Adiante

No anterior post falamos da presentación do proxecto de Ourense en Común do xoves 18 de setembro na Praza Maior de Ourense. Un día gris, chuvioso… deses días sen luz tan nosos, tan galegos. Con todo, como poden observarse nas fotos algo prendeu nesa xornada que nin choveu por nós nin tivemos frío.  Malia a proximidade da espida pedra do edificio municipal, ese día non tivemos frío. E non o tivemos porque cada desexo, cada persoa alí presente, arroupaba e alumeaba máis que calquera lareira. Cada unha das alí presentes falaba, escoitaba, apoiaba… Sen dúbida, moitas foron as reflexións e moitas as ilusións alí espertadas. Pouco a pouco iremos compartindo todas neste blogue, de momento queremos presentarvos as estatísticas do panel de diagnose participada dos nosos barrios.
impacto_barrios
Á primeira pregunta pretendía obter un mapeado base e rápido sobre que impacto estaba a ter o proxecto de participación cidadá no concello. O resultado, en parte agardado pola climatoloxía do día e a localización da propia presentación, deixa ben as claras a necesidade de expandir o proceso a todo o territorio municipal empoderando barrio a barrio neste proceso de construción dun Ourense en Común. É necesario fuxir de vellas dinámicas centro-periferia, arriba-abaixo tan habituais no pasado.

Así é que a problemas: solucións!! A partir deste luns e durante todo o mes, as veciñas e os veciños que creemos nun Ourense en Común sairemos á rúa para presentar a iniciativa, sumar apoios en todos e cada un dos barrios do noso concello e, se é posible, crear redes de barrio que serán esenciais se conseguimos as 1.500 sinaturas de validación. Se queredes consultar o mapa-axenda destas semanas premede neste link.
problemas
A segunda pregunta pretendía obter unha diagnose superficial dos principais problemas detectados polas persoas participantes no encontro. Tentando asemade aventurar posibles solucións, cuestións lanzadas nos seguintes apartados.

Os resultados deixaron ben as claras que o emprego é unha das eivas principais no noso día a día, sumado a un claro conflito demográfico como é o envellecemento da poboación e a emigración da xuventude. Un serio problema que algún día terá que ser afrontado non só a nivel municipal senón que tamén provincial. Pero sumados a estes problemas destacan outros como o deterioro nos barrios, a falta de servizos e a falta de apoio das institucións ou a nula posibilidade de participación nas mesmas. Cuestións todas elas con solucións posibles e próximas que poden mudar con vontade. Se cadra non podemos mudar o mundo pero si o noso concello. Think global, act local. Asina e participa.
solucions