense

Propostas de Ourense en Común a presentar na Mesa de Mobilidade Municipal do Concello de Ourense

O grupo municipal dará hoxe unha rolda de prensa onde cuestionará a lectura que o Partido Popular e o equipo de goberno fai sobre o informe da Policía Local en materia de atropelos no termo municipal de Ourense no ano 2015. Asemade presentará a súa proposta integral en mobilidade elaborada nos encontros de barrio e en consenso con diferentes colectivos e técnicos na materia.

En base á convocatoria con carácter extraordinario da Mesa de Mobilidade que terá lugar maña venres ás 10.00 horas no Centro Cívico da Rúa Colón, e cun único punto na orde do día: recadar as propostas precisas para mellorar a situación do tráfico na cidade de Ourense,  o grupo OUeC presenta unha serie de propostas que se poden consultar no seguinte enlace: medidasAtropelos.

 

 

 

Ourense en Común alégrase de que por fin o Concello de Ourense decida publicar as declaracións de bens dos membros da corporación

Ourense en Común alégrase de que por fin o Concello de Ourense decida publicar as declaracións de bens dos membros da corporación

Ourense en Común recibe con agrado a convocatoria da Xunta de Voceiros para facer permanente e accesibles as declaracións de bens de todos os membros da corporación, algo que esta organización leva facendo dende a súa chegada ao concello. 

 

“Na web de Ourense en Común pode consultarse todo o patrimonio dos nosos concelleiros e persoal de apoio. É unha obriga do noso Código Ético e renóvase anualmente para render contas perante a veciñanza”. En base a esta práctica a organización municipalista afirma alegrarse “de que por fin o resto de grupos, que ata o de agora agochaban esta información, comprendan a necesidade de avanzar de cara ao cumprimento efectivo da Lei de Transparencia.  

 

Dende Ourense en Común reciben con agrado a convocatoria da Xunta de Voceiros para para o próximo martes 26 na que se debaterán, ademais da modificación de prazos de publicación e modelos de publicación de bens dos membros da corporación, outros asuntos como Orzamentos Municipais 2016. “Levamos un mes instando ao equipo de goberno a convocar unha mesa de traballo para avanzar nun borrador consensuado en materia de investimentos e só recibimos negativas. Así é que alegrámonos que este tema entre por fin no debate, pois a súa resolución pode beneficiar e moito a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Ourense. Agora haberá que ver o interese real do Partido Popular en chegar a acordos e as súas prioridades de gasto. Ourense en Común teno claro: o social no centro da escala de valores”.  

 

Na xunta de voceiros o Partido Popular ten previsto ademais, presentar o informe redactado pola Policía Local e as súas propostas para frear a vaga de atropelos do último mes. Ourense en Común, único grupo municipal que concorría as eleccións de maio de 2015 cunha batería de medidas en materia de mobilidade, ten previsto convocar aos medios de comunicación a próxima semana para presentar as propostas que elevarán á Mesa de Mobilidade: “Nós estudamos no seu momento o Plan de Mobilidade do Concello de Ourense, os informes de Policía e todas as propostas de colectivos como Stop Accidentes. A nosa aposta é estratéxica e de transformación, non pensamos en como parar os atropelos agora, pensamos en como debe ser a cidade en vinte anos”.

 

O derradeiro punto da orde do día da Xunta de Voceiros para para o próximo martes 26 será a incoación do expediente de honra a Pedro Zerolo solicitada polo Partido Socialista. “Dende Ourense en Común instamos xa en dúas ocasións, e volveremos a facelo nesta xunta, a modificar o Regulamento de Honra e Distincións que data de 1990. Consideramos que é necesario actualizalo e facelo máis accesible para que a cidadanía poda instar a incoar expedientes pola súa conta. Así é que o Artigo 20 deste regulamento contempla a promoción por máis de douscentos veciños de Ourense, polo que só sería necesario habilitar ferramentas de participación para canalizar as solicitudes”. 

OUeC chama ao PSdeG-PSOE a facer cidade e abandonar estratexias políticas

OUeC chama ao PSdeG-PSOE a facer cidade e abandonar estratexias políticas

O grupo municipal Ourense en Común apunta que as declaracións difundidas a medios polo Grupo Municipal Socialista forman parte da mesma estratexia política que pretende xerar o contexto apropiado para unha moción de censura.

 

  • “Dende o mes de setembro vimos advertindo un incumprimento do prego de condicións do servizo de axuda no fogar e incluso presentamos unha moción para constituír unha comisión de investigación da empresa concesionaria que Partido Socialista e Partido Popular votaron en contra”. Así é que a organización municipalista Ourense en Común amosa a súa indignación coas declaracións do grupo socialista ao entender que entran en contradición coas súas accións. “Sumámonos á reprobación da acción de goberno do Partido Popular en materia de servizos sociais, pois acumúlanse conflitos e irregularidades xa dende a anterior corporación, pero se o Partido Socialista quere traballar por esta cidade nesta área debería comezar por apoiar a constitución daquela comisión de investigación”.

 

  • As irregularidades apuntadas por Ourense en Común, e polas que solicitaban a constitución daquela comisión de investigación votada en contra polo Partido Popular e Partido Socialista, refírense á empresa Seralia S.A. responsable do servizo de Axuda no Fogar actualmente cun ERTE desestimado pola autoridade laboral competente e que segundo eles “pode estar a incumprir varios dos artigos das cláusulas administrativas, nomeadamente o artigo 24 de obrigacións do contratista durante a execución do contrato e o artigo 25 de obrigas laborais do contratista”.

 

  • Diferentes empresas pasaron ao longo dos últimos anos por estes servizos e ningunha estivo exenta de dúbidas na súa actividade. De feito a adxudicataria Troncoso, cunha investigación aínda en trámite iniciada polo xuíz Antonio Piña, implicou á anterior xestión do PSOE. Na mesma liña destaca Fomento de Servicios Sociosanitarios que a anterior concelleira, Marga Martín, desatendeu ao non escoitar as demandas das traballadoras (non cobrar por horas efectivas de traballo) e á que o interventor municipal chegou a sinalar como xestión irregular.

 

  • Dende Ourense en Común concordan con que “a xestión da Concellería de Benestar está sendo moi deficiente, neste servizo de Axuda no Fogar e noutros servizos e proxectos que non mostran ningún avance, nomeadamete a Canceira Municipal, a ordenanza de protección animal, a prestación a persoas en risco de pobreza ou exclusión social dentro do programa Ourense Integra, etc. Malia a todo o anterior entenden que “o Partido Socialista unicamente orquestra esta posta en escena de cara a medios de comunicación cun fin estratéxico de xeración de contexto. A súa denuncia dista moito da súa actividade diaria nos momentos transcendentes como as votacións en pleno ou na súa actividade nas xuntas de área que poden consultarse nas actas”.
Ourense en Común lembra que de terse aprobado a Mesa Municipal de Patrimonio o Concello de Ourense podería ter evitado a venda do mosteiro de Santa Comba de Naves a un particular

Ourense en Común lembra que de terse aprobado a Mesa Municipal de Patrimonio o Concello de Ourense podería ter evitado a venda do mosteiro de Santa Comba de Naves a un particular

Ourense en Común presentou no pleno de novembro unha moción para a constitución dun órgano de xestión municipal que atendera as necesidades de conservación, mantemento e promoción do Patrimonio Cultural e Natural do Concello de Ourense. Proposta votada en contra por Democracia Ourensana e Partido Popular, coa abstención do Partido Socialista.  

 

  • De terse aprobado a constitución daquela Mesa de Patrimonio teríamos un equipo de xente traballando que puidera ter evitado a venta do monumento a un particular e incluso avaliar as posibilidades de adquirir o ben cultural para a súa posta en valor”. Con esta afirmación Ourense en Común amosa a súa sorpresa pola indignación dos grupos da oposición que naquel pleno votaron en contra e advirte que “volverá a suceder porque no Concello de Ourense non existe ningún órgano de xestión coordinador para implementar accións en materia de conservación, estudo e posta en valor do patrimonio”.

 

  • Dende Ourense en Común reivindican a constitución deste órgano xestor porque “malia a que o marco xurídico para a protección do Patrimonio Natural e Cultural sexa en exclusiva responsabilidade autonómica, ambos patrimonios quedan afectados en maior ou menor medida por accións e incluso normativas que parten dun contexto municipal. Polo que é necesario un marco proactivo de acción local”.

 

  • Ourense en común lembra asemade que o Plan Estratéxico Termal do Concello de Ourense, aprobado en 2007 por unanimidade de todas as organizacións políticas con representación na corporación municipal, propuña a “conservación dos recursos termais e a súa posta en valor con outros naturais e culturais asociados”. Este documento marco que debía sentar as bases do modelo de cidade a construír outorga unha importancia nodal ao patrimonio natural e cultural. Así é que aposta por “un modelo económico en base a recursos endóxenos e ao desenvolvemento dunha oferta territorial integral sobre bases planificadas” a futuro. Tendo en conta en todo momento que estamos perante un recurso que non pode ser deslocalizado.

 

  • Ourense en Común esixirá ao Partido Popular informe de actuacións autorizadas dende a institución municipal e copia do expediente completo de venta do ben catalogado.
Ourense en Común pide que non se banalice o debate sobre o carácter vinculante das mocións plenarias e demanda un maior esforzo de consenso ao Partido Popular coas resolucións aprobadas pola oposición

Ourense en Común pide que non se banalice o debate sobre o carácter vinculante das mocións plenarias e demanda un maior esforzo de consenso ao Partido Popular coas resolucións aprobadas pola oposición

Ourense en Común analiza con preocupación a banalización do debate sobre o carácter vinculante das resolucións plenarias e advirte que esta só responde a unha estratexia política de quen pretende promover unha moción de censura.

 

  • O carácter vinculante ou non das mocións é algo que aparece recollido no Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Concello de Ourense. Se Democracia Ourensana quere abrir un debate sobre a súa modificación pode facelo instando a súa modificación como Ourense en Común fixo co Regulamento de Honra. Con este argumento a organización municipalista analiza o que entenden en verdade como unha estratexia política de quen pretende unicamente debilitar ao goberno do Partido Popular, evidenciar a minoría do Partido Socialista e promover unha moción de censura. En ningún momento procúrase traballar en positivo pola institución”.

 

  • O grupo municipal Ourense en Común instou en repetidas ocasións ao Partido Popular a cumprir os compromisos políticos acordados en pleno, incluso para aquelas mocións con voto en contra como a Comisión de Seguimento do AVE presentada polo Partido Socialista. “Entendemos que as propostas dos diferentes grupos políticos presentadas para o seu debate recollen a sensibilidade dunha parte importante da poboación e que no caso de ser maioritarias obrigan a quen está no goberno a procurar fórmulas de consenso para recoller ditas sensibilidades. Con máis razón aínda cando como é o caso da actual corporación o Partido Popular goberna en minoría”. Malia ao anterior dende a organización municipalista advirten que ditas mocións non son sometidas a expediente nin informe favorable por ningún técnico polo que a súa aprobación inmediata podería derivar en numerosas irregularidades. Así é que afirman que “o verdadeiro brinde ao sol é aseverar que as mocións deben ser vinculantes, obviando o marco xurídico ou competencial dos municipios”. Xustificación coa que conclúen que “si Democracia Ourensana en verdade quere abrir o debate que o faga de forma seria instando a modificar o regulamento e aportando emendas. De ser así dende Ourense en Común estaremos encantados de participar e facer participe á cidadanía da discusión”.
OUeC denuncia irregularidades na concesión  do matadoiro municipal

OUeC denuncia irregularidades na concesión do matadoiro municipal

Ourense en Común observa con preocupación grandes diferenzas desfavorables para a institución municipal nos recontos de cabezas de gando realizados pola concesionaria Matadero de Ourense S.L.

Ourense en Común entende que unha das súas principais encomendas na corporación é a de fiscalización e control da actividade municipal. Razón pola que solicitou no pleno do venres 8 de xaneiro a constitución dunha comisión informativa sobre as principais concesións municipais. Unha moción votada en contra polo Partido Popular e Partido Socialista, coa abstención de Democracia Ourensana.

A proposta defendida en pleno por Ourense en Común pretendía constituír un foro de debate e análise para actuar coa maior dilixencia nunha área de goberno nodal no que a transparencia e loita contra a corrupción se refire: as concesións municipais.

A negativa de Partido Popular e PSOE a xerar ese espazo para avaliar a execución pasada, presente e futura das distintas concesións municipais, obriga a un esforzo extra dos edís de Ourense en Común para ter acceso a expedientes, contratos, inventarios e outra documentación. Malia a estas dificultades analizáronse xa varias concesións de servizos municipais, entre elas á referida ao matadoiro municipal, concesión cedida á Sociedade Limitada Matadero Ourense.

Segundo a información recollida, a actividade da concesionaria municipal no servizo de matadoiro precisa de forma complementaria da presenza de persoal funcionario do Concello de Ourense. A súa labor enmárcase no control da báscula de pesado para evitar calquera tipo de anomalía ou irregularidade. Así é que a empresa Sociedade Limitada Matadero de Ourense debe aboar unhas taxas que varían en función das cabezas de gando sacrificadas.

Unha vez analizada unha pequena mostra desta actividade, segundo datos facilitados pola Concellería de Comercio,  comparada cos listados de control de sacrificio regulamentario que tamén exerce o persoal funcionario responsable da área de Sanidade; evidéncianse grandes diferenzas en favor da concesionaria e en detrimento dos intereses da institución local. Razón pola que o grupo municipal Ourense en Común instará ao equipo de goberno do Partido Popular a realizar as comprobacións oportunas e, novamente, á necesaria constitución dunha comisión de seguimento e control sobre as concesións municipais.

1

2

Ourense en Común advirte que o acordo plenario sobre soportes publicitarios municipais contemplaba ceder espazos a colectivos e asociacións veciñais

Ourense en Común advirte que o acordo plenario sobre soportes publicitarios municipais contemplaba ceder espazos a colectivos e asociacións veciñais

Ourense en Común analiza con preocupación a intención do goberno do Partido Popular de sacar a concurso o mantemento e explotación dos soportes publicitarios municipais incumprindo o acordo plenario do 2 de setembro de 2015.

 

O pleno ordinario do Concello de Ourense do mes de setembro de 2015, por once votos a favor dos grupos municipais de Democracia Ourensana e Ourense en Común, dez votos en contra do grupo municipal do Partido Popular, e seis abstencións do grupo municipal do PSdeG-PSOE; aprobou que se procedera con carácter urxencia a eliminar os Mupis que supoñían unha barreira arquitectónica e cancelar o prego de contratación en curso. Comprometéndose asemade a instalar coa maior celeridade posible Taboleiros de Barrio que serán xestionados polas diferentes asociacións de veciñas para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión.

 

A intención do Partido Popular de retomar os trámites para convocar o concurso público de mantemento e explotación de soportes publicitarios municipais incumpre un punto nodal daquela resolución plenaria. Ourense en Común advirte da existencia dese acordo e do compromiso político adquirido polo equipo de goberno. De incumprilo a organización municipalista anuncia accións de rúa, protesta e denuncia.

 

Dende Ourense en Común albíscase un preocupante interese por parte do Grupo Municipal do Partido Popular en reducir os espazos de difusión e divulgación para colectivos e asociacións. Tendencia observable na negativa da cesión dalgúns destes soportes, o retraso na implantación de Taboleiros de Barrio ou o anuncio dun endurecemento na aplicación de sancións por instalación de carteis na vía pública.

Ourense en Común pide valentía ao Partido Popular para afrontar unha reforma estrutural da mobilidade urbana contra os atropelos

Ourense en Común pide valentía ao Partido Popular para afrontar unha reforma estrutural da mobilidade urbana contra os atropelos

Ourense en Común recibe con decepción os acordos derivados da mesa de traballo en materia de seguridade viaria celebrada onte no Concello de Ourense por entender que todas as propostas presentadas concéntranse na sanción e non afrontan o problema real.

As medidas propostas polo Partido Popular, radares e sancións, non afrontan o problema estrutural que a cidade de Ourense ten en materia de mobilidade. Dende Ourense en Común botamos en falta un cronograma de actuacións específicas orientado á progresiva pacificación do tráfico. Obxectivo que debería situarse no centro de calquera acción neste campo.

Trátanse por igual a peóns e vehículos motorizados, chegando incluso a presentar a posibilidade de sancionar tamén aos peóns. Dende Ourense en Común comprendemos a cidade como un espazo de convivencia para as persoas, as cales deben situarse no centro da acción de goberno. Así é que calquera proposta debe ir orientada a mellorar as súas condicións de vida, en seguridade viaria pero tamén ambiental, acústica, etc. Razón pola que regular en base a unha condición de iguais peóns e vehículos é un erro de valoración moi grave que afasta por completo ao Concello de Ourense do ideal de cidade saudable proposto.

Das medidas presentadas onte polo Partido Popular as únicas que recibimos con esperanza son as ligadas a un compromiso orzamentario para abordar accións estruturais na instalación de pasos elevados, bandas redutoras e medidas semellantes. Con todo estas accións deben ter claro cal é o seu fin, a pacificación do tráfico motorizado na cidade, e ir acompañadas doutras moitas nunha estratexia conxunta en materia de mobilidade.

Dende Ourense en Común seguimos instando ao Partido Popular a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para avaliar todas estas propostas e medidas urxentes de prevención de atropelos.

OUeC insta ao PP a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para adoptar medidas contra os atropelos na cidade

OUeC insta ao PP a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para adoptar medidas contra os atropelos na cidade

Ourense en Común entregará a primeira hora de mañá mércores por rexistro unha instancia dirixida á Alcaldía – Presidencia para convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Taballo Municipal de Mobilidade para avaliar propostas de medidas urxentes de prevención de atropelos no Concello de Ourense.

  • Con data 08/01/2016, no pleno ordinario do mes de xaneiro do Concello de Ourense, no seu punto da orde do día 4.3., acordouse a instalación de redutores de velocidade na Estrada da Granxa e na Rúa Marcelo Macías como medida disuasoria para evitar accidentes. Medidas que se ben poden axudar nesas áreas de actuación non garanten a solución do problema, pois a dispersión xeográfica dos atropelos repártese sen un patrón definido por toda a cidade de Ourense: estrada de Seixalbo, Saínza, Pena Corneira, Av. Habana, na Rúa Picasso e en moitos outros lugares.

 

  • Os datos aportados polo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello de Ourense amosan que detrás dos accidentes citados existe un problema estrutural que debe ser analizado e solucionado en multitude de frontes coa participación de todos os colectivos e técnicos responsables: transporte público, fomento de medios de mobilidade alternativa mediante carril bici, aparcamentos disuasorios, zonas 30 e pacificación de rúas, pasos elevados, etc. Medidas que deberán ser debatidas e aprobadas no foro oportuno constituído para tal (Mesa de Mobilidade) e que ten a súa próxima convocatoria no mes de febreiro deste ano en curso cunha orde do día xa pechada: 1. Melloras PMUS, 2. Transporte Público, 3. Carril Bici.

 

  • No pleno do 08/01/2016 quedou en evidencia a concordancia de todos os grupos municipais presentes na actual corporación en tomar medidas urxentes para frear o elevado número de atropelos, en calquera parte da cidade. Un tipo de accidentes que ten elevado a súa incidencia no último mes cun atropelo cada dous días segundo datos dos diferentes medios de comunicación locais. Razón pola que Ourense en Común presentará por rexistro unha instancia dirixida á Alcaldía – Presidencia para a convocatoria con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia da Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade cun único punto na orde do día:
    Propostas de medidas urxentes de prevención de atropelos no Concello de Ourense

 

  • Dende Ourense en Común entendemos que esta convocatoria non deberá anular a prevista para o mes de febreiro e seguintes, xa que estas deberán abordar dende un punto de vista estrutural a complexidade da problemática.

 

Consultade nesta ligazón as nosas propostas en materia de mobilidade:
http://ourenseencomun.gal/programa-participativo/territorio/

Ourense en Común lembra ao Partido Popular e a Democracia Ourensana que no pasado defenderon a constitución dunha mesa informativa sobre as principais concesións municipais

Ourense en Común lembra ao Partido Popular e a Democracia Ourensana que no pasado defenderon a constitución dunha mesa informativa sobre as principais concesións municipais

O órgano colexiado do grupo municipal Ourense en Común decidía en asemblea apoiar as dúas propostas que  Democracia Ourensana presentará no pleno. Especialmente interesante consideran a relativa á integración dos nenos en risco de exclusión social nos servizos de deportes: “apoiamos porque é unha medida que avanza en xustiza social, un dos nosos principios fundamentais”. Con todo a organización municipalista presentou varias emendas de substitución e adición para “fixar uns compromisos e responsabilidades concretas e que non quede só en boas palabras”.

 

Apoio con matices será a opción de voto de Ourense en Común para a primeira das tres mocións presentadas polo PSdeG-PSOE. “Concordamos na necesidade de pacificar o tráfico na estrada da Granxa, pero non pode ser unha actuación illada. Os atropelos dos últimos días en Ourense evidencian de novo a necesidade dun plan estratéxico de mobilidade porque o mesmo problema está presente na estrada de Seixalbo, en Marcelo Macías, na Avenida de Santiago, etc.”. Instando a construír este plan de acción dende a Mesa da Mobilidade con representación de todos os grupos e axentes sociais do Concello de Ourense.

 

Emenda e abstención nas mocións do PSdeG-PSOE sobre o plan estratéxico do AVE e cesión do local da unidade de saúde mental da Ponte para uso veciñal. Na primeira afirman que a súa emenda derívase da necesidade de que “na redacción dese plan debemos participar todos, incluída a veciñanza, pois estamos perante unha infraestrutura dun grande impacto no concello”. Namentres que no caso do local da Ponte consideran que “o barrio, a diferencia de moitos outros de Ourense, ten unha boa dotación de espazos para uso veciñal: centro cívico, espazo Lusquiños, a nova biblioteca e ludoteca, etc.”, apostando así por “avanzar previamente nun estudo das necesidades reais do barrio que se cadra non pasa só por un aumento de equipamentos”.