OURENSE BEN COMÚN

OURENSE BEN COMÚN

“Cando a tiranía é lei, a revolución é orde”. Parafraseando a Calle 13 (que a súa vez colleu o lema de Pedro Albizu Campos, combatente pola liberación de Porto Rico), Martiño Xosé Vázquez rematou a súa intervención no acto #OurenseBenComún. Engadindo que se a tendencia non muda, terá que unirse (cos seus títulos universitarios) á maioría dos seus amigos, que se viron obrigados a buscar a vida no exterior por falta de oportunidades na terra.

foto1A presentación de Ourense en Común tras acadar o primeiro obxectivo fixado, as 1.500 sinaturas como aval ao proxecto, foi unha grande asemblea no Campus na que as ourensás e os ourensáns (da cidade e das aldeas) puideron escoitar qué é OeC, cales son os seus principais cometidos e cara onde se dirixe esta marea cidadá sen mar, co Miño de columna vertebral. Puideron escoitar e tamén participar e expoñer as súas inquedanzas e as súas pegas.
foto2E é que cando a desesperanza se converte en enfado, entón si, hai que facer algo! Non hai mellor esterco ca xenreira, a rabia para a toxicidade, para un vivir sombrío. E sempre se pode facer algo para cambialo, ata os desesperanzados poden intentalo.
Cando lees os xornais sabendo que non hai defensa dos desfavorecidos, se unha mañá máis escoitas a radio agardando o próximo imputado, cando acendes a tele e volves apagala, compañeira, compañeiro, tes que facer algo. E por fin, tras anos e anos no papel de vasalos, hai onde amarrarse. foto3O 15M foi o xérmolo da implicación política dos de a pé. Berrarlle á pantalla tonta, despotricar nas redes sociais non fixo efecto e houbo que saír ás rúas, ás prazas para unirse cos que levan quilómetros de activismo nos pés e seguen portando faixas. Agora chegou o momento de gañar, de tomar as institucións para a cidadanía.
foto4Transparencia, participación e horizontalidade, os tres piares organizativos fundamentais de OeC, quedaron reflictidos nas breves e concretas explicacións dos voceiros de cadanseu grupo de traballo. A palestra encheuse de verbas para o cambio e desa enerxía que recenden os que cren no que falan, os que cren no que fan. As mans de fronte, respondían.
foto5
Só se pode gobernar para todas e todos, se antes de crear as ferramentas precisas para a participación directa, se pensa no ben común. Ata agora só se lles permitiu chegar aos gobernos a individuas e individuos que unicamente pensaban no resto (máis ben en empresas ca en persoas) se tiñan riqueza que ofrecerlle, se lle posibilitaban perpetuarse no poder con artimañas non só ilegais senón ademais carentes de ética algunha.
Un Ourense habitábel para todas e todos é unha cidade solidaria, unha cidade sustentábel (a ecoloxista María Durán explicando os medios no salón de actos amosouna realizábel).

foto6E isto está por construír, entre todas e todos. A confluencia de forzas, as sinerxias de ideas poden crear un programa para un municipio no que os servizos públicos (renovados, reforzados) chegen sobre todo a quen máis os precisa, no que a cultura tamén poida ser un xeito de vida, unha opción de enriquecemento intelectual e de ocio ( ninguén en Ourense como a invitada Ánxeles Cuña para explicar nesta presentación o esquecemento das administracións á cultura e á educación).
foto7Quixeron ir ao grao, directos, non hai tempo, cada día que pasa é un día cara o empeoramento. Pediron voces para engadirse a este espazo común, para modelar entre todas e todos, os medios máis axeitados para chegar aos feitos.
Unha posta en escena clara e dinámica que trasmitiu máis dixerible a mensaxe. E remataron coa guitarra e o acordeón, con ese xa popular chamamento de Pete Seeger a vencer, contra o medo e cantado en galego. Un bo final para algo que comeza, en ti tamén está chegar aos feitos.­
foto8

1.500: Chamamento

1.500: Chamamento

1.500: CHAMAMENTO

OBXECT1500

Para validar a candidatura Ourense en Común marcámonos como reto ter 1.500 sinaturas na simbólica data do 11 de novembro. Onte, unha semana antes do previsto (5/11/2014), a nosa páxina web superaba esta barreira anticipando o cronograma. Agora, unha vez avalada e confirmada esta candidatura, a facemos un chamamento a todas as organizacións políticas e sociais de Ourense para poñer en común todas as ideas e proxectos colectivos que percorren o concello, para que sexan enriquecidas polo contacto coa cidadanía e impulsalas de xeito que cheguen a ser determinantes no futuro goberno municipal.

Este proceso de validación culminará nunha grande asemblea cidadá aberta para todas as veciñas e veciños de Ourense. Un foro social que se celebrará antes de que remate o mes de novembro e que dará comezo a un proceso de encontros por barrios e sectores nos que se construirá de modo participativo un programa electoral.