Xuntanza Ourense en Común e Podemos Galiza

Lugar: Local das Burgas, Ourense
Data e hora: 21 de agosto de 2015, ás 10:00 horas

Acta:

Comezamos OUeC comentando que levantamos acta, como facemos sempre que nos reunimos.

Podemos comenta que a súa iniciativa inicial era comezar a xuntarse coas mareas, e logo por distintos motivos, comezaron reunirse tamén con organizacións políticas. Un dos motivos desta rolda de conversas é rachar a liña de tensións e enfrontamentos que se vende dende os medios de comunicación, de forma interesada, así como ampliar as canles de comunicación con Podemos Galiza. Nesta fase xa mantiveron reunións con ANOVA, EU, EQUO, CxG e está pendente unha con Espazo Ecosocialista. Manifestan que atoparon numerosas coincidencias na análise da situación sociopolítica.

Ao seu entender consideran que se darán dúas candidaturas, unha que aglutine ao BNG e outras organizacións e outra candidatura relacionada coas mareas.

En Podemos teñen unha proposta social e política asentada en 3 patas: unha pata orgánica (con coincidencia política), unha pata das mareas – candidaturas municipalista, unha pata cidadá (cren que sería bo ter un vector que canalizara esta participación, e haberá que agardar o que aconteza o sábado día 22 de agosto). E que, dalgún xeito, non hipoteque o que poida pasar en 2016 e se podería ir incluso un pouco máis alá nesta proposta.

Por pechar a súa intervención inicial, comentan sobre as súas primarias que as persoas candidatas teñen perfectamente claro que a aposta fundamental é a confluencia e que teñen perfís de implicación política en procesos de confluencia e con certa experiencia en diferentes movementos sociais do país.

Pola parte de OueC manifestamos que non existe definida unha postura ao respecto de vindeiras convocatorias electorais, porque non houbo asemblea para falar e decidir nada. Tomaremos nota o máis exactamente posible sobre a proposta de Podemos Galiza para trasladar á asemblea.

Agradecemos a Podemos Galiza a convocatoria a esta reunión e persoalmente ás persoas que se desprazaron ate Ourense. Manifestamos asimesmo que hai persoas a título individual que non son alleas aos procesos e que todos opinamos sobre o tema.

Remarcamos que si que en OUeC existen uns principios fundamentais: participación, transparencia, confluencia, etc… Facemos un repaso sobre o que foi Ourense en Común, pasando polas primarias e a retirada de apoio de Podemos, aínda que seguiron facendo moito traballo dentro do proceso de OUeC e finalmente houbo un apoio explícito que recoñecemos como un acto de xenerosidade e confianza pola súa parte.

Con respecto ao que está por vir, hai persoas de OUeC que están a participar no encontro cidadán por unha marea galega, e coidamos que hai sintonía cos procesos municipalistas. Fundamentalmente hai unha eiva en participación de forma presencial, e está claro que iso será claramente diferente. Fala de que existe certo escepticismo sobre a escalabilidade dos procesos.

Lembramos que dende a primeira reunión de confluencia houbo xente de Podemos Ourense traballando e participando activamente en Ourense en Común. Comenta que OUeC foi tamén convidado a participar no proceso de hoxe pola tarde de Podemos Ourense de elaboración do programa electoral.

Comentamos, dende o punto de vista persoal, que se nalgún momento se dá un apoio de OUeC a algunha candidatura será se se percibe que hai participación cidadá moi clara. Que todas as organizacións teñan claro que non se lle poden impoñer criterios a todas as súas afiliadas para controlar as decisións que se tomen.

Apuntamos, tal e como se comentou na reunión con Alberto Garzón, que coidamos que non se pode caer en falar de participación de forma masiva porque pode crear sensación de frustración ao non ser posible logo implementar esa participación.

Preguntamos específicamente, para poder dar traslado á asemblea, que é o que se espera de OUeC.

Podemos Galiza informa de varias cuestións: 1.- Que non houbo un 10% de apoio das inscritas en Ourense e non se poido dar apoio como tal, en primeiro momento. Logo sucederon outras cuestións, como que a lista non se configurou con primarias; 2.- Que hai varias limitacións, espaciais e temporais, para estas eleccións xerais. O espazo xeográfico galego é moi amplo, e temporalmente tamén temos limitacións; 3.- Sobre que se lle pide a OUeC: estritamente non se lle pide nada, pero básicamente é que acepten o seu mandato municipalista e que non se xeren conflictos internos pola candidatura ás eleccións xerais.

Podemos Galiza apunta que están tentando ter unha candidatura ampla na que tamén se sintan cómodas as candidaturas municipalistas. Tamén din que lles preocupa o marco temporal, porque cren que estaría ben ter unha serie de eventos nos que a xente que queira participar, o faga. Evidentemente que non vai poder ser que haxa unha participación como nas municipais, e non se quere vender motos de cousas que non son, pero si que haberá eventos participativos nos que OUeC podería botar unha man ou ser facilitador. Pero aínda é cedo e preocúpalles que non haxa decisións tomadas con antelación.

Do mesmo xeito consideran que un dos problemas que detectan é que non se pode trazar unha folla de ruta como tal, porque non hai tempo e a cada instante o escenario cambia. Saben perfectamente o que queren e o que non, pero a forma na que se vai plasmar é máis incerta. Así que o que queren saber é no lugar no que OUeC se sentiría cómodo na proposta de Podemos Galiza.

Pola banda de OUeC trasládase que consideran que habería que ter varios documentos fundamentais que están por elaborar: código ético do grupo parlamentar; regulamento de primarias o máis abertas posibles; programa electoral (que a nivel participativo é moi complicado); modelo de finanzamento como aposta política: microdoazóns e microfinanzamento. E como dotar a esa estructura dun censo concreto e soberano na toma de decisións.

Podemos Galiza traslada que teñen moito traballo feito a nivel partipativo na elaboración de programa, e que é importante para elas porque teñen unha preocupación real pola participación.

OUeC consulta cuestións relacionadas cun grupo parlamentar propio e o nome e logo nas papeletas.

En relación ao grupo parlamentar galego no congreso, Podemos vai poñer todo da súa parte para que este sexa posible e proporán que, de darse un acordo, sexa recollido neste senso. Consideran que tecnicamente depende dunha decisión administrativa/política da mesa do Congreso das Deputadas. Incluso, se políticamente a mesa do Congreso é contraria a isto tomaríanse as medidas necesarias para que aínda que non sexa formalmente, exista. Respecto a isto, tamén di que canto máis grande sexa o resultado que unha candidatura única obteña mellor e máis fácil será logo constituilo como tal. Apuntan asimesmo que en caso de que non sexa posible porque a mesa do Congreso non o permita, poderíase explorar claramente formar un subgrupo parlamentario.

Con respecto ás fórmulas legais Podemos Galiza lembra que en ocasións avánzase máis alá do que marca a lexislación e pon como exemplo que moitas mareas sexan “partidos instrumentais” porque non había encaixes doutro xeito. E que se seguirá avanzando nesta liña para que todos os encaixes sexan posibles. Asimesmo, sinalan que poida que tamén se estea a dar un debate que non ten precedente, porque habería que analizar cantas veces houbo grupo parlamentar galego no Congreso das Deputadas.

Podemos Galiza considera que o fundalmental é que se conforme un espazo galego de confluencia, comunicar e facer campaña co nome que se acorde. Outra cousa é que coidan que debería estar federado por pragmatismo político comunicativo, e en consonancia co acordado no seu encontro de Vista Alegre, polo tanto precisarían que o nome da papeleta levase a marca Podemos. Eso sí, insisten en que non é para facer campaña comunicativa.

Rematamos a reunión botando a vista atrás un par de anos, para ver que realmente nos atopamos nun momento moito máis favorable de cara a unha confluencia. Existe a posibilidade real de que se dea unha candidatura conxunta, con participación cidadá, con candidatas procedentes previsiblemente de movementos sociais, con opcións de sacar 4-6-8 parlamentarias, etc… Hai moito traballo por diante pero mirámolo con optimismo.

Rematamos ás 11:30 horas.

Ourense en Común subscribe a carta que solicita un maior apoio ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense nos investimentos  do Estado para 2016

Ourense en Común subscribe a carta que solicita un maior apoio ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense nos investimentos do Estado para 2016

  • A organización municipalista Ourense en Común presentou varias emendas ao borrador do texto orixinal, co fin de dignificar a labor exercida dende o Museo Arqueolóxico Provincial, pero súmase sen condicións á reivindicación para desbloquear máis dunha década de peche. “É un tema municipal cando afecta ao municipio”.
  • Ourense en Común non pretenderá nunca sacar rédito electoral en temas nodais e estratéxicos para o futuro do concello: “a nosa aposta é firme en prol da investigación, conservación e recuperación do patrimonio local (arqueolóxico, natural, histórico, artístico…). Calquera proposta neste sentido contará co apoio da organización”.

 

ANEXOS.-

Propostas Ourense en Común en materia de Patrimonio:  http://ourenseencomun.gal/programa-participativo/territorio/

Carta acordada polos grupos municipais de Ourense en Común, PSdeG e Partido Popular:  Ver carta

Ourense en Común completa o proceso de selección para nomear ao seu persoal eventual dentro do Concello de Ourense

Ourense en Común completa o proceso de selección para nomear ao seu persoal eventual dentro do Concello de Ourense

  • A asemblea da organización municipalista aprobou, despois dun mes de redacción e emendas, o proceso de selección que terían que superar as persoas que pretendían aspirar ao denominado “posto de confianza”.
  • Ao contrario que o resto de grupos municipais as persoas seleccionadas debían superar tres fases nas que se avaliaban a súa capacidade curricular e méritos académicos, a implicación co proceso municipalista e a súa capacidade de traballo en equipo. Así foi que das 16 persoas aspirantes só 4 chegaron a derradeira fase e finalmente Monstserrat Valencia, asesora xurídica e recoñecida activista no mundo ecoloxista, foi a persoa que maior puntuación acadou.
  • Montserrat Valencia súmase deste modo ao Grupo de Traballo Institucional e quedará sometida as mesmas obrigas e deberes que as tres concelleiras de Ourense en Común: limitación de salarios, rendición de contas, axenda pública, etc.

 

ANEXOS.-

Bases para participar no Proceso de selección de persoal eventual do grupo municipal Ourense en Común no Concello de Ourense: ver bases

Puntuacións e acta na que se referenda o Proceso de Selección de Persoal Eventual en OUeC: ver documento

Perfil de Montse Valencia: ver perfil

Proceso de selección de persoal eventual do grupo municipal de Ourense en Común

CONSENSUADO NA ASEMBLEA DO 04/08/2015

COMISIÓN DE VALORACIÓNS DO 12/08/2015

Un Comité de Selección conformado por un representante de cada Grupo de Traballo de Ourense en Común e o Grupo de Traballo Institucional foi o encargado de revisar toda a documentación e as autovaloracións das persoas candidatas e ordenalas ca puntuación acadada na valoración tanto dos criterios de afinidade co proxecto de OUeC como da valoración curricular nos termos recollidos no Anexo 1 da convocatoria e aprobados por consenso na Asemblea en Común do 04/08/2015.

Os resultados provisionais deste Comité de Selección son os seguintes:

Excluídos na primeira fase
(non superar o mínimo de 60 puntos)

Documento Identidade

****8164 – C

****3454 – V

****2164 – P

****4828 – Y

****7100 – Y

****6753 – X

****6067 – A

****6838 – T

****1877 – X

Excluídos na segunda fase (non superar o mínimo de 60 puntos)

Documento Identidade

****9114 – E

****8816 – H

****8556 – H

Puntuación definitiva

Documento Identidade

Puntuación 1a Fase

Puntuación 2a Fase

Puntuación 3a Fase

Total

****0337 – S

60

60

25

145

****3317 – T

60

83

58

201

****9907 – W

80

79

50

209

****1160 – X

60

68

55

183

Este resultado será comunicado directamente ao correo-e facilitado polas persoas interesadas, na rolda de correo-e interna de Ourense en Común e na web ourenseencomun.gal

CALENDARIO

Apertura prazo de alegacións: ata o venres 14 de agosto ás 23:59h. Estas poderanse presentar fisicamente no espazo do Grupo Municipal na planta soto da Casa Consistorial ou por correo-e a ourenseencomun@ourense.gal

Publicación de resultados definitivos e referendo da Asemblea en Común: Convócase unha Asemblea Extraordinaria, a solicitude do Comité de Selección, o luns 17 de agosto ás 20h no Local de Ourense en Común na Rúa das Burgas no8 Baixo para tratar un único punto na orde do día: Publicación dos resultados definitivos do proceso de selección de persoal eventual de confianza do grupo municipal Ourense en Común e referendo por parte da Asemblea en Común.

Descarga documento en PDF: Persoal eventual

Ourense en Común agradece a invitación da Unión Deportiva Ourense ao partido de presentación do equipo, pero renuncia á invitación ao palco

  • O grupo municipal de Ourense en Común asistirá ao partido coma calquera outra veciña, pagando a súa entrada.
  • A renuncia a todo tipo de privilexio está sendo un dos piares da actividade do grupo municipal de Ourense en Común.

 

OURENSE. 10/08/2015.- Ourense en Común agradece a invitación da Unión Deportiva Ourense ao partido de presentación do equipo ante a súa afección, que se disputará o mércores 12 de agosto ante o Pontevedra Club de Fútbol no Estadio do Couto. Non obstante, o grupo municipal de Ourense en Común non pode aceptar a invitación ao palco do estadio debido ao compromiso recollido no Código Ético: renunciar publicamente aos agasallos e privilexios que lles poidan ofrecer pola súa condición.

Renuncia a privilexios e instauración de prácticas sustentables

Esta acción súmase á renuncia xeral e formal que os cargos electos de Ourense en Común fixeron de todos os seus privilexios no Concello, incluída unha rebaixa do 25% dos seus salarios, e na que se incluía a devolución das medallas de prata e o rexeitamento da praza de aparcamento ou o dossier de prensa diario fotocopiado. O grupo municipal de Ourense en Común segue a traballar para instaurar prácticas máis sustentables na actividade municipal, como pode ser no caso das subscricións diarias a prensa, que poderían evitarse a través do uso de ferramentas que permitan traballar dixitalmente e evitar así a xeración diaria de residuos. Tamén, no que respecta á contratación de persoal eventual, Ourense en Común aprobou en asemblea esixir uns requisitos mínimos e eliminar así o privilexio do persoal de confianza, que fronte a calquera outro empregado público, non teñen que cumprir requisito algún para acceder ao posto.

Somos xente do común

Ourense en Común somos xente do común e as persoas que forman o grupo municipal queren, a través das súas accións, facer visible esta idea fundamental. Por iso sempre que acudan a calquera espazo da cidade, farano coma o resto da veciñanza, coma xente do común. No caso do partido de presentación da Unión Deportiva Ourense pagarán a súa entrada e sentaranse co resto da veciñanza, pois a condición de concelleira non elimina a condición de cidadá do común.

Ourense en Común abre o proceso de selección para o seu persoal eventual no Concello

Ourense en Común abre o proceso de selección para o seu persoal eventual no Concello

A Asemblea en Común, como único órgano soberano de decisión, decidiu abrir un proceso selectivo entre as persoas simpatizantes e integrantes de Ourense en Común para a contratación dunha persoa de apoio ás tres concelleiras do GT Institucional, integrándose de modo inmediato dentro de dito grupo de traballo como Auxiliar Político/a.

DEFINICIÓN DO POSTO MOTIVO DE PROCESO SELECTIVO

A categoría do persoal eventual de confianza do grupo municipal Ourense en común será a de Auxiliar Político/a, sendo as súas funcións as recollidas pola Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense anteriormente citadas (vid supra) así como aquelas outras que, como integrante do Grupo de Traballo Institucional, sexan demandadas pola Asemblea en Común.

O seu salario, atendendo ao acordo da Xunta de Goberno Local do 2/7/2015, será o de 45% das retribucións establecidas para un concelleiro/a con dedicación exclusiva e delegación competencial. Ascendendo estas a 20.551,4€ brutos ao ano, non superando xa que logo os límites fixados no Código Ético (revisión do 17/7/2015).

A súa xornada laboral deberá cumprir un total de 40h/semana.

 

PROCESO SELECTIVO E PRAZOS
(xa na Axenda de OUeC: http://ourenseencomun.gal/axenda/categoria/seleccion-de-persoal)

1º) Presentación de documentación:
Prazo: ata o martes 11 de agosto ás 23:55h

Lugar de presentación: espazo do Grupo Municipal na planta soto da Casa Consistorial ou por correo-e a ourenseencomun@ourense.gal

2º) Valoración de méritos:
Un Comité de Selección conformado por un representante de cada Grupo de Traballo de Ourense en Común e o Grupo de Traballo Institucional será o encargado de revisar toda a documentación e as autovaloracións das persoas candidatas e ordenalas ca puntuación acadada na valoración tanto dos criterios de afinidade co proxecto de OUeC como da valoración curricular nos termos recollidos no Anexo 1 e aprobados por consenso na Asemblea en Común do 04/08/2015.

Mesa de valoración: mércores 12 de agosto a partir das 18:00h no Local de Ourense en Común na Rúa das Burgas nº8 Baixo. A reunión será aberta e poderán estar presentes todas cantas persoas o soliciten.

Publicación resultados provisionais: xoves 13 de agosto (a comunicación do resultado farase directamente ao correo-e facilitado polas persoas interesadas así como mediante a publicación das cualificacións ligadas aos 5 últimos díxitos do DNI das aspirantes na rolda de correo-e interna de Ourense en Común e na web ourenseencomun.gal

Prazo de alegacións: ata o venres 14 de agosto ás 23:59h. Estas poderanse presentar fisicamente no espazo do Grupo Municipal na planta soto da Casa Consistorial ou por correo-e a ourenseencomun@ourense.gal

3º) Publicación de resultados definitivos e referendo da Asemblea en Común:
Será convocada unha Asemblea Extraordinaria, a solicitude do Comité de Selección, o luns 17 de agosto ás 20h no Local de Ourense en Común na Rúa das Burgas nº8 Baixo para tratar un único punto na orde do día que será o seguinte:

Publicación dos resultados definitivos do proceso de selección de persoal eventual de confianza do grupo municipal Ourense en Común e referendo por parte da Asemblea en Común.

http://ourenseencomun.gal/axenda/categoria/seleccion-de-persoal
 

NORMAS PARA O ENVÍO DA DOCUMENTACIÓN:
  1. Se o Comité de Selección detectase calquera falsidade documental na información presentada a persoa quedará automaticamente eliminada do proceso.
  2. A documentación presentarase como a continuación se detalla:
    • Formulario de autovaloración (Anexo 1): Os méritos presentados deberán ser acreditados documentalmente con fotocopia simple.
    • Folla de datos persoais (Anexo 2): nome, data de nacemento, documento de identidade, correo electrónico, teléfono móbil, lugar de residencia.
  3. Toda a documentación será presentada no espazo do Grupo Municipal na planta soto da Casa Consistorial ou por correo-e a ourenseencomun@ourense.gal
  4. O Comité de Selección poderá solicitar o envío de máis documentación que a aportada no caso de considerar necesaria aclaracións ou un aumento da información aportada polas persoas candidatas
  5. As persoas candidatas poderán solicitar a través do correo-e ourenseencomun@ourense.gal todas as aclaracións que consideren oportunas.

No seguinte documento PDF tes toda a información do proceso e tamén os Anexos cos formularios para participar no mesmo: Procedemento para a selección de persoal eventual de Ourense en Común

Reunión entre a Marea Galega e Ourense en Común

Reunión entre a Marea Galega e Ourense en Común

Local de Ourense en Común
Data: 29-07-2015
Hora: 18:30
Asisten por Marea Galega: Alexandra Pacheco e Xaime Subiela
Asisten por Ourense en Común: Antía Pousa, Arcadio Nóvoa e Martiño Ramos

Despois das presentacións, comezan os representantes da Marea Galega explicando que están traballando nunha organización en rede con distintas persoas e colectivos para dar forma á plataforma. Está programado un encontro o día 22 de agosto en Santiago de Compostela que funcionaría como o punto de encontro primeiro para dar corpo cidadá ao movemento. Entenden que este encontro debería marcar un punto de inflexión no que respecta á organización do traballo e na posta en marcha das dinámicas internas que se vaian desenvolver dentro da Marea Galega.

O proceso enténdese como un encontro cidadán. Trátase, ao igual que ocorreu coas mareas, de recoller o impulso da veciñanza sen instrumentalizala. Nesta liña, o manifesto serviría para a apertura dun proceso deste tipo, pois fala de confluencia dende unha iniciativa cidadá. O proceso ten que xerarse dende a cidadanía antes de ser un espazo de confluencia de colectivos, pero tamén é importante darse conta da necesidade de que as iniciativas municipalistas e os distintos colectivos vinculados ao activismo social se identifiquen coa Marea Galega. Sen esa identificación o movemento non ten sentido. Así, unha das cousas que se pretende co encontro do día 22 de agosto en Santiago é a creación de mesas de traballo e debate nas que se analice o que xa se ten en común e o que se pode chegar a ter en común.

A Marea Galega nace coa pretensión de acadar a representación institucional no Congreso dos Deputados e entende que ese grupo parlamentario deberá ter unha vontade clara de traballar polo cambio e contribuír a unha renovación das institucións estatais.

Tras esta presentación, os representantes da Marea Galega trasladan a Ourense en Común as seguintes cuestións:

  1. Como vemos este proceso?
  2. Como vemos a posible vinculación de persoas de Ourense en Común e da propia organización a este proceso?
  3. E, debido á orientación cara o local que teñen as mareas, non soamente pola súa orixe senón tamén polo gran volume de traballo que se está a realizar nas institucións:

  4. Cómo se podería compatibilizar e ligar o traballo no eido local coa participación nunha plataforma que opere a nivel galego e que traballe en institucións estatais?

Dende Ourense en Común damos a benvida aos representantes da Marea Galega á cidade e ao novo local de OUenC. Comunicamos que a asemblea non debateu a cuestión da confluencia ou apoio a unha plataforma como a Marea Galega, pero que o Grupo de Traballo de Apertura dará conta do manifesto e da reunión mantida hoxe. OUenC ten unha vocación municipalista se ben o partido se adscribiu ao ámbito provincial cando se deu de alta. Son moitas as dificultades para trasladar ao ámbito galego o traballo que se fixo en Ourense, pois os procedementos de toma de decisións sempre se fixeron de xeito presencial. Preguntámoslle se teñen algunha idea de como se podería traballar nun ámbito máis amplo como é o galego.

Os representantes da Marea Galega recoñecen que aínda non están creados os grupos de traballo que poidan operar autonomamente, pero que a complexidade que pode marcar a distancia xeográfica se pode suplir hoxe en día con ferramentas para traballar a través de internet que permiten xestionar organigramas de traballo en rede. A día de hoxe falta ese organigrama. A este respecto, o encontro do día 22 de agosto sería o momento de poñer en marcha grupos de traballo e deseñar un primeiro organigrama para comezar a traballar. Polo de agora, hai un grupo de Google que serve como ferramenta provisional para traballar, debater, etc.

Comentan que queren fixarse un obxectivo de 5000 sinaturas en apoio ao manifesto presentado. Para iso, precisan que se difunda activamente o manifesto, tanto a través de internet como na rúa.

Dende Ourense en Común intervimos chamando a atención sobre o curto dos prazos cos que se está traballando e que se bota en falta un plan de comunicación para darlle continuidade ao impacto inicial que tivo o manifesto.

Dende a Marea Galega comentan que falta contido para comunicar e que urxe crear un equipo de comunicación autónomo.

Continúan trasladándonos a idea de que o importante é a confluencia dende a cidadanía e a creación dunha dinámica cidadá como na que nós participamos. Hoxe en día isto xa non é unha hipótese, senón que hai mareas que accederon a alcaldías. É importante crear un espazo que supere a lóxica clásica dos partidos e por iso é fundamental crear un grupo que recolla unha lóxica nova así como a esencia cidadá do manifesto e que ao mesmo tempo recolla a experiencia das mareas.

O Grupo de Apertura de Ourense en Común comprométese a trasladar á asemblea o que comunican dende a Marea Galega. Alertamos da necesidade de artellar unha metodoloxía e poñer en marcha procedementos fortes que permitan manter a esencia cidadá da plataforma.

Marea Galega entende que as distintas mareas deben estar integradas, dun xeito non formal, na constitución mesma da plataforma, se ben a integración a nivel formal se debería facer cando se abra a confluencia a tódolos partidos políticos. A Marea Galega precisa aos elementos significativos das mareas para comezar a traballar. Nesta liña, fan un chamamento directo ás persoas que integran Ourense en Común para que participen na Marea Galega e asistan ao encontro do día 22 de agosto en Santiago. Tamén trasladan ao Grupo de Apertura a necesidade de ter un nexo directo entre Ourense en Común en a Marea Galega a través de unha ou varias persoas de xeito que se poida crear un vínculo estable e operativo entre ambas plataformas.

Remata a reunión e o Grupo de Apertura de OUenC reitera o seu compromiso de trasladar o contido da reunión á asemblea.