Concello: Pleno Constitución 29/06/2015

Esta foi a intervención de Ourense en Común nos distintos puntos da orde do día no Pleno Extraordinario deste luns 29 de xuño de 2015 (tamén a tes dispoñible para descarga en PDF):

 

1. Ratificación da urxencia da convocatoria.

Bos días compañeiras e compañeiros de corporación, xornalistas e veciñas que atenden este pleno fisicamente ou mediante o seu visionado en vídeo. O Grupo de Traballo Institucional ou grupo municipal Ourense en Común quere comezar a súa primeira intervención en pleno lembrando o seu compromiso para introducir nesta institución os principios de participación e transparencia. Principios que tamén estiveron presentes no discurso de investidura do novo alcalde de Ourense quen o 13 de xuño expresaba a súa vontade de exercer unha política de man tendida, diálogo, transparencia, centrada no beneficio colectivo e na busca do consenso.

Dende Ourense en Común saudamos con ledicia aquel discurso pero só 15 días despois daquel a convocatoria deste pleno con carácter de urxencia, entregando a documentación un venres ás 13h para a súa celebración o luns ás 10h cun fin de semana entre medias co agravante de encontrarnos en festas, ataca directamente a estes principios. Xa que logo na primeira encomenda que tiña o actual equipo de goberno evidencia xa, tratando de acurtar os prazos, unha limitación na labor da oposición.

A inexistencia dun programa de benvida para novas concelleiras, xornadas formativas e informativas da labor municipal, das súas dependencias, patrimonio ou programas e accións en marcha, evidencia asemade a construción desta institución dende dentro e para dentro sen contar nunca cos de fóra. Sentímonos alleos nun modelo de institución inflexible onde o coñecemento do seu funcionamento interno ou a súa participación non nos corresponde á maioría. Así é que como veciñas recen chegadas a esta nosa institución e descoñecendo o seu funcionamento tivemos que documentarnos a título individual, a marchas forzadas para tal fin e procurar as diferenzas entre a convocatoria dun pleno extraordinario e este que se pretende ratificar como urxente. Desculpámonos de antemán das posibles inexactitudes na documentación manexada, presentamos o noso propósito de mellora a futuro e dende este momento tentaremos adoptar un carácter didáctico en todas as nosas intervencións para que nunca máis unha veciña poda sentirse allea neste edificio.

Segundo o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais no seu Art. 79.: Son sesións extraordinarias urxentes as convocadas polo Alcalde ou Presidente cando a urxencia do asunto ou asuntos a tratar non permiten convocar a sesión extraordinaria coa antelación mínima de dous días hábiles esixida pola Lei 7/1985, de 2 de abril.

Este mesmo regulamento apunta no seu Art. 38 que dentro dos trinta días seguintes ao da sesión constitutiva, é dicir neste caso entre o 14 de xuño e o 13 de xullo, o Alcalde convocará a sesión ou sesións extraordinarias do Pleno da Corporación que sexan precisas, a fin de resolver sobre os seguintes puntos:

Proposta de alcaldía para periodicidade de sesións do Pleno, creación e composición das comisións informativas permanentes e nomeamento de representantes da corporación nos diferentes órganos colexiados, que sexan da competencia do Pleno. Así como poñer en coñecemento do mesmo as resolucións do Alcalde en materia de nomeamentos de Tenentes de Alcalde, membros da Xunta de Goberno e Presidentes das Comisións informativas, así como das delegacións que a Alcaldía estime oportuno conferir.

Segundo todo o anterior, a convocatoria de urxencia podía terse evitado ao dispor a alcaldía de dúas semanas dende a investidura para a convocatoria dun pleno extraordinario que non afectara á celebración do primeiro pleno ordinario do mes de xullo como parecen argumentar. Ao esgotar os prazos e enviar a última hora do pasado venres a convocatoria para hoxe o equipo de goberno está condicionando o tempo para que o resto de grupos municipais podamos estudar os expedientes en detalle, polo tanto está condicionando a labor de oposición e obstaculizando a necesaria fiscalización de toda acción municipal. Aínda máis as propostas anteriormente citadas poderían ser aprobadas ata o 13 xullo sendo posible convocar a posteriori novos plenos extraordinarios en tempo e forma.

Por todo isto e despois de analizar a orde do día, na que non aparecen elementos urxentes que afecten as nosas veciñas máis aló da configuración orgánica da propia institución, e tendo prazo suficiente para facelo en tempo e forma, dende Ourense en Común vémonos na obriga de non ratificar esta convocatoria. Un razoamento fundamentado na construción dese espazo de diálogo que citaba o novo alcalde no seu discurso de investidura e no principio de participación sostible que esta présa inxustificada degrada.

Dende Ourense en Común semella que temos un concepto diferente de urxencia, para nós non era urxente avalar a unha Sociedade Anónima Deportiva e si que 3 cada 10 persoas no noso concello estean en risco de exclusión social, para nós urxente foi o desafiuzamento e derribo dunha casa familiar en Reza declarada ilegal pero que durante décadas pagou os seus impostos municipais, para nós urxente no inmediato é a reunión que a nosa compañeira Ledicia venlle de solicitar co alumnado do Centro Integrado de Formación Portovello para non suprimir a formación presencial dos ciclos formativos de adultos e da que aínda non temos resposta. Comezando ademais a ser preocupante a relación directa entre o actual alcalde e a supresión de oferta educativa no noso concello.

En suma, Ourense en Común resolveu a través dunha asemblea de veciñas aberta celebrada o venres día 26 de xuño ás 20:00h no Campus Universitario, votar en contra da ratificación da urxencia deste pleno porque non é urxente e non foron as formas. Se cadra o resto de grupos estean acostumados a este proceder, dende Ourense en Común non o estamos e instamos ao equipo de alcaldía a mellorar a súa dilixencia de cara a futuro. A responsabilidade dunha posible paralización da labor de goberno é unicamente da alcaldía, quen rexeita coas súas prácticas a posibilidade de traballar a man tendida cos outros grupos municipais.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

2. Posta en coñecemento da constitución dos grupos municipais.

 

3. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía nomeando membros da Xunta de Goberno e Tenentes de Alcalde

 

4. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía de constituíndo a xunta de voceiros.

 

5. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía de delegación de atribucións.

 

6. Posta en coñecemento do acordo da xunta de goberno local de 25/06/2015 de delegación de competencias nos seus membros.

 

7. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía sobre estrutura de administración municipal en áreas de goberno.

 

8. Proposta de alcaldía sobre periocidade das sesión do Pleno.

Apelando ao carácter didáctico citado antes que terán todas as intervencións de Ourense en Común nos plenos para que as nosas veciñas comprendan e interioricen o funcionamento da administración municipal, queremos destacar que a proposta que nos presenta o equipo de goberno sobre cando se celebrarán os plenos está limitada por lei para concellos de máis de 20.000 habitantes cun mínimo dun pleno ordinario ao mes. Con independencia de que a maiores sexan convocados outros extraordinarios.

Con todo, e posto que a proposta de Ourense en Común de que a Xunta de Goberno fora aberta ao resto de grupos municipais foi desbotada, un xesto que novamente cuestiona o compromiso de diálogo e man tendida co que comezou esta lexislatura o actual equipo de goberno; comprometémonos publicamente en base aos principio de transparencia e participación a visibilizar toda a labor do mesmo e promover todos cantos plenos extraordinarios sexan necesarios para garantir a fiscalización e xuízo público de toda a acción municipal.

A asemblea de veciñas de Ourense en Común do pasado venres 26 de xuño celebrada no Campus Universitario resolveu a este respecto apoiar a proposta de alcaldía de celebrar estes plenos ordinarios o primeiro venres hábil de cada mes ás 9:00h. A razón esencial é a de facilitar a conciliación das concelleiras, podendo reservar ese día fixo, e tamén para que as veciñas que desexen asistir non teñan que investigar cando nos reunimos.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

9. Proposta de alcaldía sobre composición e réxime de sesións da Comisión do Pleno, Comisón Especial de Suxestións e Reclamacións e Comisión Especial de Contas

Novamente apelando ao espírito formativo informamos de que nestas comisións de pleno, de suxestións e reclamacións e especial de contas todos os grupos municipais temos dereito a estar presentes. Cunha representación ademais que debe acomodarse á proporcionalidade existente dos propios grupos na corporación. Non se trata por tanto dunha cesión da alcaldía senón dun dereito.

Xa que logo despois de comprobar que no reparto proposto Ourense en Común tiña presenza en todas as comisións e que ademais se cumpría a proporcionalidade da corporación, onde a oposición é maioría sempre sobre o equipo de goberno, a asemblea de veciñas de Ourense en Común do pasado venres 26 de xuño celebrada no Campus Universitario resolveu a este respecto apoiar a proposta de alcaldía.

A preocupación de Ourense en Común non pasa tanto pola composición e réxime destas comisións senón por aquelas outras relacionadas coas áreas de goberno das que se daba conta no punto número 7 da orde do día de hoxe. Unha preocupación que non se centra na proporcionalidade que incluso semella mellorar de cara á representación do PSdeG-PSOE nas mesmas, senón na propia constitución das mesmas na que se apunta un modo de goberno en prol dunha minoría social, que mantén unha mirada depredadora para co noso medio ambiente e que mantén prácticas da vella política limitando a participación cidadá e a transparencia dentro do consistorio. Así é que denunciamos publicamente:

  • A total ausencia do concepto de transparencia tanto nas diferentes Áreas de Goberno como no reparto de Delegacións.
  • A supresión da área de Mobilidade limitando esta a unha Delegación relacionada co Transporte Público que amosa un total descoñecemento da mesma.
  • A integración de vivenda na área de Urbanismo, mantendo así unha visión especulativa nun apartado que debería ser considerado como un dereito propio de Benestar Social.
  • A integración de Participación Cidadá na área allea como é a de Infraestruturas e Medio Ambiente.
  • A ausencia total de apartados referidos á xestión integral da auga, dos residuos, enerxía, soberanía alimentaria ou apostar por un modelo de desenvolvemento sostible.
  • O mantemento do vínculo termalismo – turismo sen explorar novas vías con respecto a este sector estratéxico para Ourense como a xeotermia, industria das augas
  • A ausencia total de referencias á lingua, nin como delegación de área nin dende un punto de vista transversal a todas.
  • A ausencia dunha delegación específica para diversidade na área de Benestar Social.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

10. Proposta de Alcaldía sobre composición do Consello Reitor do Concello Municipal de Deportes

Malia ao carácter singular deste Consello Reitor, onde debe existir un vogal de cada partido e o presidente, o argumentario é redundante co anterior polo que non temos nada que comentar máis aló da posición asemblearia de veciñas de Ourense en Común do pasado venres 26 de xuño celebrada no Campus Universitario que resolveu apoiar a proposta de alcaldía a este respecto.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

11. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía nomeando presidente do Consello Municipalde Deportes

 

12. Proposta da Alcaldía sobre réxime retributivo dos membros da corporación.

Se algo bo ten a transparencia é que podemos apelar a ela cando dubidamos sobre algún acordo ou decisión. Ourense en común só tivo un único encontro coa actual alcaldía e como se pode comprobar na acta pendurada na rede en ningún momento falouse de redución salarial, nin do alcalde nin do resto das concelleiras. Este primeiro encontro, que nós pensábamos erroneamente ía ser o primeiro dunha serie de varios sobre o tema, só serviu ao respecto desta proposta de réxime retributivo para presentar a posición de Ourense en Común sobre a necesidade de dignificar a vida política e facela accesible a todas as capas da sociedade. De ter previsto o alcalde unha redución salarial e querer presentar alí a posibilidade de facela extensiva ao resto da corporación estaríamos encantados de debatelo. Entre outras cousas porque nós xa temos unha postura a tal efecto no Código Ético vixente dende hai catro meses e co que concorremos ás eleccións municipais. Neste apostamos porque ningún salario supere dúas veces e media o salario bruto da provincia de Ourense que, segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente, tendo en conta os últimos datos publicados de 2013, este límite sería 41.330 € brutos anuais. O que suporía unha redución do 39% con respecto ao actual salario do alcalde. Unha redución que ten en conta o contexto e que está moi lonxe da pírrica redución do 5% proposta que mantén ao alcalde do Concello de Ourense como o mellor pagado de Galicia, casualmente na provincia galega cos salarios máis baixos ou no municipio que menos destina a gastos sociais para persoas en risco de exclusión. Algo que dende Ourense en Común vemos como inmoral.

O resto de salarios da corporación deberían na nosa proposta respectar este límite e establecersede forma porcentual segundo o nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común. Así é como non se comprende a retribución maior do alcalde a outros membros do seu propio equipo de goberno con dedicación exclusiva e delegación competencial e que a propia prensa nomea xa como superconcelleiros pola cantidade de delegacións que deberán asumir.

Obviando este debate de fondo o equipo de goberno mesturouno con outro completamente diferente como é a asignación aos grupos municipais á que pretendía reducir 100 € ao mes. Unha asignación xa modificada na anterior lexislatura e deseñada para beneficiar aos partidos maioritarios primando a representación. Unha asignación necesaria para que os grupos que non temos estruturas supramunicipais e outras vías de financiamento, algunhas presuntamente ilegais e outras menos presuntas,
podamos facer fronte a gastos propios como o pago de informes técnicos ou consultorías que garantan unha oposición digna.

Por outra banda no referido ás dedicacións, apelando á eficiencia e á redución de gasto, a Alcaldía anuncia reducir as dedicacións exclusivas dos seus concelleiros. Un xesto de marketing comunicativo cando en verdade o único que fai é cumprir a lei. Xa que logo estas atribucións son incompatibles con calquera outra retribución con cargo aos Orzamentos das Administracións Públicas e dos Entes, Organismos e Empresas deles dependentes. Así é o caso de quen será a persoa responsable de sacar adiante o documento máis importante de Ourense nas próximas dúas décadas como é o Plan Xeral de Ordenación Municipal que o fará nos seus ratos libres para non concorrer nunha incompatibilidade e poder seguir sendo retribuído pola Deputación de Ourense, complementos municipais a maiores por suposto.

Citaba Maquiavelo que “Todos ven o que aparentas; poucos advirten o que eres”. Esta será a nosa función aquí, axudar a construír unha cidadanía crítica armada co poder da verdade que mire máis aló do titular de prensa.

A asemblea de veciñas celebrada o mércores 10 de xuño no Campus Universitario referendaba a posición que deberíamos tomar as tres concelleiras electas, cuestionando incluso se estas deberíamos ser retribuídas polo exercicio das nosas funcións. Un exercicio reflexivo que recomendamos e botamos en falta no resto de grupos do pleno. Superado este os consensos acadados centrábanse en:

  • defender, como está recollido no Código Ético de Ourense en Común, que as persoas electas como concelleiras deban recibir remuneración pola súa actividade fixando un tope salarial, en base a un argumentario de necesidades e adaptado a criterios de eficiencia e fiscalización.
  • propoñer dedicacións parciais para as integrantes do grupo municipal para poder exercer unha labor de oposición eficiente, levar adiante os centos de encomendas adquiridas coas veciñas recollidas nun programa participativo e obter unha compensación pola necesaria redución de xornada que deberemos asumir nos nosos postos de traballo actuais. Garantindo asemade o noso mantemento no mundo laboral sen crear relacións de dependencia económica coa institución.

A proposta de Alcaldía contempla que dúas persoas de Ourense en Común realicen as súas funcións en réxime de dedicación parcial, punto no que concordamos. Malia isto prevé manter o réxime retributivo herdado da anterior corporación cunha asignación ata 39% superior ao límite salarial fixado no Código Ético de Ourense en Común. Xa que logo ao non poder votar os puntos por separado a asemblea de veciñas aberta celebrada o venres día 26 de xuño ás 20:00h no Campus Universitario resolveu votar en contra desta proposta.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 
Este é o vídeo completo do Pleno:

tvourense on livestream.com. Broadcast Live Free

Ourense en Común solicitará unha rebaixa do 39% no salario do alcalde e porcentual en todos os salarios da corporación municipal

  • A asemblea de Ourense en Común votará en contra da proposta da Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación que se presentará no pleno de mañá ao consideralo desproporcionado e lonxe da realidade ourensá: “A provincia galega cos salarios máis baixos non pode ter o alcalde mellor pagado de Galicia”
  • Ourense en Común votará en contra tamén na ratificación da urxencia do pleno: “Esta só se explica dende unha perspectiva estratéxica por parte do equipo de goberno para limitar a labor de oposición”.

OURENSE 27/06/2015. —Ourense en Común resolveu, a través dunha asemblea extraordinaria celebrada onte venres día 26 de xuño ás 20:00h no Campus Universitario, votar en contra da ratificación da urxencia do pleno convocado pola alcaldía de Ourense para o luns 29 de xuño. A asemblea decantouse por condenar as malas prácticas que xa comeza a demostrar a alcaldía, que trata de acurtar os prazos limitando a labor de oposición.

Segundo Ourense en Común a convocatoria de urxencia debeuse evitar ao dispor a alcaldía de dúas semanas para a convocatoria dun pleno extraordinario que non afectara á celebración do primeiro pleno ordinario do mes de xullo. Ao esgotar os prazos e enviar a última hora do pasado venres a convocatorio para o luns ás 10h a alcaldía está condicionando o tempo para que o resto de grupos municipais podan estudar os expedientes, polo tanto está condicionando a labor de oposición e obstaculizando a necesaria fiscalización de toda acción municipal. Por todo o anterior e despois de analizar a orde do día, na que non aparecen elementos urxentes máis aló da configuración orgánica da propia institución, Ourense en Común vese na obriga de votar en contra neste apartado, condenando as formas e instando ao equipo de alcaldía a mellorar a súa dilixencia de cara a futuro. A responsabilidade dunha posible paralización da labor de goberno é unicamente da alcaldía, quen rexeita coas súas prácticas a posibilidade de traballar cos outros grupos municipais.

 

Nun concello cun 23% de persoas en risco de exclusión social é inmoral manter o réxime retributivo dos membros corporativos da anterior lexislatura.

A asemblea de veciñas de Ourense en Común decidiu tamén votar en contra da proposta da Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación que pretende manter as asignacións vixentes da anterior lexislatura cunha única redución do 5% no salario do alcalde. Un xesto agradecido pola organización municipalista pero que consideran insuficiente.

O Código Ético polo que se rexe Ourense en Común aposta porque ningún salario supere dúas veces e media o salario bruto da provincia de Ourense que, segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente pola A.E.A.T, tendo en conta os últimos datos publicados de 2013, este límite sería 41.330 € brutos anuais. O que suporía unha redución do 39% con respecto ao actual salario do alcalde e tería en conta o contexto social de Ourense.

O resto de salarios da corporación deberán respectar este límite e establecerse de forma porcentual segundo o nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común.

 

Dúas dedicacións parciais para conciliar a labor profesional, familiar e política.

A proposta de Alcaldía contempla que dúas persoas de Ourense en Común realicen as súas funcións en réxime de dedicación parcial. Proposta que responde ás demandas desta organización para que estas persoas podan exercer unha labor de oposición eficiente, levar adiante os centos de encomendas adquiridas coas veciñas recollidas no programa participativo e obter unha compensación pola necesaria redución de xornada que deberán asumir nos seus postos de traballo actuais. Malia isto, ao non poder votar os puntos por separado e integrar esta proposta dentro da mesma que o réxime retributivo, Ourense en Común votará en contra de todo o punto.

 

Un reparto de áreas de goberno e delegacións que apunta á vella política.

Xunto coa proposta de Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación, no pleno do luns darase conta da actividade de goberno en materia orgánica dende a súa constitución o pasado 13 de xuño. Malia a tratarse de puntos informativos Ourense en Común quere deixar clara a súa preocupación por varias decisións que apuntan a un modo de goberno en prol dunha minoría social, que mantén unha mirada depredadora para co noso medio ambiente e que mantén prácticas da vella política limitando a participación cidadá e a transparencia dentro do consistorio. Así é que dende Ourense en Común denunciamos:

  • A total ausencia do concepto de transparencia tanto nas diferentes Áreas de Goberno como no reparto de Delegacións./li>
  • A supresión da área de Mobilidade limitando esta a unha Delegación relacionada co Transporte Público que amosa un total descoñecemento da mesma.
  • A integración de vivenda na área de Urbanismo, mantendo así unha visión especulativa nun apartado que debería ser considerado como un dereito propio de Benestar Social.
  • A integración de Participación Cidadá na área allea como é a de Infraestruturas e Medio Ambiente.
  • A ausencia total de apartados referidos á xestión integral da auga, dos residuos, enerxía, soberanía alimentaria ou apostar por un modelo de desenvolvemento sostible.
  • O mantemento do vínculo termalismo — turismo sen explorar novas vías con respecto a este sector estratéxico para Ourense como a xeotermia, industria das augas
  • A ausencia total de referencias á lingua, nin como delegación de área nin dende un punto de vista transversal a todas.
  • A ausencia dunha delegación específica para diversidade na área de Benestar Social.
Reunión cos Bombeiros de Ourense

Reunión cos Bombeiros de Ourense

Dáse inicio a reunión ás 10:00 h. do día 25/06/2015

Iníciase a reunión cunha presentación persoal dos representantes dos bombeiros, Alberto e Celso en representación dos Bombeiros e dos sindicatos UGT e CIG.

Comeza iniciando a conversa dicindo que botaron de menos unha reunión previa ás eleccións. Miguel xustifícase en que se debeu á falta de tempo. Alberto explica que o motivo da reunión é que, debido a falta de reposición de prazas, o Parque pasou de 71 a 54 persoas. Iso é un problema que se solucionaba a base de extras. Como exemplo refírense a que non teñen redución horaria no verán e outros varios dereitos que non executan por compromiso co traballo. No 2012, ante a situación plántanse, e confirman que non queren seguir facendo horas extras. Calculan que fan 1.900 horas ao ano. Manifestan que compren traballadores para o servizo e traballo para os traballadores. Ademais falan dun servizo moi avellentado, nun servizo moi físico; un servizo que o persoal fai 300 horas laborais máis que o resto dos funcionarios do Concello.

Reivindicación persoal: cubrir as 16 prazas de bombeiros, cubrir as prazas de mandos intermedios. A día de hoxe están sen cabo, que o cargo rota cada seis meses. Moitas veces non se compensa o cargo. Tamén cómpre unha convocatoria de oficial que debería ser por vía de oposición e non de libre designación.

Reivindicación profesional: creación dunha mesa de traballo para que se dinamice o traballo. Esta mesa estaría composta por oficial e o suboficial como xefe executivo xa que este último ten un perfil máis práctico, polos anos de experiencia como bombeiro de base, que o oficial que é máis técnico e máis próximo a un arquitecto. Tamén estarían sarxentos e un bombeiro por quenda. Sería un órgano para sistematizar o traballo en mantemento, compras, protocolos e formación. Trátase de aproveitar o coñecemento residente nos propios traballadores para o ben do servizo. Hai problemas de formación continuada, non hai cursos, non se pagan as dietas, non se promove a formación. Propoñen aproveitar o diñeiro que entregan ás aseguradoras e asinar convenios con grupos e academias de seguridade par a ir logrando as reivindicacións profesionais.

Unha das eivas máis grandes é o número de profesionais por quenda. Hai 11 bombeiros por quenda, pero: “cantas intervencións podes asumir con ese número?”. Unha soa, un só camión. É preciso ter mínimo 12 persoas para contar cunha equipa A e unha B. Por non ter dúas equipas pode pasar que un accidentado o unha casa quede sen atender. Ademais teñen protocolos para atender aglomeracións de xente, alertas de temporal ou calor.

Reivindicación laboral: regularización salarial dos pluses de nocturnidade e outros. Execútanse vía decreto de alcaldía. Hai algún mes que non se cobra. Non é unha queixa sobre o salario se non sobre o modelo de pago. Simplificar eliminado o plus e inseríndoo na base da nómina. Calculan o modelo é máis eficiente e máis barato. Ademais nas baixas e nas xubilacións non se recoñecen os pluses. É farragosa a nivel xustificación de declaración da renda. Hai modelos en outras administracións de cómo integrar no específico (Xunta, Coruña, Vigo….)

Tamén solicitan o cambio de grupo de C2 a C1. O motivo é que en Galicia non existe un estatuto de Bombeiros a diferenza do que acontece no resto do Estado. Dentro desa lei existente en outros lados levaron ao C1. Non é imprescindible facer a lei a nivel autonómico pódese facer por vía municipal. A proposta que eles levan non carrexa subida salarial se non que coa inclusión dos complementos non soldo base xa se subiría de categoría. O cambio de categoría pasará para homologar ao igual que pasa con outras leis como a que homologa e coordina ás diferentes policías locais. Ademais o temario de bombeiro é complexo abondo como para xustificar un C1.

Finaliza a reunión ás 12:15 horas da mañá.

Concello: 1ª Xunta de Voceiros

Concello: 1ª Xunta de Voceiros

Lugar: Alcaldía
Data e hora: 24/06/2015 ás 13:00h
Asisten, ademais das voceiras dos grupos municipais, o alcalde, secretario e intervetor do Concello de Ourense.

Para dar cumprimento ao disposto no artigo 48 do Regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense, convocábase ás voceiras dos grupos municipais para a primeira sesión da Xunta de Voceiras o mércores 24 de xuño ás 13 horas para abordar a seguinte orde do día:

1.- Constitución da Xunta de Voceiras

Queda constituída como segue:

  • Polo Partido Popular: Francisco González
  • Por Democracia Ourensana: Gonzalo Pérez Jácome
  • Polo Partido Socialista de Galicia: José Ángel Vázquez Barquero
  • Por Ourense en Común: Martiño Xosé Vázquez

2.- Estudo do réxime de desenvolvemento das vindeiras sesións plenarias

Dáse conta da inminente convocatoria do Pleno de Constitución e dos temas que formarán parte da orde do día do mesmo. Entre eles: constitución grupos, proposta alcaldía sobre composición e réxime de sesións da Comisión de Pleno, Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e Comisión Especial de Contas, composición das Xuntas de Área, retribucións, entre outras.

Destaca entre todos os apartados anteriores a proposta de alcaldía de manter a asignación herdada da corporación anterior agás para a súa retribución que compromete a reducir nun 5%.

Afróntase unha reflexión profunda sobre a eficiencia das sesións plenarias e o número de mocións que deben presentar os grupos municipais. Debate que remata sen acordos malia a proposta en firme de Partido Popular e Democracia Ourensana de limitar estas a dúas mocións por grupo. O voceiro do PSdeG-PSOE e máis Ourense en Común defenden explorar outras vías como a limitación de tempos de intervención ou de presentación de mocións.

3.- Posta en coñecemento da Proposta da Alcaldía de asignación económica aos grupos municipais.

Preséntase a proposta que establece como asignación mensual a cada un dos grupos políticos do concello a cantidade de 450€ e por cada un dos integrantes de cada un deles a cantidade mensual de 450€:

Proposta de asignación económica aos Grupos Municipais

Reunión co PSdeG-PSOE

Reunión co PSdeG-PSOE

Ourense en Común defende a necesidade de manter un diálogo fluído entre os diferentes grupos políticos e aposta pola participación na Xunta de Goberno de tódolos grupos municipais.

Data: Luns 22 de xuño de 2015
Hora: 19:45h
Lugar: Magma Espazo Centro de Coworking

Acta da xuntanza:

Asisten Martiño Xosé Vázquez, Martiño Ramos e Emilio Rodríguez por OUeC e José Ángel Vázquez Barquero e Mª Carmen Rodríguez Dacosta polo PSdeG-PSOE.

As dúas organizacións políticas comezamos falando sobre a necesidade de debater sobre o balance entre transparencia e estratexia. O debate prosegue cara a necesidade das boas formas e nesa liña o candidato á alcaldía por parte do PSdeG-PSOE José A. Vázquez Barquero expresa a súa aposta por reunirse con forzas de progreso coas que poida ter unha sintonía para desenvolver proxectos de cidade. Feito polo que fai un chamamento ás boas formas e o entendemento.

As integrantes de OUeC presentes comparten a posición da organización e a aposta por un diálogo fluído e compartido entre as diferentes opcións políticas do Concello de Ourense, feito polo que se mantivo unha reunión semellante con Democracia Ourensana. A proposta orixinal de OUeC era reunirse con ambas formacións ao mesmo tempo, pero as presentes comprenden as razóns da negativa do PSdeG-PSOE a facelo. OUeC introduce no debate a proposta presentada perante o actual rexedor municipal, Jesús Vázquez, de incorporar ás diferentes forzas da oposición na Xunta de Goberno (ver Acta da xuntanza do martes 16 de xuño). Unha posición en prol da transparencia e a participación que o alcalde denegou inmediatamente malia a comprometerse a contar co equipo técnico.

Asemade, OUeC, co asentimento do PSdeG-PSOE, defende que é necesario un aforro con respecto ao gasto pero que este debe ser proporcionado e equitativo. Xa que logo calquera redución debe ir acompañada dunha revisión salarial, comezando polo propio alcalde que a día de hoxe sería o rexedor galego mellor pagado.

As representantes do PSdeG-PSOE tamén son conscientes de que estes recortes teñen que ser para todas. A posición socialista ao respecto é que “se hai que apretar o cinto e recortar aos grupos tamén ao salario do alcade e do grupo de goberno”.

No referido á representación das diferentes organizacións nas xuntas e consellos municipais OUeC fai unha lectura positiva a nivel interno pero negativa para o resto, albiscando un certo reparto tendencioso negativo para o propio PSdeG-PSOE. Reflexión á que o voceiro José A. Vázquez Barquero responde defendendo o reparto polo que se prima ao grupo con menos efectivos dentro da institución municipal. Do contrario organizacións pequenas non poderían desenvolver o seu traballo de oposición. Para garantilo o PSdeG-PSOE aposta por unha discriminación positiva en favor de OUeC.

A xuntanza avanza e OUeC fai entrega de varios documentos constituíntes da organización para poñelo en coñecemento do PSdeG-PSOE: Código de Ética Política, Código de Boa Gobernanza e Programa Participativo. Sobre este último documento fanse varias reflexións programáticas nas que o voceiro socialista apunta a posibilidade de chegar a ter algunhas propostas conxuntas dentro do Concello de Ourense. Prosegue a liña argumental falando brevemente sobre termalismo, urbanismo e outros proxectos de cidade a futuro.

Todas as presentes concordan na necesidade de devolver un estado de normalidade e bos modais aos plenos do concello e faise un chamamento conxunto a manter abertas todas as vías de diálogo e traballar en prol de Ourense e as súas veciñas.

Levántase o encontro ás 21:15.

[metaslider id=3241]
Encontro con profesorado e alumnado do CIFP Portovello

Encontro con profesorado e alumnado do CIFP Portovello

  • Un grupo de estudantes vese afectado pola decisión da Consellería de Educación de suprimir o réxime presencial para persoas adultas neste centro.
  • O centro educativo é o único do seu nivel que ofrece na cidade de Ourense formación en servizos socioculturais e á comunidade.
  • Ourense en Común levará o problema ao pleno municipal para involucrar ao resto de grupos políticos e solicitará unha xuntanza co inspector de educación na que poidan estar presentes tamén os concelleiros de OUeC.
  • Haberá unha rolda de prensa mañá martes 23 ás 10:30h no Liceo de Ourense.

Este luns 22 de xuño de 2015 ás 19 horas, Ourense en Común mantivo unha xuntanza con profesorado e alumnado dos ciclos formativos de Atención a Personas en Situación de Dependencia e Educación Infantil do CIFP Portovello na modalidade modular.

Acta da xuntanza:

Data: Luns 22 de Xuño de 2015
Hora: 19h
Lugar: Ollo Ledo

Reunidos por parte do CIFP Portovello profesorado (David Pardo, Luis Casanova e Guadalupe Villamarín) e alumnado (Grecia Fonseca, Manoli e Marcial  Palomares), e por parte de OUeC Ledicia Piñeiro, Montse Malvar e Trinidad Domínguez.

1. Exposición da situación da familia de Servizos Socioculturais e á Comunidade: ciclos de Educación Infantil (119) e Atención a Persoas en Situación de Dependencia (32).

Suprimen o réxime de módulos para persoas adultas sen previo aviso, ofrecendo como única solución facer unha matrícula en réxime ordinario, coa limitación de prazas, ou ben facelo a distancia, o que non ten moita coherencia co propio fin dos estudos. Accederíase por notas de anteriores estudos, ademais da incompatibilidade co réxime de xente que traballa.

O problema máis importante agora mesmo é que os estudantes quedan sen poder rematar os seus estudos, ao carecer dunha oferta axeitada o ano que vén nos centros públicos da cidade. Ao mesmo tempo, aparece na web dun centro privado de educación a oferta do ciclo formativo en modalidade ordinario-concertado.

O inspector de educación ofrece como única resposta «Éche o que hai», facilitando inicialmente como posible solución ofertar só 15 prazas para o alumnado que queda colgado na mesma modalidade, cando hai 18 e ademais dita proposta non se fai por escrito; pasando finalmente a remitir a estas persoas a facer a modalidade presencial/ordinaria ou a distancia. Como problema engadido, ao estudar por módulos non se segue os cursos de forma regrada e ordenada, polo que a validación e recoñecemento das materias sería moi complexo.

Dende a Xunta alegan que estes ciclos se pechan por cuestións de matrícula e porque, din, «a formación a distancia adecúase aos estudos». Tampouco teñen en conta que o perfil do estudantado non garante o necesario coñecemento das TIC para un axeitado seguemento non presencial.

Ademais de todo isto, en proporción ao primeiro ano subiron as taxas de matrícula.

2. Solicítase que dende a Consellería de Educación se lle dea a ambos ciclos a necesaria continuidade para que todo o seu estudantado poida rematar os seus estudos na mesma modalidade de módulos, sen terse que ver na obriga de optar por outro tipo de modalidade que impida unha axeitada compatibilidade.

Tamén se solicita que en base aos derradeiros datos de matriculación, así como pola propia especificidade destes estudos, se manteñan ambos ciclos.

3. Propostas concretas executadas ou en execución por parte do alumnado:

Se remitiu un escrito a diferentes representantes públicos locais, provinciais e autonómicos sen obter ningún tipo de resposta pola súa parte.

Así mesmo, o Claustro de Profesores aprobou un documento no que se recollen unha serie de puntos básicos que se enviarán á xefa territorial, inspector de educación, etc.

Tamén se aposta por buscar o apoio da comunidade, tanto da cidadanía como dos negocios da zona que están involucrados no diario do alumnado.

Haberá unha Rolda de Prensa mañá martes 23 ás 10,30h no Liceo de Ourense.

4. Dende Ourense en Común proponse

  • Levalo ao pleno do Concello e interpelar directamente ao actual Alcalde e anterior Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, en base á información da que dispomos, tentando implicar tamén neste problema ao resto de partidos da oposición.
  • Solicitar outra xuntanza co inspector de educación na que poidan estar presentes tamén os Concelleiros de OUeC.
  • Propor pleno extraordinario con apoio das demais forzas e levar o tema ao pleno.
Reunión con Democracia Ourensana (DO)

Reunión con Democracia Ourensana (DO)

Domingo 21 de xuño de 2015 ás 19 horas, mantivemos una reunión entre Ourense en Común e Democracia Ourensana.


Acta da xuntanza:

OUeC toma a palabra para explicar o por qué da reunión de hoxe. Dáse conta da reunión mantida co alcalde de Ourense na que se lle transmitiu a postura de Ourense en común: a política debe ser unha actividade á que poida acceder todo o mundo non só as persoas que teñan unha determinada posición económica e poidan adicar o seu tempo libre. Hai que dignificar o labor político cunha retribución xusta que a faga sustentable. Apertura da xunta de goberno aos grupos da oposición. Dar conta aquí tamén da postura do alcalde. (acta da reunión co alcalde de Ourense)

A análise que fixemos desa xuntanza non é positiva porque entendemos que queren transmitir austeridade e racionalización do gasto máis o salario do alcalde non o quere tocar, tendo en conta de que agora mesmo sería o alcalde mellor pagado das sete grandes cidades de Galicia. Entendemos que hai outras posibilidade de reducción do gasto que están sen explorar. Como símbolo a propia medalla de concelleiras, que debería ser de obrigatoria devolución.

O obxecto destas reunións institucionais é artellar unha resposta conxunta con respecto a esta cuestión e á presencia dos grupos da oposición nas comisións.

OUeC aceptará unha reducción de gasto equitativa en función do grao de representación de cada grupo municipal. Citamos o punto 3.4 do noso código ético.

DO valoran negativamente o aforro plantexado polo alcalde a costa dos grupos da oposición sen asumir un recorte do seu salario. Consideran que non é consecuente a súa postura. Consideran que perxudica o exercicio da oposición xa que cada partido ten uns gastos de xestión e funcionamento.

DO valoraría unha rebaixa das asignacións acorde á rebaixa salarial do alcalde. Fan unha valoración moi negativa das pretensións do alcalde de xenerar unha imaxe de aforro cando non supón un aforro real xa que vai despilfarrar noutras partidas.

A proposta formal sería que a reducción da asignación aos grupos sexa a mesma que se aplique el como alcalde.

OUeC tamén propón que a baixada se equipare á que se propoña de reducción ao grupo do goberno.

OUeC valora negativamente que a persoa que está ao cargo do documento máis importante que ten que elaborar o concello de Ourense, tal e o PXOM, non teña adicación exclusiva co volume de traballo ao que ten que facer fronte no futuro.

Temos un debate sobre a necesidade da transparencia como metodoloxía de traballo no que as dúas forzas políticas expoñemos as nosas posturas.

Retomando o tema da asignación aos grupos DO valora como antidemocrático a reducción da asignación aos grupos da oposición, o que suman á reforma do sistema de asignación producido hai xa 4 anos no que se variou a asignación fixa por partidos por un sistema variable que penaliza aos partidos pequenos. Sumándolle que os partidos que só teñen representación no ámbito municipal, tales son DO e OUeC non teñen outras fontes de ingresos ao contrario que outras forzas con representación no concello.

Retomando a cuestión da representación nas comisións OUeC reitera a súa consideración de que as forzas políticas da oposición están infrarepresentadas. Asimesmo repítese a importancia da presenza de grupos da oposición en xunta de goberno.

DO valora positivamente a opción da presenza en Xunta de Goberno dos grupos da oposición, suporía un goberno municipal máis aberto e participativo.

OUeC valora que na actualidade estase implementando a medida noutros concellos e considera un avance democratizador para o concello de Ourense.

Valórase positivamente que os 3 grupos da oposición deberían defender unha postura conxunta con respecto a esta cuestión

OUeC votaría non á actual proposta transmitida polo alcalde de Ourense a non ser que rectificase na dirección que se sinala na proposta:

“- Non aceptar a redución na asignación a todos os grupos municipais e apostar por unha redución nos salarios. Posición definida en base a criterios de equidade entre as diferentes organizacións políticas con representación institucional.

Tal e como queda recollido no Código Ético de OUeC a postura desta organización a este respecto é limitar o salario máximo a dúas veces e media o salario bruto medio da provincia de Ourense, que segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente pola A.E.A.T., tendo en conta os últimos datos publicados, correspondentes ao ano 2013, este límite sería de 41.330 euros brutos anuais. Moi lonxe dos 67.822,58 € brutos anuais acordado pola anterior corporación para a figura do Alcalde – Presidente e que pretende manter o actual rexedor D. Jesús Vázquez.

Esta medida de aforro permitiría asemade reducir case 5000 € por concelleira con dedicación exclusiva e delegación competencial.

No referido ao resto de salarios de inferior cantidade deberanse establecer de forma porcentual aos anteriores segundo o nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común.

Dende OUeC consideramos que son moitas as áreas nas que se poden aplicar reducións do gasto e medidas de aforro mantendo o nivel de esixencia democrática e dignificación da función pública. E para mostra queremos deixar constancia do primeiro malgasto contemplado sen aínda estar constituída a corporación, obsequiando a cada concelleira cunhas medallas persoais valoradas no seu total por encima dos 8000 € e que as tres concelleiras electas de OUeC, facendo caso dos niveis de esixencia do Código Ético no seu punto 3.1, renunciarán a tal privilexio unha vez cumprido o seu mandato e compartirán as súas medallas coas futuras concelleiras da corporación no período 2019-2023 convidando ao resto de grupos a practicar o mesmo exercicio de austeridade.

– Renunciar á dedicación exclusiva ofertada e partir esta en dúas parcialidades que manteñan o teito de gasto e con salarios definidos nos puntos inferiores. Posición defendida en base ao punto 3.10 do Código Ético de Ourense en Común en prol dunha conciliación entre a vida familiar e política e como compensación das reducións de xornadas que deberán asumir os cargos electos nos seus postos de traballo actuais.

Asemade como aparece recollido no preámbulo de dito documento, asumindo que é necesario dedicar tempo á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, rematar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política e que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía; facemos un chamamento a non tentar enganar a opinión pública sobre redución ou renuncia de membros do equipo de goberno ás dedicacións exclusivas cando a súa asignación provén doutras institucións públicas, nomeadamente a Deputación Provincial de Ourense. Xa que logo ditas persoas recibirán remuneracións extra por asistir a comisións, consellos e xuntas mantendo os seus salarios e reducindo o tempo para o que foron contratados na institución provincial.

– Asumir a oferta de contratación de 1 persoa de perfil técnico ou administrativo para o grupo municipal. En base ao punto 1.4 do Código Ético de Ourense en Común faranse públicos os criterios de contratación para a libre concorrencia ao mesmo así como a necesidade de contratación. Facendo un chamamento ao resto de organizacións políticas a practicar o mesmo exercicio de transparencia.

– Asumir a localización do grupo municipal nas dependencias municipais e no pleno apelando novamente ao espírito de equidade na praxe política e eficiencia na acción sen xerar novos gastos.

– Non aceptar o reparto na representación de todos os grupos municipais nas diferentes comisións, consellos e xuntas de área solicitando:

– Un reparto porcentual máis xusto e equitativo na representación para o resto de organizacións políticas, nomeadamente PSDG e DO.

– A materialización do compromiso coa transparencia e a participación asumido en campaña electoral por parte do PPDG permitindo a representación do resto de grupos municipais con representación institucional dentro da Xunta de Goberno.” (Acta da Asemblea en Común celebrada o pasado xoves 18/06/2015 ás 20h no Edificio de Ferro do Campus de Ourense)

DO reitera o seu descordo coa mesma e sinala a falta de coherencia do alcalde de Ourense ao non ser capaz de dar exemplo asumindo a reducción do seu propio salario.

OUeC traslada que na xornada de mañá manterase unha nova xuntanza co PSOE para poñer en común esta mesma cuestión.

Encontro con Alberto Garzón

Encontro con Alberto Garzón

Hoxe domingo 21 de xuño de 2015 ás 11 horas, mantivemos unha xuntanza con Alberto Garzón, candidato á presidencia do Goberno por Izquierda Unida. Asistiron Carlos Miguélez (EU), Mavi Calviño (Demos+), Ángeles Faraldo (EspazoEcosocialista), Ledicia Piñeiro, Martiño Ramos e David Bruzos (OUeC)

Martiño da a benvida a Alberto. E fai a presentación de cada unha das persoas presentes na reunión. Comeza a reunión informando de que, como é habitual e para cumprir coa promesa de transparencia, levantaremos acta da reunión.

Alberto di que ven a escoitar á xente que formou parte das Mareas e ver a visión que temos sobre a posibilidade de montar unha candidatura unitaria de unidade popular tanto para as eleccións xerais como para as nacionais galegas. Ver e coñecer tamén os retos e as dificultades que tivemos e vivemos no proceso.

Alberto informa de que tiveron heteroxeneidade á hora de montar candidaturas de unidade popular. Di que fóra de Galiza houbo de todo, pero que en concreto en Galiza houbo moita sintonía xa no pasado e no presente foi fantástico como funcionaron estas candidaturas.

A lectura que fan é que nas autonómicas (que non houbo candidaturas de unidade popular) prácticamente non houbo cambios. Nas municipais onde sí que houbo esas candidaturas, houbo cambios moi importantes.

Di que en IU sempre fixo esa defensa, pero que no pasado era un pouco en abstracto e na teoría, e que na actualidade xa é na práctica porque ademáis están funcionando.

Di que hai que ir asumindo que teñen un dossier sobre cada quen de nós para sacar información de cada quen de nós. E que hai que ter claro que o enemigo é común, e que hai que estar unidas contra él.

Di que non entende a súa estratexia, porque se está impugnando ás súas propias declaracións respecto ás eleccións europeas. Pero considera que hai que seguir traballando por esa confluencia, porque a mera hipótese ilusionante de ter unha candidatura unitaria paga a pena porque os resultados poden ser bos. Di que IU vaise deixar a pel e cre que ten que ser unha candidatura con protagonismo cidadán, pero coas organizacións políticas apoiando. Cre que con vontade política, aínda que só quedan 5 meses, pódese conseguir.

Él di que está claro que hai un clima de “unidade popular” e como ese clima existe e está ahí, falta resolver cuestións concretas pero que con vontade política se podería superar e conseguir derrotar ao bipartidismo.

Tamén cre que as candidaturas locais de unidade popular que gañaron, tamén precisan ter un goberno estatal e nacional afín porque senón poden ser afogadas pola administración.

Toma a palabra Anxeles por Espazo Ecosocialista: di que na súa organización sempre tiveron claro que son fundamentais as candidaturas unitarias, e cren que hai que seguir avanzando en procesos non competitivos. O acerto, para elas, é que a sociedad civil pode participar abertamente en procesos de goberno sen precisar de organizacións políticas.

Toma a palabra por Demos+, Mavi Calviño, e explica que a súa primeira experiencia foi entrar en primaveira europea. Naquel momento non se deron as circunstancias para ter unha confluencia máis ampla, pero cre que agora sí que é, e que hai que aproveitar o momento porque se non sae agora non sabe cando poderá volver a saír. Di que as municipais demostraron que sí, que pode funcionar. Cre que a xente quere ver unidade real, sen competitividade e con xenerosidade. Con intención e interese sí que se pode conseguir.

Toma a palabra Carlos por EU, e di que concorda con todo o dito. Di que a única preocupación é como se xestiona algo a tan grande nivel. E cre que as mareas a nivel municipal son diferentes a unha estatal. Pero sí, concorda con que hai que facelo.

Ledicia fala por parte de Ourense en Común e informa de que efectivamente este debate non se deu, e aínda non houbo tempo a debater sobre o tema. Pero ela considera que o fundamental aprendido en Ourense en Común é que hai que ter moi claro os métodos de traballo e a honestidade e sinceridade. Cre que para que funcione hai que traballar no método para sacalo do ámbito municipal e sacalo ao supramunicipal.

Martiño fala por parte de Ourense en Común e di que xusto esta semana fai xusto un ano da primeira mensaxe de onde naceu Ourense en Común. E parécelle fantástico que agora tamén estemos falando desto. E cre que sí que é fundamental poñer por diante o ben común á situación persoal/concreta. E di que tamén preocupa como escalar o proceso dende o municipal ao estatal. E cre que é un reto moi importante.

Insiste, como dixo Ledicia, que aínda non se deu o debate en Ourense en Común, pero se dará.

Ledicia pregunta específicamente como analiza IU a súa proposta na realidade galega. Alberto di que o seu obxectivo é político, e que logo os métodos hai que falalos. E que IU vai a poñer todos os seus esforzos en que vaia adiante, e que sexa o pobo galego como implementa e con qué método. Intúe de que a resposta de como saltar do municipalismo ao supramunicipal ten que pasar porque as organizacións políticas teñen que server de axuda, pero tendo claro que os protagonismos teñen que ser cidadáns. Pero insiste en que a vontade política é fundamental, e tamén o é ter claro que o protagonismo sexa cidadá. Di que sería unha boa opción que en cada circunscripción vaian persoas referentes sociais e culturais de cada provincia. Cre que agora é a época de creación de clima, para que a xente se conciencie de que ou facemos o esforzo, ou seguirá gobernando o PP coa mesma política destructiva que ten agora mesmo.

Alberto Garzón di que as bases de Podemos opinan contrariamente ao que propón Pablo Iglesias, así que cre que os procesos van a desbordar á propia organización. E cre que aínda que o discurso actual sexa un en concreto, o clima é fundamental para avanzar nesta liña.

David de Ourense en Común comenta que cre que pode supoñer certa desilusión crer que se pode simplemente escalar o proceso municipalista ao estatal, aínda que concorda con que o momento é ideal e hai traballar a proposta. Insiste, como xa informaron varias compañeiras, en que aínda non se deu o debate en asemblea.

Angeles por Espazo Ecosocialista, quere insistir en que sí que hai vontade política, e cre que hai que traballar nel. E hai que aproveitar.

Ledicia repite unha frase repetida nos últimos tempos: “ou conflúes ou date por confluída/o”.

Alberto agradece a reunión e anima co curre que queda por diante. O resto tamén da as gracias a Alberto por estar en Ourense con nós.

Encontro:

Rolda de prensa:

Reunión coa Asociación Cultural ESCUA

Reunión coa Asociación Cultural ESCUA

Acta do 17 de xuño de 2015; no Grândola, Ourense.
Presentes por OUeC: Emilio Rodríguez e Martiño Ramos.
Presentes por ESCUA: Carlos Rafael e Pablo Pérez.

Para comezar a reunión, Martiño explica que, aínda que OUeC non teña capacidade para implementar o seu programa no Concello, este será a folla de ruta para os vindeiros catro anos.

Incidimos en que levamos traballando un ano na redacción dun Programa Participativo, que é unha proposta de gobernanza municipal aberta e participada con toda a cidadanía de Ourense, así como un documento en construción e mellora constante que se rexe por un principio de código aberto no que calquera forza gobernante se pode apropiar das ideas presentes nel.

Sinálase, ademais, a coincidencia de cumprirse hoxe exactamente o 1º aniversario de OUeC.

OUeC continúa definindo os principios de xestión municipal en materia de cultura, dando a coñecer o papel que un goberno municipal encabezado por OUeC defendería: situarse como o motor do desenvolvemento cultural do Concello, apoiándose no papel protagonista das diferentes axentes culturais da cidade.

De seguido demos lectura á sección relacionada con Cultura dentro da área Ben Común do Programa Participativo de OUeC.

Analizando a axenda unificada concordamos en que a contraprogramación é algo evitable e que acontece a cotío. Estamos tamén de acordo coa necesidade de ter unha persoa responsable da programación cultural do Concello, con capacidade para que este e outros casos non se repitan.

Valoramos o irregular funcionamento do Consello Municipal da Cultura (CMC) e Carlos reclama a capacidade de decisión deste. Reclama tamén que a páxina do Concello informe de calquera actividade que se realice en Ourense, non só das programadas pola entidade municipal. Ademais explica que sería mellor que a coordinación da programación cultural fose levada por un equipo de programación e non por unha única persoa.

Explicamos que a autoxestión no CMC e a súa capacidade de decisión é unha iniciativa política que aspiramos poñer en marcha no concello, facéndoo extensíbel a todas as áreas.

Tamén tivemos ocasión de falar do micromecenado e acompañamento a iniciativas culturais. Carlos, de ESCUA, expresa as súas dúbidas sobre o financiamento a iniciativas privadas; concretamos a idea explicando que toda inversión económica a iniciativas privadas tería que estar acompañada dun retorno, ben económico ou ben social.

Comentando a necesidade da implicación veciñal na organización das festas maiores de Ourense, Pablo dubida da necesidade desta festa e comenta a posibilidade de facer unha consulta para desprazalas cara outra data máis tradicional, coma o entroido ou os magostos. Concordamos na necesidade de poñer o debate enriba da mesa.

Pablo explica que durante anos se gastou moito diñeiro no OUFF (Festival de Cine Internacional de Ourense) e que non tivo retorno ningún de cara á cidade. Expón tamén o agravio comparativo co Cineclube Padre Feijoo, que non ten apenas soporte do Concello. Comenta tamén sobre outras actividades semellantes coma o Festival Derrame. Explicamos que a proposta é recuperar as actividades durante todo o ano do OUFF e a implicación dos colectivos do audiovisual de Ourense na súa organización.

Rematada a lectura, Carlos e Pablo dan a coñecer o proxecto de ESCUA  e máis a alegación presentada ao PXOM. Comentan que hai anos que este proxecto de autoxestión dun edificio por parte das asociacións e colectivos sociais e culturais da cidade está enriba da mesa das diferentes concellerías sen recibir unha resposta até o momento.

Ourense en Común reúnese co alcalde do Concello de Ourense

  • Hoxe martes 16 de xuño de 2015 ás 12:00 horas mantívose unha xuntanza co alcalde do Concello de Ourense despois da súa investidura no pleno do pasado sábado 13 de xuño de 2015.
  • Na reunión tratáronse temas vinculados á conformación da nova corporación municipal.

 

Asisten, por parte do novo equipo de goberno: Jesús Vázquez en calidade de alcalde e Jorge Pumar en calidade de responsable de Servizos Xerais do Concello de Ourense. Por Ourense en Común: Miguel Doval, Ledicia Piñeiro e Martiño Xosé Vázquez.


Acta da xuntanza:

Unha vez atendidos os medios comunicación presentes na sala o encontro comeza nun clima de cordialidade no que se comparten experiencias sobre o acelerado dos acontecementos no último mes e medio.

Comeza a intervención Miguel Doval informando de que en compromiso coa defensa da transparencia procederemos a levantar acta do encontro. Jesús Vázquez e Jorge Pumar aceptan e recoñecen o adecuado deste proceder.

Jesús Vázquez introduce o motivo do actual encontro, sendo este a conformación da nova corporación. Xa que logo, e antes de proceder a presentar a proposta do equipo de goberno, quere coñecer as demandas a este respecto de todos os grupos municipais, neste caso concreto as de Ourense en Común.

Ledicia Piñeiro informa da postura consensuada na asemblea de Ourense en Común do mércores 10 de xuño a tal respecto. Do mesmo xeito que se recolle no Código Ético, defendeuse que as persoas electas como concelleiras poderían recibir remuneración pola súa actividade, fixándose un tope salarial en base a un argumentario de necesidades e adaptado a criterios de eficiencia e fiscalización. Estas remuneracións están xustificadas no feito de que a vontade das concelleiras electas de Ourense en Común é levar adiante todas as encomendas posibles do programa participativo e para realizar esta labor é obrigado solicitar reducións de xornadas nos respectivos postos de traballo.

Miguel Doval introduce no debate que non se pretende xerar novos gastos e que, por exemplo, aceptaremos calquera das dependencias municipais sexa do tamaño que sexa, tendo maior ou menor visibilidade. Este será un espazo puramente de traballo.

Jesús Vázquez informa que está previsto que estas dependencias serían repartidas en función da representación institucional acadada despois das eleccións municipais do 24 de maio. Así que estas quedarían do seguinte modo:

Representación 2011 2015
Grupo máis votado na oposición Partido Popular Democracia Ourensana
2º grupo na oposición Bloque Nacionalista Galego Partido Socialista de Galicia
3º grupo na oposición Democracia Ourensana Ourense en Común

 

Jorge Pumar informa de que cada organización ten dereito, ao marxe da asignación por grupo, a un equipo informático e material de oficina. Jesús Vázquez fai un chamamento ao uso moderado do mesmo no que concordan todas as persoas presentes no encontro.

Jesús Vázquez informa asemade que variará a posición dos grupos no pleno respecto á sesión de investidura procurando unha disposición que satisfaga a todas as organizacións políticas.

Continua Jesús Vázquez informando que a súa aposta pasa por reducir o gasto na medida do posible e un punto chave son as dedicacións exclusivas, termo no que concorda Ledicia Piñeiro pero sinalando que participar en política debe estar ao alcance de todas as persoas e non só daquelas que teñan medios económicos para facelo. É por isto polo que Ourense en Común aposta polas dedicacións parciais moderadas no gasto e que permitan o desenvolvemento paralelo dunha actividade profesional.

Miguel Doval recorda que sen ser o seu caso por estar xubilado as súas compañeiras terán que asumir reducións de xornada e estas deben ser compensadas. Asemade sexa cal fora a opción tomada esta debe ser porcentual e equilibrada co resto de organizacións políticas, razón pola que propón que a cada grupo lle corresponde cando menos a metade dos concelleiros que ten.

Jesús Vázquez disinte de tal oferta porque na súa proposta está non aumentar o gasto e alí onde fóra posible reducilo, tanto no equipo de goberno como no da oposición. Propón deste modo manter a situación actual doutros grupos coa mesma representación cunha persoa con dedicación exclusiva e outra de libre designación para labores de administración ou puramente técnicos. Lembra ademais que a asistencia a comisións, xuntas ou plenos ten a súa compensación económica.

Ledicia Piñeiro fai unha reflexión sobre non caer en comparativas de dedicacións vs. compensacións por asistencia porque no fondo ambas gravan o erario público.

Jorge Pumar recorda que as persoas con dedicacións totais ou parciais non teñen ese tipo de retribucións.

Jesús Vázquez e Miguel Doval rematan concluíndo que é necesario afondar nos debates en profundidade sen caer na demagoxia, especialmente en temas tan sensibles na actualidade como a xestión de fondos públicos.

Jesús Vázquez informa da súa proposta de racionalización de comisións e xuntas de área quedando como segue:

  2011 2015
Comisión de suxestións e reclamacións (una vez ao mes) 7persoas
(2PSDG, 2PP, 2BNG, 1DO)
7persoas
(3PP, 2DO,1PSDG,1OUeC)
Consello municipal de deportes (cada semana) 5persoas
(2PSDG, 1PP, 1BNG, 1DO)
5persoas
(2PP, 1DO,1PSDG,1OUeC)
Comisión de contas
(unha vez ao ano)
7persoas
(2PSDG, 2PP, 2BNG, 1DO)
7persoas
(3PP, 2DO,1PSDG,1OUeC)
Xuntas de área
(cada semana)
A1.Urbanismo e vivenda

A2.Infraestruturas e medio ambiente

A3.Facenda, persoal e servizos

A4.Cultura, educación, turismo e termalismo

A5.Benestar social

A6.Promoción económica, emprego e comercio

6persoas
(2PSDG, 2PP, 1BNG, 1DO)
7persoas
(2PP, 2DO,2PSDG,1OUeC)
Comisión de pleno
(unha vez ao mes)
9persoas
(3PSDG, 3PP, 2BNG, 1DO)
7persoas
(3PP, 2DO,1PSDG,1OUeC)

 

Jorge Pumar recorda a necesidade de que o novo grupo municipal cumprimente varios trámites necesarios: voceira, constitución, certificado en Facenda, CIF…

Jesús Vázquez informa da súa proposta de reducir a asignación por grupo non tendo unha cantidade fixada pero si por baixo dos 450€ por grupo e concelleira asignado na actualidade. Proposta de dotación aproximada 375€.

Martiño Xosé Vázquez reflexiona sobre a inexperiencia das concelleiras de Ourense en Común neste tipo de negociacións e apela á moderación no gasto pero tamén á necesaria equidade no reparto. Non deben existir grupos de primeira e de segunda, todas as voces deben estar representadas. Asemade prosegue presentando a necesidade de superar barreiras entre grupos e fai a proposta de que estes podan participar dalgún modo nas Xuntas de Goberno.

Proposta referendada por Ledicia Piñeiro quen afirma que sería unha medida innovadora e garantiría un clima de conciliación e a necesaria participación en tódolos ámbitos da vida municipal.

Jesús Vázquez descarta tal proposta malia a garantir que estes encontros non serán pechados só a integrantes do equipo de goberno senón que queren contar coa presenza das traballadoras municipais para garantir unha boa gobernabilidade.

Martiño Xosé Vázquez pregunta sobre a folla de ruta marcada pola nova corporación e os fitos do cronograma, tendo en conta o contexto estival no que nos encontramos e a cantidade de medidas urxentes que requiren atención.

Jesús Vázquez confirma a necesidade de superar todos estes trámites iniciais para poder activar canto antes todos os temas pendentes e informa dos eventos inmediatos como serán o Pleno de Constitución para inicios da próxima semana e a inminente convocatoria da Xunta de Portavoces.

Facendo un chamamento colectivo a manter abertas todas as vías de diálogo e traballar en prol de Ourense e as súas veciñas levántase o encontro ás 13h.