Comunicado post-Primarias Abertas

Comunicado post-Primarias Abertas

Hoxe a compañeira Mavi e o compañeiro Martiño convocaron aos medios de comunicación para informar sobre os motivos da anulación das Primarias Abertas e os próximos pasos a seguir.

Ler o texto completo do comunicado
Trabucámonos si, nós tamén nos trabucamos. É necesario asumir que cometemos erros se queremos saír adiante. A auto-compracencia pódenos levar directamente ao fracaso. Dicía Blaise Pascal que «é sen dúbida un mal, estar cheo de defectos; pero é aínda un mal maior estar cheo deles e non querer recoñecelo, porque sería engadir aínda máis unha ilusión voluntaria».

Trabucámonos ao permitir que no Comité Electoral das Primarias Cidadás Abertas houbese persoas que non garantiran a neutralidade necesaria na arbitraxe do proceso. Os feitos déronlle a razón á proposta inicial discutida na asemblea monográfica na que se aprobou o Regulamento que creaba os marcos deste proceso electoral.

Trabucámonos ao rebaixar as garantías en aras da participación neste mesmo regulamento. O proceso de confluencia foi un éxito só parcial. Ourense en Común conseguiu ser a casa de todas en defensa duns principios, pero parte das persoas que confluíron no proceso non os interiorizaron nin os fixeron seus.

Trabucámonos ao pensar que o mellor xeito de configurar unha candidatura na provincia de Ourense son unhas Primarias Abertas. Non porque o sistema non sexa o máis próximo á Democracia Participativa que defendemos, senón porque estamos propoñendo un sistema de Democracia Radical do século XXI nunha provincia na que sobreviven prácticas caciquís da Restauración Borbónica. Algo evidente no recoñecemento público de alcaldes do Partido Popular que asistiron a votar aínda sen ter relación directa con Ourense e máis grave aínda sen compartir os principios éticos e o proxecto político de Ourense en Común.

Trabucámonos ao compartir viaxe con algunhas persoas que pensan que a democracia é a arte de bordear os regulamentos. Democracia é a expresión libre e voluntaria da cidadanía. Usar o aparato dun partido político para traer xente da provincia a votar, todos coa mesma papeleta non é democracia. É legal pero non é lexítimo.

Trabucámonos por todo o anterior si, pero tamén trabúcanse as persoas que pensan que todo está permitido para chegar ao Concello. Esas persoas que pensaban que endexamais seríamos quen de anular unhas primarias expoñéndonos ás críticas de todos os medios de comunicación e ensuciar un proxecto político ilusionante a menos de dous meses dunhas eleccións.

Trabúcanse porque non saben que clase de persoas conforman Ourense en Común. Xentes dispostas a desbotar case un ano de incansable traballo en prol da coherencia cos principios e valores que asentan esta ferramenta de transformación social. Porque estamos acostumados a perder no día a día, na rúa e porque para nós gañar Ourense é moito máis que ter representación institucional.

O documento tal e como foi enviado aos medios: http://issuu.com/ourenseencomun/docs/comunicado_ouec/1

Vídeo coa rolda de prensa:

 

Sodes parte da historia

Sodes parte da historia

fb15861586 persoas participaron esta fin de semana nas Primarias Cidadás Abertas de Ourense en Común A elevada participación, con 1586 votos emitidos, ao longo das dúas xornadas electorais amosa o desexo da cidadanía ourensá de cambiar a política do concello. O resultado e a lista provisional de candidatas de Ourense en Común farase pública este luns 16. Ofrecerase un adianto dos resultados a cabeza de lista ás 23:59h. Ao remate do escrutinio, de madrugada, enviarase nova información cos resultados escrutados ao 100%.

Ourense en Común fai historia batindo o record de participación nunhas primarias para elixir unha candidatura ao goberno do Concello de Ourense. Unha lista que por primeira vez é escollida pola cidadanía. Con 677 votos na primeira xornada e 909 na segunda suman un total de 1584 votos recollidos nas dúas mesas electorais situadas no Ateneo e mais no Hotel Francisco II. Esta alta participación, que rachou con todas as espectativas, amosa o interese da poboación de participar activamente na vida política municipal co afán de mudar a actual situación de desgoberno. En cumprimento do Regulamento para unhas Primarias Cidadás Abertas darase a coñecer un avance do escrutinio do cabeza de lista ás 23:59h de hoxe domingo. Ao remate completo do escrutinio emitirase unha nova nota de prensa informando dos resultados totais. Agárdase que se produza de madrugada debido ao laborioso do proceso. Na mañá do luns 16 farase pública a lista provisional coa que o proceso de confluencia Ourense en Común concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de maio de 2015. Ourense en Común quere agradecer a confianza depositada no proceso a tódalas persoas que se achegaron durante estas dúas xornadas para participar masivamente nas primeiras Primarias Cidadás Abertas que se celebran en Ourense e que agardamos non sexan as derradeiras. A valoración que facemos dende Ourense en Común non pode ser máis que positiva, esta concorrencia masiva reforza o desexo de seguir traballando de cara a construír unha cidade das persoas e para as persoas, un goberno que mande obedecendo ao pobo.

 

Gañar Ourense

Ese é o reto que nos plantexamos o grupo de persoas que conformamos o proceso de Ourense en común. Gañar Ourense para os seus veciños e veciñas. Gañar para abrir as portas do concello á transparencia, á ética a un compromiso coas necesidades da xente.  E facelo participativamente, contando coa cidadanía. Por iso unhas Primarias Cidadás Abertas, por iso un Programa Participativo. Porque só sumando podemos construír o goberno de todas, a cidade das persoas.  Este mércores día 4 comeza a campaña das primarias. Non é unha competición, é un xeito máis de compartir coa cidadanía as nosas propostas. Nun proceso coma o de OUeC o que importan son as ideas, os principios. Cada unha das persoas que concorre ás primarias está capacitada para defendelas máis coidamos que debe ser a cidadanía, e non unha cúpula dun partido quen ordee a listaxe. É outro xeito de facer as cousas, amosando coa práctica que cremos na intelixencia colectiva, no poder da xente. Isto é participación, isto é transparencia. Isto é comezar a mudar as cousas. Sabemos que se poden facer doutro xeito máis estamos convencidas de que estas son as ferramentas do futuro. Imaxinamos, e sabemos que se pode conquerir, unha cidade na que cada barrio, cada rúa, cada veciña se implique no seu desenvolvemento, progreso e mellora.