Na praza

Hoxe é un dia importante para a cidade de Ourense, arranca un proceso de transformación liderado pola cidadanía, por todas as persoas que estamos aquí e polas que se vaian unindo. Isto é un proceso aberto, participativo, de crecemento local. Isto é Ourense en Común.

Aberto e participativo, porque cabemos todas as que queiramos contribuír á gañar a cidade, dende abaixo, superando o nepotismo e os gobernos “por” e “para” uns poucos. Non podemos e non debemos seguir a senda da resignación ante o desgoberno, a corrupción e a impunidade de políticos que dirixen a cidade de costas á cidadanía. Hoxe queremos deixar claro que Ourense é Común, é de todas, por iso estamos aquí. Porque queremos democratizar as institucións e decidir que cidade queremos, temos moito que aportar para mudar o xeito de facer as cousas, somos axentes transformadores, sexamos conscientes disto e actuemos.

Aquí nace Ourense en Común, para integrar vontades de cambio, superando as diferenzas, para ser capaces de acadar a confluencia dende a confianza mutua, entre as persoas, entre os colectivos, só así poderemos gañar a cidade. Non será a victoria duns sobre os outros. Será a victoria de todas, a que Ourense necesita.

Cambiar a orde das cousas e do xeito de gobernar a cidade é un reto difícil e ambicioso, pero tamén ilusionante, precisamos de artellar mecanismos e instrumentos que permitan á cidadanía facer parte das decisións relevantes e intervir na política municipal. Queremos confluír coas iniciativas e movementos activos na cidade, para que, indo máis aló da suma de siglas, sexamos quen de construír un proxecto común.

En Ourense en Común hai amor por esta cidade e vontade e entusiasmo, e confianza na cidadanía para transformar a vida municipal, dende a equidade, a xustiza social e a participación democrática. Hai a fermosa convicción de que a confluencia é imprescindible se queremos gañar. Non gañar unhas eleccións se non gañar a cidade para as veciñas e veciños. En Ourense en común aprendemos facendo, colaborando, comunicando… Hai ideas, hai debate, pero sobre todo, hai persoas.

Aquí contamos todas, pero sobre todo conta o ben común.

Moitas Grazas e Benvidas!!

Presentación

Asinaches o manifesto de Ourense en Común? Tes pensado facelo? Pensáchelo pero aínda non te decidiches porque non gostas dos medios telemáticos? Queres saber máis sobre o que propón antes de apoialo? Hai un mundo de razóns para vernos o xoves 18 ás 20 horas na Praza Maior. Un espazo para confluír e construír, un espazo para participar.

Ourense en Común xa está aquí con 300 adhesións. É o momento de desenvolver a proposta, presentala publicamente, abrila á participación e amosar toda a súa potencia cun acto masivo.

Contamos contigo!