Ourense en Común esixe ao goberno municipal que defenda o servizo de bombeiros

Ourense en Común esixe ao goberno municipal que defenda o servizo de bombeiros

Perante o grao de acoso reiterado exercido polo grupo municipal Democracia Ourensana sobre o corpo municipal de bombeiros, Ourense en Común esixe ao Partido Popular unha firme defensa contra quen emprega traballadores e servizos públicos como arma de confrontación política.

“Como representantes institucionais cremos que é o noso deber velar pola seguridade de todas as veciñas e veciños e velar por un servizo absolutamente fundamental de competencia municipal como é o de Bombeiros. Sen unha dotación básica de efectivos e sen unhas condicións mínimas o risco multiplícase de modo exponencial. Hai que dar unha resposta política efectiva e canto antes. Con este argumento o grupo municipal Ourense en Común xustificaba a moción presentada no pleno ordinario do pasado mes de novembro que pretendía atender a situación particular do servizo para garantir a súa seguridade e efectividade no traballo”.

A moción foi rexeitada cos votos en contra de Democracia Ourensana e Partido Popular. Na defensa da súa posición e voto o argumento máis virulento chegaba dende a bancada de Democracia Ourensana que ata en dúas ocasións denominaba aos bombeiros comoprivilexiados e interesados.

Dende Ourense en Común reitérase que en ningún apartado da moción aparece un acordo que teña que ver cun aumento salarial. O que se recolle é unha reivindicación laboral, que pretende a incorporación dos pluses de nocturnidade e festividade ao complemento específico. Máis dun 20% do seu salario forma parte das retribucións variables. Isto quere dicir, que un bombeiro cunha baixa de longa duración estaría cobrando case un 20% menos do seu salario. (PODE CONSULTARSE A MOCIÓN ANEXA A ESTE COMUNICADO)

Ourense en Común aposta, defende e practica a transparencia na administración pública e máis en todos os órganos autónomos nos que participa. Así queda en evidencia na publicación web de todas as actas das Xuntas de Área e Comisións nas que está presente, como das asembleas e doutros encontros:

  • Na Xunta de Área Facenda e Servizos Xerais do 17 de novembro de 2015 presidida pola concelleira do Partido Popular Dª. Ana María Fernández Morenza, o voceiro do grupo municipal Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome solicitaba relación nominal da útima nómina (mes de outubro de 2015), na que conste o importe líquido a cobrar, do persoal adscrito ao servizo de bombeiros. Acta aprobada de conformidade polo propio grupo de Democracia Ourensana na seguinte Xunta de Área. (PODE CONSULTARSE A ACTA DA XUNTA DE ÁREA ANEXA A ESTE COMUNICADO)

  • Nas seguintes Xuntas de Área do 24 de novembro, 1 e 9 de decembro de 2015 o voceiro do grupo municipal Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, non solicita documentación nin intervén de modo algún. (PODEN CONSULTARSE AS ACTAS ANEXAS A ESTE COMUNICADO)

  • Na Xunta de Área Facenda e Servizos Xerais do martes 15 de decembro de 2015 o voceiro do grupo municipal Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, reiteraba o seu interese en coñecer o salario neto cobrado polo corpo municipal de bombeiros. Perante este novo requirimento o voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez insta ao secretario a tomar as precaucións legais oportunas posto que en base o Informe 147/2010 a Axencia Española de Protección de Datos ditamina que en ningún caso poderán exhibirse os documentos de nómina “a fin de que o acceso non se produza a datos que resulten irrelevantes para o exercicio da función e control” da acción de fiscalización propia dos concelleiros. (ACTA EN PROCESO DE REDACCIÓN E APROBACIÓN POLA SECRETARÍA RESPONSABLE).

  • Dende Ourense en Común recoñecen calquera labor de fiscalización e control da xestión de goberno e órganos municipais”, pero advirten “certa instrumentalización política dun servizo público esencial como é o de bombeiros”. Un servizo de intervención en sinistros, rescates e emerxencias, colaboración cos corpos de policía e os servizos de protección civil, así como de prevención e extinción de lumes que encóntrase na súa opinión nunha situación de emerxencia ao non estar dimensionado ás necesidades de Ourense. É por isto que presentaban esta mañá un escrito instando ao equipo de goberno a actuar conforme á legalidade na cesión de información e na defensa dos servizos públicos perante quen os os emprega como arma de confrontación política”.

ANEXOS.-

Moción en defensa do servizo de bombeiros presentada por Ourense en Común no pleno ordinario do Concello de Ourense do 06/11/2015:

http://issuu.com/ourenseencomun/docs/moci__n_bombeiros_definitiva_censur

Acta da Xunta de Área Facenda e Servizos Xerais do 17 de novembro de 2015:

https://www.dropbox.com/sh/mxpe7q4f2urb81c/AAC2ogyc_UmF9hlfP9n1xcbaa/Facenda_ServizosXerais/151117.pdf?dl=0

Actas Xuntas de Área do 24 de novembro, 1 e 9 de decembro de 2015:

https://www.dropbox.com/sh/mxpe7q4f2urb81c/AABs-DJoocD982rbuJKuLVoDa?dl=0

Ausencia dos tres concelleiros de Ourense en Común dos actos conmemorativos da Constitución

Ausencia dos tres concelleiros de Ourense en Común dos actos conmemorativos da Constitución

Os concelleiros de Ourense en Común non asistirán aos actos de conmemoración do día da Constitución o próximo 6 de decembro. Expomos a continuación, de xeito conciso, as razóns para iso:

Rexémonos por un marco xurídico obsoleto, froito dun contexto social e político moi determinado, o da transición, que non foi capaz de adaptarse aos novos tempos. A Constitución Española celebra o seu 37º aniversario. A súa redacción estivo marcada pola necesidade de alcanzar un consenso entre as forzas progresistas e as conservadoras, que posibilitase o paso da ditadura á democracia de xeito pacífico. Catro décadas despois o contexto é moi diferente; a cultura democrática do pobo español consolidouse e a nosa realidade sociopolítica é outra. A estrutura institucional disposta na Constitución mostrou non ser axeitada; a separación de poderes non é real; a soberanía do pobo non conta con canles de participación efectiva. O efectivo avance das liberdades, os dereitos fundamentais e a democracia mesma non poden estar limitados por un marco legal anticuado que se supón serve a este fin.

Consideramos que moitos dos dereitos e liberdades contemplados na Carta Magna non foron obxecto do correspondente desenvolvemento lexislativo nin das actuacións necesarias por parte dos poderes públicos para facelos efectivos. É o caso do dereito ao traballo e a un salario suficiente (art.35), o dereito a unha vivenda digna (art.47), o dereito á asistencia e prestacións sociais suficientes en caso de necesidade (art.41), ou o dereito a un sistema tributario xusto e progresivo (art.31), entre outros moitos. Este marco constitucional non foi capaz de garantir a efectiva imposición destes dereitos e liberdades, que foron sistematicamente esmagados polas políticas duns e outros gobernos, chegándose ao caso de incluír na propia Constitución unha modificación (art.135) que antepón a satisfacción de intereses privados do sector financeiro ao cumprimento do interese xeral.

Vivimos, asemade, un claro proceso de “apropiación” da Constitución por parte de determinados grupos políticos que se alternaron no poder, que lonxe de traballar por desenvolver o seu contido para facelo efectivo e de adaptalo ás novas realidades e necesidades da cidadanía, utilizárona como arma arreboladiza contra calquera forma de expresión social, política ou cultural non coincidente cos seus postulados e posicionamentos.

Cremos firmemente que é necesario abrir un novo proceso constituínte, que conte cunha ampla participación social, de cara a elaborar unha nova Carta Magna que sirva efectivamente ao interese xeral e sexa capaz de garantir os dereitos e liberdades da cidadanía e os pobos que conviven en España por enriba de calqueras intereses particulares.

Por todo iso, o próximo 6 de decembro os concelleiros de Ourense en Común no Concello de Ourense abstéñense de participar na celebración institucional do día da Constitución. Non se pode celebrar que nos rexemos por un marco normativo obsoleto, inoperativo e incapaz de servir ao seu labor. Non se pode celebrar xunto a representantes duns partidos que a incumpriron, usárona á súa conveniencia e agora vanglórianse de ser os auténticos demócratas e constitucionalistas. Non hai nada que celebrar.

Propostas de Ourense en Común no próximo pleno municipal do 4 de decembro

Propostas de Ourense en Común no próximo pleno municipal do 4 de decembro

As mocións que presentará Ourense en Común no pleno de maña son as seguintes:

Ourense en Común propón unha batería de medidas encamiñadas a sumar ao Concello de Ourense á loita global contra o cambio climático. “No marco do encontro en París, coa advertencia de entrar nun punto de non retorno, no que se se atravesa a barreira dos dous grados as consecuencias poden ser catastróficas, cremos que o Concello de Ourense pode e debe tomar unha postura proactiva na loita contra o cambio climático”. Presentan 9 medidas de aplicación municipal, entre as que se pode destacar a contratación do 100% do subministro de electricidade de orixe renovable para as dependencias municipais, compromiso para garantir no PXOM o maior número de espazos verdes e zonas arboradas e avanzar no desenvolvemento de enerxías renovables non contaminantes, nomeadamente a xeotermia.

– Ourense en Común fai unha proposta para a conservación e protección da toponimia tradicional na área municipal do Concello de Ourense. “Segundo Nacións Unidas na súa 28 conferencia establece que, a toponimia tradicional é “parte integral do patrimonio cultural intanxible” posto que “son valiosos testemuños da historia e dos xeitos de vida pasados e actuais”. Ourense en Común propón que o Concello asuma as competencias que lle corresponden con respecto á fixación das vias urbanas, comprometéndose a elexir sempre un topónimo tradicional correctamente identificado antes que fórmulas de nova invención e realizar un inventario das denominacións tradicionais do territorio municipal.

– Ourense en Común presenta unha moción en apoio ás propostas presentadas pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca para a creación dunha lei Reguladora do Dereito á Vivenda. “Esta é a segunda moción nestos primeiros seis meses que levamos fomando parte desta corporación municipal, na que introducimos no pleno a realidade dos desafiuzamentos. Na primeira, recolliamos medidas concretas a levar a cabo dende o municipal, lembremos que non foi aprobada. Nesta segunda, queremos que o Concello demande a creación dunha lei reguladora do Dereito á Vivenda, porque se ben os desafiuzamentos son unha realidade que só se percibe no cercano dunha xestión municipal, as solucións de raíz teñen que partir do Parlamento e o Goberno do Estado. A presión dos Concellos inflúe, é útil e ademáis podemos sentar precedente”

Moción de acordo polos tres grupos

Ourense en Común súmase á moción conxunta en repulsa da conducta do Presidente da Deputación Provincial de Ourense, D. Jose Manuel Baltar Blanco e esixindo a súa dimisión. “O procedemento xudicial ou penal ten que levar o seu curso e procedemento, pero hai unha responsabilidade política que debe ser depurada. Se o PP non é quen de facer valer ás institucións democráticas logo terán que ser as corporacións municipais as que o fagan”.